Retos para a política educativa

As intervencións da nova Conselleira de Educación sempre teñen miga. O anuncio da revisión dos convenios coa privada amosou un rigor e unha afouteza á que non estabamos afeitos. As posteriores declaracións radiofónicas en castelán (un feito ao que nunca se atrevera ningún dos conselleiros anteriores do PP) enchéronos de enorme preocupación. Hoxe, porén, aparece unha entrevista con ela moi esperanzadora, apostando por unha educación innovadora e implicada coa sociedade e ofrecendo, ademais, contrapartidas aos libreiros e editores para a implantación da gratuidade dos libros de texto ao longo da lexislatura.
Non teño dúbidas de que a política educativa debería ser unha das prioridades do novo goberno conxunto. Hai retos abondos: revalorización da rede escolar pública, implantación da nova reforma educativa (que suporá un novo deseño curricular), diminución do índice de fracaso na Secundaria, recuperación para a lingua do papel normalizador da escola, reilusión do profesorado e ampliación dos seus cadros de persoal, implantación da gratuidade educativa (servizos e materiais curriculares), o financiamento universitario e das súas políticas de investigacións… O novo equipo da consellaría ten moita faena para os escasos recursos cos que conta.
6 comentarios
  1. Adolfo
    Adolfo Dice:

    Tampouco deberían as librerías (e alguhas editoriais) pensar nos libros de texto como o maná, senón en como facer que esta sociedade que non lé moito merque máis libros ao longo do ano, non só agora en setembro. Sei que é duro para libreiros e editoras, que obtéñen dos textos moitos ingresos, mais como pai permítanme felicitarme da súa gratuidade, eu sigo a preferir comprar máis dun cento de libros anuais de literatura, contos e poesía para a miña familia que os textos escolares.

    Por outra parte penso existe tamén unha excesiva dependencia nas escolas galegas, e españolas, dos libros de texto, en moitos casos pola comodidade do profesorado. Deberíase acudir a outros recuros educativos e ficar o texto como un auxiliar máis non como o referente único do curso escolar.

  2. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Felicitámonos todos de que o principio constitucional da gratuidade da educación poida, despois, de vinte e cinco anos, ser completado. Os editores non discutimos o principio de igualdade, se non a modalidade de préstamo escollida. Coa nova Reforma Educativa (que suporá unha nova revisión dos currículums e dos materiais curriculares) hai unha boa oportunidade para repensar os modelos e a utilización dos chamados “libros de texto”.
    Estou con vostede na excesiva dependencia que dos libros de texto se está dando no sistema educativo. As bibliotecas escolares deberían constituírse na primeira e máis especializada aula de cada centro. Quizais por aí, podería artellarse unha alternativa para o que vostede propón. Moi obrigado polo seu comentario e por visitar o blo.

  3. Martin Pawley
    Martin Pawley Dice:

    E dentro de dez ou quince anos, cre vostede que os rapaces irán aos colexios cargados de libros, ou levarán na man unha PDA ou algo semellante?

    É dicir, non ten vostede a sensación de que as editoriais, en xeral, non son capaces de ver mais alá do que teñen diante dos fuciños?

  4. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Pois, indubidablemente, moito vai mudar e os soportes dixitais en liña terán que ser empregados como ferramentas didácticas. Isto xa o vemos algúns editores e tratamos de desenvolver novos proxectos; ben é certo que con maior escepticismo que hai uns anos, cando pensabamos que o futuro da “maleta electrónica” quedaba á volta duns aniños. Non foi así. Con todo, creo que o papel fundamental deste cambio reside nos profesionais da educación e nas propias administracións educativas que deben apostar máis decididamente por estas novas ferramentas dixitais. Ata agora as interesantes experiencias de teleaprendizaxe que se ensaian en Galicia están moi lonxe de ser xeralizadas e apoiadas por unha parte significativa do profesorado. Estou seguro que as editoriais espabilarán, cando o profesorado reclame estes soportes. O proceso debería axilizarse coa nova Reforma Educativa, que semella asumilo como un dos seus compromisos.

Los comentarios están desactivados.