«Non somos un sector subvencionado»

Hoxe aparece publicada en La Voz de Galicia parte da conversa que mantivemos, o pasado venres, Xosé Ballesteros e mais eu arredor da situación da edición en Galicia.

Como é adoito nestes encontros, falamos devagariño de moitas máis cousas ca do diagnóstico inicial do noso sector, dende o sentido da presenza nas feiras internacionais, pasando pola relación do editor cos autores e autoras e a nosa formación autodidacta, até o balance dalgunhas carencias de xénero.

Agradézolle ao xornalista Ángel Varela o seu convite e o admirable traballo de síntese e a Gustavo Rivas as súas magníficas fotos. [As miñas desculpas polo autobombo.]

A Deputación de Pontevedra abandona o libro galego

Os editores galegos somos profesionais pacientes e discretos. Porén, nalgunha ocasión temos  que petar na mesa. Iso foi o que fixemos hoxe cando, despois de cinco meses de intentar evitalo por todos os medios ao noso alcance, dimos a coñecer aos medios de comunicación a negativa do presidente e do deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra de asinar o convenio que dende hai vinte anos permitía que as novidades dos editores da provincia chegasen a algunhas bibliotecas públicas. Tras varios exercicios con recurtes no orzamento (nos tempos iniciais de Xosé Cuíña ascendía a cinco millóns de pesetas, que se duplicaron con Abeledo), esta decisión de Rafael Louzán de abandonar o apoio ao libro galego contrasta cos seus compromisos coa asociación Galicia Bilingüe. A verdade é que esta decisión non nos extraña, xa que hai dous anos, a Deputación de Pontevedra deixou de editar a magnífica colección Tambo de poesía, sen mediar, tampouco, explicación ningunha. Podemos continuar sendo optimistas? A cultura e a lingua galega teñen que ser sempre os eidos sacrificados polo actual PPdeG? Este é o galeguismocordial“, “amable”, ” inclusivo” (xa non son capaz de seguir tantos adxectivos pretendidamente acolledores) do partido de Rafael Louzán e Alberto Núñez Feijóo?

Actualización (03-06-2009): a noticia tivo repercusión nalgúns medios, eis os espazos que hoxe lle dedican Galicia hoxe e Xornal de Galicia.

Libro en galego, datos para un diagnóstico

No suplemento de El País Galicia dedicado ao 17 de maio publico un traballo arredor da situación do libro en galego. Reprodúzoo, xa que tampouco aparece na edición dixital do xornal.

O 17 de maio é data acaída para facer un balance do estado de saúde do libro en galego. As estatísticas dispoñibles (tanto as elaboradas polo Ministerio de Cultura, a partir dos datos do ISBN, como as do estudo do comercio interior do libro da Federación de Gremios de Editores) amosan que o volume da produción editorial en galego (tanto no número de títulos editados como de exemplares impresos) se estabilizou dende 2004. Cos datos na man, non podemos negar que parou aquel formidable crecemento, que levou a multiplicar por dez o número de títulos publicados en galego (dende os 187 do ano 1980, cando comeza o proceso autonómico, aos 1.849 de 2004, unha marca non superada dende entón). Porén, o que medrou foi a edición realizada en Galicia que no ano 2007 acadou os 3.376 títulos, cifra que reduce a edición en galego até o 55% da realizada en Galicia. Nos últimos anos, semella consolidarse en Galicia, pois, a tendencia a un incremento importante da actividade editorial (nos últimos dez anos duplicouse o numero de empresas que forman parte da Asociación Galega de Editores, 43 en 2009, o que supoñen máis de 300 empregos directos), o que constitúe unha boa noticia para a nosa primeira industria cultural e, ao mesmo tempo, a unha ralentización da actividade editorial en galego e da súa cota de mercado..

A pesar desta ralentización do seu medre, o libro en galego está nas mellores marcas da súa historia. Así en 2007, último ano do que temos datos dispoñibles, editáronse 1,780 títulos e imprimíronse máis de dous millóns dous centos mil exemplares (case un por cidadán galego; non está mal). No entanto, convén precisar que desta produción máis do setenta por cento correspondeu a libros de texto, dicionarios e títulos de literatura infantil e xuvenil, o que amosa a gran dependencia da produción dos editores en galego con respecto a esta canle educativa. Outrosí sucede coa facturación (22 millóns de euros para todo o libro en galego), no que a dependencia dos produtos escolares ou paraescolares acada o oitenta por cento (unha barbaridade!). Esta tendencia de forte escolarización do libro en galego acentuose nestes últimos anos, tanto pola implantación dos novos currículums da reforma educativa (o que compensou o impacto negativo da modalidade de préstamo da gratuidade do libro escolar) como pola crise na que caeu o libro literario en galego.

En 2007 publicáronse 238 títulos literarios en galego, dos cales 113 foron de narrativa, 63 de poesía e teatro e 62 de ensaio e investigación literaria. Con respecto ao ano anterior, diminuíu o número de títulos en apenas o 1,90%, porén a perda foi moi notable no número de exemplares (nada máis e nada menos que 66.000) o que supón unha baixa do 15,10%. A pesar deste retroceso, o volume da produción literaria en galego en 2007 acadou os 291.000 exemplares de libros literarios en galego (o 13,60% dos impresos en galego). Con todo, continúa sendo o máis significativo o peso da edición de narrativa (133.000 exemplares, o 45,70% da produción literaria do ano); fronte ao menor de poesía e teatro (60.000 exemplares, o 20,61% da produción literaria do ano) e o sorprendente peso do ensaio e investigación literaria (98.000 exemplares, o 33,67% da produción literaria do ano).

O libro literario en galego acadou en 2007 unha facturación de 2,65 millóns de euros, o que supón o 12,00% do conxunto do sector en galego. Esta cifra supón unha diminución de 650.000 euros con respecto á de 2006 (un descenso do 20,00%) e unha perda do 2,90% de participación nas vendas do libro en galego. A narrativa en galego supuxo unha facturación de 1,97 millóns de euros (o 9,00% da facturación do libro en galego e o 74,33% da do noso libro literario), o que supón un descenso de 900.000 euros con respecto ao ano 2006 (un 31,59%) e unha perda de 4,1% con respecto á participación nas vendas totais). As vendas de poesía e teatro achegaron 280.000 euros (o 1,30% da facturación en galego e o 10,56% do noso mercado literario) e as de ensaio 400.000 euros (o 1,80% da facturación total e o 15,11% do mercado do libro literario).Tendo en conta que a facturación total do libro en Galicia foi en 2007 de 165,53 millóns de euros e a do libro literario en galego de 2,65 millóns de euros, podemos estimar a súa cota de mercado en Galicia no 1,60%. Outrosí podemos establecer para a narrativa en galego, cuxos 1,97 millóns de euros de facturación supoñen o 1,20% do mercado do libro en Galicia. Non esquezamos que o libro en galego no seu conxunto no ano 2007 acadou o 13,27% da cota do mercado do libro en Galicia.

Contención da produción, forte escolarización e crise comercial dos títulos literarios aparecen como as tres principais tendencias detectadas para o devir actual do libro en galego. Síntomas claros dunha crise de crecemento e de racionalización e profesionalización do sector que non debe paralizarnos, xa que hai moitos outros indicios da envexable saúde da sociedade lectora en galego. Mais ese xa é outro traballo.

Guillermo Schavelzon

A entrevista a Guillermo Schavelzon, o axente de autores literarios como Suso de Toro ou Paul Auster, é moi clarificadora sobre o actual momento da edición literaria. Algunhas das súas respostas a José Antonio Millán constitúen un diagnóstico das incerteza que presiden este momento de tránsito (mudanzas e continuidades) entre os soportes analóxico e dixital e entre o modelo de edición «lecturas literarias» e o o de «lecturas de grande consumo».

Para Schavelzon, a primeira mudanza produciuse no papel do propio axente literario convertido no interlocutor principal do autor. Os editores, vítimas da concentración das súas empresas e dos seus amplos plans editoriais, serían incapaces de manter o nivel de esixencia que implica a relación cos autores.

Con respecto á cuestión dos dereitos dixitais é tremendamente clarificadora esta súa afirmación: «Un libro non é só “un contido”, é moito máis», facendo, sen dúbida, referencia ao seu carácter de ben cultural, tantas veces minusvalorado ou conscientemente esquecido.  Comparto, tamén, con Schavelzon a súa convicción de que o camiño para o negocio do libro electrónico se abrirá cando se dirima a batalla dos dispostivos (hoxe temos o claro exemplo de que este un vieiro aberto),proceso que pode durar, quizais, dous ou tres anos. Con todo, o máis clarificador desta entrevista tan recomendable é o seu diagnóstico contundente sobre a situación global da da edición literaria:

Los problemas más urgentes que deberá enfrentar el libro son otros, como la reducción de las páginas de cultura de los diarios o su transformación en secciones que llaman “tendencias”, o la desaparición de suplementos literarios, que siguen siendo los principales prescriptores para el buen lector.

Efectivamente, hoxe o problema principal da edición literaria é o da súa visibilidade, tanto nos espazos libreiros (coa excepción daquelas poucas librarías de cultura que resisten) como nos dos medios de comunicación. Quizais, quedoulle a Guillermo a posibilidade de abrir unha xanela de esperanza que, sen dúbida, está hoxe no traballo da rede bibliotecaria e do voluntariado para a lectura.

[A foto é de © Daniel Mordzinski]

A discreción do editor

Gustei moito do que di Juan Blanco Valdés na conversa que mantivo con Camilo Franco e que publica hoxe  La Voz de Galicia. Estou de acordo co gran editor do Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago que a mellor virtude que pode posuír un editor é a da discreción. É un bo sinal que o traballo do editor pase desapercibido e que sexan os libros que edita, os autores e autoras a quen apoia ou as fórmulas de edición polas que aposta as que brillen na sociedade dos lectores e lectoras. Non acredito nos editores estrela. Ao fin e o cabo, até agora, na edición os editores proporcionabamos apenas o soporte da edición textual, a fabricación do obxecto e o imprescindible contexto (catálogo) no que se promocionaba e comercializaba. Tarefas que só podía desenvolver un equipo moi cohesionado.  Nunha editora cultural (o modelo de edición no que eu creo e que pretendo promover no meu traballo cotián en Xerais) é o equipo de edición e promoción quen debe manter unha conversa  ininterrumpida cos seus contemporáneos. Deste xeito irá construíndo paseniño o catálogo que ofrece os seus lectores. Aí é nese espazo de edición e lectura onde van creando a obra colectiva da editorial que precisa do paso do tempo para ser valorada con xusteza. Este modelo de edición cultural é dificilmente compatible coa velocidade e voracidade coa que se rexe a edición contemporánea, aínda que, paradoxicamente, a crise económica global pode axudar a aminoralas.

Día internacional do libro e dos dereitos de autor

Con motivo do Día internacional do libro e dos dereitos de autor, hoxe ao mediodía presentaremos no Consello da Cultura Galega Do orixinal ao libro, o primeiro manual de edición técnica en galego que preparou o editor Juan L. Blanco Valdés. Jacobo Bermejo, presidente do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego acompañaranos nesta presentación. Este magnífico manual, prologado polo ortotipógrafo galego José Martínez de Sousa, proporciona boas doses de autoestima para o conxunto do sector editorial en Galicia ao tempo que fixa en galego os criterios dunha edición textual de calidade. Beizóns para Juan L. Blanco.

O Día internacional do libro deste ano está, inevitablemente, presidido polo interese sobre as relacións entre as novas tecnoloxías e o libro. Onte fixen dúas pequenas entrevistas para senllos programas da TVG (os informativos e «Acompáñenos») onde esta cuestión aparecía como a principal preocupación das entrevistadoras. Insistín na fortuna que temos os editores contemporáneos de poder participar neste cambio do paradigma da comunicación cultural, que non se producía dnede ha imáis de cincocentos anos, ao tempo que o libro terá distintos futuros, na medida que coexistirán soportes analóxicos e dixitais durante un período que non sabemos aínda estimar.

Boa xornada do libro. Hoxe recomendo visitar as librarías e bibliotecas galegas. Estamos todos de festa.

Comercio interior do libro en galego 2007 (e VII)

LIBRO EN GALEGO 2007 TENDENCIAS

Os datos proporcionados polo informe do Comercio interior do libro en Galicia 2007, xa debullados nas nosas anotacións anteriores, permiten identificar algunhas tendencias da evolución do libro en galego durante o período 2005 ao 2007:

Lixeiro retroceso do conxunto da produción editorial en galego, reflectida nunha diminución do número de títulos, dos exemplares fabricados e da súa tirada media que oscila entre o 1,00% e o 4,00%.

Notable retroceso da produción do libro literario en galego, que diminúe no número de títulos editados nun 2,00% e no de exemplares producidos nun 15,00%.

Concentración da produción editorial en galego nas tipoloxías de edición escolar e paraescolar (libro de texto, literatura infantil e dicionarios), que acada o 71,20% dos títulos publicados e o 76,20% dos exemplares fabricados. Estas cifras superan ampliamente as que se viñan manexando a este teor en informes anteriores, que xiraban arredor do 60,00%.

Enormes carencias da produción editorial en galego nas tipoloxías de edición científico técnica, de libro práctico e de divulgación, que apenas supoñen o 4,40% dos títulos editados e do 4,70% dos exemplares fabricados.

Estabilidade na produción editorial de literatura infantil, cunha pequena tendencia ao incremento do seu número de títulos.

Incremento na produción editorial de libro de texto, que coincide pola implementación durante este período de novos currículares do ensino obrigatorio. Este aumento da produción é o que permite o mantemento das cifras globais do sector.

Incremento da cota do mercado do libro en galego, até chegar ao 14,00% de media durante este período. Esta porcentaxe (entre o 12,00% e o 15,00%) semella ser o peso real do libro en galego (sendo o do libro editado en Galicia entre o 17,00% e o 18,00%).No entanto, en 2007 prodúcese unha importante diminución da facturación global do sector en galego superior ao 10,00%.

Concentración da facturación nas tipoloxías de edición escolar e paraescolar, até acadar o 81,70% das vendas totais do libro en galego.

Importantísima diminución das vendas do libro literario en galego, un 20,00% entre 2006 e 2007. Idéntica tendencia á baixa amosan as vendas de narrativa, que diminúen nun 31,59%. Estes datos amosan unha forte crise do libro literario en galego, que mantén unha cota de mercado do 1,60%, e máis en concreto do libro de narrativa en galego, que representa o 1,20% do mercado total en Galicia.

Diminución das vendas do libro en galego en librarías e cadeas de librarías, a pesar de que alí se concentran o 59,80% das vendas. A diferencia do que sucede noutros mercados diminue a importancia da comercialización en hipermercados, apenas o 2,60%. Preséntase como canles emerxentes a venda telefónica, por internet e dos clubes do libro.

Comercio interior do libro en galego 2007 (VI)

DATOS CLAVES SOBRE O SECTOR DO LIBRO EN GALICIA 2005-2007

Dos datos globais do Comercio do interior do libro en Galicia 2007 podemos tirar algunhas conclusións sobre as tendencias do sector editorial en Galicia e en galego no período 2005-2007:

– Ampliouse de forma significativa o número de editores, até os 43, publicando a maioría deles (40) en galego. Idéntico crecemento produciuse nos empregos directos que acadan xa no ano 2007 as 318 persoas. 

A actividade editorial en Galicia, tanto en número de títulos como de exemplares producidos, amosou unha lixeira tendencia á diminución (arredor do -1,00%). No caso do libro en galego a tendencia á diminución foi maior (-4,00% por número de títulos; -4,45% por número de exemplares).

– A cifra de facturación en Galicia aumentou nun 40% no conxunto do sector e no 22,54% no caso do libro en galego, producíndose entre 2006 e 2007 unha diminución do -0,20% no conxunto do sector e no -11,10% no libro en galego.

Comercio interior do libro en galego 2007 (V)

CANAIS DE COMERCIALIZACIÓN DO LIBRO EN GALEGO

Estes datos sobre comercialización amosan que as librarías e as cadeas de librarías en 2007 foron as canles principais de venda do libro en galego, xa que supuxeron o 59,80% das vendas (13,12 millóns de euros a prezos de capa). No obstante, se comparamos estas cifras coas de 2006, detéctase que en 2007 se produciu un retroceso da cota de mercado das librarías do 5,30% (equivalente a 950.000 euros). Tamén é de salientar o peso reducido da venda do libro en galego nos hipermercados, 2,60% (570.000 euros), cunha tendencia a diminuír (en 2006 supuxo o 3,20% das vendas, 710.000 euros).

O peso das vendas a empresas e institucións (onde se inclúen as adquisicións da Consellaría de Cultura e Deporte aos editores en galego para a dotación das bibliotecas, valoradas entre un millón e un millón e medio de euros) continúa sendo moi elevado na edición en galego, acadando os cinco millóns de euros (22,90%), diminuíndo en 500.000 euros de 2006 a 2007. Tamén diminúen as vendas aos centros escolares («resto») que pasaron do millón de euros de 2006 aos 480.000 euros de 2007. Pola contra, aumentan as vendas do libro en galego aos clubs de libro, por internet e vendas por teléfono e a crédito (dous millóns de euros, 9,20%).

Comercio interior do libro en galego 2007 (IV)

O CATÁLOGO DO LIBRO EN GALEGO DISPOÑIBLE

Unha das informacións máis interesantes deste estudo de Comercio interior do libro en Galicia 2007 é o que proporciona sobre as características actuais do catálogo dispoñible dos editores galegos, o que nos permite, tamén, coñecer as características do catálogo do libro en galego dispoñible nas librarías e nos almacéns dos editores.

En 2007 o catálogo vivo do libro en galego era de 8.507 títulos, dos que o 31,70% eran títulos literarios (2.684); 34,00% eran de literatura infantil e xuvenil (2.895); o 18,90% libros de texto (1.609) e o 0,90% dicionarios (77 títulos). Este catálogo vivo amosa o importante peso que os editores conceden á edición literaria en galego (con 1.101 títulos de narrativa, 557 de poesía e teatro e 1.026 de ensaio e investigación), a pesar de que na facturación total do sector supoña apenas o 12,00%. A diferenza existente entre as magnitudes dos catálogos vivos de 2006 e 2007, cun incremento interanual de apenas 324 referencias, amosa que os editores en galego descatalogaron ao longo dese período 971 títulos (fundamentalmente libros de texto de educación primaria e secundaria, obsoletos polos novos currículums).