Artigos

Onte 2086: «Wolfram», a nova banda deseñada de Alberto Varela Ferreiro


Unha das noticias máis esperanzadoras da edición galega actual é a publicación normalizada de libros de banda deseñada nos catálogos das editoras xeralistas. Velaí o caso destacado de Xerais que neste verán, ademais dos dous primeiros volumes da magnífica serie «Lendas do recreo» de El Hematocrítico e Albert Monteys, publica Wolfram. espías, nazis e maquis (Xerais 2020) de Alberto Varela Ferreiro, un dos máis veteranos autores de cómic da xeración Golfiño. Tras Ulf de Jakobosland (Xerais 2018), Ferreiro volve visitar os vieiros do xénero de aventura histórica cunha trama de espionaxe localizada na Galicia en guerra do comezos da década de 1940. Mesturando con grande habilidade narrativa figuras reais con héroes de ficción, o espía W.C. Morgan do MI6 e a axente de intelixencia estadounidense Molly Morrison, acontecementos históricos con outros ficcionais, Ferreiro ofrece dende a narrativa debuxada unha singular e atractiva ollada a aquel momento decisivo da nosa historia.

Unha temática e un tempo que comeza por ventura a ser visitada con máis frecuencia pola literatura galega recente, tanto en obras de non ficción, como as xa clásicas Galicia en Guerra (Xerais 2006) de Eduardo Rolland e O volframio de Varilongo (Xerais 2016) de Carmen Blanco, como de ficción en novelas como Cabalo de ouros (Galaxia 2010) de Víctor Freixanes, Febre (Xerais 2011) de Héctor Carré, Izan o da saca (Xerais 2015) de Xabier Quiroga ou O exército de fume (Xerais 2018) de Manuel Gago, entre outras.

Ademais do interese da temática e do seu tratamento novidoso, no libro de Alberto Varela Ferreiro destaca a extraordinaria recreación iconográfica da arquitectura, vestiario e vehículos de época, amosando que o seu estilo de liña clara emparenta ao carballés cos clásicos do cómic belga como o Hergé de Tintin ou o Edgar Jacobs de Black e Mortimer, o que supón outra interesante liña normalizadora para o catálogo da BD galega. Traballo iconográfico no que destaca, sobre todo, a fidelidade na reprodución de todo tipo de vehículos e medios de transporte, como se pode comprobar no book trailer da obra, unha das pezas visuais máis interesantes das producidas na edición galega nos últimos anos.

Recomendo vivamente este Wolfram tanto polo seu interese gráfico e documental (incluído un glosario histórico ben documentado) como pola súa utilidade didáctica. Non debe faltar en ningunha comicteca galega. Parabéns a Alberto e á atenta editora.

Onte 2084: «Alcaldesa vermella», o mellor Hematocrítico

Alcaldesa Vermella (Xerais 2020), o libro máis recente de El Hematocrítico, ilustrado  por Mar Villar, é outra desas marabillas narrativas do escritor, mestre e creativo coruñés. Sen desmerecer a Feliz Feroz. O lobiño riquiño (Xerais 2016) nin Axente Riciños (Xerais 2016), as súas primeiras obras nas que acuñou a súa fórmula de relectura rodariana e antipatriarcal dos clásicos infantís, o noso admirado Hemato xunta nesta memorable quinta entrega unha longa nómina de protagonistas de conto: a Madrastra Malvada, os tres porquiños, Garavanciño, Hansel e Gretel, O Gato con Botas, o unicornio… Convocados todos eles por unha afouta Carapuchiña afrontan a crise provocada pola presenza na fraga do Xenio e a súa lámpada dos desexos. Unha narración fluidísima con voltas de porca argumentais na viravolta de cada dobre páxina enfronta ao primeiro lectorado cunha historia sobre o valor da representación e da participación para artellar o espazo do común.

Un texto medidísimo, cunha versión galega precisa e preciosa de Anaír Rodríguez, iluminado de forma xenial por  Mar Villar, que consigue darlle cara e corpo propio e singular a un elenco privilexiado de conto, conforma un libro da categoría dos perdurables e imprescindibles en todas as bibliotecas, sexan familiares, de aula ou de centro. Aventuro que Alcaldesa Vermella será anosado por contadoras diversas e reinterpretado visualmente por milleiros de primeiros lectores. Unha marabilla! Parabéns ao meu admirado Hemato, un autor que con apenas media ducia de títulos convertiuse pola orixinalidade e calidade de cada un dos seus textos nun dos referentes da lix ibérica. Beizón, mestre!

Onte 1966: «O lobo con botas»

Unha das sorpresas recentes da nosa lix é a irrupción dos álbums de El Hematocrítico e do ilustrador Alberto Vázquez subvertindo coa ferramenta da retranca os contos tradicionais do gato con botas e o lobo feroz. Tras o extraordinario debut de Feliz Feroz. O lobiño riquiño (2016), ao que seguiu Axente Riciños (2016), os coruñeses regresan este mes ás librarías coa súa versión d’ O lobo con botas, un conto precioso sobre os perigos do consumismo. Os plans tan bos do Lobo Feroz levarano a facer magníficos negocios entre os pequenos de cinco a doce anos. O gato con botas, o rei do bosque, axiña quere participación pola utilización da súa imaxe, o que provoca importantes problemas. Xaora, coa axuda do seu sobriño, o lobiño riquiño, Feroz vaille dar unha boa volta a este bosque onde habitan xigantes, dragóns, bruxas e outros mangantes. Utilizando o recurso da deconstrución do conto popular e achegándose a un humor nonsense de orixe carrolliana El Hematocrítico e Alberto Vázquez ofrecen un relato engaiolante que vai dar moito que contar, rir e pensar.

Onte 1728: Moito público na Feira do Libro da Coruña

Feira_do_Libro_da_Coruña_02-08-2016

Excelente segunda xornada da Feira do Libro da Coruña, concorridísima de público, na que acompañamos as asinaturas de David Ortiz e o seu pioneiro libro de cócteles e de El Hematocrítico e Alberto Vázquez, autores de Feliz feroz e Axente riciños, que convocaron a moitas familias no stand da Libraría Berbiriana, nunha memorable sesión de alicientes. Serán que pechamos coas presentacións das novelas de María Reimóndez e Alfredo Conde, ambas as dúas tamén con moito público. A pesar da polémica deste ano sobre a mudanza de ubicación, teño a impresión de que a presenza do público é semellante á de edicións anteriores.

MB_Maria_Reimondez_Eli_Rios_02-08-2016

Na presentación d’ A dúbida, María Reimóndez recoñeceu que o texto nacera con aparentes limitacións formais para axustarse ao xénero da novela por entregas o que a autora viu como un dsafío: «A escrita ten que ter a capacidade de subverter os xéneros, a miña intención foi reocupar ese formato para s abordar temas que non son usuais “. “Pretendín ofrecer unha escritura subversiva que contribuíse a crear un discurso e unha concienciación sobre os abusos sexuais.” “Quixen poñer á protagonista, como ao lector, nunha situación con respecto aos abusos sexuais da que probablemente non somos conscientes. A novela pretende axudar a reflexionar sobre o papel que temos ou podemos ter sobre este tema do que non se fala”.

A seguir, Reimóndez xustificou a relevancia do tema dos abusos sexuais do que saen noticias na prensa todos os días: “Un de cada cinco casos do Tribinal Supremo é por abusos sexuais a menores. O 70% dos casos danse no entorno familiar, e nun de cada catro o agresor é o pai biolóxico. Como a maioría das resolucións dos xulgados de familia se orientan á restauración da estrtura fmailair máis que a toma de medidas cautelares”. A autora confesou que no proceso de documentación da novela contactou con traballadores sociais e recolleu información, “intentando transformar o que foi un proceso de ira nalgo que funcione literariamente”.

MB_Alfredo_Conde_02-08-2016

Na presentación d’ O beato, Alfredo Conde expresou a súa satisfacción por esta novela na que pretendeu facer un retrato de ficción do beato Sebastián Aparicio da Gudiña fuxindo das haxiografías das historias de santos. “Imaxinei un personaxe no que todo o relato histórico está documentado e no que introducín algúns acontecementos propios da vida dun ser humano normal”. Recomendou Conde “ler mías novela ca historia, xa que así podemos achegarnos máis o que foi realidade.