De Vigo a Lugo

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a supresión da liña diaria de autobús entre Lugo e Vigo:

O feito de que se suprima a conexión diaria e directa por autobús entre Vigo e Lugo, para a que non existe tampouco alternativa ferroviaria razoable, amosa a profunda mudanza (e, tamén, o fracaso) do sistema público de mobilidade interior en Galicia, apenas outro síntoma das dificultades de ofrecer servizos públicos básicos en todo o país como das propias mudanzas que sobre o noso territorio provoca o proceso de urbanización e o devalo demográfico que sofren, sobre todo, as provincias de Lugo e Ourense.

Unha nova que inevitablemente actualiza na memoria nosa a imaxe daqueles ómnibus preciosos e un chisco vangardistas da empresa Gómez de Castro, estacionados hai cincuenta anos na rúa García Barbón, preto da igrexa de Santiago de Vigo, que durante décadas se responsabilizou dun servizo con paradas en Pontevedra, Lalín e Monterroso, onde tiña a sede esta liña transversal que unía por estrada a Galicia atlántica coa cantábrica, superando as pontevedresas comarcas de Terra de Montes e do Deza e a lucense do Val da Ulloa. Unha das viaxes máis longas e fermosas que se podían facer dende Vigo atravesando as máis diversas paisaxes no corazón do país.

A perda desta unión é consecuencia da reestruturación das liñas establecida no polémico plan de transporte público por estrada aprobado pola Xunta de Galicia, tras a folga das empresas concesionarias. Un plan que levou a que a empresa Monbus, o operador das liñas que unen as cidades atlánticas, renunciase a varias das concesións que explotaba, entre elas a diaria Lugo-Vigo, argumentando falta de rendabilidade. Xaora, é paradóxico que no actual prego de concesións a Xunta admitise no traxecto Lugo-Vigo o transbordo en Pontevedra, a pesar das incomodidades que esta solución supón para os viaxeiros obrigados agardar por un novo vehículo cando están apenas a trinta quilómetros da área metropolitana de Vigo, a maior rexión urbana de Galicia, onde viven máis de medio millón de habitantes. Inconvenientes que prexudicarán a todo tipo de usuarios, dende os numerosos universitarios aos turistas e visitantes, dun servizo público para o que hoxe case non hai outra alternativa que a utilización do vehículo privado ou dun servizo de blabacar.

A desaparición desta liña diaria e directa entre Vigo e Lugo ten un aquilo de ruptura simbólica, de esgazadura fortuíta entre dous territorios e dúas comunidades con notables transferencias ao longo do último século. É de todos coñecida a importante comunidade lucense en Vigo, ben é certo que non tan numerosa como a ourensán, mais moi significativa nos eidos dos profesionais da medicina, da docencia, do deporte como da función pública. Como é de todos coñecida a impronta que deixaron en Vigo figuras lucenses que algún día chegaron nos ómnibus de Gómez de Castro dende pintores como o propio Laxeiro, a quen lembramos esta semana, a xenial Xulia Minguillón, a creadora da “Escola de Doloriñas”, que viviu durante unha década en Vigo co viveirense Francisco Leal Insua, director de “Faro de Vigo” de 1949 a 1961; pasando por escritores como Francisco Fernández del Riego, que chantou raíces en Vigo durante sete décadas, Álvaro Cunqueiro, instalado en Vigo dende 1961, director tamén de “Faro de Vigo” de 1964 a 1970; até o notario de Becerreá Ánxel Casal Rivas, vencellado ao grupo Galaxia, ou o empresario sarriano José Fernández López, creador de Frigolouro e de Pescanova en 1960. Nómina de destacados lucenses vigueses na que non pode deixar de citarse ao escritor Agustín Fernández Paz, ao tradutor Valentín Arias ou a súa filla a poeta Xela Arias, tan identificada coa cultura viguesa da movida dos oitenta, como ao que foi alcalde de Vigo Manuel Pérez Álvarez, ao senador Carlos Mantilla ou, entre outros, ao xornalista Xosé María Palmeiro, tan vinculado aos medios radiofónicos vigueses.

A perda desta conexión directa de autobús entre Vigo e a cidade da muralla, unha liña histórica que comezou a ser cuberta con coches de cabalos, é desas noticias que nos obrigan a enxergar con outros ollos o horizonte do país. Sabemos que por parte dos prestadores deste servizo público, a redución do servizo a un par de conexións de fin de semana pode ser explicada con criterios de estrita rendabilidade económica. Máis tamén sabemos que para abordar a complexa problemática demográfica e territorial que supón o feito de que o 76 % da poboación galega se concentre nas provincias atlánticas, os servizos de transporte teñen a obriga de ofrecer unha rendabilidade social, responsabilidade á que non poden ser alleos os poderes públicos, neste caso a Xunta de Galicia, administración con competencias en transporte interior. Non debería ser tan difícil alongar desde Pontevedra a conexión diaria que continuase unindo Lugo coa área metropolitana viguesa.

De Verne a Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a centésimo quincuaxésimo aniversario da chegada á Ría de Vigo do Nautilus do Capitén Nemo:

É un feito extraordinario que celebremos estes días o centésimo quincuaxésimo aniversario da chegada á Ría de Vigo, o 18 de febreiro de 1868, do Nautilus, o submariño deseñado e comandado polo científico e inventor Capitán Nemo, como relata Jules Verne no capítulo VIII da segunda parte da súa novela 20.000 leguas baixo os mares, o titulado como «A baía de Vigo». Unha efeméride de ficción, estritamente literaria, que comezou a súa celebración o pasado xoves na biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios cunha conversa vibrante entre os escritores vernianos vigueses Ledicia Costas e Eduardo Rolland, no marco das actividades do Fórum do Instituto de Estudios Vigueses. Unha celebración que continuará esta semana do 15 ao 17 no Auditorio Municipal co Encontro Internacional «De Verne a Vigo», organizado polo Concello de Vigo, que será inaugurado por Piero Gondolo della Riva e no que intervirán outros dos máis importantes estudosos vernianos do mundo. Homenaxes que rematarán na tarde do domingo 18 nas Avenidas, diante do monumento de Verne, cunha lectura pública da novela verniana viguesa, na tradución para o galego de Mercedes Pacheco, realizada por escritores e escritoras viguesas e organizada por editoras da cidade (Galaxia, Ir Indo, Lobito bueno e Xerais).

Un programa extraordinario para celebrar a relación do escritor con Vigo, comezada nas páxinas de “20.000 leguas baixo os mares”, novela que Verne foi publicando por entregas entre o 20 de marzo de 1869 e o 20 de xuño de 1870 nas páxinas de Magagasin d’ Education et de Récréation do editor Pierre-Jules Hetzel, e continuada, anos despois, coas dúas visitas do bretón a Vigo, en 1878 e 1884. A primeira iniciada o sábado 1 de xuño, tamén na primeira travesía do seu iate a vapor de 31 metros de eslora, o Saint Michel III, que prolongou a súa escala até o martes, 4 de xuño de 1878. A segunda, a do 19 de maio de 1884, procurando refuxio na ría nosa, tras unha avaría na máquina do seu iate, que durante unha estancia de catro días foi reparada nos talleres de La Industriosa, a caldeirería de Antonio Sanjujo Badía «O habilidades». Un feito que abre unha fermosa polémica literaria sobre se Verne e Sanjurjo, dúas figuras adiantadas ao seu tempo, chegaron a coñecerse e mantiveron relación epistolar, como cre a familia viguesa do creador do submariño (a «boia lanzatorpedos», hoxe no Museo do Mar) somerxido por vez primeira na ría de Vigo o 11 de agosto de 1898 (outra efeméride a non esquecer na historia de Vigo).

Visitas vernianas estudas por Eduardo Rolland no seu extraordinario libro “Verne en la bahía del tesoro” (2013) no que reconstrúe con todo detalle o periplo en Vigo do escritor a partir de documentación de primeira man, como os seus diarios de viaxe, a carta de Raoul Duval, deputado que o acompañou na primeira viaxe, as noticias publicadas en Faro de Vigo e El Eco de Galicia ou traballos de referencia como os de Antonio Giraldez Lomba, Dos hombres y un destino. Julio Verne y Antonio Sanjurjo Badía (IEV, 2006). Libro de Rolland que permite diferenciar entre o que viviu Verne en Vigo e aqueloutro acuñado como lenda, por moi atractiva que fose. Así sabemos con certeza que Verne consideraba a ría de Vigo como «auténtico fiordo», que subiu ao Castro e paseou pola bisbarra do Val do Fragoso, onde reparou nas laranxeiras e nos hórreo. Coñecemos que na súa primeira viaxe tivo a oportunidade de visitar Rande nun bote a vapor do Flore, un buque militar francés fondeado na ría e que foi convidado a mergullarse na enseada dos galeóns. Sabemos que ruou por Príncipe, visitou os mellores cafés, participou nos bailes da Tertulia, asistíu a unha danza de espadas, coincidindo coas festas do Cristo da Vitoria, e mesmo a unha verbena na Alameda.

Non hai dúbida que Verne é un dos máis importantes propagandistas internacionais de Vigo como cidade portuaria atlántica. Por ventura hoxe xa podemos reconstruír a rota literaria de Verne en Vigo, como a que na mañán do venres 16 guiará Eduardo Rolland para os participantes no Encontro Internacional. Vigo é unha cidade verniana, tanto polo feito de estar presente de forma tan destacada en 20.000 leguas baixo os mares, unha das novelas da serie de «Viaxes extraordinarias», tamén unha das máis traducidas da historia, como polo feito de asumir os valores e o espírito do xenio de Nantes, no seu tempo adaílde da tecnoloxía, da ciencia, da industria e do progreso. Tras esta celebración marabillosa, que continuará en abril coa exposición «O Universo de Verne» da Fundación Telefónica, Vigo non debe perder a súa conexión verniana. Irmandarse con Nantes, unha cidade atlántica coa que Vigo mantén moitas afinidades, ademais de ser a que mellor representa os valores deste bretón universal, podería ser unha forma de consolidala.

Unha década de Espazo Lectura

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao décimono aniversario de Espazo Lectura:

Non se entende a capacidade de resistencia da edición en Galicia sen contar coas achegas que durante a última década recibiu de iniciativas de fomento da lectura. Non hai dúbida que entre elas hai que citar o plan de mellora de bibliotecas escolares, promovido pola Consellaría de Cultura e Educación dende 2004, que cos seus clubes de lectura e as súas actividades de animación está transformando a dinámica lectora de varios centos de centros públicos do país. Como tamén hai que facelo co Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que dende 1999 desenvolveu un modelo de intervención lectora sobre unha cidade que pretende mudar a súa pel dende a atención preferente ás crianzas. Sen esquecer, o modelo de corresponsabilidade interinstitucional e intergremial acuñado por Culturgal, a feira das industrias culturais de Galicia, que dende 2007 se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra, recoñecida pola Fundación Contemporánea como “o mellor acontecemento cultural do ano en Galicia”, onde o libro ten protagonismo de seu.

Xaora, nesta relación de iniciativas de éxito do fomento da lectura pública, non pode faltar a de Espazo Lectura (en diante EL), a asociación do Val Miñor sen ánimo de lucro que ten por finalidade o fomento e a animación da lectura, con atención moi singular e constante á lectura en lingua galega e no apoio ao libro galego. Creada o 26 de xaneiro de 2008, aínda que as súas sesións de contos do Contomar comezaran en febreiro de 2006, vencelladas á ANPA do CRA Antía Cal de Gondomar, EL conseguiu en apenas unha década constituír unha comunidade lectora en Gondomar, toda unha xeración que comparte libros e lecturas, así como diversas actividades comunitarias arredor da creación literaria e da lectura como vínculo de socialización. Unha asociación de voluntariado formada por corenta activistas da lectura e duascentas persoas e institucións, entre elas boa parte das editoras galegas e centros escolares do Val Miñor, que axiña se convertiu en referente e recibiu numerosos recoñecementos e premios, entre eles o da Mellor Iniciativa Cultural de Fomento da Lectura, outorgada na Gala do Libro de 2016.

Dende a súa creación EL concibiu a lectura non só como unha actividade individual silenciosa, que require da soidade e da concentración para a conquista dos textos, senón tamén como unha actividade socializadora e compartida de reflexión crítica, que en palabras de Concha Costas, a súa primeira presidenta e fundadora, “nos permita entender o mundo no que vivimos e sentirnos parte da comunidade á que pertencemos”. Eis, a razón de ser de Espazo Lectura, o nome tan afortunado escollido para unha iniciativa que pretende que a lectura se transforme en espazo para a vida, onde é posible gozar da ledicia argallada polo balbordo entusiasta dos picariños lectores co acougo proporcionado polos textos impresos ou dixitais que corren nas pantallas: En definitiva, como sinalou Alberto Manguel, EL asume que “non temos máis remedio que ler”, xa que “ler, case tanto como respirar, é a nosa función esencial”.

Esa é a convicción que move a programación anual de actividades e de clubes de lectura de EL, na que levan participado centos de autores e autoras galegos: Contomar, contacontos de 3 a 9 anos; Os mércores da Casa da Lectura, sesións de dinamización lectora na sede da asociación en Donas; Contos en cueiros, para bebés de 0-3 anos; Lendo contigo, para pais e nais e nenos e nenas de 7 a 11 anos; Comando le, para rapaces e rapazas a partir de 12 anos; Sete vidas e Lecturas debuxadas (cómic), para persoas adultas. Con idéntica intención organiza a “Noite na biblioteca” e a “Fogueira dos versos”, noites fermosas e máxicas que cada ano abren o verán coa luz dos libros e da poesía, a “Sentada lectora”, que en 2012 enfarrapou de libros e lectores e lectoras unha das prazas de Gondomar, ou as dez edicións do “Dar de ler como quen dá de beber”, actividade itinerante que cada 23 de abril leva a lectura a lugares onde non adoita estar presente.

E froito dese compromiso coa lectura pública, a asemblea de EL acordou en maio suspender as actividades na Biblioteca Municipal e renunciar á reserva de crédito do concello de Gondomar destinado a pagar as visitas dos autores participantes na programación da biblioteca preparada por EL. Un conflito que ten a súa orixe na precariedade de funcionamento e das instalacións da biblioteca municipal de Gondomar e no desinterese da alcaldía actual e do seu equipo de goberno por recuperar o diálogo con EL, que conta co apoio do pleno e coa solidariedade dos centros do Val Miñor. A loita por unha biblioteca digna en Gondomar resume hoxe o compromiso desta modélica asociación de voluntariado de fomento da lectura, que merece na súa primeira década de vida todas as beizóns e gratitudes.

Memoria do Holocausto

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo ao Día do Holocausto:

O pasado 12 de agosto visitamos os campos de concentración de Auschwitz e Birkenau, situados en Oswieçim, preto da cidade de Cracovia na cerna da simpática Galicia polaca. Seis horas inesquecibles, que compartimos con outros centos de visitantes (máis dun millón cada ano) procedentes de todo o mundo, no lugar de martirio e exterminio máis coñecido do planeta, na chamada “residencia e porta da morte”, transformada polo goberno polaco en Museo e espazo de educación para a paz e para a conmemoración das vítimas. Soubemos de primeira man por que Auschwitz e Birkenau son o símbolo do Holocausto, quizais o sinónimo máis preciso para referirnos ao homicidio e ao terror, ao racismo, á xenofobia, á intolerancia, ao antisemitismo e á conculcación dos dereitos humanos.

Foi unha visita para nós marcante pola reconstrución detallada do relato do exterminio de máis dun millón de persoas (a maior parte delas xudías) que se estima morreron nas súas cámaras de gas, como daqueloutra infamia das que foron destruídas por unha existencia humana miserable e aniquiladora, rescatando as palabras do escritor Primo Levi, e morreron a causa da fame, dos castigos, do traballo escravo, de doenzas e epidemias, de execucións no Paredón da Morte ou dos experimentos médicos criminais do doutor Mengele.

Na reconstrución da memoria de Auschwitz resulta moi emocionante o relato que coñecimos de Anatoly Shapiro, o primeiro oficial do exército soviético que entrou no campo o 27 de xaneiro de 1945 e abriu as portas da liberdade ás cincocentas persoas que aínda permanecían alí. O comandante ucraíno lembrou anos despois que cando os membros do exército vermello entraron en Auschwitz viron “algunhas persoas esfarrapadas, non semellaban seres humanos, eran puro óso”. “Dixémoslle que quedaban libres do dominio alemán, mais non reaccionaron, non podían mover a cabeza ou dicir palabra ningunha”. Shapiro lembra o horror que atopou nos barracóns de mulleres e como dous meniños que lograron sobrevivir cando os viron comezaron a berrar asustados: “Non somos xudeus!, ¡non somos xudeus”. O ucraíno non esqueceu o feito terrible de que algúns dos superviventes morreron cando probaron os primeiros alimentos que os cociñeiros soviéticos lles prepararon, “porque os seus estómagos non funcionaban”, rematando a súa testemuña coa intención de que “a seguinte xeración non permita nin por un segundo que se repita de novo o que sucedeu durante aqueles anos”.

Con idéntica intención, o primeiro de novembro de 2005 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 27 de xaneiro como o Día Internacional de Lembranza do Holocausto. Unha efeméride que este 2018 a UNESCO propuxo se centrase na educación e na lembranza do Holocuasto como unha causa compartida. Un foco temático que alerta sobre o feito de que o Holocausto non só afectou aos países onde se cometeron os crimes nazis, senón que tamén repercutiu en moitos outros lugares do mundo de xeito que todos os estados comparten a responsabilidade colectiva de recuperar a memoria das vítimas e “a de educar sobre as causas, as consecuencias e a dinámica do delito de xenocidio, así como fortalecer a resiliencia da mocidade contra as ideoloxías de odio”.

Nesa liña saudamos as numerosas iniciativas pioneiras que nestes días agromaron en Galicia para a conmemoración do Día do Holocausto, como a exposición escolar sobre Joaquín Balboa, o preso 3833 de Mathausen, ou a fotográfica de Boix, o fotógrafo de Mathausen. Xaora, particular interese tivo o extraordinario artigo de María Torres publicado no dominical de Faro de Vigo sobre os vigueses en campos nazis, que evidencia a existencia de cerca de 10.000 republicáns españois recluídos en campos de exterminio coa beizón de Franco e coa colaboración de Pétain, dos que 180 (122 falecidos) eran galegos e dos que 13 naceran, residiran ou faleceran en Vigo, e dos que por ventura se rescatan do esquecemento os seus nomes e o periplo das súas vidas.

Como importancia histórica ten a aprobación o 24 de xaneiro por parte de todos os grupos do Parlamento de Galicia dunha “Declaración institucional sobre o Día de Conmemoración Anual en Memoria das Vítimas do Holocausto” na que se recoñece a existencia de 200 vítimas do Holocausto orixinarias de Galicia, así como a colaboración neste xenocidio da Ditadura franquista, “que perseguiu miles de homes e mulleres que fuxiron do Estado español despois da derrota da República en 1939 e tras a instauración dun réxime fascista”. Dáse así un paso simbólico senlleiro, apoiado polo Partido Popular de Galicia, para asumir a tarefa de facer memoria da ditadura, de non volver nin acalar nin agochar os crimes de seis millóns de persoas, ao tempo que ao compromiso de traballar arreo contra calquera brote de racismo, xenofobia e discriminación.

Marcó del Pont

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura de Buenaventura Marcó del Pont:

Ao fío do artigo do pasado martes sobre Gonzalo de Vigo como un novo mito vigués a poñer en valor, varias persoas me comentaron como era posible que continuasen esquecidas outras figuras da nosa historia local como Buenaventura Marcó del Pont, empresario da salgadura, armador corsario e alcalde permanente de Vigo, de quen no mes de setembro deste ano se fan trescentos anos do seu pasamento. E non lle faltan razóns aos meus interlocutores xa que a peripecia deste fomentador catalán constitúe un relato necesario para entender a incipiente prosperidade da economía marítima daquel primeiro Vigo urbano e portuario de finais do XVIII e comezos do XIX, como salientou o escritor Pedro Feijoo na súa intervención recente no Club Faro de Vigo, coincidindo coa aparición da súa novela Os fillos do lume (Xerais 2017), e como amosa tamén o feito das númerosas páxinas que lle dedicaron a este emprendedor José de Santiago Gómez en Historia de Vigo y su comarca (1896), José Espinosa Rodríguez en Tierra de Fragoso (1949) ou don Xosé María Álvarez Blázquez nos seus libros vigueses máis emblemáticos A cidade e os días (1960) e Vigo en su historia (1979).

Nacido en Calella (Girona) en 1738, Buenaventura estableceuse en Vigo en 1758, onde fundou no barrio do Areal, xunto con outro catalán, Francisco Puig, a primeira fábrica de salgadura de Galicia. Obtivo de Carlos III licenza real (patente de corso) para fustrigar á flota británica e aos seus aliados portugueses, até converterse nun dos armadores máis importantes do seu tempo, facendo numerosas presas de artigos como sal, bacallao de Terranova, aceite, viños e fardería de coiros e panos. A casa comercial e navieira Marcó del Pont armou en corso navíos como o “San Carlos” (alcuñado “Atrevido) o “Cristo da Vitoria” (“Magnífico”), o “Purísima Concepción” (“Galgo”) ou o “Príncipe da Paz”, que a partir de 1779 participaron activamente na guerra corsaria librada con buques británicos e holandeses, librando batallas apaixonantes, como algunhas desenvolvidas na propia ría de Vigo, relatadas en incribles notas a pé de páxina na xa citada historia de Vigo de José de Santiago. Unha actividade corsaria que permitiu unha importante acumulación de capital e o desenvolvemento do propio porto de Vigo, máis alá da súa condición da viliña de pescadores do Berbés.

Non esquezamos que foi Buenaventura Marcó del Pont quen en 1773 elevou súplica a Carlos III para que habilitase o porto de Vigo para despachar, a título de expedicións particulares, algúns navíos a Cuba e as Antillas, intentando abrir así vías comerciais con América, o que suporía rematar co monopolio dos portos andaluces de Sevilla e Cádiz no tráfico de Indias. Como foron tamén as xestións deste “home de moito prestixio e suxeito adiñeirado” (así o definiu Álvarez Blázquez), as que permitiron que o porto de Vigo puidese en 1783 fletar os primeiros rexistros ultramariños e comezar a competencia cos portos da Coruña e Ferrol, que entón contaban con maior tráfico de navíos, e xa en 1794 o dereito a manter tráfico con todos os portos americanos. Foi este, sen dúbida, un logro senlleiro para o desenvolvemento de Vigo como cidade portuaria atlántica, que convertiría tamén a Marcó del Pont no “principal cargador de Indias no Vigo do dezaoito”. Abonda con salientar que en 1794 o porto de Vigo mantiña xa tráfico comercial con Montevideo, La Guayra, Cunamá e Buenos Aires, ao tempo que comezaba a angueira da construción dun peirao no barrio do Areal, onde se asentaban os fomentadores cataláns, para o embarco e desembarco das mercadorías, logro polo que habería que agardar case tres décadas.

O éxito da actividade corsaria e comercial permitulle acumular un importante capital e fundar a Casa de Crédito Marcó del Pont, capaz de financiar con importantes cantidades á propia coroa española. Como tamén contar con varias residencias como a casa fidalga do Areal ou o fermoso Pazo do Pousadouro de Redondela. Alcalde permanente de Vigo, ordenou en 1816 a reconstrución do novo templo de Santa María (Colexiata) por sufrir ruína o anterior ao explotar o polvorín do castelo de San Sebastián, ademais de custear do seu peto a talla tan querida do Cristo da Vitoria. Ácerrimo seguidor de don Carlos, polo tanto moi conservador, como os seus fillos Pedro e Francisco, que seguiron a carreira de armas, Buenaventura Marcó del Pont estivo detrás de moitos fíos do que sucedeu naquel Vigo que comezaba a xermolar como espazo urbano. Semella un tanto estraño que o seu nome non figure nin no rueiro histórico vigués nin tampouco os historiadores actuais se ocupasen de afondar na súa traxectoria. En todo caso, a efeméride do bicentenario do seu pasamento pode ser unha oportunidade por reparar nas achegas do corso na orixe do Vigo contemporáneo.

Gonzalo de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura de Gonzalo de Vigo:

Gustoume o arranxo que a Autoridade Portuaria fixo nos peiraos de Cánovas del Castillo, situados fronte á dársena de remolcadores. Recupérase con bo criterio arquitectónico o edificio deteriorado dos tinglados pesqueiros para instalar alí empresas do sector e de servizos ás xentes do mar, como as sedes de Stella Maris (Apostolado do Mar), da asociación Rosa dos Ventos e da sección marítima en Galicia da Federación Internacional de Traballadores do Transporte. Mellora que se completa coa recuperación dos peiraos como espazo público para o paseo e coa colocación dunha estatua na que o escultor José Molares –o autor da homenaxe a Jules Verne nas Avenidas e das pezas do paseo dos peixes no recheo de Bouzas– recrea o mito dun novo heroe para a cidade nosa, o de Gonzalo de Vigo. Unha peza de bronce de dous metros corenta que representa a figura dun mariño de comezos do século XVI, armado de arcabuz e espada, chamada a convertirse noutra das iconas do porto de Vigo.

Constitúe un acerto que presida este espazo recuperado para a cidadanía a figura de Gonzalo de Vigo, o mariñeiro intérprete, o Robinsón galego, quizais, un dos nosos primeiros emigrantes. Unha figura histórica atractiva para Vigo, descuberta hai ben pouco por Óscar Ferreiro Vázquez, profesor da facultade Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo, cando preparaba a súa tese de doutoramento sobre os mediadores lingüísticos e intérpretes nas Reales Audiencias. Un personaxe presentado polo propio investigador de forma moi didáctica nas páxinas de “Faro de Vigo” a pasada Noiteboa na que se salientan as dimensións principais deste mariñeiro vigués: o seu carácter políglota, xa que “era hábil en lingua malaia”; a súa condición de “jurebassa”, polo tanto intérprete ou “lingua”, capaz de mediar entre os colonizadores españois e as comunidades indíxenas; así como o seu carácter aventureiro e afouto, que o levou a afrontar as maiores penalidades da navegación e da supervivencia entre as comunidades indíxenas das illas da Polinesia.

A peripecia biográfica coñecida de Gonzalo de Vigo (Gonzalo Álvarez Martínez) dá para unha novela de aventuras. Saíu o 20 de setembro de 1519 de Sanlúcar de Barrameda enrolado como grumete da Concepción, unha das cinco naves que formaron parte da expedición de Magallanes e Elcano, a primeira que circunnavegou a Terra. En 1521 Gonzalo de Vigo desapareceu, xunto a dous mariñeiros portugueses, cando a expedición, cada vez máis minguada de efectivos, vítima das tempestades e das penalidades provocadas polo escorbuto, chegou no Pacífico ao arquipélago dos Ladróns (hoxe illas Marianas). Mentres Gonzalo realizaba unha inmersión lingüística forzada en malaio e adquiría coñecemento da orografía, dos animais e plantas daquelas illas, o rei Carlos I puxo en marcha a expedición de García Jofre de Loaisa, que zarpou da Coruña o 24 de agosto de 1525 coa intención de colonizar as illas Molucas, moi ricas en especiaría, cuxa propiedade desputaban España e Portugal. Expedición que o 5 de setembro de 1526 atoparía na illa dos Ladróns a Gonzalo de Vigo case espido e co cabelo chegándolle ao cu, pedindo “seguro real” (perdón para o seu delito de deserción) e presentándose cunha frase que pasará á historia: “pasei cuns indios a esta illa de Botahá; son galego e chámome Gonzalo de Vigo e sei moi ben a lingua das illas”. O cronista Urdaneta, que documenta o encontro, engade que Gonzalo de Vigo “serviulles de moito e foi en diante o intérprete obrigado da expedición”.

Relato apaixonante que continúa coa integración de Gonzalo de Vigo na expedición, cando fixo escala na illa de Mindanao (Filipinas), onde os nativos tomaron ao vigués como refén e onde, despois de ser liberado, actuaría como mediador para establecer relacións cos reis de Tidore e Gilolo. Rastro que perdemos de Gonzalo, que probablemente non regresou na expedición que en 1536 volveu ao porto de Lisboa, mais que obtivo o perdón real como acredita un documento do Arquivo General de Indias que recoñece os salarios que a coroa lle debía polos seus servizos á expedición de Magallanes, así como polo tempo transcurrido até que as illas Molucas foron tomados polos portugueses.

O caso de Gonzalo de Vigo, sen dúbida, é moi atractivo para forxar o mito dun heroe vigués. Políglota, cosmopolita, aventureiro, afouto, mediador entre comunidades, son valores propios do carácter que Vigo foi acuñando ao longo da súa historia. A piques de celebrar o cincocentos aniversario da saída da expedición de Magallanes (1519), da que formaba parte Gonzalo de Vigo, como tamén o mariñeiro Diego Carmena e o grumete Vasco Gómez Gallego, ambos os dous de Baiona, paga a pena poñelo en valor. Parabéns a Autoridade Portuaria de Vigo por facilitalo.

Marco: «Winter is here»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a situación crítica do Marco:

Durante semanas no balcón do Marco apareceu unha faixa co texto «Winter is coming», unha intervención artística irónica cargada dun agoiro sobre o futuro do museo. Mais dende o domingo de Reis, o Marco está baleiro, despois de quince anos de brillante historia e do peche de “A timidez da copa das árbores”, a que podería ser a súa derradeira exposición como centro de arte contemporánea e insignia da creación cultural viguesa do século XXI. Tras o anuncio hai xa un ano de Iñaki Martínez Antelo, quen foi o seu director durante máis dunha década, da finalización do seu contrato, o museo de arte contemporánea máis visitado dos abertos en Galicia quedou á intemperie, quizais cada vez máis cerca da súa desaparición, o que de producirse suporía un atraso de décadas para a cultura contemporánea do Vigo metropolitano. Ben sería que os actuais responsables do padroado da Fundación Marco, mentres deciden cal vai ser o futuro da xestión e do proxecto museístico da institución de Príncipe, alerten á cidadanía da nosa invernalia colocando unha nova faixa no edificio co texto «Winter is here» que, como a anterior, non tería dificultade ningunha de interpretar.

A cerna da tan triste situación actual do Marco non reside só no cuestionamento (máis ou menos explícito) por parte dos responsables da Concellaría de Cultura e dos seus asesores do seu proxecto como espazo profesional independente e autónomo dedicado a arte contemporánea, homologable a outras institucións europeas, que propoñen aos públicos a posibilidade do goce e do coñecemento das expresións artísticas (tan hibridadas) do noso tempo. Nin tampouco pola súa dificultade para xestionar con recursos sempre limitados 117 exposicións, de tipoloxía, disciplinas e características moi diversas, a maior parte delas de produción propia ou coprodución con outros centros nacionais e internacionais, ademais de desenvolver un amplo programa formativo e de documentación e investigación, dirixido a escolares e familias, xerando así estímulos múltiples sobre o espazo creativo metropolitano. Nin sequera polo seu número de visitantes (unha media de 100.000 anuais), que o situaron dende a súa inauguración como o máis visitado dos museos vigueses, moi por diante de Castrelos, do Museo do Mar de Alcabre e da Pinacoteca da Ferraría, mais duplicando tamén o número dos recibidos polo CGAC de Santiago, o Luís Seoane da Coruña ou durante moito tempo da megalómana Cidade da Cultura do Gaiás. Nin tampouco pola ausencia de apoio cidadán ao seu proxecto, xa que conta cunha modélica Asociación de Amigos do Museo da que forman parte catrocentas persoas.

Xaora, non nos enganemos, a doenza principal do Marco é económica e institucional. A súa crise está provocada polas políticas de recortes brutais que dende hai unha década afectan á cultura, que no seu caso supuxeron a redución brutal das achegas orzamentarias da Xunta de Galicia e do Ministerio de Cultura, ao tempo que a perda das da Deputación de Pontevedra e de Caixanova, institucións que xunto ao concello de Vigo constituíron en 2002 a Fundación Marco. Reducións que levaron a que en 2017 o concello de Vigo soportase máis das tres cuartas partes do orzamento, tamén o máis reducido da súa historia. E calquera solución para o mantemento do proxecto fundacional do Marco pasa pola recuperación do modelo de colaboración interinstitucional entre Concello de Vigo, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Ministerio de Cultura, ao que compriría engadir a participación de mecenado de empresas privadas e polo respecto na xestión do modelo de boas prácticas acuñado para os centros de arte públicos.

O mantemento do proxecto do Marco pasa, ademais, pola elaboración por parte da Concellaría de Cultura dun plan director para a rede de Museos de Vigo, onde se estableza un modelo sostible de xestión para cada un dos seus centros, a maior parte deles en situación crítica, como o Verbum de Samil, o Centro de Fotografía da rúa Chao (pechado) ou da propia Casa das Artes. Un plan que, como o tantas veces solicitado aquí para as bibliotecas e arquivos vigueses, puidese ser debatido no Consello Municipal de Cultura, un órgano de participación cidadá que moito botamos en falta.

Vigo precisa do Marco como expresión primixenia do seu carácter como cidade da cultura de vangarda, rabiosamente moderna e atrevida ás mudanzas e as novas linguaxes, algo que se está perdendo na última década. Vigo necesita dun museo cosmopolita, como corresponde ao seu ADN, que funcione como ponte entre a arte galega e a internacional do noso tempo. O Marco é necesario para unha cidade aberta á innovación, acolledora e inconformista. Con vontade e acordo interinstitucional recuperar o proxecto fundacional de Marco aínda sería posible. Paga a pena intentalo.

Rondallas de Reis

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo ao fenómeno das Rondallas de Reis e a anulación do certame metropolitano deste ano 2018:

Sorprendeume gratamente ver estes pasados días de fin de ano a actuación na rúa do Príncipe e no Parque Camilo José Cela do magnífico Rancho de Reis da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello. Traxeados ao xeito tradicional os danzantes, gaiteiros e percusionistas interpretaban diversas “xaneiras”, tamén chamadas “manueis” ou “aninovos”, que son as composicións musicais que seguen ás panxoliñas de Nadal e preceden aos cantares de reis na tradición do noso folclore. Tres tipos de composicións ben distintas na súa fasquía e intencionalidade, por ventura aínda vivas, coas que os membros do Rancho do Casco Vello celebran polo centro da cidade as festas de Aninovo e Reis. Unha tradición comunitaria, vencellada á cultura tradicional agraria, polo tanto en claro perigo de desaparición, protagonizada entón polos mozos e mozas que ruaban de casa en casa cantando e bailando estas pezas coa intención de conseguir algunha larpeirada e montar unha boa xoldra.

Xaora, na Área Metropolitana de Vigo, ademais destes ranchos tradicionais consérvase dende hai un século nalgúns dos concellos dos vales do Fragoso e da Louriña (Vigo, Redondela, Mos, Porriño, Gondomar e Ponteareas) unha tradición musical moi singular de cantos de Nadal, a das rondallas. Agrupacións folclóricas parroquiais de até oitenta persoas, compostas por unha variedade de instrumentos musicais tradicionais tan característicos como pandeiretas, castañolas, cristos, charrascos ou cunchas, aos que se engaden outros consolidados, sexan de percusión, vento ou mesmo e de forma excepcional co acompañamento coral. Rondallas nacidas nos centros culturais parroquiais que comezan os seus ensaios, nalgúns casos no propio verán, que saen de pasarrúas de Nadal a Reis interpretando pezas do noso folclore como muiñeiras, fandangos, pasodobres, mais tamén melodías de música actual moi coñecidas (como fixo a rondalla Santa Eulalia de Mos cun tema mítico de AC/DC), constituíndo co seu característico chascarraschás o son xenuíno do nadal vigués máis popular.

De idades e procedencias diversas, vestidos con capas e boina, os rondalleiros e rondalleiras desfilan detrás do seu director (musical), do seu capitán (organizativo) e do seu grupo de bandeiras que informan de onde procede a agrupación. Abandeirados que arroupan e acompañan coas súas evolucións espectaculares á rondalla, respectando un código de sáudo e comportamento, expresando tanto a súa amizade como a súa dispoñibilidade a competir nos certames que dende 1982 se foron organizando no pavillón das Travesas e dende 2015, xa sen ese carácter competitivo, no certame de rondallas que se celebra nun IFEVI abarrotado por dez mil persoas. Un espectáculo músical único, que despois do día de Reis reúne a case mil músicos dunha decena de agrupacións.

Certame rondalleiro metropolitano que non se celebrará este ano debido a que o concello de Vigo declinou (a última hora) financialo na súa totalidade, como fixera até agora, aducindo o seu elevado orzamento (85.000 euros) e expresando a súa intencionalidade de reducilo a un certame de carácter local, coa participación das catro rondallas viguesas (Valadares, Beade, Zamáns e Freixo), a celebrar en data por determinar no pavillón de Travesas e contando cun orzamento de 25.000 euros. Malógrase, así, a continuidade dunha exitosa tradición cultural metropolitana viguesa, probablemente unha das máis xenuínas coa que contamos, pola incapacidade dos poderes públicos, neste caso a Deputación de Pontevedra e algúns dos concellos do Vigo metropolitano por acordar un modelo sostible e equitativo de organización deste grande certame musical. Unha decepción, sen dúbida, para os organizadores, a Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo, como para os milleiros de músicos e seareiros, que dificilmente poderán entender as razóns desta anulación in extremis e sen posibilidade de alternativa ningunha.

Un fracaso que constitúe tamén un síntoma da escasa autonomía do asociacionismo veciñal e cultural prendido dos fíos das axudas outorgados polas administracións públicas e das decisións dos seus responsables políticos, ás que non son alleas, como se comprende neste caso, as leas que manteñen entre elas. No entanto, ademais do quebranto da cadea dunha tradición de máis de tres décadas, a anulación do certame de rondallas supón outro agoiro para o futuro do proxecto metropolitano, outra vez nas pedras, sen posibilidade de ser recuperado xa neste mandato municipal. A pesar destoutra oportunidade perdida para expresar a xenerosidade viguesa, quedémonos coa ledicia dos chascarraschás das melodías das rondallas metropolitanas que agardamos poidan desfilar, canto menos, estes días de Reis polas rúas viguesas.

Mulleres no rueiro

Dediquei o artigo da semana no Faro de Vigo ao empoderamento das mulleres e a reclamar un rueiro paritario nas nosas cidades:

2017 foi un ano de empoderamento das mulleres. Unha nova esperanzadora no entorno dun tempo de incerteza e conformismo. Trinta e nove anos despois que Marilyn Gloden acuñara o termo “teito de cristal”, referido ás barreiras aparentemente invisibles que limitan o desenvolvemento das mulleres nas empresas e na vida social e política, son moitas as iniciativas feministas que en todo o mundo se desenvolveron para loitar contra as lacras das violencias machistas e acadar unha igualdade real. Campañas de empoderamento como #Metoo (#EuTamen), ao fío das denuncias do abuso sexual en Hollywood, ou @BBC100women, que identifica as mulleres máis influentes no mundo e os seus problemas principais; o éxito de series feministas como “O conto da criada”, baseada na novela de Margaret Atwood; ou o feito de que a palabra “feminismo” sexa a máis buscada no dicionario americano “Merrian-webster”, amosa que se estaría dando en todo o mundo un impulso para enfrontar os problemas das mulleres.

Iniciativas tamén nacidas na sociedade galega, onde tamén hai exemplos deste empoderamento. Eis o programa “Mulleres en acción. #Violencia zero” promovido pola Deputación de Pontevedra no marco do seu Plan de Igualdade. Eis as diversas iniciativas no eido da cultura, sobre todo no mundo editorial galego, coa publicación das coleccións “Mulleres bravas da nosa historia” de Urco, “Contos pola igualdade” de Baía ou os álbums que reinterpretan os contos clásicos de Xerais, destinadas ao público infantil; como do calendario 2018 “Mulleres de Pacheco” e do proxecto “Pioneiras. Galegas que abriron camiño”, ambos os dous de Xerais. Eis a celebración da xornada “Desfacendo a raia”, organizada por Galix e centrada na memoria das mulleres na LIX e a elección do tema “Mulleres de conto” por o Salón de Pontevedra para render homenaxe ás mulleres neste eido. Eis a acollida entusiasta entre o lectorado dos novos libros de escritoras como María Xosé Queizán, Ledicia Costas, María Reimóndez, Eli Ríos, María Canosa, Rosa Aneiros, Elena Gallego, Teresa Moure, María Solar, por ventura, entre outras moitas, ou o ingreso, por fin, na Real Academia Galega de tres mulleres, Marilar Aleixandre, Chus Pato e Ana Romaní, sen esquecer a homenaxe a María Victoria Moreno o vindeiro Día das Letras Galegas.

Iniciativas feministas que se desenvolven tamén no marco dalgúns dos concellos das nosas cidades que nos seus plans de Igualdade pretenden galeguizar e feminizar espazos públicos e edificios con nomes de muller rematando con outra das moitas discriminacións, aparentemente invisible, a dos nosos rueiros. É un feito que as rúas galegas non teñen nome de muller, e, cando o teñen, a maior parte das veces é de carácter relixioso ou están vinculadas á realeza, apenas outra herdanza dunha visión androcéntrica da nosa historia. Sucede en Ourense, onde das 349 rúas con nome de persoa apenas o 16 % teñen o nome de muller. Outrosí acontecía en Pontevedra, onde de 196 con nome só 20 o tiñan feminino, anomalía que a concellaría de Cultura do concello capitalino pretende subsanar de forma enérxica coa incorporación de vinte e sete mulleres ao rueiro, escollidas entre os nomes da historia e da memoria colectiva dos diversos sectores de actividade. Nomes como os de Isabel Barreto, a primeira navegante (século XVI), Josefina Arruti e Virxinia Pereira, pasando polos de Dolores Trabado, primeira taxista da cidade, ou Dolores Calviño, lavandeira do Pontevedra, acompañarán aos da escritora María Victoria Moreno e a profesora Ernestina Otero no novo rueiro pontevedrés, que pretende ser un pouco máis equilibrado e menos androcéntrico.

Como atención merece o caso do rueiro vigués que, a pesar de contar con 50 nomes femininos, despois da incorporación hai dez anos dos de seis mulleres da memoria (entre as que estaban A Calesa, Urania Mella e Mercedes Núñez), continúa esquecendo os nomes das mulleres, xa que segundo datos da Concellaría da Muller, supoñen apenas o 12 % dos correspondentes a nomes de persoas e actividades e case o 3% dos topónimos vigueses de rúas, camiños, prazas e parques. Unha discriminación de xénero inadmisible xa que se pretendemos construír unha cidade para habitar en igualdade é imprescindible, tamén, que a presenza feminina sexa paritaria á masculina. Unha desigualdade que, como no caso de Pontevedra, podería ser atacada cunha estratexia que, sendo compatible coa conservación de topónimos e microtopónimos tradicionais, promovese a incorporación de nomes como os das escritoras Xela Arias, Begoña Caamaño, Xohana Torres, a oceánografa Aida Fernández Ríos, a xornalista Carmen Parada ou tantas outras mulleres viguesas que forman parte da memoria da cidade e merecen ser lembradas.

Vigo Oeste

No artigo desta semana no Faro de Vigo lembro a Asociación Veciñal Vigo Oeste e ao inicio do movemento veciñal vigués na transición:

Ao fío do artigo da pasada semana sobre a reivindicación dunha biblioteca pública por parte do movemento cívico de Teis, varias persoas comentáronme a referencia que fixen a Vigo Oeste, como outra das zonas do Vigo urbano con carencias de equipamentos socio-comunitarios. E a verdade que, con moita probabilidade, deixeime levar polas saudades do nome daquela pioneira Asociación de Veciños Vigo Oeste para referirme a ese espazo comprendido entre os límites do Vigo vello, a avenida Beiramar e Travesas. Un espazo miradoiro, onde dende a aba do Castro a cidade volve abrazar a ría, conformado ao longo do trazado da vella estrada de Baiona, por barrios como os de Torrecedeira, Peniche, Hispanidade e Camelias. Outro dos ensanches vigueses, que asumiu a súa fasquía actual na vertixe do desenvolvemento urbanístico dos anos setenta, que despois de catro décadas carece aínda de todos os equipamentos precisos, como centro de saúde, biblioteca pública ou centros cívicos.

Foi a de Vigo Oeste tamén unha referencia que, inevitablemente, actualiza a memoria daquela primeira eclosión do movemento veciñal vigués que se produciu en 1976, ano no que moito antes da constitución da primeira corporación municipal democrática (3 de abril de 1979) se crearon xa quince asociacións veciñais: Calvario (a primeira, constituída en 1975), Vigo Oeste, Vigo Centro, Teis, Lavadores, Cabral, Beade, Cristo da Victoria, Sampaio, Candeán, Bembrive, O Rocío, Castrelos e San Paio de Navia. Un asociacionismo veciñal vigués moi conectado entón co movemento obreiro e político que naqueles anos da Transición activou decontado as reivindicacións da veciñanza dunha cidade inmersa nun proceso de profunda transformación nun contexto de crise económica, política e social.

Daquela Vigo sofría numerosas carencias infraestruturais e urbanísticas, xa que abonda lembrar que foi entón cando se inaugurou o encoro de Eiras, comezou o proxecto de saneamento do periurbano (que non remataría até comezos dos noventa), se impulsaron as obras do Aeroporto de Peinador, se iniciaron os plans parciais do Calvario, se ampliaron os de Coia ou se aprobou a primeira ordenanza de proteccións de edificios artísticos e históricos. Mais tamén era Vigo daquela unha cidade con déficits educativos públicos endémicos, que se intentaron paliar coa creación dalgúns colexios e institutos públicos e coa creación da Escola Superior de Enxeñaría Industrial, celme da futura Universidade de Vigo. Xaora, abonda con repasar os libros fotográficos de Magar e Cameselle, para recoñecer que aquel Vigo de entón contaba tamén cun grao de marxinalidade e pobreza considerable.

Un movemento veciñal que moitas veces expresou as súas demandas na rúa, como naquela manifestación (a primeira autorizada despois da morte de Franco) promovida pola Asociación de Veciños de Lavadores na que un milleiro de persoas con pancartas e caldeiros baleiros denunciaron o deterioro do barrio e a carencia do subministro de auga. Unha mobilización que marcou un fito e obrigou a aquela corporación predemocrática presidida polo alcalde Joaquín García Picher (1974-1978), unha persoa de talante conciliador e negociador, a realizar un achegamento aos barrios organizando Tribunas Abertas para intentar responder ás esixencias veciñais.

Naquel fervedoiro de mudanzas, é de xustiza recoñecer que foi a Asociación de Veciños Vigo Oeste a primeira tentativa de constitución dun movemento social participativo na zona urbana de Vigo. Un dos seus moitos logros foi a edición dunha publicación dirixida a fomentar o debate sobre asuntos como o transporte urbano, a planificación urbanística, o acondiconamento de vías e infraestruturas ou a democratización da vida política. Como tamén é xusto lembrar que foi Vigo Oeste quen tivo a iniciativa de recuperar con éxito rotundo o Entroido de Vigo, relegado durante moitos anos do franquismo á privacidade e exclusividade dos actos salón. Como tamén interviu nos intentos de restauración e conservación do patrimonio histórico e natural, na súa batalla contra o proxecto de Praias Brancas do Vao, a súa defensa do Colexio Alemán da rúa Pi y Margall, na liña do que fixeran outras asociacións veciñais coa Ponte Romana (a do Val do Fragoso), co castelo de San Sebastián (a do Casco vello) ou co petróglifo da Guía (a de Teis).

Corenta anos despois, non está de mais lembrar a achega valiosa que a Asociación de Veciños Vigo Oeste, como o conxunto do movemento veciñal, organizado dende 1988 na Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao, fixeron na construción do Vigo de entre séculos. Unha participación veciñal e cidadá activa que debería continuar sendo un dos eixos de desenvolvemento estratéxico no futuro Vigo metropolitano.