Calendario da Reforma Educativa

Somos moitos s editores educativos preocupados polo calendario de implantación dos novos currículos da LOE, na medida que esta cuestión, xunto co modelo de gratuidade, determina o noso traballo nos vindeiros anos.
A expensas da aprobación definitiva da lei no pleno do Congreso (seguramente durante o mes de abril) e a súa publicación definitiva no BOE (a finais dese mes) a información confidencial que coñecín hoxe establece o seguinte calendario:

  • 2007-2008: 1º e 2º de Educación Primaria / 1º e 3º de ESO.
  • 2008-2009: Educación Infantil (para acomodala aos programas de gratuidade en todas as CC.AA.) / 3º e 4º de Educación Primaria / 2º e 4º de ESO.
  • 2009-2010: 5º e 6º de Educación Primaria.
Os meus informantes teñen interrogantes sobre o calendario de implantación do Bacharelato, aínda que apostan por que se inicie en 2008-2009 (1º) e finalice en 2009-2010 (2º).
Sen dúbida que este calendario determinará o ritmo de implantación do modelo definitivo de gratuidade, xa que todas as autoridades educativas consideran que debe ir parello ao dos novos currículos.
En relación á cuestión curricular a maior novidade será, sen dúbida, a incorporación das chamadas COMPETENCIAS BÁSICAS ou aprendizaxes consideradas claves ao remate do ensino obrigatorio.

Diario de un maestro exiliado

Acabo de rematar a lectura de Diario de un maestro exiliado de Herminio Almendros, publicada pola magnífica editorial Pre-Textos. Discípulo e amigo persoal de Celestin Freinet, iniciador en España do Movemento da Escola Moderna, Almendros debeu refuxiarse en Francia a comezos de 1939, cando as tropas franquistas entraron en Barcelona, cidade onde era inspector xefe de Educación. A reflexión educativa e política e os difíciles avatares da subsistencia no exilio francés, onde foi axudado xenerosamente polos mestres cooperativistas, e na súa viaxe posterior a Cuba, onde acabou afincándose, mestúranse neste diario de lectura moi emocionante. Almendros é unha grande figura da nosa educación progresista que merece un recoñecemento que ata agora non tivo. Recomendo a lectura deste diario de guerra ás persoas interesadas en temas educativos. Paga a pena.

Un neno de catro anos expulsado da escola infantil?

Cóntao folerpa nun texto extraordinario de lectura imprescindible. Son profesor de Educación Infantil (a verdade é que hai quince anos que estou excedente, e, dende entón, moito mudou) e, porén, non me entra na cabeza. Ese picariño ten un problema grave, que require outro tipo de axuda. Que vai ser de el no futuro? Síntome tan triste e avergonzado coma expresa Folerpa e todos os amigos que comentan o post.
Triste é, tamén, que a Igrexa combata unha lei que non lle vai coutar, desgrazadamente, ningún dos seus moitos privilexios educativos no país europeo que maior apoio económico lle proporciona. Cara onde queren levarnos Acebes, Rouco e toda a súa caverna con manipulación tan descarada?
Hoxe os problemas reais da educación non están na asignatura de relixión (que abandonan cada vez maior número de alumnado nos centros públicos) nin nese falso debate sobre a elección de centro da que falan sen argumentos os conservadores contrarios á lei. Hoxe os problemas están no que Folerpa conta coa tenrura da verdade no primeiro parágrafo do seu post: no fracaso dunha escola impotente (xa se ve que en todas as súas etapas) para facer fronte ao reto de ofrecer un servizo educativo de calidade para todos. Eis a reforma educativa que precisariamos, a que fixera posible unha atención na diversidade e na excelencia da aprendizaxe das competencias básicas. Triste, moi triste o tempo no que vivimos onde se afasta o soño dunha escola enchidas de pombas e mazás para todos.

Actualización (15-11-2005): Folerpa informa hoxe que a posibilidade de expulsar ao picariño foi reconsiderda. Boas noticias.

Profesorado e lectura

No artigo da semana propoño que a lectura e a dignificación do profesorado sexan considerados eixos principais do debate sobre a Lei Orgánica de Educación.

Inmersión no ensino

O sempre interesante galego.org informa amplamente do contido das recomendacións da comisión de expertos do Consello de Europa sobre a aplicación en Galicia da Carta Europea das Linguas Minorizadas. Na listaxe de recomendacións, moi a ter en conta, salienta a da posibilidade de establecer un modelo de inmersión no eido educativo non universitario (semellante ao que funciona en Cataluña con éxito dende hai case dúas décadas); noutras palabras, o Consello de Europa está a recomendar a posibilidade de que os picariños e picariñas puidesen, dende a Educación Infantil, ser educados completamente nun modelo monolingüe galego.
Mágoa que a modalidade de inmersión lingüística no ensino, durante os gobernos Fraga, fose unha posibilidade que se rexeitou de raíz, aducindo a especificidade do modelo galego, acuñado como de “bilingüismo harmónico”. Todos apostamos por un modelo de galeguización educativa, que semellaba axeitado (sobre todo na utilización do galego como lingua vehicular de determinadas áreas), mais que, porén, non foi respectado nin potenciado como debera. Afortunadamente, esta importante recomendación europea abre de cheo o debate sobre un modelo de galeguización alternativo, sobre todo nas idades temperás, que permitiría recupera o pulo normalizador, nos últimos anos, tan atemperado na escola. Agardamos que a nova Secretaría de Política Lingüística, ademais de desenvolver o Plan de Normalización, aposte, tamén, por estudar novos vieiros (como o da inmersión temperá), para potenciar o fráxil proceso de galeguización do ensino.

Profesora de relixión despedida

En Italia haiche moito rebumbio por esta noticia, da que fala, tamén, a edición internacional de CNN.

Inicio do curso


Como todos os anos, na xornada de inicio de curso teño saudades dos meus anos na escola infantil. Enfrontarme por vez primeira aos novos picariños, con toda a súa vida ás costas (desde os seus medos ao descoñecido á súa valentía para conquistar a autonomía de valerse), foi sempre unha das experiencias que me marcaron.
Na interacción da escola todos os mestres aprendemos dos nenos e todos –a pesar do desgaste emocional deste traballo e das lideiras imprevisibles que poden aparecer cos pequenos– saímos máis humanos.
Hai vinte e dous anos aprendín de Natalia, unha cativa do Budiño, filla dun mariñeiro embarcado no Gran Sole, unha frase que anotei no caderno de textos libres (unha bitácora que gardo como unha alfaia) e que dende entón nunca esquecín:
Manolo, sabes?: no mar tamén pode chover.
Esta manifestación tan contundente do pensamento animista infantil, explicaba (mellor que calquera manual de Psicopedagoxía dos que estudabamos na facultade) proceso tan complexo como é a consideración da aprendizaxe como construción individual do coñecemento. Débolle ao texto oral de Natalia (hoxe unha muller de vinte seis anos, que non coñezo) comprender que aprendemos cando descubrimos un concepto que desfai o noso coñecemento pretérito. Velaí o papel insubstituíble da escola primeira, que hoxe comezou, para abrir e pechar os conceptos inclusores do coñecemento futuro.
Ten moita razón o Presidente cando afirma que “o futuro de Galicia se xoga cada día en cada centro educativo“. No investimento que os poderes públicos fagan na educación infantil e primaria (na formación e na mellora das condicións de traballo dos docentes, mais tamén, nos espazos e recursos de aprendizaxe, como nos servizos de atención complementaria) está boa parte do noso futuro como sociedade culta e moderna. Como sinala o presidente Lula: ” a educación non é un gasto, é un investimento“.

Nota ao pé: inserto unhas fotografías (que, por prudencia, prefiro non comentar) que enlazo dende o arquivo de imaxes da Xunta (unha fonte moi interesante para seguir as actividades institucionais das distintas consellarías, que non dubido en recomendar).

Retos para a política educativa

As intervencións da nova Conselleira de Educación sempre teñen miga. O anuncio da revisión dos convenios coa privada amosou un rigor e unha afouteza á que non estabamos afeitos. As posteriores declaracións radiofónicas en castelán (un feito ao que nunca se atrevera ningún dos conselleiros anteriores do PP) enchéronos de enorme preocupación. Hoxe, porén, aparece unha entrevista con ela moi esperanzadora, apostando por unha educación innovadora e implicada coa sociedade e ofrecendo, ademais, contrapartidas aos libreiros e editores para a implantación da gratuidade dos libros de texto ao longo da lexislatura.
Non teño dúbidas de que a política educativa debería ser unha das prioridades do novo goberno conxunto. Hai retos abondos: revalorización da rede escolar pública, implantación da nova reforma educativa (que suporá un novo deseño curricular), diminución do índice de fracaso na Secundaria, recuperación para a lingua do papel normalizador da escola, reilusión do profesorado e ampliación dos seus cadros de persoal, implantación da gratuidade educativa (servizos e materiais curriculares), o financiamento universitario e das súas políticas de investigacións… O novo equipo da consellaría ten moita faena para os escasos recursos cos que conta.

Escola pública

No artigo da semana apoio a campaña a prol da defensa da escola pública.