Desque hai corenta anos fun estudar bacharelato á universidade laboral considero A Coruña como a miña segunda patria, a cidade onde abrín os ollos a case todo, dende o galeguismo até os principios republicáns que impregnan o seu espírito liberal. Razón pola que dende comezos dos oitenta levei sempre moi mal ese enfrontamento pailán entre A Coruña e Vigo –protagonizado por tipos como Paco Vázquez, Lendoiro e “Leri”– dúas cidades portuarias atlánticas que comparten idéntico ADN e semellantes angueiras. Mágoa que unha rivalidade futbolística centenaria, anterior á fundación do Celta, protagonizada hoxe por unha rapazada pouco reflexiva e algunhas veces cunhas cervexas de máis, malogre a cooperación de dúas cidades que artellan as rexións urbanas da Galicia atlántica.
Ten razón o escritor coruñés Xurxo Souto, A Coruña e Vigo son a mesma cidade, dúas áreas metropolitanas unidas polo mesmo océano. O Berbés e o Muro son os dous portos pesqueiros de arribada e partida das embarcacións nosas que debuxan o ronsel da súa derrota no mar céltico. En ambas as dúas estacións marítimas producíronse os adeuses que abriron os camiños de alén mar da diáspora galega. As dúas cidades contan cun alma popular e obreira presente nos seus barrios. Que diferenzas substancias hai entre Coia e Navia con Elviña e o Barrio das flores? Entre a Casabranca viguesa e a Falperra coruñesa? Entre a Travesía de Vigo e Monte Alto? Entre Travesas e a Gaiteira? Entre o Calvario e os Mallos? Entre Bouzas e Labañou? Entre o Casco Vello olívico e a Cidade Vella cascarilleira? Entre Saiáns e o Portiño? Entre Matamá e Bens? En cada un destes barrios viven fillos e netos daqueles obreiros que chegaron das aldeas de Ourense ou de Lugo para darlles vida á industria e aos servizos de ambas as dúas cidades. En todos eles fálase unha lingua semellante (con cadanseu sotaque) e os problemas e as carencias non son moi distintos. Vigo e A Coruña posúen identidade de seu, aínda que son moitas máis as súas afinidades ca diferenzas.
A Coruña e Vigo eran a mesma cidade para o pintor Urbano Lugrís, que fixo de ambas as dúas a súa patria; naceu e viviu a maior parte da súa vida na primeira, para el “Percalinópolys”, e morreu un domingo de noiteboa de 1973 no hospital municipal da segunda, a que chamaba retranqueiramente “Xouba city”. O autor do cuarto do vello mariñeiro evidenciou nas súas cámaras e murais que vigueses e coruñeses respiramos idéntico arrecendo do pedramol mesturado coa maruxía da galerna. Esa atmosfera euforizante contaxiou nos anos oitenta a movida cultural viguesa e coruñesa, que mantiñan diálogo aberto en publicacións como “Tintimán” e “La naval”, entre os músicos de Siniestro Total e os de Radio Oceano, entre pintores como Antón Patiño e Cabanas, escritoras como Xela Arias e Luisa Villalta… Diálogo cultural continuado nos noventa, co movemento Bravú, musical e literario, de orixe inequivocamente cascarilleira, mais cuxo nome, segundo o xornalista vigués Antonio Ojea, puido nacer na ría de Vigo, xa que “bravú” é unha mestura da palabra “bravío” e aquel perfume Tabú, o que preferían a maioría das traballadoras da conserva da factoría Massó de Cangas.
Vigo e A Coruña son a mesma cidade como aparece no videoclip gravado para o celebrar o regreso dos Diplomáticos de Monte Alto, o poema de Celso Emilio Ferreiro “Deitado fronte ao mar”. Unha cidade onde se fusionan o balcón do paseo do Orzán co do paseo de Afonso, desde os que se enxerga idéntico horizonte; unha cidade onde a porta do Sol e a rúa do Príncipe continúa nos Cantóns. A mesma cidade popular, entusiasta, inconformista, alegre e orgullosa de formar parte do proxecto de Galicia.
Vigo e A Coruña, viradas de costas dende o inicio do período autonómico, merecen reatoparse no marco dun novo proxecto territorial de Galicia para o século XXI. Ambos os dous concellos deben cooperar no desenvolvemento das áreas metropolitanas e do novo mapa urbano do país, exixindo que isto constitúa unha prioridade na axenda autonómica. Como ambos os dous deben manter a firmeza institucional necesaria para que a prioridade principal da actuación do Ministerio de Fomento en Galicia sexa a finalización do eixo atlántico ferroviario que unirá as dúas cidades de forma permanente en pouco máis dunha hora, o que constituirá un feito case revolucionario para o recoñecemento mutuo de ambas as dúas veciñanzas.
O ascenso do Deportivo, outra proeza do mestre Fernando Vázquez, permitirá que a vindeira tempada gocemos de dous derbis, datas que deberían ser sinaladas nos calendarios como de irmanamento de ambas as dúas cidades e cidadanías, como de encontro eficaz entre as súas corporacións, deixando a rivalidade deportiva estritamente dentro dos estadios, onde eu agardo que o Celta continúe liderando o fútbol galego.