Liñas de galego

Decepcionoume o escaso eco do informe «Un país coa súa lingua» froito do foro organizado polo Consello da Cultura Galega coa intención de activar medidas que reforcen o uso social do galego. Entre elas son de interese as da comisión de Educación e Socialización, coordinada por Nel Vidal e Dolores Vilavedra, na que asumindo a necesidade de combinar planificación e educación lingüística, tabú para o goberno de Rueda, se propón redefinir o enfoque do plurilingüismo situando o galego no centro de interese e fortalecéndose naqueles ámbitos, o tecnolóxico e científico, nos que hoxe non está. Resultan viables propostas para as que nin sequera sería imprescindible (aínda que si moi aconsellable) agardar á derrogación do decreto 79/2010, como ampliar e diversificar a oferta educativa en galego, fose por proxectos de enriquecemento lingüístico, fose ofrecendo liñas educativas nas que o galego é lingua vehicular, sempre que exista demanda suficiente e consenso na comunidade educativa. Secasí, resulta necesario impulsar unha campaña institucional e colaborativa que enxalce os beneficios de criar en galego cun enfoque emocional positivo e reforzo para as familias que o fagan. Certo é que resulta imprescindible revisar o modelo de educación lingüística, o que pasa por derrogar o decreto da vergonza de 2010 e acadar un acordo político transversal sobre un modelo alternativo que garanta que cada moza ou mozo ao remate da súa formación conte cun dominio operativo do galego equivalente ao doutras linguas de referencia, nada pois doutro xoves. Xaora, o documento das expertas do Consello da Cultura Galega, que merecería ser presentado no Parlamento, amosa que o acordo sobre a educación lingüística non pode quedar aparcado sine die. Deben activarse nos centros educativos medidas alternativas coma as citadas, e outras dun documento valioso, que vaian máis alá tanto de lamentar os ataques lingüicidas ou de defender contra vento e marea un decreto que tanto dano fixo (e continúa facendo) ao galego.

Publicado en Nós diario:3/12/2025

Marconi nas Rías Baixas

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro as tres visitas que parece realizou o premio nobel Giulielmo Marconi ás Rías Baixas:

Giulielmo Marconi, enxeñeiro italiano, inventor da radiografía sen fíos, Premio Nobel de Física en 1909 en recoñecemento das súas contribucións no desenvolvemento da telegrafía inalámbrica, visitou Vigo en tres ocasións, 1924, 1928 e 1932, a bordo do seu iate Elettra. Na primeira chegou o 21 de agosto de 1924, camiño de Lisboa, acompañado da súa primeira muller Beatrice O’ Brien. Polo publicado Faro de Vigo sabemos que deron un paseo pola cidade nunha visita motivada, quizais, pola necesidade de recargar ou por algún contratempo da embarcación.

A segunda durou catro días, do xoves 10 ao domingo 13 de maio de 1928, acompañado pola súa segunda dona. Mantiveron unha axenda pública preparada por Guido Paganini, cónsul italiano en Vigo, membro pioneiro coma o propio Marconi do Partido Fascista italiano, industrial da salgadura, coa intención de que coñecesen a fábrica de conservas de Massó en Bueu, unha das máis modernas das Rías Baixas. A tarde da súa chegada visitaron de incógnito a cidade, mais na mañá do día seguinte o alcalde Mauro Alonso, o presidente da Cámara de Comercio, Tomás Mirambell e outros presidentes das institucións viguesas acudiron ao Elettra para saudar aos visitantes e agasallar a Cristina Bezzi-Scali cun ramo coas fitas das bandeiras italiana e española. Ao mediodía, o concello convidounos a un banquete no Hotel Moderno, entón o establecemento máis acreditado da cidade, inaugurado en 1906 por Jesús Fernández Otero, propietario do hotel Continental da Laxe. Durante o xantar algúns participantes fixéronlle apuntamentos sobre as instalacións radiográficas do Monte Vixiador, desmanteladas pola Compañía Nacional de Telegrafía sen fíos. Marconi e a súa dona asinaron na segunda páxina do Libro de ouro da cidade e foron agasallados con dous libros moi coidados de recente publicación, o Álbum de Vigo 1927 de P.P.K.O e as Estampas compostelanas do fotógrafo Ksado, 55 láminas impresas en sepia por Gráficas Villarroca.

Tras o xantar, Paganini tiñálles organizada unha viaxe en automóbil até a península do Morrazo, na que pasaron por Redondela, Figueirido, Santa Cristina de Cobres, subiron ao monte Xaxán, para dirixirse despois á fábrica de Massó de Bueu. De regreso, embarcaron en Cangas nos botes do Elettra, que os trasladaron a bordo do buque laboratorio, cunha tripulación de trinta e dúas persoas ao mando do capitán Lauro. A embarcación contaba con seis camarotes e un equipamento de transmisores e receptores que permitían unha comunicación con territorios asiáticos de ultramar. Fora adquirida polo inventor en 1922 por 21.000 liras, sendo o seu nome orixinal o de Rovenska, utilizada como buque patrulla da Royal Navy na Canle da Mancha durante a Guerra do 14.

Na visita de Bueu, os viaxeiros tiveron a oportunidade de coñecer o gabinete de curiosidades dos propietarios da fábrica, Gaspar e José María Massó, que foi de grande interese para eles. En concreto, pola crónica que fixeron os anfitrións, sabemos que Marconi prendeu o seu interese nos pregos das transaccións dos buques negreiros con América dos séculos XVI e XVII, conservados polos Massó, entre outras coleccións de documentos. Libros, maquetas e obxectos de navegación, como reparou nunha zanfona, instrumento musical medieval que descoñecía. O italiano aconsellou aos Massó que organizasen aquelas reliquias como un pequeno museo da navegación e da pesca, comprometéndose de facelo, a volver e inauguralo.

O sábado, o terceiro día da escala, os Marconi cancelaron a visita a Compostela, limitándose a acudir a sede da rúa do Príncipe do Círculo Mercantil, atendendo o convite do seu primeiro presidente, Bernardo Bernárdez. O domingo, antes de saír ao mar pasaron polo Club Náutico e percorreron a ría nunha canoa-automóbil do señor Cervera que pilotou con grande pracer a señora Brezzi. E horas antes, Marconi aínda atendeu a visita dunha representación do profesorado e alumnado do Instituto de Vigo, creado hai pouco, ofrecéndolles a oportunidade de experimentar coas ondas inalámbricas e coñecer o funcionamento do gramófono eléctrico.

Parece que Marconi non fallou ao seu compromiso cos Massó e visitou as rías nunha terceira ocasión, aínda que non temos constancia dela nos medios. O 26 de novembro de 1932 inaugurou o museo que os Massó abriron en Bueu, do que deixou constancia asinando no libro de ouro do Museo Massó, que continúa aberto tras nove décadas, como herdanza desta visita. Marconi investigaría no seu buque laboratorio até o seu falecemento en 1937, tras nove infartos, sobre o campo das microondas, que daría pé a tecnoloxía dos radiofaros. Á morte de Marconi, o Elettra sería vendido ao Ministerio de Telecomunicacións italiano, lrequisado pola armada nazi e atacado e fundido pola aviación aliada o 22 de xaneiro de 1941.

 

Entrevista en Biosbardia

César Lorenzo entrevistoume o pasado 15 de novembro para a serie Os oficios do libro que publica Biosbardia a instancia da libraría Cartabón. Agradezo a deferencia de escoitarme e publicala en you tube. Queda para o arquivo.

 

Dous días negros

Un celtista histórico, dos setecentos heroes que viaxaron esta semana a Razgrad en Bulgaria, escribiume unha mensaxe dende alí unha hora despois da clara derrota co Ludogorets: «Que afán de protagonismo e que desprezo do rival.». Outro celtista, socio dende hai máis de catro décadas, dos que viviron ascensos, descensos e noites europeas inesquecibles, envioume outra preguntándose se tiña sentido facer debutar alí a unha promesa ou se era o momento para aliñar ao porteiro suplente, concluíndo: «Isto é Europa, non a Copa do Rei». Críticas durísimas a Claudio Giráldez, que comparten os afeccionados no eido privado, tratando de comprender algunhas das decisións do adestrador da Louriña, referidas aos criterios utilizados nas rotacións e como condicionan a composición do once inicial e os plans de partido. O de Razgrad foi un xoves negro, onde o xogo do Celta non estivo á altura do esforzo dos heroes que o acompañaron viaxando até dezanove horas por centro Europa. Eles, coma os que seguimos o partido na tele, dubidabamos se era a máis axeitada unha liña defensiva de tres inédita, formada por dúas promesas e un lateral de participación esporádica, que semellaba un coadoiro. De nada serviron os minutos de tempo engadido, que maquillaron o resultado, nos que El-Abdellaoui marcou o seu primeiro gol como celeste dunha moi fermosa factura.

Tras o xoves negro, no que Claudio asumiu a responsabilidade da derrota, o once de gala diante do difícil Español do caurelao Manolo González, non tivo apenas sorpresas. Coa excepción das ausencias de Ilaix Moriba e de Mingueza, podería ser considerado noutro club como o equipo titular, o que evitaría as polémicas. Mágoa que esta composición máis frecuente e menos atrevida ca aposta búlgara tampouco fose capaz de ofrecer a primeira vitoria en Balaídos no que vai de campionato, acumulando xa oito xornadas sen facelo, unha marca negativa que iguala a do fachendoso Rafael Benítez, aliviada na táboa clasificatoria polos excelentes resultados como visitantes, dos mellores da Liga. Un partido no que o cadro técnico de Manolo González por terceira vez superou tacticamente ao do Celta propoñendo unha estratexia dun aparente cero a cero, resolta nos dez minutos finais cunha xogada a balón parado ben deseñada, mellor executada polo veterano Kike García e moi mal defendida polos célticos. Responsabilidade do gol atribuíble ao propio cadro técnico de Claudio, que como noutros momentos decisivos non defendeu unha pelota queda.

Mágoa que se chegase ao minuto 86 co marcador sen estrear, cando o Celta dispuxo do balón e de varias oportunidades interesantes, aínda que non preocupasen o suficiente ao gardameta visitante. Na primeira metade, o Español saíu durante vinte e catro minutos coa presión moi alta e cun xogo directo dirixido a Roberto, o seu temible dianteiro, que incomodaba aos celestes. Xaora, o traballo serio de Starfelt e de Borja Iglesias, referentes atrás e diante, foron orientando o partido e o Celta comezou a sentirse mellor. Bryan Zaragoza puido marcar no 28’, na mellor xogada do partido, nacida da biqueira de Borja, un auténtico mestre do xogo de costas, que asistiu ao extremo andaluz que conduciu e despois xutou ao pao longo, buscando ese primeiro gol como celeste que non acaba de chegar. Dende entón, o Celta apropiouse do balón e estivo máis cerca da área, mais sen ser capaz de concretar. Faltoulle gol, a súa maior doenza en Balaídos.

Tras o intervalo, Manolo moveu ficha, xa no 59´dándolle entrada a Kike García buscando así dúas puntas que abrisen espazo entre os tres centrais celestes. Claudio tardou dez minutos en darlle resposta cando deu entrada ao noruegués El-Abdellaoui buscando abrir a lata con dous extremos rápidos e profundos. Resposta que apenas modificou o panorama cando o partido semellaba que esvaraba polo pesado cerocerismo. Os de Manolo, con cambios defensivos, aparentaban aceptar a igualada. Apenas unha argucia do adestrador caurelao que no 85’ forzou dous saques de recanto case consecutivos. No segundo, unha posición forzada de El-Abdellaoui permitiu que Kike García cabecease con moita clase e Radu, case na primeira intervención do partido, perdese o balón que xa estaba dentro da portaría. Manolo levaba para Cornellá os tres puntos de matute e Kike, de paso, lembraba algunha conta pendente con Aspas. Partido igualado, no que o Celta non mereceu perder, mais tampouco tivo a superioridade suficiente para merecer os tres puntos. Algo non funciona na xestión dos momentos decisivos deste Celta bipolar, un equipo capaz de ilusionar a bancada co mellor e a seguir cun partido insípido coma o deste domingo negro. Situado na clasificación en terra de ninguén, antes de Nadal hai moita tea que ganduxar, dende poder dar a sorpresa no Bernabeu e acadar xa a clasificación á segunda ronda ca competición europea. Mais tampouco é descartable continuar co período de derrotas ligueiras en Balaídos, o que o achegaría ás posicións de descenso. Mentres, os afeccionados continuarán compartindo a súa perplexidade entre días celestes felices e negros días celtistas.

Publicado en Faro de Vigo: 1/12/25