Un mar con historia

Con Historia das historias de Galicia (Xerais 2016), un exercicio de historia crítica, consistente en contrastar o pasado e presente, o que foi e o que se nos di que é e será o país noso no futuro inmediato, o catedrático Isidro Dubert abriu como editor un proxecto editorial que pretendía desvelar e reler algúns dos aspectos esquecidos, dubidosos ou inéditos da historia de Galicia: a importancia dos celtas na nosa cultura, a orixe do vello Reino de Galicia, a invención dos Séculos Escuros, o desembarco dos fomentadores cataláns, os fusilamentos dos Mártires de Carral ou o suposto atraso secular de Galicia… Título primeiro ao que, polo momento, con idéntico enfoque e carácter coral, seguiron A morte de Galicia (Xerais 2019), no que se pon en cuestión a suposta apocalipse demográfica galega en relación coa emigración e o envellecemento, e o recente Galicia, un mar con historia (Xerais 2024), no que se pretende amosar o protagonismo e a importancia que o mar tivo no curso da historia de Galicia. Terceira entrega na que fronte a ollada tópica do pasado, que presenta Galicia como un país manifestamente rural, onde a emigración foi apenas unha anomalía histórica inevitable, froito do seu atraso, Dubert e o seu equipo, presenta outra historia de Galicia, máis ampla, máis aberta, máis integradora na que «a terra e o mar se abrazan e non se explican cabalmente a unha sen o outro». Unha historia con fondura na cal o mar, as súas xentes e as actividades que desenvolvían «situaron a Galicia en Europa e no mundo, sen necesidade de depender dos camiños terrestres creados e tutelados pola igrexa ou das olladas submisas deitadas polas nosas elites ao que acontecía na corte de Madrid». Obra importante, inclúe traballos moi novidosos, caso do de Luís Alonso Álvarez sobre «Escravos e negreiros e o nacemento da banca na Galicia marítima» ou o de Luisa M. Muñoz Abeledo sobre «O traballo das mulleres na Galicia litoral contemporánea». Moi recomendable, como os dous libros anteriores.

Publicado en Nós diario: 21/08/2024

Lemos +

Coincidindo coa inauguración da Feira do Libro da Coruña, a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude anunciou o visto e prace do Goberno Galego ao informe «Lemos +», que recolle até cen medidas relacionadas co sector do libro e as bibliotecas. Anuncio presentado como un «Plan de dinamización da lectura de Galicia», organizado en 24 liñas estratéxicas arredor de cinco grandes bloques, que pretende conseguir que en 2030 o 70 % da poboación galega lea libros por ocio, polo menos unha vez ao trimestre, porcentaxe que se pretende acadar tamén para a lectura en galego habitual ou ocasional. Informe, cuxo contido polo momento non parece posible localizar na rede, encadrado na «Estratexia da Cultura Galega 2021», cuxa redacción (segundo a nota de prensa) foi iniciada xa en 2018, que pola súa relevancia debería ser presentado no Consello Asesor do Libro de Galicia e consultado cos diferentes axentes profesionais e empresariais do sector do libro, entidades administrativamente interesadas, que dende hai case dúas décadas reclaman a posta en marcha dun «Plan de lectura de Galicia», que desenvolva o establecido na Lei 17/2006 do libro e da lectura, a que sabemos fixeron caso omiso os gobernos de Feijoo e Rueda. Como estraña que no anuncio  de «Lemos +» non se faga explícito que o plan contará cun desenvolvemento transversal, que afectaría moi especialmente á Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional con atención preferente aos programas de bibliotecas escolares, de educación dixital e da chamada «Hora da lectura». Como tamén botamos en falta na nota que non se faga mención ningunha a un compromiso orzamentario e a un calendario de desenvolvemento das medidas contempladas, sen esquecer que é imprescindible sexan presentadas no Parlamento de Galicia. Demasiados fíos soltos para un anuncio precipitado e confuso que tememos, non queremos ser aves de mal agoiro, indique que o Plan de lectura de Galicia quede unha lexislatura máis en auga de castañas.

Publicado en Nós diario: 07/08/2024

Equipo olímpico galego

A gustosa lambetada visual da cerimonia inaugural da Olimpiada de París 2024 entretivo durante case cinco horas a mil millóns de persoas de todo o planeta. Oportunidade que Francia como república organizadora non perdeu para presentar orgullosa diante do mundo a súa historia, lingua, artes (populares e cultas) e glorias deportivas, con especial atención ás súas pioneiras das ciencias e das letras, e para transformar a París en escenario monumental dun espectáculo concibido para ser consumido en todo tipo de pantallas. Xogos de París que, como se pode ler no excelente monográfico de Sermos Galiza (nº 615), constitúen unha oportunidade histórica para que Galicia supere o seu teito de Toquio 2020, os xogos adiados un ano pola Covid-19, nos que foi a comunidade autónoma que obtivo maior número de medallas (catro pratas e tres bronces); metais que, se a participación galega fose recoñecida como equipo olímpico de seu, a situarían no medalleiro internacional por diante de estados  comunitarios como Portugal, Grecia ou Irlanda. Seguir con ollada atenta e orgullosa ao equipo galego en París, máis de trinta deportistas, a maior participación da súa traxectoria, con presenza destacada en disciplinas como atletismo, remo e piragüismo, contribúe a construír a identidade nacional galega e a desfacer os moitos prexuízos que aínda arrastra a actividade deportiva na cultura galega, temática escasamente abordada nas artes plásticas e na literatura propia, coas honrosas excepcións das novelas de María Reimóndez centradas en disciplinas olímpicas, Corredora (Xerais 2017) na maratón e Furia (Xerais 2023) no boxeo, no ensaio de Álvaro Alonso Filgueira, Galicia olímpica 1996-2016 (Teófilo edicións 2016) ou de libros infantís como Os xogos olímpicos de Ningures (Galaxia 2015) de Pinto e Chinto. Seguir París 2024 cos ollos pendentes no desempeño e nos resultados do equipo galego é máis que recomendable para avivecer o orgullo galego e vibrar coas nosas deportistas olímpicas e paralímpicas.

Publicado en Nós diario: 31/07/2024

Defendamos A Galega

Foi Camilo Nogueira o primeiro que comezou a falar de televisión galega antes de que existise a autonomía. Como tamén sendo deputado de Esquerda Galega foi o que presentou a primeira iniciativa de creación dunha televisión galega e unha proposición de Lei de Normalización Lingüística, concibidas como piares para desenvolver e defender a lingua e cultura galegas. Iniciativas que foron naquela primeira lexislatura (1981-1985) capaces de contaxiar o entusiasmo a toda unha cámara (no pazo de Xelmírez) onde os galeguistas e nacionalistas (ausentes) eran apenas unha inmensa minoría. Televisión de Galicia nacida, cando non existían as privadas, pola determinación de Xosé Luís Barreiro Rivas, entón vicepresidente da Xunta, que permitiu que o 24 de xullo de 1985 comezase a programación, despois de apenas un par de días de probas. E, dende entón, tanto a Radio Galega, nacida apenas tres meses antes, como a TVG, arrastran o seu pecado orixinal de nacer como medios do Goberno Galego e non do Parlamento de Galicia. Case catro décadas ao servizo do Partido Popular, coas excepcións dos parénteses de dous gobernos de coalición, que chegaron a súa máis vergonzosa expresión nos últimos trece anos, nos que a Xunta de Galicia de Feijoo e Rueda incumpre a Lei 9/2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, que esixe unha maioría cualificada (de 3/5) para nomear a dirección xeral da CRTVG, que dende 2009 segue con mandato indefinido, nun entorno de xestión de persoal e de programación viciado e rutineiro e cuns informativos implicados coa axenda e os intereses do PP. Unha aldraxe institucional que o colectivo Defende a Galega de profesionais da compañía ven denunciando de forma heroica dende hai 322 venres negros. A defensa que fan dunha programación propia de calidade e dunha información plural e veraz merecen todo o apoio e recoñecemento noso. Defendamos a Galega, reclamamos a recuperación do prestixio dos medios públicos galegos e a dignidade dos seus profesionais.

Publicado en Nós diario: 14/07/2024

Roberto

Doeume o pasamento de Roberto Pérez Pardo, primeiro director comercial de Xerais, unha das figuras máis respectadas da edición galega contemporánea. Nacido nas terras arraianas de Oímbra (1946), dende os cursos do seminario de Ourense comprometeuse coas causas da xustiza e igualdade; asumindo máis tarde o entusiasmo dos ventos de liberdade como libreiro da libraría Ir Indo de Príncipe, montada por Bieito Ledo, que a tantos nos abriu os ollos cara o libro galego. Como dende marzo de 1980 sería, xunto a Xela Arias e Manolo Batán, motor do equipo de profesionais pioneiro de Xerais, editora xeralista con pegada educativa, fundada por Xulián Maure Rivas. Debemos a Roberto moitas das prácticas e estratexias que revolucionaron a edición galega durante a década dos oitenta, transformando un sector, até entón, voluntarista e militante, en gremio editorial con vontade profesional e normalizadora. Debemos a Roberto os primeiros acordos entre editoras e librarías galegas, a formación dun equipo comercial orientado á promoción educativa e á venda en librarías, a presencia do libro en galego nas feiras do libro, o deseño das primeiras campañas de pre-publicación, o lanzamento de produtos masivos como o Dicionario Xerais da Lingua… Asumiu consciente a responsabilidade do equipo nos momentos decisivos para a continuidade da empresa, foi das persoas imprescindibles que suman e asumen con dedicación os seus compromisos. Tras unha brillante traxectoria en Xerais, dirixiu o primeiro Culturgal (2007), organizado polo Asociación Galega de Editoras, poñéndolle o ramo a súa carreira como xestor editorial. Lembro a Roberto, apaixonado cinéfilo e lector atento, preparando co seu rigor de aceiro e paciencia infinita as previsións anuais de venda, título a título, cando o catálogo chegaba os dous milleiros de referencias. Nunca saberei agradecer a súa lealdade e compromiso coa fantasía de editar en galego, que compartimos en sintonía durante dúas décadas. Un grande, Roberto! Con todos os abrazos.

Publicado en Nós diario: 17/07/2024

As que cantan

A escolla da poesía popular oral, representada nas cantareiras que transmitiron e enriqueceron esa tradición, como cerna da celebración do Día das Letras Galegas 2025, foi recibida con satisfacción xeneralizada polas redes galeguistas, o que aventura ó éxito do 17 de maio. Unha elección arriscada da Real Academia Galega, que aposta por unha celebración colectiva como sucedera en 1998 cos trobadores da ría de Vigo e abandona a tradicional homenaxe haxiográfica dunha das autorías da literatura galega. Unha candidatura presentada pola académica Ana Boullón que recoñece a urxencia de exaltar a nosa lingua, desta volta a fala popular daquelas que cantan, e conecta co efecto Tanxugueiras das cantareiras contemporáneas que recoñecen nos textos orais das súas avoas e bisavoas o celme da súa creación musical. Unha celebración chamada, ademais, a recoñecer o acervo de toda a nosa literatura popular, unha forma de folclore que para Domingo Blanco, autor dos dous volumes d’ A poesía popular en Galicia 1745-1885 (Xerais 1992), se caracteriza pola oralidade como xeito de expresión e transmisión, a funcionalidade, o colectivismo, o anonimato e adoita ser acompañada dunha melodía e, ás veces, de instrumentos. Unha literatura das clases subalternas que se desenvolve diante doutro público ao da literatura culta, á que sería un erro aplicarlle os mesmos criterios interpretativos. Aventuro un grande aproveitamento didáctico deste 17 de maio centrado na oralidade e na música tradicional de raíz, da que poden nacer nas escolas unha chea de cancioneiros. Como agardo que as editoras aproveiten o ano para reeditar revisados e contextualizados os cancioneiros e escolmas de referencia de Dorothé Schubert, Marcial Valladares, Nicanor Rielo Carballo, José Pérez Ballesteros, Domingo Blanco, entre outros. Como deberán ser moitos os seráns de regueifas e polavilas onde se cante e se conte na fala nosa:

Vos decís que cante, cante;
teño la graza perdida:
cantarei como pudere,
pero non como solía. (1759)

Publicado en Nós diario: 10/07/2024

Espazo lectura

O recoñecemento da Federación de Gremios de Editores de España a Espazo Lectura outorgándolle o Premio Liber 2024, na categoría á mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público, afáganos aos que en Galicia defendemos o fomento da lectura como unha actividade compartida de socialización e reflexión crítica. Unha distinción merecidísima para este colectivo de voluntariado, que botou raíces no Val Miñor a comezos de 2008, onde constituíu unha comunidade na que persoas de distintas xeracións comparten libros, lecturas e actividades comunitarias arredor da creación literaria e de lectura como vínculo de socialización e coñecemento, con atención preferente para a lectura e a edición en galego. Un voluntariado de fomento da lectura sen ánimo de lucro que entende a lectura como actividade de gozo e coñecemento de vocación subversiva, que singulariza ao ser humano, mais tamén como competencia cívica imprescindible no exercicio da cidadanía, mecanismo de inclusión necesario para a convivencia e o benestar. Un activismo comprometido coa lectura transformada en espazo para a vida, onde é posible gozar da fascinación creada polo conto ou polo álbum ilustrado nunha das súas sesións semanais na Casa da Lectura para o lectorado máis novo. Compromiso coa maxia da lectura aparecida nos encontros con autoras e ilustradoras nas sesións do «Contomar» para lectorado autónomo, ou nos debates dos seus clubs de lectura «Sete vidas» de narrativa, «Lecturas Debuxadas»  de banda deseñada, «Daquelas que len» de lecturas feministas e «Lendo contigo» de lecturas en familia. Como actividades subversivas desta pacífica revolución lectora foron nesta década e media as da «Noite na biblioteca», as edicións de «Dar de ler como quen dá de beber» ou as «Noites Golfas» da Casa da Lectura, que amosaron a envexable capacidade de mobilización desta entidade cohesionada polos lazos de inclusión e de afecto xerados pola lectura e a cultura asociados ao libro. Parabéns intensos para Espazo Lectura.

Publicado en Nós diario: 03/07/2024

Lembranza dunha tarde feliz na Casa da Lectura: 27/05/2010.

Crime en Compostela 40

A SELIC, o excelente festival de lectura de Compostela, lembrou cun itinerario e unha mesa redonda os corenta anos da concesión do primeiro Premio Xerais de novela a Crime en Compostela, que o xornalista Carlos G. Reigosa presentara baixo o lema «Lagoa azul e branca». Un manuscrito do que o xurado destacara «o engado e interese que pode espertar no lector galego un relato policial no que o ambiente de Compostela aparece reflectido con bo tino e sen entusiasmos chauvinistas». Unha novela que constituíu un fito na normalización da narrativa galega contemporánea, unha das teimas do editor Luís Mariño, creador do certame, o primeiro convocado por unha editora privada, como a inauguración do xénero criminal na nosa literatura contemporánea, coa creación dos personaxes do detective Nivardo Castro e o xornalista Carlos Conde, protagonistas dunha serie de cinco títulos. Con todo, quizais, o máis relevante de Crime en Compostela é que constituíu o primeiro long seller da edición galega moderna, un éxito comercial que nas dúas primeiras décadas de aparición superou os 30.000 exemplares, manténdose con vendas sostidas no catálogo da editora viguesa durante catro décadas en diversos formatos, ao que non foi alleo que fose considerada tanto como unha das lecturas recomendadas nos institutos e como un dos títulos de iniciación na literatura galega. E insisto que a transcendencia da novela de Reigosa foi o seu carácter de long seller, termo que convén non confundir co de best seller, etiqueta utilizada para produtos de lectura cunhas vendas de canto menos 20.000 exemplares no ano do seu lanzamento (escasos no mercado galego), mais que en todo caso amosa que na actual edición cultural galega é responsabilidade tamén das editoras coidar o catálogo coa atención e agarimo que merecen cada unha das pezas dun albeiro, mantendo tanto o maior número posible de títulos dispoñibles para a venda na rede libreira, como argallando estratexias de promoción para facelos visibles para o lectorado.

Publicado en Nós diario: 26/06/2024

A ledicia de ler

Falando na rúa co escritor Manuel Veiga lembramos «A ledicia de ler», a sección que Carlos Casares mantivo en La Voz de Galicia entre 1975 e 1992, antes que iniciase «Á marxe», aqueloutra columna máis breve na que durante unha década expresou todos os días no xornal coruñés, o que Dolores Vilavedra acuñou como «a súa expresión narrativa da vida». O inesquecible Marcos Valcárcel suxeriu que «A ledicia de ler», epígrafe afortunado sobre a lectura, constituíu un espazo semanal para falar de libros e cultura galega co que Casares pretendía emular probablemente aquela sección de Robert Escarpit en Le Monde, «Au jour le jour», ao que a profesora Vilavedra engadiría o coñecemento que o entón profesor de instituto debía ter de El deseo de leer (Península 1974), o informe no que o propio Escarpit  e Robert Baker abordaban temas arredor do libro, a lectura e os dereitos de autoría. Daquel exercicio hedonista de paixón pola lectura do limiao, un legado de catrocentos artigos, quedamos co seu afán de compartir as lecturas literarias que lle agradaban, e facelo sen a intencionalidade analítica da crítica académica, fosen tanto clásicas como das novidades da incipiente industria editorial galega. Como quedamos coa súa actitude empática de celebrar a lectura como un acto de pracer que quere compartir, adiantándose ao decálogo de dereitos do lectorado de Daniel Pennac en Como unha novela (Xerais 1993). Casares anticipaba tamén na sección a ollada xenerosa dunha lectura compartida, como a dalgunhas comentaristas da narrativa galega nas redes (bookstagramers e creadoras de contido) ou nos espazos de crítica nos xornais, que contribúen todas cos seus textos a dar a coñecer e a orientar aos públicos, o que non debería impedirlles, como adoitaba Casares, facer comentarios ben agudos e valoracións historiográficas documentadas sen perder nunca as boas formas da escrita. Contaxiar o gozo da lectura, a casariana ledicia de ler, continúa sendo imprescindible para a saúde da edición galega.

Publicado en Nós diario: 19/06/2024

Lectura compartida

Estas semanas centos de clubs de lectura de bibliotecas escolares fan reconto das súas lecturas do curso e avalían as súas rutinas e actividades. Protagonistas do que Agustín Fernández Paz cualificou de «revolución silenciosa», as participantes anónimas destas comunidades lectoras tan entusiastas, que comparten novelas, poemas e merendas, viven por ventura alleas ás vaidades, rivalidades e agonías da nosa cativa sociedade literaria, protagonista sen embargo do relato hexemónico das redes sociais. Foi outro mestre, o escritor inglés Aidan Chambers (1934), un clásico da literatura infantil e xuvenil contemporánea, premio Andersen 2002, autor (incomprensiblemente) ausente no catálogo galego, quen cualificou a lectura literaria como o corazón da educación e propuxo que dedicar unha hora diaria á lectura constituía unha prioridade para todos os gobernos, xa que a habilidade para interpretar todo tipo de textos é a base esencial da nosa vida cotiá, sen importar que facemos ou a que nos dedicamos. Chambers propón, pois, aprender a ler para vivir e aprender a convivir en liberdade. No entanto, o traballo escolar e silencioso destes clubs amosa que a lectura é unha conquista individual que require dedicación, constancia e esforzo. Unha tarefa na que cada persoa lectora debe contar co compromiso doutras mediadoras expertas que lle faciliten o acceso aos textos máis axeitados e ao emprego das utilidades hipertextuais imprescindibles para o seu crecemento lector. Con todo, non esquezamos o que Agustín Fernández Paz lembrou nunha intervención memorable, «A construción do lector» (2013): «o traballo escolar da lectura literaria é máis de sementeira ca de recoller os froitos». Xaora, non semella que contemos con mellor sementeira que a destes centos de clubs das bibliotecas escolares comprometidos en formar lectores e lectoras críticos capaces de utilizar a lectura e a escritura (tamén en lingua galega) nunha sociedade hibridada onde é imprescindible diferenciar o grao da palla.

Publicado en Nós diario: 12/06/2024