O espírito Airas Moniz
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao ditame da XLIVª edición dos Premios da Crítica de Galicia:
Entre as sorpresas do acto de ditame e entrega dos Premios da Crítica de Galicia, celebrado en Vigo o pasado sábado, máis alá da contrastada excelencia das obras recoñecidas nas categorías literarias, outorgadas ao escritor Xesús Fraga por Virtudes (e misterios) (Galaxia, 2020) e ao investigador Miguel Anxo Seixas por Castelao. Construtor da nación. Tomo II (Galaxia, 2020), chamou a atención a singularidade e perfil novidoso do resto das súas oito modalidades.
Moi poucas das persoas presentes no Auditorio de Afundación sabían da figura extraordinaria de Manuel Ayaso, premiado na modalidade de Artes Plásticas, o pintor e debuxante de Aguiño (87 anos), emigrante durante seis décadas en New Jersey onde desenvolveu unha obra artística que forma parte de destacadas coleccións privadas e de museos e universidades estadounidenses. Autor dunha obra expresionista, con múltiples referencias surrealistas, a pintura de Ayaso non perdeu nunca os seus referentes primeiros no mundo do mar e nos mitos da terra natal da Barbanza que abandonou aos trece anos e a que regresou hai ben pouco.
Como tamén moi poucas seguían a Erregueté, a Revista Galega de Teatro, fundada hai corenta anos polo noso sempre admirado profesor Antón Lamapereira, hoxe a única publicación en lingua galega que se ocupa de forma monográfica das Artes Escénicas, modalidade dos premios da que foi gañadora. Dirixida na actualidade polo dramaturgo Afonso Becerra, superado o seu número 100, inicia unha nova etapa na que pretende continuar atendendo a todos os xéneros (teatro, danza e circo) e ofrecendo unha crítica seria e profesional, ademais de comezar a publicación, tan necesaria, de libros de e sobre teatro.
Tamén foi ben singular o premio da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas outorgado a Viñetas desde o Atlántico, o evento creado hai vinte e cinco anos na Coruña polo ilustrador Miguelanxo Prado coa pretensión de achegar a linguaxe creativa da banda deseñada ao público non especializado e dar visibilidade a creadores galegos emerxentes e consagrados. Un festival que cada mes de agosto durante sete días sitúa a Galicia e aos seus artistas no mapa mundial do cómic, a ilustración e a banda deseñada.
Outrosí sucedeu co premio da modalidade de música outorgado ao pianista Alejo Amoedo, un intérprete virtuoso, coleccionista, investigador e profesor do Conservatorio Superior de Vigo comprometido coa música e os músicos de Galicia. Membro do colectivo cultural vigués Pertenza, a sinatura de Alejo Amoedo é habitual nas páxinas de Faro de Vigo e de Nós diario, como divulgador da historia musical e da posta en valor deste patrimonio galego.
Secasí non foi sorpresa o premio da modalidade de Cine e Artes Visuais outorgado a cineasta e académica Margarita Ledo pola súa produción, dirección e guión do filme Nación, a película protagonizada polas obreiras de Pontesa, un entrenzado visual estremecedor de reflexións, afectos, voces e berros, a composición filmada da sororidade, da nación como sociedade, como espazo público da comunidade. Filme feminista épico de beleza desacougante, constitúe o mellor traballo cinematográfico da autora.
Con todo, foi quizais o derradeiro dos premios entregados na matinal, o da modalidade de Cultura Gastronómica, outorgado a Queixaría Airas Moniz de Chantada o que mellor pon de manifesto a amplitude, riqueza, potencia, excelencia e a diversidade da produción cultural galega actual. Espírito que encarna o proxecto empresarial da Queixaría Airas Moniz fundada no lugar de Outeiro de San Salvador de Asma, Chantada, por Ricardo Gómez, Ana Vázquez e Xesús Mazaira. Tres ganadeiros que hai unha década decidiron darlle unha volta ao carpín a súa granxa intensiva de vacas Holstein, apostando por un modelo antagónico extensivo, o de vacas Jersey de pastoreo. E despois de seis anos de aposta paciente para bautizar o seu proxecto precursor de elaboración de queixo cru de pastoreo da súa propia explotación rescataron a figura do trobador chantadés do século XII Airas Moniz de Asma, do que se conservan dúas cantigas: «Mia senhor, vin-vos rogar» e «Pois nin non val d’eu muit’amar». Un proxecto baseado na innovación, mais ancorado na tradición, que xa recibiu para o seu queixo azul Savel o recoñecemento como mellor queixo de España (2020-2021) entre 800 referencias.
De Aguiño a Chantada, da Coruña a Vigo, este espírito de innovación e tradición Airas Moniz, chantado de forma inequívoca sobre o piar compartido do emprego do idioma, –«Non hai lingua abondo para recoñecérmonos» foi o verso de Xela Arias escollido para enmarcar a XLIVª edición destes premios da crítica– percorre a cultura galega actual que queremos grande, diversa, orgullosa e sen límites para enxergar o futuro.