Os previsibles argumentos de campaña
No Taboleiro do Colmeiro debúllanse as argumentacións que previsiblemente (ao fío dos textos que manexa a SXPL) serán utilizadas na campaña publicitaria sobre o Decreto de Plurilingüismo, na que a Xunta gastará un millón de euros.
Semella que todas elas incidirán na idea xeral de que o decreto fomenta o uso e a aprendizaxe do galego, tratando de que cale na cidadanía o seu carácter equilibrado e sensato, respectuoso coa lexislación, fronte ao extremismo das posicións que o critican, ás que se lle recriminará «que continúen pretendendo impoñer o galego».
Máis alá de que nos imaxinamos que a campaña, polo seu elevado orzamento, debería ter unha boa factura visual e capacidade comunicativa, ben será que vaiamos tomando boa nota devagariño das liñas argumentais para desmiuzar o que se agocha detrás de cada unha delas. Para isto, collemos o fío da anotación de Colmeiro (a quen reiteramos o noso agradecemento polo seu texto):
- Insistirase en que «cando o idioma maioritario da aula sexa o galego, en educación infantil as clases impartiranse nesta lingua», porén agocharase que, no caso contrario, será o castelán, como tampouco se informará sobre o procedemento ideado para realizar a pregunta ás familias sobre a lingua que falan os picariños.
- Salientarase que «en todas as etapas, coa excepción de infantil, o galego deberá ter unha presenza horaria semellante á do castelán», porén agócharase que coa posta en vigor do decreto o galego reduce significativamente a súa presenza no horario escolar de todas elas e, pola contra, o castelán aumenta en todas elas.
- Subliñarase que «en Primaria e Secundaria se impartirán en galego áreas que esixen un importante desenvolvemento das competencias de comunicación oral e escrita», porén, agocharase que as matemáticas, a tecnoloxía e a física e química non poderán ser impartidas en galego, a pesar de seren área claves para a desenvolvemento, entre outras, das competencias matemática, dixital e de aprender a aprender.
- Insistirase en que «o decreto establece que deberá procurarse que o alumnado utilice o galego nas materias que se impartan nesta lingua e que os libros de texto e restantes materiais tamén deberán estar en galego», porén agocharase que o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia, abrindo unha perigosa fenda á autoridade do profesorado na aula e introducindo un importante prexuízo sobre a utilidade do galego no eido académico.
- Lembrarase que «todos os centros deberán desenvolver un programa de fomento do galego elaborado polo equipo de dinamización da lingua galega», porén agocharase o cambio de denomización dos Equipos de Normalización Lingüística e a redución orzamentaria realizada das partidas destinadas para a realización destas actividades nos centros.
Entendo que, ademais de ferramentas tan útiles como as proporcionadas pola Coordinadora Galega dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, é moi importante continuar realizando ese traballo de análise argumental. A defensa do fomento do galego e dos nosos dereitos lingüisticos é un combate cívico que sabemos se libra só coa forza poderosa e paciente das palabras.



O
Agustín Fernández Paz agasalloume hoxe con este caligrama preparado en letraset para un dos primeiros libros de texto do colectivo Avantar. Coa perspectiva de case trinta anos, este recurso didáctico é unha auténtica marabilla.
No 
Grazas, moitas grazas, a todos 

