Onte 2136: «Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde»

Os amigos Xurxo Martínez González e David Rodríguez Rodrígiez, autores de Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde (Xerais 2021), solicitáronme o prólogo dunha obra que me entusiasmou e recomendo vivamente:

Lendo nas páxinas destas Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde non puiden evitar que as lembranzas xurdisen sen procuralas no pouso deste relato protagonizado por varias xeracións dos vigueses e viguesas máis humildes. Textos literarios e fotografías punxentes e activadoras capaces de iluminarnos, emocionarnos e implicarnos nesa tarefa colectiva de construír memoria e facer de forma efectiva cidade (comunidade) e nación. Lembrei de forma insistente aquela escena na cociña da bufarda de Pi e Margall na que miña nai, chegada da praza do Progreso onde traballaba a avoa Maruja, contáballe baixiño a nosa veciña señora Angelita que os obreiros de Citroën e Barreras, onde traballaban o tío Suso e o padriño Eduardo, chegaran a Porta do Sol, nunha daquelas manifestacións lóstrego coas que aqueles días mareaban aos grises. Creo que naquela lembranza dos meus doce anos, cando en setembro de 1972 comezaba 4º de bacharelato, o meu último curso no colexio salesiano, fun cando acuñei a miña toma de conciencia como parte do Vigo obreiro e rebelde. Un recordo familiar que continuaba poucos días despois cando soubemos que Pedro, un dos curmáns da miña nai, que traballaba na grada de Barreras, marchara de forma para nós inesperada para Barcelona, cidade da que nunca regresaría.

Vigo obreiro do que xa me sentía parte cando o tío Suso me mostrou aquel chaveiro precioso de Comisións Obreiras no que aparecía gravada unha espiral de brazos prendendo cadansúa ferramenta, unha alfaia familiar desaparecida que hoxe me gustaría rescatar como o entusiasmo daqueles anos no que todo nos semellaba posible. O chaveiro do meu admirado tío Suso, que falecería no Pirulí poucos anos despois de forma moi prematura, quedou tamén fixado como a chave icónica do conflito na factoría de Tomás Alonso, no que volveu tremer a familia, cando Barreras pasou a mans do INI, como tamén as fábricas de cerámica e louza de GEA de Cabral, Coruxo e Ponte Sampaio, abrindo as duras loitas obreiras viguesas da Reforma Política e da reconversión industrial da década de 1980 obrigada pola incorporación á Comunidade Europea.

Da atmosfera da conversa de mamá coa señora Angelita e do espírito do chaveiro do tío Suso vai este libro dos meus admirados Xurxo Martínez González e David Rodríguez Rodríguez, un libro de historias familiares de viguesas e vigueses, a maior parte anónimos, que fixeron daquela abella da ribeira, como a bautizou o escritor comunista Manuel Lueiro Rey, o volcán de dinamismos e cidade estrépito de entusiasmo contaxioso inmortalizada por X.L. Méndez Ferrín no testamento do ghebo. Unha achega documentadísima que retrata a cidade puro milagre de Celso Emilio Ferreiro, o manifesto atlántico que nos guía da escritora María Xosé Queizán, aquela cidade aínda durmida de Xela Arias, a quen este ano lembramos brincando coa rapazada da rúa Zamora e do camiño de Riobó entre as fincas e os solares abertos no que fora o Camiño dos anxos, que unía Travesas e o Couto, onde en tardes longas de verán xoguei co meu irmán Eduardo a penaltis mentres non pasaba algún coche ou aparecía o carro dos xitanos itinerantes.

Nese celme do Vigo humilde e popular, a cidade de guindastres e sirenas, a cidade industrial de barcos, conservas e automóbiles, está concibida esta guía na que se propón en corenta entregas reconstruír o mellor da historia viguesa, a do Vigo humilde, loitador e solidario. Unha viaxe no tempo, dende a revolta irmandiña, representada polo Castelo do Penço, pasando polos numerosos episodios de terror do 36, como os do bou Eva e a resistencia dos fuxidos, a folga do 72 e a resistencia na Asociación Cultural de Vigo, até as mobilizacións no anfiteatro cívico de Urzaiz, ocupado pola cidadanía en momentos decisivos como aquel 4 de Nadal de 1979 contra o Estatuto da Aldraxe, durante as tres folgas xerais de 1984 en solidariedade con Ascón, cando na comarca o desemprego superaba o 33 %, ou hai apenas dúas décadas polas manifestacións de Nunca Máis e o non a guerra.

Unha viaxe, tamén, no espazo polo territorio dunha cidade en bisbarra (metropolitana dicimos agora), dende os espazos portuarios do Berbés, a Laxe e a Estación Marítima, a primeira porta de saída da Galicia emigrante, pasando polo Vigo vello e as edificacións pétreas do seu ensanche modernista, até os espazos do periurbano do Val do Fragoso, onde aínda perduran os últimos vestixios da cultura popular agraria. Unha guía protagonizada por viguesas anónimas dende aquelas mulleres do motín da fame de marzo 1847, os canteiros e marmoristas da primeira folga en 1894, pasando polos labradores que protagonizaron as loitas agrarias da Sociedade de Agricultores de Lavadores, até as empacadoras lideradas en 1931 por María Araújo na loita polo seguro de maternidade e as obreiras de Álvarez que en 1946 se mobilizaron desesperadas pola situación de fame e miseria daqueles anos difíciles.

Unha guía dun Vigo galego, orgullosamente galeguista, que asumiu a responsabilidade histórica de ofrecerse como a Barcelona atlántica soñada por Castelao e Pedrayo ou polo arquitecto Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista. O Vigo no que estudou na súa Escola de Náutica o poeta Manuel Antonio e no que Xosé Velo fundou a súa academia. A cidade fotografada por Cándida Otero, a viúva de Prósperi, na que exerceu durante décadas a doutora Olimpia Valencia, a primeira médica galega. O Vigo no que escribiu a poeta Xohana Torres, no que xogou o futbolista Pahiño, no que pintou Urbano Lugrís, no que filmou o cineasta Chano Piñeiro, no que Francisco Fernández del Riego alicerzou a Biblioteca Penzol, a de maior fondo galego e sobre Galicia do planeta. O Vigo no que traballaron o Padre Seixas, Antón Beiras García, Xosé Ramón Reboiras Noia, Camilo Nogueira. O Vigo onde se fundou Galicia Socialista e o Partido Galego do Proletariado…

Benvida esta guía única e singular da cidade atlántica de ferro e mel, da cidade portuaria acolledora, celme e cifra da Galicia contemporánea, amante da ansia perdida. Benvida esta guía do Vigo rebelde como instrumento para construír memoria dunha cidade unha miga esquecediza. Benvida esta obra por afondar en episodios e biografías viguesas até agora agochados, ocultos ou velados nunha cidade de xenerosidade concisa. Parabéns a Xurxo e David pola proeza de ofrecer tan completa e veraz cartografía do Vigo máis alternativo e popular. Un libro para ler e reler devagariño, para consultar e repasar con camiñadas compartidas polos vieiros vigueses da memoria.

De Vigo a Ourense polo Tea

Dedico o artigo da semana de Faro de Vigo a propoñer o estudo da liña de alta velocidade de Vigo a Ourense polo Tea:

Tras dezasete anos de estudos, proxectos, modificacións de trazados, demoras e repetición de estudos hidroxeolóxicos do AVE de Vigo a Ourense sendo optimistas haberá que agardar á vindeira década para poder despedilo dende a estación de Urzaiz e completar o trazado en canto menos corenta minutos. Mentres, será inevitable continuar facendo a viaxe dende a estación de Guixar polos 132 km da vía do Miño (inaugurada en 1881), cunha duración dunha hora e corenta minutos, ou no mellor dos casos facer un rodeo dende a de Urzaiz por Conxo (174 km), cunha duración dunha hora e cinco minutos, alternativa anunciada por Adif para tratar de evitar as críticas da cidadanía e da propia alcaldía de Vigo a unha mudanza de tren en Santiago. En todo caso, case dúas décadas perdidas para abordar a modernización da conexión ferroviaria de Vigo e Ourense, as dúas rexións urbanas do sur de Galicia, cunha poboación en permanente mobilidade interior, mais que a todas luces tamén perden con esta «solución» competitividade e oportunidades con respecto ás de Santiago e A Coruña.

E o primeiro que chama a atención na conexión de alta velocidade entre Ourense e Vigo é que despois de tanto tempo se descoñeza cal vai ser o novo trazado ou mesmo se vai existir como tal. Cada ano, cada novos orzamentos do Ministerio de Transportes, semella máis claro que o tren por Cerdedo vai quedar en auga de castañas. A conto de que ven entón a lentitude inxustificada na tramitación administrativa da conexión indirecta polo Val de Cercedo (114 km e parada en Pontevedra), que obrigaría a construír unha liña entre Portas e O Carballiño valorada en 2.200 millóns de euros e cunha duración das obras de nove anos e medio? Ou noutras palabras, diante de semellante exercicio de calculada ambigüidade dilatoria e se como todos os indicios agoiran o AVE por Cerdedo se adía sine die ou se desbota de raíz, a saída ferroviaria cara a Ourense e a Meseta podería ser para a cidadanía metropolitana viguesa das dúas vindeiras décadas moi semellante á actual: contaría cunhas poucas frecuencias por Conxo, parando en Pontevedra (todas) e Vilagarcía (algunhas), e noutras (as máis) estaría obrigada a baixar uns minutos en Santiago (vinte na actualidade) para coller os convois procedentes da Coruña. Pode permitirse a primeira rexión urbana do país (case 600.000 habitantes), a que máis viaxeiros achega nas conexións con Madrid, ser discriminada con semellante servizos? Pode permitirse nun modelo de mobilidade sostible que en 2035 a viaxe de Vigo a Ourense por estrada sexa moito máis atractiva ca ferroviaria?

Neste entorno desfavorable para o Vigo futuro é moi de agradecer a alternativa esperanzadora ofrecida polo enxeñeiro Xosé Carlos Fernández, un dos mellores coñecedores e estudosos do ferrocarril en Galicia, propoñendo que se realice un estudo informativo do trazado dunha conexión directa de alta velocidade entre Urzaiz e Ourense utilizando a Saída Sur até as proximidades de Tui e seguindo o curso do río Tea por Mondariz. Un trazado alternativo sobre o menor percorrido posible (86 km) que uniría ás dúas cidades do sur en media hora e homologaría a duración da viaxe entre Vigo e Madrid á de Santiago. Unha liña directa por Mondariz que Fernández valora en 1.900 millóns de euros, cifra inferior ao proxecto por Cercedo, que tras unha década de obras reduciría a viaxe con respecto a esa alternativa en 28 km e ao da volta por Conxo en 88 km, o que permitiría unha redución moi apreciable dos tempos de viaxe, onde reside a cerna da competitividade ferroviaria. Unha solución que, ademais, recoñecería o acceso preferente á cidade de Vigo e o carácter de Urzaiz como estación pasante do tren do eixo atlántico, con conexións procedentes de Lisboa, Porto e Pontevedra, como de saída cara a Ourense e as rotas da Meseta.

A alternativa do enxeñeiro Xosé Carlos Fernández é apoiada pola Plataforma pola Defenda do Ferrocarril Vigo a Ourense por Mondariz (PDFVOM), unha iniciativa da sociedade civil de carácter apartidario, presidida polo editor vigourensán Bieito Ledo, presentada en Vigo a pasada semana coa intención de abrir o debate sobre unha cuestión estratéxica e contribuír a reverter a decepcionante situación actual avalada tanto pola Xunta de Galicia como polos concellos de Vigo e Ourense. Unha iniciativa cidadá transversal, promovida dende ámbitos profesionais diversos, que demostra que hai outras solucións ferroviarias viables e obriga ao Ministerio de Transporte e ás administracións autonómica e locais a incorporar este tema a súa axenda e a definir as súas posicións. Como sucedeu cando chegou en 1881 a primeira locomotora a Ourense, acontecemento celebrado por Manuel Curros Enríquez, tras o tren continúa chegando «a fartura e ¡a luz e o progreso!»

Respecto para unha estatua

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar respecto para a estatua de Castro do escultor Jandro:

A comezos de novembro de 2002 apareceu en Príncipe, diante do Marco, a piques de ser inaugurado uns días despois, a estatua en poliéster de Castro, o derradeiro vendedor ambulante de xornais, obra do escultor vigués Alejandro Rodríguez «Jandro», membro da Fundición Nautilus, institución nacida coa intención de achegar as diversas modalidades artísticas ao público. Unha peza de inequívoca intención realista de tamaño natural que homenaxeaba a Manuel Castro, que percorría de forma incansable o centro de Vigo, dende a Porta de Sol a Urzaiz por Príncipe, onde paraba cos seus fardos diante das galerías de La Norma ou das escadas de Almacéns Alfredo Romero, e de alí baixaba até a Alameda por Velázquez Moreno ou Colón, voceando dende moi cedo as noticias máis frescas de «Faro de Vigo», máis tamén dos xornais da tarde, como o deportivo «Meta», «La Noche» de Santiago ou do diario «Pueblo» de Madrid.

Era a de Castro unha figura inesquecible, tanto polo seu carácter adusto e serio como pola súa habilidade para levar baixo o brazo esquerdo un fardo de faros e ao mesmo tempo aguantar os décimos da lotería nacional, mentres sostiña de forma acrobática un faro sobre o índice da man dereita en difíciles equilibrios. Unha proeza dixital esa do baile dos faros documentada por Magar en 1971 nunha fotografía deste quiosqueiro andante na rúa Reconquista á altura dos leóns de Correos ao que, como a Pepiño do quiosco do Paseo de Afonso, que de mociño tamén voceara «Meta» no barrio de Casablanca, lembramos como un deses jichiños humildes e entrañables que humanizaron o Vigo da nosa infancia.

Porén, a aquela aparición da estatua de Jandro á que lle faltaba o bronce, coincidindo coa apertura do Marco que dirixía Carlota Álvarez Basso, foi tan efémera como polémica. Deseñada a iniciativa propia polo autor en 1998, cando residía en Granada, o goberno municipal de Lois Pérez Castrillo encargoulle que a fundise en bronce para a súa instalación diante do museo. Tras as mudanzas da alcaldía dese ano, primeiro en mans de Ventura Pérez Mariño e despois de Corina Porro, a estatua de 300 quilos e dous metros trinta de altura, permaneceu en Madrid case unha década onde foi fundida por partes. Habería que agardar ao día de noiteboa de 2011 para que fose chantada na localización prevista en Príncipe sendo alcalde Abel Caballero.

Un vergonzoso atraso de oito anos ao que non foi alleo un lamentable episodio de censura, denunciado nestas páxinas de «Faro de Vigo» polo xornalista Fernando Franco en 2004 e recuperado do esquecemento neste ano de homenaxe a Xela Arias. O caso é que coincidiu o momento da fundición da estatua coa marea negra provocada polo Prestige e coa resposta expansiva do movemento cidadán organizado na plataforma Nunca Máis e a colectiva do mundo artístico artellada nas intervencións de Burla Negra. Jandro e o seu compañeiro da Fundición Nautilus, o pintor Xosé Guillermo, deseñaron a peza que faltaba á escultura, o exemplar de «Faro de Vigo» que bailaría no furabolos de Castro. Na portada titularon «Galicia berra ¡Nunca Máis!» e na contraportada reproduciron o poema «Dignidade», escrito por Xela Arias para o libro colectivo «Alma de beiramar» (A Nosa Terra, setembro, 2003), que comeza cos versos: «Marea miseria invade global Galicia / Colleita inepta de intereses financeiros / Burla negra…» Ao goberno municipal de Corina Porro non lle gustou esta solución e Jandro negouse a modificar o deseño, do que por ventura o artista conserva o orixinal no seu taller. Confesou que o facía por fidelidade e homenaxe á escritora activista, que pretendía levar a poesía a rúa e faleceu de forma tan prematura o primeiro de novembro de 2003.

Finalmente sería unha axencia quen deseñaría outros contidos para este xornal de bronce, que tras a inauguración da escultura por Caballero (2011), axiña sería obxecto de continuos ataques vandálicos, dende pintadas até arrincarlle en varias ocasións o exemplar do «Faro de Vigo», repetidos este pasado mes de maio, tras o a finalización do toque de recollida, no que a peza apareceu sen o brazo sobre o que bailaba o faro. Ataques denunciados tanto polos comerciantes como polo propio escultor que reclaman ao concello un sistema de videovixilancia eficaz para unha das iconas artísticas actuais da cidade.

Por todas estas vicisitudes a estatua de Castro de Jandro, autor tamén dun proxecto de escultura urbana semellante do poeta peripatético Carlos Oroza, que agarda polo interese do goberno municipal, constituíuse en dúas décadas en icona da liberdade de expresión e en homenaxe ao papel da prensa no desenvolvemento de Vigo como cidade acolledora, dinámica, liberal e cosmopolita. A estatua de Castro merece que se restitúa o deseño orixinal do seu autor e conte co respecto e protección do que carece.

Sergio, o noso porteiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á prematura retirada de Sergio Álvarez Conde, gardameta do Celta:

O anuncio de que Sergio Álvarez Conde, o «Gato de Catoira», colga as luvas debido a unha grave lesión de xeonllo conmocionou ao celtismo pola transcendencia de quen foi o noso porteiro, unha das iconas máis respectadas e queridas do vestiario da Madroa. Un xogador de canteira que soubo manter un compromiso inquebrantable co Celta, desde a tempada 2004-2005, cando sendo apenas un xuvenil procedente do Arousa a súa nai asinou o seu primeiro contrato profesional, pasando polas súas seis tempadas no filial, a súa cesión ao Racing de Ferrol, até ás once consecutivas no primeiro equipo, dende o seu debut en Segunda división da man de Paco Herrera o 4 de xuño de 2011 fronte ao F.C. Cartaxena. Dezasete anos de traballo humilde, tamén de continua mellora, nos que semana a semana, fose na lameira ou agardando no banco, desbaldiu doses xenerosas de afouteza e rigor para non darse nunca por vencido e facerlle fronte ás múltiples dificultades e perigos como tamén da mesura necesaria para compartir as proezas deportivas, que tamén as houbo, no ascenso memorable a Primeira e na Europa Leage (2016-2017) onde foi considerado o mellor porteiro.

Unha traxectoria de máis de 355 partidos como gardameta celeste (132 en Primeira e 10 en competición europea) nos que Sergio protagonizou tardes e seráns memorables. Imposible esquecer o penalti que detivo en Balaídos no seu primeiro derbi, na tempada 2014-2015, con Eduardo Berizzo como adestrador, na que o Gato no minuto 88 e coa táboa de marcas en 2-1 soubo aguantarlle cos brazos abertos ao bosnio Haris Mendunjanin e voar despois cara ao pao esquerdo empurrando coa punta das luvas o balón cara fóra. Unha parada extraordinaria que estalou o entusiasmo no Campo do Fragoso e valeu naquel momento máis que tres puntos, crebando sete anos sen gañar ao noso histórico rival. Como inesquecibles foron outros voos do noso Gato, como os daquela noite no Camp Nou,  tamén na primeira tempada de Berizzo, de quen sería un fixo no seu once, paradas que semellaban imposibles a remates de Messi e Luís Suárez, que permitiron unha vitoria histórica. Ou aqueloutra incrible na catedral de San Mamés despexando unha cabezada de Arduriz ou a noite de afouteza celtiña fronte ao Manchester United en Balaídos, o histórico 4 de maio de 2017, na que Sergio sostivo coas súas intervencións os envites dos diaños vermellos.

Sergio Álvarez pasará historia como un dos porteiros referenciais do Celta, como Ramón Allegue «Padrón», xunto a Rubén Blanco, o máis novo en chegar aos 50 partidos co equipo, autor tamén dunha historia do club publicada nestas páxinas de «Faro de Vigo». Como o foron tamén, entre outros que desempeñaron en Balaídos o noble oficio de gardameta, o «Tolo» Fenoy, o arxentino que paraba e marcaba penaltis, e unha longa relación na que non poden faltar Ibarreche, Patxi Villanueva, Javier Maté, Santiago Cañizares, Pablo Cavallero, Pinto e Yoel. Porén, o que diferenza con eles é que o de Catoira foi gardameta dun só club, dende o inicio até o final da súa carreira, no maldito partido de Copa contra o Mirandés do pasado xaneiro. Sergio priorizou a súa continuidade no Celta a calquera outros cantos de serea, unha rara avis no fútbol moderno, tan mercantilizado como deshumanizado. Unha lealtade celeste que o converteu en emblema do que é o Celta para a afección e o club como institución. E iso ten dobre valor para alguén que nunca o tivo doado, obrigado en agardar pacientemente dende a suplencia a súa oportunidade, a non desistir nunca do seu afán, mesmo cando foi discutido por catro repunantes e obrigado a esforzarse e demostrar a súa valía en cada partido.

Foi tamén Sergio Álvarez modélico polo seu compromiso como deportista coa lingua galega, que utiliza decote nas súas intervencións públicas e que considerou como un plus no contacto como xogador coa afección e un factor que o involucraba na historia do propio club, nacido para representar a Galicia. Como valentes foron as súas declaracións confesándose lector de textos de literatura galega, como a novela «Resistencia» de Rosa Aneiros, unha das súas preferencias literarias, contribuíndo así a conformar modelos alternativos para a nosa mocidade. Sergio entendeu como moi pouco futbolistas profesionais as dimensións deste deporte tanto como espectáculo de masas, que hoxe forma parte da industria do lecer, mais tamén o seu carácter formativo para a mocidade nun amplo catálogo de valores (respecto, lealtade, compañeirismo, esforzo, paciencia…) como o valor de todos os clubs como expresión de emocións, vivencias e identidades colectivas. Hoxe cando anuncia a súa retirada prematura expresamos a nosa admiración pola súa traxectoria impecable, agardando a súa continuidade no fútbol (no seu Celta) como técnico e formador de novos futbolistas.

Fálame galego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao uso do galego por parte da actual corporación viguesa:

A saída do colexio escoito no coche o informativo local de Radio Vigo no que comprobo que na alocución diaria da alcaldía dende o concello utiliza de forma habitual a lingua castelá e só de forma moi excepcional a galega. Un patrón lingüístico castelanófono seguido nas intervencións ocasionais nos medios radiofónicos e escritos locais pola gran maioría dos membros do goberno local do PSdeG-PSOE como do grupo municipal do Partido Popular. Un retroceso do uso público do galego por parte dos membros da actual corporación con escasos precedentes no período democrático que, coa honrosa excepción dos membros de Marea de Vigo e BNG, fan caso omiso do establecido na Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística, aprobada en 1988 e entrada en vigor dende a súa publicación no BOP o 17 de maio de 1989.

Unha ordenanza pioneira na promoción do galego por parte das entidades locais, a primeira do país que desenvolve o artigo 6 da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade sendo alcalde o socialista e galeguista Manuel Soto Ferreiro, que fixa no seu artigo I.1. «o galego como o idioma oficial do concello de Vigo» e, entre outros compromisos, que será utilizado nas intervencións dos cargos do concello, «sempre que a intervención sexa por razón do propio cargo» (artigo X). Patrón castelanófono da actual corporación reforzado tras a aprobación dunha modificación do Regulamento Orgánico do Pleno (1 de xuño de 2016), promovida no mandato anterior polo goberno municipal, que establece que se ben «o galego é a lingua do Pleno e de toda a súa documentación» «nos debates utilizarase o galego ou o castelán».

Quizais este lamentable abandono do uso público do galego por parte da gran maioría dos corporativos socialistas e populares vigueses non é alleo nalgunha medida á estratexia de confrontación asumida tanto pola alcaldía de Vigo como pola presidencia da Xunta como o seu mellor xeito de facer política en Vigo. Cos resultados electorais na man este enfrontamento político continuo entre o concello vigués e a Xunta, no terreo emocional entre Vigo e o resto de Galicia, beneficia ás dúas instancias participantes  e monopoliza os contidos da axenda viguesa. Xaora como se dun inevitable dano colateral se tratase, neste contexto moi polarizado ambas asumen o prexuízo de asociar o emprego público do galego co autogoberno e coa identidade política galega defendida polo pensamento nacionalista. Prexuízo que como as lentes embazadas levan a unha lectura defectuosa da situación do galego na primeira cidade de Galicia, onde segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística fala de forma habitual apenas o 15,21% da poboación, a cifra máis baixa das sete cidades. Unha situación de emerxencia para o futuro dunha lingua milenaria que desde Vigo,  berce literario de Martín Codax e Mendiño, emite este 17 de maio o seu teimoso «mayday» de socorro: «fálame galego», «fálame galego», «fálame galego».

Escribía Xela Arias en verso luminoso que «tiña o idioma inclinado nas entrañas». E abofé que non lle falta razón a nosa poeta cubista, todos os vigueses e viguesas temos o galego inclinado nas entrañas, tanto os que o falamos de forma habitual e en todos os contextos privados e públicos como aqueloutros que o fan de forma ocasional cando mellor lles peta como os que deciden non utilizalo nunca. Toda a veciñanza viguesa, volvendo a acudir ao manancial de versos de Xela Arias, «despois de recortar os verbos» queda coa lingua que respira en calquera dos espazos e barrios da cidade como primeiro punto de encontro. Como a autora de «Denuncia do equilibrio» lembrou naquel memorable pregón das Letras Galegas, encargado hai agora vinte anos pola alcaldía, o galego é a primeira forma de recoñecérmonos no pouso dos afectos. O galego é o primeiro patrimonio que herdamos os veciños desta cidade de fronteira, tanto os que aquí nacemos como aqueloutros que aquí decidiron facer as súas vidas.

E todos e todas somos responsables do que aconteza co futuro do galego en Vigo, unha tarefa cívica de recuperación imprescindible á que estamos convocados a participar e na que os nosos representantes, os membros da corporación moito poden contribuír co seu compromiso de utilizalo decote nas súas intervencións públicas. Volver a recuperar o compromiso exemplar que o concello de Vigo mantivo noutrora co galego supón apenas ter en conta os acordos recollidos na Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística de 1988, como obriga a incrementar a presenza da lingua e cultura galega na actividade municipal, sexa nas festas, na programación de espectáculos musicais ou na programación cultural, hoxe a todas as luces insuficiente para unha cidade que durante moito tempo liderou o renacemento cultural galego.

Xela Arias, editora pioneira

Agradezo a Manuel Xestoso o convite a participar cun texto sobre Xela Arias editora no excelente monográfico de Sermos Galiza:

No segundo parágrafo de Non te amola! (Galaxia 2021), texto no que dende a voz dunha rapaza de nove anos rememora os días de infancia, Xela Arias lembra que «na [súa] casa os estantes rozan os teitos do cuarto, e non teñen máis ca libros». Referencia que páxinas máis adiante repite como a súa responsabilidade de «meter libros e libros en caixas» no primeiro dos traslados de domicilio da súa familia. Confesións de quen sabe pertence a unha estirpe lectora dende o berce viviu entre libros, moitos deles libros en galego, nos que leu dende os catro anos e entre os que agromou o seu celme literario.

Foi Xela Arias unha rara avis da nosa xeración de galeguistas neofalantes dende a adolescencia, xa que ela mamou o galego como lingua familiar en Ortoá, na granxa escola de Barreiros, herdanza idiomática dos Castaño de Mouzós e dos Arias da Vilerma; sendo con toda naturalidade a súa lingua primeira, que aos seis anos xa dominaba, tamén como a castelá, por escrito. Historia lingüística da que con toda a fachenda deu conta o seu pai Valentín no artigo «Xeliña fala galego» publicado no libro das festas de San Xoán de Sarria de 1968. Unha valiosa declaración a prol da educación plurilingüe en pleno tardofranquismo que non perdeu actualidade tanto pola afirmación da «lingua como o meirande logro colectivo dun pobo» como pola utilidade dunha educación lingüística onde o galego como lingua primeira facilita tanto adquirir outras linguas como poder entenderse [daquela] con «máis de cen millóns de portugueses e brasileiros», xa que, salienta Valentín, «entre portugueses e galegos non hai cuestión por mor da lingua».

Competencia galegofalante que Xela Arias non perdeu nin agochou a súa chegada aos sete anos a aquel Vigo de fronteira que comezaba a despregarse de forma desordenada sobre o Val do Fragoso. Unha cidade da que Xela xa se manifestaba orgullosa nun texto manuscrito en galego de carácter escolar, «O meu pobo», cando aos nove era alumna da Escola Graduada de Sárdoma onde cursou a vella Primaria e a segunda etapa da EXB. Lectura e escrita en galego que xa nunca abandonaría, tanto polo acceso na biblioteca familiar aos primeiros libros infantís en galego, dos publicados por Galaxia, como A galiña azul (1968) de Carlos Casares, que cita en Non te amola!, ou dos publicados polo poeta Manuel María, bo amigo da familia, como Os soños na gaiola (1968, Cartonaxes Anni), que ela e o seu irmán Xoán ilustran para o autor, tamén un dos seus libros de poemas preferidos, ou Barriga Verde (1968, Castrelos) que o de Outeiro de Rei dedicará aos Arias Castaño.

Actividade preliteraria de Xela Arias que a levará a asinar o conto «A pobreza e a negrura da aldea» (1 de decembro de 1972), que permanece inédito, e a presentar o conto titulado «A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia» ao VI Concurso O Facho, resultando gañador o 17 de maio de 1973, texto que no mes de xullo acompañado dunha entrevista con ela será publicado no Boletín da Asociación Cultural de Vigo. Primeira publicación e recoñecemento literario que lle abrirá ás páxinas de Faro de Vigo, onde entrevistada por J. Hortigüela expresa con apenas once anos unha conciencia lingüística precoz e un compromiso xa inquebrantable coa escrita en lingua galega.

Aqueles anos como estudante, primeiro de EXB no Colexio Público de Moledo-Sárdoma, despois de BUP no Instituto mixto do Calvario, coincidirán co traballo do seu pai como xerente da editorial Galaxia (1975-1978), o que incrementará o seu coñecemento do mundo do libro galego e o coñecemento de figuras referenciais deste ámbito, singularmente a de don Paco Fernández del Riego, «un vello afable cabelo cano», a quen respectará ao longo de toda a súa vida, mesmo convidándoo a participar na presentación do seu derradeiro libro, Intempériome (2003), e dedicándolle o poema «Na retina, desde nena» (2002), e a de Xulián Maure, daquela responsable comercial de Grupo Anaya en Galicia, quen anos despois a convidaría a incorporarse ao primeiro cadro de traballo de Edicións Xerais de Galicia.

Anos de adolescencia nos que Xela Arias vivirá experiencias editoriais marcantes como a de axudar ao seu pai, xunto ao seu irmán Xoán, no traslado en 1976 dos libros da biblioteca persoal de Otero Pedrayo doados á Galaxia dende o piso de don Ramón na rúa da Paz de Ourense aos locais vigueses da Fundación Penzol. Como o foron tamén para ela a participación nas excursións organizadas pola Asociación Cultural de Vigo, citadas nas páxinas de Non te amola!, como a visita as ruínas de Caaveiro, recordadas tamén como inesquecibles experiencias construtoras do galeguismo por Xosé Luís Méndez Ferrín, un dos seus membros, cando en 1987 saudaba a publicación de Denuncia do equilibrio (Xerais 1986), o seu primeiro libro de poemas.

Con semellante equipaxe de experiencias editoriais e galeguistas e tras decidir abandonar o instituto onde iniciara COU chegou Xela Arias ás dependencias viguesas de Edicións Xerais de Galicia no mes de outubro de 1980. Incorporouse como oficinista ao equipo que dirixía Xulián Maure e do que formaban parte Roberto Pérez Pardo, Manuel Méndez Batán e o deseñador e ilustrador Xosé Guillermo, co que axiña amigaría, como lembraría no poema «Epístola. Biografía», que en 1993 lle dedicaría ao mestre artenauta e creador da «Fundición Nautilus». Un reducido cadro de profesionais, ao que se incorporarían despois Carlos Blanco, Luís Mariño, Siro Iglesias, Xosé Manuel García Crego e Celia Torres, que asumía o proxecto de xestionar unha nova editora en lingua galega con criterios estritamente profesionais, superadores do voluntarismo que, coa honrosa excepción das Ediciós Castrelos de don Xosé María Álvarez Blázquez, caracterizaba entón ao sector. Unha editora, Xerais, que aberto o recoñecemento institucional do galego no proceso preautonómico pretendía dar resposta ás demandas de materiais didácticos para o ensino da lingua galega e para a súa utilización como lingua vehicular como tamén, en palabras do seu primeiro director, a ofrecer un catálogo onde «todo galego tivese a posibilidade de ser culto na súa propia lingua» e contribuíse a «colaborar para que a produción da cultura galega non estivese presidida nin polo narcisismo ilustrado, nin polos intereses partidarios».

Naquela primeira Xerais que en apenas dous anos de actividade cun catálogo de medio cento de títulos comezou a liderar a produción editorial en galego, tanto educativa como de fondo xeral, Xela Arias axiña pasou da recepción a ocuparse da edición de mesa (preparación e corrección ortográfica e ortotipográfica) dos textos literarios de coleccións como Ventobranco (poesía), Monte e Fontes (narrativa, viaxe e divulgación), Grandes Mestres, Extramuros e con especial interese da colección Xabarín, a primeira de traducións para o galego de clásicos da literatura xuvenil. Tarefas editoriais que Xela Arias compartía coa relación con autores e tradutores (nun entorno literario e editorial entón moi masculinizado), así como representando á editora nalgúns actos de presentación de novidades ou nos debates arredor de cuestións educativas e literarias que convocaba Xerais revolucionando a comunicación editorial.

Ao longo dunha década como editora (até setembro de 1990), que coincide tamén cos anos de entusiasmo da movida viguesa, xeralmente en horario nocturno, e do inicio do seu activismo literario e cultural, Xela Arias forxouse como editora de mesa de formación autodidacta, mantendo unha alta responsabilidade con respecto á calidade da lingua dos textos, sendo as súas interpretacións moi relevantes no proceso de fixación da norma ortográfica de 1983 cos criterios que existían no momento. Obsesionada pola mellora do coñecemento léxico e respectuosa cos criterios do Instituto da Lingua Galega, cando non existían tampouco dicionarios normativos, o Xerais é de 1986, Xela Arias procuraba na edición dos textos alleos idéntica fidelidade e rigor que imprimía cando retorcía e destilaba as frases das súas traducións ou dos seus poemas. Aquela rapaza que comezou metendo libros nas caixas convertérase nunha das pioneiras da edición galega, inventando en Galicia o noble oficio de editora do que fomos continuadores.

Fotos Arquivo de Xerais

(1984): Xela Arias con Xosé Guillermo e Siro Iglesias;

(1989): Xela Arias con Celia Torres e Xosé García Crego [instalacións de Xerais, foto Vilar Cardona].

(1989): Xela Arias [instalacións de Xerais, foto Vilar Cardona].

Non hai idioma abondo para recoñecérmonos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao pregón bando que Xela Arias pronunciou o concello de Vigo o 16 de maio de 2001:

Aquel 16 de maio de 2001 cando Xela Arias leu na Casa Galega da Cultura o pregón do Día das Letras Galegas [dedicado a Eladio Rodríguez], convertido en bando coa sinatura do alcalde de Vigo [Lois Pérez Castrillo], ninguén podería aventurar que vinte anos despois a poeta viguesa sería homenaxeada de forma tan entusiasta e unánime como o está sendo este 2021. Un discurso que merecería ser recuperado e reproducido como folla voandeira a distribuír o vindeiro luns 17 de maio nas prazas da que foi para ela cidade amada que lle doía reclamando a recuperación do galego como lingua de encontro, como foi «hai xa ben séculos de reis e trobadores que lembramos a transcribir a que manexaban campesiñas e mariñeiros», como «pode ser hoxe en escolas e mercados, en barcos, bancos e centros comerciais…» e «como pode selo hoxe entre rapaces e meniños». Unha reclamación da nosa como lingua de encontro de todos os galegos e as galegas, vivan ou traballen dentro ou fóra do país, para a que Xela Arias reclamaba neste punto da historia, quizais como lle sucede a todas as linguas máis dunha vez «os folgos de toda a xente para tocar os pasos todos da vida cotiá, todos os ritmos».

Un pregón no que Xela Arias alertaba aos vigueses, «xente apaixonada» que sabe «desde a orixe de mesturas e combinacións» da súa responsabilidade para recompoñer «as desordes da historia [do galego] e facérmonos donos do seu uso!»: «Porque estamos en presente somos o futuro que aconteza» ao noso idioma. Apelación á corresponsabilidade cidadá que dúas décadas despois non perdeu actualidade e engarzou co nacemento da recuperación en Vigo tal día como o de hoxe [17 de maio] de 1863 da man de Rosalía de Castro «en dedicatoria a outra muller, tamén escritora, dun exemplar de “Cantares Gallegos”». Unha proeza que festexamos cada ano este día e que para Xela Arias debemos «aproveitar para recuperar e repasar tamén nós a nosa propia voz de cada día», un exercicio de respecto á lingua que nos é propia «para alongala, para dilatala, incluíndolle os propios desexos»: «porque precisamos aínda máis voces neste río que son os nosos días, porque reclamamos máis palabras que nos aseguren donos de nós…»; «porque nós facemos as palabras, ao nomealas sómonos, fannos independentes…»

Un discurso extraordinario de Xela Arias, unha peza de oratoria galeguista fermosa reclamando á cidadanía viguesa a participar no futuro do seu idioma como dereito e obriga «para inventarnos ao noso xeito». Unha intervención que expresa a coherencia de quen fixo do galego un fío condutor da súa vida, dende o berce familiar galegofalante de Ortoá e da Vilerma, pasando pola escolla do seu propio nome, que conseguiu modificar aos trinta e tres anos por auto xudicial, até toda a súa vida profesional como editora e tradutora, unha escolla que levou a todas as súas intervencións públicas e a toda a súa obra poética, a pesar de que era consciente de que utilizar unha lingua minoritaria lle pechaba portas e que facía, como recoñeceu na viguesa revista «Congostra» (1988), «porque estou aquí e, desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados». Unha elección que, como sinala Ana Iglesias, profesora da Universidade de Vigo, levou a Xela Arias como poeta a coidar e mimar a lingua «ao mesmo tempo que levala aos seus máximos límites» «para pervertela e enxalzala» procurando as súas arestas nun exercicio literario revolucionario propio dunha poeta cubista e transgresora.

Lingua que para Xela Arias formaba parte do pouso dos seus afectos, como lembrou en verso memorable «non hai idioma abondo para recoñecérmonos» («Boletín galego de literatura 11» 1994; «Festa da palabra silenciada 16» 2001), salientando así unha das vías principais para a recuperación idiomática galega. Máis alá do argumento de identidade recollido no verso inicial de “Apátridas”: «galicia e nós nó de verbos nos novelos dos nomes», utilizado na nadaliña de Xerais de 1985, Arias aposta nunha cidade inhóspita para o galego como Vigo, como escribiu no bando de 2001, en «preñar o idioma cos nosos berros ou agarimos en semente para os días dos nosos fillos e para que eles poidan ser donos deste verbo para inventarse novos outra vez…». Procurar máis espazos de visibilidade para o galego, «máis escaparates e bibliotecas con máis voces que deixan na escrita referente dos soños deste pobo, desa xente apaixonada que quere respectar o idioma das nais, e das nais das nais…». Sinala Manuel Rivas no manifesto «A verdade que desequilibra» («Luzes 91» 2021) que Xela Arias «deu a volta á intimidación histórica e presente, que sufre a lingua galega» e abofé que repasando a súa biografía viviu para «frear o proceso de seca e desertización do idioma galego», a súa causa primeira e principal. Con todos os abrazos, prezada Xela.


Xela Arias: Unha chiografía 1962-2003

Dende o primeiro de ano publico diariamente un chío arredor da figura e da obra de Xela Arias utilizando o cancelo #XelaArias2021. Reuno parte deste traballo nun documento que titulo Xela Arias. Unha chiografía 1962-2003, lembrando a aquela serie tan xeitosa de Fotobiografías que publicamos en Xerais dende 1989 para retratar visualmente á figura homenaxeada o Día das Letras Galegas. Cremos que esta recompilación de chíos de Twitter pode ter utilidade como recurso didáctico e informativo, ao tempo que contribúe a dinamizar a figura de Xela Arias na rede.

A chiografía de Xela Arias continuará actualizándose ao longo do ano, na medida que vaiamos contando con material de interese.

Pode baixarse en pdf a versión do día 9 de maio de 2021.

 

O Vigo de Xela Arias

Tamara Novoa, editora d’ A movida, axenda cultural de Vigo, convidoume a escribir no número de maio un texto breve sobre «O Vigo de Xela Arias»:

A palabra «Vigo» aparece só unha vez na obra poética de Xela Arias. No segundo verso do poema «Érgome» publicado no número 3 de Katarsis (1984):

Érgome
e Vigo vai aínda durmido
neboeira salgada
a electricidade electrizado paxariño…

Poema rotundo, abriu o universo de Xela Arias coa súa cidade amada, a cidade en arrabade que dende a súa chegada aos sete anos percorreu de forma incansable por elección autodeterminada.

No pregón que leu o 16 de maio de 2001, sendo alcalde Lois P. Castrillo, Arias lembrou que «os vigueses sabemos, desde a orixe, de mesturas e combinacións, somos xente apaixonada», salientando así o carácter cosmopolita e aberto dunha cidade portuaria que como a lingua galega posúe vontade de encontro.

Unha cidade que lle suxire dor, como lle confesou en 1989 á xornalista María Alonso de Atlántico, quizais  porque, como escribiría en Congostra (1988), «me interesa o tempo no que vivo, de Johanesburgo a Sarria pasando por un portal da miña rúa onde os adolescentes se reúnen nun mar de xiringas e lastros». Ese Vigo convulso, o volcán de dinamismos (Ferrín dixit) das folgas obreiras das decádas de 1970 e 1980, o Vigo da reconversión e da movida foi o que percorreu Xela Arias durante a súa infancia, adolescencia e mocidade, «paseo arriba», «praza abaixo» nun botarse a andar errático, como o deambular de Carlos Oroza, o poeta peripatético, o primeiro que recibiu a súa poesía en Faro de Vigo: «a fusión do aire no verso e o mar en catarse».

O Vigo da alumna aplicada e escritora precoz que cursou a EXB no Colexio de Moledo. O Vigo da estudante rebelde que fixo o BUP no Instituto mixto do Calvario. O Vigo da moza independizada aos vinte anos cando comezou a traballar como editora de Xerais. O Vigo da escritora artenauta que publicou os seus primeiros textos n’ A Nosa Terra e naquel memorable Faro de Vigo da páxina de «Mulleres» e do suplemento Pharo the Bego de Pilar Comesaña, mais tamén en revistas alternativas como Tintimán, Congostra, Katarsis ou Espiral, cando as noites moi alongadas de Vigo «convertidas en escadas de abrazos» eran un perigoso fervedoiro cultural.

A cartografía do itinerario urbano polo Vigo de Xela Arias está por deseñar. Un mapa no que non poden faltar os camiños dos Anxos e de Riobó. Nin os barrios do Calvario e de Travesas nin do Vigo vello e portuario, retratado en Denuncia do equilibrio (Xerais 1986). Nin puntos de encontro como o Café de catro a catro, o pub Alma de Poboadores, o Rosalinda do Barrio de Casablanca ou a sala Nashville de Carral, entre moitos outros.

Escultor Silvino Silva

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao escultor Silvino Silva Novás de quen se fan vinte anos do seu pasamento e a quen a profesora Mercedes Bangueses dedica unha monografía publicada polo Instituto de Estudios Vigueses:

Hai uns meses dedicabamos este espazo a lembrar a obra do escultor Camilo Nogueira e a súa continuidade na dos seus alumnos da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO). Entre eles citabamos a Silvino Silva Novás, alumno de «Talla en pedra» entre 1962 e 1965 e de «Modelado e vaciado» entre 1967 e 1968, que se convertería no escultor municipal do concello de Vigo, quizais un caso único no municipalismo. Unha referencia que hoxe pode ser moi ampliada grazas á investigación da profesora Mercedes Bangueses Vázquez, «Escultor Silvino Silva. Xamaruas dos arxinas» (2021), publicada polo Instituto de Estudios Vigueses con motivo do seu vixésimo cabodano. Un libro magnífico, traballadísimo e de gran de utilidade didácticá, que retrata con fidelidade ao escultor, canteiro, músico, poeta, pintor e activista cultural e deportivo de Moledo, ao tempo que cataloga e localiza a súa obra escultórica en pedra espallada ao longo dos parques, rúas, prazas, adros e centros educativos vigueses, ao mesmo tempo que nalgunhas coleccións privadas galegas e foráneas.

Unha publicación que, ademais, na súa primeira parte recupera o texto da autobiografía que Silva tiña a punto de rematar en 2000, ano antes da súa xubilación e pasamento, na que en palabras do inesquecible Lalo Vázquez Gil «conta as súas lembranzas, esperanzas e saberes que foi acadando ao longo da súa vida» e expresa a súa admiración polos arxinas, que falaban no verbo, aos que como pertencente a unha estirpe de canteiros e namorado do seu oficio consideraba «xamaruas», compañeiros. Nacido o 2 de marzo de 1936 no lugar de Chaián na parroquia de San Martiño de Laxe no concello de Moraña, Silvino quedará marcado artisticamente tanto pola profesión de mestre canteiro do seu avó materno, José Novas Ruibal, que aos doce anos o iniciou no traballo da pedra, como da de músico do seu pai, José Silva, alcumado «Carabuñas», director de pequenas orquestras, que durante os cincuenta o levará a formar parte como vocalista as Orquestras Ríos de Vigo e Termas de Cuntis.

Será dende a súa chegada a Vigo en 1951, onde o seu tío José Novas era contratista, e sobre todo dende que comezou a traballar no taller de Camilo Nogueira e a ser tutelado por el nos obradoiros da EMAO, polo que sentía gran admiración o respecto, o que decantará como escultor en pedra. A partir de 1967 entra a traballar no concello de Vigo como peón do servizo de obras, ocupándose no albeiro do Castro pola súa experiencia e coñecemento ao mantemento das esculturas públicas; e dende 1987 como «escultor municipal», responsabilidade que lle facilitou desenvolver unha amplísima obra escultórica de carácter etnográfico e costumista creada no seu taller de Moledo. Un catálogo escultórico dun artista polifacético formado por máis dun cento de cruceiros para espazos públicos e privados, ademais de numerosas fontes, bancos, bebedoiros, escudos e esculturas nos que amosaba un dominio á perfección da técnica dos canteiros.

O completísimo catálogo da profesora Bangueses permite crear un itinerario polos cruceiros vigueses de Silva, aos que a súa labra artesá sobre un material que consideraba eterno dotou dunhas particularidades de composición, harmonía e técnica que os distingue. Pezas mestras, hoxe iconas da cidade nosa, como o cruceiro da praza da Pedra, un dos máis logrados, que en principio fóra instalado no Campo de Granada, cuxa singularidade radica en ter tallado no relevo do fuste circular o Cristo da Vitoria e o escudo da cidade. Mais tamén son moi singulares os dous cruceiros da rúa Poboadores tanto o da imaxe da Piedade como o do relevo para as esmolas. Como merecen atención, entre outros moitos, os do Castro, a Guía, o do comezo da avenida Castelao na Praza de América, pertencente a tipoloxía de capeliña (1981), co que Silvino homenaxea ás cruces de pedra de Galicia e lembra ao mestre galeguista.

Ademais, Silvino Silva é autor dunha interesante obra escultórica urbana, na que destacan, entre outras, pezas como «O bico» (1967) do castelo do Castro, «A maternidade» do Conservatorio de Música, «O medrar do mundo» (1987) no Castro, «O amor e o agarimo» (1993) do Parque de Castrelos, o busto de Celso Emilio Ferreiro (1994), «Lazos» (1995) no parque de bicicletas do Castro ou magnífico coro de 14 nenos e nenas, pertencente á colección do señor Zulueta. Obras pétreas que a profesora Bangueses considera como «verdadeiras sinfonías en granito», composicións nas que utiliza a espiral, a esfera ou o cubo e lembran a linguaxe dos canteiros do barroco. Unha obra escultórica urbana, como a de Camilo Nogueira ou Camilo Fernández «O Roxo», que merece ser conservada, protexida e sinalizada nos espazos públicos vigueses por tratarse de pezas conformadoras de patrimonio, identidade e memoria.