Listado de la etiqueta: luzes

Onte 2140: «Salgheirón» de Primitivo Carbajo

Na segunda metade do pasado ano publicáronse varios títulos de non ficción en galego  moi interesantes que amosan o pulo das nosas editoras independentes. Á biografía de Reboiras (Aira 2021) de Xosé Manuel Pereiro e Xurxo Martínez e A vella compañeira (Luzes 2021) de Anxo Lugilde, xa comentadas aquí, engádese Salgheirón (Morgante 2021), a extraordinaria crónica do xornalista Primitivo Carbajo sobre as orixes, esplendor e decadencia de conservas Massó e a deriva especulativa da que foi a catedral laica do Morrazo no século XX, transformada agora en pelotazo urbanístico, abrindo outra vía de preocupación para o futuro doutro espazo natural da ría de Vigo. Unha segunda entrega literaria de Carbajo, durante décadas correspondente de El País en Vigo, hoxe retirado en Villaseco del Pan, tras aquela memorable biografía no autorizada de Paco Vázquez (Xerais 1993 ), da que foi co autor xunto ao mestre Luis Pita, que na Coruña se convertera en libro prohibido pola alcaldía de entón.

En Salgheirón Primitivo Carbajo reconstrúe a peripecia familiar e empresarial de catro xeracións dos Massó, ao longo de case dous séculos instalados en Bueu e Cangas, primeiro dedicándose á salgadura, despois á conserva, até chegar á liquidación dos terreos e edificios do complexo industrial do Salgheirón en Cangas, onde dende 2004 en plena burbulla inmobiliaria se pretende construír un porto deportivo, un hotel, un centro comercial e grupos de vivendas, no medio de manobras nas marxes da legalidade e contando coas complicidades por acción ou por omisión, das diversas administracións, sexa a Autoridade Portuaria de Vigo, a Xunta de Galicia como do propio concello de Cangas.

Froito de anos de investigación e seguimento, contrastando datos e fontes diversas, o relato detalladísimo deste conflito urbanístico amosa que a defensa da legalidade correu a cargo da mobilización cidadá, organizada no Foro Social pola Defensa do Pobo, desde que en 2004 esta entidade veciñal puxo en cuestión a validez do convenio urbanístico anunciado entre os propietarios dos terreos, tras o peche da factoría e liquidación da empresa en 1996, e o concello de Cangas, sendo alcalde entón o popular José Enrique Sotelo. Un relato que amosa o valor da persistencia teimosa da desobediencia civil contra a especulación, mesmo a pesar das multas e procesos, como forma de defensa do patrimonio colectivo, da cultura comunal e da economía substentable.

Urdido coa técnica da crónica, Salgheirón amosa o valor do xornalismo crítico como garante de veracidade na loita contra a corrupción e na defensa do común. Este carácter de xornalismo rabudo que impregna estas case trescentas páxinas, fainas tamén incómodas a case todas as cores políticas, ben é certo que máis para o Partido Popular, pero tamén para os partidos das esquerdas. Unha incomodidade que se fai máis evidente no silencio actual, tanto por parte dos responsables municipais do concello de Cangas como de Abanca, agora a propietaria dos terreos, abrindo unha grande incerteza sobre como poida rematar o relato do Salgheirón futuro.

En todo caso, parabéns moi merecidos ao meu admirado Primitivo Carbajo e aos responsables de Morgante pola afouteza en publicar o que é un dos mellores libros de xornalismo crítico publicados en galego nos últimos anos.

«A vella compañeira»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación d’ A vella  compañeira do xornalista Anxo Lugilde:

Saín impresionado da presentación no CLUB FARO DE VIGO do libro A vella compañeira (Luzes 2021; edición castelá, Península; catalá, Columna) no que o xornalista lucense Anxo Lugilde relata a súa loita durante trinta anos contra a depresión. Unha reportaxe vital que Manuel Rivas, prologuista da edición galega,  cualifica de «libro extraordinario de natureza insurxente» que transmite información esencial, «unha odisea da alma» na que o correspondente de La Vanguardia en Galicia e Portugal «afonda máis alá do que semella a liña do inaccesíbel, alumea o que non está ben visto, porque adoita ocultarse, porque incomoda ou porque non se deixa ver».

Unha obra arriscada na que empregando o formato xornalístico, o autor desvela os ires e vires contra esta doenza autoritaria (totalitaria), á que bautiza como «vella e odiada compañeira», unha «enfermidade da alma que che quita as ganas de vivir». Unha crónica con vontade literaria dunha guerra contra o «Terceiro Reich» das doenzas mentais. Un exercicio de escritura autobiográfica con vontade de estilo que confesa lle resultou liberador e terapéutico e aspira a que contribúa tanto a rebaixar a incomprensión social que sofren as persoas que padecen depresión como a axudalas a procurar azos para continuar a súa batalla.

Con semellantes intencións terapéuticas, afastadas das dun libro de autoaxuda, Lugilde relata a súa biografía depresiva dende aquel neno rariño, que nos anos 70 cursaba primeiro de EXB do colexio xesuíta do barrio barcelonés de Sarriá, no que como zurdo contrariado comezou a visitar o gabinete da psicóloga do centro, pasando tamén polo estigma de ser fillo de pais separados nunha idade crítica ou a súa peregrinación por varios centros escolares no seu regreso a Lugo, a súa cidade natal, até os seus días máis difíciles de internamento nun centro psiquiátrico catalán deste pasado verán.

Unha crónica na que seguindo o fío dos exemplos dalgúns dos acontecementos claves da Segunda Guerra Mundial, da que é un grande coñecedor (e aínda mellor contador), Lugilde reconstrúe co detalle e a precisión do reporteiro a batalla que libra contra este trastorno dende os dezaoito anos cando Laureano Álvarez Armada, o médico de cabeceira de Samos, identificou o mal ao que se enfrontaba e o levou por vez primeira diante dun psiquiatra. Como fixera o xornalista vigués Nacho Mirás («Rabudo»), Lugilde utiliza a forma militar para contar a loita individual contra unha doenza, razón pola que en Laureano identifica ao seu Churchill particular, xa que foi o primeiro que deu no cravo, coma fixera o político do puro e do chapeu cando na década de 1930 alertou sobre a ameaza expansionista e de rearme de Adolf Hitler.

Tinguido o relato dunha finísima retranca, de «humor dramático,  humor morado, no que podemos ver os hematomas das doenzas da alma», en palabras de Manuel Rivas, particular importancia teñen os episodios referidos ás tentacións suicidas. Apaixonado do mundo dos trens «para viaxar neles», Lugilde confesa que aos 21 anos cando traballaba xa como xornalista na delegación de Ferrol de La Voz de Galicia comezaba a lectura do xornal polas páxinas onde figuraban os horarios dos trens «e non precisamente para viaxar neles». Un comportamento, que aclara pouco máis adiante, «era máis ben un exercicio mental, pois en realidade non tiña intención de facelo». Tentacións suicidas que se repetirían noutras ocasións xa que a depresión é unha doenza da alma con efectos químicos sobre o cerebro que provoca unha tristeza infinita e unha abraiante falta de ganas de vivir e na que no caso dalgúns ataques extremos leva ao doente a pensar na morte e no suicidio. Doenza secreta, na maior parte das veces, sufrida no medio do silencio e tinguida dun estigma de rexeitamento, Lugilde relata como a depresión provocoulle somatizacións frecuentes, que lle afectaron ás pernas e ás costas e outras veces ao propio cerebro que o levaron a quedar en branco cando estaba en antena como comentarista político.

Ademais da reclamación de máis atención para as doenzas mentais dentro do sistema de saúde pública, que Lugilde presentou na fin de semana pasada en Moncloa ao Presidente do Goberno, as páxinas d’ A vella compañeira constitúen unha brillante defensa da profesión xornalística, da liberdade de expresión e do dereito á información. Lugilde denuncia o deterioro durante os gobernos de Feijoo –ao que bautiza como «O Moderadísimo»– das xa de por si estreitas marxes para o exercicio do xornalismo crítico en Galicia, das que para el son mostras a existencia de listas negras e a censura nos medios públicos, denunciadas cada venres pola plataforma Defende a Galega de profesionais da CRTVG.

Recomendo vivamente a lectura d’ A vella compañeira e parabenizo a Lugilde por tan xenerosa valentía.

Onte 2020: «Feliz Idade» de Olgo Novo

Dediquei a mañán de onte a ler devagariño Feliz Idade (Tambo, Kalandraka, 2019), o novo libro de poemas de Olga Novo. Dificilmente podería atopar mellor xeito de celebrar a proeza do bo Antonio Fraguas ou de vindicar a nosa lingua que coa lectura deste libro conmocionante, de espírito xeracional, outra achega extraordinaria dunha autora excepcional na poesía galega actual. Feliz Idade é un canto á felicidade, eses pequenos momentos compartidos coas persoas queridas. Un libro sobre un ciclo vital da autora guímara, entre o nacemento de Lúa, a súa filla, e o pasamento do seu pai, aquel home que amaba a beleza das pedras; unha testemuña poética da continuidade de trinta xeracións analfabetas no bosque dos cromosomas. Un libro de beleza serena e salvaxe, unha afirmación da vida e da memoria familiar, un mundo esférico e perfecto, onde non hai fronteira nin exclusión nin deus. Feliz Idade é un libro de espírito humilde e libertario, como o tantán republicano que non esquecemos.

Un libro que  ten idéntido ADN aos artigos que Olga Novo publica en Luzes baixo o epígrafe «O bosque dos cromosomas», o que entendo son algunhas das mellores pezas de xornalismo literario que se poden ler na actualidade nos medios galegos. Beizón Olga por esta conmoción, por este esplendor da beleza ante o noso pánico.

Recomendo esta vídeocronica da presentación de Feliz Idade na Pobra do Brollón do pasado 15 de abril.

Onte 1942: Brétemas 13 anos

Hai trece anos inicie a publicación destas Brétemas. Dende entón publiquei 5.832 anotacións das que apenas 210 corresponden ao último ano. Por moi diversas razóns persoais e profesionais, entre as que non foi allea unha certa fatiga dixital, este foi o período de máis baixa actividade do blog, sobre todo da serie “Onte”, outrora diaria, da que se publicaron 137 anotacións, boa parte crónicas das presentacións nas que participei ou con opinións sobre algunhas das películas que considerei interesante compartir. Sendo así, Brétemas convertiuse en arquivo da miña identidade dixital e dos artigos semanais que continúo publicando nas seccións de Faro de Vigo e, dende comezos do mes de decembro, no ilusionante proxecto de opinión de Luzes.gal. No entanto, Brétemas continúa e boa parte destas anotacións son replicadas no meu taboleiro de Facebook e no perfil de Twitter. Neste aniversario únome ás voces que na actual contorna da fatiga dixital, expresión da inflacción e banalidade hipertextual que soportamos, especialmente no referido á política, reivindican os blogs como portos seguros que facilitan unha lectura máis acougada e reflexiva na rede, tanto pola continuidade que achega a posibilidade de acceder ao seu arquivo como pola identidade temática de moitos deles. Hoxe abonda orgullarnos de continuar contando con lectoras incondicionais que comparten, comenta ou chían estes hipertextos no soporte dixital da súa preferencia. Beizóns para todas elas. Seguimos.

Onte 1530: «Luzes 24» Falamos o 21

especial-eleccións-212x300Aproveitei o serán de onte para papar deseguido as trinta e dúas páxinas da revista Luzes 24, o monográfico sobre as Eleccións Xerais do 20D. Apenas media ducia de traballos dese xornalismo esencial, que partilla información con vontade estilo, capaz de orientar ao lector entre a atmosfera de escuridade e conformismo centralista da actual campaña electoral.

Neste especial é indispensable a lectura do primeiro texto, «O que non foi», onde Sonia Vizoso reconstrúe unha crónica de urxencia do  malogrado proceso de unidade entre os partidos nacionalistas, movementos sociais e culturais e a esquerda rupturista. Como tamén o é «O ciclo do eterno retorno», o artigo no que sobre texto de X.A. Gaciño e fotos de Xurxo Lobato se reconstrúe o complexo proceso do nacionalismo galego dende os anos oitenta, sometido á confrontación constante entre o seu esforzo por facer a unidade e a tendencia de esfacela porparte da súa diversidade minifundista. Nunha revista onde por ventura son máis numerosas as voces femininas é moi valioso o artigo «Outro teito de cristal« de Claudia Morán, onde se abordan as razóns polas que a pesar de que cada vez son máis as mulleres que acceden a cargos de representación política, as portas do poder real seguen sendo territorio masculino. Pecha este Luzes 24 a recuperación dunha mostra daquela cartelaría política galega de hai tres décadas, dúas páxinas que nos axudaron a actualizar a memoria cun aceno de saudade pesimista.

Gustei moito deste monográfico de Luzes, un modelo do xornalismo que conta, ese que aborda con profundidade e independencia os problemas do común. O xornalismo de Luzes é posible e máis necesario ca nunca. Recomendo moi vivamente esta Luzes especial á venda en quioscos e librarías por 3,50 €.

Onte 1325: Baixa de «El País»

Ultima_de_manuel_rivasDémonos de baixa como suscritores de El País. Tras o peche das dúas páxinas de Galicia e o cese das «Últimas» dos sábados de Manuel Rivas xa non hai razón ningunha para continuar apoiando o xornal de Cebrián. Unha decepción! Durante décadas nas páxinas de El País seguimos o fío do tempo contemporáneo e de moitos dos seus debates políticos, sociais e culturais. Os oito anos da edición de Galicia, dirixida por Xosé Hermida, foron un exercicio de xornalismo honesto, liberdade de expresión e información veraz. As páxinas dos venres de «Luzes» foron un fito da nosa información cultural. Como algunhas informacións políticas e económicas funcionaron coma esa pedriña tan molesta na zoca do poder. A de El País de Galicia foi outra ilusión malograda, outra batalla perdida pola cidadanía galega, á que libraron con afouteza os profesionais que reinventaron a fantasía do xornal independente cada día. O noso recoñecemento e solidariedade para eles.

Onte 804: Rivas en Twitter

No seu primeiro día en Twitter Manuel Rivas superou o milleiro de seguidores. Coincidiu esa exitosa saida coa impresión das primeiras planas da revista Luzes que codirixe con Josito Pereiro e que se presentará o sábado en Culturgal. Unha coincidencia que sei non é explicable pola providencia laica, apenas outra mostra máis da hibridación da comunicación contemporánea, da convivencia de soportes dixitais e impresos. A presenza de Rivas en Twitter é unha noticia magnífica para os lectores e lectoras desta rede informativa (Manolo comezou cun par de chíos memorables), mais tamen o é a aparición nos quioscos e librarías dun mensual en lingua galega (alicerzado xa sobre medio milleiro de suscricións) coa vontade de explorar os territorios do xornalismo necesario para reconstruír un país en ruínas. Benvido Rivas a Twitter, xaora Luzes!

Onte 719: Revistas en papel

Ademais das publicacións dixitais, leo cada vez máis máis revistas en papel. Ademais das publicadas en galego (Sermos Galiza, Tempos novos, Grial, A Trabe de Ouro e Festa da palabra silenciada) e das vinculadas coa miña actividade profesional (Trama y texturas, Cuadernos de Pedagogía, Revista galega de educación, Clij e Que leer) das que son suscritor, sigo no quiosco co maior interese Panenka (para min a mellor das de fútbol que coñezo), Jot down, Tinta libre e mesmo en contadas ocasións Mongolia ou algunhas das publicacións de cine. Neste proceso de tránsito da comunicación cultural a hibridación (a convivencia dos produtos presentados en diversos formatos e soportes) tamén afecta ás publicacións periódicas (como á prensa diaria e á edición de libros). Non e casual que o agromar destas revistas sempre estea vinculado ao coidado do deseño visual e tipográfico, así como á escolla duns contidos concibidos para unha lectura reflexiva e acougada. Non descarto que a crise das grandes empresas de comunicación ofrecesen unha oportunidade, un oquiño para estes produtos de lectura perdurable que reivindican o xornalismo especializado e de calidade. Neste contexto renace o ilusionante proxecto mensual de Luzes de Galiza que, polo que puidemos comprobar pola lectura demorada do seu magnífico borrador do número cero, comparte idéntica vontade de anovación xornalística e de hibridación comunicacional, ofrecendo os contidos tanto en formato papel como dixital para taboíñas e diversos dispositivos móbiles de lectura. A pesar das profecías sempre interesadas dos gurús dixitais, a comunicación actual caracterízase por esta hibridación dos soportes e formatos, a que cualificamos outras vces como «edición estendida». No espazo comunicacional galego, onde conviven soportes impresos e electrónicos, hai un espazo para a edición e a lectura de revistas en papel. Convén non esquecelo.

Onte 694: Máis «Luzes» para Galicia

Seguín por twitter e streaming o acto de presentación do proxecto de refundación da revista Luzes. As intervencións de Manolo Rivas, Josito Pereiro e Iago Martínez expresaron que outro xornalismo é posible, tamén en Galicia e tamén na nosa lingua. A pesar das dificultades do tránsito comunicacional actual e do intento de suspensión das conciencias que sufrimos, onte na Coruña expresouse que «hai fame de xornalismo», que cómpre fuxir do ruído diario ofrecendo «un xornalismo transxénico que loite contra a vulgaridade» e permita unha lectura sosegada e reflexiva. Sei que o presentado foi apenas o xermolo do número Cero dun mensual en papel (de maqueta fermosa e contidos atractivos) que aposta polo protagonismo do lectorado e por unha axenda informativa aberta. Gustoume a definición sintética da intención dos promotores: «Luzes, revista aborixe e indíxena universal». Este (re)nacer de Luzes foi unha nova que encheu onte os nosos depósitos de esperanza. Beizóns a Manolo, Josito e Iago!