«Falemos galego» e «Galego na escola»

Camilo Nogueira, cando era presidente da Asociación Cultural de Vigo, mandou imprimir dúas mil pegatinas de cor azul que rezaban «Falemos galego». Impresas na Serigrafía Galega de Álvaro Álvarez Blázquez, aqueles autocolantes foron un vehículo privilexiado para promover o uso do galego entre a mocidade urbana a comezos dos anos setenta. A boa acollida da iniciativa levou a Camilo a custear do seu peto outras tantas pegatinas de cor vermella que desta volta rezaban «Galego na escola». Lembro o primeiro curso de galego ao que asistín, nunhas calorosas tardes de agosto de 1975, nas aulas do Instituto Politécnico de Torrecedeira. Carmen Panero, a nosa profesora, que utilizaba Galego 1 –o primeiro manual de alfabetización pra persoas adultas que publicou o Instituto da Lingua Galega– soubo comunicarnos un interese e un agarimo polo noso idioma que marcaron dende entón o meu comportamento lingüístico.

A teima do noso pobo máis humilde, que mantivo viva a súa forma de expresar o mundo, e o esforzo dos galeguistas dende 1850, permitiu o recoñecemento do idioma como oficial e a súa entrada na escola en 1980, un fito histórico, xa que dende entón son varias as xeracións que foron alfabetizadas na nosa lingua. Contamos con dúas canles públicas de televisión e outras tres de radio que, madia leva!, emiten integramente en galego, e con milleiros de funcionarios alfabetizados no noso idioma que, a pesar das dificultades e resistencias do sectores galegófobos, abriron fendas valiosas para o seu uso nas administracións locais, na xustiza e na propia policía e garda civil.

A pesar destes avances, que constitúen un auténtico éxito colectivo (e non debemos minusvalorar), é indubidable que o galego perdeu creto como lingua de instalación entre a mocidade, como amosan os  datos dos diversos estudos sociolingüísticos. Velaí unha das encrucilladas da nosa lingua, as nosas xeracións alfabetizadas en galego, as máis competentes da nosa historia no seu uso culto (tanto na lectura coma na escritura), porén, non o empregan adoito na súa comunicación oral. Mesmo os rapaces e as rapazas que o falan poden ser considerados entre os seus iguais como auténticos alieníxenas, bechos raros cun comportamento lingüístico extravagante. Se a iso engadimos que nos últimos anos, a pesar do consenso acadado arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística, produciuse unha falta de implicación no uso social do idioma,  nos eidos político-institucionais (tanto por parte de amplos sectores do PPdeG como do PSdeG), empresariais, sindicais, eclesiásticos (onde o galego case desapareceu), como na presencia nalgúns medios de comunicación privados, que segue sendo dependente das axudas públicas, todas as alarmas sobre o futuro incerto do noso idioma están acesas.

Neste difícil contexto e a poucos días do anuncio do borrador do novo decreto de uso do galego como lingua vehicular no ensino non universitario que, polo adiantado a pasada semana polo propio presidente da Xunta no Parlamento, supoñerá un serio retroceso para o soño normalizador iniciado hai tres décadas, cómpre recuperar as actitudes de entusiasmo militante acuñadas pola xeración de Camilo Nogueira, Ferrín, Beiras e María Xosé Queizán, os nosos referentes morais e políticos no nacionalismo galego. Se a nosa hipótese máis desfavorable se verifica, propoño como primeira medida que dende a sociedade civil nos defendamos pacificamente amparados con novos autocolantes de «Falemos galego» ou de «Galego na escola» (agora en soporte dixital e analóxico), serán o noso primeiro dique de dignidade para comezar un novo e longo proceso de recuperación para o noso idioma. Non é o momento nin para o ditirambo nin para o desánimo. A nosa causa vén de lonxe, non imos desistir. «Un paso adiante, outro atrás, Galicia tecendo a túa tea…»

Imaxe de L.Bugallo [Moitas grazas]

A artesanía de APAMP

No artigo da semana percorro a traxectoria de tres décadas de APAMP (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral) a raíz da presentación esta semana do libro APAMP. El mundo de lo hecho a mano. A pesar dos importantes avances acadados, queda moito, moito por facer para obter a igualdade real de oportunidades de todas as persoas con discapacidade, queda aínda camiño por percorrer para atender as súas necesidades ou para que accedan sen dificultade ningunha a idénticos lugares e servizos que o resto dos cidadáns. Algo que non debemos esquecer.

A foto de X.C.G. (La Voz de Galicia) corresponde á presentación do libro celebrada o pasado venres no Verbum. Acompañamos a Daniel Varela (actual presidente de APAMP), Eli Regueira (fotógrafo, deseñador e produtor do libro), María Garrido (artesá, unha das protagonistas, presentadora da obra) e José Gabriel Barral (histórico voluntario de Auxilia e APAMP e colaborador do libro).

Prehistoria da edición de recursos educativos en galego

«A edición de recursos educativos en galego. Achega a unha prehistoria» é o título da intervención que mañá farei no seo das II Xornadas «Os recursos educativos en galego», que organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago.

O texto completo da intervención pode baixarse en pdf aquí.

Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/SndmKXvB4lk" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

De todos os vídeos e presentacións didácticas que ven publicando Trafegando ronseis (un dos meus preferidos do blogomillo) de loita contra violencia machista (máis dun centenar) escollo no día de hoxe esta peza, «Vive o muere», primeiro premio de «- es +», un proxecto que trata de concienciar aos adolescentes sobre esta cuestión.
A única posibilidade que vexo de superar a longo prazo esta lacra da violencia contra as mulleres é acometer un traballo educativo en profundidade que axude a desbotar os patróns machistas de relación entre os mozos e as mozas. Sei que non é doado, mais debemos intentalo con toda a convicción. Para iso quizais poden axudar efemérides como a que celebramos hoxe.

O Supremo nega que o sistema educativo galego discrimine ao castelán

A sentenza do Tribunal Supremo do 24 de outubro de 2009, da que soubemos esta mañá por Faro de Vigo e La Opinión da Coruña, debe axudar a recuperar o consenso arredor da utilización do galego como lingua vehicular no ensino non universitario . Particularmente importante resulta que este fallo negue que o sistema educativo galego discrimine ao castelán, desbotando os falaces argumentos da imposición lingüística utilizados polo PPdeG e polos sectores galegófobos cada vez máis nerviosos e decepcionados polo comportamento do presidente da Xunta, como se pode comprobar nesta carta ao director publicada tamén hoxe. Agardemos como retrucan os sectores galegófobos organizados diante desta sentenza do Supremo que nega dúas das súas principais aspiracións: a posibilidade de separación do alumnado por razón de lingua e a posibilidade de que as familias escollan os contidos do currículum que cursen os seus fillos. Unha sentenza que convirá estudar devagariño.

O texto da sentenza pode baixarse en pdf aquí (seis folios).

Recomendamos a lectura das valoracións de GPH e Prolingua sobre esta sentenza.

A polémica da gratuidade do libro de texto

No artigo da semana reflexiono sobre os termos políticos nos que se realiza o debate arredor da gratuidade do libro de texto.

Faleceu Jose Paulo Serralheiro

Magóanos a noticia do falecemento do José Paulo Serralheiro, o director d’ A Página da Educação, dirixente do Sindicato de Professores do Norte, e moi bo amigo do grupo galego de Educadores pola Paz. Profesor e xornalista especializado no eido educativo, tivemos oportunidade de compartir conversa co portuense a raíz da celebración do vinte e cinco aniversario de Educadores pola Paz naquel memorable Serán pola Paz, no que intervira de forma potente e rotunda. Aquel día tivemos, tamén, a oportunidade de agradecerlle a súa participación no libro colectivo, coordinado polo seu bo amigo Suso Jares, Educación e Paz II. Presente e futuro da construción da paz, onde publicou o traballo titulado «O novo ‘poder suave? e os Direitos Humanos». Que a terra lle sexa leve ao bo do Ze Paulo, amigo solidario da paz e das estrelas.

A doutrina Feijóo e os resultados da enquisa

As respostas do presidente Feijóo na entrevista de Galicia hoxe prefiguran moi claramente o que van ser os contidos do borrador do novo decreto de uso do galego, anunciado polo conselleiro de Educación para finais deste mes de setembro e agora polo presidente pra finais de ano.  Quen manda aquí? En todo caso, leamos devagariño a doutrina lingüística de Feijóo:

Do resultado da enquisa ós pais sobre o galego déronse distintas lecturas, como se vai plasmar no novo decreto?

Si pero a lectura que fai o Goberno é que a participación foi alta, que os pais que votaron ó PSOE e ó BNG participaron na enquisa e que esta sociedade o que dixo maioritariamente –computando, primaria, secundaria e infantil– é que na infantil sexan os pais os que elixan o idioma para aprender a ler e a escribir e que no resto da educación, os pais piden galego e castelán, un bilingüismo proporcional; e a minoría pronunciouse por que todo sexa en galego. Con estas vimbias e co consenso social contrastado nas urnas temos que construír o decreto. Agora a responsabilidade é da Consellería de Educación e sería bo que o puidésemos ter a finais de ano.

Non percibe que a partir do tema do decreto aumentou a crispación en torno ó idioma?

O galego non crea ningún problema na rúa, o problema está focalizado na educación. Se non liquidamos ese conflito poida que intoxique a convivencia e a cordialidade das linguas. E o que non entenda que neste momento a obsesión do Goberno de Galicia é que o galego sexa un signo de unión, de orgullo, de protección e de promoción da nosa cultura é que non entende o que estamos facendo ou estao entendendo e estao manipulando. Crispación ningunha.

En definitiva, tras varios meses de polémica, Feijóo non dá nin un paso atrás sobre o prometido; alén da utilización deste discurso ameazante e prepotente cos cidadáns discrepantes («liquidar o conflito») que resulta desolador por parte dun presidente. Cómpre tomar boa nota á hora de artellar as propostas alternativas.

Ollo: El Correo Gallego publica a mesma entrevista na súa versión en castelán cun titular estrondoso: «Galicia está de moda en España como alternativa a Zapatero».

A galiña azul e outros contos

No artigo da semana lembro a peripecia editorial d’ A galiña azul, o primeiro libro infantil do meu querido Carlos Casares, e reflexiono sobre o que entendo son as razóns da súa utilización política por parte da Xunta de Galicia para denominar á anterior rede de galescolas.

Este artigo, que fai o número 516 da serie Campo de Granada, coincide xustamente co décimo aniversario da miña colaboración semanal con Faro de Vigo, iniciada o 22 de agosto de 1999 con «La Favorita de Príncipe». Daquela nunca pensei que aquí chegariamos. Grazas aos responsables de Faro de Vigo que o fixeron posible.