Onte 2052: «Carrusel» de Berta Dávila

Deixoume abraiado Carrusel de Berta Dávila, o primeiro libro que lin no que vai de ano. Este premio García Barros 2019 de novela é unha auténtica peza de ourivaría, tanto pola fluidez e beleza hipnótica dun relato de autoficción como pola afouteza da escritora compostelá para abordar con naturalidade temas tan complexos como a doenza mental, a convivencia coa dor, o oficio da escritura como peneira da realidade, a maternidade ou a perda de persoas moi queridas. Berta Dávila emociona con retratos familiares impresionantes como os da avoa Úrsula e do tío Carlos ou con páxinas memorialísticas onde o íntimo se verte no crisol de ouro do literario. Un libro que cando o rematas convida a ser iniciado. Máis non se pode pedir. Velaí a experiencia lectora deste carrusel, a vida implacable que nunca se detén, o xogo do círculo e a súa imposibilidade de mirar atrás. Recomendo esta novela memorable. Beizóns, admirada Berta!

Onte 2051: Brétemas 15 anos

Tal día como o de onte de hai quince anos comecei a publicar este blog. Dende entón publiquei 6.101 anotacións das que 138 corresponden o último ano, unha cifra moi baixa, semellante a do pasado, que expresa tanto a persistencia da miña fatiga dixital como a preferencia na miña actual vida profesional de priorizar a lectura e a escritura literarias sobre a escritura neste dietario dixital.

Xaora, neste ano teño moito que agradecer que o blog recibise o Premio da Gala do Libro Galego a traxectoria dun proxecto literario na rede, así como que Xerais incluíse no catálogo da colección Crónica Vigo, puro milagre, o libro onde escolmei setenta e cinco dos textos de Campo de Granada, a maior parte non presentes no arquivo do blog. Senllas razóns para continuar a publicación do blog, no que nas vindeiras semanas introducirei mudanzas na páxina principal para axeitala a tipoloxía de textos que publico con maior frecuencia. En todo caso, expreso a miña gratitude ás lectoras pacientes e xenerosas destas brétemas de esperanza, a maior parte delas por medio de Twitter e Fb, que continúan formando parte das miñas preocupacións diarias.

Onte 2050: «Sándalo» de María Xosé Porteiro

Acompañei onte a María Xosé Porteiro na presentación no Corte Inglés de Santiago da segunda edición de Sándalo, a súa novela sobre a emigración galega en Cuba. Dende o título, que fai referencia a esta madeira dunha árbore sagrada que conserva sempre o seu arume, todo nesta novela evoca a memoria do que permanece, a esencia do vivido. Un texto nacido da experiencia e da memoria familiar dunha autora que viviu os anos decisivos da súa infancia en Cuba, boa coñecedora da súa historia política e das transformacións sociais da pérola do Caribe durante os dous centos últimos anos. Unha novela ambiciosa na concepción, intensa no emotivo, complexa na súa estrutura fragmentaria e acumulativa, onde se entretecen de forma absolutamente natural os fíos dos acontecementos históricos acaecidos en ambas as dúas beiras do Atlántico cos ires e devires dunha familia galega emigrante que agocha un enigma.

Concedéndolle todo o protagonismo ás mulleres, tanto no que atinxe á historia familiar como a política e social, Porteiro ofrece en Sándalo unha das pezas literarias máis logradas sobre a emigración galega a América, á altura de novelas como A república dos soños de Nélida Piñón, coa que mantén algunhas semellanzas. Para Porteiro a emigración galega supuxo intercambio cultural e mestizaxe, contribuíndo tanto ao desenvolvemento de Galicia como o dos países aos que nosos heroes e heroínas marcharon e continúan marchando. Unha moi interesante esculca sobre a conformación da identidade familiar e colectiva, que para o escritor e editor Xosé Antonio Perozo constitúe, tamén «un romance de sentimentos, asumible por todos os pobos emigrantes, que son todos».