Onte 1374: Turno alfanumérico

CI6n9DLWoAAnIoG

Acompañei onte a un familiar ás consultas externas do novo hospital Álvaro Cunqueiro, un xigante que comeza a estricarse aínda moi amodiño. Máis alá de comentar a excelente arquitectura do complexo hospitalario e a amplitude e organización da sala de agardar, que lembra á da T-4, chamou a miña atención o sistema dixital para obter os turnos de consulta. Abonda con introducir a tarxeta sanitaria nun dispositivo para recibir un tique no que figura un código alfanumérico que será o que logo apareza iluminado nas pantallas chamando polo paciente. O mesmo sistema xa utilizado nas consultas externas de Povisa que, sen dúbida, require un nivel de lectura dixital que non todos os cidadáns posúen aínda. Xaora, o novo sinalamento do Álvaro Cunqueiro, por ventura todo en galego e cun grafismo coidado, amosa a importancia de que a alfabetización informacional abranga a todos os segmentos de idade. Como ten sinalando Daniel Cassany, a lectura pública e hoxe unha competencia imprescindible para o exercicio da cidadanía e dos seus dereitos.

Onte 1362: Tendencias de consumo cultural

evolucionconsumocultural

Cheguei onte a unha anotación esencial do meu admirado Txetxu Barandiarán sobre datos económicos e tendencias no consumo cultural en España. Non hai dúbida que os datos agoiran malas perspectivas para os sectores do libro e das publicacións periódicas: de 2006 a 2013, no entorno da chamada crise económica, o consumo cultural descendeu en España un 25 %, manténdose moito mellor os sectores dos espectáculos cos das publicacións e aumentando todo o relacionado con Internet. A pesar de que os datos apenas expresan tendencias, non é difícil identificar que a compra media por persoa de libros (30,00 euros en 2006, 19,00 en 2013) e publicacións periódicas vai á baixa, supoñendo en 2013 só a metade do gasto anual de cada persoa en Internet (88,20 euros). Tratándose de datos referidos estritamente ao consumo de produtos e servizos, descoñecemos se a lectura como actividade de lecer, adopta un perfil semellante, modificado polo incremento de uso das bibliotecas e polo acceso a contidos textuais dixitais gratuítos. Como tampouco sabemos se estamos diante dunha mudanza de hábitos do consumo cultural ou só do procedemento de acceso aos contidos. En todo caso, as consecuencias para a reorientación urxente do sector do libro parecen evidentes.

Onte 1352: Vigo cidade lectora

lectoresvigoChamáronme onte de Faro de Vigo para solicitar a miña valoración sobre a enquisa de Amazon que sitúa a Vigo como a sexta cidade lectora de España. Non puiden agochar a miña sorpresa sobre o caso dunha cidade que até agora, tanto polos seus índices baixos de uso de bibliotecas públicas como polos datos da súa rede libreira, ocupaba posicións precarias en temas de lectura. Xaora, a pesar de que quizais sexan interesados os datos da multinacional estadounidense da distribución cultural, constitúen un aliciente para tirarlle partido, máis aínda cando facilitan que a lectura se incorpore como unha das preocupacións da axenda pública cidadá utilizada polos medios de comunicación e poderes públicos. Sempre acreditei que Vigo ten posibilidades de incorporarse á rede de cidades lectoras, sexa polo volume da súa poboación urbana, fose polo seu carácter de capital editorial de Galicia e cidade literaria onde se localizan hoxe algunhas das obras literarias en galego que contan con maior número de lectores e lectoras. Desta volta, aínda que sexa de forma excepcional, facémoslle caso a Amazon.

Onte 1345: Ler baixo a lúa

CGk6_RjWwAAP_7YA Feira do Libro de Madrid pechou onte de forma excepcional ás 10:30 da noite para «ler baixo a lúa». Organizada pola Asociación de Editores de Madrid e concibida para evocar o misterio e o encanto da lectura ao comezo da noite, esta novidosa actividade consistiu na lectura continuada que autores, editores e actores realizaron dos contos das Mil e unha noites. A iniciativa, que tivo moi boa acollida, puido seguirse por twitter coa etiqueta #leerbajolaluna, incitando así tamén ás persoas que non puideron achegarse ao Retiro. En todo caso, propostas de actividades coma esta, nas que a lectura ocupa o espazo público con todo o seu engado e misterio, contribúen a sacar ás feiras do libro da súa rotina conformista e abrirse a novos públicos. Non estaría de máis poder emular esta idea nas Feiras do Libro de Vigo e da Coruña, que se celebrarán na primeira decena de xullo e de agosto. Ben que presta poder ler na nos aterra baixo a luz do lueiro.

Onte 1340: Cos xurados dos Xerais

xuradoss_premios_xerais_2015

Foi moi agradable o xantar de onte no Castelo de Soutomaior cos membros dos xurados dos Premios Xerais 2015, que despois acordaron declarar as obras finalistas sobre as que volverán ao longo desta semana. Sei que a experiencia destas persoas lectoras de participar nun xurado dun premio literario é, xeralmente, única e inesquecible, tanto polo esforzo que supón para elas durante dous meses como pola responsabilidade que asumen na toma dunha decisión con importante transcendencia social e cultural. Tras o exercicio reflexivo de relectura das obras finalistas, a vindeira fin de semana decidirán as obras gañadoras dos Xerais, que serán anunciados na illa de San Simón o sábado. Para estas quince persoas xenerosas, entusiastas e comprometidas coa lectura literaria en galego toda a miña admiración e gratitude.

Onte 1323: O XXI, século da lectura

reimprimete_12-05-2015

O escritor César Antonio Molina, director da Casa del Lector, pronunciou a conferencia da terceira edición do Reimprímete, o foro que o Clúster do Produto Gráfico e a Asociación Galega de Editores organizan cada ano para facer un seguimento do proceso de hibridación do libro e do produto gráfico. As fermosas e documentadas palabras do que foi ministro de Cultura do primeiro goberno Zapatero destilaron un aroma de melancolía, que non impediu que Molina fixese un chamamento enérxico á mobilización dos axentes da cultura para transformar «o século XXI no da lectura e no dos lectores», «para o que cómpre rematar coa dicotomía excluínte entre o analóxico e o dixital, na procura da formación dun lector multisoporte e plurilingüe.»

César Antonio confesou que «sempre acreditara no feito que a loita pola democracia traería o hábito da lectura xeralizada e a cultura como ben esencial…» «Nos anos 70 e 80 estivemos a punto de conseguilo, mais agora entramos nun período de certa involución. Hoxe temos un problema severo de lectores, sen eles todo o demais sobra. Na educación básica non soubemos facer difusión da lectura, crear ese hábito. As humanidades foron relegadas no sistema educativo, como proba que a Filosofía fose relegada pola programación de ordenadores. A marcha atrás é xigantesca. O feito de non ter sementado lectores leva a que agora chegan á madurez as primeiras xeracións de non lectores. Comprendemos agora que a lectura é un elemento democrático esencial.»

Para Molina «o futuro da cultura está nos arquivos dixitais. O 72 % dos usuarios das bibliotecas americanas buscan información nos soportes dixitais, que se fose necesario profundizan despois no soporte papel. Hoxe o aire que respiramos componse de osíxeno, nitróxeno e información.» Insistiu o coruñés na importancia da lectura: «Ler é unha condición inseparable do ser humano. A lectura é unha forma de relación coa vida, un nutriente da especie humana. Somos homo videns que aprendemos ao longo de toda unha vida que depende da variedade e potencia da nosa lectura. Ler permite interpretar o mundo que nos rodea e os espazos interiores que nos constrúen como persoas.» «Sigo crendo na validez da afirmación “amosarme as vosas bibliotecas e direivos como sodes”», concluíu no seu alegato a prol da lectura como forma de humanización.

Despois de definir o proceso de hibridación da lectura, como «a convivencia do sólido e do líquido», César Antonio afirmou que «estamos no abrente dun novo descubrimento lector, no albor dun novo paradigma, dunha nova oportunidade para abrir un novo ciclo cultural.» Un novo modelo de lectura no que identificou diversos perigos: «a dificultade de centrar a atención e realizar unha lectura silenciosa; e a pulsión excesiva pola velocidade, contraditoria coa lentitude que require o proceso lector.» «Ler con concentración, atención e silencio non depende do soporte.»

Dedicou a última parte da súa intervención a comentar algúns contidos de Smart, o ensaio recente de Frederic Martel sobre a cultura e o fenómeno de internet e as redes sociais. «Para Martel o novo modelo económico da cultura virá polas suscricións ilimitadas.» «Desenvolverase unha nova cultura onde a crítica será reemprazada polas recomendacións dos usuarios e polas conversas nas redes sociais. A conexión permanente entre os usuarios marcará os gustos e as tendencias dos contidos dixitais distribuídos polas multinacionais. Os dereitos de autor desaparecerán. A cultura será un sector sen ánimo de lucro, ond eo mecenado terá maior importancia que a cultura pública. A cultura mudará o produtor polo servizo.» Para César Antonio Molina o preocupante panorama presentado por Martel levará «á desintermediación educativa e cultural, realizada por profesionais como editores, xornalistas, profesores e bibliotecarios, para ser substituída polas recomendacións elaboradas por algoritmos descoñecidos en mans de Amazon, Google ou Apple, empresas que controlan os nosos movementos, as nosas consultas, intereses, a través dunha espionaxe a todas luces ilegal.»

 

Onte 1312: O pregón de Manuel Portas na feira de Compostela

1610923_1084552874891876_7659248014458748685_n-1

Magoa que Manuel Portas non puidese pronunciar onte o pregón que preparou para a inauguración da Feira do libro de Compostela. Unha peza literaria magnífica na que defendeu o libro («o libro sermpre será o libro»), a lingua, a creación literaria, as librarías e esixiu o compromiso das administracións co mundo do libro e das industrias culturais («que en Galicia supoñen o 2 % do PIB e 23.000 empregos»). Particularmente fermosas foron a súa metáfora da defensa da lingua representada na palabra donicela («agardo que neste país se siga acariñando o lombo da donicela coa dozura desta palabra e que nos seus libros os escritores, as escritoras, sigan a mentala así»), como as súas referencias ao Santiago literario («onde está a esencia cultural e a memoria histórica da galeguidade e do galeguismo»). Un gran texto este pregón de Portas, que onte tiven a fachenda de ler no seu nome por mor do pasamento de Concepción Barreira. As miñas beizóns para Manolo Portas en días tan dificiles para el e para a comunidade educativa do instituto Xelmírez I.

O texto do pregón pode lerse ou descargarse aquí.

Edición hibridada

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o proceso de hibridación dos soportes de edición.

descargaNas entrevistas que me fan como editor en lingua galega é frecuente que me pregunten sobre como enxergo o futuro do libro e, máis en concreto, o do libro electrónico. Dende hai ben tempo asumín que a dixitalización no eido da edición provocaría unha disrupción, unha ruptura abrupta, un cambio determinante no concepto de libro e na forma de entender a lectura, na medida que as utilidades hipertextuais e multimodais dixitais son capaces de desenvolver un novo paradigma de comunicación cultural, unha auténtica revolución na lectura. Teño reiterado nas miñas intervencións que toda a edición hoxe é hibridada na medida que coexisten os soportes impresos e os dixitais, os libros en papel e os libros electrónicos (en formato epub), os xornais impresos e os que lemos na web ou na aplicación dun teléfono ou taboíña.

Porén, hai cada vez máis indicios de que a evolución do proceso de dixitalización editorial, que concebiamos sería disruptiva e veloz, semella se está ralentizando. Son cada vez máis numerosos os indicadores que amosan que o libro electrónico non acaba de consolidar nin o seu formato nin chantar raíces sólidas no seu mercado. Semellaría que polo momento o libro eléctrónico non pode co libro en papel, a pesar de contar co formidable soporte publicitario dos seus distribuidores estadounidenses case oligopólicos (Amazon, Apple e Google) e co apoio incondicional das empresas de telefonía móbil, as primeiras interesadas no incremento do tráfico que a lectura electrónica provoca.

As vendas de libro electrónico non se incrementan na progresión que hai apenas dous anos semellaba imparable. Nos Estados Unidos, até agora o mercado que marcaba as tendencias no proceso de dixitalización, onde existe un 6 % de lectores e lectoras que declaran ler só en formato dixital, o pasado ano o libro electrónico medrou apenas o 4 %, freándose o devalo do mercado dos libros impresos que en 2014 medraron un 2,4 %. No Reino Unido no pasado nadal nas grandes cadeas de librarías tamén aumentaron as vendas de libros impresos. Mentres no máis recente observatorio do libro do Ministerio de Educación e Cultura sinala que en 2014 a edición dixital diminuíu en España nun 1,9 % mentres que a impresa medrou nun 3,7 %. Un retroceso para o mercado do libro dixital que a Federación de Gremios de Editores de España estima supón apenas arredor do 4 % da súa facturación (porcentaxe semellante a de Francia e Alemaña) de máis de dous mil millóns de euros a prezo de capa. Un fenómeno que no caso do libro en lingua galega supón unha porcentaxe aínda máis modesta, apenas o 1%, a pesar de que nos dous últimos anos se incrementou o catálogo de libro electrónico en galego até os 400 títulos.

Cifras modestas para o libro electrónico, nas que inflúe o gravame que supón o disuasorio 21 % de IVE e o comportamento irresponsable con autores e editores daquelas persoas que baixan de forma indiscriminada milleiros de títulos electrónicos considerando que todo o contido dixital debe ser gratuíto. Como outro síntoma da crise do actual modelo de libro electrónico é a diminución das vendas en todo o mundo dos e-readers, os lectores de tinta electrónica concibidos especificamente para ler, mentres que aumentan as das taboíñas e smartphones, a pesar de ser aparellos incómodos para lecturas prolongadas. Unha tendencia que se consolidou cando a empresa Sony, a pioneira no deseño de lectores electrónicos, anunciou que deixaba de fabricar os seus aparellos para o mercado europeo, incapaz de competir co Kindle de Amazon e coas taboíñas con pantallas de cor capaces de ofrecer máis posibilidades de lectura e acceso ás redes sociais. Unha tendencia que obriga aos editores a redefinir o actual produto electrónico e orientalo cara o dos “libros enriquecidos” coas utilidades hipertextuais de texto, audio e vídeo.

A edición hoxe é hibridada. Probablemente as publicacións impresas e dixitais convivirán durante máis tempo que o anunciado polos gurús da dixitalización nas súas profecías interesadas. Xaora, iso non nega o carácter disruptivo desta mudanza hipetextual da edición nin a necesidade que os sectores do libro e da prensa desenvolvamos novos produtos e novos modelos de negocio sostibles para unha nova cadea de valor. Fenómenos novidosos como o servizo de préstamo de libro electrónicos na rede de bibliotecas públicas ou as experiencias de emprego de materiais didácticos dixitais nas aulas expresan que esta hibridación da lectura xa non ten volta atrás. Como tamén cómpre ter en conta o éxito actual dalgúns xéneros de edición impresa, como o dos libros de fotografía, arte, cómic, os álbums ilustrados ou mesmo (para romper tópicos) o dos libros xuvenís, que demostran que no futuro os libros impresos máis fermosos continuarán sendo imprescindibles.

Onte 1304: No Día de San Xurxo

Díadolibro20151A pesar da fraca celebración en Galicia do día de San Xurxo, «Día do libro, a lectura e os dereitos de autor», foi a de onte para min unha xornada intensa. Pola mañán soubemos da magnífica noticia do premio que a Consellaría de Educación e Cultura outorgou a Agustín Fernández Paz como autor máis lido na rede de bibliotecas escolares de Galicia. Un premio que recoñece o apoio que varias xeracións de lectores e lectoras proporcionan aos libros de Agustín que onte presentaba A neve interminable no Diario Cultural da Radio Galega.

Despois do xantar participei, xunto a Paz Castro de Kalandraka e Pilar Sampil de Galaxia, na mesa de editores do Congreso sobre novas temáticas da LIX organizado en Vigo por ANILIJ. Un encontro moi interesante no que dende unha persectiva académica se reflexiona sobre as obras infantís e xuvenís relacionadas coa morte, os conflitos armados, os naufraxios, o cambio climático, os desastres medioambientais e outros temas «candentes». Como é adoito neste tipo de foros, tras as nosas intervencións, dende o público formuláronse os temores sobre a excesiva escolarización ou enfoque moralizante dalgunhas destas propostas editoriais e sobre o papel dos editores na eleccións dos temas, o que para un participante «podería coutar a liberdade dos creadores». Como tamén se abordou, o que a min me pareceu moito máis interesante, a cuestión da «censura» ou da «imposición do politicamente correcto» que algúns editores poden tratar de impoñer a autores e tradutores para «acomodar» algúns libros á canle escolar.

11053116_10206170912298962_260184774071270281_n

Co tempo moi xusto, viaxei despois á Coruña para aocmpañar a Mercedes Leobalde na presentación de Funambulistas. O salón da FNAC quedou pequeno para tanta xente que acudiu a escoitar o diálogo entre a macedonia de relatos breves de Leobalde e as cancións de MJ Pérez, a nova cantora coruñesa. Unha hora de diálogo artístico que resultou memorable e intensa. Comezou Leobalde lendo «Os cogomelos da risa», un dos relatos que abordan a violencia contra as mulleres, e Pérez contestoulle con toda a enerxía de «Eu son a guerrilleira». Seguiu Mercedes con «Querida señora Francis«, peza coa que fixo escachar ao público ás gargalladas, á que MJ respondeu coa súa canción «Morder a lingua». Despois de que a narradora lese «Tatoos», o conto do centenario tatuado e despois abandonado, a cantora de Arzúa contestou co seu «Canto te soño e que pouco me queres», cuxo retrouso aprendeu decontado o público. O de Mercedes e MJ é un espectáculo que moito paga a pena repetir.

10659309_881597368565573_5043134385491886658_n

1908341_881596035232373_2049342254773432983_n

Outra boa noticia para o libro galego do día de San Xurxo foi a sua presenza nas paradas de Sant Jordi de Barcelona e Girona, grazas ao esforzo de voluntarios galeguistas residentes en Cataluña. Xaora, a saída do libro ao espazo público foi en Galicia aínda escasa e puntual. Un síntoma dunha febleza lectora que debemos superar.

Grazas a Pinto e Chinto e Davila que dedicaron onte as súas viñetas ao Día do Libro.

Cidades lectoras no Día do libro

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo ao Día do libro.

ef5e62a249225977347caa8116df7c5bAchégase o 23 de abril, Día do libro, a lectura e os dereitos de autor, cando o sector editorial sofre en España os efectos dunha tormenta perfecta que dende 2008, no entorno da crise económica, o levou a perder case o 30 % da súa facturación e a enfrontar a maior crise da súa historia. Autores, editores, distribuidores e libreiros recoñecen que están enfrontando un perigoso tsunami no que a onda xigante provocada pola diminución do consumo cultural privado potenciou as incertezas dunha actividade editorial en inevitable mudanza, tanto pola disrupción provocada pola edición e distribución do contido dixital (o “libro electrónico”) nos eidos educativo e privado, coma pola incorporación de boa parte dos produtos de lectura ao sector das actividades de lecer.

Situación crítica cuxos efectos agraváronse pola inhibición do nefasto Wert, ministro de Cultura e Educación que, ademais de avalar teimosamente o 21 % de IVE para o conxu
nto do sector cultural, nas políticas do libro deixou durante toda a lexislatura ás bibliotecas públicas sen novidades editoriais e o fomento da lectura á intemperie. Como no caso específico do libro galego, desvastadores foron os efectos dos recortes de axudas ao libro (entre o 60 % e o 70 %) que xunto á política lingüística dos gobernos de Feijoo fixeron retroceder o sector editorial en lingua galega ás súas cifras de facturación e edición de comezos do século e situalo dramaticamente ao borde do abismo.

Xaora, o sector do libro continúa sendo a primeira das nosas industrias culturais e a lectura unha actividade que, como sinala o último barómetro do CIS, interesa dunha ou doutra maneira, ao 60 % da poboación. Hoxe a lectura, como sucede con outras actividades culturais de lecer, sexa a música ou o cine, sofre a fraxilidade do modelo hibridado do seu contido, onde se comparte a venda de libros impresos nas librarías coa distribución dos electrónicos nas pantallas de ordenadores, taboíñas e teléfonos, mais para os que aínda non existe un modelo de negocio sostible.

Neste contexto de crise editorial profunda (probablemente disruptiva), bótase en falta unha estratexia compartida por editores, libreiros e outros sectores empresariais da cadea de valor do libro (dende os da creación textual e gráfica até os das artes gráficas, deseño e novas tecnoloxías) para enxergar unha saída para un sector estratéxico, tanto polos seus niveis de emprego como pola súa transcendencia educativa, social, cultural e mesmo identitaria.

O libro e a lectura precisan un plan sectorial de modernización. Como sucedera en 2004, cando en Galicia se preparou a Lei da Lectura e o libro, é imprescindible que neste plan participen os profesionais e técnicos do sector, máis tamén que sexa avalado polo compromiso das administracións e polo consenso dos grupos parlamentarios, conscientes de que o fomento da lectura é unha responsabilidade ineludible dos poderes públicos e un factor potenciador da convivencia e estimulador da innovación e da competitividade. Un plan que facilite a entrada da lectura na axenda pública, a que manexan as administracións, os partidos políticos e os medios de comunicación.

Un plan sectorial que recupere o valor esencial das bibliotecas, coma institucións especializadas no fomento da lectura, transformadas nas primeiras células culturais de cada comunidade local ou educativa. Bibliotecas públicas concibidas como centros comunitarios, lugares de encontro que funcionan como células en rede da cidade lectora. Bibliotecas arranxadas como espazos hibridados, en cuxos fondos conviven os soportes analóxicos e acceso dixitais, sendo o profesional bibliotecario un promotor especializado en facilitar á cidadanía de todas as idades o acceso á información.

No Día do libro, na voráxine da publicidade política das municipais, sería moi interesante que máis alá das rotineiras boas intencións dos programas municipais de cultura, as candidaturas presentasen os seus plans municipais de fomento da lectura e alfabetización dixital interxeracional, así como as súas medidas para potenciar o funcionamento das bibliotecas de cadanseu concello como motores do cambio lector que propoñemos.

Aspiramos a construír cidades lectoras, onde a lectura ocupe decote o espazo público, onde se agarimen as bibliotecas e librarías (como espazos especializados no comercio do libro), onde se visibiliza, festexa e respecta o libro e os seus creadores (escritores, ilustradores e editores) e onde se inviste en políticas interxeracionais e transversais de lectura pública. Cidades lectoras, como Medellín en Colombia, nas que este esforzo en lectura supuxo unha mellora considerable para a convivencia, o coñecemento, a civilidade e a cohesión social e interxeracional. É posible.