Onte 808: Culturgal 2013, día grande

Foi o sábado o agardado día grande do Culturgal 2013. Dende primeira hora da tarde o público familiar petou o Pazo da Cultura pontevedrés. Para nós, o grande protagonista da xornada (na que se desenvolveron medio cento de actividades moi diversas) foi o escritor Manuel Rivas (un clásico nas seis edicións de Culturgal). No espazo infantil contou e cantou O raposo e a mestra diante de varios centos de pequerrechos, axudado pola incrible sonorización musical que do seu relato fixo o xenial Cé Orquestra Pantasma. O pasecorredoiras final de ambos os dous foi memorable. Despois, Rivas participou na presentación da revista Luzes, que agotou os seus exemplares na fiera, un detalle máis ca esperanzador para este proxecto xornalístico. As asinaturas posteriores e as magníficas conversas de Teresa Cuíñas con Riveiro Coello, Berta Dávila, Pedro Feijoo e Diego Ameixeiras foron seguidas por centos de persoas. Hoxe domingo Culturgal 2013 ofrece unha xornada de peche tamén moi atractiva con case corenta actividades. Pola mañá contaremos coa presenza do grande Agustín Fernández Paz e pola tarde coa conversa de Anselmo López Carreira con Montse Dopico e coa presentación de Vento e chuvia de Manuel Gago e Manel Cráneo, un dos libros máis solicitados na feira.

Onte 807: Culturgal 2013, día inaugural

Excelente o día inaugural de Culturgal 2013. Nesta sexta edición a instalación é moi xeitosa, máis limpa e ordenada que noutras edicións anteriores. A instalación dunha carpa para o espazo de música e a ubicación do espazo dos nenos ao fondo contribúen a serenar e ampliar a feira. Na primeira xornada demostrouse que a pesar da gran redución do patrocinio da Xunta de Galicia, este Culturgal 2013 (o da corresponsabilidade) aumenta o número de expositores, mantén o nivel dos seus servizos e a calidade das súas actividades. Quedei moi contento do resultado dos encontros que Manuel Lourenzo e Marcos Calveiro mantiveron cos lectores do IES Montecarrasco de Cangas. O famoso sofá do Culturgal continúa ofrecendo un alto nivel de interese nas conversas que Camilo Franco mantivo con Luís Rei Núñez, Rosa Aneiros, Francisco Castor e Anxos Sumai. Outrosí sucedeu coa presentación de 20 anos de Bravú por parte de Xurxo Souto no espazo das Tecnoloxías. No entanto, polos datos que recabamos ao remate da xornada, semella que o número de visitantes e a cifra de vendas puido ser lixeiramente inferior á primeira xornada do primeiro día do ano anterior. En todo caso, hoxe sábado será o día grande deste Culturgal 2013 coa participación de Manuel Rivas presentando con Cé Orquestra Pantasma O raposo e a mestra, coa presentación posterior da revista Luzes, cos foros sobre materiais educativos dixitais, co encontro de editores coas bibliotecas escolares, coas conversas de sofá de Pedro Feijoo e Diego Ameixeiras con Teresa Cuíñas, así como o grande concerto da noite de Kepa Junkera e os seus amigos galegos, entre os máis de cincuenta actos previstos. Moito Culturgal o que queda por diante, si señor!

Onte 794: O futuro da biblioteca no entorno dixital

Aproveitei o sábado para repasar as notas que tomei no X Simposio o Libro e a Lectura da Asociación Galega de Editores que nesta edición abordou «O futuro da biblioteca no entorno dixital». Máis alá do éxito de participación, un cento de profesionais, a maior parte bibliotecarias, a intensa xornada amosou que, a pesar da conxuntura de crise e dos recortes dos poderes públicos sobre as políticas de lectura, a biblioteca pública conta con máis usuarios e máis actividade que nunca. Todas as intervencións consideraron que a biblioteca pública é un servizo cultural esencial, tanto polo seu carácter inclusivo e interxeracional como pola súa inequívoca vontade de abordar o tránsito á cultura dixital.

Comezou a xornada coa conferencia de Jordi Permanyer, xerente do Servei de Biblioteques da Diputació de Barcelona, que conta na actualidade con 215 bibliotecas e 1.300 traballadores. Permanyer comezou insistindo no valor público das bibliotecas, «algo que non está na axenda dos responsables políticos», como os grandes mediadores da información utilizados polos cidadáns. Pareceume moi novidoso o estudo que presentou sobre o retorno dos investimentos en bibliotecas públicas, que no caso da rede barcelonesa supón por cada euro un retorno directo de 2,25 €, e unha estimación de 4,25 € máis de beneficios indirectos sobre a economía do entorno da biblioteca (transporte, bares, etc.). Foi excelente a súa exposición sobre o valor social das bibliotecas que considerou non debemos identificar só no eido cultural, no fomento do hábito e da competencia lectora entre a cidadanía ou na preservación da memoria local. Tamén o valor das bibliotecas está presente no eido social, pola súa capacidade de inclusión social e promotoras da diversidade cultural; no eido económico, como fomentadoras de inclusión laboral e do progreso económico local; coma no eido educativo e informativo, xa que as bibliotecas asumen un papel decisivo na alfabetización informacional e na inclusión dixital. A cerna da intervención de Permanyer foi a presentación do modelo de biblioteca pública da rede local barcelonesa. «Concibimos cada biblioteca como un espazo de encontro feliz para construír e imaxinar o futuro dos nosos cidadáns». Un espazo de formación permanente, un espazo aberto e libre ao cidadán para compartir e para o seu lecer. «Cremos na biblioteca como nova praza pública», rematou Permanyer unha intervención moi clarificadora.

Moi interesante foi tamén a intervención de Cristina Novoa, asesora de Bibliotecas Escolares da Consellaría de Educación, que iniciou o panel de presentacións de experiencias de éxito. Cristina Novoa definiu as bibliotecas escolares como «bibliotecas de última xeración, onde teén cabida o impreso e o dixital, a creación literaria e a información», «bibliotecas que funcionan coma unha estación intermodal que nos permite movernos en distintas direccións». «Cremos nun modelo integrador, híbrido, con materiais impresos e en soporte electrónico, aunando o presencial e o virtual, integrando a cultura impresa e a cultura dixital». Para Novoa «a biblioteca escolar é unha biblioteca específica que dá resposta ás demandas de información e lectura do alumnado, do profesorado e do resto da comunidade educativa». «A biblioteca escolar é un espazo educativo, na que se integran os recursos presentes e en liña conformando unha colección responsable, equilibrada, informada e con certa perspectiva de futuro». «A biblioteca escolar é un espazo de aprendizaxe, un acelerador de información. Estas bibliotecas activas crean contextos fértiles para a adquisición das competencias básicas». Rematou Cristina Novoa presentando o modelo de Biblioteca Escolar 2.0 e o proxecto da E-LBE de inicio do emprego de dispositivos de lectura electrónicos nas bibliotecas escolares de Galicia.

Tamén gustei da intervención de Mari Luz Corral, directora da rede de bibliotecas de Oleiros, que presentou o programa desta rede bibliotecaria municipal recoñecida en 2011 co prmeio María Moliner. Como me entusiasmou a claridade da presentación de Catuxa Seoane sobre a utilización dos medios dixitais na modélica rede municipal de Bibliotecas da Coruña, da que anotei algunhas das súas afirmacións: «A biblioteca pode estar aberta as vinte e catro horas por medio da súa presenza en liña.» «Os virtuais non son usuarios de segunda.» «Os bibliotecarios tenden pontes. Sempre detrás do físico e do virtual están os bibliotecarios». Despois Francisco Domínguez, director da Biblioteca Penzol, presentou o proceso de dixitalización (non exento de problemas e recursos) desta biblioteca especializada na conservación da memoria de Galicia. Rematou o papen de experiencias, e a intensa xornada de mañá, coa intervención de Mª del Mar Larouba, directora da Biblioteca Pública da Coruña que presentou un informe completísimo sobre o papel das bibliotecas nodais e o entorno dixital. Especial interese desta presentación foron as referencias a Galiciana, Hispana  e Europeana, como bibliotecas virtuais públicas, así como os programas actuais de préstamos de e-books en bibliotecas públicas.

Na sesión de tarde, tras o debate sobre as bibliotecas e o entorno dixital, o escritor Suso de Toro ditou unha conferencia memorable de peche en defensa da biblioteca pública. O autor de Sete palabras comezou advertindo que «a profesión bibliotecaria, coma o oficio de escritor, tamén está en crise, unha crise de función, de sentido, xa que o que se está dilucinando nestes momentos son as funcións da biblioteca no futuro». «Até agora as bibliotecas almacenou contidos e transmitiunos. As bibliotecas públicas eran o “palacio do pobo”, onde reinaba democraticamente a poboación. Agora este modelo está cuestionado pola biblioteca dixital, que cuestiona tanto a función de almacenamento como a de transmisión». Preguntouse, entón; Suso de Toro cáles poden ser as funcións da bibilioteca. En primeiro lugar, referiuse á lectura individualizada. «O lector solitario é un mutante antropolóxico, que le en voz alta na súa cabeza. O lector é alguén distinto a outras persoas. A lectura solitaria crea individuos e un diálogo cos mortos. É este un diálogo libre, de igual a igual. O lector pode disentir co autor, emocionarse, pode pechar o libro. O lector está exercendo a liberdade de xuízo. Cada vez que lemos un texto estmaos dialogando cos mortos, xa que toda obra é póstuma, forma parte do pasado de quen a escribiu; cada unha desas lecturas estános reintegrando a comunidade formada por todos os que a leron, mais ao mesmo tempo establecendo unha relación íntima e verdadeira co autor».

Fronte a esta lectura individual contrapuxo Suso de Toro o carácter comunitario da biblioteca. «Cando o lector entra na biblioteca recoñécese como parte dunha sociedade coa que comparte algo. Cando ten o carné ba biblioteca pública sabe que forma parte dunha comunidade humana coa que comparte unha afinidade, unha militancia cívica, sabe que non está só, non é un mutante, é un cidadán que sabe que non está só.» «Neste momento no que rexe unha ideoloxía que nos reduce a consumidores, reivindico o comunitarismo, que recoñece a liberdade, a disidencia e as comunidades humanas organizadas por valores. Aí é onde se encadra hoxe o papel da biblioteca como memoria da lectura e da cultura, que a ordena, a xerarquiza e a interpreta. A biblioteca fronte o mercado que nos reduce á banalidade e á confusión.» «A biblioteca en tempos de críse inclúenos a todos. A biblioteca dá calor, respecto e dignidade para todos. É un espazo cívico, de orde, que acolle a todos, os que teñen traballo e aos que non. A biblioteca é xeradora de sociabilidade.» Rematou Suso de Toro o seu discurso reclamando a consideración da biblioteca como «cámara reservada», como «espazo onde rescatar o silencio». «Non todos os lugares son iguais. A biblioteca pídenos un respecto, xa que é un resto do sagrado. A biblioteca vive na crise da nosa civilización».

Onte 772: Día da biblioteca

Ademais da exitosa folga en defensa do ensino publico galego de calidade, non esquezamos que onte foi tamén o Día da Biblioteca. Unha efeméride para poñer en valor a que debera ser considerada como a primeira institución cultural de cada comunidade local. As bibliotecas son servizos públicos de primeira necesidade, como as escolas, os hospitais e os centros de saúde; as bibliotecas son o garante do acceso de toda a cidadanía en condicións de igualdade á información, á lectura e á creación literaria.

Comprendo nesta xornada a euforia dos responsables da Consellaría de Cultura presentando o aumento de usuarios e préstamos da rede de bibliotecas nodais, un feito que se produce na maior parte das comunidades autónomas, probablemente asociado ás dificultades da crise. Porén tamén hai que denunciar, como fixo Olimpia López, a presidenta de ANABAD Galicia, os recortes brutais que sofre a rede de bibliotecas públicas en Galicia. Entre 2012 e 2013 os orzamentos da Xunta para bibliotecas reducíronse nun 40 %, recortes que para o 2014 serán do 12%, o que supón unha rebaixa dos recursos dispoñibles en dous anos en máis do 50 % (e non queremos comparar estas cifras coas que en 2008 destinaba o goberno bipartito). Redúcense todas as partidas, mais sobre todo a de adquisición de fondos bibliográficos (ao que non e alleo a decisión do ministro Wert de suprimir esta partida, xa por segundo ano consecutivo, nos orzamentos xerais do estado) e a dos recursos destinados ao fomento da lectura. Con máis usuarios e menos recursos é moi dificil para os bibliotecarios (outros heroes anónimos) poder manter a calidade do seu servizo.

Tanto en tempos de crise coma de bonanza, o papel das bibliotecas e esencial para desenvolver altos niveis de cohesión interxeracional, convivencia social e participación cívica. Moito máis no momento actual, onde ademais de incrementarse a desigualdade social, cómpre suturar a fenda dixital aberta polo acceso ás novas tecnoloxías da comunicación. As bibliotecas teñen un importante papel neste proceso de alfabetización informacional, no acceso de toda a poboación a estas novas tecnoloxías (que non son só cousas das xeracións mozas), contribuindo ao proceso de formación permanente e alfabetización informacional.

De bibliotecas e do seu futuro dabaterase no Simposio «O libro e a lectura» que organizamos os membros da Asociación Galega de Editores o vindeiro 14 de novembro. Unha xornada que pechará o escritor Suso de Toro cunha conferencia titulada: «En defensa da biblioteca pública». Un tema sobre que volveremos.

Onte 757: Frankfurt 2013

Sigo a distancia o desenvolvemento  da Feira do Libro de Frankfurt, que esta edición ten a Brasil como país convidado. Por fortuna, a edición galega recuperou a súa presenza nun espazo moi xeitoso de 16 metros cadrados. Polas informacións que recibo dende alí, a feira expresa a crise do sector con maior intensidade en Francia, Portugal, Grecia e España, cuxo número de editores presentes diminuíu de forma moi significativa, feito ao que sei non son alleos os custes elevadísimos da estancia durante dous ou tres días na capital financeira alema. Como tamén semella consolidarse a hibridación dun sector no que a edición dixital en soportes móbiles de lectura acada nos Estados Unidos unha cota de mercado do 20 %, unha cifra que pode servirnos de referente para o futuro inmediato. Hoxe o anuncio do Nóbel mobilizará os corredores dunha feira que case nunca defrauda.

Paga a pena deterse na peza audiovisual coa que Brasil se presenta en Frankfurt. Paga a pena compartila.

Onte 753: Cifras da edición galega en 2012 (II)

Como xa ven sucedendo adoito, o estudo de Comercio Interior del Libro en España 2012 amosa como o volume da edición e as vendas nas linguas cooficiais (catalán, éuscaro e galego) concéntrase entre o 80 % e o 90 % nos libros de Literatura, Texto, Literatura Infantil e Xuvenil e Ciencias Sociais. Así no caso dos libros editados en galego polos membros AGE o número dos publicados en 2012 destes catro xéneros (1.312) representa o 89,99 %, mentres que o seu número de exemplares producidos (1.743.000) foi o 90,92% do total, mentres a  súa facturación (19,86 millóns de €) supuxo o 92,03 %.

edición literaria en galego (352 títulos, 326.000 exemplares) representou o 24,14 % dos títulos e o 17,00 % dos exemplares fabricados, mentres que as súas vendas (2,65 millóns de €) supuxeron apenas o 12,27 % do total das do libro en galego. Con respecto ao ano anterior, produciuse unha diminución do 7,12% do número de títulos, do 36,08% do número de exemplares e do 6,69% da facturación.

novela, cunha tiraxe media de 1.005 exemplares, continúa sendo o xénero privilexiado da edición literaria en galego, tanto en número de títulos (181, o 12,41 %), de exemplares (326.000, o 17,00 %) como na súa facturación (2,17 millóns de €, o 10,06 %). Con respecto ao ano anterior, produciuse unha redución do número de títulos de case o 17,00 %, do de exemplares nun 8,43 %, mentres que a facturación medrou preto do 2,00 %. Como xa fixemos o pasado ano, é interesante comparar estes datos do mercado da novela en galego cos do conxunto deste subsector de ficción en España, que en 2012 editou 11.006 títulos, imprimiu 53 millóns de exemplares e facturou 518 millóns de €. Se desagregamos máis as cifras, comprobamos que a edición de novela en castelán facturou 477 millóns de € (o 21,90 % do seu mercado), en catalán 37 millóns de € (o 15,70 % do seu mercado total), sendo en galego apenas os citados 2,17 millóns de €. Noutras cifras, o número de novelas en castelán (9.574) multiplica as galegas por 52, o número de exemplares (49 millóns) por 150 e a súa facturación (477 millóns de €) por 219. Se facemos esta comparativa coa edición en catalán, o número de novelas editadas (1.130) sextuplica o das galegas, o número de exemplares fabricados (3.199.000) multiplícaas por nove e a facturación (37,16 millóns de €) faino case por dezasete. Ademais, se comparamos o mercado da novela en galego (2,17 millóns de €) co total do mercado libro en Galicia en 2012 (148,28 millóns de €) obtemos que a súa cota real no mercado galego do libro é do 1,46%, o que supón un  avance de dúas décimas con respecto ao pasado ano. Cifras que nos axudan a comprender a dimensión real do que ven sendo o noso xénero literario máis popular.

A edición de poesía e teatro en galego, con 52 títulos en 2012, representou o 3,56 % do total, o 3,28 % dos exemplares editados e o 0,88 % da facturación. Mentres que a edición de ensaio e estudos literarios en galego, con 120 títulos, supuxo o 8,23 % do total, o 4,22 % dos exemplares e o 1,34 % da facturación.

A edición infantil e xuvenil en galego con 429 títulos en 2012 representou o 29,42 % do total; con 352.000, o 18,36 % dos exemplares editados e con 3,92 millóns de €, o 18,16 % da facturación, Cifras que con respecto ao ano 2011 supoñen unha lixeira diminución do 2,27 % do número de títulos, mais no caso do número de exemplares fabricados unha importantísima redución do 46,00 %, como unha diminución na facturación nun 3,44 %. A

A edición de libro de texto en galego con 443 títulos en 2012 representou o 30,38 % do total dos editados; o seu millón de exemplares editados, o 52,58 % do total e os seus 13,06 millóns de €, o 60,51 % da facturación. Cifras que amosan o peso elevadísimo deste subsector de edición no conxunto do sector que, con respecto ao ano anterior, diminúe os seus títulos nun 9,03 %, aumenta un 8,60 % os exemplares fabricados e incrementa a súa facturación nun 15,06 %.

A edición de Ciencias Sociais en galego con 88 títulos en 2012 supuxo o 6,03 % do total, o 2,86 % dos exemplares editados e o 1,07 % da facturación. Mentres que a edición de libros Científico técnicos en galego con apenas 12 títulos en 2012 representou o 0,82 % do total, o 0,62 % dos exemplares editados e unha porcentaxe insignificante de facturación. O resto dos tipos da edición en galego (libros prácticos e de divugación, dicionarios e enciclopedias) supuxeron 146 títulos, o 10,01 %, 174.000 exemplares, o 9,07 % do total, e 1,72 millón de €, o 7,97 % da facturación.  

A edición en galego durante 2012 mantivo unha forte presenza dos tipos de edición de carácter escolar ou paraescolar, libro de texto e literatura infantil xuvenil, que representan o 59,80 % dos títulos editados, o 70,94 % dos exemplares fabricados e o 78,67 % da facturación.

Cando dispoñamos da Panorámica da edición de libros en España 2012, cos datos achegados do ISBN, poderemos detallar os datos referidos a libros traducidos e edición en soportes dixitais, categorías que non manexa o estudo de comercio interior do libro da FGEE.

 

Onte 752: Cifras da edición galega en 2012 (I)

No Líber presentouse a edición impresa do Comercio Interior del libro en España 2012, o estudo de referencia sobre o estado do sector editorial privado encargado pola Federación de Gremios de Editores de España e elaborado cos datos proporcionados polos diversos editores. Un informe que no conxunto do sector español amosa no pasado ano unha significativa redución das vendas do 10,90 % (2.471,48 millóns de euros); un decrecemento do 4,90 % no número de títulos editados  (79.175) e xa de apenas o 2,20 % dos exemplares fabricados (280 millóns). Cifras que se tomamos como referencia 2008, o ano de inicio da crise, supoñen unha redución das vendas do 22,00 % (714 millóns de euros) e do número de exemplares producidos do 15,00 % (49 millóns menos), sendo o número de títulos editados (79.175) semellante ao do ano 2010.

No caso da edición galega privada no seu conxunto os principais indicadores non presentan grandes novidades con respecto ao ano anterior. O número de títulos publicados polos editores privados galegos baixa un 12,40 % pasando dos 2.156 de 2011 (1.587 en galego, 540 en castelán e 28 noutras linguas) aos 1.888 de 2012 (1.458 en galego, 397 en castelán e 34 noutras linguas); tendencia á baixa que se intensifica no caso do número de exemplares fabricados que en 2011 foron 3.360.000 e no 2012 baixaron até 2.426.000, o que supón unha redución do 27,90 % (934.000 exemplares). Cifras que levan á que a tirada media do libro publicado en Galicia por editores privados se reduza nun 17,60 %, pasando dos 1.560 exemplares por título de 2011 aos 1.285 de 2012.

A edición en galego de editores privados acadou en 2012 os 1.848 títulos (1.458 publicados en Galicia, 334 en Madrid e 55 en Cataluña), o que supón unha redución do 3,85 %, xa que en 2011 os títulos foron 1.922 (1.587 en Galicia, 265 en Madrid, 67 en Cataluña, 1 en Euscadi e 2 en Andalucía). Cifras que expresan que no último ano o 78,9 % do libro en galego é editado en Galicia, o 18,1 % polos membros da Asociación de Editores de Madrid e o 3 % polo Gremi d’Editors de Catalunya. Datos que amosan, ademais, que os editores galegos reduciron nun 8,12 % os títulos en galego, que pasan dos 1.587 do ano 2011 aos 1.458 de 2012. Redución que no caso dos exemplares fabricados é do 18,07 %, pasando dos 2.340.000 exemplares de 2012 aos 1.917.000 de 2012 (423.000 exemplares). Cifras que sitúan a tirada media do libro editado en galego por editores privados en 2012 a 1.315, o que supón unha redución do 10,72 %, sendo superior á tirada media do libro editado en Galicia. O catálogo do conxunto do sector acadou en 2012 os 13.292 títulos, diminuíndo apenas un 5,00 % con respecto ano anterior. O catálogo do libro en galego situouse en 2012 nos 10.804 títulos, o que supón un incremento inferior ao 1,00 % con respecto a 2011 (10.708).

Como xa antes adiantamos a facturación do comercio interior do libro en España foi no ano 2012 de 2.471,48 millóns de euros, dos que estima corresponden o 6,00 % a Galicia, 148,28 millóns de €, o que supón unha redución do mercado do libro en Galicia do 7,78 %. A facturación das editoras privadas galegas foi de 27,53 millóns de €, o que supón un lixeiro incremento con respecto ao ano anterior do 1,30 %. O estudo estima que a facturación do libro editado en galego en Galicia foi de 21,58 millóns de €, o que supón un incremento do 0,69 % con respecto a 2012. Tanto no caso do libro editado en Galicia (27,53 millóns de €) como o editado en galego (21,58 millóns de €), as librarías independentes  continúan sendo a canle de facturación privilexiada, nun 57,80 % no primeiro caso (15,90 millóns de €) e nun 60,30 % no segundo (13,01 millóns de €. Dos datos pode estimarse que as librarías e as cadeas de librarías galegas durante o ano 2012 venderon 95 millóns de euros, dosa cales corresponderon a libros editados en galego 14,5 millóns de euros. As vendas do libro en Galicia teñen un forte carácter estacional, concentrándose nun 62,6%no segundo semestre do ano. No que atinxe ao pagamento de dereitos de autor, en 2012 foron 1,49 millón de € (o 5,20 % das vendas), o que supón unha diminución do 4,48 % con respecto a 2011, ano no que os editores galegos pagaron 1,56 millón de € (o 5,80 % das vendas).

Se cruzamos estas cifras de facturación, obtemos que a cota de mercado en Galicia dos libros editados polos membros da Asociación Galega de Editores foi en 2012 do 18,56 %. A cota de mercado do libro editado en galego sería o 14,55 %, o que supón un incremento do 0,55 % con respecto ao ano anterior, supoñendo para a canle libreira o 15,26 % da súa facturación.

Se relacionamos estas cifras de facturación coas que o sector manexaba en 2008, –ano no que a facturación do sector acadou os 33,04 millóns de €), a redución foi do 16,76%, o que estimamos que a prezos constantes supoñería unha porcentaxe superior ao 30%. No caso da edición en galego, o sector non é capaz de superar sequera as cifras dos ano 2007 (21,98 millóns de €) e 2008 ( 23,27 millóns de €), as mellores marcas da súa historia. No caso do volume de edición, o número de exemplares fabricados, tanto para a edición en Galicia como para a edición en galego, é inferior ao de 2008.

O estudo de Comercio Interior de 2012 estima a perda de emprego no sector editorial privado galego no último ano nun 19,60 %, sendo 190 persoas as que forman parte dos cadros de persoal das empresas. Perdas que dende o ano 2008, cando se estimaba o emprego en 308 persoas, acumulan unha redución do 38%. O informe tamén evidencia a redución do número de empresas do sector con actividade, que se reduce a 39, moi lonxe das 45 do ano 2008.

Nunha segunda anotación, debullaremos os datos sobre a edición e facturación por xéneros do libro editado en Galicia.

Onte 593: Tras o día do libro

Foi o de onte un Día do libro intenso. Pola mañá acompañei a Agustín Fernández Paz na presentación en Pontevedra de Desde unha estrela distante. Foi esperanzador comprobar como falaban galego a maioría dos rapaces e rapazas de dúas clases de terceiro dun colexio público do centro de Pontevedra. No serán participei na presentación en Vigo da edición de Cantares Gallegos, preparada por Anxo Angueira, coa que iniciamos en Xerais a publicación da obra completa de Rosalía de Castro e celebramos o cento cincuenta aniversario da proeza de Xoán Compañel. Foi unha presentación vibrante, tanto polo discurso extraordinario de Anxo Angueira coma polas intervencións de Alba Rodríguez, unha alumna de segundo de bacharelato que cantou dúas pezas rosalianas da súa autoría asolagando de emoción o auditorio do concello. Ademais de participar nos actos, ao longo do día atendimos moitas chamadas de medios, sobre todo radiofónicos, interesados nos contidos do Chamamento que os editores galegos realizamos reclamando a recuperación efectiva do carácter estratéxico do sector do libro. Moi lonxe da repercursión que a efeméride ten noutras comunidades, é innegable que onte identificamos en Galicia unha certa activación do carácter reivindicativo e mobilizador do 23 de abril. Así o testemuñan os xornais facéndose eco da grande cantidade de actividades promovidas polas bibliotecas públicas, centros escolares e clubs de lectura. A achega dos humoristas gráficos galegos foi un agasallo que axuda na tarefa de incorporar a cuestión do futuro do libro e da lectura na axenda pública.

Chamamento dos Editores Galegos no Día do Libro

Con motivo da celebración do 23 de abril, Día do Libro e dos Dereitos de Autor, a Asociación Galega de Editores acordou realizar un chamamento social a favor do libro e a lectura, co fin de que se recoñeza social e políticamente o papel trascendental que o libro e a lectura teñen no desenvolvemento das persoas e dos países. Por ese motivo a entidade que representa aos editores galegos fixo público hoxe o seu documento estratéxico e un decálogo que resume as reinvindicacións do sector diante das administracións. As institucións públicas teñen a obriga constitucional e estatutaria de protexer os bens culturais e as industrias que fan posible que eses bens se difundan entre a cidadanía.

  1. Chamamento a prol da posta en marcha dunha política estratéxica para o sector do libro.
  2. Documento Estratéxico da Asociación Galega de Editores.