A forza dos públicos

No número 14 de Luzes do pasado mes de xaneiro publiquei un texto que recupero completo para o arquivo do blog:

Fotonoticia_convocatoria-tenda1Na vídeonadaliña que Feijóo difundiu na rede como presidente do Partido Popular de Galicia non incluíu nin “lingua” nin “cultura” entre as palabras que nun teimoso exercicio triunfalista considerou que “por fin volveran o ano que remata a Galicia”. Arquitectura, arquivo, artes, biblioteca, cine, cómic, danza, ensaio, escultura, ilustración, lectura, libro, literatura, patrimonio, pintura, poesía, museo, música, teatro e tradución son outras vinte palabras dos eidos da cultura que non forman parte das prioridades dun goberno que renuncia a considerar o sector das industrias culturais e creativas como estratéxico para Galicia. E faino a pesar da súa importancia económica (o 1,9 % do PIB galego), dos seus 23.000 empregos directos e dos beneficios que achegan estas industrias á cohesión social e afortalamento da galeguidade como ao valor engadido da marca de identidade da lingua galega no actual mercado global.

Este desinterese de Feijóo pola cultura explícase por unha valoración subalternizada da súa función, negando o seu papel decisivo como motor social e económico. Para Feijóo e os membros do seu goberno a lingua e a cultura galegas son un ornato ritualizado da Autonomía que obriga a homenaxear ás figuras das artes e das letras (Rosalía, Otero, Laxeiro…) con discursos (ás veces) ditirámbicos, celebrar efemérides rotineiras (17 de maio, 25 de xullo) e manter “custosas” institucións como a Academia, o CGAC, a CDC, a pesar de que se saben pouco rendibles. Para eles o resto da cultura galega sería apenas expresión da política nacionalista, un territorio cativo e difícil onde os conservadores actuais, moi lonxe da estratexia das boinas de Fraga, teñen moi escaso interese electoral.

Concibida con semellante torpeza prexuizosa, esquecendo que non hai país economicamente importante que non teña unha cultura forte, a ninguén pode estrañar que os sectores culturais fosen os principais sacrificados na política de recortes dos gobernos de Feijóo nin que non estean entre os beneficiados do incremento, moi reducido, dos orzamentos da Xunta para 2015. Máis aínda, Feijóo volverá neste novo ano a reducir nun 5 % a dotación para cultura, que quedará en 57,7 millóns de euros, moi lonxe dos 141 millóns de 2009, o que supón unha severísima redución do 60 %. Recortes que afectan sen excepción a todos os sectores, con especial intensidade aos do libro e lectura, ás artes escénicas e ás artes plásticas, aos que non foron alleos, segundo datos do Observatorio da Cultura Galega, a perda dende 2009 de 10.000 empregos e a precarización de boa parte dos cadros de persoal das empresas.

Recortes que se produciron tamén nos recursos destinados á cultura polas administracións locais, sobre todo polas deputacións provinciais, que un recente estudo do Ministerio de Cultura valora nun 30 % no entorno da crise. Xaora, o incremento do IVE cultural ao 21 %, o máis elevado da UE, como as dificultades da distribución do contido cultural dixital, hoxe monopolizados por un par de empresas estadounidenses, como os efectos da devaluación salarial, as taxas brutais de desemprego e a precarización do mundo do traballo foron outros factores que levaron dende o inicio da crise a unha redución da facturación das industrias culturais en Galicia superior ao 30 %.

No entanto, como demostrou o éxito de Culturgal 2014, o futuro do sector das artes e das letras e do resto das industrias creativas en Galicia está na capacidade de autores, artistas, editores e produtores de fidelizar e consolidar a comunicación con cadanseus públicos. Como demostrou o profesor Manuel Gago no recente simposio da Asociación Galega de Editores, debemos asumir que por ventura non hai un único público para a cultura galega, xa que existen públicos diferenciados, anque nalgúns casos sexan reducidos, para cada unha das expresións culturais e artísticas que se desenvolven no país e na nosa lingua. O que supón unha segmentación transcendental para a normalización da nosa industria cultural e para a superación de prexuízos como os que até agora utilizaron os gobernos de Feijóo.

O espírito colaborativo expresado en Culturgal por máis de 14.000 persoas, cincuenta asociacións profesionais dos diversos eidos da cultura, un cento de empresas, medio milleiro de autores e artistas e o patrocinio de tres administracións públicas de distinta cor política constitúe un modelo de funcionamento corresponsable, inclusivo e transversal que debemos valorar como merece. Sen esquecer que as administracións non poden renunciar a súa responsabilidade de velar pola igualdade da cidadanía no acceso aos bens culturais e de preservar o patrimonio cultural galego, en boa medida o futuro das industrias culturais está na forza e resistencia dos seus diferentes públicos.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *