Onte 952: Xeración da esperanza

antoniagamallo_1362227675_82Na excelente críticaOs santos nunca dormen, a primeira novela en Xerais Narrativa de Teresa González Costa, o incansable Manuel Rodríguez Alonso adscribe á autora do Grove no que denomina »Xeración do novo século». Máis alá da inevitable polémica xeracional, o de MAR paréceme un sintagma axeitado para chamar a atención sobre un gran grupo de narradoras e narradores que petan con moita forza nos catálogos da literatura galega actual, chamado a enlazar coa «Xeración dos noventa», aquela encabezada por Manuel Rivas e Suso de Toro, entre outros.

A esta »Xeración do novo século» pertencerían narradoras como Teresa González Costa, Ledicia Costas, Iolanda Zúñiga, María LorenzoBerta Dávila, Andrea Maceiras, María Reimóndez, Rosa Aneiros, Iria López Teixeiro, Sabela González, María Canosa ou Inma López Silva; como tamén Pedro Feijoo, Mario Regueira, Alberto Ramos, Diego Ameixeiras, Santiago LopoRoque Cameselle, Samuel Solleiro, Alberto Lema, David Pobra, Antonio Fraga, Alberto Momán, Xosé Díaz, entre outros.

Autoras e autores menores de corenta anos, nacidos a finais da década dos setenta e ao longo da dos oitenta, alfabetizados en galego xa dende o berce da escola primaria, que dende diversas opcións estilísticas e subxéneros abordan a narrativa galega dende unha óptica normalizada e en diálogo co seu tempo. Eis a nosa «Xeración da esperanza».

Onte 948: Choramos a Gabo

imagesA conmoción expresada na rede polo pasamento de Gabriel García Márquez demostra que somos o que lemos, que cada persoa lectora establece un vínculo de afecto cos seus autores máis queridos, aos que considera no núcleo máis próximo dos seus afectos. Cando souben da noticia da morte de Gabo por un chío de Twitter, inevitablemente, viñéronme a cabeza aquelas dúas noites de lectura febril de hai corenta anos (1974) nas que na Laboral lin abraiado Cien años de soledad. Dende aquela experiencia lectora, marcante na miña formación, seguín cada unha das súas obras onde sempre atopei a continuidade do fluír da condición humana. A recente edición do libro de Carlos Reigosa, A Galicia máxica de García Márquez, permitiume conversar en varias ocasións con Dasso Saldívar, quizais o seu mellor biógrafo, que nos cedeu algunhas fotos para publicar na edición de Xerais. A edición do excelente ensaio de Reigosa serviume, ademais, para profundizar no ADN galego de García Márquez, co que el explicaba a orixe familiar do seu pulo narrativo, e nas súas tres viaxes a Galicia e norte de Portugal (dúas privadas), unha terra que admiraba coma propia. Lonxe da previsible mitificación mediática á que asistimos nestas primeiras as horas, as lectoras de todo o mundo choramos a Gabo porque nas páxinas das súas obras o primeiro cidadán de Macondo ensinounos outra ollada posible sobre o mundo e sobre cada un de nosoutros mesmos.

En Ondarreta, Donostia.

Cultura corsaria

No artigo da semana en Faro de Vigo, a partir dos datos publicados polo Observatorio da Piratería e hábitos de consumo de contidos dixitais, reflexiono sobre o futuro da distribución do contido dixital.

A publicación do informe correspondente ao ano 2013 do «Observatorio de piratería y hábitos de consumo de contenidos digitales» amosa que en España durante o último ano non diminuíu de forma significativa o número de descargas ilegais de contidos dixitais culturais. Promovido pola «Coalición de Creadores», unha entidade que agrupa a case todas as entidades de xestión españolas e asociacións empresariais do mundo do música, o cine, os vídeoxogos e o libro, a pesar de ser un estudo de parte e non contar con outros datos comparativos oficiais ou académicos, este observatorio ofrece datos suficientes para ser considerados, canto menos, como tendencias significativas sobre unha cuestión moi polémica.

De inicio chama a atención da lectura destes datos que a metade da mostra de internautas consultados admite acceder a contidos culturais de forma ilegal, xustificando este comportamento, entre diversos motivos, polo feito de considerar caros os contidos dixitais, pola rapidez e facilidade do seu acceso, “por estar ao día no que sae”, pola incertidume de se lles vai gustar, “porque non é unha actividade ilegal nin censurable” ou, sinxelamente, “porque o fai todo mundo, xa que non pasa nada”. Como tamén son moi salientables outras cifras do informe, como a que sinala que durante o pasado ano o 84% dos contidos dixitais descargados en España o foron de forma non legal e sen outro custe para o usuario que non fose o que paga ao proveedor de internet.

O observatorio pon de manifesto que de 2012 a 2013 só diminuíron as descargas de contidos musicais, que pasan do 32% ao 27%, mentres se mantén o das películas no 43%, e aumenta o dos vídeoxogos, que pasa do 7,9% a 9,8%, e sobre todo o dos libros de ocio do 12,4% ao 20,5%, onde se incrementan tanto as descargas de libros dixitais como de libros impresos escaneados, a pesar de que o sector editorial é onde se produce un menor número de descargas dixitais. En todos os casos os produtos de novidades, os que teñen menos dun ano no mercado, son os máis descargados ilegalmente, o 35,8 % no caso dos libros, o 50,8 % no da música e o 31,2% no das películas. Tendo en conta, ademais, que o famoso “top manta” no que se ofrecen discos e películas pola rúa (fenómeno sobre o que se acuñou até agora o fenómeno da “pirataría”) é a esta altura unha canle de distribución de contido dixital ilegal en desuso, xa que apenas o 1% dos enquisados admite utilizala decote.

Estas descargas non legais provocan unha importante perda de ingresos para a industria dos contidos estimados para o pasado ano en 1.326 millóns de euros, sendo a música con 513, o cine con 450 e os vídeoxogos con 284 os máis prexudicados, mentres que na industria do libro a cifra deste lucro cesante sería de 79 millóns (o 4% do seu valor), dos que nós estimamos que corresponderían a Galicia 4,26 millóns de euros. Impacto negativo destas descargas non legais que afecta tamén aos postos de traballo nun sector cultural que conta con 63.578 empregos directo e aos ingresos anuais do estado en impostos e cotizacións sociais que poderían incrementarse en 526 millóns de euros anuais.

É moi difícil reconducir en España o problema das descargas gratuítas e ilegais en internet que ameaza con arruinar a todos os sectores da industria cultural e facer insostible o seu inevitable proceso de hibridación, tanto no deseño dos seus produtos coma nos seus procedementos de distribución. Un comportamento corsario (para evitar o termo “pirata” e as súas connotacións pexorativas) que -como se pode inferir dalgunhas opinións de usuarios de internet recollidas no observatorio, que o consideran un dereito do internauta a compartir os seus arquivos- ten que ver coa súa interpretación errada dos lexítimos dereitos de propiedade intelectual de autores e editores que identifican co produto analóxico (soporte físico) mais que non asumen no dixital, ao que pola súa natureza virtual asocian co acceso libre e gratuíto. Unha actitude á que tampouco é allea a escasa valoración que da cultura e da creación artística se foi instalando na nosa sociedade, fose pola irresponsable desimplicación con ela dos actuais poderes públicos ou pola adscrición dalgúns dos seus produtos coa industria do lecer e da frivolidade.

Non abondará coas modificacións da Lei de Propiedade Intelectual e dos seus regulamentos a este teor, se non se vai modificando tamén no conxunto da cidadanía, dende os escolares ás persoas maiores, o valor e o respecto da cultura no soporte dixital. Non hai dúbida que iso sería unha auténtica revolución en relación co funcionamento actual de internet, na que os poderes públicos non poden manterse inanes. Como tamén que a industria cultural ten a obriga de realizar o maior esforzo para mellorar a súa oferta dixital e facela máis accesible e asequible para todos.

Onte 941: A gran escritora cega

sue-townsend_2156355b

A noticia do falecemento de Sue Townsend lembroume a lectura das primeiras entregas do Diario secreto de Adrian Mole, cuxa tradución galega publicamos en Fóra de Xogo hai máis de quince anos. Townsend, escritora de familia traballadora de Leicester, para min foi sempre a mellor cronista da sociedade inglesa popular, aquela que coñecimos hai tres décadas, a mesma que ela novelou na inesquecible serie de sete novelas protagonizadas por Adrian Mole, un adolescente hipocondríaco en tempos da Thacher, un adulto descrido cos gobernos de Tony Blair e a súa decepcionante terceira vía. Ese divertidísimo e contraditorio Mole, que medra novela a novela, a antítese do conformista Peter Pan, convertiuse en icona xeracional e emblema da novela xuvenil inglesa. Ademais, non podo negar que a propia historia persoal de Sue Townsend é conmovedora, como foi a traxectoria do seu personaxe no que hai tantas fíos da súa vida. Foi nai de tres fillos moi nova; aos cincuenta anos quedou cega por mor dunha diabete, o que non lle impediu ditar as súas novelas a Sean, o seu fillo maior, que tamén lle doou un ril hai cinco anos. A pesar desas circunstancias os seus textos non perderon nin o humor nin o sarcasmo crítico. Foi unha autora queridísima polos seus millóns de lectores e lectoras. Rimos moito coas súas novelas. Hoxe agradecemos a súa ledicia corrosiva. Xenial Sue Townsend!!!

Onte 940: O polbo e a súa cociña

O_polbo_e_a_sua_cociña_09-04-2014

Memorable presentación a de onte na Casa do Libro de Vigo d’ O polbo e a sua cociña, o libro de Matilde Felpeto Lagoa. O poeta, tradutor e narrador de Ribadeo Xabier R. Baixeras ditou con tal motivo unha fermosa conferencia sobre o polbo no contexto da cultura gastronómica. Comezou o poeta de Nois confesando que «nunca fora ao polbo, unha actividade moi perigosa e extraña en Ribadeo, non tan popular como era nos portos de Bueu, a illa de Arousa ou Mugardos». Definiu o pobo como «animal moi fanfurriñeiro, cun carácter moi peculiar». «O polbo é un gran construtor e decorador. Usa as pezas que colle para decorar o seu coveiro. É un animal moi curioso sobre o branco e sobre aquilo que brilla, sentíndose chamado a coller todo iso». «O polbo é un gran mestre da camuflaxe e do transformismo, da proteuse; mercede á pulsión da súa borra é capaz de perder un raxo e así escapar, abóndalle o seu aspecto para evadirse».

Discutiu despois Baixeras a afirmación de Cunqueiro, «o polbo en Lugo acaba en Vilalba», xa que agora non é así, «na miña vila o gusto polo polbo non é anterior aos anos sesenta». Matizou tamén outra frase de don Álvaro, «o pobo galego é un pobo polbeiro e lampreeiro», xa que «a lamprea é frecuentada só por xentes de onde se pesca, mentres que o polbo é obxecto de culto en toda Galicia». »Hoxe o polbo é un animal vinculante de natureza totémica, que en Galicia ten un compoñente fortemente identitario». Lembrou que o polbo galego naceu no Atlántico, mais «foi conducido por arrieiros até o interior, tendo coma outros pratos que comemos os galegos influencia maragata». Concluíu esta reflexión afirmando que «o polbo pertence ao noso patrimonio cultural».

Detívose máis tarde Baixeras nos contidos do libro de Matilde Felpeto no que diferenciou a primeira parte, de información específica sobre este molusco cefalópodo, da segunda, de culinaria, na que se recollen 67 receitas galegas e de fóra. Na primeira reparou na noticia etimolóxica do polbo, documentada en textos de Sarmiento; na lectura fermosa referencia literaria tirada do Moby dick de Melville; na viaxe arredor da completa xeografía do polbo, tanto en Galicia como no mundo. Entre as receitas galegas máis salientables citou ás do «polbo á mugardesa” e as súas tres variantes, así como as especialidades da Illa de Arousa e da Illa de Ons. Entre as non galegas reparou na vas da «sopa de polbo» ou na do «polbo asado á murciana» preparado con cervexa. Rematou salientando a riqueza das fórmulas e a sinxeleza e precisión coa que Matilde Felpeto escribe cada unha das receitas, «característica do afán didáctico de cada un dos seus libros».

Onte 937: «As meigas de Lupa», o booktrailer

Espectacular é o booktrailer preparado por La Cosa Gráfica para o libro As meigas de Lupa de María Solar. Sobre a base da BSO de David Alonso Garzón, o equipo de Julio C. Seijas utilizou a técnica do teatro de sombras e dos libros pop up para recrear algunhas das secuencias da novela. Sobre fondos de papel recortado, os actores do grupo Achádego de Lugo recrearon os personaxes da obra. Poucas veces a edición dun libro (en papel e epub) convocou tantos elementos que contribúan a súa visibilización, unha banda sonora orixinal completa, un booktrailer con participación de actores e coidado tratamento da imaxe e unha exposición de espírito didáctico sobre este proceso no Museo Interactivo de Lugo. É difícil para o editor atopar as palabras para expresar a súa gratitude pola xenerosidade e o talento creativo de tantas persoas participantes nos tres proxectos arredor deste libro de María Solar. Beizóns.

Onte 936: Suso de Toro, Creu de Sant Jordi

suso_de_toroÉ unha fachenda que Suso de Toro reciba o vindeiro 23 de abril a Creu de Sant Jordi, condecoración coa que o Govern recoñece a 27 persoas e 15 entidades pola súa dedicación ao proxecto colectivo de Catalunya. O seu caso é moi singular xa que é a única persoa recoñecida que non é catalá xa que nin naceu nin traballou nin viviu nunca en Cataluña. A súa escolla débese, como fixo mención expresa a Generalitat, a que «os seus libros e artigos desenvolven unha visión positiva da identidade catalá e exploran vías de diálogo sobre a realidade política española». Un recoñecemento que chega despois do que Suso de Toro xa o obtivera en varias ocasións por parte da cidadanía catalá, tras intervencións memorables como as que fixo en TV3. Porén, non deixa de ser moi triste que un intelectual da súa importancia sexa recoñecido fóra do seu país antes ca no propio, onde nin sequera esta noticia merece ser desatacada en todos os xornais. Mágoa desta Galicia, unha entidade política sen realizar, onde reina o seitarismo cainita! Beizón para o grande Suso, de quen tanto nos orgulla a súa amizade!

Xela e a palabra

Magnífica peza arredor da condición de tradutora de Xela Arias. que Illa bufarda preparou para o Consello da Cultura Galega.Coma excelente é tamén esoutra arredor da música e a poesía en Luisa Villalta.

Onte 928: «14» de Jean Echenoz

echenoz_1Mantéñolle lei a Jean Echenoz, un dos novelistas franceses contemporáneos máis interesantes dos publicados por Anagrama. Desque hai case vinte anos lera Lago, Nosotres tres e Rubias peligrosas quedei prendido deste narrador visceral capaz de abordar e (parodiar) todos os subxéneros da novela e deseñar personaxes inesquecibles. Nas súas entregas máis recentes asumiu o reto da novela biográfica protagonizada por celebridades como as do músico Ravel ou a do atleta checo Zátopek. Porén, na máis recente, a titulada 14, dá un novo chimpo para ofrecer en apenas un cento de páxinas un relato brutal sobre a primeira guerra mundial. Coincidindo co centenario daquela primeira guerra tecnolóxica moderna, na que comezaron a ser utilizados os bombardeos, adral doutras barbaridades do século XX, Echenoz ofrece un retrato estremecedor daquela batalla, onde paradoxicamente non faltan nin o humor nin as referencias ás miserias cotiáns da retagarda. Escolle para isto a catro rapaces da Vendée, catro amigos que enchoupadaos de lama e fedor nas trincheiras descubren a cara máis noxenta e cruel da condición humana. 14 é unha noveliña modélica, un relato centraminado, condensando ao máximo a súa sinxeleza, exenta de retórica histórica e de documentación política, para converterse nun feroz alegato contra as guerras, todas as guerras. Apenas dúas horas de lectura abondan para papar unhas das novelas literarias de guerra mías orixinais e impactantes das que teño lido. Echenoz continúa sendo recomendable.

Onte 926: O libro das xoaniñas, teoría e praxe, aquí e agora

lila_de_lilith_27-03-2014

Moito gustei das palabras de Encarna Otero na presentación que onte na Libraría Lila de lilith de Compostela dedicou a María Reimóndez e ao seu libro A alternativa está aquí. Comezou expresando a súa gratitude pola «ledicia que ofrece María» e por contar cun «libro para ler e para ter, un libro para reler como un obxecto material». Gratitude que estendeu á libraría Lila de Lilith, «un caso práctico da corresponsabilidade deste libro».

Definiu A alternativa está aquí como «un ensaio político ledo, esperanzador sobre o mundo de hoxe e de aquí, sobre qué facer agora e aquí en cada un dos espazos onde nos atopemos». Insistiu Otero en que «nada vai mudar se non o facemos nós», «esa idea que Reimóndez expresa no libro coas xoaniñas, recollendo o pensamento político de mulleres de todo o mundo para que hoxe actuemos en Galicia». «Este libro é teoría e praxe, o xeito de pensar o Norte dende o Sur para poder mudar a realidade das persoas e o seu comportamento todos os días». Referiuse a algúns contidos como o idioma e «o comportamento co galego como realidade política cotián que nos permitie vivir», o civismo e «a súa capacidade de transformación do exercicio do público en cotidianidade». Detívose Encarna na análise do concepto do «chamado minifundismo« como «base de cooperación e comercio de proximidade, dinamizador da economía local», «o libro de María demostra que é posible a soberanía alimentaria, pensemos nunha maceta na cociña, nunha terraza ou nos intersticios dunha urbana». Otero encadrou todas estes comportamentos na doutrina do funcionamento cotián que propón o libro de Reimóndez: se os facemos en vez dunha xoaniña, seremos moitas xoaniñas, capaces de construír unha sociedade chea de felicidade».

Rematou o seu discurso facendo unha referencia ao Grupos de Axuda Mutua (GAM) que permiten asimilar a experiencia xerada no Sur. Por último, Encarna Otero definiu o libro como «un manual de teoría e praxe para mudar o mundo dende unha óptica feminista. Este é un libro imprescindible, igual que foi aqueloutro titulado Que facer?, dende agora e dende aquí».