Cíes, patrimonio da humanidade

No artigo da semana en Faro de Vigo comento a iniciativa de Abel Caballero de solicitar a declaración por parte da UNESCO do arquipélgo de Cíes como patrimonio da humanidade.

A proposta do alcalde Abel Caballero de iniciar este mes de xaneiro os trámites para que as illas Cíes sexan declaradas “patrimonio da humanidade” pola Unesco merece todos os parabéns e apoio unánime dos grupos municipais e da veciñanza da área metropolitana. Unha iniciativa estratéxica liderada polo concello de Vigo cuxa aprobación sabemos levará o seu tempo, como mínimo tres anos, e requirirá un proxecto técnico sen fisuras, un amplo apoio social e consenso político para defender a candidatura diante das diversas institucións españolas e instancias internacionais. Un proxecto que deberá ser compartido primeiro por toda a corporación viguesa, despois por cada unha das outras da súa área metropolitana, e máis tarde pola Xunta de Galicia e polo Ministerio de Cultura. Un camiño difícil no que a candidatura metropolitana viguesa competirá en Galicia coas da Ribeira Sacra, Os Ancares, a rota norte do Camiño de Santiago e o Ferrol da Ilustración, aspirantes a este recoñecemento que este organismo das Nacións Unidas outorga a aqueles lugares que acrediten unha importancia natural ou cultural excepcional para a herdanza da humanidade. En Galicia só contan con este recoñecemento a cidade de Santiago (dende 1985), o camiño francés de Santiago (1993), a muralla de Lugo (2000) e a torre de Hércules (2009).

Foi durante o mandato do alcalde Carlos G. Príncipe, cando no marco dos debates do plan estratéxico se valorou a posibilidade de solicitar a declaración da ría de Vigo como “patrimonio da humanidade”. Por ventura, despois de que padecese durante dúas décadas problemas de saneamento, que supuxeron unha sanción económica da Unión Europea, e en 2002 a agresión do chapapote do “Prestige”, aquela idea xenérica de procurar o recoñecemento patrimonial da nosa ría concrétase agora sobre a que é a súa primeira alfaia, Cíes, o arquipélago conformado polas illas de Monteagudo, Faro e San Martiño, que dende o ano 2002 forma parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas.

Para os redactores da proposta non han faltar razóns para defender o argumentario da candidatura de Cíes como “patrimonio da humanidade”, dende os seus valores medioambientais e paisaxísticos excepcionais (da que son unha boa mostra as extraordinarias fotografías de Ricardo Grobas reunidas no seu libro máis recente “Illas atlánticas de Galicia”), pasando polos seus vestixios históricos castrexos, o patrimonio subacuático (até sete pecios) agochado nas súas augas, a tradición mítica e lendaria (das chamadas “illas dos deuses”) e a memoria de ducias de naufraxios, até a súa magnífica integración nun entorno metropolitano urbano de medio millón de persoas. Nos cantís de Cíes nidifica a colonia máis importante do mundo de gueivota patiamarela, así como outras aves mariñas en perigo como o cormorán, o arao, a gueivota cincenta ou o paíño. Os botánicos levan catalogadas alí máis de seiscentas especies diferentes, algunhas tan recentes como o “pé de paxaro”, outras únicas coma a “camariña” ou en perigo de extinción como a “herba de namorar” presentes nas dunas da praia de Rodas (a que foi cualificada polo londiniense “The Guardian” en 2007 como “unha das mellores praias do mundo”). Como tamén son moi singulares os seus hábitats acuáticos e a fauna de vertebrados mariños, coa presenza de golfiños, arroaces, marsopas e tartarugas.

A declaración de Cíes como “patrimonio da humanidade” tería indubidable transcendencia económica, sobre todo para a promoción turística internacional da nosa área metropolitana e para a inclusión do noso porto nas rotas atlánticas de cruceiros, mais tamén para contribuír ao reforzamento da protección e preservación do ameazado ecosistema do arquipélago. Porén, para acadar tan importante obxectivo non abonda con artellar unha estratexia de mercadotecnia cultural. Requírese, ademais, unha actuación política decidida no saneamento integral da ría, para o que será imprescindible a posta en marcha da depuradora do Lagares nos prazos previstos, así como o respecto estrito das directrices do Parque Nacional no que atinxe a redución do impacto humano sobre as illas, se fose mester restrinxindo o fondeo de embarcacións e reducindo o actual aforo de visitantes e campistas. Como sería moi interesante integrar no proxecto o programa científico do Campus do Mar, as actividades de promoción das embarcacións tradicionais e da cultura marítima galega (onde o porto de Bouzas xa é un foco privilexiado), a organización de eventos deportivos náuticos, a realización de actividades para estudantes, ou a incorporación da figura de Jules Verne como pioneiro divulgador internacional das illas e ría viguesas. O proxecto Cíes pode converterse no aglutinante cívico e social que precisamos.

Onte 844: As declaracións de Villares

Tras as declaracións de Ramón Villares sobre a situación da lingua e da cultura galegas identificamos o optimismo da vontade e a lealtade institucional, mais tamén unha clara decepción sobre o proceder do actual Goberno Galego nestes eidos. «Melancolía» e «un pouco de desánimo» na linguaxe diplomática e prudente do presidente do Consello da Cultura Galega, que finaliza esta primavera o seu segundo mandato, son palabras que non expresan sintagmas de simpatía nin entusiasmo. Apenas un xesto de insubmisión e sinceridade de Ramón Villares, unha actitude imprescindible para unha institución que debería defender a súa independencia e autonomía con respecto aos poderes públicos galegos.

Onte 843: Efemérides literarias 2014

Ramón Nicolás publicou onte no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia un artigo excelente lembrando as efemérides literarias deste 2014 recén iniciado. Ademais do ano Díaz Castro, pareceume oportuno que Nicolás reparase nos cincuentenarios do pasamento de dúas figuras galeguistas a recuperar, a do político e xornalista Ramón Suárez Picallo (o 14 de outubro) e a do arquitecto Manuel Gómez Román (o 11 de novembro), así coma tamén nos centenarios do nacemento de Avelino Pousa Antelo (o 14 de maio) e Ramón de Valenzuela ( o 3 de outubro), o autor de Non agardarei por ninguén. Efemérides moi a ter en conta na planificación do noso traballo editorial e na súa utilización didáctica.

Onte 842: Noveno aniversario

Onte estas brétemas chegaron ao seu noveno aniversario. Dende aquela primeira anotación do 3 de xaneiro de 2005 levamos publicadas 4.214 (1.269 nos últimos tres anos, arredor de 423 anuais) e 9.304 comentarios (1.371 dende 2011, arredor de 457 no último ano). Cifras que amosan a consolidación da publicación diaria de anotacións no blog, ao tempo que o decrecemento da publicación de comentarios. Dende 2011, a nosa conversa intensificouse nas redes de sociais e informativas, tanto en Facebook coma e sobre todo en Twitter, onde acadamos os 18.336 chíos (13.836 dende 2011, arredor de 4.612 por ano, unha media dunha ducia diaria). No entanto, para min o blog continúa sendo o eixo da miña identidade dixital, tanto polo seu carácter de arquivo de anotacións e artigos coma da miña axenda pública, mais tamén pola posibilidade que ofrece de segmentar  e xerarquizar o contido por categorías e palabras claves facilitando así a reutilización e acceso constante aos seus textos.

Nesta altura, particular importancia ten para min a escrita da serie «Onte», da que van publicadas 842 anotacións (360 no último ano), na que ensaio o emprego da primeira persoa coma voz primeira, asumindo a subxectividade como o rexistro máis veraz e auténtico da escrita biográfica, tanto cando recollo a miña actividade cotián e profesional como editor de Xerais coma cando expreso as miñas reflexións políticas e deportivas. Outrosí, continúo co esforzo por ofrecer unha prosa electrónica eficaz, completa e breve, exenta de retórica, o máis axustada aos procedementos da lectura actual sobre diversos formatos de pantalla e das interfaces das redes. Esta é a razón pola que hoxe, coma hai nove anos cando iniciamos o proxecto, teimo no esforzo por explorar as utilidades do hipertexto, o que concibo coma un reto e unha posibilidade diaria de aprendizaxe.

Con todo, o máis valioso desta experiencia blogueira en lingua galega son os seus lectores e lectoras que me achegan o seu agarimo e a súa crítica nas redes. A todas estas persoas expreso a miña gratitude e beizón. Coma acuñamos en 2005, se o tempo mo permite e o entusiasmo non me falla, continuaremos con estas notas do traballo de edición explorando o territorio das brétemas de esperanza. Os meus parabéns a Jaureguizar, compañeiro do corazón, co que iniciei este camiño tal día coma onte de 2005.

Onte 841: Un ano á intemperie

Moitos editores galegos comentamos en privado o artigo que Anxo Lorenzo Suárez publicou onte nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia. Como é adoito nos seus pronunciamentos públicos, o secretario xeral de Cultura presenta un balance moi optimista da cultura galega como «construción colectiva». Procurando a raiola onde máis quenta, Lorenzo non ten problema ningún en meter no mesmo espazo a excelente colleita dos premios nacionais, o sequiscentenario de Cantares Gallegos, o ano Bolaño, o corenta aniversario de Abrente, o éxito de público de Culturgal e (dalgunha) feira do libro ou o funcionamento da biblioteca dixital Galiciana. Logros, iniciativas e proxectos de orixe moi diversa que así relacionados poden semellar para algún lector menos informado froitos directos da política cultural do actual Goberno Galego. Mais. é unha evidencia, que iso non é así.

O artigo de Anxo Lorenzo, a pesar de tratarse dun balance, non aborda a situación dramática dos territorios da cultura galega que no pasado ano quedaron á intemperie, en situacións precarias e ameazadoras para a súa propia supervivencia. Problemas que, sen dúbida, non descoñece como os que sofren as diversas industrias culturais galegas sometidas á treboada perfecta da redución do consumo cultural, da mudanza do paradigma da comunicación cultural cara o dixital e dos recortes das políticas públicas relacionadas coa cultura, a educación e a normalización da lingua galega. Situacións dramáticas como as que sofre o sector da edición galega, por referirme ao sector que mellor coñezo (tamén o máis citado por Lorenzo), que dende 2008 perdeu o 38 % do seu emprego directo, unha hemorraxia laboral que non se cortou en 2012, e que no mesmo período leva perdido o 16,76 % da súa facturación total. Dúas cifras (poderiamos tirar outras) ás que non foron alleas as decisións adoptadas durante este período pola Xunta de Galicia, tanto na redución drástica dos fondos destinados a adquisición de novidades editoriais para bibliotecas públicas (un 64,80 % menos), das axudas para a edición de materiais didácticos en lingua galega (un 75 % menos) coma dos efectos brutais sobre o mercado editorial educativo da implantación do decreto de plurilingüismo.

Mais que un balance tan nesgado, agardabamos do secretario xeral de Cultura un compromiso acorde cos tempos tan duros que vivimos as empresas e cadros de persoal do sector da cultura en Galicia. Agardabamos, sequera, o anuncio dun compromiso para a recuperación da cultura como sector estratéxico para Galicia. Agardabamos unha man tendida para recuperar consensos imprescindibles, como os forxados arredor das políticas do libro e da lectura durante o último goberno de Manuel Fraga e de Emilio Pérez Touriño.

É paradoxal a vitalidade e excelencia da nosa creación, é moi de agradecer a corresponsabilidade asumida pola sociedade civil galega apoiando a unhas industrias culturais galegas que os poderes públicos deixaron á intemperie.

Onte 840: Peaxes

Entre as diferente subidas de primeiro de ano (carburantes, luz, vitrasa, billetes de tren…) unha das que máis me anoxa é a da tarifa das peaxes da AP-9. Dende onte, por ir e vir en coche de Vigo á Coruña, pagaremos 30,70 euros de peaxes. Unha cantidade desproporcionada por utilizar unha infraestrutura amortizada dende hai anos e da que se realiza un mantemento moi precario. Ben sabemos os usuarios frecuentes do perigo dalgúns treitos por falsos e esvaradíos en días de choiva e temporal, coma os que estamos vivindo estas semanas. Como aturamos con paciencia infinita as colas longuísimas que se forman para atravesar as barreiras, tras a supresión de empregos de peaxistas.

A privatización da Autoestrada do Atlántico e o alongamento da súa concesión anticipou as políticas actuais de entregar os servizos públicos básicos a entidades con ánimo de lucro. Itínere, a actual concesionaria da AP-9, dende 2008 propiedade do grupo estadounidense Citigroup, fai un grande negocio a costa de toda a cidadanía galega, tanto a que paga as peaxes coma a que o fai pola achegas indirectas das administracións públicas ao treito gratuíto de Rande. Unha autoestrada, ademais, para a que non existe unha alternativa dunha estrada gratuíta ou dun transporte público colectivo. Esta nova subida amosa que os usuarios somos reféns da AP-9, sen posibilidade de quedar en liberdade no futuro.

Onte 839: Paz e humor

Entre as mensaxes de anovello que recibín por Whatsapp (aqueles sms doutrora desapareceron engulidos pola fraxilidade do entorno dixital) unha das que máis me prestou rezaba: «Os meus desexos para o 2014: xenerosidade, cariño e respecto. Intolerancia absoluta só contra o fanatismo. En resumo: paz e humor». Subscribo os desexos do meu amigo que deste xeito propón enunciar os sintagmas do afecto, da simpatía, da firmeza e do entusiasmo, aqueles que nos poderán axudar na difícil tarefa de reconstruír un país hoxe en ruínas. Pola miña banda, eu só insistiría na necesidade de abandonar de raíz calquera actitude e comportamento seitario e cainita, que identifico coma síntoma dun ameazador dogmatismo conformista e paralizante. Cómpre procurar novos espazos onde compartir o relato da reconstrución da nación cos valores inclusivos da xenerosidade, da escoita, do agarimo, do respecto, da firmeza, da solidariedade e do entusiasmo até o lirismo (do que falaba Castelao). Con ese pulo, retomamos o fío do aninovo.