Viva Novoneyra!

Magnífico foi o nivel literario da homenaxe que lle rendemos onte no Club Faro de Vigo ao poeta Uxío Novoneyra diante dun salón ateigado. Comezou Branca Novoneyra sinalando a dedicación obsesiva do seu pai á poesía e súa alta palabra, subliñando que foi a intención da súa familia conseguir que fosen reeditados todas as súas obras nas condicións que o poeta definira.

Logo, Carme Blanco fixo unha memorable intervención arredor da poesía de Novoneyra, a quen defininiu como «cantor total de profundo lirismo e perfección formal» e como «poeta resistente da leila da terra e da loira da lingua», sinalando os ámbitos míticos e do contato no contextos dos ciclos da súa obra. Detívose con particular vagar en analizar Os Eidos, «unha obra que leva todos os tempos, as cousas, as xentes do Courel».Rematou a autora de Alba de mulleres expresando que lle «conmovía a sensibilidade de Novoneyra coas vítimas do poder, máis alá de que coincidise coa súa ideoloxía.»

Rematou as intervencións o presidente Ferrín que comezou precisando que Novoneyra «é un anti-Pessoa, o poeta aquí non é un finxidor, Novoneyra era o poeta mesmo, a poesía foi a súa forma de estar no mundo, Novoneyra producíase en forma poética». Logo sinalou que Uxío foi gran home pensante e actuante: «Novoneyra é o poeta cidadán, que paseaba as rúas, era un poeta de metro, incansable paseante das beirarrúas urbanas, que ollaba con mirada profunda aos traballadores de Madrid. Novoneyra non foi un poeta rural. Novoneyra é múltiple, ambiguo, clásico, un autor no que hai mensaxes cifradas para as máis variadas mentalidades». Para Ferrín o do Courel foi «poeta felizmente ateo, profundamente materialista. Poeta colosal, persoa extraordinaria, única. Estivo no combate antifascista como os mellores poetas do século XX, como Paul Eluard.» A continuación precisou que «sendo popular, non foi nunca coloquial. Novoneyra foi o máis radical dos poetas galegos, facendo folga xeral contra a historia», enfantizando que «nunca foi nin telúrico nin panteísta como interpretan agora algúns». Momento extraordinario da velada foi cando o presidente Ferrín recitou catro poemas de Uxío para logo comentalos con entusiasmo didáctico: «Novoneyra posuía o don onomástico, sabía darlle nome aos lugares e ás persoas proporcionándolles  unha vida nova, luía os topónimos enigmáticos, unha forma de dicir que había que salvar a patria». Rematou Ferrín dicindo que «toda a obra de Novoneyra foi unha espiral, esa imaxe do cosmos en proceso de autoxeración permanente, a imaxe, tamén, da construción da patria. Viva Novoneyra!»

Vigo e a nova Gallaecia

No artigo da semana reflexiono sobre o papel estratéxico que entendo debe adoptar Vigo tras o novo escenario da reconversión das caixas. O Vigo metropolitano debe asumir un liderado que dependerá tanto do comportamento dos tres grandes motores da nosa economía metropolitana (automoción, construción naval e actividade portuaria) como da capacidade política de artellar un novo modelo de administración territorial baseado na creación dunha área metropolitana que funcione como centro equilibrador desa eurorrexión Galicia e Norte de Portugal de sete millóns de habitantes (o 12% de toda a península ibérica).

Locutorio Khewal

O locutorio Khewal estivo na rúa Elduayen, fronte as escaleiras que dan acceso á Ferrería. A comezos do ano 2000 foi o primeiro que se montou en Vigo para inmigrantes. Un local pequeno, apenas vinte metros cadrados, no recanto onde noutrora estiveran ubicadas, nun quiosco modernista, «Mi bebé», «La Rosa de Oro» (unha mercería moi ben surtida que lle facía a competencia a «la Favorita») e a churrería «La Vallisoletana», a que inventou os churros de pico que vendían en cucuruchos do Faro. Ao locutorio –«khewal» significa «sorte», na lingua wolof, que falan os senegaleses– acudían, especialmente os domingos pola tarde, os inmigrantes procedentes de Senegal, Ghana, Nixeria, Angola, Perú, Colombia ou Ecuador.

Moitos dos vigueses que traballaron en Hamburgo, Zurich ou Xenevra lembrarán os locutorios dende os que eles chamaban, en contadas ocasións e con grande esforzo económico, á familia que aquí agardaba. O locutorio Khewal non era moi diferente daqueles que pisaban os emigrantes galegos dos setenta: tres cabinas telefónicas diminutas, onde non cabe sequera un tallo nin unha cadeira, presididas por unha fotocopia dos prefixos telefónicos do mundo e por un moderno tarifador dixital que, a pesar da «tarifa plana», marca inexorable o tempo da despedida. Un fax público, unha fotocopiadora e unha oficina da Wester Union (que xa utilizaba Anais Nin, como conta nun dos seus diarios) para enviar ou recibir cartos en todo o mundo, sen necesidade de tarxeta de crédito ou conta bancaria, completan os servizos que se ofrecen nestes establecementos pensados para os inmigrantes. Paradoxicamente, nestes tempos da telefonía móbil, proliferan estes locutorios da telefonía tradicional; son verdadeiros espazos de encontro onde matan saudades as persoas que tentan entre nós de inventar novas vidas como mariñeiros, vendedores ambulantes de chilindradas, traballadoras do servizo doméstico ou  peóns ocasionais daqueles traballos que aquí, a pesar dos 260.000 desempregados e da Gran Recesión, ninguén quere.

Léopold Sédar Senghor, o poeta que foi presidente da República do Senegal até a súa renuncia voluntaria en 1980, autor de poemarios formidables como Cánticos de sombra ou Hostias negras expresou nas Cartas da invernada as súas saudades da  estación das chuvias na súa terra natal que comeza en xuño para rematar na segunda quincena de outubro. Aquela invernada, que evocou poeticamente Senghor como «iuiubos que rezuman fragrancias, enchidos do zunido de abellas solares», son as saudades que esta tarde (do chamado por nós e pola nosa mercadotecnia «día da nai») identifiquei volvendo para casa nas olladas duns emigrantes mozos que agardaban a súa quenda á porta do agora ciberlocutorio que funciona no local do pioneiro Khewal de Elduayen. As súas olladas deitaban «fragrancias enchidas de suor e salitre».

Berbés, o porto dos portos

A páxina marítima do Faro anuncia que entrou peixe na lonxa: «Dezaseis bakas, con 90.000 quilogramos e un pincheiro con sete mil quilogramos e dous espadeiros con oito mil quilogramos de peixe entraron onte no Berbés». Bacallao, badeixo, berete, bogóns, botos, brecas, castañeta, congrio, quenlla, marraxo, linguado, pescada, pescadiña, pescadiña fina, peixe sapo, polbo, pota, raia, rapante. Son as cinco e dez da mañá. A serea anuncia a entrada dun barquiño de baixura. Axiña vai comezar a poxa nesta cidade do peixe. Xurxo Souto proclámao con fachenda: «Se Galicia é un reino mariño, tecido con mil singraduras, o reino largo do mar ten unha capital verdadeira: O Berbés, o porto dos portos». E non lle falta razón a Xurxo, por que os fíos de todas as mareas enguedéllanse, cada madrugada, desde hai máis de douscentos anos, coma un novelo na nosa Ribeira, dende a humilde praia de pescadores de atún, que impresionou a Hemingway na súa visita do ano 1921, ao desaparecido Tinglado General de Empaque, dende os novos peiraos do recheo á moderna Lonxa de Beiramar. Os vigueses somos o que somos grazas ao boureo diario do Berbés.

Os norais do Berbés están gastados con tanto trafego. Hai noventa anos que os primeiros bous subiron ao Gran Sol, o Mar Céltico, na procura  do mar das Galiñas ou do mar do Candil. Daquela comezaron a improvisarse estaleiros nos peiraos e nas rampas dispoñibles do vello barrio de pescadores. Os carpinteiros de ribeira afanábanse en labrar cascos maiores e os primeiros armadores encargaron a Glasgow máquinas e caldeiras para equipar os seus moto-pesqueiros de fume. Cos anos cincuenta, as primeiras parellas, como o «Rande» e o «Rodeira», cruzaron o Atlántico á procura do bacallao de Terranova. Dez anos despois, da man da recén creada Pescanova, o «Lemos», o «Andrade», o «Doncos», «o Pambre», «o Soutomaior» e o «Vimianzo» –nomes dos castelos galegos para os primeiros conxeladores de altura– atracaron nesa cidade galega que dende entón é Capetón (Cape Town, A Cidade do Cabo). A partir de 1977, coa consideración das 200 millas como novo límite das augas xurisdiccionais e coa nova política pesqueira comunitaria as nosas embarcacións foron expulsadas dos caladoiros tradicionais que abriran con velas e carbón, case cincuenta anos antes. Sempre inqueda, a nosa xente do Berbés abriu na dúas últimas décadas novas rotas oceánicas: descubríronse os caladoiros de Malvinas, das Seichelles e Madagascar no Índico, onde traballan os atuneiros dos «Albacora» ou do fletán do Atlántico Norte. Mais iso xa é outra historia que haberá algún día que contar. Hoxe apenas quedan esoutros nomes de embarcacións que quixemos rescatar da memoria nosa.

A retirada dos símbolos franquistas

No artigo da semana analizo o proceso de retirada de símbolos franquistas na cidade de Vigo, dende as mudanzas no rueiro de comezo dos anos oitenta até a recentísima aplicación da Lei da Memoria Histórica; propoñendo, finalmente, a retirada da «Cruz do Castro», símbolo da sublevación militar.

Reconquista popular

No artigo da semana rememoro o carácter popular da festa da Reconquista, que hoxe celebramos en Vigo, ao abeiro das achegas bibliográficas recentes de Eduardo Rolland e Xosé Ramón Barreiro Fernández. A pesar do moito que se ten avanzado no coñecemento e interpretación destes feitos,  continúan existindo zonas de sombra para os historiadores, como é o caso da existencia ou non de Carolo –«ese ancián mariñeiro do Berbés que caeu morto no seu empeño de deitar a machadazos á porta de Gamboa», segundo relata Xosé María Álvarez Blázquez– do que, porén, os investigadores non atopan rastro ningún na documentación. Sexa ou non un mito, na figura dese Carolo ou desoutra Aurora (a heroína que conseguía mobilizar ás mulleres), dous dos protagonistas da escenificación popular da Festa Reconquista realizada onte no Casco Vello, atopamos a estirpe popular do fenómeno fundacional da nosa cidade. Conservar o carácter popular e participativo da Reconquista debería ser o obxectivo primeiro da festa que hoxe celebramos.

Xeitosa reportaxe fotográfica de Sonia Daponte en Xornal de Galicia.

Un pacto polo porto

No artigo da semana de Faro de Vigo analizo a situación precaria do porto de Vigo e a descarada utilización política da presidencia da Autoridade Portuaria por parte de populares e socialistas. Propoño un grande pacto que faga posible transformar o de Vigo nun novo porto moderno, ecoloxicamente sostible e aberto á cidade.

26945?

Estou moi intrigado polo significado destas pintadas e carteis presentes por todo Vigo. Polo que puiden comprobar en twitter e facebook as explicacións que se ofrecen son moi distintas, aínda que podería ser unha estratexia publicitaria cunha data marcada. Sexa o que fose, paréceme un despropósito a realización das pintadas sobre edificios e espazos protexidos.

Vigo, fenda aberta

Tras a manifestación separatista de onte, Abel Caballero estará feliz e, sen dúbida, se sentirá avalado na súa estratexia de recuncar na alcaldía pola vía do espírito cantonalista. Porén, na outra beira da xogada, tanto Alberto Núñez Feijóo como Corina Porro non se sentirán totalmente defraudados, xa que a pesar de que  a concentración caballerista foi grande –entre 20.000 e 30.000 persoas, estiman todas as fontes–, non acadou a categoría de  «evento cívico multitudinario» doutras ocasións (o titular de Faro de Vigo é moi orientativo). Con todo, ademais da iconografía e fraseoloxía utilizada no evento, é significativa a franxa de idade de boa parte dos participantes –superior aos 50 anos, como sinalan diferentes persoas– o que abre unha vía para facer todo tipo de interpretacións sobre previsible comportamento electoral (pois a manifestación diso trataba, a pesar de que fose vestida coa roupa do conflito das caixas). Sexa como fose, tras esta manifestación, convocada empregando máis prexuízos ca argumentos racionais, aquel Vigo motor cívico de Galicia dos grandes momentos da nosa historia quedou escachizado. As consecuencias desta fenda aberta son hoxe impresvisibles.

Outra mobilidade é posible

No artigo da semana analizo algúns datos do informe sobre mobilidade local elaborado por Luis Espada, o Valedor do Cidadán de Vigo. A curto prazo en Vigo (como supoño que na maior parte das nosas cidades) é imprescindible invertir os indicadores actuais de mobilidade, que sinalan un abuso do coche particular e un servizo moi insuficiente de transporte colectivo.