Proxecto-Edición, A Feira

A Feira do Proxecto-Edición é unha moi boa iniciativa á que, despois da celebración da súa primeira edición esta fin de semana, aínda lle queda moito treito para consolidarse como cita de encontro da edición artística e alternativa e do mundo do deseño. Na miña visita comprobei que o mellor son os contidos expositivos, sexa polo interrogador e o orixinal dalgunhas propostas da chamada edición “alternativa” como pola calidade dalgunhas publicacións, especialmente Entre-cruzar, a publicación da feira. Porén, o máis decepcionante foi a abraiante falta de público na Feira (apenas uns centos de persoas cando eu estiven), quizais provocada por unha deficiente política de comunicación dos organizadores e, seguramente máis, pola inercia dos nosos medios de comunicación para alertar sobre estas iniciativas.
A mesa redonda na que participei o domingo sobre a distribución da edición comercial foi para min, tamén, un chisco incómoda na medida en que alí se volveron a repetir moitos prexuízos sobre o estado actual da edición. Non acredito na diferenza entre editores independentes (supostamente libres) e comerciais (supostamente amordazados) na medida que todos dependemos da recepción dos nosos produtos por parte dos lectores. Outra volta, seméllame máis operativa a diferenciación que Giulio Einaudi, como sinalou moi acertademente Víctor F. Freixanes, estableceu entre editores de cultura e editores de mercado.
Compracerse na diletancia dunha suposta edición independente, á que nada lle importan os resultados comerciais dos seus produtos e a súa visibilidade no mercado global, é, para min, xa moi pouco defendible. Aproveitarse das posibilidades da nova textualidade electrónica ou dos mecanismos da impresión baixo demanda son camiños que tanto os chamados editores independentes (ou “alternativos”, como a eles gusta denominarse) como os editores tradicionais debemos saber explorar para promover unha edición cultural.
Agardo que en vindeiras edicións esta Feira, moi ben arranxada nos seus aspectos técnicos, colla maior pulo entre o público interesado no mundo do deseño, da arte, das publicacións periódicas e, en xeral, no mundo do libro. Para os editores galegos foi unha boa proba de cara á preparación do do Culturgal no mesmo recinto e que pretendemos celebrar no mes de maio de 2007.

Etiquetas: ,

Menchu Lamas: sombras no labirinto

No artigo da semana falo da exposición de Menchu Lamas no CGAC (é incrible que o noso primeiro centro de arte contemporánea teña pechado o seu espazo web). Recomendo tamén o magnífico catálogo (mágoa que tampouco poida atoparse referencia na rede).

Menchu no CGAC

Mañá abre a exposición de Menchu Lamas no CGAC, a que promete ser unha das máis importantes exposicións da tempada. Sempre tiven unha grande querenza e admiración polo traballo desta pintora de trazo rotundo e apaixonado. Gosto da depuración á que ven sometendo as súas características iconas, tanto pola intensidade no tratamento da cor coma pola súa capacidade de enmarcalas nun universo de plurisignificados. Haberá que falar devagariño desta antolóxica do seu traballo da última década.
Etiquetas: , ,

Os oitentas de Virxilio

Xa me tarda en poder visitar a exposición antolóxica de Virxilio, inaugurada esta tarde en Compostela. O xenio do Cumial é un dos meus pintores preferidos, sexa polas formas sinuosas das súas mulleres campesiñas e emigrantes, for polas súas paisaxes elementais ou pola potente caligrafía que inmortalizou nas capitulares da Enciclopedia Gallega.

Estes douscentos cadros é unha retrospectiva ben importante. Alí acudiremos.

Urbanitas

No artigo da semana recomendo a exposición Urbanitas que se inaugurou o venres pasado en Marco. É importante que o museo recoñeza o traballo destes artistas novos que, nalgún caso, xa admirabamos polo seu traballo na rede.
Sobre a exposición hai unha magnífica reportaxe en culturagalega, incluíndo un completo backstage fotográfico sobre a montaxe e produción dalgunha das obras.
Paga a pena coñecer tanto as obras na rede como vivilas no museo.
A foto é de Xosé Manuel Lens.

Diáspora


Maruja Mallo, Muller con cabra

Recomendo a visita á exposición Diáspora do Marco.