Onte 820: A lingua sabe a pan

Soubemos polo Faro de Vigo que o programa «A lingua sabe a pan» do CEIP Frián de Teis Vigo obtivo o Premio Nacional de Educación para centros non universitarios no apartado de Desenvolvemento de Competencias de Lectoescritura e Audiovisuais. «A lingua sabe a pan» foi o proxecto documental integrado promovido dende a biblioteca escolar do centro ao longo do pasado curso 2012/13, proxecto de fomento da lectura que este curso se transformou en «A lingua sabe a mar». As promotoras do programa tiraron o título dunha fermosa frase de Álvaro Cunqueiro, «unha lingua é boa cando sabe a pan, cando sabe a pan fresco», coa intención de representar o esforzo de toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias) en pór en valor a tradición oral e a lingua galega, ademais de promover o coñecemento integral da cultura do pan, dende os aspectos da cultura tradicional agraria a outros de carácter etnográfico e folclórico. Destaca no proxecto modélico de Frián o seu enfoque educativo integrador e inclusivo do fomento da lectura e do papel da biblioteca escolar, coa participación de todos os niveis educativos, como o seu carácter transversal e híbrido, integrado en todas as actividades do centro e incorporado ao traballo de aula de todas as competencias, con especial atención ás de comunicación lingüística e dixitais. É unha grande fachenda que este centro escolar público vigués sexa recoñecido pola excelencia, innovación e galeguización educativa (tres substantivos que sempre deben ir da man) do seu traballo de fomento da lectura. Beizón ao claustro e comunidade educativa de Teis Frián!

Onte 809: Culturgal 2013, día de clausura

O domingo do Culturgal 2013 volveu ser outra xornada magnífica tanto polo número, diversidade e calidade de actividades do programa como pola resposta entusiasta do público que volveu petar o Pazo da Cultura pontevedrés. Segundo estimacións da organización foron 14.000 as persoas que ao longo destas tres xornadas visitaron Culturgal 2013, a cifra máis elevada das edicións celebradas en Pontevedra. Como tamén semella significativo que case un vinte por cento dos visitantes apoiase o evento adquirindo unha chapa de «entrada responsable» ou que as vendas da tenda aumentasen con respecto á edición anterior. Culturgal consolidouse como o evento anual de referencia para o encontro en man común dos diversos sectores das industrias culturais galegas. Un feito ao que non é alleo o éxito de público, que aumenta en cada edición. A participación de públicos diversos, con forte presenza do que denominamos como «público familiar» (os picariños e a súa ledicia son os protagonistas da feira), permite enxergar un horizonte esperanzoso para a cultura galega. Fronte ao conformismo paralizante, fronte aos modelos rotineiros, Culturgal 2013 conseguiu de forma creativa e paciente mobilizar a ese público que acredita na existencia do produto cultural galego. Ademais, Culturgal 2013, a pesar de contar con menos recursos públicos ca nunca, acuñou un novo xeito de facer as cousas, ampliando límites e superando prexuizos. A organización foi modélica polo rigor na confección do programa e no respecto de horarios e compromisos; máis tamén pola serenidade para afrontar dificultades e polo apoio e agarimo con todas as persoas, fosen as expositoras, as convidadas ou cada unha das visitantes. Os meus parabéns por esta proeza a todas as persoas do equipo organizador dirixido por Xosé Aldea. O vindeiro 2014, máis Culturgal!

Onte 777: Irmandade TV

Parabéns a Irmandade TV, a canle de televisión en galego e en liña, que onte comezou a emitir o seu debate en directo. Este programa semanal (martes, 21:30 horas) de debate sobre temas de actualidade política e social, presentado por Aurèlio Lópes, constitúe a estrela dunha programación na que polo momento hai espazo para as entrevistas («Caleidoscopio») e para a música galega («Fouce Sonora»). No programa de onte Aurèlio entrevistou a Francisco Rodríguez e conversou con Goretti Sanmartín, Martiño Noriega e Antón Baamonde. Adiante co varal, outra televisión tamén é posible!

Onte 771: O galego de primeira

Este apoio do Celta de Vigo á lingua galega vale o seu peso en ouro. Un modelo de comportamento empresarial socialmente responsable, unha iniciativa activadora de autoestima pola lingua propia nun entorno en aparencia cada vez máis desgaleguizado. Ben sabemos que a utilización do galego na megafonía de Balaídos remóntase ás corporacións de Manuel Soto, hai case tres décadas, incluída na primeira ordenanza de normalización lingüística. Porén nos últimos anos déronse novos e importantes pasos galeguizadores en Balaídos, especialmente o darlle carácter oficial a versión galega do himno celeste e á utilización do galego de forma unánime polas peñas. No entanto, o de onte constitúe un feito histórico, xa que o Celta como institución, o seu cadro de xogadores e técnicos, son os que de forma entusiasta protagonizan esta peza viral, que no primeiro día xa tivo máis de tres mil visionados. Ademais, a iniciativa «Gústame…» da CTNLG, presentada no último Culturgal, despois de pasar por centros educativos e eventos diversos, amosa outra volta a súa eficacia: directa, divertida, persoal, transversal, inclusiva, agarimeira. Gústame o galego do Celta, gústame o galego de primeira. Beizóns ao Real Club Celta e aos promotores desta marabilla.

Onte 768: Xerfas de Antón Sobral

Nas anotacións que teño lido sobre a entrega dos Premios da Crítica Galicia apenas foi mencionada a serigrafía do pintor Antón Sobral que recibiron todos os participantes no xantar. Unha mariña na que o mestre da vida lenta volve sobre os motivos que lle son propios, os das xerfas de intensidade branca na que visualmente sentimos o recendo euforizante da maruxía, unha mestura proteica de salitre e pedramol. Nesta serigrafía do noso vixía do mar percibimos a precisión da súa ollada sobre o horizonte mariño, apenas unha liña entre as gamas dos azuis. Como sinalou Bieito Ledo, o presidente da Fundación, nas súas palabras de benvida, na mariña sobraliana intuimos a presenza dunha pequena traíña no mar de Vigo para remarmos xuntos. Encadrarémola para tela presente no noso estudio. Grazas, Antón, amigo noso do mar.

Onte 734: Gómez Noya, gran campión!

Javier Gómez Noya gañou onte no Hyde Park londinese o seu terceiro campionato do mundo de Triatlón. Outra proeza heroica do triatleta ferrolán afincado en Pontevedra. Despois de recuperar na bicicleta os segundos perdidos no lago Serpentine, Javi correu durante case dez quilómetros con Jonathan Brownlee, xunto co seu irmán Alistair, un dos seus eternos e nobles rivais, a quen superou nos derradeiros metros nun esprint incrible. Gómez Noya é un dos mellores deportistas galegos da historia, tanto polo seu palmarés coma pola súa actitude deportiva e cívica. Javi é un auténtico home de aceiro con corazón xeneroso, un traballador extraordinario con grande fortaleza psicolóxicaun modelo de esforzo, superación e confianza nas propias posibilidades, un gran campión. Merece os maiores recoñecementos. Beizóns.

Onte 694: Máis «Luzes» para Galicia

Seguín por twitter e streaming o acto de presentación do proxecto de refundación da revista Luzes. As intervencións de Manolo Rivas, Josito Pereiro e Iago Martínez expresaron que outro xornalismo é posible, tamén en Galicia e tamén na nosa lingua. A pesar das dificultades do tránsito comunicacional actual e do intento de suspensión das conciencias que sufrimos, onte na Coruña expresouse que «hai fame de xornalismo», que cómpre fuxir do ruído diario ofrecendo «un xornalismo transxénico que loite contra a vulgaridade» e permita unha lectura sosegada e reflexiva. Sei que o presentado foi apenas o xermolo do número Cero dun mensual en papel (de maqueta fermosa e contidos atractivos) que aposta polo protagonismo do lectorado e por unha axenda informativa aberta. Gustoume a definición sintética da intención dos promotores: «Luzes, revista aborixe e indíxena universal». Este (re)nacer de Luzes foi unha nova que encheu onte os nosos depósitos de esperanza. Beizóns a Manolo, Josito e Iago!

Onte 648: Panificadora 2016

Antón Pulido, o grande pintor e amigo de meu, envíanos esta marabilla, a dixitalización dun augaforte do cartel anunciador da «Gran retrospectiva de Laxeiro» que se inaugurará o 23 de febreiro 2016 na Panificadora Centro Cultural de Vigo, coincidindo coa celebración dos 108 anos do nacemento do pintor de Donramiro e co viséximo cabodano do seu pasamento. Ten moita razón Pulido anticipando esta importante convocatoria. Máis aínda nestes días axitados nos que convén actualizar os nosos soños máis felices para esta cidade revolcada, que nalgunhas ocasión tanto nos doe. Que foi do proxecto de instalar na Panificadora a biblioteca do estado? Que foi do proxecto de recuperación integral da Panificadora para usos culturais e cívicos?

Onte 644: O portal das palabras

Foi unha beizón que o Seminario de Lexicografía da Academia Galega, en colaboración coa Fundación Barrié, inaugurase o Portal das palabras. Pareceume unha marabilla, sobre todo polas súas enormes posibilidades de aproveitamento didáctico. Gustei do deseño da ferramenta, non só pola claridade do grafismo web, tamén polo emprego das utilidades hipertextuais e multimodais, esenciais nun libro dixital en liña. Benvida, tamén, a nova versión do Dicionario normativo da RAG, que acada as 50.000 entradas e novas e importantes utilidades de consulta, así como a súa versión para Android. Pasos decisivos (históricos) no proxecto de modernización do traballo lexicográfico da Academia, un dos proxectos principais da presidencia de X.L. Méndez Ferrín. Parabéns á Academia por este chimpo de xigante a prol do florecer da lingua galega.