Artigos

Celebremos a Laxeiro

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo a declaración de 2022 por parte da Academia de Belas Artes como Ano Laxeiro:

O 21 de xullo fixéronse vinte e cinco anos do pasamento de Xosé Otero Abeledo, o pintor Laxeiro, un dos xenios indiscutibles da arte galega, figura moi vencellada á cidade de Vigo, sede da súa Fundación. A efeméride que pasou desapercibida, como tantas outras, na axenda cultural viguesa, recuperouse por fortuna esta fin de semana da man da Academia Galega das Artes presidida polo pintor Manuel Quintana Martelo que decidiu por aclamación homenaxear a Laxeiro ao longo do vindeiro 2022 e dedicarlle o 1 de abril, Día das Artes Galegas. Unha efeméride que dende 2015 celebra que tal día de 1188 o Mestre Mateo dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria, como consta nos mesmos. Tras a difícil celebración entre os anos da pandemia do arquitecto barroco Domingo de Andrade, construtor da Berenguela ou Torre do Reloxo, contaremos con todo un ano para afondar na figura e peripecia biográfica apaixonante e comprometida de Laxeiro e sobre todo para volver sobre unha obra artística inmensa, constituída por máis de dúas mil pezas, decisiva para a renovación da plástica galega de entre séculos e recoñecida de forma unánime polas novas xeracións.

Os seus amigos, o xornalista Celso Collazo Lema e Isaac Díaz Pardo, consideran que Laxeiro, desde o seu arranque en Cuba e despois na República como artista pouco común, se fixo pintor durante a súa primeira instalación en Vigo; cidade á que chegou en 1942 procedente de Pontevedra, onde deixara o mural «O manancial da vida» (1941) do Café Moderno, no que rendía culto á sensibilidade renacentista. Unha intensa década viguesa na que se incorporou ás tertulias do Café Derby (entón, Bar Imperial) da praza de Colón (hoxe da Farola) e da Taberna Compostela, onde atoparía, entre outros, a inseparables como Urbano Lugrís, o propio Collazo, Carlos Maside, Mario Granell, os irmáns Álvarez Blázquez, Paco del Riego ou María do Carme Krukenberg. Un continuo ir de aquí para alí naquel Vigo aínda en guerra en días tristes nos que as chiquitas do aperitivo da taberna de Elixio, as cuncas da rúa Real e os chocolates dos seráns na casa da señora María, case no Berbés, non impediron a Laxeiro pintar de forma incesante no seu estudio da terraza do edificio da «Plancha» do Banco Hispano na propia Porta do Sol. Aí naceron algunhas das súas obras principais da etapa granítica como o extraordinario «Trasmundo» (1946), na que xa funde as orixes románicas e barrocas co expresionismo; cadro que anos despois recuperaría por unha fortuna para depositalo no Museo de Castrelos e hoxe está cedido de forma temporal no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.

Tras a instalación en Bos Aires en 1951, na que sería decisiva a súa relación con Luís Seoane e outros exiliados, así como o coñecemento de Eulalia de Prada, a súa compañeira até 1989, Laxeiro regresaría en 1970, tras unha retrospectiva na Art Gallery Internacional de Bos Aires, para fixar os seus estudios e residencia entre Lalín, Vigo e Madrid. Cunha obra pictórica entón xa consolidada e non deixando de procurar novas canles expresivas, Laxeiro comeza a ser recoñecido, como amosa o feito de que dende 1971 participa nas inesquecibles exposicións ao aire libre da Praza da Princesa ou en 1974, sendo conservador de Castrelos Ángel Ilarri, se lle dedique no Museo Quiñones de León un espazo monográfico con diferentes etapas da súa obra. En Vigo pinta afervoadamente no estudio da rúa do Príncipe e instalado na Cafetaría Goya de Urzaiz ou no restaurante Casa Rouco da rúa Llorente, comparte mesa de seu con vellas e novas amizades. Durante os anos 80 e 90 os recoñecementos e homenaxes sucedéronse, sobre todo, desde que os novos artistas do grupo Atlántica organizaran en Vigo (1981) unha antolóxica, «Érase unha vez Laxeiro», coa que pretenderon presentalo como o mestre que unía as vangardas galegas, mostra que coincidiu co legado Laxeiro á cidade de Vigo, sendo alcalde Manuel Soto.

Tras o pasamento en Vigo o domingo 21 de xullo de 1996, poucos días despois da inauguración dunha gran antolóxica no Centro Galego de Arte Contemporánea, que logo viaxaría ao Centro Cultural Conde Duque de Madrid, a obra de Laxeiro nunca deixou de concitar interese. Un feito ao que non foron alleos nin as xuntanzas anuais das súas amizades viguesas cada 23 de febreiro, lembrando o día do seu aniversario, como a creación ese mesmo día de 1999 da Fundación Laxeiro, tras o acordo do concello de Vigo e da familia do pintor. Dende entón, a colección permanente do artista, que pode visitarse na sede da Fundación Laxeiro (rúa Policarpo Sanz 15, 3ª planta), converteuse nun dos reclamos culturais principais de Vigo. A declaración de 2022 como Ano Laxeiro será unha oportunidade para recoñecer outra vez a quen, como sinalou o tamén pintor Antón Patiño, «pintou como quen traballa a terra». Celebremos a Laxeiro.

Ferrín co Laxeiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao premio Laxeiro que recibiu Xosé Luís Méndez Ferrín:

O xoves na roda de prensa celebrada no concello de Vigo na que se anunciou a celebración o 24 de febreiro do xantar no que a Fundación Laxeiro entregou o seu premio de 2018 a Xosé Luís Méndez Ferrín, o autor de «Con pólvora e magnolias» confesou que o mestre Laxeiro, a quen coñeceu cando o pintor regresou da Arxentina na década de 1970, subministráralle material para a súa imaxinación en forma de soños. Desde que na súa adolescencia coñecera na sala de billar do café Moderno de Pontevedra aquel mural de Laxeiro titulado o «Outro Mundo», aquelas figuras grotescas que danzaban ao son dun laúde cuadrangular, Ferrín tivo numerosos soños dentro dos seus cadros, «nunca puiden saír fóra da súa pintura», xa que o artista de Lalín «ofrecía en cada cadro ou en cada mural unha mensaxe oculta, xa que en todos se agochaba algún misterio, xa que todos eran dunha ou doutra forma narrativos, xa que todos contan unha historia».

Unha débeda artística con Laxeiro que Méndez Ferrín xa recoñecera en 1996 nun texto moi fermoso incluído no catálogo publicado polo CGAC con motivo da exposición antolóxica dedicada á obra do lalinense, sendo directora artística do museo Gloria Moure, no que lembra aquel día pontevedrés no que descubriu o «Outro Mundo», mural que define como «festival transgresor de toda severidade, unha pintura que convocaba á transgresión e o riso universal, a un país de Ningures que Ninguén visitara». Unha noitiña de invernía na que Ferrín confesa sentiuse chamado a penetrar no interior do propio cadro, sentíndose «recoñecido polas máscaras a participar no folión». Unha experiencia marcante para o autor de «O crepúsculo e as formigas» xa que recoñece que «desde aquela festa nunca deixei de soñar, de vez en cando, imaxes ocres con figuras carnavalescas dotadas da capacidade de me alegrar o ánimo e, simultaneamente, de me amosar as extremas da loucura e as marxes do terror».

No xantar do sábado no que recibiu o seu merecido Laxeiro, Ferrín tivo moi presente aquela experiencia pontevedresa e orgullouse de que os cadros e os murais do pintor de Botos contribuíran á formación da súa sensibilidade estética contemporánea e do seu universo literario: «Teño pensado moitas veces que o meu traballo poético fundamental foi darlle nomes descomunais a algúns bonecos ideados por Laxeiro». Como recoñeceu a seguir que «as figuras, formas, cores, liñas, silencios ópticos que me atraían e desconcertaban sendo rapaz dos cadros de Laxeiro, formaban parte dos meus propios soños e se prolongaban nas miñas fantasías diurnas». Como escribira en 1996, «Laxeiro tamén me ensinou a aprezar as calidades da textura, a soñar nelas e, consecuentemente, a deixarlle paso a Burri, a Tápies e a Fautrier nos territorios dos meus pesadelos, facéndoos máis tráxicos, máis materiais, máis terrestres, máis sórdidos». Como tamén daquela gabara a capacidade de Laxeiro de entregarse á abstracción con idéntico espírito, «coa consciencia de pura procura plástica, co aviso permanente da fronteira e do medo que lle eu dera coñecido en Pontevedra cando entrei no seu cadro».

Moi emocionantes foron as palabras de Ferrín o sábado cando no seu discurso reivindicou a súa condición de «laxeirano militante» e a adscrición de Laxeiro ao Vigo literario e plástico, o que o autor de «Estirpe» ten acuñado nos seus artigos de «O confín dos espellos» de «Faro de Vigo» como o «Vigo de Manuel Antonio», outro dos compoñentes do ADN vigués, como o do Vigo obreiro que curta chapa de aceiro nos estaleiros de Beiramar. Laxeiro forma parte do Vigo plástico, como o pintor Serafín Avendaño, que asegurou estaba presente na sala en forma de «querido fantasma», e outros pintores «como Urbano Lugrís, Carlos Maside, Manuel Colmeiro, en diversas partes das súas vidas, con outros e outras, contribuíron a facer desta nosa cidade a capital artística de Galicia, labor que [enfatizou] continuarán algúns artistas aquí presentes». Unha referencia sutil á continuidade do protagonismo de Vigo na cultura galega contemporánea, sobre todo no eido das Artes Plásticas, cando está en perigo de desaparición o MARCO, como peza clave na promoción da súa creación e difusión.

Ademais de constituír un merecido recoñecemento a quen é figura cimeira da cultura e política galega contemporáneas, dun ourive da peza da esperanza resistente, desa alfaia de ouro coa forma dunha espiral ou dunha trabe, este premio Laxeiro a Xosé Luís Méndez Ferrín contribúe a reparar na relación entre dous dos mestres da cultura do noso tempo. Laxeiro e Ferrín son dous grandes narradores de soños, tamén, dúas figuras da creación que empregando as ferramentas de disciplinas artísticas distintas contribuíron a ampliar o relato da nación dos galegos e das galegas. Merecidas beizóns ao premio e á Fundación Laxeiro.