Adeus Rikitrí

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao peche da taberna Rikitrí:

Coa fin de ano pechou a taberna Rikitrí da rúa Hernán Cortés 14. Dende hai trinta e cinco anos rexíaa Arximiro Rodríguez Carballido, «Miro», que collera o traspaso da Casa Anuncia aberta a comezos da década de 1940. Dende entón a Rikitrí nunca perdeu o sabor dunha taberna de toda a vida, durante o día un lugar acolledor de conversa agradable para tomar unha chiquita ou unha caña, onde se reunían os empregados e veciñanza das proximidades de María Berdiales e Urzaiz, pola noite parada segura de noctámbulos e solitarios na procura da última. Da man do bo de Miro dende 1987 converteuse tamén nun dos templos celtistas da cidade, tanto por ser sede da peña celtista homónima (formada por sesenta persoas), como pola decoración dos teitos con bufandas do Celta e doutros equipos cos que xogou en liga e competición europea e das paredes con equipamentos e fotografías coas que é doado reconstruír a historia do noso equipo nas catro décadas de entre séculos. Como foi tamén a barra humilde da Rikitrí un espazo onde decote se falaba galego con orgullo e se debatía con paixón sobre o futuro incerto do noso primeiro equipo como da propia cidade.

Miro quixo para a Rikitrí que fose tamén un espazo para celebrar a ledicia e a cultura nosa, organizando as polbeiras dos sábados, recitais poéticos ou verbenas e concertos nos que participaron artistas como Alberto Cunha, Acordeireta, Os residuos atractivas ou Zurrumalla, grupo de música tradicional que lle dedicou un pasacorredoiras. Con todo, sempre foi a remada de nadal convocada cada serán de noiteboa e noitevella a actividade máis singular e emblemática desta entrañable tasca viguesa. Dende hai tres décadas máis de medio cento de persoas protagonizaban esta extraordinaria performance ocupando o medio e medio da rúa Hernán Cortes, remando cos seus corpos ao compás dos seus berros, festexando así a amizade e a ledicia coma se fosen participantes dunha competición de traíñas ou yolas no escenario da ría. Unha remada popular que co peche da Rikitrí dificilmente poderá repetirse, sexa pola merecida xubilación de Miro como pola posta en marcha dun proxecto de urbanización que prevé construír dous edificios e unha praza que comunique de forma peonil as rúas de Hernán Cortés e María Berdiales coa rúa Simón Bolivar, o que obrigará a derrubar o edificio da taberna e outros da súa contorna.

Un peche inevitable o da Rikitrí que nos provoca un aceno de doce melancolía, como a propia despedida que reza na porta da tasca na que Miro agradece no remate da súa andaina o cariño, o ánimo e o apoio recibido da súa clientela, que define como «persoas Xeniais, Marabillosas, Fenomenais». Este adeus da Rikitrí supón a testemuña da desaparición dunha comunidade informal que cada día facía cidade, mais que por ventura formará parte da memoria emocional das persoas que vivimos alí momentos de lecer e compañía. Emporiso as tabernas, tascas, bares ou cafés forman parte do sistema nervioso de cada cidade, xa que máis alá do consumo de bebidas e tapas son espazos necesarios para facilitar o benestar emocional e a socialización da veciñanza e das persoas que nos visitan. Un fenómeno vigués moi característico estudado polo escritor José G. Barral Sánchez en Por catro perras (Cardeñoso, 2007), a primeira guía de tabernas e tascas de Vigo, prologada polo lembrado Xosé Ramón Iglesias. Nas páxinas da obra formidable de Barral está a Rikitrí, xunto a outras tabernas clásicas viguesas como Elixio da travesía da Aurora (hoxe na súa terceira etapa da man de Poldo Celard), o Bar Chavolas da rúa Cesteiros, o Bar Pereira da rúa Ecuador, o Racimo no Couto Piñeiro, o Bar Primavera da Ronda, o Estanco de Bembrive, o Porco da rúa Real, entre tantas outras.

Secasí, a partir de agora a de Miro formará parte da longa relación de tabernas viguesas da memoria, desaparecidas como as que ocupaban a praza do Berbés como o Bar Turista, Avencio, Canta Galo, Si Podo, Raúl, Girasol, Rápido ou Diego. Como desapareceu en 2018 o Bar Tapitas e outros sete que había na rúa de Santiago, onde aínda permanece aberto o Bar Nosa Terra. Como desapareceu a taberna da Viúda, onde se construíu o edificio do Colexio de Arquitectos, como hai poucos anos pecharon o Gazpara na praza da Princesa, o Bar Hipólito  e o Buraquiño de Travesas, a Cosechera e o Barajero na rúa Pi e Margall ou o Bar Mascato da rúa Llorente, preto de onde aínda reside a emblemática Casa Roucos, santuario de artistas e escritores vigueses. Como hai tempo que pechou a Casa Armando da calella das Angustias, da que aínda lembro o arrecendo dos callos os xoves e sábados, as mesas de mármore branco puído e as fotografías de viaxes do Celta, espazo de privilexio para os editores de Castrelos, Xosé María Álvarez Blázquez e Darío Xohán Cabana.

Adeus Rikitrí, beizón Miro por tantos anos de agarimo e presenza!

Onte 2155: «Vémonos mañá» de Xosé Monteagudo

Cando fun recoller os primeiros exemplares de Vigo, abella da ribeira (Xerais 2023) tiven a fortuna de levar tamén un de Vémonos mañá (Xerais 2023), libro co que Xosé Monteagudo se incorpora ao catálogo de Xerais Narrativa. Confeso que lin de dúas longas sentadas esta novela engaiolante sobre a relación dos pontevedreses Josefina Arruti Viaño e Bibiano Fernández Osorio-Tafall, unha historia de resistencia de dous amantes separados de forma inesperada o 12 de xullo de 1936, na que unha chamada telefónica cinco días despois mudará as súas vidas, pero nunca nin as súas ansias nin os seus ideais. Unha conmovedora novela política sobre tantas esperanzas truncadas pola rebelión militar que, como fixeran con tanto acerto Suso de Toro coa figura de Ramón Baltar ou Luís Rei Núñez coa de Castelao ou Reboiras, amosa que a reconstrución dende a ficción de traxectorias biográficas constitúe unha estratexia moi valiosa para o coñecemento da historia e memoria do galeguismo.

Acerta Monteagudo cando se achega con certa distancia á figura de Bibiano F. Osorio-Tafall, profesor de ciencias, unha das figuras políticas galegas máis relevantes do século XX, tanto polo seu papel no proceso de aprobación do Estatuto do 36 como alcalde de Pontevedra e presidente da comisión intermunicipal, pola participación nos gobernos da República, especialmente no último de Negrín como, xa exiliado en México, polo seu labor diplomático na FAO e nas Nacións Unidas, sendo mesmo candidato a presidir a propia ONU. Como acerta Monteagudo en afondar na figura heroica (e case anónima) de Josefina Arruti, cuxa historia desvelara Montserrat Fajardo no seu formidable Un cesto de mazás (2015), que sufriu en Pontevedra a durísima represión daqueles anos de terror, dende meses de cárcere a anos de acoso e estreiteza económica.

Monteagudo ofrece dous retratos paralelos que se van desvelando no tempo, unha estrutura narrativa moi precisa e orixinal que en vinte e catro horas conta dúas vidas longas que a pesar de xiros e reviravoltas diversas semellan nunca darse totalmente por vencidas. Vidas que se orientan por decisións e instantes capaces de determinalas para sempre, como tamén as das súas familias e do seu propio país. Que tería acontecido en Galicia se Bibiano F. Osorio-Tafall tivese aceptado a proposta de Adolfo Suárez a presidir aquela Xunta de Galicia da Preautonomía?

Recomendo vivamente a lectura dunha novela rica en matices e detalles, escrita de forma elegante sen abandonar nunca a distancia e a contención necesarias para que os retratos de Josefina e Bibiano resulten tan atractivos como verosímiles. Parabéns ao autor e á editora por incorporalo ao seu catálogo.

Celso Emilio, fillo adoptivo de Vigo

No primeiro artigo do ano en Faro de Vigo propoño que Celso Emilio Ferreiro sexa declarado fillo adoptivo de Vigo e se recupere o premio internacional CEF de poesía:

Unha das novas culturais viguesas recentes é o rescate dos poemas prohibidos de Celso Emilio Ferreiro (CEF) promovido polo Colexio de Procuradores de Vigo presidido por José Antonio Fandiño. Dez textos escritos en castelán, que formaban parte da primeira edición de Antipoemas (El Álamo, 1972), mais que foron censurados e retirados do libro, sendo editados de forma artesanal por Xosé Xesto en Venezuela como unha separata non venal. Un compendio de poemas prohibidos que amosaba ao Celso Emilio político e antifranquista, tamén o máis esperanzado, dos seus últimos anos no doloroso desterro venezolano. Velaí poemas como «Juan vive muy bien en Caracas», «Hay que definirse» ou «Lo que el tiempo espera», no que confesa a esperanza que cheguen «ventos propicios» e «horas feridas», días no que será posible «derrubar a pirámide de chumbo» grazas ao riso da xente, sen dúbida, referíndose á fin da ditadura franquista.

Un singular rescate poético realizado polo colexio vigués de procuradores que dende 2020, cando o nomeou colexiado de honra, comprometeuse de forma modélica coa causa da memoria do poeta de Celanova, ao tempo que contribuíu a recuperar para o arquivo da Fundación CEF medio cento de documentos que desvelan a súa actividade como profesional da procura, instalado en Vigo dende 1950 nun despacho da rúa Gil, no que se centra en denuncias de contrabando no Mercado da Pedra, e na que mantén tamén unha oficina de seguros. Unha actuación na procura, coincidente co período vigués, de 1950 a 1966, anos decisivos para a súa escrita poética, nos que publicou en Vigo O soño sulagado (1954), Voz y voto (1955), impreso clandestinamente no prelo de Gráficas Numen de Luis Noia e Longa noite de pedra (colección Salnés, 1962). Anos tamén nos que dirixe un obradoiro de fotogravado, colabora con Ramón González Alegre na dirección da revista Alba e publica nas páxinas de Faro de Vigo medio cento de artigos, entre eles os da sección «La jaula de los pájaros raros», na que ofreceu algunha das súas mellores prosas viguesas.

Entre estes textos de Faro de Vigo hai dous de gabanza que merecen ser salientados: «Glosa de Vigo», un longo traballo publicado no folleto especial que Faro publicou con motivo do seu centenario, e «Vigo, puro milagro», premiado no concurso literario do Centro de Fillos de Vigo en 1954. Dúas pezas merecentes de formar parte do libro de ouro de Vigo, unha cidade para Celso dun ímpeto case volcánico «que descansa no lombo dos peixes e gabeou Castro arriba para contemplarse orgullosa e ver o mar». Unha cidade «á que lle falta intimidade porque lle sobra adolescencia, é dicir, timidez», conformando «un milagre do mar, agromada coma unha flor na súa beira». «Vigo, cidade clara e rotunda coma un teorema, pecha no seu encanto, na súa gracia e donaire, unha teoría de milagres idénticos aos que laten ao ritmo da pandeirada», –escribe o poeta, rendido diante do pulo das glándulas que impulsaron o crecemento febril e incansable dunha cidade, que representa a «fusión urbana do mariñeiro e do campesiño nunha síntese perfecta de cidade galega moderna», onde todos os galegos son capaces de reencontrarse doadamente e «ninguén precisa violentar o seu íntimo ser para incorporarse á vida viguesa».

Dende aquel triste serán do 31 de agosto de 1979, no que faleceu no piso da avenida de Castrelos que compartía con Moraima, Vigo aínda non homenaxeou como merece poeta que tanto a amou. Certo é que o alcalde Manuel Soto participou nas primeiras homenaxes e que a corporación que presidiu dedicoulle en 1982 unha rúa e paseo na proximidade do Castro co seu nome, onde chantou un busto do poeta. Como tamén o é que a alcaldesa Corina Porro descubriu  en 2004 unha placa no edificio da rúa Urzaiz onde viviu a familia Ferreiro Loredo. Como ademais é salientable que no ano 2000 o concello de Vigo, sendo alcalde Lois Pérez Castrillo e concelleiro de Cultura Carlos Príncipe, convocou en colaboración coa Deputación de Ourense, presidida por José Luis Baltar, o Premio de Poesía Celso Emilio Ferreiro, que cunha dotación de cinco millóns de pesetas (30.000 euros) distinguiu a traxectoria dun poeta. Primeira e única convocatoria dun certame literario internacional do que resultou gañador Eugenio de Andrade, o grande poeta portugués.

Un compromiso aínda cativo con Celso Emilio que cando celebramos esta noite de Reis o 111 aniversario do seu nacemento debería ser incrementado. E para iso nada mellor que o concello recuperase a convocatoria do premio internacional de poesía co seu nome, o que tamén colocaría a Vigo na axenda literaria mundial, e a corporación acordase por unanimidade declarar a Celso Emilio Ferreiro como fillo adoptivo a título póstumo, o que contaría cun amplo apoio das entidades profesionais, veciñais e culturais viguesas.

Feliz 2023

Neste 2022 de ballóns continuamos a tradición de celebrar o serán de San Silvestre coa música do grupo dos manchesterianos irmáns Gallagher. Desta volta facémolo con «Stop Crying Your Heart Out», tema que corresponde co nivel de suave melancolía das rúas viguesas arestora.

Os meus mellores votos para un 2023 no que as luces dos afectos nos permitan compartir a esperanza do porvir.

Saúde, amor e boas lecturas galegas!

Carlos Núñez e a marca celta

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao concerto de Nadal de Cartlos Núñez e a súa reivindicación da marca celta:

O marabilloso concerto de Nadal de Carlos Núñez nun García Barbón a rebentar amosa que Galicia, e Vigo moi en particular, pertence a ese universo mítico celta que comparten as sete nacións das fisterras atlánticas. Acompañado do seu irmán Xurxo á percusión e programacións, do seu inseparable Pancho Álvarez ás cordas e de tres virtuosas, a euskalduna Itsaso Elizagoien á trikitritxa, a catalá María Sánchez ao violín, fídula e voz e a bretoa Bleuenn le Friec á arpa, o gaiteiro vigués desenvolveu un emocionante concerto sobre as orixes da nosa música tradicional. Serán memorable, que rematou coma unha xenuína fest-noz bretoa cunha exaltación das danzas atlánticas, dende os engaiolantes xotes universitarios brasileiros até o andró bretón. Un concerto inesquecible no que Núñez estreou «Danza de espadas», tema moi novidoso no seu amplísimo catálogo musical, xa dispoñible en Spotify, onde a súa escolma das danzas mariñeiras de Marín e Redondela, catalogadas polo musicólogo Casto Sampedro, se mesturan coas bases rítmicas e percusións dixitais de trap creadas por Yung Denzo, dj produtor vigués de 18 anos, un fito para a anovación da nosa música tradicional.

Ao longo  do concerto, unha tradición que abre o nadal vigués cada 23 de decembro, custeado só coas vendas da billeteira, Carlos Núñez reivindicou a marca celta para a nosa cultura, causa na que leva comprometido desde que publicara o seu primeiro disco, «A irmandade das estrelas» (1997), e na que afondou en Entre Fisterras (Xerais 2003), o libro de conversas con Salvador Rodríguez, xornalista de Faro de Vigo, realizado en paralelo á investigación cultural que o levou á gravación do disco, «Almas de Fisterra». Unha marca celta que para Núñez constitúe unha oportunidade de conexión cos países e culturas do espazo atlántico, mais tamén unha posibilidade de abrir unha xanela para sermos recoñecidos no contexto global e homoxéneo no que Galicia está inmersa. Unha identidade celta en continúa construción, que remite tanto ao pasado como ao futuro, unha identidade viva que quere asimilar miles de anos de interacción co Atlántico que, como sinala o profesor Manuel Gago, constitúe un valor diferencial, positivo e poderoso, capaz de conectarnos e diferenciarnos a un tempo.

A marca celta supón para Galicia orientar tamén a ollada de forma prioritaria cara ao chamado eixo atlántico europeo, tanto a nivel económico como cultural, tanto a nivel do desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias, portuarias e aeroportuarias como dos mercados exteriores. Noutras palabras, dirixir os esforzos e conexións máis cara a Gallaecia portuguesa, a costa atlántica francesa, Irlanda e o Reino Unido, que cara a Madrid e o eixo mediterráneo europeo. Nese espazo económico e cultural celta (ou atlántico, se prefiren a denominación xeográfica) Galicia ten moito que dicir e compartir con esoutros países celtas, desde o futuro da industria do automóbil, o claro potencial do sector das enerxías renovables, a recuperación das súas linguas propias minorizadas, o aproveitamento sostible dos seus caladoiros de pesca, o abandono do rural e devalo demográfico, as relacións entre o patrimonio e o turismo, as migracións e diásporas americanas, a preservación dos hábitats até as dietas excesivas en graxas e sal da súa poboación. E non estamos falando aínda nin de música nin de literatura nin do de desenvolvemento do sector audiovisual no marco do mainstream onde as afinidades son máis evidentes.

Nesta estratexia celta para que Galicia aproveite as oportunidades da súa identidade cultural e localización atlántica, Vigo como primeira cidade industrial e portuaria galega, mais tamén pola súa tradición cosmopolita e modernizadora, ten unha posición inmellorable para liderala. E hai razóns abondas. Dende hai décadas, como cidade do automóbil mantivo contacto portuario permanente coas factorías bretoas do grupo PSA Citroën, conexión desta autoestrada do mar que se ampliará o ano entrante co porto de Liverpool, onde desembarcarán compoñentes fabricados en Balaídos para ser montados na factoría de Stellantis de Ellesmere-Port. Como existen afinidades culturais entre Nantes e Vigo, unidas por Jules Verne e a súa fascinación pola ría de Vigo, cidades que agardan por un irmandamento. Como non se pode esquecer que Vigo é sede dunha modélica Escola de Música Folk e Tradicional e da Escola de Construción de Instrumentos Musicais, como que aquí tiveron o seu berce musical o propio Carlos Núñez e os seus compañeiros de Matto Congrio que formaron logo Berrogüetto, abrindo os límites para a música de raíz…

Ten razón Carlos Núñez cando reivindica a marca celta, é unha oportunidade económica e cultural que unha Galicia liderada por Vigo non pode deixar escapar.

 

Trece noites, trece lúas

No espazo da semana en Faro de Vigo ofrezo a miña nadaliña cos meus mellores votos:

Trece noites, trece lúas conforman o tempo mítico de Nadal, dende a Noiteboa do 24 de decembro até a Epifanía ou Día de Reis do 6 de xaneiro. Trece días dun tempo sagrado sen que maxia nin bruxaría teña efecto, xa que na cultura popular galega todos os meigallos que se intentan neste período fracasan, ou deberían fracasar, sen remedio. Trece xornadas, que dende a noite dos tempos coinciden co solsticio de inverno, para os gregos a porta dos deuses, mais tamén coas festas en honor a deuses como Osiris e Dióniso, ou cos días das Saturnalia e das celebracións na honra de Mitra e o Sol Invicto.

Trece longas noites, remate e inicio do ciclo das festas anuais, nos que tras a agonía do inverno, como sinala o escritor Antonio Reigosa, «reverdece en cada un de nós unha ilusión e unha esperanza polo que se anuncia vai comezar». Tempo de Nadal de ritos e tradicións, de banquetes e agasallos, de felicitacións e aguinaldos, de danzas e panxoliñas, que convidan a compartir a esperanza e proporcionan a benvida a un tempo novo, que agardamos ventureiro e feliz, recargándonos, da «enerxía suficiente para que a natureza, e nós con ela, revivamos outra volta».

Como salienta Reigosa no seu referencial Trece noites. Trece lúas. Libro de marabillas do Nadal (Xerais, 2011), sendo este tempo de Nadal consecuencia dun sincretismo de ideas, prácticas e crenzas desenvoltas ao longo dos séculos na maior parte de Europa e América, seguindo en maior ou menor grao de acomodo ás recomendacións das distintas igrexas cristiás, en cada comunidade conformouse unha tradición cultural de nadal de seu.

Emporiso, como propón o antropólogo Rafael Quintía, é posible vivir un Nadal á galega, anovando ritos e tradicións nosas, sen deixarse levar polos cantos de serea que converteron o Nadal nun tempo de consumismo desaforado de todo tipo de recursos escasos. É posible revivir os ritos de Nadal propios, contribuíndo ao reforzamento da nosa identidade, dos ritos de comensalidade amigable e recollemento familiar, partillando mesa, encontros interrompidos infelizmente durante dous anos de pandemia.

Fronte ao Nadal consumista de dispendio de agasallos efémeros e superfluos, é posible outro Nadal. Como tamén o é fronte ao Nadal espectáculo de millóns de luces, lambonada visual que serve de croma para autofotos en redes sociais; ou fronte ao Nadal alongado que transforma o centro da cidade durante case tres meses en parque temático charramangueiro ao ritmo dun Rockefeller center. Como fronte ao Nadal de concentracións motociclistas que de forma abusiva contaminan cos seus escapes en tempos de escaseza enerxética e abouxan co estrondo das súas bucinas, colapsando o tráfico en toda a cidade, é posible recuperar outro Nadal austero onde os aspectos sagrados da nosa tradición poidan ser anovados e compartidos coas persoas que teñen a curiosidade por visitarnos.

Como son estes días tamén os máis propicios para asumir os principios de consumo responsable, preferiblemente de produtos galegos, sexan de alimentación, de artesanía ou das nosas industrias culturais, contribuíndo neste tempo de emerxencia planetaria a poñer fin á guerra contra a natureza, como reclama o recente «Manifesto da Outra Xente» promovido por Manuel Rivas e Antonio Sandoval. É posible outro Nadal no que, como sinala este chamamento, «fronte ao fanatismo da sobreexplotación ilimitada» de recursos naturais e enerxéticos, «abra paso a un decrecemento, entendido como unha nova abundancia» no benestar e coa natureza.

En Vigo tamén debería ser posible un Nadal galego, onde as rondallas metropolitanas anunciasen polas rúas cos seus chascaraschás e o debuxo no aire das súas bandeiras a ventura das luces do aninovo. Outro Nadal, onde gaiteiros e danzantes ocupasen as rúas para cantar os Manueis, Xaneiras e Reis e pedir o aguinaldo, como se veu facendo dende hai séculos. Esoutro da continuidade arredor da praza de Compostela da Gran Carreira do Pavo, o premio pedreste de Nadal organizado alí dende hai máis de medio século. Mais tamén un Nadal para as outras músicas, como os concertos desta semana no teatro de Afundación, o luns o da Orquestra Clásica de Vigo, organizado pola Universidade de Vigo, o venres o de Carlos Núñez, formando parte da extraordinaria xira de Nadal do artista vigués.

Xaora e por ventura, o Nadal principal é o dos afectos compartidos na mesa familiar para gozar de pratos de orixe humilde como Coliflor con bacallau, como a Álvaro Cunqueiro gustaba chamar a peza máis popular da nosa tradición culinaria de Noiteboa, completada co leite frito e outras sobremesas larpeiras deste tempo. En todo caso, ao xeito dos mellores votos daquelas nadaliñas asinadas durante a ditadura polos galeguistas vigueses: Que sexa a estrela dos afectos a que nos guíe!

Amigos da Arte

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro do historiador José Luis Mateo Álvarez sobre a Sociedade de Amigos da Arte de Vigo, 1931-1941:

O historiador José Luis Mateo Álvarez, membro moi activo do Instituto de Estudios Vigueses, tras o libro e a exposición sobre a Escola de Artes e Oficios (1886-1976) e sobre a historia do Teatro Keyzán, acaba de publicar A Sociedade de Amigos da Arte de Vigo. Unha década de actividade cultural 1931-1941 (IEV, 2022), outra das súas investigacións imprescindibles para entender que o activismo artístico, cultural e social de lecer constitúe outra hélice do ADN de Vigo como cidade atlántica industrial con vontade de liderar o proxecto galego de acceso á modernidade. Sociedade artística que deixou unha pegada tan indeleble como até agora esquecida na memoria da cidade, mais por ventura recuperada por esta monografía que en palabras do prologuista, o crítico vigués de Arte Carlos L. Bernárdez, «ilumina unha parte da historia cultural da cidade no período republicano e na primeira posguerra» e rescata unha nómina moi ampla de nomes significativos de escritores, xornalistas, editores, pintores, escultores e músicos, que protagonizaron un intenso labor naquel Vigo das décadas de entusiasmo de 1920 e 1930.

Como un dos mellores coñecedores da historia cultural viguesa contemporánea, Mateo identifica nas actividades das sociedades recreativas as experiencias que anticiparon a creación de Amigos da Arte en xullo de 1931. Velaí a Exposición da Arte Galega de 1924, instalada na Escola de Artes e Oficios e organizada polo Ateneo de Vigo (fundado en 1921). Velaí o Primeiro Salón de Primavera de Artistas Noveis, inaugurado o 15 de maio de 1931 no Salón de Festas de Faro de Vigo e organizado pola Sociedade Recreo (fundada en 1928), na que se expuxeron 106 obras de artistas vigueses, entre as que atopaban apenas as de dúas únicas mulleres, as pintoras Elena Agra e Julia Álvarez Prado, que nas súas declaracións reclamaron a constitución en Vigo dunha Sociedade de Amigos da Arte como as xa existentes en Madrid dende 1909 ou Santiago desde 1928. Como tampouco esquece Mateo estudar as relacións de colaboración de Amigos da Arte co Centro de Hijos de Vigo, sociedade recreativa cultural nacida en maio de 1932 coa intención de fomentar o «viguismo» desde posicións apolíticas, entidade organizadora das Festas da Reconquista e do traslado dos restos de Cachamuíña Pereiro, entre outras iniciativas.

Tras sinalar que o primeiro obxectivo da Sociedade de Amigos da Arte foi apoiar ao concello na creación do Museo de Vigo, onde celebrar exposicións artísticas, Mateo salienta que as razóns de ser deste novo axente cultural foron contribuír a enaltecer a actividade de artistas e pensadores e constituír un tecido cultural forte, que transcendese o carácter festivo ou social das numerosas sociedades recreativas existentes dende o século XIX, unha condición que os seus promotores, como os poetas José Antonio Ochaíta e Enrique Romero Archidona, consideraban indispensable para que Vigo se convertese nunha gran cidade. Xaora, constitúe a cerna desta magnífica obra de Mateo a presentación das actividades de Amigos da Arte, como os seus concursos de debuxo infantil, a publicación da revista Horizonte (1932),a participación da súa sección literaria na Semana do Libro, os seus recitais poéticos, as súas conferencias, a incipiente participación das mulleres, a súa actividade teatral e, sobre todo, as súas exposicións artísticas, un dos seus obxectivos principais, proporcionándolle presenza nos salóns do Casino, do Faro ou nas Galerías de Príncipe a unha nova xeración de artistas, «os Novos» como Maside, Colmeiro, Souto, Torres, Eiroa, entre outros.

Se isto xa non abondase, Mateo dedica a parte final do libro a reconstruír as biografías dos artistas vencellados a Amigos da Arte, unha documentación excepcional para ese proxecto colectivo de recuperación da memoria cultural viguesa do século XX. Aquí aparecen os nomes do ourive Ángel Cajaraville Mareque, dos ilustradores Jesús Conde González «Xesús» e Mario González, do ilustrador de pergameos Fernando D’ Oliveira e do seu fillo, dos pintores Emilio Fernández Rodal, Demetrio Lobato, Carlos Sobrino e Luis Gil Vicario, dos escultores Manuel Longa e Camilo Nogueira, entre outros. Como remata Mateo sinalando que a desaparición dos Amigos da Arte a comezos da década de 1940, tras a adaptación dalgúns dos seus membros a nova realidade estética e cultural do réxime, deixou un grande baleiro na actividade cultural da cidade, que en boa medida sería cuberta de forma informal dos parladoiros do Derby, Savoy, Café Colón, Café Tropical ou na Taberna de Eligio, nos que participaba a bohemia artística viguesa, mais ese xa é outro relato por abordar.

Recomendo vivamente este libro sobre Amigos da Arte e parabenizo o excelente traballo de José Luis Mateo.

45 anos dos Premios da Crítica de Galicia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración dos 45 anos dos Premios da Crítica de Galicia:

Na intervención que pechou o sábado o acto de entrega dos Premios da Crítica de Galicia 2022, Carmela Silva reclamou o liderado de Vigo, tamén no eido da cultura. Unha reivindicación coa que a presidenta da Deputación de Pontevedra recoñecía tamén o papel que para forxar ese liderado supuxo esta iniciativa da sociedade civil viguesa, encabezada polo editor Bieito Ledo e polo pintor Antón Pulido, que dende hai corenta e cinco anos organizan estes premios honoríficos cos que se pretende recoñecer a excelencia da creación e da produción das industrias culturais galegas, dende a literaria ao cinematográfica, dende a investigación á cultura gastronómica, dende a música ás artes plásticas e dende as iniciativas culturais e científicas ás artes escénicas. Premios que dende aquela primeira «Cea das letras», celebrada no desaparecido Hotel Samil o 16 de maio de 1978, organizados de forma entusiasta polos entón mozos do Círculo Ourensán Vigués, tiveron sempre a súa sede en Vigo, coa excepción do período no que foron trasladados a Mondariz Balneario, converténdose nunha das institucións culturais máis prestixiadas e veteranas da cidade.

Unha continuidade, tamén unha teimosa insistencia –á que certo é non foron alleas algunhas dificultades no apoio proporcionado polas administracións públicas– na que os promotores mantiveron o seu espírito fundacional de artellalos como un afán colectivo e altruísta de carácter normalizador. Uns premios deseñados para abrir unha xanela de visibilidade para a produción cultural galega anual, nos que convidaron a participar a máis de mil catrocentas persoas de diversas xeracións, profesións e ideoloxías como membros dos seus xurados. Un traballo crítico esencial, independente e rigoroso, no que participaron grandes figuras xa desaparecidas, como Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Basilio Losada, Carlos Casares ou Pilar Vázquez Cuesta, que foi conformando un cadro de honra de persoas e entidades premiadas que permiten identificar as profundas mudanzas da creación cultural en Galicia ao longo dos períodos da Preautonomía e da actual Autonomía, tanto no que atinxe ao prometedor desenvolvemento das súas industrias culturais (editorial, musical, plástica, teatral e audiovisual) como das feblezas e ameazas provocadas pola ausencia de políticas culturais públicas efectivas de internacionalización dos sectores e de fomento da lingua galega.

Premios da Crítica de Galicia nos que podemos identificar a profunda fenda de xénero presente en todos os sectores culturais galegos, mitigada hai pouco máis dunha década, cando a asociación abriu unha etapa de anovación, tanto pola incorporación de mulleres na promotora dos recoñecementos como na propia composición dos xurados, dende entón paritarios, o que se comezou a percibir no elenco de gañadoras. Así na modalidade de Creación Literaria houbo que agardar 18 anos a que fóra premiada a primeira muller, Marilar Aleixandre, abrindo unha nómina á que dende 1995 se incorporaron Pilar Pallarés, Anxos Sumai, Luisa Villalta, Ana Romaní, María do Cebreiro, Moncha Fuentes e Olga Novo, apenas oito de 45 persoas premiadas. Outro tanto sucede na modalidade de Investigación onde a relación de premiadas redúcese a catro, iniciada por Begoña Bas en 1992, á que dende entón seguiron Pilar Rodríguez Suárez, Patricia Fra e Blanca Ana Roig Rechou, todas vinculadas ao ámbito das Humanidades. Tendencia que se mantén na modalidade de Música, na que son só seis as premiadas desde que en 1985 o fora Dorothé Schubarth polo seu Cancioneiro Popular Galego, compilado con Antón Santamarina, á que seguiron Guadi Galego, Uxía, Mercedes Peón, Margarita Viso e nesta edición a cantora e investigadora mariñá Ugia Pedreira. E outro tanto se podería apuntar das outras disciplinas artísticas, nas que como reclamou tamén na súa intervención Carmela Silva, faltan máis mulleres premiadas.

As modificacións introducidas na convocatoria destes premios amosan as mudanzas, a vitalidade e a diversificación do conxunto do sector cultural galego. Das cinco modalidades da primeira edición, seis na segunda, pasáronse as oito actuais, tras a creación das de «Cultura Gastronómica» en 2014 e de «Cine e Artes Audiovisuais» en 2018. Ampliación do número de modalidades que cada edición propón no seu ditame algún dos xurados, sexa para desdobrar a de Investigación nun premio de Humanidades e outro de Ciencias e Tecnoloxía, fose para facelo nos diversos xéneros da Creación Literaria ou das Artes Plásticas, desdobradas, como se propuxo nesta edición, en Pintura e Escultura, Deseño e Arquitectura. En todo caso, axustes posibles para unha iniciativa con vontade de perdurarmos e de continuar forxando unha tradición.

Kruckenberg poeta viguesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición sobre María do Carme Kruckenberg:

A exposición «María do Carme Kruckenberg. Vivir unha aventura irrepetible», proxecto da Fundación Penzol e da Deputación de Pontevedra, instalada na sala Rosalía da sede viguesa da institución provincial na rúa Chao, percorre a traxectoria dunha das intelectuais viguesas máis destacadas do século XX, poeta que nos difíciles anos de posguerra adscribiuse á resistencia cultural sementando coa súa concepción de Vigo e da ría como epicentro vital e literario e co seu activismo poético gromos do actual Vigo literario. Comisariada pola profesora Mercedes Queixas, tamén a biógrafa de referencia da autora viguesa, utilizando os recursos gráficos dunha ducia de paneis informativos, de oito mesas documentais e dun audiovisual,  a mostra presenta a peripecia biográfica e autoral de María do Carme Kruckenberg Sanjurjo (MCK), dende o seu nacemento o 3 de xuño de 1926, no primeiro piso da casa Müdler da rúa Montero Ríos, deseñada polo arquitecto Manuel Gómez Román en 1907, até o seu pasamento, tamén en Vigo, o 16 de maio de 2015.

Un percorrido que salienta a súa formación políglota autodidacta nos anos de entusiasmo da República, a súa educación para a liberdade e  a súa formación como lectora na ampla biblioteca familiar, as súas viaxes por diversos países europeos, con preferencia por Portugal, nas súas estadías estivais e como acubillo protector en 1936, a súa participación nas tertulias da taberna Alameda, onde coincidiu con pintores como Laxeiro e Carlos Maside ou poetas como Celso Emilio Ferreiro ou os irmáns Álvarez Blázquez. Non se esquece a súa estadía en Bos Aires entre 1949-1953, onde mantivo dúas conversas inesquecibles con Castelao, nin o seu decisivo regreso coa súa filla, tras a súa separación, elixindo o camiño das mulleres soas, para establecerse outra vez en Vigo no «edificio da Peineta» (1926), entre Lepanto e Urzaiz, deseñado por Jenaro de la Fuente, e recuperar as súas amizades literarias e artísticas do Café Derby, cando a presenza das mulleres nestes encontros era moi minoritaria se a comparamos coa que vivira en América.

De excelente presentación e espírito divulgador, a exposición presenta, ademais, o compromiso creativo e vital que mantivo ao longo de décadas coas diversas expresións das artes, como a pintura, a música e a interpretación. Con todo, o desenvolvemento da súa ampla obra poética (vinte libros de poemas en galego e dez en castelán) constitúe a cerna expositiva, deténdose en títulos esenciais deste catálogo. Cantigas do vento (1956), escrito con apenas 19 anos e publicado na colección Alba de Alberto González Alegre, sendo o seu primeiro en galego, o que cada vez sería máis frecuente até convertelo en idioma vehicular na década de 1980. A sombra ergueita (Edicións Castrelos, 1976), libro ilustrado polo seu amigo Laxeiro, aínda que o editor só empregou o debuxo que aparece na cuberta, non puido ser publicado até dar superada a censura, para Ferrín «o seu libro máis valente, mesmo ousado, rotundo e vivo», inscrito na longa tradición do lirismo radical.

MCK fixo de Vigo o seu lugar no mundo, o espazo onde sempre desexou tornar lizgaira, o que expresou cun verso memorable, ben presente na mostra: «A onde fun, tornei a Vigo». Un compromiso coa cidade que salientou nun histórico recital de poesía promovido e coordinado por ela, o 18 de marzo de 1988 no Centro Cultural da Caixa de Aforros de Vigo, convocado baixo o título «Os poetas de Vigo cantan en homenaxe a súa cidade». Un serán literario concibido como un recital de masas no que María Xosé Queizán e Maximino Keyzán, acompañados da música e guitarra de Xesús Elías Quiroga, recitaron aos poetas históricos, Blanca Lorenzo e Miguel Anxo Murado puxeron a nota musical, para rematar coas intervencións do que Chuchi, como a chamaban as amizades, cualificou como o conxunto poético máis brillante da historia da cidade de Vigo formado por Ferrín, Pepe Cáccamo, Luz Pozo, Xabier R. Baixeras, Manuel Vilanova, Ramiro Fonte, Forcadela, Alonso Fontán, Xela Arias, Román Raña, Luis González Tosar, Paulino Vázquez, Reixa e a propia Kruckenberg.

Para aquela homenaxe ao Vigo poético, que se anticipaba tres décadas ao actual Vigo literario (mellor ca Vigo noir), Kruckenberg apelaba a que «os vigueses teñen a obrigación de coñecer aos seus traballadores da beleza, aos seus soñeiros de imposibles, aos seus malabaristas da palabra, aos que dalgún xeito tratan de conservar a flor dorida do espírito desta terra». Unha fermosa alegación a prol da poesía como a voz máis pura dunha cidade fundada polos autores das súas primeiras cantigas. Unha mostra máis do seu carácter transgresor e dunha personalidade forte que soubo facerlle fronte á independencia que quixo como norte da súa vida. Recomendo a visita a esta mostra que recupera o seu legado.

César Portela, artesán da arquitectura

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á obra viguesa do arquitecto César Portela con motivo do seu ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes:

O acontecemento cultural galego destes días foi o ingreso de César Portela Fernández-Jardón na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), un ano despois de que o fixera na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) como numerario da sección de Ciencias Técnicas. Senllos actos académicos brillantes de ingreso nos que o arquitecto pontevedrés defendeu a súa concepción da arquitectura como disciplina ao servizo da sociedade que aborda a construción do espazo, dacabalo entre a arte e a ciencia. Activo aos seus oitenta e cinco anos, lembrando o que o arquitecto estadounidense Louis Khan fixou, «a arquitectura é aquilo que a natureza non pode facer», Portela aposta por unha arquitectura que respecta, sublima e enriquece a natureza, ofrecendo seguridade aos corpos e liberdade aos espíritos. Para el «a boa arquitectura é capaz de conseguir que non se impoña ou substitúa a razón e que a arte non se supedite á ciencia». En definitiva, unha arquitectura que é ao tempo arte e técnica, capaz de crear espazos confortables e seguros, integrados na paisaxe natural, escoitando o que di cada lugar, pola súa topografía, luz e temperatura, como ao longo da historia fixeron os vellos construtores artesáns.

Profesor que foi da materia de Proxectos da Escola de Arquitectura da Coruña, a obra de César Portela dende os seus inicios alicerzouse en toda Galicia, proxectándose dende aquí a Andalucía, Xapón, Cuba e Venezuela, propoñendo unha síntese entre a relectura do autóctono e unha apaixonada defensa do Movemento Moderno, aspirando sempre a conmover coa súa beleza a quen percorre ou ocupa cada obra. Considerada como unha das mellores da arquitectura galega de todos os tempos, a obra de Portela exprésase de forma rotunda na súa integración co mar, protagonista dalgunha das súas obras máis icónicas, como o Faro de Punta Nariga (1995), construída con canterías curvas de granito, o Cemiterio do de Fisterra (2000), onde a área de sepultura se funde coa propia terra, ou o Museo do Mar de Alcabre (2002), esa belísima serea pétrea con fiestras sobre a ría, un espazo de memoria que deseñou co seu admirado Aldo Rossi en 1992 no castro de Punta de Muíño, onde se atoparon vestixios do comercio a longa distancia que hai mil douscentos anos mantiñan os poboadores da ría con fenicios e gregos. Espazos, nos que pretendeu reconstruír o verdadeiro rostro de Galicia, unha paisaxe de Atlántico puro, serena e estimulante.

Ademais da marabilla do Museo de Alcabre, parte significativa da obra de César Portela está noutros espazos de Vigo e na súa Área Metropolitana, onde se poden atopar algunhas das súas obras máis logradas. Velaí a Sede do buque cableiro (1986), situada no extremo sur do antigo Peirao de Transatlánticos do porto de Vigo, un robusto prisma de pedra, que no bordo portuario desafía os temporais. Velaí a Casa da Cultura (1989) de Cangas; o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (2002) no Polígono A Granxa, Porriño; o Centro Residencial para Maiores Asistidos (2002), en Barreiro; a rehabilitación integral dos edificios das illas de San Simón e San Antonio (2003). Velaí a Casa das Palabras, Verbum (2003), unha caixa sagrada de espírito silencioso diante das illas Cíes no areal de Samil; a Escola de Enxeñaría de Minas e ampliación da de Telecomunicacións (2003) da Universidade de Vigo nas Lagoas Marcosende; a rehabilitación integral do Antigo Teatro Cine Fraga, proxecto comezado en 2003 e aínda non finalizado, do que se leva executado o oitenta por cento, tras a venda das caixas de aforros; ou a ampliación da Terminal do Aeroporto de Peinador (2014).

Relación de edificios de César Portela en Vigo na que merece mención á parte o Auditorio e Pazo de Congresos de Beiramar, construído sobre os terreos de Casa Mar, proxectado en 2002 e inaugurado como Auditorio Mar de Vigo en 2011. Integrado admirablemente na paisaxe urbana, como antes fixera co formidable Edificio Multiusos de Vilalba (1997), nesta peza monumental viguesa conflúen o bordo urbano e o bordo litoral nunha dobre fachada, unha de vidro que enche de luz o edificio e a súa impoñente galería, outra de chapa metálica que o envolve e o amosa ao seu través dende a propia ría. Unha afortunada solución arquitectónica de integración da paisaxe urbana coa propia ría, infelizmente deturpada coa recente ampliación do recheo da Lonxa do Berbés.

Itinerario que obriga a incorporar a este rigoroso artesán da arquitectura, a este arquitecto humanista amante da poesía, á relación de grandes arquitectos que teceron a trama urbana viguesa. César Portela merece ser recoñecido, tamén, como un dos máis importantes artistas galegos contemporáneos, que transitando todos os camiños da arquitectura, construíu espazos para a vida no tempo presente e futuro. Moitos parabéns, admirado Pitín!