Listado de la etiqueta: agustín_fernández_paz

Onte 463: En Vilalba con Agustín

A Casa da Cultura de Vilalba quedou pequena para acoller ao centenar longo de persoas que participaron na presentación d’ O rastro que deixamos e do nomeamento de Agustín Fernández Paz como socio de honra do Instituto de Estudos Chairegos. Tras a fermosa e completa semblanza que do autor realizou Manuel Castro Santasmariñas, Isabel Soto, a editora do libro, conversou con Agustín sobre os temas principais dun libro construído sobre  dúas trabes, a memoria da infancia, e polo tanto a memoria da Vilalba dos anos cincuenta do século pasado, e a reflexión sobre o oficio de escritor. Un libro no que como editor sei que está o Agustín máis xenuíno, máis próximo e entrañable. Nestas páxinas d’ O rastro que deixamos está o ADN do fillo de Antoania e Antonio, o que fixo das Fontiñas o centro do mundo.

Como xa fixera na presentación de Vigo,  Agustín salientou que para todas as persoas «a infancia é esencial xa que é cando descubrimos o mundo», para expresar despois a importancia que tivo para el As Fontñas, o seu barrio, como Vilalba, a súa vila, os seus primeiros círculos concéntricos, lembrando que «todo lugar, toda vila é Macondo se se sabe contar». «A memoria, felizmente, é traidora, non é un rexistro fotográfico. Hais cousas que se esquecen e outras que se deforman. Como hai outras se sempre se lembran. Este é para min o caso da señora Xenerosa «A capadora» que viña quentarse á cociña da miña avoa. Contaba contos de medo que para min continúan sendo excepcionais. Outrosí sucede co cesto de Beti cheo de tebeos. Son fíos de memoria cos que un escrtior constrúe o o seu mundo. Neses fermentos están os fíos da vida que logo utiliza na súa obra». Logo relatou como descubrira a lectura da man do seu pai. «Meu pai e toda a súa familia lían moito. O tío Se tiña un baúl cheo de novelas, un feito que recollín en varias das miñas ficcións. Meu pai tiña unha biblioteca, dous andeis de libros, onde me aprendeu o devezo de ler. Son escritor grazas ao meu pai que me meteu este devezo de ler, que logo, anos máis tarde, me levou ao de escribir». Foi emocionante o relato de Agustín de como coñeceu ao escritor Álvaro Cunqueiro. «Foi na carpintaría familiar encargando unhas caixas para uns capóns que comprara para enviar a Néstor Luján e outros comellóns de Barcelona. “Este señor é don Álvaro Cunqueiro”, dixérame meu pai. Grazas aos libros de Cunqueiro, que o señor Crende prestáballe ao meu pai, descubrín que había libros en galego». Outras cuestións abordadas na conversa con Isabel Soto foron as referidas o oficio de mestre de Agustín, como membro dunha xeración de ensinantes «que quixemos facer unha escola democrática e íntegra», así como os seus inicios no oficio de escribir. Despois, a conversa estendeuse ao público, rematando o acto co nomeamento de Agustín como socio de honra do IECHA e cunha longuísima sesión de asinaturas. Un serán para a memoria dos que alí estabamos.

Decontado subiremos a gravación completa da intervención de Fernández Paz.

Onte 442: O rastro que deixamos

Interesante e amenísima foi a conversa que mantivo Isabel Soto con Agustín Fernández Paz con motivo da presentación en Librouro d’ O rastro que deixamos. Editora e autor percorreron ao longo dunha hora os temas principais dunha obra singular no catálogo do vilalbés, onde con grande votade de estilo se mesturan páxinas de fermosa prosa memorialística con outras de ensaística sobre o oficio de escribir.

Comezou Agustín explicando a orixe do título que le prestou Siri Hustvedt, a autora de Todo canto amei. O título forma parte dun parágrafo que confesou lle impresionar e recolleu no seu caderno de citas: «As historias que contamos sobre nós mesmos só poden relatarse en pasado. O pasado remóntase cara a atrás desde onde agora nos atopamos, e xa non somos actores da historia senón espectadores que se decidiron a falar. En ocasións, o rastro que deixamos vaise sinalando con pequenas pedras como as que Hansel deixaba tras os seus pasos». Agustín dixo que «o libro naceu hai case tres anos da intención de recoller nun volume textos ensaísticos variados que garadaba no mes disco duro. Isabel Soto puxo orde naquel caos, naquela faramallada. Logo decidimos facer tres libros: o que hoxe presentamos de carácter memorialístico, que contén tamén unha reflexión sobre o oficio de escribir; un segundo sobre temas de lingua e lectura, ao que xa lle puxemos título, A patria da lingua; e un terceiro co resto dos textos sobre cómics e diversos temas». En todo caso, tanto para o autor como para a editora, «a obsesión foi que este primeiro libro se puidese ler como un libro de ficción».

Isabel Soto formuloulle varias preguntas arredor dos límites do que se entende por ficción e polo carácter selectivo da memoria. Fernández Paz insistíu en que para el «todo lugar, todo barrio é Macondo se sabe atopar o seu García Márquez que o conte», así como tamén en que «afondar no local é sempre universal; afondar nas propias raíces, no que é teu, afondar nelas para dende aí proxectarse». Agustín recoñeceuse discípulo do Grupo Nós na súa concepción de «Galicia célula de universalidade, unha peza máis do mosaico da humanidade, á que temos obriga de facer brillar». Mais tamén lamentou as «dificultades grandes que temos na cultura galega na distribución interior dos nosos contidos e sobre todo na exterior, para que as nosas obras chegue tan lonxe como permita a súa calidade». «Na escrita hai que contar a verdade, hai que afondar na túa vida, que é do se nutre o escritor, para que cautive a calquera lector de calquera lingua e calquera país».

A conversa tamén abordou o papel da literatura para cambiar o mundo e cambiar a vida. «A postura optimista témola que manter mentres esteamos vivos. As vellas toupas continúan traballando no proceso de mudar o mundo. Hainas en moitas frontes. Aí están as ferramentas do cambio. Os membros da nosa xeración fixemos o que puidemos. No mundo do ensino algunhas cousas mudaron, deixamos a semente dun traballo que hoxe está nos libros de texto e se acepta de forma común». No entanto, tamén afirmou, valorando o que sucede na actualidade, «o fácil que é destruír e o difícil que é construír».

As preguntas finais xiraron arredor da realción coas súa sobras. Fernández paz confesou que «non hai ningún libro do que me sinta plenamente satisfeito», aínda que amosou a súa preferencia por algúns títulos como Aire negro, O único que queda é o amor, Fantasmas de luz e Non hai noite tan longa.

Onte 436: Premios da Crítica Galicia 2012

A denuncia dos recortes no eido da cultura e da investigación foi unha das cuestións que estivo mías presente na cerimonia na que se deu a coñecer o ditame dos Premios da Crítica Galicia 2012. Fíxoa Agustín Fernández Paz, gañador do premio de Creación literaria por Fantasmas de luz, cando lembrou o memorable discurso final d’ As uvas da ira de John Ford que remata en «Nós somos o pobo». Fíxoa Patricia Fra, a editora de Regreso a Compostela de Edith Warthon, que reiterou o chamamento do xurado de Investigación aos poderes públicos «para que o apoio e recoñecemento a investigación realizada en Galicia, non se vexa gravemente afectado polos recortes. O xurado entende que se non hai unha axeitada inversión en I+D+I non será posible acadar un desenvolvemento económico e social que asegure o benestar das xeracións futuras». Fixerona Margarita Viso e Juan Vara, membros da Asociación Galega de Compositores, premio de Música, cando defenderon o papel esencial da música para a conviencia cidadá. Fixérona Xan Rodríguez e Antonio Moure, membros da Asociación O sorriso de Daniel, premio de Iniciativas Culturais, cando reivindicaron a necesidade da protección do patrimonio galego, sobre todo no eido rural. Fíxoa Carmen Nogueira, a vídeoartista viguesa, premio de Artes Plásticas e Visuais, reclamando atención para as políticas públicas de cultura, con especial atención aos museos. Fíxoa Gustavo Pernas que recolleu en nome de Xosé Manuel Olveira «Pico», o premio de Artes Escénicas e Audiovisuais, no que foi o discurso máis explícito e apaixonado da noite, que rematou enfatizando con enerxía «Nunca máis aos recortes na cultura».

Na fotografía destacada: Agustín Fernández Paz, Patricia Fra, Juan Vara (Asociación Galega de Compositores), Carmen Domínguez, Antonio Moure e Xan Rodríguez (ambos os dous, Asociación O sorriso de Daniel). Na foto da escaleira: os membros dos seis xurados e membros da Fundación Premios da Crítica Galicia.

Onte 431: Agustín doutor honoris causa

Coñecimos onte a magnífica noticia que a Universidade de Vigo, a proposta do departamento de Filoloxía Galega e Latina, investirá a Agustín Fernández Paz como doutor honoris causa. Un nomeamento que nos enche de fachenda xa que en poucas ocasións está máis xustificada a consideración de mestre ca no caso de Agustín, quen dedicou a súa vida profesional enteira a pular polo proxecto da escola galega das pombas, combinando a renovación pedagóxica coa galeguización. Tras outras merecidísimas homenaxes, este importantísimo recoñecemento coincide coa aparición nas librarías d’ O rastro que deixamos, o libro memorialístico que presentaremos en Librouro o vindeiro 23 de novembro. Parabéns para o doutor Agustín!

[Agustín Fernández Paz, discurso de aceptación do Premio «Facer País», Láncara 27-10-2012]

Vivimos tempos difíciles. O desánimo é a única palabra que non pode ter cabida nas nosas vidas. Precisamos de todas as mans.

Onte 414: Palabras de auga

Tanto Agustín Fernández Paz como Marcos Calveiro, o autor de Palabras de auga, lembraron ao comezo da súas intervencións de presentación do Premio Merlín 2012 en Vigo, aos 70 náufragos de Alborán. Para Agustín esta traxedia é outra mostra máis da imaxe que temos de África como terra incógnita, un continente perdido do que descoñecemos case todo da súa realidade e da súa cultura, apenas coas excepcións de noticias puntuais coma as traxedias das pateiras, dunha seca e fame terribles, de guerras silenciosas ou dos desprazamentos masivos da poboación. Un continente que continúa sometido ao expolio dos seus recursos naturais, outro froito da pegada dun colonialismo europeo que nunca deixou de existir. Marcos tamén comezou as súas palabras referíndose aos «55 que tiveron a morte salgada fronte a eles, os quince que morreron (entre eles nove bebés) e os corenta que quedaron baixo a xurisdición marroquina». Despois leu un relato inédito protagonizado tamén por Amadou, o adolescente da tribo Kimba que enfía as páxinas d’ As palabras de auga. A da familia de Amadou é unha historia terrible, durísima, semellante á que viviron onte os inmigrantes que perderon a vida e a esperanza das súas familias no mar de Alborán. Palabras de auga.

Onte 411: Chegaron as novelas gráficas

Chegaron os primeiros exemplares da novela gráfica de Toni Seijas baseada en Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz. Creo que Seijas fixo unha adaptación formidable, moi pegada ao espírito do texto de Agustín. Están conseguidísimas tanto a creación das atmosferas do medo e do terror, en base a un traballo soberbio da cor, como a fluidez engaiolante dun relato construído ao xeito das monecas rusas, cartas dentro de cartas. Unha novela gráfica que se engade a Marcopola. A illa remeira de Jacobo Fernández Serrano, o título co que iniciamos este mesm a serie “Merlín comic” dirixida aos primeiros lectores de banda deseñada. Quedamos moi satisfeitos co resultado de ambas as dúas entregas coas que recuperamos en Xerais a continuidade publicación de banda deseñada, un xénero que sempre crimos fulcral para a edición galega. Sabemos que, a pesar do tránsito cara a comunicación dixital, hoxe este é o xénero editorial impreso que máis lectores e lectoras gaña no mundo.

Onte 406: Crenza na luz

Excelente foi a laudatio que Paz Raña pronunciou con motivo do nomeamento oficial de Agustín Fernández Paz como socio de honra de Gálix 2012. Nun texto de escritura miniada moi fermosa, Paz salientou o compromiso do autor de Aire negro coa renovación pedagóxica e coa transformación das aulas como “o lugar onde a realidade dialoga máis alá dos catro vértices que a queren confinar”. Repasou despois Raña, os fíos temáticos e as protagonistas da obra literaria de Agustín, “condutoras, delegadas, xogadoras de baloncesto e, tamén, mozas que posúen unha curiosidade omnívora que as leva a esvarar na biografía de seu, co afan de localizar retallalos onde revelarse, todo con tal de fuxir do espesor da escuridade”. Paz Raña rematou o coidadísimo discurso apelando a crenza na luz de Agustín: “luz, a palabra máis repetida nos títulos das túas obras, esa luz da que ti es merecente posuídor, que semella dicirnos, como aquel músico no relato de Julio Cortázar: ‘Esa música ya la toqué maña'”. Na súa intervención de resposta, Agustín amosou un vello exemplar, herdado da biblioteca familiar, d’ A illa  misteriosa, a novela de Jules Vernes, coa que confesou para el “empezou todo”. Insistíu na súa convicción que “ler é escribir son dúas caras indisociables da mesma realidade“, como no feito de que “o mellor agasallo que se lle pode facer a un escritor é ter lectores, a maior marabilla“. Rematou presentando a súa elegantísima web e blog (outro formidable traballo de Pumpún), coincidindocoa súa nova candidatura ao Astrid Lingren. Alí pode descargarse un relato inédito, “Abrir as portas”, que impreso puxo a disposición dos participantes, e que tamén se pode ler neste blog que permitirá ao personaxe ter vida propia. Un acto formidable.

Onte 365: A narrativa xuvenil

Dentro das actividades do IX Curso de Formación Continua As Literaturas Infantís e Xuvenís Ibéricas presentamos o libro A narrativa xuvenil (2000-2011), coordinado por Blanca Roig, Isabel Soto e Marta Neira. Outra nova achega da Rede Lijmi que consolida unha biblioteca de referencia sobre a LIX ibéricas, tanto no que atinxe aos estudos monográficos como ao valioso banco de textos críticos para axuda de mediadores. Non foi esta unha presentación de trámite dun proxecto felizmente consolidado, a pesar da redución dos escasos apoios recibidos. Tras a excelente presentación do libro que realizou Alexia Dotras, no debate suscitouse a polémica  sobre a conveniencia de reeditar en coleccións literarias para persoas adultas títulos que inicialmente o foron en coleccións xuvenís, como é o caso de Aire negro de Agustín Fernández Paz. Unha polémica moi interesante que, en todo caso, remite ao carácter de fronteira, de idade media, dun xénero que sempre foi moi difícil de definir, ao tempo que o compromiso dos editores coa ampliación do público para os textos dos nosos autores. No debate (moi animado) lembrei a aspereza (un eufemismo) co que no outono de 1994 foron recibidos os nosos primeiros catro títulos da colección Fóra de Xogo pola crítica literaria galega daquela. Hoxe, a pesar da existencia, aínda, dalgúns prexuízos, aquel comportamento seitario é impensable. Nas dúas últimas décadas, a nosa LIX gañou prestixio, visibilidade e milleiro de lectores e lectoras. Un éxito colectivo!