Se mercas unhas gafas, regalámosche un libro

Este serán, agardando polo vitrasa para volver do chollo, sorprendeume a publicidade da traseira do bus dos Caños: «Se mercas unhas gafas, regalámosche un libro». A bonita iniciativa marqueteira, que tamén de promoción lectora, corresponde a Óptica Studio, unha cadea de ópticas nacida en Cangas hai trinta anos e na que nunca reparara. Esta oferta en termos económicos é modestiña (apenas un desconto dun par de puntos), porén supón unha iniciativa singular a gabar, xa que non é adoito empregar o libro como un reclamo de prestixio para vender outros produtos. Nada sei sobre cales son os libros agasallados por esta pequena cadea de ópticas (mágoa que no seu sitio web tampouco anuncien, polo momento, a promoción) nin nunca pisei ningún dos seus establecementos. A partir de agora conta coa miña simpatía. Os meus parabéns.

«Non somos un sector subvencionado»

Hoxe aparece publicada en La Voz de Galicia parte da conversa que mantivemos, o pasado venres, Xosé Ballesteros e mais eu arredor da situación da edición en Galicia.

Como é adoito nestes encontros, falamos devagariño de moitas máis cousas ca do diagnóstico inicial do noso sector, dende o sentido da presenza nas feiras internacionais, pasando pola relación do editor cos autores e autoras e a nosa formación autodidacta, até o balance dalgunhas carencias de xénero.

Agradézolle ao xornalista Ángel Varela o seu convite e o admirable traballo de síntese e a Gustavo Rivas as súas magníficas fotos. [As miñas desculpas polo autobombo.]

Aeroportos de Gallaecia

No artigo da semana reflexiono sobre a crise dos aeroportos galegos e os criterios que se deberían respectar no deseño do novo mapa de rotas das catro terminais que utilizamos os viaxeiros galegos.

O futuro do Culturgal

Este 2009 non haberá Culturgal. A desvinculación total do proxecto por parte da Consellaría de Cultura, organizadora da pasada edición, impide celebrar esta feira das diversas manifestacións das industrias culturais en Galicia. Toda unha mágoa! A pesar da mobilización en Facebook e do ofrecemento de axuda por parte da Concellaría de Cultura da Coruña, non hai tempo nin cartos abondos para organizar nun par de meses un evento coas dimensións e a dignidade do da última edición. Razóns polas que parece moi sensato o acordo adoptado onte na reunión da Asociación Galega de Editores de aproveitar estes meses que quedan do ano para recuperar a xestión do proxecto (a verdade é que nunca debeu pasar as mans da Xunta de Galicia), xuntar aos diferentes sectores profesionais (música, audiovisual, xestión cultural…) e constituír de vez a fundación que organice anualmente a feira e asegure a súa independencia. Só así evitaremos que este feira, concibida para contribuír á profesionalización e visibilidade dos produtos culturais na nosa lingua, dependa dos intereses e das querenzas dos responsables das administracións públicas. No entanto, penso que sería moi proveitoso para non estragar tantas e tantas enerxías que foi xerando o proxecto, celebrar na Coruña (onde tanto se implicou a  concellaría de cultura no Culturgal 2008) nunha fin de semana do mes de decembro, unha marathón de presentacións dos produtos culturais deste ano 2009 (libros, discos, películas, series, iniciativas, publicacións periódicas…). A experiencia de «La noche en blanco», que se celebra esta fin de semana en Madrid, non podería ser reinventada en galego na Coruña? Unha idea que podería estudar a Concellaría de Cultura da Coruña.

Aparecen as novelas premiadas de Rosa Aneiros

Xa puxemos nas librarías as novelas premiadas de Rosa Aneiros. Tras unha lectura devagariño de amabas as dúas non teño dúbida de que estamos diante de senllas obras grandes que marcarán un fito na nosa historia literaria e editorial. Dúas marabillas! Agardo con impaciencia as opinións dos lectores e lectoras.

A ilustración de cuberta é de Fran Herbello.

Textos de Agustín nos vagóns do Metro

Vímolos esta fin de semana en Madrid en varios vagóns do Metro. Forman parte da campaña Libros a la Calle, organizada, outro ano máis, polos libreiros e editores madrileños. Non podo agachar a miña enorme alegría pola presenza entre os textos dun de Agustín Fernández Paz (pertence ao seu multipremiado O único que queda é o amor, por certo, incluído esta semana na Lista de Honra do IBBY 2009), ilustrado por Pablo Auladell (esta semana inagurou nova web). Para cando os textos literarios nos nosos autobuses urbanos ou nos vagóns dos Vigo-Coruña? Dende a iniciativa privada, os editores e libreiros galegos cos nosos propios medios e coa maior independencia temos que mobilizarnos para promover a necesaria revolución lectora, a que agardamos? Recomendo visitar a pestaña de «textos» da web da campaña, onde se poden ler todas as pezas ou baixalas en pdf. Beizóns para o noso gran Agustín (ollo, está noite en Libro aberto)!

A polémica da gratuidade do libro de texto

No artigo da semana reflexiono sobre os termos políticos nos que se realiza o debate arredor da gratuidade do libro de texto.

«O mundo patas arribas», Mar Caldas

Impactante este traballo fotográfico de Mar Caldas («O mundo patas arriba») para a sección «Inédito» que coordinada por Manuel Sendón publica A Nosa Terra.

Faleceu Jose Paulo Serralheiro

Magóanos a noticia do falecemento do José Paulo Serralheiro, o director d’ A Página da Educação, dirixente do Sindicato de Professores do Norte, e moi bo amigo do grupo galego de Educadores pola Paz. Profesor e xornalista especializado no eido educativo, tivemos oportunidade de compartir conversa co portuense a raíz da celebración do vinte e cinco aniversario de Educadores pola Paz naquel memorable Serán pola Paz, no que intervira de forma potente e rotunda. Aquel día tivemos, tamén, a oportunidade de agradecerlle a súa participación no libro colectivo, coordinado polo seu bo amigo Suso Jares, Educación e Paz II. Presente e futuro da construción da paz, onde publicou o traballo titulado «O novo ‘poder suave? e os Direitos Humanos». Que a terra lle sexa leve ao bo do Ze Paulo, amigo solidario da paz e das estrelas.