5,70 % en galego

No informe de resultados sobre hábitos de Lectura e Compra de Libros en Galicia 2024, encargado pola Consellaría de Lingua e Xuventude, o que merece parabéns, destacan dous datos. O primeiro: a poboación galega lectora, a partir dos 14 anos, é de 69,50 %, unha porcentaxe elevada, superior ao 65,30 % do ano anterior, nos niveis da media española; sendo superior a de mulleres (76,20 %) ca de homes (63,30 %) e a da provincia de Ourense coa de maior proporción de lectorado. O segundo: a poboación lectora habitual en galego é de 11,80 %, inferior á do ano anterior (12,40 %); sendo a porcentaxe de homes (13,30 %) superior á de mulleres (10,70 %); como a da poboación lectora entre 25 e 34 anos a máis galeguista (15,30 %), xunto coa maior de 65 anos (13,60 %); destacando a provincia de Pontevedra sobre as restantes pola cifra de lectorado habitual  en galego  (17,10 %). Datos sobre lectura en galego, que descenden ao 10,10 %, cando se refire á lingua do último libro lido e ao 5,70 % cando se refire á compra habitual de libros en galego (non de texto). Cifras que polo reverso, amosan que o 88,10 % do lectorado habitual en Galicia escolle o castelán e o 87,30 % do que compra na libraría faino de títulos en castelán. Porcentaxes desequilibradas, indefendibles en calquera política de fomento da lectura en galego, tiradas dunha consulta fiable que contou cunha mostra moi apreciable de 1.200 persoas. Números que amosan a situación dramática do libro galego tanto na biblioteca coma na libraría, onde se merca o 71, 10 % do libro en Galicia. Cifras que ofrecen un novo perfil para o libro galego, excluído o de texto e o infantil e xuvenil, reducido ás faragullas dun mercado de apenas 5,70 % de persoas lectoras seguidoras das novidades editoriais, lonxe do 8,00 % de hai dous anos; lectorado masculinizado (feito novidoso) e liderado polo tirón da provincia de Pontevedra (aventuraría que da clientela libreira da cidade de Vigo). Anoten: 5,70 %, outra cifra do devalo do sector editorial galego.

Publicado en Nós diario: 16/07/25

Clásicos

Desde que en 1982 Bieito Ledo, xerente entón de Galaxia, publicou a Biblioteca Básica da Cultura Galega de 50 títulos, co apoio das catro deputacións, foron varias as iniciativas que ofreceron ao público as obras cimeiras da literatura galega, xunto a outras relacionadas coa historia, economía, cultura popular e lingua. Reeditada en 1999 por Ir Indo e Galaxia, co apoio da CRTVG, aquela primeira colección de divulgación dos nosos clásicos tivo continuidade na Biblioteca de Autores Galegos de Diario 16 de Galicia (1991), na Biblioteca 114 de El Correo Gallego (1992), na Historia da Literatura Galega de ASPG, editada por A Nosa Terra (1996) e na Biblioteca Galega 120 de La Voz de Galicia (2002), que chegou a vender catro millóns de exemplares, coeditada entre o xornal e oito editoras galegas, grazas a un acordo inédito entón no sector, quizais no momento de maior visibilidade e entusiasmo que viviu a edición galega na súa historia. Neste ano no que celebra o seu 75 aniversario, Galaxia anuncia unha biblioteca de clásicos de apenas dez títulos, escollidos entre os 3.500 do seu catálogo histórico coa intención, como expresaron as súas directoras, Dolores Vilavedra e Patricia Arias Cachero, de «traer ao presente obras que renovaron o mundo cultural galego» durante o franquismo. Escolma que ofrece unha nova edición d’ A cociña galega de Cunqueiro ou unha antoloxía de Sempre en Galicia de Castelao preparada por Henrique Monteagudo, presidente da RAG, obras de grande interese, que merecen os maiores parabéns. Porén, se comparamos esta iniciativa con aquela Biblioteca Básica da Galaxia de hai corenta e tres anos ou con calquera das outras aquí citadas, esta cativa e interesante colección do 75 aniversario da editora viguesa amosa a austeridade coa que está publicando o sector, tamén as editoras tractoras, así como as enormes dificultades para contar cos patrocinios para abordar proxectos culturais de entidade como estas coleccións de clásicos. Tempos difíciles para o libro galego.

Publicado en Nós diario: 09/07/2925

Nelson de Matos

O pasado 8 de xuño morreu Nelson de Matos, o responsable de Publicaçoes Dom Quixote durante e vinte e tres anos, editor literario portugués por excelencia, o que lanzou a Antonio Lobo Antunes e Manuel Alegre, relanzou a obra de José Cardoso Pires e de João de Melo e apostou por Lidia Jorge, Pepetela ou Mario Claudio, entre outros autores portugueses. Foi tamén de Matos o primeiro amigo e cómplice da literatura e da edición galega en Lisboa, publicando a autores como Manuel Rivas, Xosé Luis Méndez Ferrín ou Agustín Fernández Paz. Lector curioso, editor elegante e comprometido, considereino sempre como un dos meus mestres no nobre oficio da edición do que se sentía tan orgulloso de exercer. Na conversa de sobremesas en Lisboa ou Tavira, ou nos encontros outonais de Frankfurt, aprendín de Nelson o que consideraba básico no oficio: o editor ten a responsabilidade de asumir todos os riscos na escolla dos mellores textos  e de  acompañar aos autores e autoras nos seus lanzamentos. Contoume con moito humor coma a súa historia como editor quedou marcada pola súa decisión de recusar a publicación dun texto de Jose Saramago cando era editor de Arcadia, unha anécdota que remataba quitándolle ferro de que eran cousas que acontecían con relativa frecuencia na edición, o que me axudou a encaixar algúns dos erros que cometín como editor. Como mamei de Nelson asumir que os lanzamentos precisan do entusiasmo incondicional do editor e da súa empatía para conxeniar coa complexidade das personalidades creativas dos autores. Como tamén é responsabilidade (non escrita) nosa contribuír a aliciar e seducir a axentes e editoras estranxeiras para que fosen traducidos a outras linguas. Non esquezo a súa achega ao recoñecemento da literatura galega no mercado editorial portugués, labor por desgraza no que se perdeu a súa xenerosidade. Na derradeira visita a Lisboa compartimos o pesar polo pasamento de Agustín Fernández Paz, autor a quen admiraba como defensor da lectura. Chorámolos con saudades.

Publicado en Nós diario: 02/07/25

Booktrailers

Hai case dúas décadas que en Xerais esforzabámonos por facer publicidade das novidades literarias empregando a linguaxe audiovisual, procurando a visibilidade da que carecían na propia TVG. Así naceron en 2006 os anuncios de Home sen nome de Suso de Toro e d’ Os libros arden mal de Manuel Rivas. Dúas pezas de 21 segundos, producidas por Lúa films, que serían os precedentes dos primeiros booktrailers galegos, os de Todo é silencio de Manuel Rivas e Asasinato no consello nacional de Diego Ameixeiras, que en 2010 comezamos a producir en paralelo aos pioneiros contidos educativos dixitais en galego. Iniciábase así un catálogo de máis dun cento destas pezas audiovisuais publicitarias de entre un e dous minutos de duración, creadas polo departamento de promoción dirixido por Celia Torres e realizadas en boa parte por David Rodríguez. Catálogo de pezas hoxe memorables, como as dos lanzamentos de Dragal (2012) de Elena Gallego, d’ Os televisores estrábicos (2014) de Ramón Villar, de Cabalos e lobos (2015) de Fran P. Lorenzo ou de Galería de saldos (2016) de Diego Xiráldez, que chegaba a introducir unha utilidade interactiva. Creados para compartir nos blogs, o desenvolvemento das redes sociais comezou a popularizalos, sobre todo, nas bibliotecas escolares e clubs de lectura, que con intencionalidade didáctica comezaron a crear estas pezas, entre o publicitario e a recomendación lectora. O festival de Cans recoñeceunas como xénero de seu, convocando dende 2018 o concurso «O ollo de vidro», que na recente edición de 2025 contou con cincuenta participantes. Aqueles booktrailers son hoxe «reels» para IG, TikTok, Fb e X, competindo como noutrora pola atención do público que no seu teléfono fai scroll de xeito interminable. Ademais do seu éxito como recurso didáctico para compartir experiencias lectoras, os booktrailers amosaron o compromiso da nosa edición por comunicar con públicos contemporáneos diversos. Unha oportunidade de visibilidade que a edición galega non pode desaproveitar.

Publicado en Nós diario: 25/06/25

Tolerancia

O anuncio da Consellaría de Educación de que as actividades complementarias, non incluídas na Programación Xeral Anual do centro, deben ser aprobadas polo equipo directivo e comunicadas ao Consello Escolar e a Inspección Educativa, abre a batalla ideolóxica educativa do goberno Rueda. Incluída no documento de instrucións de principio de curso, o que limita o seu alcance normativo, ao tempo que dificulta o funcionamento dos centros cun novo e disuasorio trámite burocrático, esta medida ensaia o discurso ayusiano de meter en cintura ao profesorado progresista, mobilizado en Galicia este curso polo futuro da lingua, de Altri ou do xenocidio palestino. Utiliza o argumento tan reseso de «neutralidade ideolóxica», coma se fora posible educar sen un sólido soporte de valores e sen que os centros abran as portas a artistas e profesionais diversas. Non esvararían en tan provocadora polémica, o conselleiro e a súa directora xeral de Ordenación e Innovación, se leran antes as dúas páxinas que Paulo Freire escribiu sobre o tema no artigo «A tolerancia unha das calidades fundantes da vida democrática». Se ben non é posible a neutralidade ideolóxica, na educación pública hai un compromiso irrenunciable cos valores republicanos de igualdade, liberdade e fraternidade, alicerces da convivencia co emprego do diálogo crítico e co rexeitamento de calquera tipo de discriminación. Iso que o brasileiro resume coa palabra «tolerancia». Instancia da propia existencia humana, a tolerancia non é sinónimo de indiferenza nin de pasividade, todo o contrario, é diálogo permanente, respecto a quen é diferente, aos seus soños, as súas ideas ou as súas opinións. Non hai convivencia posible nas nosas comunidades educativas sen persoas activistas (profes e familias) desta tolerancia virtuosa comprometida cunha educación como práctica da liberdade. Dar estoutra batalla ideolóxica nas aulas, aparentemente perdida, pode parecer outra torpeza de Rueda, que non quere perder nin un voto máis na dereita extrema.

Publicado en Nós diario: 18/06/2025

Híbrida

Tras a posta en marcha en 2010 do Proxecto Abalar como estratexia de dixitalización nas aulas, a Consellaría de Educación admite por vez primeira na súa Resolución de 13 de maio de 2025 que os centros participantes no proxecto E-dixgal, nacido en 2014/2015, poderán incorporar libros impresos, en tres materias no caso da Primaria e en dúas das obrigatorias de tres horas na ESO. Unha medida imprescindible para salvar in extremis un modelo de dixitalización educativa promovido por AMTEGA contra vento e marea, nunca debatido nin sometido a avaliación externa, cuestionado por profesorado e familias, do que desertan cada ano máis centros insatisfeitos pola baixa calidade dos materiais dixitais, fose pola súa escasa interactividade e orixinalidade como pola precariedade metodolóxica do seu deseño didáctico; sen menoscabo dos efectos nocivos do uso prolongado e único das pantallas como soporte lector e formativo neste alumnado en plena adolescencia. Modelo de educación híbrida, no que nas aulas se comparte o uso de recursos nas computadoras e pantalla dixital co de libros de texto e outros soportes impresos, defendido dende 2008 polas editoras galegas, que nunca fomos escoitadas nin consideradas á hora do desenvolvemento deste modelo dixital. Outra decisión traumática co libro galego do primeiro goberno de Feijoo, disposto entón a rebentar o que algún dos seus membros chamou «burbulla editorial galega» que, xunto co decreto de Plurilingüismo, levou case ao colapso do noso sector editorial educativo. Benvido este paso atrás do equipo do conselleiro Román Rodríguez, ao que non parece allea a intención de conter á hemorraxia prevista de abandonos do programa E-dixgal e incorporar outros vinte novos centros. Mágoa que por desgraza chegue tarde, cando as nosas editoras ofrecen a concorrencia máis reducida da súa historia na renovación desta oferta hibridada. Rectificar é de persoas sabias, o que en todo caso se agradece e abre o camiño para outras emendas pendentes aquí reclamadas.

Publicado en Nós diario: 11/06/2025

Será por cartos

Xa non estraña a ninguén a retórica barolenta empregada por Valentín García, o secretario Xeral da Lingua, para defender como un cara lavada as políticas do seu partido. Con todo, a súa máis recente deriva na polémica sobre a oficialización das linguas cooficiais na Unión Europea merece ser comentada polo novidoso argumento utilizado e pola audacia á hora de defendelo. Para García este recoñecemento de oficialidade do galego na UE constituiría unha imposición que custaría cada ano 44 millóns de euros, razón pola que se opón a que sexa referendada, a pesar de que o PPG apoiou unha proposta a prol da medida, hai dúas semanas. Un exercicio de coherencia de quen dende 2012 asumiu, entre outras responsabilidades, o deseño dos modelos de educación lingüística e de recoñecemento do galego nas institucións. Certo que nesta derrota, xa nos afixemos a escoitar o seu argumento de atribuír á poboación migrante, para el «xente de fóra», ou 155.000 monolingües en castelán, como as causantes da calamidade estatística do galego. Xaora, era difícil agardar a súa preocupación polo estado das finanzas do Parlamento Europeo, obrigado a asumir unha cantidade desorbitada para unha oficialización que apoiaría sen este custe económico. Galego si, pero sen que custe cartos, é a receita que García ofrece aos responsables europeos, avalada pola súa traxectoria inmaculada como xestor na que o fomento do galego nunca supuxo perigo ningún para cadrar as contas dos gobernos de Feijoo e Rueda. E se alguén o dubidase, abonda acudir ao portal da lingua galega e comprobar como continúa vixente a austeridade das axudas do seu departamento, xustificada coa crise de 2010. Velaí os dous euros por alumno/a das axudas anuais para proxectos de fomento do galego nos centros públicos, adxudicadas a finais de abril ou o importe das destinadas para a publicación de materiais didácticos (200.000 euros) conxeladas dende entón, tras unha redución do 80 %. Non vaia facer algún braghantón un negocio co fomento do galego!

Publicado en Nós diario: 04/06/2025

Exclusión

«Expulsan dun colexio público de Vigo a un neno de infantil pola súa agresividade» leo no xornal local. Non se trata dunha fake news, a noticia está contrastada coas familias do CEIP Emilia Pardo Bazán, coñecido en Vigo como Chouzo­. Trátase dun neno de 6º de Infantil “castigado” a non acudir á escola por “razóns disciplinarias”, que no curso pasado fora escolarizado nun centro concertado, onde tamén adoptara condutas agresivas continuadas co alumnado e co profesorado. Un alumno con claras necesidades de apoio educativo, escolarizado nun grupo de 13 alumnos, probablemente neurodiverso, aínda non diagnosticado en Neuroloxía Pediátrica, como centos doutros escolares nosos con problemas condutuais e emocionais. O extraordinario do caso do Chouzo é a decisión do centro, adoptada co amparo da Inspección e do Xefe Territorial, de expulsar temporalmente ao pícaro de 5 anos “cantas veces sexa necesario” e de xustificala co regulamento do centro na man. Exclusión á que se chega, despois de que a dirección solicitase unha coidadora máis para o centro (da que a consellaría di non dispoñer na bolsa de interinidades) e outra especialista en Pedagoxía Terapéutica (que a administración considera non lle corresponde por catálogo). É posible que non exista mellor solución que deixar o pícaro na súa casa? É isto admisible no actual modelo de educación inclusiva e acompañamento emocional individualizado do que presume a consellaría? Secasí, tras os parches conxunturais da pandemia dos programas Proa + e Acompaña, o persoal que asumimos a responsabilidade do Departamento de Orientación (DO) sabemos que non hai posibilidade de atención á diversidade dende un enfoque inclusivo sen reforzar os DO dos centros co persoal suficiente. Sen refacer (dende 2008) os catálogos obsoletos da rede de orientación educativa galega, que afectan as especialidades de orientación, PT, AL e persoal auxiliar, non hai inclusión educativa posible. O resto serán brindes ao sol ou solucións vergonzosas como a denunciada.

Publicado en Nós diario: 28/05/2025

Cubertas

Gustei moito da cuberta de Conta Sherezade (Xerais 2025) de Suso de Toro. Unha potente metáfora visual de Pepe Barro, o noso máis destacado deseñador gráfico contemporáneo, que chama a atención sobre esta excelente novela que indaga na memoria como motor da creación literaria. Cuberta cen por cen barrosá que nos lembrou as que Barro fixera para Polaroid (Xerais 1986) e Land Rover (Xerais 1988), títulos memorables da nosa narrativa e da propia edición. Cubertas as tres que respectan as condicións da edición de calidade: primeira, a editorial: a representación do contido do libro; segunda, a comercial: a atención do lectorado potencial na libraría ou na rede; e terceira, a do marketing: o recoñecemento da marca da editora e a coherencia coa colección da que forma parte. Un traballo de síntese gráfica, que obriga a unha lectura fonda e contextual do grafista e a escoller a arte final axeitada, entre os recursos da fotografía, a ilustración e a tipografía, sen menoscabo da conversa tripartita necesaria entre autoría, edición e deseño. Imaxe que forma parte fundamental do paratexto editorial, presente en cuberta, na cuarta de cuberta e nas lapelas, que nunca deben faltar nunha publicación de calidade. Concibidas como reclamo para o escaparate da libraría, dende que o editor Edmund Evans publicou en 1852 o primeiro libro cunha cuberta de cores, e sobre todo despois de Segunda Guerra Mundial, cando a edición se fixo industria editorial, as cubertas desempeñan hoxe un papel decisivo na cadea industrial do libro. Mais aínda cando o marketing editorial e a capacidade de inundar as mesas de novidades dos xigantes da distribución do sector, atribúen que a acollida da cuberta pode condicionar o 50 % das vendas previstas. O que non está de máis lembrar cando o libro galego libra a batalla pola súa existencia nas mesas e escaparates da libraría. Coidar a excelencia das imaxes de cubertas e dos seus paratextos, como do deseño do seu grafismo, é outro reto ineludible para o libro galego.

Publicado en Nós diario: 21/05/2025

Independentes

Gustei da profunda mudanza do elenco de editoras premiadas nos Follas Novas 2025 con respecto a edicións de hai unha década. A ducia de obras gañadoras este ano quedou repartida entre unha decena das editoras que pertencen a AGE, o 90 % do sector empresarial do libro galego. Un resultado novidoso para un gremio creado hai corenta e dous anos como unha alianza estratéxica entre as editoras de tradición galeguista (Galaxia, Ediciós do Castro e Xistral) coas novas editoras, como Alvarellos, Xerais e Sotelo Blanco, creadas no inicio da Autonomía e da oficialización do idioma. O feito de que fosen recoñecidas a excelencia das producións infantil e xuvenil de Cuarto de Inverno, a poética da colección Cera labrada de Apiario (que o mesmo día acadou o Premio da Crítica), a banda deseñada de Retranca editora, a tradución de Irmás Cartoné ou a edición literaria de Positivas, Kalandraka e Alvarellos amosa a madurez do sector destas chamadas «editoras independentes» e a normalización dun gremio que vive á intemperie nun mercado moi reducido e sofre a anomalía institucional de non ser recoñecido polo goberno como sector estratéxico. Por ventura, en Galicia edítase moito mellor que hai trinta e cinco anos, como existe por vez primeira unha edición especializada (educativa, infantil, traducida, poética, literaria…) dirixida a públicos diversos. Unha fortaleza destas editoras independentes, nas que traballan apenas dúas ou tres persoas comprometidas cun proceso artesanal de edición e un forte compromiso co emprego do galego. Modelo editorial facilitado posibilidade de reducir o volume das tiradas, utilizando os medios da impresión dixital e dunha reimpresión case baixo demanda, como pola apertura dunha canle de subscrición de novidades ou da visibilidade achegada polas novas mediacións das redes sociais, nas que participan con altas doses de creatividade e continuidade. Velaí o carácter insurxente  e o pulo entusiasta e contaxioso das editoras galegas independentes, merecedoras de apoio.

Publicado en Nós diario: 07/05/2025