Luis Torras, o pintor centenario

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro a figura do pintor Luís Torras, o decano dos artistas galegos, a piques de cumprir cen anos.

As reviravoltas da vida permitíronme saber hai uns días que o meu avó, o ebanista Suso “Beleiro”, preparou algúns dos marcos dos óleos de Luis Torras Martínez, o pintor centenario, decano dos artistas galegos, co que mantiña amizade. É moi probable que algún deses cadros formen parte da doazón que o artista vigués fixo a súa cidade en 1998, instalada na segunda planta da Casa das Artes.

Nacido o 29 de decembro de 2012, no número 14 da rúa Alfonso XIII, entre a igrexa de Santiago de Vigo e a Estación do ferrocarril, Luis Torras é fillo dun industrial catalán emigrado a nosa cidade a finais do século XIX, que entre outros negocios rexeu a famosa Cerería San José da Praza da Almeida, que logo se trasladaría á praza da Constitución. Alumno dos Maristas, estudou algúns cursos de Comercio até que, antes dos vinte anos, moi influído polo médico e coleccionista Isidoro Reguenga, xa tiña claro que quería ser artista. En 1935 trasladouse a Madrid para estudar na Escuela de Bellas Artes de San Fernando, mais o alzamento de 1936 pillouno de vacacións en Vigo, sendo mobilizado no exército de Franco e ferido na fronte norte por dúas balas, unha delas preto do cerebro, o que provocaría para sempre a súa xordeira. Tras ser licenciado en 1941, rematou os seus estudos e obtivo o título de profesor de Debuxo, profesión que exercería, primeiro, en Madrid e máis tarde, dende 1954 en Vigo, na Escola de Artes e Oficios da rúa García Barbón, onde deixou unha importante pegada en varias xeracións viguesas.

Persoa discretísima, permanceu allea aos ruxerruxes dos círculos artísticos. Pouco amigo de falar da súa vida, desenvolveu unha ampla obra pictórica que ademais de poder visitarse nos museos vigueses, está presente no Museo de Arte Contemporánea de Madrid e en numerosas coleccións privadas. Con escasas exposicións, foi a antolóxica preparada polo Centro Cultural de Caixavigo en 1985, cando xa contaba con máis de setenta anos, a que lle abriu as xanelas do público. Antolóxica que se repetiría en 2008, na Casa das Artes, preparada polo Concello de Vigo, coa colaboración da Fundación Caixa Galicia, coa intención de ampliar con outras 54 obras, o importante Legado Torras, formado por 50 cadros doados e 17 cedidos en réxime de depósito, que con carácter permanente se expón nese edificio.

Probablemente en ambas as dúas antolóxicas recolléronse o que foron os motivos temáticos principais deste pintor singular que evolucionou dende o realismo figurativo de carácter académico a un expresionismo de grande austeridade, que os críticos sitúan achegado ás formas “fauves”. Cun nivel de autoesixencia elevadísimo, no que recoñece que destruíu algunha das súas obras que non lle chistaban, cultivou tanto o retrato, a paisaxe, os bodegóns como as escenas populares e alegóricas. Boa mostra deste último tipo de traballo foi o mural que preparou para as instalacións do primeiro Auditorio de Caixavigo, o que nos anos anos setenta funcionaba no edificio central. Alí, coas súas características figuras escultóricas en primeiro plano, presentou unha alegoría das artes da música, do teatro, da pintura e da literatura sobre unha paisaxe na que ao fondo aparecían unha perspectiva de casas escalonadas na beiramar mariñeira, recortándose con pureza xeométrica sobre unha atmosfera transparente, perfil identificable co barrio do Berbés que repetiría en moitas das súas paisaxes viguesas máis coñecidas. A súa técnica moi achegada ao muralismo; a súa pincelada enérxica, firme, sen veladuras; as súas texturas ásperas e arenosas, nas que a súa paleta cromática máis recoñecible son os vermellos, ocres, negros e azuis está tamén presente nos seus magníficos retratos e na súa obra de temática taurina.

Artista metódico, Torras leva pintando diariamente de forma incansable dende hai máis de setenta anos. Confesoulle a Fernando Franco nunha memorable entrevista dominical que se ergue cedo e logo de realizar unha táboa de ximnasia, almorzar e ler o “Faro”, traballa no seu estudio toda a mañá coa intención de aproveitar a luz natural, para volver ao traballo unhas horas pola tarde. Cunha humildade abraiante e cunha lucidez futurista, Torras confesa que aprendizaxe é un fenómeno permanente que se produce ao longo de toda a vida. Ten declarado en diversas ocasións que “o marabilloso da pintura é que nunca se remata de aprender”, o que lle permite continuar ensaiando novas técnicas e novos produtos, explorando outros temas para ofrecer unha obra aínda máis atractiva e depurada. Unha actitude vital e unha disciplina creativa máis que encomiable en tempos de conformismo como os que vivimos.

Neste ano no que cumprirá os cen anos ben sería que a cidade que tanto ama e continúa pintando lle dedique unha lembranza para sempre no seu rueiro: Rúa Pintor Luis Torras.

Virxilio Viéitez no Marco


https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2010/10/25_Virxilio-Vieitez1.jpg

Cando se cumpren dous anos da morte de Virxilio Vieitez, o fotógrafo de Soutelo de Montes, acaba de inaugurarse un completísima exposición retrospectiva no Marco (case trescentas pezas) que desvela boa parte da súa obra que permanecía inédita. A exposición, coproducida polo Marco e pola Fundación Telefónica e comisariada pola italiana Enrica Viganó, vai máis alá do Viéitez que coñeciamos pola exposición e polo libro que hai doce anos publicaran Xosé Luís Suárez Canal e Manuel Sendón para O Centro de Estudos Fotográficos. Desta volta preséntase o que podedmos denominar «Virxilio total», con atención especial ao retrato dos documentos de identidade sobre fondo branco (de grande interese documental e etnográfico), así como o inicio da súa utilización da cor, que coincide cun momento de profundo cambio social (e político). Como sinala Enrica Viganò cada un destes retratos de Virxilio crávansenos na memoria pola súa elegancia formal, xa que cada unha das súas fotografías é «intensa, nítida e potente». Unha exposición que paga a pena visitar devagariño. Hai tempo para gozala, xa que estará aberta até o 24 de abril. Agardamos a poder coñecer o catálogo, chamado a se converter nun clásico da arte contemporánea galega.

Aquí pode descargarse en pdf unha guía de 32 das fotografias da exposición.

«A forza das minorías» Congreso IBBY, Compostela 2010

Gustoume o o proxecto gráfico deseñado por Xan López Domínguez para o espazo web do Congreso do IBBY 2010 en Compostela.

Xa se coñecen algúns dos primeiros nomes de conferenciantes, seminarios ou de actividades dunha cita extraordinaria e decisiva para o sector editorial galego.

[Poden colocarse banners no blog e descargarse folletos co avance do programa]

«Galicia 25. Unha cultura para un novo século»

A exposición «Galicia 25. Unha cultura pra un novo século», inaugurada este serán no Centro sociocultural de Caixanova, é toda unha mostra de orgullo polo propio. Presentada en tres espazos e vinte e cinco módulos temáticos, organizada polo Consello da Cultura Galega con motivo do seu vinte e cinco aniversario, deseñada por Imago Mundi e producida por Merlín Comunicación, esta exposición constitúe un escaparate inédito sobre o paso de xigante que deu a cultura galega nestes cinco lustros. Volveremos sobre os contidos desta proposta. Recoméndoa vivamente.

Voces de basalto negro



Sen dúbida, a actividade de maior proxección da Semana Cultural de Galicia en Damasco é a intervención de Xosé Freixanes no Jan Asaad Basha, unha impresionante hospedería para comerciantes construída durante a época otomana e situada no corazón do famoso zoco de Damasco.
A instalación de Freixanes (repite as experiencia de Casabalanca e Amman), titulada “Voces de basalto negro”, propón un diálogo harmónico con este edificio emblemático (transformado polo goberno sirio en centro cultural) a través dos textos e das voces de sete poetas do século XX, entre os que se atopan Pexegueiro, Cunqueiro, Valente, Gamoneda, Berger, ademais dunha ampla presenza de autores árabes como Nizar Qabbani ou Ali Ahmad Said (Adonís).
Na planta baixa desta antiga residencia do camiño da seda, Freixanes (axudado por un amplo equipo de alumnas da Facultade de Belas Artes de Damasco) dispuxo un debuxo realizado con fariña de arroz e terra de pedra de basalto negro. Empregando a técnica do estarcido, o pintor pontevedrés caligrafa pequenos fragmentos en árabe desta selección de poetas, todos eles comprometidos co diálogo entre pobos. Mentres que en cada un dos cuartos da primeira planta moumean os poemas, no idioma orixinal de cada poeta, cuxos textos podemos ler en pequenos fragmentos no chan. Todas as voces xuntas crean no espectador unha “confusión de linguas” (árabe, galego, español, inglés e francés) case inintelixible, que o espectador vai depurando a medida que se achega a cada un dos espazos onde pode gozar dos poemas que se recitan. Por último, noutros catro cuartos da hospedería proxéctanse de forma continuada vídeos dos pasos dos cidadáns doutras tantas cidades do mundo, expresando nesta caligrafía de pés o bulir e as contradicións deste mundo global.
Unha intervención artística espectacular que amosa as posibilidades das artes visuais e do poema como ferramentas de diálogo e de comprensión entre culturas.

Nace Cultur.gal

Despois dunha coidadosa xestación de dous anos onte, por fin, foi anunciada a primeira edición de Culturgal, a grande feira do libro e da industria cultural que organizamos os editores galegos. Esta Feira, que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra do 10 ao 14 de maio, está chamada a converterse na grande cita anual e punto de encontro de todos os sectores da industria cultural galega (especialmente do mundo do libro e do disco) co público. A calidade do espazo web, a importante cobertura institucional e a profesionalidade na organización anuncian que o evento debe constituírse nun grande éxito. Dende o blog seguiremos de forma preferente a elaboración do programa de actividades desta cita na que temos postas tantas esperanzas.

Etiquetas: