Onte 861: Editorial Cartel

Grazas ao bibliófilo Guillermo Escrigas soubemos onte da existencia da editorial Cartel, que funcionou en Vigo durante a Guerra Civil, sendo probablemente un precedente daquela exitosa editorial Cíes de Eugenio Barrientos. líder da edición popular en España durante as primeiras décadas de posguerra. Instalada no número 8 da rúa Velázquez Moreno, a editorial Cartel publicaba nos anos 37 e 38 diversas coleccións de novelas breves e contos infantís ilustrados, distribuídos por correo por medio dun sistema de subscrición mensual a 50 céntimos. As présas puidemos manexar nove títulos que trouxo Escrigas, todos eles de formato peto (estimo 9 x 13 cm) e de 24 a 36 páxinas, incluindo nos interiores media ducia de ilustracións a liña (algunas ben xeitosas) e portadas a dúas cores. Anotamos as présas títulos e autores. Na colección «Cuentos de la niñez» (na que identificamos nunha das contracubertas unha relación de dez títulos): Marta y el príncipe azul, El misionero y las botas de cien leguas, La maldición, Marina y sus tremendas aventuras, La estatua de los ojos azules. Baixo o epígrafe de colección «La novela nueva»: Leyenda del fuego (1938) de Federico Mendizabal, y Leyendas de mi aldea (1937) de Jose Sanz Díaz. Na colección «Cuentos de Calleja», La murga gaditana; na colección «Cuentos de Jub», El malvado Ivanof e sen epígrafe Los poetas. Canciones extraviadas de Julio Sigüenza. tempo haberá para procurar máis datos destoutro capítulo da historia da edición en Vigo, cidade cunha actividade editorial ininterrumpida dende hai 150 anos.

A descuberta da exisencia de Cartel produciuse no marco dunha longa sesión de traballo celebrada dentro das actividades do magnífico proxecto de investigación da Universidade da Coruña «Produción editorial na Galiza durante a etapa franquista (1939-1975)», dirixido pola profesora Carmen Fernández Pérez-Sanjulián. Un proxecto que leva catalogados até o momento arredor de 4.800 títulos editados en Galicia durante este período, dos 718 foron publicados en galego. Un proxecto de investigación que moito axudará a reconstruír a memoria da edición en Galicia e na nosa lingua, un capítulo tan fulcral (coma até agora case inexistente) na nosa historia cultural. A miña beizón e os mellores azos para o grupo Illa da UDC e para as persoas participantes en tan importante achega para a edición galega.

Onte 860: O mellor que temos para quen máis queremos

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza dende hai tres anos un obradoiro de nanas impartido por Xabier Díaz e Guillermo Fernández. O arrolo (ou cantigas de berce, nanas ou anainas) é unha forma musical universal que dende os primeiros días permite transmitir a quen máis queremos o noso latexo, a nosa calor, o noso afecto, o noso cariño, a vibración e a prosodia do noso idioma nun contexto de crianza e acompañamento da maternidade e de educación respectuosa. O arrolo é vínculo, ponte de dozura e afectividade, un xeito tamén de estimulación sinestésica e psicomotriz temperá das crianzas. Este obradoiro de arrolos é unha iniciativa, coma outras actividades deste servizo modélico de promoción e activación do galego, que merece toda a nosa admiración e beizón.

Onte 859: Desigualdade e pobreza

Os informes publicados onte por Intermon Oxfam poñen de relevo que un dos efecto da devaluación interna que sofrimos, agochada baixo o eufemismo de «crise», é o aumento da desigualdade e da pobreza. Intermon denuncia que no mundo só 85 persoas millonarias posúen unha renda idéntica á da metade da poboación mundial. En España as vinte persoas máis ricas posúen unha fortuna semellante aos ingresos do 20 % da poboación máis pobre. Intermon Oxfam, unha ONG centrada na loita contra a fame (á que non pode bautizarse como «esquerdista»), afirma que «as élites económicas están secuestrando o poder político para manipular as regras do xogo económico, o que socava a propia democracia». Unha idea que na rúa manifestouse de forma máis rotunda tras a pancarta «Non é unha crise, é unha estafa». Unha opinión que segundo o informe de Intermon comparten oito de cada dez cidadáns españois enquisados para os que «as leis están deseñadas para favorecer aos ricos». Unha quebra democrática cuxo primeiro efecto é que os intereses dunha minoría se impoñen sobre os que noutrora foron denominados como «intereses xerais». Recomendo ler ambos os dous informes de Intermon, tanto o xeral («Gobernar para as élites») como o dedicado á reflexión sobre o caso español. Axudan a entender que a desigualdade, a pobreza, o desemprego ou a exclusión teñen a súa orixe neste secuestro do poder político perpetrado polo poder económico. Terrible!!!

Centenario do Pergamiño Vindel

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro o centenario do Pergamiño Vindel.

Non debe pasar desapercibido o centenario da descuberta do “Pergamiño Vindel”, peza fulcral do patrimonio bibliográfico galego, conservada dende 1977 na biblioteca Pierpont Morgan de Nova York. Un pergamiño da segunda metade do século XIII, atopado como forro dun códice do século XIV nunha obra de Cicerón polo libreiro madrileño Pedro Vindel. Un pergamiño de 34 cm de longo por 46 cm de ancho, que contén disposto a catro columnas o texto das sete cantigas de amigo atribuídas a Martín Codax, acompañado dos pentagramas musicais de seis delas.

Unha primeira noticia desta extraordinaria descuberta para a literatura galega achegouna o propio Pedro Vindel cando publicou na revista “Arte Español”, no número correspondente a febreiro de 1914, un artigo titulado “Las siete canciones de la enamorada, poema musical por Martin Codax, juglar del siglo XIII”, acompañado cos fotogravados da primeira e da quinta cantiga. Probablemente contando coa asesoría do pontevedrés Víctor Said Armesto, primeiro catedrático de lingua e literatura galego-portuguesa da Universidade Central de Madrid, o erudito máis versado daquela sobre a lírica galego-portuguesa, o bibliófilo Vindel editou en 1915 un folleto de tirada moi reducida (apenas dez exemplares á venda), no que se recollía a totalidade do manuscrito, acompañado de diversas notas e de nove fotogravados en tinta negra. Unha publicación de enorme importancia para a nosa historia literaria xa que, como sinalou o profesor Xesús Alonso Montero, “constituía a proba documental de que as cantigas de tema profano existiran e funcionaran como tales cantigas”. Lembremos que até entón só os máis eruditos coñecían as “Cantigas de Santa María”, un corpus literario e musical de temática mariana elaborado no século XIII na corte de Afonso X O Sabio. Un privilexio o do noso cantor do mar de Vigo que dende 1990 comparte co rei don Denís, tras a descuberta en Lisboa polo profesor Harvey L. Sharrer dun pergamiño que contén a música de sete fragmentos de cantigas de amor do rei poeta de Portugal.

A historia do éxodo e exilio desta peza de ouro do patrimonio galego, reproducida por Xerais no ano 1998, coincidindo co ano das letras galegas dedicado aos cantores do mar de Vigo, merecería ser reconstruída con detalle. Cobizado dende a súa descuberta por musicólogos, bibliófilos e filólogos, parece que Emilia Pardo Bazán intentou convencer a Vindel para que a peza non saíse de España. Porén sería adquirida en 1918 por un prezo de seis mil pesetas por Rafael Mitjana, musicólogo e diplomático español residente en Suecia, que pretendía facer un estudo sobre a música do manuscrito. Tras a súa morte en 1921, o pergamiño quedou na súa biblioteca en Upsala, até que foi vendido polos seus herdeiros en 1961. Adquirido en data incerta polo bibliófilo profesional Otto Haas, foi posto á venda en Londres polo seu colega Albi Rosenthal, e adquirido pola xa citada biblioteca Pierpont Morgan, rexistrado como M979, onde quedou a disposición dos investigadores.

Foi na biblioteca novaiorquina onde Manuel Pedro Ferreira consultou o Pergamiño Vindel devagariño e convertiuse no seu mellor coñecedor. Froito daquelas pescudas o musicólogo lisboeta publicou “O som de Martin Codax” (1986), un libro no que ofrece unha análise exhaustiva do documento orixinal, realiza a transcrición diplomática, a edición integral do texto e da música (na que identifica a dous copistas), inclúe varias figuras ilustrativas e fotografa a totalidade do contido poético-musical. Sería tamén Manuel Pedro Ferreira quen dirixiría a agrupación de música medieval Vozes Alfonsinas na gravación do disco “As melodías de Martín Codax” que Xerais publicou en 1998, dende entón o documento fonográfico de referencia da seis cantigas codacianas.

Álvaro Cunqueiro escribiu que “se Vigo fose unha polis grega, se diría que foi fundada por un poeta, aquel Martín Codax que ‘bailaba no sagrado de Vigo’ e vía a súa amiga bañarse nas ondas”. Para Xosé María Álvarez Blázquez, o trobeiro Martín Codax é “o vigués máis universal de todos os tempos”, tendo Vigo o privilexio de ser coñecida no mundo pola graza dun poeta “para quen a súa vila natal era cifra e suma de todos os seus amores”, facendo da terra nosa vértice da espiritualidade peninsular. Este 2014, ano do centenario do Pergamiño Vindel, o primeiro libro da nosa literatura, é unha oportunidade para volver sobre a proeza dun poeta sen biografía, ese descoñecido Martín Codax de quen por ventura conservamos a alfaia sas súas sete cancións orixinais de raíz popular. O xeito máis brillante de facelo sería organizar en Vigo unha exposición didáctica na que se contase co propio Pergamiño Vindel recuperado durante uns meses do seu exilio transoceánico. Pagaría moito a pena sequera intentalo.

Onte 858: FC Jazz

A cidade finesa de Pori é coñecida polo seu festival internacional de Jazz. Creado en 1966, cada mes de xullo este festival das músicas do swing reúne a máis de cen mil afeccionados que asisten ao cento de concertos de jazz, blues, soul programados en dez apretados días. Un festival musical que arraigou tanto nos veciños de Pori que en 1991 decidiron bautizar como FC Jazz ao seu equipo de fútbol fundado en 1934. O máis simpático do caso é que coa mudanza do nome o equipo foi pioneiro no seu país na incorporación de xogadores brasileiros que contribuíron a que en 1993 obtivese o seu primeiro título de liga, no que recuncaría en 1996. Mais esta sorprendente historia, que leo nas páxinas de Panenka, capaz de unir os ritmos musicais coa beleza do xogo na lameira, estragouse en 2005 coa bancarrota do club que, a piques de desaparecer, tivo que comezar dende cero na liga rexional. Agora o FC Jazz soña con rescatar a calidade daquel fútbol de inspiración musical dos seus exitosos anos noventa. Hai tempo que defendemos que o fútbol tamén é unha cuestión de swing.

Onte 857: Síndrome de Trithemius

Son cada vez máis numerosas as voces que expresan a súa cautela sobre a velocidade do proceso de dixitalización do sector do libro e da lectura. Ninguén nega a hibridación actual do sector (a convivencia de formatos impresos e dixitais, en función de formatos e tipoloxías de edición) nin a mudanza inevitable cara o paradigma da comunicación editorial dixital. Mais tamén é innegable que o libro electrónico e a cultura hipertextual nas súas diversas modalidades e formatos evoluciona moito máis amodiño do previsto e non respondeu aínda a todas as expectativas xeradas. Unha situación que no caso do noso sector editorial atribúo, entre outras causas, ao carácter case monopolista da distribución do contido dixital por parte de dúas ou tres empresas estadounidenses, mais tamén á incapacidade do sector editorial europeo de ofrecer ao seu público un modelo tecnolóxico e de negocio alternativo e sostible.

A entrevista a Fernando Báez, publicada onte por El País, é unha mostra do peso desas voces que convidan á reflexión sobre o proceso de tránsito que estamos vivindo. O ensaísta venezuelano, especializado na historia do libro e autor da Historia universal de la destrucción de libros, defende que o libro foi sempre «unha tecnoloxía da memoria», que evolucionou moi lentamente, perfeccionándose cos séculos e coas achegas das diferentes culturas. Sorprendeume a súa tese da «Síndrome de Trithemius», acuñada no seu libro máis recente, Los primeros libros de la humanidad. El mundo antes de la imprenta y el libro electrónico (Fórcola, 2013), un dos tipos da saudade, que leva a sospeitar de calquera mudanza que afecte ao formato dos libros. Trithemius fora un monxe que no século XV, ademais de crear as mensaxes cifradas, defendera (con argumentos baseados no propio proceso da lectura) o manuscrito fronte ao libro impreso que comezaba entón o seu exitoso percorrido. Máis alá de asumir as resistencias ao tránsito expresadas pola Síndrome de Trithemius, é valiosa a advertencia de Báez, xa que a ollada cara ao pasado permite comprobar que a evolución dos formatos do libro sempre foi moi lenta, razón pola que conviviron durante séculos. Hoxe non sabemos se este modelo poderá manterse coa disrupción da revolución dixital. As opinións de Báez axudan a ponderar o proceso de hibridación actual entre a exaltación da tecnofilia do libro electrónico e o conformismo paralizante dos que negan a mudanza do paradigma.

Onte 856: «Rosalía e Castro. Imaxe e realidade»

A sempre inexplicable providencia laica fixo que o anuncio do inédito de Rosalía de Castro (que non era tanto) coincidise coa chegada do prelo dos primeiros exemplares de Rosalía de Castro. Imaxe e realidade do profesor Fernando Pereira Bueno, o libro co que Xerais celebrará o 24 de febreiro, o vindeiro día de Rosalía 2014. Un ensaio moi novidoso de iconografía documental no que se recollen e analizan con todo detalle máis de dúascentas pezas, outras tantas interpretacións que da imaxe e do espírito de Rosalía fixeron os artistas plásticos ao longo da historia. Dende os retratos fotográficos e o o óleo inconcluso de Brocos comezado en vida da nosa cantora até as caricaturas e aplicacións gráficas máis recentes, no libro preséntase unha Rosalía viva, inusualmente moderna, unha peza fundamental no noso imaxinario colectivo, que funciona xa coma a maior icona visual da Galicia contemporánea. Sei que este vai ser un libro que vai dar moito que ver e debater. Parabéns a Fernando Pereira por tan inmenso e concienciudo traballo documental.

Onte 855: Lembranza en Compostela de Juan Gelman

Na presentación en Pedreira do Caderno do Nilo, Cesáreo Sánchez Iglesias lembrou en dúas ocasións a Juan Gelman, o gande poeta arxentino falecido esta semana. Ao comezo do seu discurso Cesáreo revelou o que Gelman, que fora declarado pola AELG en 2010 «escritor galego universal», lle escribira no seu derradeiro correo electrónico o pasado mes de novembro contestando a outro no que o poeta de Maside lle daba noticias da nosa defensa da cultura do país nun momento tan duro. «Sin pelear para mejorar las cosas no se puede vivir» foron palabras sabias do poeta que nunca se conformou diante da inxustiza. Na cerna dun discurso centrado arredor da viaxe e das dificultades da aprendizaxe da escrita en soidade, Cesáreo rescatou uns versos de Gelman que iluminan sobre as razóns da viaxe: «Confundirse cos outros / e que os outros non teu ser / te fagan inmenso coma o mar». Poeta proteico, Juan Gelman, beizón!

Onte 854: Le un libro e viaxa

Aledoume que onte a xornalista Marta Rodríguez reparase cun chío sobre a campaña «Le un libro e viaxa» organizada pola Asociación Galega de Editores e o concello de Santiago. Oito textos literarios breves para ler en apenas un par de minutos. Unha iniciativa sinxela e directa de corresponsabilidade que os editores galegos acometemos coa intención de contribuír á visibilidade da lectura e do libro galego nos espazos públicos. O deseño da acción, enmarcada na campaña Ser Libris, correu a cargo de Illa Bufarda Produtora Creativa. Nestes días xestionamos levala na vindeira primavera, coincidindo co Día do Libro e o das Letras Galegas, ao transporte urbano e metropolitano doutras cidades galegas. «Le un libro e viaxa».

Onte 853: Convocados os Xerais 2014

Venturosamente pechamos onte a convocatoria dos Premios Xerais 2014. A gran novidade desta edición (xa a trixésimo primeira) é a recuperación do premio de literatura xuvenil,  para o que moito axudou contar co patrocinio de Ámbito Cultural-El Corte Inglés. «Premio Jules Verne de literatura xuvenil» é unha denominación coa que queremos reivindicar tanto a figura do novelista bretón e a súa relación coa ría de Vigo (onde dende hai unha década se dá a coñecer o ditame dos premios) coma o papel sobranceiro das súas obras no noso catálogo xuvenil, que pretende contribuír á formación dun criterio literario. De aquí até o 7 de xuño, data na que se dictaminarán os tres concursos, tempo haberá para comentar outras novidades no noso certame.