Textos de Agustín nos vagóns do Metro

Vímolos esta fin de semana en Madrid en varios vagóns do Metro. Forman parte da campaña Libros a la Calle, organizada, outro ano máis, polos libreiros e editores madrileños. Non podo agachar a miña enorme alegría pola presenza entre os textos dun de Agustín Fernández Paz (pertence ao seu multipremiado O único que queda é o amor, por certo, incluído esta semana na Lista de Honra do IBBY 2009), ilustrado por Pablo Auladell (esta semana inagurou nova web). Para cando os textos literarios nos nosos autobuses urbanos ou nos vagóns dos Vigo-Coruña? Dende a iniciativa privada, os editores e libreiros galegos cos nosos propios medios e coa maior independencia temos que mobilizarnos para promover a necesaria revolución lectora, a que agardamos? Recomendo visitar a pestaña de «textos» da web da campaña, onde se poden ler todas as pezas ou baixalas en pdf. Beizóns para o noso gran Agustín (ollo, está noite en Libro aberto)!

2 comentarios
  1. xos
    xos Dice:

    Eu teño lido, nos vagóns de metro de Madrid, o poema Longa noite de Pedra de Celso Emilio. En galego, cunha traducción ao seu carón, de letra máis pequena. Un exemplo, unha pequena luz doutro posible Madrid aberto a outra idea de España. Foi unha alegría, e unha excepción tamén.

  2. Xaquín
    Xaquín Dice:

    Dada a situación galega coido imposible unha campaña igual no metro santiagués. E non pola inexistencia actual de metro, senon pola enorme dificultade para acadar un consenso claro na súa construcción na capital “do centro” (e non nas outras “capitais”). E moito menos facer a campaña en galego, xa que topariamos co dogma bilingüe e se levantarían os berros (como mínimo) dos diversos “matamoros pacovazquianos”.

Los comentarios están desactivados.