Onte 495: Gonzalo Canedo

Noticia moi triste foi a do falecemento do editor galego Gonzalo Canedo. Coñecino no Liber de 2009, moi pouco antes de que aparecesen os primeiros títulos de Libros del Silencio, a editorial que agarimou dende entón. Contoume entusiasmado que despois dunha longa vida profesional como comercial dalgunhas das máis grandes editoras radicadas en Barcelona –traballou en Círculo de Lectores e como director comercial doutras editoras do grupo Berstelman– decidira arriscar creando unha editora independente onde publicar textos de calidade. Nacido en Cerceda en 1955, pretendía que no seu proxecto editorial tivese presenza destacada a tradución ao castelán da mellor literatura galega contemporánea. Interesáballe publicar a poesía de Ferrín, a narrativa de Casares e doutros narradores galegos novos. Pretendía incluílos nun catálogo literario selecto (faloume de quince títulos por ano) no que se mesturasen con novos talentos e coa recuperacións de autores internacionais inéditos en castelán.

Canedo conseguiu materializar o seu soño en apenas tres anos nos que publicou medio centenar de títulos convertindo a Libros del Silencio nunha das editoras independentes mellor valoradas e visibles, tanto polo interese do seu catálogo como pola súa moi coidada edición, tanto no tratamento dos interiores como dunhas cubertas soberbias. No que atinxe a literatura galega publicou a edición bilingüe (galega e castelá) da obra completa de Lois Pereiro en coidada edición de Daniel Salgado, así como A poesía última de amor e enfermidade do poeta monfortino; o magnífico Elisa e Marcela de Narciso de Gabriel, prologado por Manuel Rivas; e, hai apenas uns meses, a Narrativa breve completa de Carlos Casares, con prologo de Juan Cruz. Magnífico catálogo!

Canedo foi un editor comprometido cos seus libros. Consideraba que «a edición tiña algo de deporte extremo» e advertía que aqueles editores que esquecesen ese principio «corrían o risco de se converter en tristes burócratas». Sempre me impactou o lema que acuñou para a súa editorial, unha frase de Pascal Quignard: «Un libro é un fragmento de silencio en mans do lector. Aquel que escribe cala. Aquel que le non rompe o silencio». O editor Gonzalo Canedo déixanos un silencio fecundo no seu coidado catálogo de lecturas. A nosa gratitude pola súa amizade e a nosa saudade tras o seu pasamento.

Onte 494: O home novo

Acompañei a Xesús Alonso Montero na presentación do seu libro máis recente no Liceo de Ourense. Diante dun centenar de persoas, o que foi definido polo doutor Manuel Peña Rei como “o mellor orador contemporáneo de Galicia, sucesor de Ramón Otero Pedrayo” debullou durante hora e cuarto as teses principais do seu ensaio sobre o Castelao filocomunista que viaxou a Unión Soviética de Stalin en 1938. O profesor relatou a súa viaxe á Unión Soviética hai cincuenta anos, cando participou no Congreso Mundial da Paz formando parte dunha delegación do PCE, xunto a outros intelectuais como José Agustín Goytisolo. Don Xesús confesou que regresara de Moscú pouco entusiasmado, mais convencido de que no capitalismo non se podería construír “o home novo” que procuraba o humanismo marxista. Moito máis decpecionante foi a súa viaxe a usia en 2005, cando foi convidado a ditar unhas conferencias polo Instituto Cervantes, na que aproveitou a preparar algúns materiais deste libro sobre Castelao. “Encontreime coa realidade das mafías, dos ricos e cunhas desigualdades que non se ven en ningún outro país. Ese é o peor rostro do capitalismo”. Rematou Alonso Montero reafirmando o seu compromiso co “home novo”, coma fixera hai cincuenta anos cando ingresou no Partido Comunista, e chamando a participar nos actos do centenario do nacemento de Santiago Álvarez que se celebrarán en San Miguel de Outeiro no vindeiro mes de febreiro.

Onte 493: Don Paco editor

Traballando no artigo sobre a primeira etapa viguesa de don Paco del Riego, cuestións de espazo obrigáronme a deixar fóra as referencias ao seu traballo en Galaxia. Deixaba fóra así a glosa de don Paco editor, un traballador nato, anónimo, constante, imprescindible nun proxecto no que participaban tamén Ramón Piñeiro, Xohán Ledo ou Xaime Isla Couto, entre outros promotores. No parágrafo, recollo boa parte da información e valoracións dun texto moi clarificador de Méndez Ferrín, «O Del Riego dos anos 50», publicado no libro de homenaxe a Francisco Fernández del Riego, editado en 2002 pola Fundación Premios da Crítica Galicia.

Durante a súa segunda década viguesa Del Riego desenvolveu un labor monumental como editor, propio do que Ferrín definíu como “obreiro stakhanovista que labouraba arreo nas sombras e movidos polos principios”. Don Paco foi a alma de aceiro daquela primeira etapa de Galaxia, onde pulaba de Cunqueiro para que volvese publicar, onde pasaba os orixinais a máquina (como faría con “Merlín e familia”), onde corrixía probas e textos, onde argallaba unha ortografía galega funcional (seguindo as Normas do Seminario de Estudos Galegos), onde traballaba con Xohán Ledo nas primeiras portadas, onde dirixía a fabricación dos libros, onde coordinaba as obras colectivas, como as das homenaxes a Otero e Cuevillas, ou aqueles catro tomos da primeira colección Grial, onde mesmo facía os paquetes dos libros ou o reparto de exemplares polas librarías viguesas de confianza. Don Paco funcionaba como xerente, probablemente sen recibir ese nome, alma e motor dunha empresa que ía fixando o proceso de recuperación da edición galega contemporánea. Traballo en Galaxia que Del Riego simultaneaba co da edición das revistas «Industrias Pesqueras» e «Industrias Conserveras» de Valentín Paz Andrade.

Onte 492: Aspas ao Reading?

Moito máis relevante ca outra rotineira derrota celeste lonxe de Balaídos, foi onte o ruxerruxe da marcha de Aspas á Premiere league. Segundo o Sunday Times sería o Reading o clube (hoxe na cola da clasificación) que poñería sobre a mesa os dez millóns de euros da cláusula de rescisión. Se así fose, Mouriño empetaría moitos máis cartiños ca os previstos no plan de viabilidade, porén quedarían arruinadas moitas das posibilidades de permanencia xa que o Celta esta tempada padece aspasdependencia. Temo que os cantos de serea do regreso de Fabián Orellana sexas apenas o anzol que a directiva ofreza a unha afección cada vez máis desorientada. A pesar de que creo que esta operación en período invernal pode quedar en auga de castañas, é unha mágoa que non poidamos conservar máis tempo o noso Messi de Moaña. Fútbol é fútbol.

Onte 491: A lingua devala nos orzamentos

O informe elaborado pola CTNL amosa que o goberno de Feijoo ten previsto dedicar á lingua galega en 2013 só un terzo do que hai vinte anos dedicaba o goberno de Fraga. Un retroceso orzamentario brutal que supón pasar daqueles 17 millóns de euros de 1993 (o 0,43 % dun orzamento total da Xunta que daquela acadaba os catro mil millóns de euros) aos apenas 5,7 millóns de 2013 (o 0,06 dun orzamento actual, a pesar dos recortes, de máis de nove mil millóns). Noutras palabras, a pesar de que nestas dúas décadas a Xunta duplicou o seu orzamento, reducíu as partidas para a lingua galega nun 66,82 %. Un retroceso moi significativo, unha perda de peso político da lingua galega que, como demostra o completísimo cadro resumo elaborado pola CTNL, prodúcese, sen excepción, en todas as partidas cos que conta a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Así, por poñer algúns exemplos do que máis directamente coñezo, as subvencións a empresas editoriais para a edición de materiais didácticos diminúen un 79,2 % con respecto á convocatoria do derradeiro goberno Fraga en 2005, xusto tras a aprobación do PXNLG, até os 250.000 euros de 2013 (unha cantidade que supón unha diminución do 16,7 % sobre o pasado ano). Outrosí sucede coa partida para proxectos de fomento da lingua galega nos centros educativos non universitarios, que diminúe un 25 % con respecto a 2012 ou as campañas de normalización que contarán en 2013 co 48,5 % menos ca no ano anterior. Máis alá de declaracións retóricas ou de xestos de mercadotecnia política, os orzamentos son o documento esencial para valorar as políticas gobernamentais, xa que é onde se fixan obxectivos e prioridades, ao tempo que se asumen compromisos. Polo que amosan estes orzamentos, xa no trámite de debate parlamentario, as políticas de Feijoo sobre a lingua galega seguirán en 2013 o seu devalo até os territorios da insignificancia. Mesmo sendo moi xenerosos, non enxergamos por ningures motivos para identificar unha posibilidade de mudanza da tendencia. Así continúan as cousas.

Expreso gratitude e recoñecmento a CTNL polo seu magnífico e rigoroso informe.

Onte 490: Iogures

Escoitei unhas declaracións do ministro Arias Cañete en Radio Nacional nas que confesa que toma todos os iogures caducados da súa neveira. Quedei abraiado. Coma fixera Fraga bañándose en Palomares, o ministro de Agricultura e Medio Ambiente avala co seu comportamento a medida de alongar a data de caducidade dos iogures unha semana, outra desas reformas liberalizadoras coas que o goberno de Raxoi combate a crise de confianza. O simpático Cañete establece unha conexión insólita entre os efectos sobre a flora intestinal dos lácteos e a evolución da prima de risco, que onte volveu baixar, non sabemos se xa polo efecto de semellante medida. Quen aínda teña dúbidas sobre a eficacia das medidas anticrise do goberno do prudente Mariano non ten máis que dar aos seus fillos un par de iogures dos que antes estaban caducados. Quedo parvo.

Ote 489: Renuncia celeste

Ao inicio da primeira parte do partido no Bernabeu sentín vergonza diante da incomprensible renuncia celeste. Mentres que os de Mourinho saíron co seu equipo de gala, os do noso Herrera deixaron a Aspas e Oubiña, os seus dous xogadores imprescindibles, no banco, un xeito moito máis que simbólico de renunciar a desputar a eliminatoria. Xusto o comportamento conformista e inocente que se agarda dun equipo de provincias cando visita o santuario madridista. Algo inimaxinable nos tempos do Celta de Fernando Vázquez que gañou no novo Chamartín até en dúas tempadas consecutivas. Se a esta decepción non abondase, as lesións (probablemente graves) de Mallo e Túñez deixaron ao Celta eivado a mercede de Cristiano Ronaldo. Un castigo moi duro. Non chegou que tras a reanudación, coa entrada do noso Messi de Moaña, que en pouco tempo fixo traballar arreo a Casillas, volvésemos a enxergar a esperanza de nivelar a eliminatoria. Unha mágoa que o Celta non soubese aproveitar unha boa oportunidade diante dun Madrid en crise. Desta volta, Herrera demostrou que non creu nas posibilidades do seu cadro e renunciou á eliminatoria. Agardemos que esta decepción, polo menos, axude a salvar a liga.

Onte 488: @AcademiaGalega

Excelente noticia foi a incorporación dende onte da Academia Galega a twitter (@AcademiaGalega). Coa súa presenza nesta rede informativa, a nosa Academia profundiza e mellora a súa comunicación dixital e o seu servizo público, un proceso que iniciara hai dous anos coa renovación do seu agora modélico espazo web e a apertura do seu utilísimo dicionario en liña. A conformación da identidade dixital da Academia Galega únese a outros moitos e importantes proxectos de modernización e presenza social da institución centenaria impulsados pola actual presidencia de Xosé Luís Méndez Ferrín, que neste 2013, entre outras iniciativas, homenaxeará a Roberto Vidal Bolaño e conmemorará o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. Para desenvolver esta decisiva e enorme tarefa de dinamización cultural por todo o país, como a súa responsabilidade no eido da investigación lexicográfica, literaria e histórica, a Academia precisa contar con recursos suficientes. Razón pola que o financiamento da nosa primeira institución cultural constitúe unha das responsabilidades principais das políticas culturais de todos os poderes públicos en Galicia, dende o Goberno de España, a Xunta de Galicia até as administracións locais. Neste contexto, non hai argumentos que xustifiquen os recortes brutais das achegas públicas previstas para este 2013 que poñen en perigo o funcionamento da institución e, ao tempo, amosan unha desconsideración para a nosa lingua e para a nosa cultura. A pesar das presións desesperadas dos sectores galegofóbicos, é perfectamente posible para o Goberno Galego reconducir a situación e asegurar un financiamento digno para a entidade. O futuro da Academia Galega, un patrimonio da nación, será tamén o futuro de Galicia.

Onte 487: Don Paco

Conmemoramos onte o centenario do nacemento de don Paco, o home luz da cultura galega do século XX. Lembramos a Del Riego, o home ponte, o patriota que mantivo o fío coa Xeración Nós, asegurando así a continuidade do relato da nación nacido con Faraldo, Anón, Murguía e Rosalía. Homenaxeamos a Francisco Fernández del Riego, o home lente, o Salvador de Lorenzana que como editor disciplinado, escritor e lector compulsivo sostivo o proxecto da editorial Galaxia, da revista Grial e da Biblioteca Penzol durante décadas, alicerzando un sistema cultural galego que permitise desvelar a literatura galega e desenvolver unha industria editorial na nosa lingua. Gabamos ao home rede, que soubo tecer acordos, aglutinar vontades, contaxiar alento para acometer tarefas colectivas. Como abeizoamos ao home de aceiro que deu a súa vida toda por unha única causa “a de que os galegos falasen a fala que rezumaba da súa terra”. Ao longo deste ano do seu centenario, tempo haberá de volver sobre o inmenso legado de don Paco, creador de institucións culturais coma o 17 de maio, rosaliano de corazón e cidadán galego sempre crítico e inconformista.

Onte 486: Isaac

É inevitable asociar a ledicia e ilusión infantil do día de reis con Isaac Díaz Pardo xa que hai un ano que o acompañamos na súa derradeira viaxe. Pareceume unha excelente idea que no acto do seu cabodano se utilizase para lembralo un verso do seu amigo Lorenzo Varela «Unha cesta de pombas e mazás». Isaac foi o noso Leonardo do século XX, o forxador da Galicia moderna, o soño de varias xeracións de galeguistas. Isaac foi editor afouto e xeneroso, comprometido coma ningún outro na recuperación da memoria republicana de Galicia. Precisamos da vixencia de modelos de dignidade moral e de resistencia cívica como o acuñado por Isaac ao longo da súa vida. Isaac inesquecible, imprescindible. Con todos os abrazos.