Escribir a man

Escribo a man as primeiras versións de todos os textos que publico, sexan artigos ou presentacións. Fágoo nos meus cadernos, aos que chamo «brétemas», que conservo numerados na biblioteca, xeralmente a lapis afiado e con caligrafía ligada escolar, como a que aprendín hai catro décadas cando me formei en grafomotricidade con Juan Antonio García Núñez, descompoñendo a escritura nunha combinación entre trazos horizontais, verticais e bucles arriba e abaixo. A esta altura da miña vida, utilizar a escritura manual, a pesar de demorar a produción textual, constitúe un excelente traballo artesán que contribúe a estimular a miña actividade cognitiva. E o certo é que son numerosas as razóns que dende a neurociencia aconsellan que continuemos escribindo a man, ao tempo que o facemos nos teclados das computadoras e dixitamos nas pantallas de teléfonos e tablets. A escritura a man é a nosa primeira marca de identidade, activa a memoria en movemento e a forma na que absorbemos a información, cultiva a paciencia e estimula a expresión creativa. Compromete a actividade da maior parte do cerebro, sobre todo daquelas rotinas adestrables como a motricidade fina, habilidade cognitiva que permite a fluidez do útil e a continuidade do trazo premendo de forma suficiente sobre o papel. A caligrafía é unha actividade artesanal e sensorial na que están comprometidas as mans, os brazos como a totalidade do corpo, polo que son comprensibles as apelacións literarias que reclaman que vivir é escribir con todo o corpo, ou que a escritura manual é unha forma primeira de afirmación da vida. Quizais sexa por esta razón utilitaria pola que países como Noruega, que abandonaron nas aulas de Primaria a aprendizaxe da escritura cursiva, trasacorden agora polos beneficios da caligrafía para as aprendizaxes básicas. Coma sucede na lectura, a escritura do noso tempo é híbrida, manuscrita fluída, continua e con afán de permanencia sobre o papel, como a dixital é descontinua, fráxil e permanentemente revisable.

Publicado en Nós diario: 27/08/25

Polo correo do vento

«Polo correo do vento» é un poema de Aquilino Iglesia Alvariño recollido na antoloxía da súa poesía infantil que co mesmo título apareceu en 1994 na colección Merlín: «Polo correo do vento / mándoche a miña canción, / nun sobre de sentimento / que asinei co corazón.» Foi tamén o nome que escollemos para unha colección pioneira e histórica na Lix galega, libros interactivos de textos e actividades sobre animais, contextualizados na xeografía e historia de Galicia, na que Enrique Mauricio Iglesias «Mau» se ocupaba dos textos e Carlos Álvarez Taboada «Pin» dos debuxos. Iniciada por Mariquiña, a carteira andoriña (2008), a colección tivo en Xerais sete títulos. Proposta de lix de non ficción afondada en Lela edicións, a editora monolingüe que fundaron onde publicaron breves e moi visuais biografías de mulleres galegas, así como libros de banda deseñada sobre persoeiros da nosa cultura. Comprometidos co fomento da lectura en galego, fixeron centos de sesións divertidísimas e participativas de animación lectora, de uso do galego e de desenvolvemento da creatividade e expresión artística polas escolas do país, como por librarías, bibliotecas públicas e auditorios municipais, nas que Enrique se ocupaba da parte oral mentres Carlos debuxaba. No pasamento tan inesperado de «Pin» Carlos Taboada, a alma gráfica de Polo correo do vento, é imprescindible salientar o seu carácter de sólido narrador infantil, finalista do Premio Merlín en dúas ocasións, co excelente debut A biblioteca de Pedrarcana (Xerais 2018) e a recente O caderno de Roque (Xerais 2025), dúas novelas arredor da lectura, desbordantes de humor e fantasía, nas que tamén se ocupou ilustralas co seu grafismo rotundo e claro, sinxelo e informativo, característico de toda a súa obra. Con todos os abrazos para os seus familiares e para «Mau» o seu cómplice, recollo os versos finais do poema Polo correo do vento de Aquilino: «Cando por aí pase o vento, / Terriña do corazón, / nun sobre de sentimento / darache a miña canción…»

Publicado en Nós diario: 20/08/2025

Infancia migrante

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao conflito da derivación de menores migrantes de Canarias a outras comunidades:

Entre o incesante xenocidio sionista da poboación palestina en Gaza e a ameazadora guerra arancelaria da administración estadounidense, apoiada polo discurso de odio da dereita extrema europea, a acollida da infancia migrante saíu fóra do foco da axenda pública. Porén, unha parte dos 5.800 menores de idade non acompañados, que viven en condicións precarias en centros de acollida, situados en Canarias e Ceuta, agardan ser trasladados a partir do 28 de agosto a outras comunidades. Un realoxamento de arredor de tres mil persoas a outras comunidades españolas, crianzas a protexer que, tras a vergonzosa liorta política do pasado inverno, deben quedar fóra da estratexia da crispación partidista.

Reasentamento obrigado, que se producirá ao abeiro dos criterios fixados no Real Decreto Lei 2/2025 de 18 de marzo sobre medidas urxentes para a garantía de interese superior da infancia e da adolescencia antes situacións de continxencia migratoria extraordinaria, mesmo a pesar do desacordo da Xunta de Galicia e doutras comunidades gobernadas polo PP e Vox, que interpuxeron recurso diante do Tribunal Constitucional.

Situación comprometida para estas persoas, denunciada por Amnistía Internacional, tanto pola precariedade actual dos recursos residenciais, situados fóra da península, en naves e edificios prefabricados, algún situado nun polígono industrial abandonado, que ademais de saturados non reúnen unhas condicións mínimas para unha acollida digna. Vítimas ademais doutras vulnerabilidades denunciadas como erros e mala praxe na identificación, atrasos na solicitude de asilo ou na xestión da súa documentación, como mesmo da existencia de malos tratos, privación de comida, confiscación de teléfonos, insultos ou castigos desproporcionados na rede saturada de (82) centros canarios de acollida. Nenos e nenas, rapaces e rapazas, que foxen de violacións dos dereitos humanos, de situacións traumáticas, como a das rapazas que sufriron mutilación xenital, trata ou simplemente do desamparo no que quedaron fuxindo das guerras africanas esquecidas, como as de Malí ou Sudán. Menores, algúns, que levan nesta rede de centros de Canarias máis de catro anos, pasando dun a outro, sen que se lle recoñeza, superada a maioría de idade, o seu carácter de refuxiado, quedando así no limbo da irregularidade.

Tanto o Goberno de España, como a comunidade de Canarias e a cidade autónoma de Ceuta, como o resto das CC.AA., no marco da Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia, deben asumir a necesidade de coordinación, a repartición obrigatoria, a solidariedade e a responsabilidade compartida para garantir os dereitos destas persoas menores e asegurar a súa protección efectiva. Como reclama Amnistía Internacional, xa abonda de que se faga política partidista con este tema. Estes nenos e nenas, chegados as nosas fronteiras tras vivir historias durísimas, non poden ser considerados como moeda de cambio das relacións entre comunidades nin forzas políticas.

Secasí, no caso de Galicia corresponde organizar a acollida á Consellaría de Política Social e Igualdade, liderada por Fabiola García Martínez, que nestas semanas de agosto xa debería ter prevista cal será o seu modelo para acoller a 317 destas persoas menores, cifra prevista dende hai meses. Mágoa, que a cancelación da Conferencia Sectorial, boicoteada polas comunidades gobernadas por PP e Vox, alegando o carácter inconstitucional do Decreto 2/2025, na que se ía pactar a acomodación inmediata de tres mil destas persoas, sexa utilizada pola responsable da política de Infancia da Xunta de Galicia para rexeitar a proposta do Goberno de España e para xustificar a imposibilidade de acollelas por non contar nin con cartos nin recursos suficientes para sostelas, na rede de acollida galega xa saturada.

Recursos económicos que non deberían ser o problema principal, xa que son 100 millóns de euros os mobilizados a este teor polo Goberno de España para as CC.AA. Con todo, a cerna desta polémica reside en coñecer cal é o compromiso político da Xunta de Galicia de Alfonso Rueda para deseñar un programa de protección e acollemento humanizado, reforzando as estancias en familias e en centros pequenos sobre o das macroresidencias, modelo que xa amosou o seu fracaso.

Sen esquecer, como sinala Sara Prieto, voceira de Amnistía Internacional en Galicia, «a obriga da Consellaría de Asuntos Sociais en garantir o interese superior do menor e o seu dereito a ser acollido nunhas condicións dignas, que lle permitan acceder a documentación e protección internacional, así como a programas educativos que favorezan a súa transición á idade adulta». Protexer a infancia migrante non é unha querenza nin un agasallo, é unha obriga de respecto dos dereitos humanos.

Inmersiva e plurilingüe

No proceso de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) tres cuestións limitan o seu alcance. Primeira: a pretensión de outorgarlle perfil baixo a Educación Lingüística (EL), poñéndoa á mesma altura das «medidas salvadoras» da lingua  propostas polas expertas e a propia cidadanía. Segunda: a decisión do Goberno Galego de poñer o límite do acordo sobre a EL en que non incorpore o termo «inmersión», entendida polo Partido Popular de Galicia con «monolingüismo». Terceira: a pretensión de considerar tanto o PXNLG como a EL como cuestións técnicas, cando se tratan de medidas políticas de primeira orde para o futuro de Galicia e da súa supervivencia como suxeito político. De todas as tres, inferimos que a chave dunha actualización consensuada, como foi a de 2004, do PXNLG radica en deseñar un modelo de EL alternativo ao Decreto de Plurilingüismo (2010), capaz de recuperar a transmisión oral da lingua nas idades temperás e permitir acadar idéntica competencia nas linguas oficiais ao remate das etapas obrigatorias. Mágoa que non escoitemos falar aos responsables da comisión de expertas do PXNLG nin apenas ás voces das institucións e entidades socioeducativas galeguistas sobre cales serían os contidos e o enfoque dun novo modelo de EL, baseado no plurilingüismo restitutivo, polo tanto cun nivel imprescindible de inmersión lingüística, ademais do desenvolvemento decidido da competencia plurilingüe e da incorporación da aprendizaxe do portugués dende a Educación Primaria. E a este teor non esquezamos que todas as linguas absórbense por inmersión dende a primeira infancia, razón pola que a inmersión non pode quedar fóra dun modelo alternativo. Urxe que as entidades socioeducativas galeguistas asuman a súa responsabilidade e poñan sobre a mesa con rigor a súa alternativa de EL inmersiva e plurilingüe. Só así se podería reorientar a dimensión dun imprescindible «acordo pola lingua» do que os sectores galeguistas e nacionalistas nunca poden quedar fóra.

Publicado en Nós diario: 06/08/2025

Medicina en Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á polémica sobre a Facultade de Medicina:

Ricardo Cao Abad, profesor de Estatística, presidente do comité de expertos de Acción Matemática contra o Coronavirus (2020), reitor da Coruña dende hai ano e medio, encabeza a reclamación dunha segunda facultade de Medicina para Galicia, implantada na súa Universidade. Cao considera que existe unha demanda social insatisfeita destes estudos e que a UDC ten capacidade e recursos suficientes para contar cun novo centro público para estas ensinanzas, utilizando o mesmo procedemento que levou á creación das facultades de Dereito e Informática, impartidas hoxe nas tres universidades.

O reitor coruñés reabre o debate sobre a ampliación das facultades de Medicina en Galicia, existente dende a segregación da Universidade de Santiago no curso 1989-1990 que, tras a aprobación da Lei 11/1989 de 20 de xullo de ordenación do sistema universitario de Galicia, supuxo a creación das universidades de Vigo e da Coruña, ao tempo que tras o acordo dunha comisión tripartita se implantou un mapa de titulacións das tres universidades en sete campus. Xa dende aquel inicio as dúas novas universidades aspiraron a incorporar Medicina a súa oferta educativa, que quedaba en exclusiva para a USC, que impartía estas ensinanzas dende 1648 e no seu emblemático edificio dende 1928. Máis en concreto, en 2009 o alcalde de Vigo Abel Caballero, que gobernaba en coalición co BNG, reclamou abertamente a creación dunha segunda facultade de Medicina como a pata que lle faltaba á Universidade de Vigo, considerándoa «unha das grandes demandas da cidade». Petición á que se sumou o reitor da Universidade da Coruña que estimaba que abrir a facultade custaría 9 millóns de euros.

Hai dez anos abriuse de novo a polémica, pechada tras a sinatura do convenio do 30 de abril de 2015, entre os tres reitores e as consellarías de sanidade e de educación, polo que a Universidade de Santiago se responsabilizaría da planificación e organización dos estudos do grao de Medicina en Galicia, ao tempo que se establecían as regras de deslocalización das ensinanzas clínicas de 3º a 6º cursos nos hospitais do Sergas da Coruña e Vigo, a cargo do profesorado asociado de Ciencias da Saúde (PACS) das Universidades de Vigo e da Coruña. Acordo vixente, polo tanto vinculante, que só foi implantado no chamado rotatorio de 6º, quedando sen explorar as súas posibilidades, semellantes ás do modelo formativo vasco ou madrileño, onde a docencia tanto a clínica como a académica é impartida nos hospitais públicos dende o 3º curso. Posibilidade que xa se contemplaba no proxecto orixinal do hospital de Vigo do goberno de Touriño, que contaba cunha unidade docente con seis aulas, unha biblioteca e un quirófano experimental, dotacións universitarias suprimidas no proxecto definitivo recortado polo goberno de  Feijoo.

Acordo de 2015 que con criterio construtivo e lealdade institucional Manuel Reigosa, o actual reitor da Universidade de Vigo, propón actualizar e mellorar, ao fío da evolución e progreso da rede hospitalaría pública galega como das ensinanzas das tres universidades galegas e das 56 facultades de medicina existentes en España. Avance na descentralización imprescindible e inevitable, como tamén o parece o incremento das prazas docentes do primeiro curso, que en 2025/2026 superan as 400. Deslocalización que debe ser iniciada, sen demora, nos tres vindeiros cursos e obriga á Xunta de Galicia a proporcionar os recursos necesarios para facela efectiva. Como as universidades de Vigo e da Coruña deben contar co profesorado acreditado suficiente (proceso complexo ao que non son alleas as presións dos colexios médicos e doutros lobbies) que, como o reitor vigués expresou, será necesario converter de asociado a vinculado, o que lle permitiría impartir tamén docencia teórica.

Avance sen volta posible na descentralización académica e clínica, que non supón renuncia ningunha da Universidade de Vigo a contar cunha facultade propia de Medicina, no marco do desenvolvemento estratéxico dun novo mapa de titulacións do Sistema Universitario Galego para o período 2025-2050. Mapa de titulacións no que se deberán pechar as obsoletas ou as duplicadas que perderon a súa razón de ser. Mapa no que se deben abrir outras titulacións que dean resposta as novas necesidades formativas, de investigación e transferencia, como ás demandas sociais e territoriais. Un novo mapa universitario galego que procure máis a cooperación ca competencia, a descentralización ca xerarquía centralizadora e procure a excelencia formativa e os intereses xerais sobre os corporativos. Con eses criterios é moi probable que a descentralización dos estudos de Medicina reclamada polo reitor vigués sexa o embrión dunha futura facultade viguesa de Medicina con sede nun Cunqueiro ampliado.

Tolerancia

O anuncio da Consellaría de Educación de que as actividades complementarias, non incluídas na Programación Xeral Anual do centro, deben ser aprobadas polo equipo directivo e comunicadas ao Consello Escolar e a Inspección Educativa, abre a batalla ideolóxica educativa do goberno Rueda. Incluída no documento de instrucións de principio de curso, o que limita o seu alcance normativo, ao tempo que dificulta o funcionamento dos centros cun novo e disuasorio trámite burocrático, esta medida ensaia o discurso ayusiano de meter en cintura ao profesorado progresista, mobilizado en Galicia este curso polo futuro da lingua, de Altri ou do xenocidio palestino. Utiliza o argumento tan reseso de «neutralidade ideolóxica», coma se fora posible educar sen un sólido soporte de valores e sen que os centros abran as portas a artistas e profesionais diversas. Non esvararían en tan provocadora polémica, o conselleiro e a súa directora xeral de Ordenación e Innovación, se leran antes as dúas páxinas que Paulo Freire escribiu sobre o tema no artigo «A tolerancia unha das calidades fundantes da vida democrática». Se ben non é posible a neutralidade ideolóxica, na educación pública hai un compromiso irrenunciable cos valores republicanos de igualdade, liberdade e fraternidade, alicerces da convivencia co emprego do diálogo crítico e co rexeitamento de calquera tipo de discriminación. Iso que o brasileiro resume coa palabra «tolerancia». Instancia da propia existencia humana, a tolerancia non é sinónimo de indiferenza nin de pasividade, todo o contrario, é diálogo permanente, respecto a quen é diferente, aos seus soños, as súas ideas ou as súas opinións. Non hai convivencia posible nas nosas comunidades educativas sen persoas activistas (profes e familias) desta tolerancia virtuosa comprometida cunha educación como práctica da liberdade. Dar estoutra batalla ideolóxica nas aulas, aparentemente perdida, pode parecer outra torpeza de Rueda, que non quere perder nin un voto máis na dereita extrema.

Publicado en Nós diario: 18/06/2025

Híbrida

Tras a posta en marcha en 2010 do Proxecto Abalar como estratexia de dixitalización nas aulas, a Consellaría de Educación admite por vez primeira na súa Resolución de 13 de maio de 2025 que os centros participantes no proxecto E-dixgal, nacido en 2014/2015, poderán incorporar libros impresos, en tres materias no caso da Primaria e en dúas das obrigatorias de tres horas na ESO. Unha medida imprescindible para salvar in extremis un modelo de dixitalización educativa promovido por AMTEGA contra vento e marea, nunca debatido nin sometido a avaliación externa, cuestionado por profesorado e familias, do que desertan cada ano máis centros insatisfeitos pola baixa calidade dos materiais dixitais, fose pola súa escasa interactividade e orixinalidade como pola precariedade metodolóxica do seu deseño didáctico; sen menoscabo dos efectos nocivos do uso prolongado e único das pantallas como soporte lector e formativo neste alumnado en plena adolescencia. Modelo de educación híbrida, no que nas aulas se comparte o uso de recursos nas computadoras e pantalla dixital co de libros de texto e outros soportes impresos, defendido dende 2008 polas editoras galegas, que nunca fomos escoitadas nin consideradas á hora do desenvolvemento deste modelo dixital. Outra decisión traumática co libro galego do primeiro goberno de Feijoo, disposto entón a rebentar o que algún dos seus membros chamou «burbulla editorial galega» que, xunto co decreto de Plurilingüismo, levou case ao colapso do noso sector editorial educativo. Benvido este paso atrás do equipo do conselleiro Román Rodríguez, ao que non parece allea a intención de conter á hemorraxia prevista de abandonos do programa E-dixgal e incorporar outros vinte novos centros. Mágoa que por desgraza chegue tarde, cando as nosas editoras ofrecen a concorrencia máis reducida da súa historia na renovación desta oferta hibridada. Rectificar é de persoas sabias, o que en todo caso se agradece e abre o camiño para outras emendas pendentes aquí reclamadas.

Publicado en Nós diario: 11/06/2025

Será por cartos

Xa non estraña a ninguén a retórica barolenta empregada por Valentín García, o secretario Xeral da Lingua, para defender como un cara lavada as políticas do seu partido. Con todo, a súa máis recente deriva na polémica sobre a oficialización das linguas cooficiais na Unión Europea merece ser comentada polo novidoso argumento utilizado e pola audacia á hora de defendelo. Para García este recoñecemento de oficialidade do galego na UE constituiría unha imposición que custaría cada ano 44 millóns de euros, razón pola que se opón a que sexa referendada, a pesar de que o PPG apoiou unha proposta a prol da medida, hai dúas semanas. Un exercicio de coherencia de quen dende 2012 asumiu, entre outras responsabilidades, o deseño dos modelos de educación lingüística e de recoñecemento do galego nas institucións. Certo que nesta derrota, xa nos afixemos a escoitar o seu argumento de atribuír á poboación migrante, para el «xente de fóra», ou 155.000 monolingües en castelán, como as causantes da calamidade estatística do galego. Xaora, era difícil agardar a súa preocupación polo estado das finanzas do Parlamento Europeo, obrigado a asumir unha cantidade desorbitada para unha oficialización que apoiaría sen este custe económico. Galego si, pero sen que custe cartos, é a receita que García ofrece aos responsables europeos, avalada pola súa traxectoria inmaculada como xestor na que o fomento do galego nunca supuxo perigo ningún para cadrar as contas dos gobernos de Feijoo e Rueda. E se alguén o dubidase, abonda acudir ao portal da lingua galega e comprobar como continúa vixente a austeridade das axudas do seu departamento, xustificada coa crise de 2010. Velaí os dous euros por alumno/a das axudas anuais para proxectos de fomento do galego nos centros públicos, adxudicadas a finais de abril ou o importe das destinadas para a publicación de materiais didácticos (200.000 euros) conxeladas dende entón, tras unha redución do 80 %. Non vaia facer algún braghantón un negocio co fomento do galego!

Publicado en Nós diario: 04/06/2025

Exclusión

«Expulsan dun colexio público de Vigo a un neno de infantil pola súa agresividade» leo no xornal local. Non se trata dunha fake news, a noticia está contrastada coas familias do CEIP Emilia Pardo Bazán, coñecido en Vigo como Chouzo­. Trátase dun neno de 6º de Infantil “castigado” a non acudir á escola por “razóns disciplinarias”, que no curso pasado fora escolarizado nun centro concertado, onde tamén adoptara condutas agresivas continuadas co alumnado e co profesorado. Un alumno con claras necesidades de apoio educativo, escolarizado nun grupo de 13 alumnos, probablemente neurodiverso, aínda non diagnosticado en Neuroloxía Pediátrica, como centos doutros escolares nosos con problemas condutuais e emocionais. O extraordinario do caso do Chouzo é a decisión do centro, adoptada co amparo da Inspección e do Xefe Territorial, de expulsar temporalmente ao pícaro de 5 anos “cantas veces sexa necesario” e de xustificala co regulamento do centro na man. Exclusión á que se chega, despois de que a dirección solicitase unha coidadora máis para o centro (da que a consellaría di non dispoñer na bolsa de interinidades) e outra especialista en Pedagoxía Terapéutica (que a administración considera non lle corresponde por catálogo). É posible que non exista mellor solución que deixar o pícaro na súa casa? É isto admisible no actual modelo de educación inclusiva e acompañamento emocional individualizado do que presume a consellaría? Secasí, tras os parches conxunturais da pandemia dos programas Proa + e Acompaña, o persoal que asumimos a responsabilidade do Departamento de Orientación (DO) sabemos que non hai posibilidade de atención á diversidade dende un enfoque inclusivo sen reforzar os DO dos centros co persoal suficiente. Sen refacer (dende 2008) os catálogos obsoletos da rede de orientación educativa galega, que afectan as especialidades de orientación, PT, AL e persoal auxiliar, non hai inclusión educativa posible. O resto serán brindes ao sol ou solucións vergonzosas como a denunciada.

Publicado en Nós diario: 28/05/2025

Salvar a lingua

Non comparto a idea de facer un concurso de ideas entre «persoas expertas» como o convocado pola consellaría de lingua coa intención de salvar o galego da que semella plácida extinción, unha vez erradicado da escola e da transmisión familiar. Nin tampouco as posicións galeguistas que diante da incapacidade do sistema educativo público para garantir a dobre competencia nas linguas oficiais, asumen como alternativa posible en medios urbanos un modelo de educación lingüístico privado para as súas crianzas. Posicións, que comprendo no contexto actual, onde non hai políticas públicas activas co galego, tanto da Xunta como das administracións locais, mais que comparten o derrotismo para a causa da lingua. Pola contra creo que será decisivo para a socialización lingüística o que suceda no eido familiar como o que aconteza nas aulas e nos patios, sexan da rede pública como da concertada, relixiosa ou laica. Coma influirá nese porvir o seu peso nas comunidades dixitais, onde ten presencia insuficiente. Con todo, o futuro do idioma noso continúa residindo na súa resiliencia asertiva para xuntar vontades e compromisos familiares, para construír argumentacións sólidas na defensa dunha educación lingüística inmersiva nos patios e nas aulas. Ademais de ofrecer prácticas galeguistas atractivas nas que coincidan maiorías sociais, no deporte, na lectura, na música ou na literatura, onde o galego posúe espazos interxeracionais de tamaño suficiente para ser recibido con simpatía e fidelidade. Chamar polo enterrador da lingua, como fan algunhas voces, é inadmisible ao tempo que por fortuna innecesario. Asumir, como afirman outras agoreiras, como inevitable o modelo irlandés dunha Galicia sen lingua de seu, tampouco é unha posición nin realista nin esperanzadora para a causa da nación e o horizonte do seu autogoberno. Tócanos asumir a posición máis incómoda para salvar a lingua e o propio país: a de termar das propias forzas e transformar con intelixencia as debilidades en novas oportunidades.

Publicado en Nós diario:  30/04/2025