Os valores de Agustín

Hoxe hai sete anos do pasamento de Agustín Fernández Paz, cabodano que coincide co peche da admisión de orixinais do premio de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade que leva o seu nome. Unha exitosa convocatoria literaria anual do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e o concello de Vilalba que, ademais de recoñecer a excelencia dun novo texto, contribúe a non esquecer o rastro de valores deixados polo mestre e escritor e as súas fondas conviccións na forza das palabras para mudar o mundo e para facelo coas propias vidas. Foi a do chairego unha voz literaria lúcida, que sempre contou co apoio da forza dos públicos lectores galegos, fose o das crianzas ou o das persoas adultas, capaz ademais de contaxiar o optimismo e a esperanza na construción dun futuro mellor. Unha confianza activista que Fernández Paz mantivo, mesmo nas condicións máis adversas, como a dos anos de enfermidade, tamén os da imposición do Decreto de Plurilingüismo (2009), contra o que se mobilizou participando na plataforma Prolingua, da que foi promotor e incansable redactor de posicións. Compromiso que o levou a renunciar en 2010 ao Premio da Cultura Galega no apartado de Letras outorgado pola Consellaría de Cultura e Turismo. Unha decisión valente, coherente coas posicións defendidas por Prolingua sobre o carácter deses premios, que nunca se repetiría, a pesar de que o modelo de educación plurilingüe dos gobernos de Feijoo nunca fora modificado nin sequera avaliado, como prevía a disposición adicional do propio decreto. Lembrar hoxe a firmeza daquela resistencia pacífica e teimosa adoptada polo mestre Agustín, semellante a mantida pola activista Rosa Parks, á que homenaxeou na novela Non hai noite tan longa (Xerais 2011), supón identificar o rastro da dignidade, da coherencia e lucidez que deixou na súa traxectoria pública. Un rastro de valores que convén seguir en tempos nos que se repiten as ameazas sobre a lingua galega, as liberdades e os dereitos conquistados. Sempre Agustín!

Publicado en Nós diario: 12/07/2023

Educación Pública

Nova Escola Galega (NEG) celebrou o seu corenta aniversario actualizando o modelo de Educación Pública (EP) que de forma pioneira acuñara en 1989. No marco da consideración da educación como un grande proxecto político e un servizo público fundamental, como da complexidade dos retos que na actualidade provoca a súa mercantilización, a hibridación dos ecosistemas de información e coñecemento e da acelerada crise na cultura e lingua galega, os membros de NEG apostan por unha educación conectada coa vida, cos problemas da contorna e co seu pluralismo de manifestacións, organizando os ensinos desde un enfoque de educación permanente, inclusiva, crítica, intercultural, coeducativa e laica. NEG aposta pola redución do programa de concertos cos centros privados, a xestión pública directa dos servizos de transporte, comedores e coidados, reclamando a concreción galega da política educativa desenvolvendo todas as competencias das que arestora dispón Galicia, como tamén avances progresivos  e efectivos da normalización lingüística, única garantía para unha adecuada estratexia plurilingüe. NEG non esquece que a EP debe continuar sendo a mellor garantía de igualdade de oportunidades e de equidade social, promotora da cohesión social, reclamando atención singular a escolarización no ámbito rural como garantía dun equilibrio territorial e demográfico así como unha esixente xestión democrática dos centros escolares, tamén como unidades de elaboración e axuste curricular. Remata NEG o seu modelo de EP reclamando un novo Estatuto Docente e a incorporación ao sistema educativo de novos perfís profesionais como a das educadoras sociais. E coma fixera en 1989, NEG continúa apelando a contribución decisiva da EP á vertebración democrática dunha sociedade máis xusta e ao logro de mellor Humanidade, contribuíndo a eliminación das guerras, do ecocidio e da discriminación entre os pobos e os seres humanos. A EP como fábrica de luz e produtora de depósitos de esperanza. Non é pouca cousa.

Publicado en Nós diario: 05/07/2023

Onte 2152: Miguel Vázquez Freire socio de honra de Galix

Onte chufei ao meu amigo Miguel Vázquez con motivo do seu nomeamento como socio de honra de Galix. Un serán emocionante no que fixemos memoria e homenaxeamos a un dos fundadores e piares da literatura infantil e xuvenil galega. Parabéns, Miguel!

O texto da gabanza pode baixarse aquí.

 

Mestra Antía Cal

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao pasamento de Antía Cal:

Ao comezo das súas memorias, Este camiño que fixemos xuntos (Galaxia 2006), Antía Cal relata o seu encontro, en 1936, co lingüista Aníbal Otero que percorría os camiños do país apañando palabras e nomes de lugares para o Atlas lingüístico da península ibérica. Bautizada moi nova polo seu irmán Armando como «Tita», a futura mestra e viguesa distinguida conta con retranca un episodio que tendo apenas trece anos resultou marcante para ela: a conversa que mantivo cando guiou polos vieiros de Muras a aquel mociño acabado de saír da Facultade que paraba durante uns días no Mesón da súa avoa. Memoriosa e con espírito didáctico natural, lembra que Aníbal preguntou que como tendo un nome tan xeitoso e antigo como Antía deixaba que a chamasen por outro que nada dicía, para explicarlle a seguir que Antía era un nome grego, que significa «flor montesía», chegado despois a Roma como nome de escravas orientais e máis tarde de libertas e mulleres libres. E abofé que aquel episodio onomástico, que confesa a amigou por vez primeira co seu nome, posto de forma fortuíta por nacer un 18 de abril, día da invocación da mártir siciliana Santa Antía, amosa o seu espírito de muller libre e teimosa que ao longo de noventa e oito anos procurou compartir as angueiras dos días felices.

Antía Cal Vázquez estudou as súas primeiras letras no Plantel Concepción Arenal, o Colexio do Centro Galego da Habana, cidade onde naceu e emigraran os seus pais, dende unha aldea do concello lucense de Muras. Tras o regreso a Galicia, a guerra colleuna estudando o bacharelato na Coruña, no Colexio Dequidt, un centro aberto e liberal, instalado daquela no edificio da Terraza. Despois de facer Maxisterio e estudos de Comercio, ingresará na Universidade de Santiago onde se licenciará en Filosofía e Letras (1945), especializándose en Xeografía. En 1955 viaxa a Xenebra e visita o Museo da Educación, onde coñece aos estudosos do legado Pestalozzi, o pedagogo que acuñou no século XIX as primeiras ideas coeducadoras. Aquela viaxe transforma a súa ollada sobre os temas educativos e muda a orientación da súa vida. De novo en Vigo, traballa na preparación d’ O libro dos nenos. Enciclopedia pro neno galego, voluminosa obra de 522 páxinas premiada en 1958 polo Lar Gallego de Caracas e publicada sesenta anos despois de ser conservada nunha caixa de zapatos.

Instalada xa en Vigo, Antía Cal, coincidindo coa nenez dos seus catro fillos, aos que na casa educou en galego, un feito inédito entón, madurou a posibilidade de aplicar na práctica aquelas novas ideas educativas europeas, recollidas pola UNESCO, que foi asumindo como propias: facer unha escola dinámica, aberta, plural e acolledora. Un modelo educativo alentado polo espírito galeguista e progresista do seu home, o oftalmólogo Antón Beiras, autor do primeiro traballo de tema médico que se publicou en galego e inventor do Vigoscopio, un sinoptóforo de televisión co que culminou a súa investigación sobre o estrabismo. Un proxecto de centro escolar privado laico e plurilingüe, no que se introducía de forma pioneira o ensino do inglés e estaba presente o galego, tinguido de cariño e afecto, que callou na realidade do Colexio Rosalía de Castro, instalado primeiro (1961) como unha escoliña familiar nun baixo da rúa Pizarro e ao curso seguinte como unha escola para crianzas de tres a nove anos nun edificio de tres andares ao pé da praza de España.

Dende o inicio o Rosalía contou coa colaboración de membros do British Council, como mister Mann e miss Dorothy Coombe, que idearon unha metodoloxía de ensinanza do inglés dende idade temperá, nun centro que educaba conxuntamente a nenos e nenas. Un colexio que Antía concibía como unha fábrica de pensamentos, de vías de razoamento, de creación e de tolerancia. Unha escola que funcionaba como unha comunidade, onde profesorado, familias e alumnado participaban e onde os éxitos e os fracasos eran responsabilidade compartida. Unha illa de liberdade na que se ensaiaron experiencias alborais de galeguización: impartíanse clases de galego os venres pola tarde, as aulas chamábanse polos nomes de personalidades como Bóveda e Castelao, sen esquecer a Concepción Arenal, figura tan admirada pola fundadora; celebrábase o Día das Letras Galegas e publicábase un xornal escolar; realizábanse saídas escolares e utilizábanse o cine, a música ou os contos dentro da aula… Sen esquecer que o Rosalía de Tita enlazou (xa en 1969) coa renovación pedagóxica catalá das Escolas de Estiu, organizadas polo movemento de mestres Rosa Sensat e emuladas despois nas primeiras Escolas de Verán organizadas en Vigo, referenciais para o desenvolvemento dos movementos de renovación pedagóxica, como Nova Escola Galega do que a mestra Antía Cal foi socia de honra. Lembrámola con recoñecemento e profunda admiración.

Xela Arias docente

Na Revista Galega de Educación nº 80 publico unha breve semblanza da Xela Arias docente:

Na primeira entrevista que fixo Xela Arias en Faro de Vigo, cando sendo alumna de 5º de EXB acababa de gañar o VIº premio do concurso de contos infantís O Facho, confesoulle á xornalista Julia Hortigüela que ademais de escribir contos en galego dende moi cativa «sempre [tivera] a ilusión de ser mestra de párvulos», engadindo a seguinte aclaración: «gústanme moito os nenos pequenos, ensinarlles a xogar e esas cousas; non letras nin números, que iso xa o aprenderán cando pasen a primeiro». Unha atinada reflexión pedagóxica, sorprendente para unha rapaza de once anos, á que non debeu ser allea que nacese na casa escola da Granxa Barreiros de Ortoá, onde seu pai fora alumno e despois mestre, nin que comezase a súa escolarización no Colexio Fingoi de Lugo, onde fixo dous cursos de Parvulario (1966-1968) e o primeiro da antiga Primaria (1968-69).

Foron a Escola Agrícola da Granxa Barreiros de Sarria  (1948) e o Colexio Fingoi de Lugo (1950) dúas institucións educativas privadas adiantadas ao seu tempo promovidas polo empresario Antonio Fernández López que puxo en mans de profesores comprometidos coa causa galeguista e republicana, a primeira nas de Avelino Pousa Antelo e a segunda de Ricardo Carvalho Calero. A granxa-escola de Barreiros, deseñada polo arquitecto Manuel Gómez Román e concibida metodoloxicamente por don Avelino coa intención de formar mestres de orientación agraria e acuñar un novo modelo de escola rural galega, sería unha das poucas experiencias pedagóxicas singulares acontecidas en Galicia durante o franquismo. O Colexio Fingoi como un centro reformista que ao fío da escasa marxe da Lei de Ensinanza Primaria de 1945 pretendía poñer en marcha un ensino globalizado, experimental e experiencial.

Nesa estimulante atmosfera educativa lucense desenvolvéronse os primeiros cursos escolares de Xela Arias, período no que sabemos (cóntao seu pai Valentín no texto «Xeliña fala galego», publicado no libro das festas do San Xoán de Sarria de 1968) aprendeu precozmente a ler, aos catro anos, e a escribir textos en castelán e galego aos seis. Escolarización que continuou en Vigo na Escola Graduada de Moledo, onde fora destinado o seu pai, centro no que cursaría até o 8º na segunda das xeracións da EXB, período no que se incorporarán ás aulas algunhas ideas de innovación representadas por novos materiais didácticos, como aqueles famosos consultores e as súas correspondentes fichas de aprendizaxe individualizada.

Xela Arias quixo cursar o novo bacharelato no Instituto Mixto do Calvario (hoxe IES Castelao de Vigo), onde fixo os tres cursos de BUP (1976-1979) e renunciou a examinarse de COU (1979-80). Sistema educativo que abandonou durante unha década, período no que traballou como editora en Edicións Xerais de Galicia. En 1990-1991 matriculouse en COU a distancia no INGABAD, o que lle permitiría en setembro de 1991, cando tiña case 30 anos, iniciar os estudos de Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo, onde se licenciaría en 1996. Unha formación universitaria que completaría en marzo de 1997 cando obtén o Certificado de Aptitude Pedagóxica (CAP) que a habilita para dar clases de ensino secundario e en xuño do mesmo ano o de Aptitude no Ciclo Superior de Idioma Galego na EOI de Vigo, todo un paradoxo para quen de forma autodidacta como tradutora, editora de mesa, preparadora de estilo e correctora ortotipográfica adquirira un coñecemento moi especializado da lingua galega.   Sabemos que se matriculou en Galego-portugués na USC, estudos que non completaría. Como coñecemos pola súa compañeira de facultade Ana Iglesias que tampouco quixo presentarse as oposicións de Lingua e literatura galegas, quizais por que sabía que a súa obra figuraba no propio temario.

O desexo da rapaza que quería ser mestra de párvulos concretouse como docente a comezos do curso 1999-2000 cando foi chamada a incorporarse como profesora substituta de Lingua e literatura castelá no IES Terra de Xallas de Santa Comba. Iniciaba así Xela Arias un periplo que completaría ese curso no IES A Paralaia de Moaña, no IES Valle Inclán de Pontevedra, no IES Xelmírez II de Santiago e no IES Valadares de Vigo. Desempeño que no curso seguinte, 2000-2001, realizaría como profesora interina no IES de Chapela, no 2001-2002 no IES A Sangriña da Guarda, no 2002-2003 no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo e comezando o 2003-2004 no IES Montecarrasco de Cangas até que faleceu o 1 de novembro.

Sabemos da súa implicación e rigor no traballo docente en todos estes centros, nun período vital que non foi doado para ela, xa que recibía un duro tratamento como portadora do virus da hepatite C. Como coñecemos a súa implicación como activista nas mobilizacións educativas contra a marea negra do Prestige, como testemuñan os poemas «Never more» (2003) e «Cadáver de Man» (2004) publicados na revista escolar O trasno do IES Álvaro Cunqueiro.

Onte 2115: Entrevista a Tita Fernández Paz


Xulio Villarino, sobriño de Agustín Fernández Paz, fíxome chegar este documento de grande interese literario, a conversa (doce minutos) entre Tita Fernández Paz e a súa neta Aldara sobre a orixe da pulsión literaria do mestre Agustín.

Tita explica o interese literario de Agustín por nacer nunha familia moi lectora, de carpinteiros e músicos, que contaba con tres estantes de libros mercados polo pai. Desvela que os tres irmáns, tanto a ela como a Agustín e a Luis, o que morreria no seminario, gustáballes ler na cama nos cuartos da bufarda da casa, atapando as rendixas para ppoder ler até as dúas da mañá.

Como confesa Tita que na súa casa se contaban aínda moitos contos arredor da lareira, como era o caso da Capadora, unha muller maior que ía polas casas e contaba historias de medo. Tita atribúe ao mestre don Félix das escolas públicas a insistencia a Agustín para que escribira e lera.

Con respecto ao período de formación de Agustín, Tita recoñece que ao seu irmán non lle gustaba a Peritaxe que cursara na Universidade Laboral de Xixón e que despois de rematala díxolle ao pai que quería facerse mestre.

Un documento interesante para o arquivo sobre a figura humana e literaria de Agustín. Grazas a Tita e a Aldara.

Do hectógrafo ao encerado dixital

Na RGE 75 de Nova Escola Galega (moitos parabéns por estas tres décadas longas da publicación educativa máis veterana en lingua galega) publico un artigo sobre a mudanza dos materiais escolares utilizados nas últimas catro décadas. Un exercicio de memoria da renovación pedagógica en Galicia e tamén unha reflexión prospectiva que agardo contribúa a un debate que vaia máis alá do eido da innovación didáctica hoxe en voga.

Os mestres e mestras activistas da renovación pedagóxica da miña xeración identificabámonos polo emprego do hectógrafo, a imprenta dixital de xelatina[1], un recurso que utilizabamos para editar os materiais didácticos que preparabamos para as nosas aulas. Unha práctica laboriosa, tirada das técnicas Freinet da Escola Moderna, que nas escolas unitarias era aínda máis frecuente ca nos grupos escolares, xa que alí contaban co adianto que supoñían aquelas multicopistas, as famosas «Gestenert», capaces de imprimir centos de copias a partir dun clixé mecanografado ou picado cun punzón. Anos despois chegaron aos centros de EXB as primeiras fotocopiadoras, o que supuxo outra revolución na confección de soportes didácticos, e xa ao inicio da década dos noventa as primeiras computadoras e a posibilidade que algún profesorado pioneiro ensaiou de conectarse á primeira internet (1996).

A utilización do hectógrafo, asociada decote a outras técnicas do ensino cooperativo (texto libre, imprenta escolar de tipos móbiles…), supoñía un modelo didáctico no que se substituía o libro de texto como material escolar único (ou principal) polas actividades, boa parte delas de carácter cooperativo, que a mestra preparaba para o seu alumnado, o que por si mesmo supoñía un esforzo de achegamento das aprendizaxes ás súas necesidades e intereses. Un modelo «heroico» de elaboración de materiais propios que caracterizou o traballo dos mestres e mestras que a comezos da década de 1980 formaban parte do Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega (MCEPG) ou do colectivo Avantar de Ferrolterra, fundadores con outros colectivos pedagóxicos de Nova Escola Galega (1983), que comezaron tamén a participar na elaboración dos primeiros libros de texto en galego, cun enfoque alternativo aos ofrecidos até entón, coa intención de contribuír a unha mudanza metodolóxica e a unha efectiva galeguización educativa.

Así naceron as primeiras coleccións de libros de texto de lingua e literatura galega para EXB de Xerais, «O Noso Galego» (1981-1984) e «Canles» (1986-1988) da autoría dos membros do Grupo Avantar de Nova Escola Galega, o método globalizado «Nobelos de Papel» (1986) para 1º e 2º de EXB ou a serie «Ámote Mundo» (1985-1987) de 3º a 5º de EXB, a primeira en galego para a área de Coñecemento do Medio. Outro tanto sucedeu con algúns títulos publicados no mesmo período por Vía Láctea edicións, en colaboración tamén con Nova Escola Galega, concibidos para ser utilizadas como lecturas escolares en galego: O misterio das badaladas (1986) de Xabier DoCampo ou Proxecto pomba dourada (1988) de Miguel Vázquez Freire, por citar dous casos. Series e títulos concibidos dende modelos didácticos novidosos, como o enfoque comunicativo no ensino da lingua ou a globalización nas aprendizaxes primeiras baseadas na experiencia e no ensino cooperativo, ao tempo que abertos a utilización na aula doutros recursos didácticos, con atención preferente á creación da biblioteca de aula, ao emprego diario da prensa e dos medios audiovisuais.

A creación dos centros comarcais de recursos (1987-1988) levou por vez primeira e de forma sistemática o vídeo aos centros de EXB, sobre todo o cine, o que supuxo outra volta de porca na diversificación dos recursos didácticos. Como tamén para ser utilizada na educación xeral básica apareceu a serie «Galicia en imaxes» (1980) do grupo Escola Aberta, milleiros de diapositivas con apoio informativo que constituíron a primeira enciclopedia en imaxes sobre contidos de xeografía, historia, etnografía, arte e natureza do país. Idéntica intención tiveron os audiovisuais didácticos, formados por carpetas de diapositivas, cinta e folleto impreso, publicadas polo colectivo pontevedrés Ollo de Sapo (1984-1990) sobre o ciclo de festas anuais (Magosto e Entroido) ou figuras galegas como Castelao ou Rosalía de Castro. Un recurso, o diaporama, a proxección de diapositivas acompañada de narración sonora, que non tardou en transformarse noutra xanela da aula cara o que sucedía tras os muros da escola. Un modelo diversificado que se foi complementando coas primeiras edicións de recursos musicais –velaí as cintas das diversas edicións do certame Cantareliña (1983-1991), organizado polo grupo Saraibas– ou de experiencias pioneiras de utilización da radio con intencionalidade educativa, como as promovidas por Xesús R. Jares en Vigo con motivo do Día escolar da non violencia e pola paz (1984) ou polo colectivo de profesorado de Ponte nas Ondas (1995), experiencia afortunada de colaboración educativa transfronteiriza, que por ventura continúa na actualidade.

Con todo, foi o libro de texto impreso o recurso didáctico que monopolizou e, aínda, lidera a mediación didáctica na aula tanto en Primaria como en Secundaria, sobre todo en Bacharelato, identificado como manual. Un recurso didáctico, editado pola forte industria editorial española, formada por dous grupos non confesionais (Anaya e Santillana) e varios selos católicos (SM, Edebé, Edelvives), que veu supoñendo un terzo da facturación do conxunto do sector do libro en España (2.139 millóns de euros en 2017), capaz de adaptarse con enorme facilidade ao disposto sobre metodoloxías didácticas e utilización dos recursos didácticos nas diversas reformas curriculares, que se viñeron sucedendo dende a LXE (1970), cando naceu como tal o sector editorial, ao fío do desenvolvemento dos «Programas renovados de EXB» (1971), pasando pola LOECE (1980), a LOXSE (1990), a LOCE (2002), que non chegou a aplicarse, a LOE (2006), até a máis recente a LOMCE (2013). Reformas educativas de signo «progresista» ou contrarreformas «conservadoras», que dunha ou doutra maneira mencionaron sempre nos seus documentos curriculares a necesidade de utilizar nos procesos de ensino, aprendizaxe e avaliación recursos didácticos diversos, o que nunca supuxo que o libro de texto, baixo diversos formatos e presentacións, fose relegado da súa hexemonía nas aulas.

Un fenómeno que tamén se produciu en Galicia onde a oferta do libro de texto, a partir de comezos de século, foise ampliando cara a formatos de libros de aula proxectables, aos que se engadía materiais técnicos de programación e avaliación como a recursos orientados ao tratamento da diversidade e reforzo das aprendizaxes. Unha oferta privada que, así o debemos recoñecer, axudou a ampliar nalgúns momentos a utilización do galego como lingua vehicular na Educación Infantil ou en áreas como Matemáticas, Tecnoloxía, Física e Química, fenómeno ao que non foron alleas as axudas públicas que as editoras recibiron da Secretaria Xeral de Política Lingüística, que sería reducidas de raíz a partir de 2009 e da aprobación do vixente Decreto para o Plurilingüismo.

O pulo do libro de texto nas dúas décadas de entre séculos contribuíu a difundir entre o profesorado o contido das reformas curriculares e os modelos de ensino aprendizaxe e avaliación prescritos polas autoridades educativas, ao tempo que homoxeneizou os contidos curriculares, as prácticas de aula e, en xeral, o que entendemos como cultura escolar. Éxito do sector editorial educativo que comezou a minguar en Galicia cando comezaron a ensaiarse diversos modelos de préstamo nas etapas do ensino obrigatorio (2005-2006), así como cando a Consellaría de Educación ampliou de catro a seis anos a utilización dos libros (Orde de 29 de maio de 2013) e cando se iniciou a experimentación de modelos de educación dixital, nos que se minguaba ou suprimía o emprego dos recursos didácticos impresos.

Na actualidade, inmersos de cheo na revolución dixital e robótica, vivimos unha situación de profunda mudanza no emprego dos soportes didácticos, xa que é irreversible que o libro de texto impreso vaia perdendo en reformas curriculares futuras a súa hexemonía sendo substituído por un modelo hibridado, no que coexisten recursos impresos e electrónicos, presidido, xa na maioría das aulas, dende Infantil a Bacharelato, pola pizarra dixital interactiva, ese grande ollo de acceso a internet e de interacción dixital dentro da propia aula. Un modelo de hibridación disrutiva, na medida que precisa do desenvolvemento de competencias específicas para o alumnado e para o propio profesorado, chamado a modificar os contidos da cultura escolar e o carácter e o acceso aos diversos recursos dixitais (libros dixitais, wiquis, actividades interactivas, xogos dixitais…). Un modelo no que se comparten recursos dixitais en liña, que xa non se presentan nin distribúen como secuencias curriculares completas de materia e curso, o que constitúe unha mudanza de enorme transcendencia. Velaí as experiencias institucionais como as do Espazo Abalar ou Edixgal ou as privadas dalgúns editores privados galegos como Xerais, que poñen a disposición do profesorado unha miscelánea de recursos dixitais, que poden ser identificados por temática ou tipoloxía, que permiten modelos de aprendizaxe máis individualizados e flexibles cos ofrecidos polos libros de texto impresos, o que obriga a un novo papel do docente.

Esta hibridación dos soportes de mediación didáctica xustifícase tanto pola pola disrupción que supón a necesidade de alfabetización de todo o alumnado e dende idades temperás na lectura e escritura de hipertextos e utilidades multimodais (texto, son, imaxes e hipermedia) como pola modificación da aula como espazo físico de aprendizaxe, xa que aparecen como alternativos os Entornos Virtuais de Aprendizaxe (EVA) e a propia Biblioteca escolar, dende agora a aula principal de cada escola, concibida como centro creativo de aprendizaxes, un auténtico laboratorio interactivo de acceso á información en diversos soportes (libros impresos, e-books, blog, web, apps, cinema, música, videoxogos…), mais tamén como albeiro da lectura e escritura literarias e da alfabetización informacional (ALFIN) da comunidade educativa.

Un proceso de hibridación dixital educativa que obriga a reinventar o resto das mediacións didácticas actuais, sobre todo as referidas aos soportes impresos e a escritura caligráfica, xa que é previsible que no futuro o desenvolvemento da intelixencia artificial leve a que a robotización teña un peso de seu na escola ordinaria. A esa incrible chegada a escola dos robots que ensinan, haberá que engadir a oferta de novos EVA que poida ofrecer unha industria editorial educativa que, se non quere desaparecer de rutina, debe asumir o carácter disruptivo desta mudanza imparable.

Con todo, non vaiamos caer na inxenuidade de pensar que esta disrupción dixital, identificada como «innovación educativa histórica», asegura por si mesma unha mellora nas aprendizaxes para todo o alumnado, unha maior equidade nos centros ou unha mellora nas competencias de comunicación lingüística nun entorno educativo plurilingüe, onde o galego teña un emprego referencial. Como tampouco, ao fío do actual proceso de experimentación con materiais exclusivamente dixitais, debemos identificala cunha maior adaptación aos ritmos de aprendizaxe do alumnado nin sequera cunha participación máis activa pola súa parte. Máis alá da utilización dunha mediación impresa ou hibridada, como sucedía hai catro décadas cando os mestres nos enzoufabamos co hectógrafo ou hai tres cando empregabamos a maxia visual do diaporama na aula de usos múltiples, hoxe nas aulas dixitalizadas haberá que continuar atendendo a construción de aprendizaxes básicas sólidas e relevantes nun entorno colaborativo, onde cada alumno ou alumna traballa en grupo, interactuando, axudándose e favorecendo a comunicación. Tanto cando utilizabamos o hectógrafo como agora cando nos apoiamos na potencia das utilidades didácticas da pantalla dixital continúa sendo imprescindible que o fagamos cunha intencionalidade educativa orientada a construción de aprendizaxes significativas por parte dun alumnado crítico e competente. En fixar ese xesto educativo inclusivo está boa parte do éxito do profesorado na utilización dos recursos didácticos hibridados.


Nota ao pé:

[1] Se non lembro mal, a xelatina para imprimir preparábase con auga, azucre, glicerina e cola de peixe. Quentábase a auga e botábase o azucre remexendo para que se disolvese. Logo mesturábase coa glicerina e coa cola de peixe, volvendo a remexer para que non quedasen grumos ningúns. Logo, aquela pasta vertíase devagariño nunha bandexa e deixábase arrefriar. Para utilizar o hectógrafo, que así denominaba Celestin Freinet está técnica de impresión escolar de até cen copias, preparábase cada páxina cun clixé hectográfico, colocado entre dous folios, debuxando ou escribindo sobre o superior o contido que se pretendía imprimir. Logo asentábase o clixé sobre a pasta, para min a operación máis difícil, para que alí quedase gravado o escrito ou debuxado. Daquela xa se podía ir imprimindo, colocando cada folio sobre a prancha e retirando cada un con moito coidadiño. Para reproducir outra páxina distinta, a pasta lavábase con auga e se pasaba despois un pano agardando que secase. Un procedemento complexo que precisa algunha destreza e moita paciencia.

 

Onte 2011: Recoñecementos Suso Jares de programas de convivencia escolar

Foi ben xeitosa a cerimonia na que onte, coincidindo co Día escolar pola paz e a non violencia, se entregaron os «Recoñecementos Suso Jares de programas e experiencias de convivencia escolar», promovidos por FOANPAS e Nova Escola Galega. Premios que nesta edición foron outorgados, na categoría 1, dedicada a programas de convivencia pacífica, igualitaria e inclusiva nos centros escolar e a proxectos innovadores en prol da cultura de paz promovidos por centros educativos (Infantil 0-3 e 3-6 anos, Primaria e Secundaria), ao proxecto «Salvemos os bosques» promovido conxuntamente pola Escola Infantil Municipal Santa Cristina e a Escola Infantil Municipal Mestres Goldar, ambos os dous centros de 0-3 anos. Menstres que na categoría 2, dedicada a políticas e programas públicos e iniciativas ou traballos promovidos por administracións, entidades sen ánimo de lucro e persoas físicas, recaíu na Asesoría de Bibliotecas Escolares da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia. 

Recoñecementos que no Día escolar pola paz e a non violencia, que comezamos a celebrar en Vigo o grupo de Educadores pola Paz hai agora trinte e cinco curso, serviron para lembrar e poñer en valor a figura educativa do noso admirado Suso Jares, cando transcorriron dez anos do seu pasamento, así como para reclamar a recuperación do proxecto municipal «Aprender a convivir», que hai case dúas décadas, coordinado por Jares, puxeran en marcha do concellos de Vigo e de Lugo. Recoñecementos moi singulares, tamén, por seren outorgados pola Federación de Asociacións de Pais e Nais de Centros Públicos de Vigo e bisbarra e polo movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, entidades defensoras da escola pública galega que intensifican así a súa colaboración.

Recollo  o texto que preparamos dos proxectos recoñecidos:

Categoría 1: «Salvemos os bosques» da EIM Santa Cristina e EIM Mestres Goldar

As EIM Santa Cristina e EIM Mestres Goldar decidiron colaborar coa Mancomunidade de Montes de Vigo e Comarca, implicando as súas comunidades educativas nunha actividade medio ambiental que tiña por obxectivo conciencialas sobre o coidado da natureza e sobre a necesidade de participar na preparación e repoboación dos montes queimados en Vigo, en outubro 2017.

Formuláronse así os obxectivos do proxecto «Salvemos os bosques», entre os que estaba, valorar a importancia de coidar a natureza, plantar un piñeiro, participar no gusto pola música en directo e sentir a ledicia de estar colaborando a manter vivos os nosos montes e compartilo con toda a comunidade.

No desenvolvemento do proxecto, no mes de febreiro de 2018, realizáronse diversas actividades: celebración do Entroido baixo o lema «Salvemos os bosques»; visita das crianzas de 3º de EI (2-3 anos) a «Viveros Flores» de Lavadores; confección de disfraces do alumnado e na ambientación das aulas; desfile de comparsas polo Calvario e celebración no Centro Cultural e Recreativo de Cabral; chocolatada e transplantación de 73 piñeiros en macetas nos centros e traslado ao invernadoiro da Mancomunidade de Montes de Saiáns; concerto de Servando Barreiro, «Superheroe da Natureza»; confección de pulseiras de tea… Actividades todas elas realizadas coa implicación das familias por medio das ANPAS, onde a música funciona como fio condutor e motivador.

O xurado salienta deste proxecto tanto a implicación no seu desenvolvementodo conxunto da comunidade educativa, así como a súa dimensión sociocomunitaria que supón a colaboración coa Mancomunidade de Montes. Como merece ser recoñecido que un feito tan terrible como os incendios na coroa vexetal viguesa fose o inicio dun programa de convivencia e de colaboración na recuperación da natureza con alumnado do primeiro ciclo de educación Infantil.

Categoría 2: Asesoría de Bibliotecas Escolares

Creada en 2003, a Asesoría de Bibliotecas Escolares impulsa dende 2005 o Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE), unha acción específica destinada á renovación das bibliotecas escolares dos centros públicos non universitarios cuxos obxectivos iniciais foron dotar ao alumnado das competencias claves relacionadas coas alfabetizacións múltiples e constituír a Rede de bibliotecas escolares de Galicia, de reforzar a súa presenza e acción nos centros e chegar a outorgarlle estabilidade. Na actualidade, no curso 2018/2019, 655 centros públicos e 22 centros concertados dos niveis de Educación Infantil Primaria, Secundaria, Conservatorios, EOI e Centros de Educación de Persoas Adultas participan no PLAMBE renovando cada curso o seu proxecto educativo centrado na organización e dinamización da biblioteca escolar concibida como centro de recursos e espazo de contacto coa información dentro das escolas.

A Asesoría de Bibliotecas Escolares promove nestes centros programas de fomento da lectura como «Hora de ler», «Ler en mancomún», «Libros a eito», «Maletas viaxeiras», «Clubs de Lectura», «Radio na Biblio», «Clubs de Lectura», «Biblioteca Creativa (antes «Proxecto Escornabots na biblioteca escolar»)»; programas de innovación como o «Concurso de Traballos por Proxectos coordinados ou co apoio da bilioteca escolar», «Voluntariado da lectura», «Programa de Bibliotecas escolares solidarias», «Bibliotecas escolares inclusivas» e actividades de formación do profesorado como as «Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia», os «Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares» e os «Encontros dos Clubes de lectura», nos que participan cada edición varios milleiros de profesores e profesoras.

A Asesoría de Bibliotecas Escolares desenvolve dende hai quince anos un programa cada curso máis diverso de innovación didáctica, tinguido cos valores do ensino cooperativo e da educación para a paz, que os promotores dos «Recoñecementos Suso Jares» consideramos deben ser abeizoados e visibilizados por toda a comunidade educativa.

Entrevista en «Aulas Libres»

Os amigos Emilio Xosé Ínsua e Lois Pérez tiveron a paciencia e a xenerosidade de entrevistarme para o número 11 de Aulas libres, a revista de pensamento, información e debate do STEG:

Entrevistamos neste número de Aulas Libres un novo compañeiro do noso sindicato, Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959), como xeito de lle dar a máis cordial das benvidas pola nosa banda. Pedagogo, escritor, activista da lingua e director editorial de Xerais durante case cinco lustros, está reincorporado ás aulas desde o comezo deste curso 2018-19 no colexio Lope de Vega, na cidade olívica.

 Sempre comezamos estas entrevistas para Aulas Libres preguntando polo recordo que garda ou pola avaliación que fai a persoa entrevistada dos seus primeiros anos de escolarización. Cales son, no teu caso?

Lembro que fun por vez primeira a escola aos tres anos, na casa dunha mestra da calella das Angustias, no Barrio do Cura de Vigo. Alí cada picariño levaba a súa cadeiriña de vimbio. Creo que non había mesas para todos. Aos catro fun ao colexio das Carmelitas, tamén ao pé da casa. Alí aprendín a ler. E daquel centro conservo a miña primeira foto escolar dun partido de fútbol. Fixen a vella Primaria de catro anos e ingreso e o bacharelato elemental e reválida no colexio salesiano de Vigo. Aos trece anos, obtiven unha bolsa de Universidades Laborais para facer o bacharelato superior. Os tres anos da Coruña foron determinantes na miña formación, inesquecibles e marcantes. Alí lin de forma frenética, grazas a unha biblioteca extraordinaria. Na uni de Culleredo fíxenme galeguista e neofalante no curso no que morreu Franco. Alí organizamos a primeira folga, fixemos as primeiras pintadas e chantamos as nosas bandeiras.

A túa formación académica universitaria realizouse na Universidade de Santiago como alumno de Ciencias da Educación, nun tempo histórico moi particular, entre 1976-1981, marcado pola fin da ditadura e a implantación da autonomía. Que vivencias tes desa etapa? Que lectura en chave persoal fas hoxe dese tempo histórico tan especial?

Son da cuarta promoción de Pedagoxía. Iniciamos a carreira no vello edificio de Fonseca, un privilexio para a nosa educación sentimental. Os tres primeiros cursos coincidiron coas revoltas estudantís da Reforma Política, razón pola que nalgún curso, quizais en segundo, estivemos case mías días en folga ca en clase. Xaora, tivemos a fortuna de contar con profesores excelentes como Herminio Barreiro, que daba Historia da Educación, un auténtico mestre, que tiña sempre a clase chea. Na facultade coñecín ao profesor Antón Costa Rico, acabado de chegar da Universidade de Salamanca. Dende entón, hai corenta anos, acompañeino nos diversos proxectos de renovación pedagóxica e galeguización educativa. Na facultade amiguei con Suso Jares, Rafael Ojea, Daniel Bernárdez, Xaime Toxo, Chiño Barral, Paz Raña e tantos compañeiros que en 1983 participamos na fundación de Nova Escola Galega, o movemento de renovación pedagóxica forxado pola teimosía de Antón Costa como confluencia de diversos grupos sectoriais como o Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega, Avantar, Escola Aberta…

Cando comezaches a traballar como docente? Por que destinos pasaches e que lembranzas tes desa experiencia?

Son da primeira oposición de Educación Preescolar de 1983. Formo parte do primeiro grupo de parvulistas homes en Galicia. O meu primeiro centro foi o Colexio Público de Budiño no Porriño, onde fun titor do grupo de 5 anos de Preescolar. O segundo curso estiven de provisional na escola de Marín-Camos, no concello de Nigrán, de dúas unidades, o mesmo centro onde tiven o primeiro destino definitivo até que en outubro de 1990 pedín a excedencia voluntaria. No curso 1988-1989 ocupei unha praza de consorte provisional no Colexio Público Xoaquín Lourenzo de Bande, onde estaba destinada no Instituto de FP a miña compañeira. O curso de Bande foi, tamén, inesquecible no meu oficio de mestre.

 Entre 1986 e 1988 presidiches o movemento de renovación pedagóxica “Nova Escola Galega” e desde 1986 ata o 2000 dirixiches a  Revista Galega de Educación. Cóntanos como chegaches a esa entidade e a esa revista, con que horizontes traballabas nesa altura no seu seo e en que proxectos máis relevantes te embarcaches nelas.

Presidín Nova Escola Galega durante eses dous cursos, pero estiven nos secretariados dende a fundación no oitenta tres. Foron anos marabillosos de intenso activismo pedagóxico e político. Participamos moi activamente na definición do modelo de Escola Pública Galega e de Normalización Lingüística, baseado na dobre competencia, o que facilitaría o consenso, primeiro entre os movementos de renovación pedagóxica, e despois cos sindicatos do ensino, sobre o modelo de galeguización educativa e de utilización do galego como lingua vehicular. Como coordinador da Revista Galega de Educación, despois como director, entrei en contacto con Xerais, a editora que nos facilitou a publicación. A RGE recollía a tradición de As Roladas 2, a publicación do Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega, cuxa cerna era a de compartir as experiencias de renovación na auala e no centro. Durante a segunda metade da década dos oitenta, o traballo da RGE foi paralelo á das actividades promovidas por Nova Escola Galega, sobre todo o da organización das Escolas de Verán e doutras actividades de formación. Dende a RGE, publicación que continúa hoxe cun pulo anovado, intentamos contribuír ao desenvolvemento dunha cultura pedagóxica centrada tanto sobre a reflexión teórica (eis o tema monográfico de cada número) como sobre o traballo na aula e no centro.

En 1990 solicitas da Consellaría de Educación unha excedencia e poste a traballar no mundo editorial. Que razóns te levaron a ese cambio de ámbito e que restos e carencias principais te atopaches no teu novo destino profesional?

Foi todo unha serie de casualidades enfiadas. A editora Xela Arias enfermou e a editorial, tras a incorporación de Víctor Freixanes como director, precisaba iniciar á creación de novos libros para a reforma do sistema educativo que supuña a posta en marcha da LOXSE. Daquela eu frecuentaba a editorial como director da RGE. Despois de varias propostas de Freixanes, aceptei incorporarme a editorial por dous anos , o que me parecía un período máis que razoable para vivir a experiencia da edición. Xaora, funme enguedellando no oficio de editor, sometido entón ás mudanzas que supoñía a autoedición, o que é o mesmo, a chegada dos ordenadores á mesa do editor, que comezaba a maquetar e a corrixir os textos sobre as pantallas. Unha revolución. Na editorial, ademais da edición dos libros de texto e coleccións educativas, vencelleime decontado ao desenvolvemento da literatura infantil e da edición dos dicionarios. A finais de 1993, Freixanes foi nomeado director xeral da división literaria de Anaya, o que levou a que fora nomeado director con apenas 34 anos. Aceptalo foi unha tolería marabillosa que ocupou case vinte e conco anos da miña vida.

Aínda que o traballo de editor tivo que ser moi absorbente, nunca deixaches de cultivar en paralelo a faceta xornalística, con colaboración seriada no Faro de Vigo desde os anos 90, con presenza nalgunha tertulia radiofónica e con achegas continuas ao teu blog “Brétemas”. Fálanos desa vertente do teu perfil intelectual. Pensas que está en crise o xornalismo, como tantas voces predican?

Os artigos no Faro, as colaboracións nas tertulias políticas da Radio Galega como a escritura no blog expresan o meu compromiso como editor en lingua galega. En todos os tres ámbitos moveume o afán de contribuír a conformar unha cultura política de esquerda galeguista inclusiva, lonxe de calquera sectarismo e adanismo, doenzas que tanto dano tenlle feito ao nacionalismo galego contemporáneo. Opino dirixíndome ao conxunto da sociedade, tamén da que sei non comparte o meu afán galeguista, consciente de que nese espazo tan díficil é onde estamos obrigado a confrontar o noso proxecto e as nosas angueiras.

Tiveches unha participación destacada, no seu momento, na posta en marcha de iniciativas de visualización social e proxección da cultura de noso como o “Culturgal”. Como avalías a acción institucional da Xunta presidida durante varias lexislaturas por Feijó neste eido?

Culturgal é un modelo de traballo compartido, tanto polo feito de estar organizado por seis asociacións da industria cultural, como por estar financiado por tres administracións públicas de diversa cor, contando co apoio corresponsable de públicos diversos. Culturgal demostrou durante a última década que en Galicia tamén é posible forxar proxectos culturais de excelencia. Con respecto a como cualifico a acción institucional de Feijoo abonda con dicir que é desoladora, xa que contribuíu ao desleixo do autogoberno galego e ao retroceso da calidade dos servizos públicos, sobre todo nos eidos sanitario, educativo e cultural. Con todo, foi a operación orquestrada arredor do decreto do Plurilingüismo, o capítulo máis negro polo que Feijoo pasará a historia, un retroceso brutal para a utilización do galego como lingua vehicular no sistema educativo, sobre todo, na Educación Infantil, e no comezo da Primaria. Galicia con Feijoo de presidente non cumpre nin de lonxe a Carta Europea das Linguas. Hai informes que o testemuñan, mais nunca se dirimiron responsabilidades políticas.

Entre as entidades das que fas parte como socio figura “Amnistía Internacional”. Que papel lle concedes ao activismo cívico e ao compromiso nun mundo como o actual, en que todo empurra cara ao individualismo?

O activismo das mulleres e das organizacións a prol dos dereitos humanos, como Amnistía Internacional, acrisolan hoxe os fráxiles territorios da esperanza. Crin sempre no activismo pedagóxico, feminista, pacifista ou veciñal como espazos de participación política e transformación social. Acredito que este activismo é o que debería ser considerado como nova política.

Unha das marcas máis evidentes da túa traxectoria como editor e como activista de “ProLingua” é a preocupación pola normalización de usos do galego e a ampliación da masa lectora. Cóntanos brevemente as túas reflexións de fondo sobre o devir do idioma nestes últimos tempos e a túa impresión de cara ao futuro inmediato.

A ferida da lingua é moi profunda. A creba da transmisión xeracional do galego semella un feito irreversible, que podería levar a unha inevitable desaparición como lingua vehicular. Xaora, o seu futuro continúa dependendo de todos nós. Hoxe, no actual marco comunicacional hibridado, plurilingüe e multimodal, a oportunidade dunha lingua minorizada como a nosa pasa por recuperar o seu valor inclusivo como lingua local de instalación afectiva e efectiva do conxunto da sociedade, tanto das familias de procedencia galegófona como daqueloutras que se incorporan a nosa comunidade. É posible crear un novo discurso galeguista máis atractivo, como é imprescindible forxar un novo modelo consensuado arredor do emprego do galego como lingua vehicular no ensino. Fixémolo nos oitenta, se queremos que o galego non desapareza como lingua de uso, debemos facelo corenta anos despois.

O teu blog “Brétemas” (https://bretemas.gal), aberto desde 2005, foi un dos pioneiros da presenza normalizada do galego na Rede. Como ves a saúde da lingua nese espazo?

A presenza do galego na rede está hoxe por riba da súa presenza na sociedade analóxica. Hai máis galego nos medios dixitais ca nos impresos. Internet, as redes sociais, como en xeral a publicación multimodal e hipertextual é unha oportunidade parao galego. A propia Rede mudará nos seus formatos, sobre todo coa popularización entre nós dos podcast e co peso cada vez maior do vídeo, que vai ir substituíndo á publicación textual. A comezos de 2005 Jaureguizar e mais eu abrimos os nosos blogs sen saber que catorce anos despois continuaríamos alimentando ese arquivo interminable. O galego ten na rede unha oportunidade.

 Xa para rematar, en que proxectos longamente acariñados andas a traballar agora que tes algo máis de calma e vagar para os afrontares?

 Ocupo este curso unha praza como mestre orientador. Estou tratando de poñerme ao día coa maior dignidade posible. Despois de tantos anos como editor, a miña prioridade é recuperar o meu oficio de mestre. Xaora, é certo que no estudio da casa teño abertas varias libretas de temática e xénero moi diverso das que agardo poida saír algunha publicación interesante.

Xabier, o fillo de Raimundo e Teresa

Na edición en papel desta semana de SermosGaliza publico estoutra lembranza de Xabier P. DoCampo:

«Son fillo de Raimundo de Granda, o muiñeiro de Castro, que enfiaba sucedidos como quen fai un colar de zonchos. Deume moitas cousas na vida que compartimos, pero quero traer aquí dúas que se relacionan co meu oficio da escrita. Deume o desexo de contar, sen el non hai literatura, é algo que non se aprende, tense ou non se ten. Eu sempre pensei que se trata de algo que tampouco é xenético, algo que debe ser osmótico, que se che mete dentro por contacto íntimo con alguén que ama contar. Así mo pasou meu pai a min. E deume tamén un xeito de contar que resoa no máis afastado pasado deste pobo.

(…)

»E son fillo de Teresa DoCampo que cantaba cuplés e tangos e que recitaba o Cántico Espiritual de Juan de la Cruz cun dicir que te emocionaba até as bágoas. E explicábamo con máis acerto e verdade que calquera dos profesores de literatura que tiven máis adiante. Ela, contándome os libros que lera na súa vida e recitándome centos de versos, meteume no corpo e na alma o amor á literatura. Dela recibín o gusto pola palabra, o fascinio da palabra como experiencia literaria primeira.

O 21 de xuño de 2014, ao fío da homenaxe que AELG tributou a Xabier P. DoCampo, o seu compañeiro Agustín Fernández Paz rescatou estes dous textos autobiográficos do fillo de Raimundo de Granda, o muiñeiro de Castro, e Teresa DoCampo, a costureira que recitaba o Cántico espiritual. Confesións que identifican as raíces dun rapaz nacido nos anos difíciles da posguerra (1946) nunha vila chairega e descubríu a carón da lareira, cando o mundo aínda non estaba inzado de pantallas, a marabilla de escoitar historias de risa ou de medo, de crimes ou de aparecidos dos labios dos seus pais ou doutros veciños que frecuentaba a cociña da súa casa. Lembro que naquela fermosa chufada en Castro de Ribeiras de Lea Agustín identificou nas mañas do señor Raimundo e da señora Teresa, tan semellantes ás que Álvaro Cunqueiro puxo en boca do señor Elimas, a primeira fonte literaria do seu amigo Paco DoCampo: a do pracer de contar historias e o pracer escoitalas. Raimundo e Teresa deitaron en Xabier a experiencia literaria primeira, a de contar e a de ler, a fascinación polo valor e o eco da palabra.

E abofé que DoCampo bebeu con moito proveito desa fonte primixenia, convertíndose nun dos mellores contadores de historias que coñecimos, fosen reais ou imaxinadas, fosen orais ou escritas, xa que para el, como tantas veces expresou, contar era «o acto de amor máis sublime» que coñecía. Desa pulsión naceron algunhas das súas historias máis memorables como as recollidas en títulos como Cando petan na porta pola noite (Xerais 1994), libro polo que obtería o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil ou Un conto de tres noites (Xerais 2001) ou A decisión de Valerio (Xerais 2005). E contou sempre DoCampo dende a patria da lingua, o idioma no que asistiu a creación do mundo e no que descubriu o nome das cousas, ese galego da Chaira miniado despois en lingua literaria no seu medio cento de libros. Lingua que levou sempre nos beizos orgulloso, como na lapela prendida a insignia de ProLingua, a plataforma apartidaria da que foi celme e motor concibida en 2009 por el como «un valado para nos defender e para reivindicar o esencial», para traballar por un idioma «que non é de ninguén porque é de todos; non é de onte nin de hoxe, porque é de sempre». Unha lingua que para DoCampo nin sequera é patrimonio dos que a usan, xa que é un ben da humanidade enteira: «Patrimonio para preservar, coidar e estender no seu uso, e para entregar con xenerosidade e orgullo aos nosos fillos e aos nosos netos e que así se fagan responsábeis da cadea que tamén a eles haberá de transcender».

Ademais de contador, Xabier foi lector apaixonado e voraz dende a mocidade, amante d’ A illa do tesouro, o libro de Stevenson ao que homenaxeou despois en A illa de todas as illas (Xerais 2013), e entusiasta letraferido capaz de contaxiar o seu amor polos «mellores libros» en intervencións extraordinarias na radio, outro dos seus activismos, como o do teatro ou o do cinema amadores, que concibía como outras posibilidades de contar. Xaora, motivado pola súa condición de mestre, vinculado á renovación pedagóxica e a loita pola normalización da lingua (foi un dos fundadores de Nova Escola Galega e da Revista Galega de Educación), afondou na investigación arredor do fenómeno da lectura, desenvolvendo un traballo tan inmenso como discreto co profesorado e con outros mediadores. Froito da súa reflexión sobre o fomento da lectura e da formación da competencia lectora e do lectorado literario foi esoutro libro marabilloso, Catro cartas (Anaya 2000), que abriu o xénero epistolar como o seu preferido para intervir no debate social, cultural e político cando consideraba preciso.

DoCampo formou parte da Xeración Lamote, xunto cos tamén chairegos Paco Martín e Agustín Fernández Paz, a dos pioneiros que dende a década dos oitenta contribuíron tan decisivamente a conformar a Literatura Infantil e Xuvenil en galego. Títulos como O misterio das badaladas (Vía Láctea 1986), O Pazo Baleiro (Xerais 1997) ou A casa da luz (Xerais 2002) foron referentes de boas lecturas para xeracións de novos lectores e lectoras en galego. No entanto, Xabier tamén marcou cunha ollada ética toda a nosa narrativa contemporánea coa publicación de novelas moi literarias como O libro das viaxes imaxinarias (Xerais 2008), na que colaborou tan estreitamente con Xosé Cobas, o seu ilustrador irmao, e A nena do abrigo de astracán (Xerais 2017), a obra que culminou a súa viaxe, na que reconstruíu esfiañando a súa propia vida a violencia da sociedade do nacionalcatolicismo daquel Castro da súa infancia, e da que se sentía orgulloso e satisfeito nos seus últimos días difíciles.

Máis alá da súa extraordinaria figura literaria e do seu compromiso coa cultura e a lingua, Xabier DoCampo foi unha activista de todas as causas da dignidade nosa, como testemuñou na súa derradeira e inesquecible intervención o pasado mes de maio na Gala do Libro reclamando con toda a enerxía da que dispuña atención para o libro galego. Xabier DoCampo é un auténtico diamante da dignidade galega. «Compartir» foi o seu verbo preferido e a amizade un valor que cultivou, a pesar das maiores adversidades, cunha elegancia e xenerosidade desbordada. Choramos a súa perda, mais temos a fortuna de contar cunha obra súa que nos convida a gozar do pracer da lectura e do afán de facer da vida relato, como el aprendeu de Raimundo e Teresa. Beizón, mestre e irmao!