O sabor do verán da miña infancia foi o mantecado e chocolate de La Ibense e Capri, as primeiras xeadarías italianas establecidas en Vigo. Cando baixabamos a Vigo coa avoa Filo, un cucurucho ou unha terrina de dous sabores constituía un fito excepcional que apenas se repetiría un par de veces na tempada. Sabores que chegaron a cidade nosa coa Segunda República, cando Perfecto Valls fundou en García Olloqui 3, na cabeceira da Alameda, despois tamén en Velázquez Moreno 28, a primeira fábrica de xeados de La Ibense, como testemuña a súa presencia dende entón nos directorios do Anuario de Vigo, como tamén en Pontevedra, Ourense e A Coruña. Fábrica que funcionaba dende 1892 en Sanlúcar de Barrameda, desde que Carlos Bornay Verdú, mestre artesán xeadeiro formado en Italia, se trasladara dende o seu Ibi natal, nas serras alacantinas da Teixereta e Bascoy, ás praias gaditanas para vender o rico mantecado de vainilla, do que só podían gozar os veraneantes da aristocracia e burguesía de fin de século. La Ibense de Vigo ofrecía os seus cucuruchos de dous gustos, nos que destacaba o mantecado (mestura de leite e vainilla) e o turrón, que tamén se ofrecían nun carriño na propia Alameda.
Crese que traído a Europa polo propio Marco Polo, foi en Italia onde dende o século XVII se desenvolveu a cultura do «gelato», que xunto a pizza napolitana e o pesto da Liguria, son as tres máis celebradas creacións do tesouro gastronómico italiano. Éxito mundial do gelato ao que non é alleo, que sexa o leite o seu principal ingrediente, ademais da xema de ovo e daqueloutro que lle proporciona o sabor. Sen embargo, é na súa preparación artesanal diaria onde radica a cerna do gelato: un traballo paciente do xeadeiro no obradoiro, até acadar unha textura cremosa, suave, densa e equilibrada entre sabor e temperatura (entre -12ºC e -14ºC), lista para servir en corneto ou terrina. Coa intención de ofrecer auténticos xeados italianos, o mestre xeadeiro Marco de Cesero e a súa dona Alma, orixinarios da rexión dos Dolomitas, montaron en maio de 1956 en Carral 4, nos baixos do Hotel Moderno, a xeadería Capri, que ofrecía oito sabores que triunfaron rotundamente na cidade: chocolate, café, mantecado, nata, abelá, tutti-frutti, limón e amorodo. Variedade de abelá que sería premiada na Mostra Internacional do Xeado de Longarone de 1972, que recuncaría o ano seguinte. O éxito de Capri, que servía os primeiros cucuruchos bañados en chocolate e ampliou a carta dos seus gustos, levou a familia de Cesero a facerse en 1982 cos dous locais de La Ibense. Tradición artesá que xa en terceira xeración chega até hoxe no seu obradoiro de Capri. La Original en Praza de Compostela 36.
Se ben, La Ibense e Capri foron as pioneiras, Vigo conta cun mapa de xeadarías deliciosas que paga a pena lembrar. Velaí a xeadaría Venecia, en Sanjurjo Badía 95, no centro de Teis, fundada en 1978, que até hai dous anos posuía a carta de xeados máis ampla de Vigo, con especialidades memorables como o iogur con guindas. Eis en Bouzas Mamma Mía, na Alameda Suárez Llanos 5, que abriu en Teixugueiras 10 en Navia, onde o mestre Albano Costas ofrece até vinte gustos e celebra a Brincadeira cos seus xeados de cervexa e licor café. Velaquí Varicci Artigianale en Castrelos e na Praza da Pedra, con sesenta variedades memorables; Di San Remo, moi popular entre os bañistas de Samil; Panna & Fragola, en Elduayen 2 e Avenida de Europa 103, onde o mestre Giorgo, procedente de Brescia, incorporou o iogur xeado; Fabbrica del Gelato, na praza da Constitución 9, unha das xeadarías mellor valoradas; Helada Madrina, en Vía Norte 4, do mestre xeadeiro Ezequiel Mera, recoñecida cun Solete Repsol, que na súa carta ofrece fantasías como o xeado de polbo ou de calamansi, cítrico asiático.
A este itinerario dos xeados vigueses engadíronse nos últimos meses outras tres propostas de moito interese. Desseo, na Porta do Sol 3, xeado artesán galego sen glute, tamén gofres, batidos e café. Bico de xeado, en Príncipe 49, exitoso proxecto de transformación leiteira da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, con fábricas na Granxa O Cancelo de Miño e na Granxa Esperanza de San Sadurniño, en expansión constante, 30 despachos, que se engade ao de Vialia e o Centro Comercial A Laxe. E Framenti, nacida a carón de Fermentum 42, a panadaría e pastelaría italiana da praza da Oliveira, que hai tres anos montaron no Paseo de Afonso a napolitana Paola Fusco e o siciliano Alessio di Lorenzo, que ofrecen un xeado artesanal coma o que farían en Italia, dezaseis gustos, a metade deles veganos, e algunhas especialidades únicas en Vigo como o siciliano bocadillo de xeado, brioche delicioso, coma todo o preparado por eles. Nestes días calorosos, paga a pena deixarse levar pola ampla oferta viguesa destas delicias xeadas, o xenuíno sabor do noso verán.
