FÚTBOL DE SALÓN
Balaídos é un dos estadios nos que gusta o fútbol de alta escola, valórase a beleza e esforzo do xogo combinativo, que non é outra cousa que unha das manifestacións das artes aplicadas ao deporte. Tras a década gloriosa do Celta europeo de Mostovoi, Karpín e compañía ese xogo da serpe quedou prendido na memoria colectiva da afección celeste cun nome: “fútbol de salón”. Un sintagma coreado pola bancada agradecendo ao seu equipo o esforzo por saír do xogo mediocre do cacheirón a seguir e a defensa meduliana propio dalgúns equipos de primeira división. Na noitiña do venres a bancada de Balaídos cantouno con moito entusiasmo en varias oportunidades, agradecida polo excelente xogo deste Celta de Paco Herrera, inequivocamente galego (o partido comezou con sete canteiráns), un equipo amante de agarimar o coiro e conducilo pola lameira sempre con intención e vontade de estilo.
Neste treito inicial da tempada, o xogo do Celta foi dunha calidade moi superior ao que refliten os seus resultados, apenas tres vitorias por catro derrotas pola mínima. O de Herrera é dos escasos equipos que sacan sempre o balón xogado ao pé, estratexia paciente iniciada decote polo propio porteiro, á que non se renuncia nin sequera cando os rivais apretan ofensivamente con maior insistencia. Así foi fronte a un Sevilla moi ben armado, que tapaba coma un ourizo todos os espazos de transición entre liñas. Mais o Celta soubo insistir. Un Sergio madurísimo iniciaba unha e outra vez a rolda de xogo sobre os seus defensas, mentres que un Oubiña formidable, colocado con liberdade diante deles catro, orientaba, corrixía e repartía o xogo nesa batalla indispensable para non perder o control do centro. Álex López, ao que lle está costando máis traballo do agardado adaptarse á intensidade da primeira, participaba con desigual desempeño nunha estratexia que procuraba atopar as superioridades que permitisen a Park ou a Aspas despregar os seus alustros eléctricos en espazos próximos á área andaluza. Un traballo que deu o seu primeiro froito, transcorrido o primeiro cuarto de hora, cando o de Moaña recibíu un excelente balón longo de Mallo, superou ao seu marcador e xutou moi cruzado para que Palop envíase fóra con moitas dificultades. Pouco despois, foi o coreano Park, máis desdebuxado que o día do seu debut fulgurante, o que desaproveitou un contragolpe tras outro dos agobios aos que o Sevilla someteu á área celeste durante unha primeira parte bastante igualada.
Tras a reanudación, a convicción combinatoria celeste non mudou. Porén, foi a entrada de Mario Bermejo, que substituíu a Park, a que facilitou a recuperación de balóns no medio campo sevillista e a maior participación no xogo da parella de interiores, Krohn Dehli e Augusto Fernández, para min as dúas mellores fichaxes da tempada. Coa participación decisiva de ambos os dous volveu a tecerse unha vitoria facilitada pola fortuna que supuxo para os nosos o penalti transformado con mestría por Iago no minuto 15 e polo paradón incrible e memorable co que Sergio respondeu a un cabezazo tremendo do internacional Negredo. A pesar de que pode parecer paradóxico foi nesa media hora final de partido, cando máis empurraba o Sevilla na procura do empate, o período no que máis lucíu o fútbol de salón celeste. Coa forza dun marteló pilón, o danés e o arxentino, dous xogadores diesel que traballan coa mesma disciplina en defensa que en ataque, adonáronse de cadansúa banda até desgonzar aos marcadores sevillanos. Cando faltaban apenas catro minutos, Augusto Fernández batallou na banda dereita co seu marcador un balón, deses que parecen intranscendentes, e conseguiu centrar de marabilla para que Quique de Lucas na área pequena peitease con elegancia sobre o fondo das redes. Un gol ben bonito que pechaba outro partido no que brillou o xogo celeste.
Este Celta moito ilusiona polo seu compromiso cun patrón de xogo combinativo e fútbol académico. Un vieiro arriscado para un equipo humilde coma o noso, que non posúe figuras reclutadas a golpe de talonario. Porén, a convicción pode mover montañas.