Onte 2060: «Dez gatiñas viaxeiras» de Eva Mejuto e Víctor Rivas

Cando se xuntan os talentos de Eva Mejuto, unha experta en álbum ilustrado (velaí os seus xa clásicos como Maruxa), e de Víctor Rivas, un dos ilustradores galegos internacionais máis agudos, non é estraño que ofrezan unha marabilla como Dez gatiñas viaxeiras (Xerais 2019). Utilizando a estrutura dun conto tradicional acumulativo decrecente e textos rimados, o que permite unha doada memorización, propoñen ás primeiras lectoras unha viaxe en furgoneta pola Galicia enteira, dende o monte de Lestrobe até a Illa de Ons, pasando por Trives, a Muralla de Lugo, ás videiras do Salnés, o teatro de Ourense, o tráfico de Vigo, e o acougo da illa de Ons, onde viaxan cada unha das gatiñas.

Un texto para contar, cantar e memorizar, que incita a unha lectura visual detallada na procura de informacións gráficas agochadas, o que a transform nun xogo de identificación e procura de diferenzas. Aventúrolle  a este álbum un éxito rotundo. Recomendo que pola súa utilidade didáctica e a orixinalidade da proposta de coñecer o país non falte en biblioteca de aula ningunha de Educación Infantil.

Onte 2059: «A araña que lles tiña medo ás arañas»

O editor de Xerais Ramón Domínguez Veiga é un dos escritores para álbum infantil máis orixinais que coñezo. Tras o seu impresionante debut con Violeta quere ser vampiro. Conto de Samaín (Xerais 2017) e con É tempo de Entroido (Xerais 2018), ambos os dous ilustrados por David Sierra, desprega todo o seu enxeño e humor con A araña que lles tiña medo ás arañas (Xerais 2019), un conto de medo ilustrado por Iván R. Utilizando unha estrutura enumerativa e circular, propia da tradición oral, afiando os diálogos con rimas consonantes, Ramón e Iván tecen a tea dunha historia divertidísima protagonizada por unha araña moi afouta que non teme nin a sapos nin lagartos nin a raparigas curiosas, mais que se espanta diante dun ser da súa mesma especie.

Un final inagardado e un xogo espectacular de planos pechan un dos mellores álbums publicados en galego nos últimos anos. Un libro que non pode falar nas bibliotecas das aulas de Infantil e de inicio de Primaria. Mete tan medo como moitas gargalladas.

Onte 2058: As acuarelas de Vigo de Eduardo Baamonde

O pintor Eduardo Baamonde continúa desenvolvendo un dos proxectos máis singulares na actual edición galega, a dos cadernos de viaxe das cidades e vilas galegas. Editados por Almacéns de Fábula e impresos con agarimo na imprenta Lar de Viveiro, Baamonde leva publicados sete volumes apaisados de coidada encadernación acartonada nos que fai un percorrido en acuarelas polas pezas principais do patrimonio arquitectónico, así como de estampas populares ou recantos menos coñecidos que conservan enxebreza e carácter xenuíno de Santiago de Compostela, Pontevedra, Viveiro, O Salnés, A Coruña, Lugo e Vigo. Unha colección que se engade a outros cadernos de viaxe anteriores dedicados a Cambados, Sanxenxo e Vilalba, entre outros.

No caso do caderno de acuarelas de Vigo, Baamonde ofrece un paseo polo Vigo Vello (2018), no que están moi logrados algúns recantos da cidade en socalcos, como os da Praza do Peñasco ou a Fonte da Barroca; como tamén algúns edificios pétreos do ensanche extramuros ou de espazos portuarios e industriais. Un álbum que enriquece de forma moi singular a bibliografía viguesa co xénero clásico da edición de viaxes.

Mención á parte merece o traballo memorable de Baamonde como ilustrador do libro de Isabel Parreño Pena Postales de New York publicado por Edicións del Viento.

Parabéns a Eduardo Baamonde polo súa ollada de artista e pola súa teimosía como editor.

 

 

 

Onte 2057: As miñas vinte de «Vinte»

Publicouse onte en Vinte a extraordinaria reportaxe de María Yáñez e Berta Dávila sobre as listas das vinte mellores obras da literatura galega de ficción publicadas no que vai de século XXI. Fun unha das corenta persoas convidadas a participar nunha escolla que asumín como obriga de editor xubilado e privilexio de lector apaixonado.

Xaora, diante da dificultade de escoller con rigor e coñecemento abondos entre centos de títulos, asumín os criterios de facelo só entre títulos de narrativa, elixir só unha obra por ano e non repetir autoría ningunha, xa que isto permitiría que miña lista fose máis objetiva e representativa da excelencia e heteroxeneidade da ficción galega actual. Sei que que con estes meus criterios quedan fóra obras narrativas moi valiosas (houbo anos de grandes colleitas, coma o do pasado 2019), así como coñezo o valor literario da nosa produción poética e teatral, que descartei na miña escolla.

Velaí a lista que enviei ás editoras, profesionais que merecen todas as miñas beizóns por unha reportaxe de referencia para o noso sector da edición:

Onte 2056: A reinvención da biblioteca pública en Vigo

O mesmo día que Faro de Vigo publicaba que Vigo é a cidade galega menos dotada de libros, en relación ao seu número de habitantes (apenas 0,7 exemplares de publicacións impresas por veciño), lin unha reportaxe moi suxestiva na edición electrónica de La Presse (Québec) sobre como as bibliotecas públicas se reinventan en todo o mundo como ágoras que atraen cada vez un maior número de usuarios. Outro paradoxo deste Vigo puro milagre que necesita máis libros ca luces. Producida en tempos  de hibridación dixital e da ameaza de Amazon de monopolizar a distribución do libro (tanto impreso como dixital), esta reinvención do modelo de biblioteca pública pretende convertela nun espazo arquitectóinico singular que facilite o encontro cidadán e o acceso á información nos diversos formatos.

Novas bibliotecas, das que existen moitos modelos nos Estados Unidos e Canadá, mais tamén en Europa, concibidas como espazos de socialización interxeracional, accesibles e gratuítos para todos, dende os bebés ás persoas maiores, abertas en horarios alongados (algunhas até as 24 horas), que contan con salas de lectura, escritura, impresión e formación, espazos especializados para crianzas e para adolescentes, ludotecas, mediatecas, salas de videoxogos ou cinema, salas de exposicións e até cafetaría, entre outros servizos.

Vigo precisa reinventar a súa inexistente rede bibliotecaria pública, unha demanda cidadá non atendida dende hai tres décadas polos diversos gobernos municipais e as administracións do estado e autonómica, corresponsables da anemia bibliotecaria viguesa. Unha reinvención que pasa por abandonar o actual modelo municipal das salas de lectura,  “bibliotecas sen libros e sen bibliotecarias” (como a que abriu en Navia e como a que está previsto abrir en Teis), adoptando con carácter xeral o da exitosa Biblioteca Xosé Neira Vilas do Calvario, a mellor noticia para a cultura bibliotecaria viguesa da última década.

Mais pasa tamén por non estragar a posibilidade que abre o novo goberno de Sánchez no Goberno de España e facer efectivo o seu compromiso de construír a Biblioteca do Estado nos terreos cedidos polo concello no Chouzo. Unha biblioteca de nova xeración, concibida como as canadianas como espazo comunitario de acceso á información e á lectura hibridada. Unha gran biblioteca, xestionada pola Consellaría de Cultura, que substituiría como central á actual Juan Compañel, que debería integrarse na rede bibliotecaria municipal para dar servizo á cidadanía do Vigo Vello e do centro da cidade. Agardemos que nesta lexislatura a imprescindible reinvención das bibliotecas públicas viguesas non quede en auga de castañas.

Onte 2055: «Matria», a ollada desmitificadora de Álvaro Gago


Por fin puiden ver Matria, a curtametraxe premio do xurado en Sundance (2018), premio da Crítica de Galicia 2018 de Cine e Artes Audiovisuais, entre outros 60 galardóns, liberada na rede como agasallo de nadal de Álvaro Gago, o seu director. Unha alfaia narrativa de vinte e un minutos, tan luminosa como austera, onde se fusiona a ficción e os recursos documentais para seguir a vertixe estresante dunha xornada calquera de Ramona, unha traballadora maior da conserva. Un retrato brutal dunha matriarca, escrava dunha cultura familiar machista e dun entorno laboral onde rexe a cultura do abuso, o insulto e a obediencia. Coa cadencia abouxante dos berros noxentos da encargada da fábrica e co ritmo dos desprazamentos en bicicleta da protagonista pola illa, Gago ofrece un film fascinante e pouco compracente, onde apenas hai acougo para un agarimo ou para un sorriso como aceno de rebeldía e esperanza.

A interpretación de Francisca Iglesias Bouzón, a protagonista, é memorable, como dificilmente esquecible é a súa ollada, expresión da dor profunda que sofren estas mulleres humildes, exhaustas polo traballo na fábrica e na casa. Unha ollada poética e necesariamente desmitificadora sobre o matriarcado galego. Parabéns a Álvaro Gago, que leva trazas de converterse no Kiarostami galego,  por esta peza poderosa pola súa simplicidade narrativa e profundidade do retrato humano. Recomendo a súa utilización como recurso didáctico nos centros educativos.

Galicia, un relato no mundo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición «Galicia, un relato no mundo», comisariada por Manuel Gago e instalada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura:

A exposición temporal «Galicia, un relato no mundo», instalada no Museo centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, no marco da celebración do ano santo xacobeo de 2021 por parte da Xunta de Galicia, é un dos grandes acontecementos culturais do novo ano. Comisariada por Manuel Gago Mariño, o noso mellor divulgador histórico, convida ao visitante a participar de forma activa na experiencia da construción dun relato novidoso e vibrante das interaccións entre Galicia e o mundo, un territorio ambiguo que vai máis alá do cultural, para abordar tamén o económico, o tecnolóxico, o social e o político.

Asumindo a tradición divulgadora doutras grandes exposicións institucionais que dende o pensamento galeguista intentaron explicar o relato de Galicia como territorio común e célula de universalidade, como foron «Galicia no Tempo» (San Martiño Pinario, 1991) e «Galicia e América» (1992), o comisario ofrece camiños novos que van máis alá dos que até agora se instalaron no noso imaxinario (o atlántico, o de Santiago e o da diáspora americana), rompendo cos mitos do illamento endémico e do carácter periférico de Galicia, convidando a participar da idea de que Galicia é unha das moitas engrenaxes dun mundo polo que circulan persoas, ideas, técnicas e obxectos.

Como xa fixera na súa anterior proposta expositiva, «100.Galicia cen. Obxectos para contar unha cultura» (CCG 2016), o comisario utiliza o recurso da presenza de obxectos icónicos heteroxéneos para artellar o seu relato e incitar á visitante a participar nunha experiencia interactiva e envolvente dunha exposición río que permite moi diversas lecturas. Desta volta son 320 pezas claves da historia e cultura nosas, a maior parte delas excepcionais, algunhas nunca antes exhibidas no país, organizadas en catro áreas temáticas, as dúas primeiras relacionadas coas chegadas a Galicia, é dicir, coa entrada de Galicia nos grandes episodios do mundo; as outras dúas, coas saídas, a contribución do noso territorio ao mundo, con atención preferente ao fenómeno da emigración galega, sen dúbida, a cerna da mostra.

Nun incrible traballo de produción, o comisario conseguiu repatriar e xuntar durante uns meses algunhas pezas únicas para a cultura galega. Unha celebración tan excepcional como emocionante que permite á visitante contemplar abraiada o Libro das Invasións (século XII), que forma parte do Libro de Leinster, procedente do Trinity College de Dublín, onde aparece por vez primeira Breogán como o noso líder mítico, e minutos despois, a extraordinaria Biblia Kennicott, rematada na Coruña o 24 de xullo de 1476, unha obra mestra da iluminación medieval e un dos manuscritos hebreos máis fermosos da historia. E se isto xa non abondase, a relación de marabillas da mostra continúa, entre outras, co Guerreiro de Lesenho (idade de ferro), co Mapa de Sawley (s.XII), co Itinerario de Exeria (s.XI), co Liber Sancti Iacobi (s.XII), co Cancioneiro da Vaticana (s.XVI), coa recreación da impresionante colección de arte da Casa de Lemos, coa documentación de varias tripulacións alemás de submarinos que estiveron confinadas na base militar da Graña durante a segunda guerra mundial ou coas fotografías do desfile da Lexión Condor polas rúas de Vigo en maio de 1939. Particular emoción provoca na visita ao segundo andar, as pezas chegadas da Galicia emigrante, dende a imaxe ecuestre de «Santiago Matamoros» da Sociedade de Beneficencia de Naturales de Galicia da Habana, a bandeira do Tercio de Galegos (1806) de Bos Aires até A Santa (1926) de Francisco Asorey, procedente da Casa de Galicia de Montevideo, onde chegou en 1951, quizais a estrela da exposición, por constituír tanto o símbolo da muller labrega como metáfora do propio país.

Percorrido expositivo do que non poden quedar fóra as experiencias de realidade aumentada e detección de presenza, tecnoloxías de gamificación, semellantes ás utilizadas nos videoxogos, que permiten expandir os obxectos e traelos ao presente, como sucede coa recreación do templo de Sebasteion das Afrodisias, no que se atopa a referencia máis distante ao pobo galaico. Como mención á parte merece a imperdible experiencia de realidade virtual construída en base a exposición «Os adeuses» do fotógrafo Alberto Martí, na que o visitante vive en carne propia a emoción da despedida do emigrante dende a varanda do transatlántico que se vai afastando do peirao.

A experiencia que ofrece «Galicia, un relato do mundo» durante tres horas xustifica unha viaxe até a Cidade da Cultura. Achega informacións históricas actualizadas, provoca preguntas relevantes sobre o relato de Galicia no mundo e mesmo algunhas situacións emotivas. Parabéns ao comisario e ás promotoras dunha exposición cuxa visita (aberta até o 12 de abril) recomendo.

 

«Vigo necesita máis voces que luces», entrevista en «Nós diario»

Moi agradecido a Mario Regueira pola entrevista que me fixo para Nós Diario. Beizóns!.

Onte 2054: «Machines Like Me», unha das mellores novelas de Ian McEwan

Ian MeEwan cre que a novela é a forma artística mellor para plasmar o interior da mente humana, e por ende, para representar na ficción os conflitos inherentes ao comportamento dos seres humanos. Ás portas da publicación de The Cockroach, a súa sátira do Brexit, con Machines Like Me (2019) – edición portuguesa en Gradiva e castelá en Anagrama– ofrece unha novela tan perturbadoras como interesante sobre os conflitos morais suscitados pola Intelixencia Artificial (IA) e polo desenvolvemento da robótica. Unha distopía localizada no Londres de 1982, o das loitas contra a poll tax de Thatcher e a guerra das Malvinas, na que o autor inglés xoga coa idea da construción do presente e dun pasado ao que xa chegaron os avances do futuro.

Como xa fixera en obras anteriores, McEwan artella a historia de Machines Like Me sobre un conflito moral, neste caso protagonizado por un triángulo amoroso formado por Charles e Miranda, parella á que se suma, Adan, un robot con impresionantes capacidades de computación, capaz de escribir haikus amorosos, un novo Prometeo do século XX levado as súas máximas consecuencias. Un triángulo emocional que se transforma nun labirinto moral sometido á vertixe de odios, celos e pequenas vinganzas aparentemente sen importancia. Interaccións dos humanos co replicante que lle permiten ao autor preguntarse que é o que nos fai humanos, que é o que nos separa das máquinas que, inevitablemente, chegarán a ser máis intelixentes, máis eficientes e máis coherentes ca nós. McEwan cre que é na capacidade e na habilidade de mentir onde se atopa, polo momento, a liña máis sutil que nos pode diferenciar dos robots, que non coñecen aínda o algoritmo da mentira.

Tras ese conflito, McEwan desenvolve un complexo argumento novelesco, onde dá entrada ao suspense na resolución do conflito que arrastra Miranda e a outros temas e conflitos morais non menos relevantes, como a lexitimidade da violencia, o acceso ao coñecemento, a imposibilidade da inocencia, o valor da educación e da arte como unha vía de investigación, dous dos temas preferidos por un autor que adoita afondar nas máis diversas dimensións da natureza humana. Xaora, como xa sucedera en Cáscara de noz e A lei do menor, Máquinas como eu amosa a un McEwan máis humanista e investigador meticuloso, o que non lle impide continuar sendo tan provocador como atrevido para reescribir a historia da tecnoloxía do século XX, homenaxeando a Alan Turing, dándolle a vida que non puido ter, o grande precursor da informática, que morreu envelenado despois de ser procesado pola súa condición homosexual.

Esa revisión da liña temporal do mundo é tan perturbadora como a prospección arredor da Intelixencia Artificial, que será probablemente, un dos debates centrais da década de 20 que acabamos de iniciar. A novela en mans expertas comos as de Ian MeEwan amósase como a mellor ferramenta coa que contamos para achegarnos aos principais conflitos, miserias e feblezas do seres humanos.

Onte 2053: «Libro dos manifestos» de Manuel Rivas

Volvín da xuntanza do padroado da Fundación Luzes lendo no Libro dos manifestos (Luzes, 2019) de Manuel Rivas. Un volume no que se reúnen os textos editoriais publicados na revista Luzes, que Rivas codirixe con Xosé Manuel Pereiro, dende a súa aparición en decembro de 2013. Depósitos de esperanza vibrantes,  chamadas contra a adversidade en tempos de desacougo. Manifestos dun xornalismo que se reivindica como un ben común, que nin mente nin domina, partilla a información, conta o que non se adoita contar, e faino con vontade de estilo. Rivas ofrece así un dos seus volumes de opinión política máis compactos, no que sempre aparece o estrelampo da retranca, a lucidez dos seus paradoxos (velaí a súa reivindicación da saudade do porvir) e súa inesgotable erudición lectora, como os mananciais máis limpos de argumentos e razóns.

Textos todos nos que identificamos un ganduxo sutil  que reivindica o xornalismo como unha aventura da liberdade, capaz de contribuír a crear espazos de esperanza e memoria para a cidadanía, para recuperar o alento necesario para unha nova época de cambio profundo da cultura política. Ou roubándolle as palabras a Rivas, do que fala este libro dos manifestos é do corazón do porvir, «alí onde se aniña o lugar da memoria, onde é a raizame que terma da esperanza na intemperei, o levedo que fai fermentar». Un libro cen por cen Rivas. Paga a pena colocalo a man na nosa biblioteca.