Mil primaveras máis

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao discurso de Álvaro Cunqueiro no que acuñou o sintagma «Mil primaveras máis»:

Por coñecida que fose, sempre emociona ler, e aínda moito máis escoitar, a apoloxía que en defensa de Galicia e da súa lingua fixo o escritor Álvaro Cunqueiro o 24 de abril de 1980 na histórica homenaxe que recibiu no hotel Samil de Vigo. Un texto oral, pronunciado de forma improvisada e emocionada, sen mediar apunte escrito ningún, concibido como manda do seu epitafio, que un ano despois se convertería en extraordinario legado ao futuro da lingua e patria galegas. Homenaxe que lembra moi ben o editor Bieito Ledo, entón xerente da editorial Galaxia, onde se argallou e presentou como iniciativa dun grupo de amigos, coincidindo coa aparición no catálogo da editora de Reconquista 1 do primeiro volume da obra en galego completa, o de poesía e teatro, e dun disco (elepé) con poemas do mindoniense recitados na voz de Xohana Torres e acompañamento da arpa de Emilio Cao. Iniciativas promovidas coa intención de subirlle o ánimo a don Álvaro, entón moi baixo, fose polas súas penalidades de saúde como pola aldraxe que o 28 de xaneiro moito o amolara, no acto de investidura como doutor honoris causa da Universidade de Santiago de Compostela, xunto a Camilo José Cela e o filólogo alemán Joseph M.Piel, tras unha protesta estudantil dirixida, sobre todo, contra o reitor José María Díaz Suárez Núñez.

Lembra Bieito Ledo que ao acto non puido acudir o alcalde Manuel Soto, mais que si acompañara ao autor de Merlín e familia no descubrimento da placa que dende entón leva o seu nome. Como non esquece o editor de Padroso ás numerosas adhesións recibidas, entre elas a dos Reis de España, nin que foi Carlos Casares quen deu paso ás intervencións do reitor da universidade, de Domingo García Sabell, entón presidente da Real Academia Galega, e de Paco del Riego, o amigo de toda a vida, que precederon ao memorable discurso de Cunqueiro, que por ventura quedaría gravado (e accesible hoxe en Youtube). Unha alocución de construción maxistral alicerzada toda sobre a expresión máis xenerosa e ampla da gratitude: «Quero dar as gracias a Deus por haber nacido nesta nación galega entre vós, por haber nacido no voso tempo e ser amigo voso…» Estratexia oral que lle serve, tamén, para dar conta da fala como cerna da identidade nosa: «Louvado seña Deus tamén por terme dado o don da fala nosa, por haberme ensinado a decir “rula” e “abidueira” e “dorna” e “ponte” e “fonte”, e entón eu, sabendo estas palabras, era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte.»

Peso decisivo da fala que don Álvaro pondera no contexto do seu compromiso como escritor de ficcións, tarefa que non é outra que contribuír a crear e fortalecer o idioma, unindo o seu futuro co da propia Galicia, mesmo cando aínda non se constituíra o primeiro goberno autonómico galego (1981): «As miñas invencións e as miñas maxias teñen, nembargantes, un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago, eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa esta outra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixera facer un eloxio, e eu estivera dando herba na terra nosa, podería decir a miña lápida: “Aquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.» Unha formidable ollada política na Galicia do porvir na que Cunqueiro, no cabo da súa vida, asume que a duración da nosa comunidade de mortos e vivos (o pobo galego e a súa memoria) depende da subsistencia do seu idioma. Desexo de don Álvaro de «mil primaveras máis para Galicia» que o discurso galeguista axiña transformou polo de «mil primaveras máis para a lingua galega».

O discurso de Cunqueiro e o sintagma das mil primaveras callou como icona galeguista sendo adoptado dende entón para identificar diversas iniciativas galeguizadoras. En Vigo é inevitable lembrar a campaña «Mil primaveras máis», promovida na primavera de 1986 por Radio Popular de Vigo e a Asociación de Pais en Defensa da Lingua (APADEL), reclamando o ensino en galego, que conseguiu máis de 2.500 asinaturas encabezadas polas de X.L. Méndez Ferrín e a do propio alcalde Manuel Soto, sempre comprometido coas iniciativas de fomento de uso do galego, que fixo do Vigo daquela referente na defensa da lingua. Como tamén foi inesquecible a campaña «Por min o galego terá mil primaveras máis», promovida por Prolingua na primavera de 2014, solicitando un compromiso individual que tecese unha rede de afectos ao redor do idioma. «Mil primaveras» acuñadas hoxe nos premios homónimos, promovidos dende 2019 pola CTNL, que recoñecen cada ano os mellores proxectos de fomento do galego. Grazas, don Álvaro, por esas mil primaveras máis para Galicia e a súa lingua!

Porrúa editor

O editor Paco Porrúa recibirá na Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego unha homenaxe cando se fan dez anos do seu pasamento en Barcelona, onde vivía dende 1977. Tributo que faltaba para un xigante da edición literaria do século XX, fundador hai setenta anos de Minotauro, editorial referente da ciencia ficción en castelán, e asesor, despois, director literario da editorial Sudamericana durante case dúas décadas, nas que apostou por obras hoxe esenciais na literatura contemporáena, como Rayuela (1963) de Julio Cortazar ou Cien años de soledad (aparecida o 30 de maio de 1967) de Gabriel García Márquez. Afortunado e intuitivo nas súas escollas e nas obras que traduciu, entre elas Crónicas marcianas (1955) de Ray Bradbury, que asinou como Francisco Abelenda e O Señor dos Aneis (1977) de J.R.R. Tolkien, firmada por Luis Domenech, ensinou que no exercicio do seu oficio, o editor debe ser anónimo e discreto, consciente de que non é outra cousa que o seu catálogo e que cando morra non quedarán máis que os seus libros. Sabía que a primeira función do editor era a de lector, para escoller os mellores textos, logo editalos ben e conversar e acompañar sempre aos autores. Prácticas que lle permitiron legar un catálogo extraordinario, encabezado polos autores citados, aos que engadiu tantos outros nomes, como os de Alejandra Pizarnik, Onetti e Sarduy, entre os sudamericanos, e Italo Calvino, Philip K. Dick, Ursula K. Le Guin ou Angela Carter, entre os traducidos. Nacido en Corcubión (1922), educado na Patagonia, onde emigrou con dous anos, nunca perdeu a súa relación con Galicia, a que regresou durante dous anos da súa adolescencia, o que non lle impedía confesar «ser un galego sen saudade». Retratado o 7 de xaneiro de 1973 na serie «Figuraciós» de La Voz de Galicia, Luís Seoane recoñecía no seu amigo Paco Porrúa «a paixón polos grandes escritores aparentemente sen lectores». Rescatalo do esquecemento e reintegralo á memoria da nosa edición histórica merece todas as beizóns.

Publicado en Nós diario: 08/05/2024

Galaicofobia

Tras O libro negro da lingua galega (Xerais 2021), o extraordinario traballo de investigación e divulgación de Carlos Callón sobre o galegofobia, o desprezo do galego como lingua e os episodios de represión lingüística, aparece agora Galaicofobia (Galaxia 2024), un moi valioso ensaio de Alexandre Peres Vigo sobre o odio ou desprezo por todo o vinculado con Galicia, o que ven ser pola súa xente, pola súa lingua e pola súa cultura. Dúas fobias documentadas na literatura española dende finais do século XV, lendas negras de desprezo, insultos e inxustizas antigaleguistas con séculos de historia. «Gallegueces» («antes puto que gallego», «Galicia rabo de Castilla», «monstros galicianos», «coz gallega», galego «roñoso» e «mozo de cuerda», «pobo atrasado e arcaico», «gallego el último»…) denunciadas e combatidas especialmente na primeira metade do século XX polo pensamento nacionalista galego como expresión da supremacía da metrópole madrileña, con toques xenófobos e inequivocamente racistas, mais que a pesar diso chegaron as pantallas do cinema e da televisión dos noventa e aos nosos días filtrándose por memes que actualizan os tópicos e estereotipos negativos de sempre (xente atrasada, introvertida e pechada á que lle falta criterio e decisión), como tamén os desa imaxinaria «Galicia profunda» que unha xuíza andaluza nun auto de 2021 localizaba nunha parroquia do concello de Muros. No remate de tan recomendable ensaio, Alexandre Peres Vigo conclúe que «tras 600 anos de galaicofobia resulta pouco probábel a súa desaparición a curto prazo», aínda que sexa « cada vez menos tolerábel e a sociedade galega, canto máis coñece a súa lingua, cultura e historia, maior respecto exixe». Con todo, sendo a cerna da galaicofobia a submisión e o desequilibrio de poder que marcaron as relacións entre Galicia e España, a superación do fenómeno pasa polo apoderamento político e económico de Galicia, outrosí pola vontade de ser do pobo galego reivindicando os seus dereitos e a súa dignidade.

Publicado en Nós diario: 01/05/2024

Sant Jordi

Os datos do Sant Jordi continúan sendo espectaculares. Tras o baixón da pandemia, segundo os datos de GfK, a consultora que audita semanalmente a venda de libros en España, a facturación do 17 ao 23 de abril de 2023 foi en Catalunya de 23,7 millóns de euros e 1,45 millóns de exemplares, dun catálogo de 80.600 títulos, dos que case dez millóns de euros (40 %) corresponden a libros en catalán (apenas o 18 % do catálogo), o que expresa unha envexable diversidade lectora e unha posición forte da edición catalá. Vendas realizadas nun 71 % na rede de librarías, para a que esta semana supón un terzo da súa facturación anual (máis aínda para as pequenas), concentrándose nun 44 % nas novidades lanzadas no ano, supoñendo os títulos de ficción o 37 %, non ficción 30 % e infantil e xuvenil o 26 %. Cifras ás que se engade a venda de máis de 5 millóns de rosas, segundo o gremio de floristas, nunha xornada de exaltación da lectura, o amor e a identidade catalá, celebrada dende 1929 (coincidindo coa Exposición Universal de Barcelona) e declarada pola Unesco en 1995 como día mundial do libro e dos dereitos de autor. Transformada hoxe en semana das letras e da lectura, con grande presencia nos centros escolares, veciñais e culturais, o Sant Jordi é unha institución cultural consolidada, á que dende Galicia ollamos con envexa, pola impresionante capacidade mobilizadora interxeracional da fórmula «libro e rosa» (factúrase en catalán nunha semana o que o libro galego en todo un ano)  como pola atención que os medios proporcionan a súa programación. Estratexia de éxito que en Galicia a Federación de Librarías, apoiada polo resto de subsectores do libro e da lectura, podería volver a ensaiar saíndo con entusiasmo a rúa o 17 de maio ou o 23 de febreiro, con fórmulas de sedución propias como a do «libro e flor (de toxo ou caravel…)» ou a miña preferida, «libro e molete de pan» (en colaboración coa Federación de Panadarías de Galicia (FEGAPAN), como xa se fai na Praza dos libros de Carballo.

Publicado en Nós diario: 24/04/2024

Memoria da Terra Chá

O escritor chairego Paco Martín leu o comezo da súa intervención na Polavila Docampo 2024 unha noticia que nos deixou estupefactos e rezaba máis ou menos así: «A proposta do Instituto de Estudos Chairegos levada ao pleno do concello de Vilalba para denominar unha sala do conservatorio de música, a casa da cultura e a biblioteca pública municipal cos nomes do músico Santiago Mato Vizoso e dos escritores Manuel María e Agustín Fernández Paz respectivamente foi rexeitada ao non acadar os dous terzos dos votos corporación, ao absterse o PP». Unha negativa xustificada polo regulamento sobre honras e distincións do concello de Vilalba que desde hai vinte anos obriga a contar cunha maioría cualificada (case unanimidade) para modificar os nomes dos inmobles municipais. Unha argucia que xustifica rexeitar as propostas do IESCHA, ao tempo que manter os nomes de Cidade Cultural Manuel Fraga Iribarne ou Auditorio Municipal Carmen Estévez. Un exercicio de cinismo político que me axudou a lembrar aquelas presentacións e homenaxes de Agustín na súa vila natal, onde nunca faltaban as gabanzas de Agustín Baamonde, líder dos populares vilalbeses, alardeando de compartir pupitre e andanzas escolares co escritor das Fontiñas. É un acto de dignidade que a Biblioteca de Vilalba leve o nome de Agustín Fernández Paz, hoxe o escritor vilalbés máis lido e traducido a media ducia de linguas, aínda máis cando esta biblioteca recibiu unha doazón de case sete mil exemplares do seu legado bibliográfico. Como é un acto de gratitude lembrar ao poeta Manuel María na Casa da Cultura, aínda máis cando foi en Vilalba onde celebrou o 15 de febreiro de 2003 o acto do seu ingreso da Real Academia Galega cun discurso memorable titulado «A Terra Chá: poesía e paisaxe». Os concelleiros populares vilalbeses non poden continuar bloqueando cunha argucia propia do máis reseso filibusterismo os xustos nomeamentos solicitados polo IESCHA, que forman parte todos os tres da memoria e do orgullo da cultura galega.

Publicado en Nós diario: 17/04/2024

Galician books

A edición galega regresou á Feira Internacional do Libro Infantil de Bologna, onde grazas á axuda de Cedro e da fundación Xistral contou cun espazo dentro do propio da Federación do Gremio de Editores de España. Unha decena de empresas, entre elas Kalandraka con amplo espazo de seu, contarán co apoio dun catálogo de dereitos no que se presentan setenta novidades das editoras desprazadas, baixo o lema «Galician books». Amais disto, sendo a escritora Fina Casalderrey candidata a Astrid Lindgren Memorial (ALMA), unha escolma da súa obra protagonizará un lugar destacado do espazo expositivo da AGE. Un esforzo dos nosos profesionais do libro infantil e xuvenil, hoxe o primeiro piar da edición en galego, tanto por facturación no mercado interior como por volume de edición, ao que continúa teimosamente alleo a Xunta de Galicia, que fai oídos xordos ás demandas do sector da edición, mais que participa en Boloña con espazo expositivo propio, utilizando o tradicional catálogo de novidades de Gálix. Unha lamentable ausencia de empatía do goberno galego, incrible en Cataluña e Euskadi, onde editoras e administración autonómica van da man nas feiras internacionais, máis aínda cando a Secretaría Xeral de Cultura continúa orientando a súa participación nesta cita, como na de Frankfurt e Guadalajara, máis á promoción turística que á da nosa edición. Sei que de pouco serve lamentar esta desconsideración persistente e severa dos gobernos de Feijoo e Rueda cun sector estratéxico da nosa industria cultural. Como abafa reclamar o cumprimento da vixente lei do libro e da lectura (2006) e a posta en marcha dunha estratexia compartida polos sectores do libro e a Xunta de Galicia para promover o libro, a lingua e literatura galega no mundo. Con todo, a pesar de traballar á intemperie, o sector editorial galego publica hoxe os mellores libros da súa historia, acuñando a marca «Galician books» como produto de excelencia, creatividade e rigor editorial. Proeza colectiva que celebramos con orgullo.

Publicado en Nós diario: 10/04/2024

O descoñecido Carolo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do descoñecido Carolo, primeiro heroe da Reconquista:

Da fértil representación da Reconquista, celebrada a pasada fin de semana, foi o lance máis emocionante (como ven sucedendo todos os anos) o da morte de Carolo, o heroico protagonista do derrubamento a machadazos da porta da Gamboa, das mans de quen tomou Cachamuíña a macheta para proseguir tan temeraria apertura. Un acontecemento presente en todos os relatos da proeza viguesa do serán do 27 de marzo de 1809, mais tamén un nome (Carolo) que polo que sabemos pertence máis a lenda que a historia local, xa que non aparece recollido como tal en documento ningún. Paradoxo ao que xa se refería en 1978 Xosé María Álvarez Blázquez no prólogo de Reseña de la Reconquista de Vigo, o libro monumental de Félix Estrada Catoyra, destacado médico militar, que agardou case setenta anos para ser publicado polo Banco Industrial de Bilbao, despois de que o texto fose premiado en 1909 en Compostela, coincidindo coa celebración do centenario da Reconquista.

No relato daquelas horas decisivas, Catoyra detalla o proceso e as cláusulas de capitulación da praza e forte de Vigo, asinada ás seis da tarde entre Chalot, comandante das tropas francesas, e doutra parte, por Crawford, comandante da fragata inglesa Venus, e polo coronel Morillo. Mais non esquece relatar a impaciencia coa que o Abade de Valadares e o seu exército popular agardaba fóra das murallas; espera rota ás oito e media da tarde cando comezaron a asaltar as portas da muralla, a pesar de contar cuns poucos fusís e carecer de canóns. Chegada esta hora, Catoyra salienta o heroico comportamento de todos os asaltantes e, mais en concreto, que «houbo episodios admirables, como o dun ancián mariñeiro do Berbés que comezou a destruír a machadazos a porta da Gamboa e caeu morto cribado a balazos polo inimigo, heroe anónimo cuxo nome sentimos non ter podido atopar en ningún dos documentos que manexamos mais cuxo feito é citado por todos os historiadores».

Continúa Catoyra o seu épico relato, que segue o do informe militar de Pablo Morillo, sinalando que o ataque foi dirixido polo afouto capitán Bernardo González del Valle «Cachamuíña» «quen ao ver morto ao mariñeiro tomou das súas mans a machada e coa forza hercúlea que o caracteriza fixo saltar as estelas da porta, mais cando esta cedía xa para dar paso aos seus soldados recibiu catro balazos que o fixeron caer en terra». Remata precisando que o tiroteo nas murallas cesou ás dez da noite, hora na que se presentaron dous oficiais franceses coa ratificación da capitulación, que se levou a cabo o día seguinte, 28 de marzo, cando a partir das dez da mañá diante das tropas do Abade de Valadares, Tenreiro e Almeida desfilaron os franceses desarmados en número de 46 oficiais e 1.213 sarxentos, cabos e soldados, antes de ser embarcados en lanchas que os transportaron ás fragatas inglesas fondeadas diante da Laxe.

Relato moi semellante ao da representación actual, que difire pouco do publicado en 1810 por José Fernández Neira en Proezas de Galicia, a primeira obra de autor coñecido impresa en lingua galega, como por Manuel Pardo de Andrade (1814), outro xornalista pioneiro, que rebaixa a tres os balazos recibidos por Cachamuíña, e engade «a quen lle mataron o machadeiro». Como ten grande valor documental a proclama titulada «Habitantes de Galicia»,  asinada o 9 de abril de 1809 polo vicealmirante inglés G. Berkley, conservada no Museo de Castrelos, a primeira referencia impresa do acontecemento da Reconquista, na que se remarca que «as mellores tropas [referíndose ás de Napoleón] poden ser vencidas e aniquiladas polos esforzos unánimes dun pobo determinado a ser libre [Vigo]». Anos máis tarde a figura deste mariñeiro do Berbés sería citada por José de Santiago na súa Historia de Vigo (1896) e polo cronista Avelino Rodríguez Elías, que chegou a identificalo con José Ovelleiro, o que parece dubidoso, xa que como afirma Eduardo Rolland no seu libro de referencia, Reconquista. Vigo en armas (Xerais 2009), este nome non aparece documentado nos libros de defunción.

En todo caso, a pesar de que non hai rastro de papel do alcumado «Carolo», ese mariñeiro de nome descoñecido é o maior e primeiro heroe do Vigo popular, encarnando, como sinala Rolland, «ao pobo común, esforzado e traballador». Unha figura, como a de Cachamuíña ou a dos abades das alarmas do Fragoso, necesarias para fixar o relato da Reconquista como o mito fundacional da cidade da oliveira, recoñecida como leal e valorosa en 1810, que adquire, por fin, o ano seguinte certa autonomía política, tras a abolición dos señoríos da mitra compostelá e a súa declaración como porto franco para as embarcacións inglesas. Tres consecuencias políticas moi relevantes para a historia, representadas no mito dos machadazos de Carolo, dunha cidade que dende entón nunca perdeu a súa ansia cívica.

Polavila Docampo

O editor Antonio Ventura incitou a Xabier P. DoCampo a que escribise un libro sobre o valor da lectura dirixido a persoas mediadoras. Tirando dese fío, Xabier, namorado do xénero epistolar como recurso creativo e de intervención política, escribiu unha das súas obras senlleiras, Catro cartas (Anaya, 2000; Xerais, 2020), na que reflexiona sobre a literatura como emoción compartida e os libros como un espazo de encontro. Dirixidas á amada, ao fillo, á mai e a Tusitala (R.L.S.), cun quinta peza, fóra de catálogo, a quen lese as anteriores, DoCampo reflexiona con lucidez e beleza sobre a lectura (tamén a escritura) como un traxe que lle senta ben a alma e fai a vida máis fermosa. Lectura e escritura, nas súas palabras, que desempeñan a función «de nos axudaren a nos coñecer e recoñecer», «dúas iniciativas individuais que nos axudan a indagar en nós e, ao mesmo tempo, se substancian no outro, por medio da entrega, da xenerosidade e do amor».

O vindeiro venres, 5 de abril, cando se fan 78 anos do nacemento do chairego, celebraremos no Fórum Metropolitano da Coruña a primeira edición do serán Polavila Docampo, unha iniciativa con vontade anual e itinerante das súas amizades para lembrar a súa figura e compartir e poñer en valor o seu extraordinario legado literario. Precedido de actividades nas bibliotecas escolares e coincidindo co ciclo de cine «Xabier P. DoCampo na memoria», abrirá o serán na biblioteca infantil unha sesión de contos, continuará coa lectura pública das Catro cartas por voces amigas, que darán paso á Gala Polavila Docampo, na que asistiremos a cerimonia máxica da narración da man de membros da Xeración Lamote, poetas, contadoras e cantoras, que participan todas de forma altruísta. Un serán para celebrar a Xabier, mais tamén para non esquecer, como el recordaba, a responsabilidade que como doadores de palabras adquirimos cada vez que alguén nos conta unha historia ou a ofrece para o gozo da súa lectura en alta voz. Beizón, mestre, por tan valiosa herdanza!

Publicado en Nós diario: 03/04/2024

Xeración Montserrat

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición «Xeración Montserrat»:

O meu sogro, o redondelán José Paz Villar, embarcado nas turbonaves da Transatlántica, contaba con detalle a avaría que o 9 de agosto de 1970 deixou ao Montserrat á deriva e ás escuras no medio do Atlántico, case a 1.500 millas das Canarias. Un salvamento de película que durante catro días viviron co corazón na man os 630 pasaxeiros e 180 tripulantes procedentes dos portos da Guaira e Curaçao onde se lle fixera ao barco unha reparación provisional nas bombas de alimentación, que non producían vapor suficiente para as turbinas, o que provocaba que avanzase con lentitude. Sen luz nin máquina, o buque escorou polo vento durante dous días, até que chegou o Begoña, o seu xemelgo na Transatlántica, procedente de Venezuela na rota inversa con 677 pasaxeiros e 194 tripulantes, que se situou a 180 metros tratando de achegarlle ao avariado o amparo posible.  Ambos os dous capitáns acordaron realizar unha arriscada e inédita operación de transbordo da pasaxe e de 6 tripulantes utilizando os botes salvavidas do Begoña. Unha manobra en profundo silencio, de trinta en trinta persoas, comezada ao amencer do 12 de agosto e finalizada ao mediodía, entre ondas de dous metros de altura e a presenza de quenllas, o que obrigou ao Montserrat a soltar fuel coa intención de que amainase a marusía. Proeza finalizada ao día seguinte cando se trasladaron mil maletas e outros efectos e o Begoña, previa emocionante despedida (con foguetes e pasodobre incluídos), colleu rumbo a Tenerife, onde chegaría o 19 de agosto con 1.507 persoas a bordo.

José Paz Villar fora un dos tripulantes (onde había un amplo grupo de galegos, singularmente, mariñeiros e camareiros do Morrazo) que agardaría no Montserrat a chegada o 15 de agosto do remolcador holandés Jacob Van Heemskerk que o levaría de novo a Curaçao para ser reparado nos estaleiros dese porto antillano. A Montserrat era xa entón unha turbonave que contaba con historia de seu e millóns de millas náuticas nos seus motores, sendo a súa presenza, coma a da Begoña, habitual na Estación Marítima de Vigo, como parte da liña da compañía Transatlántica Española, entre o porto inglés de Southampton e o venezolano da Guaira, con escalas regulares na Coruña, Vigo e Santa Cruz de Tenerife. Construída en 1945 nos estaleiros de Baltimore como buque de carga para a Armada dos Estados Unidos, co nome de Wooster Victory, foi utilizada primeiro para repatriar as tropas americanas e despois, entre 1948 e 1949, para levar ao novo estado de Israel a centos de xudeus refuxiados na China. Coma lle sucedeu á Begoña foi mercada en 1950 pola italiana Sitmar Line, transformada en buque de carga e pasaxe co nome de Castel Verde, pasando en 1957, como a súa xemelga, a Transatlántica que a bautizou co nome da patroa catalá. Despois de quince anos de travesías atlánticas, en febreiro de 1973 completou a súa derradeira singradura desembarcando en Vigo a 46 pasaxeiros procedentes de Inglaterra, antes de ser despezada en Castelló.

Durante a década de 1960, as escalas nos portos de Vigo e da Coruña do Montserrat e Begoña, marcaron un fito na nosa historia migratoria, tanto por tratarse do último éxodo galego cara América, neste caso a Venezuela, como por abrir o fluxo emigratorio cara o Reino Unido, que se consolidaría na década posterior. Período retratado polo fotógrafo coruñés Alberto Martí na súa serie «Os adeuses» que simboliza o mundo dos sentimentos que acompañaron persoas, baúis, fardos, maletas, gravadas na memoria colectiva de milleiros de familias. Período que no caso vigués coincidiu coa inauguración en 1959 do edificio monumental da Estación Marítima, proxectado polo enxeñeiro Manuel Espárrago Fernández, con relevos do escultor Camilo Nogueira, e polo seu ocaso nin sequera dúas décadas despois, cando o transporte aéreo adquiriu a súa primacía.

Memoria emocional daquela pioneira emigración galega ao Reino Unido retratada na exposición «As xeracións do Montserrat», instalada na Casa das Artes (até 26 de maio). Un fenómeno migratorio que entre 1960 e 1974 protagonizaron uns 250.000 (xoves) galegos, segundo estimacións do escritor Xesús Fraga, comisario da mostra, que mudaron o rumbo das súas vidas e as das súas familias, como do propio país. Travesías a bordo do Montserrat (e do Begoña) que dende Vigo ou A Coruña iniciaron mozas como Pilar Pérez que gardou a primeira libra que gañou, ou Antonio Lois Vázquez que se acompañou en Londres dunha bandeirola do Celta, ou de Montse Rodríguez que tras catro anos de estancia en Londres como traballadora do servizo doméstico regresou para recoller ao seu home, Manolo Hermida… Fotos, obxectos, documentos artellados pola sabedoría expositiva de Pepe Barro que ofrecen unha experiencia memoriosa e emocionante para  a visitante. Unha exposición máis que recomendable.

Hiperpoética

Carmen Villar Alonso publica nos seus perfís de Twitter (@CarmedeMilmanda) e Instagram (@rosmoninha) un proxecto fotopoético escolmado no libro Os mil e un días (Xerais 2023), un dos formatos editoriais anovadores da nosa efervescente poética actual. Seguida por milleiros de lectoras e aproveitando as utilidades hipertextuais destas redes, como a multimodalidade que permite mesturar texto e imaxe (verso e fotografía ou debuxo propios), Carmiña constrúe un dietario poético aberto e inacabado, rotundo e fermoso, íntimo e memorioso, escritura e ollada que desbordan as ansias do ser humano e os límites do literario e do visual. Un proxecto poético, que a autora con raíces entre os ríos da Mesopotamia galega sitúa entre Rosalía de Castro e Kurt Cobain e cuxas intencións fixou nunha entrada inicial memorable (10/04/2017) pegada no seu perfil de X: «O meu avó non sabía / de Supermans / ou Spidermans. / Pero coñecía o vimbio: flexible e forte / coma o mellor superheroe.» Empregando unha lingua clara e unha escolla léxica depurada, que dialoga con imaxes de paisaxes, Carmiña aborda a reflexión sobre o tempo e a finitude dos amenceres vividos, os abismos e os medos, o amor e a morte, a familia e os afectos, como o valor da escritura e das linguas (ademais de en galego, hai poemas en francés, alemán e inglés) na construción dun futuro esperanzoso. Proposta editorial novidosa, que coincide coa proeza editorial da vixésima primeira edición de Poetízate. Antoloxía da poesía galega (Xerais 2006, 2024) na que o editor Fran Alonso actualiza coas utilidades hipertextuais (por medio de códigos QR) esta escolma referencial concibida para achegar a poesía á mocidade. Antoloxía hiperpoética, utiliza a utilidade da multimodalidade de verso e música, como Alonso xa fixera en Poetic@, poemario web multimedia e interactivo, no que os poemas poden ser lidos, escoitados (nalgúns casos vistos) recitados ou cantados. Benvidas estas propostas  hiperpoéticas galegas de edición estendida e hibridada.

Publicado en Nós diario: 27/03/2024