Onte 1447: Plan de fomento do libro
/en Cultura, Editores, Educación, Goberno Feijoo, Goberno Rajoy, Lectura, Librarías, Libro, Onte, Política/por bretemasDo debate cos partidos políticos organizado pola Federación de Gremios de Editores sobre a súa proposta de poñer en marcha un plan de fomento do libro e da lectura recollo apenas as posicións do partido do goberno sobre as bibliotecas e as librarías. Non me sorprende que o Partido Popular continúe teimando, como ven facendo dende 2012, en suprimir a partida dos orzamentos do estado destinada a compra de novos fondos para bibliotecas públicas, deixando toda a responsabilidade deste caso ás comunidades autónomas e administracións locais. Sen dotación, as bibliotecas públicas non poderán transformarse no corazón da actividade lectora e de acceso á información nos diversos soportes de cada comunidade local. Porén, semella que o partido de Rajoy está máis preocupado polo futuro das librarías, asfixidas pola perda dun terzo da súa facturación dende 2008, para as que promete poñer en marcha un selo de calidade que identifique aquelas que realicen un papel dinamizador no seu entorno local.
Medidas de apoio ás bibliotecas e ás librarías necesarias, mais moi insuficientes para que o sector do libro no seu conxunto poida facer fronte aos efectos do seu proceso de hibridación disrutiva. Levo tempo defendendo que só un plan transversal de fomento da lectura, desenvolvido no sistema educativo regrado e na rede de educación non formal, financiado por todos os poderes públicos e apoiado por diversas iniciativas privadas, permitirá incorporar a lectura como un dos temas preferentes da axenda pública, utilizada polos partidos políticos e polos medios de comunicación. Sen o compromiso por unha revolución lectora, temo que medidas illadas como as comentadas queden en auga de castañas.
Onte 1446: Caligrafía pola unión
/en Esquerda, Galeguismo, Nacionalismo, Onte, Política, Radio/por bretemasA hora e media de debate na Radio Galega sobre o proceso de confluencia arrefriou o meu optimismo sobre as posibilidades dunha candidatura unitaria galega para as Xerais do 20 de decembro. Unha decepción que compartín onte con moitas amizades que expresaban o seu fastío por non ter identificado nas intervencións dos participantes a actitude cooperativa e a determinación necesarias para rematar un proceso de unión, que todos sen excepción ningunha, afirmaron compartir. O fracaso do debate, pois, non foi tanto polo que se dixo ou se agochou, que tamén, máis sobre todo polas escasas doses de afecto e complicidade expresadas por uns e por outra. No entanto, a pesar desta falta de claridade argumental e frialdade relacional, identificamos outras liñas a salientar. A primeira, para mín a máis desacougante, a intención dos membros do Encontro Cidadán por unha Marea Galega de ralentizar o proceso de confluencia con Iniciativa pola Unión, agardando polo «acordo dos partidos». A segunda, para min a máis clarificadora, a posición compartida polos representantes de A Nova e Podemos Galicia, priorizando sobre calquera outros obxectivos o discurso da «creba democrática no estado co réxime do 78».
Xaora, a pesar de que o debate manifestou as importantes diferenzas e resistencias existentes nesta confluencia, inevitables nos procesos de converxencia e mudanza, nin esta todo estragado nin perdimos a esperanza. Madia leva! Por riba das posicións xerárquicas dos partidos e dos seus liderados emblemáticos debe estar a vontade de confluencia dunha cidadanía que para defender os intereses da maioría social galega e da existencia de Galicia como suxeito político non entende outra linguaxe que a manuscrita pola caligrafía da unión. Trabúcanse gravemente aqueles que consideren meramente instrumental esta posición cidadá.
Onte 1445: Datos da edición en galego 2014
/en Cultura, Edición, Editores, Onte, Xerais/por bretemasA publicación da Panorámica de la edición española de libros 2014, o informe estatístico de referencia elaborado polo Ministerio de Cultura a partir dos rexistros do ISBN, achega os datos claves da produción do libro galego do pasado ano. Sen dubida o primeiro que chama a atención é o aumento de títulos publicados, 1763, que supón un incremento do 23,00 % con respecto a 2013, aínda que quede aínda moi lonxe daqueles 2.544 de 2010 (un 30,00 % menos). Sei que este aumento no número de títulos prodúcese sobre todo pola primeira campaña escolar da LOMCE e polo desenvolvemento do libro dixital, que acada as 465 referencias, cifra que duplica a do ano anterior e tamén a de 2010. A hibridación do libro galego é un feito, xa que en 2014 ofreceu o 73,62 % dos seus títulos en formato impreso e xa o 26,37 % en diversos formatos dixitais.
Por tipoloxías de edición, o libro de texto, 692 referencias, representa o 39,25 %, e o libro infantil e xuvenil, 362, o 20,53 %, polo tanto un 60,00 % da edición, sendo tamén ambos estes dous subsectores os que máis aumentan con respecto a 2013, feito ao que non é alleo o desenvolvemento dos novos materiias didácticos da LOMCE. A literatura, 411 rexistros, representa o 23,31 % da edición en galego, mantendo os niveis do ano anterior, aínda que moi lonxe das cifras de 2010, un 35,00 % superiores, mesmo a pesar do incremento da oferata en formato epub.
Os títulos traducidos doutras linguas, 224, supoñen o 12,70 % da edición en galego, o que supón un incremento do 19,00% con respecto ano anterior, ao que non foi alleo o aumento da tradución ao castelán do libro de texto, aínda que este dato queda moi lonxe daquel de 616 títulos traducidos en 2010. Continúa sendo unha anomalía que o castelán sexa a lingua máis traducida, xa que supón o 45,98 % destes rexistros, sendo o inglés con 56 títulos, o 25,00 % a segunda,
Con respecto á edición pública, continúa a diminución dos títulos publicados en galego, apenas 101, que representan apenas o 5,72 % do total, moi lonxe dos 250 de 2010, que daquela supoñían o 9,82 %. Non deixa de ser curioso que a edición autonómica, realizada polo Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia acade os 15 títulos, apenas o 0,85 % de toda a edición en galego de 2014. Tamén é significativa a diminución da publicación das tres universidades, 38 títulos, moi lonxe dos 173 de 2010, o que supón unha diminución do 78,03 %.
Por último, no listado de editores de 2014 nos primeiros postos aparece Xerais con 301 rexistros (17,10 %), Obradoiro con 216 (12,30 %), Anaya con 151 (8,6%) e Galaxia con 141 (8,00 %).
Onte 1444: Principio de Arquímedes
/en Bibliotecas, Edición, Editores, Educación, Entrevistas, Libro, Libro_electrónico, Onte/por bretemasLeo con interese unha entrevista que un medio colombiano fixo a Manuel Gil, unha das persoas que reflexiona sempre con maior radicalidade sobre o proceso actual de hibridación da lectura e da industria editorial. Gil resume o seu diagnóstico/prognóstico no que denomina «Principio de Arquímedes da industrial editorial»: «Conforme emerxa o libro dixital, o libro en papel vai desaparecer». Sei que esta profecía ten o seu fundamento, xa que hai contidos (como os enciclopédicos) que os editores xa non imprimimos, sendo substituídos polo soporte dixital. Mais tamén sabemos que hai tipos de edición impresa que están coñecendo un momento excelente, como o álbum ou a banda deseñada. Gil entende que a solución para evitar que o libro en papel desapareza pasa pola creación por parte das editoras dunha rede de comercialización baixo demanda en cada país, na que os lectores e lectoras que prefiran este soporte poidan solicitalo. Un modelo de negocio semellante ao que o Grupo Arnoia propón en Kalaiki, no que se integran a impresión e distribución baixo demanda sen tirada mínima.
Xaora, Gil non sabe cal vai ser o ritmo desta hibridación disruptiva do sector editorial, en definitiva, responder á pregunta de cando vai desaparecer o libro impreso, aínda que semella que vai padecer unha longa agonía. Cremos que este proceso de hibridación non vai ser alleo ás políticas de lectura e alfabetización informacional que os poderes públicos poidan desenvolver na súa rede de bibliotecas como tampouco ao modelo de dixitalización adoptado nos sistemas educativos. Bibliotecas e políticas educativas dixitais convértense así en dous dos lados do triángulo dos futuros do libro. Nas características desa intervención pública pode radicar a validez deste Principio Arquimedes para o sector do libro.
Onte 1443: O doutor dos microscopios
/en Ciencia, Museos, Onte, Vigo/por bretemasCoñecín onte nun xantar ao doutor Tomás Camacho, director do laboratorio Lema e Bandín, toxicólogo de prestixio internacional e coleccionista de microscopios. Fascinoume o relato que nos fixo da súa última adquisición en Ebay, o microscopio de Leeuwenhoek. Unha historia rocambolesca e divertida, dende a súa aparición enterrado nas canles de Delf, a cidade do pintor Veermer e de Antonni van Leeuwenhoek, microbiólogo e inventor no século XVII dun microscopio de até 300 aumentos do tamaño dun maimiño, até a participación desta valiosísima peza na exposición que a UNESCO abriu estes días en París con motivo do Ano Internacional da Luz. Sorprende que a colección de Camacho, máis de duascentas pezas, non teña aínda acomodo nalgunha institución museística en Galicia, cando as súas pezas viaxan a Qatar ou a diversoas cidades europeas e norteamericanas. O caso de Camacho, tamén colaborador desde Vigo dalgún proxecto da NASA, non é estraño nun país onde non se recoñece aínda o valor dos seus científicos.
Candidatura galega
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Galeguismo, Nacionalismo, Política/por bretemasNo artigo da semana no Faro de Vigo reflexiono sobre o proceso de conformación dunha Candidatura unitaria galega.
Son cada vez máis propicios os ventos para a formación dunha candidatura galega que participe con garantías de éxito nas eleccións Xerais. Unha única candidatura galega que alicerzada nun amplo movemento cívico de sensibilidades plurais teña por obxectivo acadar representación nas catro provincias e conformar un grupo parlamentario galego soberano nas Cortes sen ningunha outra obediencia que non sexa a de defender políticas favorables aos intereses da inmensa maioría da sociedade galega e á continuidade de Galicia como suxeito político de seu. Unha candidatura de unidade galega sen exclusións enxergada como un soño compartido por milleiros de persoas na mobilización cidadá do pasado 25 de xullo, demandada nos diversos manifestos e declaracións políticas publicadas ao longo do verán, como avalada pola experiencia xerada nos procesos de participación cidadán co que agromaron as exitosas mareas e candidaturas municipalistas na pasada primavera. Semella, pois, que contar cunha candidatura galega é un deses soños posibles polos que paga a pena teimar.
O entusiasmo xerado nas convocatorias promovidas nos últimos meses polos membros do Encontro Cidadán por unha Marea Galega e pola Iniciativa pola Unión, as dúas plataformas cidadáns que traballan a prol deste proxecto político, amosa que a pesar do axustado do calendario, das incertezas e dalgunhas resistencias, inevitables nos procesos de cambio e converxencia, aínda é posible conformar unha única candidatura que nas vindeiras Xerais represente as diversas sensibilidades da esquerda e do soberanismo existentes en Galicia. Unha opción electoral de unidade popular, que conte polo tanto coa sólida base achegada por un movemento cidadán activo en todo o territorio galego, mais apoiada tamén por partidos que renuncian as súas siglas e colaboran na construción dun espazo político común alternativo ao establecido polo Partido Popular e polo PSdeG-PSOE. Unha candidatura galega nacida da xeración do común, un proceso complexo de converxencia de persoas, mareas e candidaturas municipalistas e partidos nacionalistas e non nacionalistas que dende posicións ideolóxicas e procedencias do activismo social e político diversas asumen que por riba das súas diferencias son moitas máis as ideas e os azos de cambio profundo que comparten.
O obxectivo dunha candidatura galega destas características non pode ser outro que facerlle fronte a situación de auténtica emerxencia que vivimos en Galicia, un país en perigo de extinción que precisa activar todos os seus recursos, todas as súas potencialidades produtivas e resetear a súa economía para xerar máis traballo e benestar para a súa cidadanía. O imparable devalo demográfico e a nova onda emigratoria da nosa xeración mellor formada, que ameaza con destruírnos como pobo; a crise ruinosa dalgúns dos nosos sectores estratéxicos, como o leiteiro, o forestal, o eólico ou a construción naval; as taxas de desemprego e índices de pobreza e exclusión social máis elevados da nosa historia; o perigoso endebedamento da Xunta de Galicia por riba dos dez mil millóns de euros ou a incapacidade de aproveitamento tarifario da nosa produción de enerxía electrica constitúen apenas indicios da precariedade dun país que ten moi serias dificultades para ofrecer os servizos básicos de educación, sanidade e dependencia e atender ao marco competencial recoñecido no seu autogoberno. Contar cun grupo parlamentario galego soberano nas Cortes é unha forma de saír deste conformismo paralizante que nos mingua, mais tamén é un valioso altofalante para expresar de primeira man as demandas da súa cidadanía e participar como suxeito político no debate decisivo que alí se produza sobre a nova articulación territorial do estado.
Para conformar esta candidatura galega cómpre que calle canto antes o proceso de confluencia nunha única plataforma cidadá na que se sumen os esforzos das dúas hoxe existentes, o Encontro Cidadán pola Marea Galega e a Iniciativa Pola Unión. O obxectivo non é outro que crear unha única ferramenta de converxencia de adscrición individual capaz de nun tempo moi escaso dotar á candidatura de personalidade xurídica, de desenvolver a súa proposta programática e de organizar un proceso de primarias do que sairían as candidaturas. Considerar o común como un espazo dinámico de encontro, activar a participación de varios milleiros de persoas con azos de cambio en todo o territorio galego, contar coa responsabilidade dos partidos, mareas municipalistas e os seus liderados emblemáticos na facilitación dos acordos son condicións imprescindibles para o éxito deste proceso con vontade de constituirse en histórico. Somos moitos as persoas que confiamos esperanzados nesta unión polo porvir.
Onte 1442: «Unha segunda oportunidade»
/en Cine, Críticas, Feminismo, Novidades, Onte, Vídeos/por bretemasVolvimos aos Norte con outra dinamarquesa: Unha segunda oportunidade da Susanne Bier. De novo enfrontámonos a dilemas morais sobre valores básicos como os que arroupan a paternidade e maternidade «desexada» ou a fraxilidade de persoas dunha peza, como Andreas, o policía interpretado de forma moi convicente polo famoso Nicolaj Coster-Waldau, o Jamie Lannister de Xogo de tronos. A solidez dun guión, que utiliza os recursos do thriller policial, mantén o interese dunha historia truculenta de bebés mortos e desaparecidos que me lembrou á abordada por Dolores Redondo na súa triloxía do Baztán. Mágoa do remate, innecesariamente azucrado, co que quizais a directora pretende expresar unha mensaxe de esperanza e resarcir ao espectador despois de case unha hora e media de sufrimento, onde se suceden malleiras, violacións e outras noxentas barbaridades machistas. Poucas veces queda tan claro que as cousas no eido do privado non son sempre como aparentan. Unha película desmitificadora.
Campo do Fragoso CLXVI
/en Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol/por bretemasPaco Herrera é un dos adestradores que deixou máis pegada na bancada de Balaídos. Abondáronlle apenas dúas tempadas e media, incluídas a da final perdida do play-off e a do último ascenso tras cinco tempadas en segunda, para converterse nunha figura querida e respectada pola bancada celeste que o considera un referente celtista de honestidade e un dos impulsores máis afoutos da incorporación da xente da canteira ao primeiro equipo. Non esquezamos que con el consolidáronse nas aliñacións do Celta xogadores da casa como Aspas, Hugo Mallo, Túñez, Roberto Lago e Jonathan Vila, ao tempo que incorporou con continuidade ao primeiro equipo a Álex López e aos porteiros Sergio Álvarez e Yoel, ademais de facer debutar na súa tempada en primeira a rapaciños como Jonny Castro e Santi Mina, mesmo cando este xogaba no equipo xuvenil. Unha aposta pola canteira continuada por Luís Enrique que, porén, semella diminuída tras a chegada ao banco de Berizzo. A ninguén debe estrañar, pois, o agarimo e gratitude co que Paco Herrera foi recibido en Vigo no último partido de Copa, repetido na tarde de onte na visita dun intenso As Palmas.
Un recoñecemento da bancada a Herrera que semella contaxiou negativamente ao Celta que contando con dous goles de diferenza nos primeiros dezaoito minutos e xogando en superioridade numérica, tras a expulsión aos once minutos de Javi Varas (outro xogador querido en Balaídos), estragou o seu liderato nun partido decepcionante onde foron máis decisivos para a táboa de marcas os seus deméritos defensivos que a teimosa vontade dos canarios de evitar a derrota.
E iso que o Celta comezara o partido coma un trebón decidido a pasar canto antes por diante da veteranía e habilidade dos dianteiros canarios. Dispoñendo da mobilidade electrizante do tridente marabilla (Orellana, Aspas, Nolito) e contando cunha maior implicación de Tucu Hernández como enganche, os minutos iniciais foron de auténtico xogo de salón, onde cada ataque aventuraba a chegada inminente do gol. No minuto once repetiuse a xogada que resultara decisiva fronte ao Raio Vallecano, neste caso protagonizada por Aspas que tras unha grande asistencia de Fontás foi derrubado polo porteiro cando encaraba xa en solitario a portaría. O claro penalti foi executado de forma inapelable por Orellana. Con aquel xogo de salón e coa repetición da superioridade por terceiro partido consecutivo, unha marca difícil de igualar, o partido semellaba deses de cantar a rianxeira. Mais aínda cando cinco minutos despois Wass marcou o segundo tanto tras unha apertura excelente de Iago Aspas sobre Orellana.
Porén, o Celta non soubo xestionar semellante vantaxe e entregou o control do partido cando os canarios marcaron o seu primeiro tanto, tras a primeira das cantadas da defensa céltica nunha tarde horrible para ela. Con este gol de Araújo, o Celta rompeuse coma se dun tigre de papel se tratase, incapaz de tirar partido da guerra de caneos aos que os canarios foron sometendo aos galegos nun espectacular labor de desgaste.
Coa reanudación, volveu o trebón de entusiasmo celeste. Pasados tres minutos, Nolito aproveitou outra espectacular condución de Aspas. Co 3-1 semellaba o partido liquidado, mais non foi nin moito menos así. Outra intermitencia defensiva celeste permitiu que un balón lateral á area fose introducido en propia meta por Hernández. Un gol que acurtaba distancias e metía aos canarios de cheo no partido. Foi entón cando para os celestes o medo mudou de bando. Berizzo introduciu a Guidetti intentando recompoñer un equipo esgazado no medio campo, mais Herrera moito máis pillo xa conseguira convencer aos seus de que era posible o empate, que chegou con outra perda de balón dos nosos, e mesmo a posibilidade dunha heroica remontada. Os minutos finais foron dun emocionante intercambio de golpes e contragolpes. É certo que Nolito puido marcar de falta directa, mais tamén o é que os canarios estragaron dúas contras con vantaxe numérica. En definitiva, un empate xusto e outra lección de Paco Herrera, un adestrador capaz de que os seus equipos nunca se dobren.
Onte 1441: Defensa do ceo nocturno
/en Ciencia, Medio_Ambiente, Onte, Recurso_didáctico/por bretemasEsa fonte de coñecemento que é Martin Pawley desvelounos unha iniciativa da Agrupación Astronómica Coruñésa Ío para que o Parlamento de Galicia faga unha declaración institucional en defensa do ceo nocturno, na liña da «Declaración de la Palma» (207). Esta é unha cuestión referida tanto a un dos dereitos da humanidade, o de contemplar un ceo nocturno non contaminado, como á necesidade de que os poderes públicos aproben normas que controlen a contaminación luminosa, dado o impacto que xera sobre o medio. O emprego máis racional e austero da iluminación artificial, como sucede nos países nórdicos, para minimizar o resplandor que provoca no ceo e os seus efectos sobre os seres humanos e o medio natural, debería exixirse ás nosas institucións como ás entidades privadas. Reivindiquemos e traballemos a prol deste dereito que permite o gozo da observación dun ceo limpo.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- Castelao 758 de Xaneiro de 2025 - 11:12 a.m.
- Aniversarios 20257 de Xaneiro de 2025 - 10:51 a.m.
- Brétemas 20 anos3 de Xaneiro de 2025 - 5:40 p.m.
- Axendas1 de Xaneiro de 2025 - 10:44 a.m.
- 2025, quere celebrado con ansia e esperanza31 de Decembro de 2024 - 4:27 p.m.