Onte 469: Radio na libraría

Na xornada pontevedresa de promoción d’ As voces baixas, gustei moito da conversa que a xornalista de Onda Cero Susana Pedreira mantivo con Manuel Rivas na libraría Cronopios. O reducido espazo da libraría abríuse dende o fermoso escaparate á rúa onde varias ducias de persoas seguían con moito interese a conversa arredor dun libro. Esta experiencia da radio na libraría, que Onda Cero de Pontevedra e a Cronopios veñen promovendo con éxito dende o pasado mes de maio, merece ser emulada, mais aínda cando, coma nesta caso, é apoiada por un clube de lectores. A visibilidade do libro nos espazos cidadáns é fulcral para recuperar a presenza da lectura na axenda pública que utilizan os medios e as administracións. Parabéns a Susana Pedreira, Onda Cero e Cronopios.

A conversa (case unha hora) será emitida hoxe e logo subida á rede. Recoméndoa.

Onte 451: Excelente Culturgal 2012

Tras tres xornadas moi intensas de actos e contactos profesionais, a nosa valoración deste quinto Culturgal é moi positiva. Imos achegándonos a aquel vello soño forxado hai case unha década polos editores galegos de contar cunha cita anual de referencia onde presentar en man común as novidades dos produtos e servizos das industrias culturais galegas e en galego. A modiño, Culturgal vai consolidando aquel proxecto, mesmo a pesar de contar cada ano con menos recursos. Porén, como se demostrou na edición desta fin de semana, consegue expandirse, tanto a nivel da afluencia de público familiar chegado de diversas partes do país (o Pazo de exposicións de Pontevedra comeza a quedar pequeno), do aumento do número de actividades e iniciativas, como mesmo do nivel de vendas, que este ano aumentou, a pesar das doenzas da crise. A presenza de centos e centos de picariños e a súa participación entusiasta nas actividades encheunos de esperanza e optimismo. A organización impecable das actividades, respectando os horarios previstos e cumprindo a programación ao cen por cen; a excelente calidade dos espectáculos teatrais e musicais, como o das conversas con autores e presentacións de libros, películas ou produtos dixitais; a celebración de diversos foros profesionais paralelos contribúen de forma decisiva á madurez desta cita pontevedresa. Particular importancia tivo para nós os editores a presentación da campaña “Ser libris”, coa que pretendemos continuar este espírito proactivo do Culturgal, un xeito tamén de facerlle fronte á crise comercial que padecemos. Beizóns ao equipo deste Culturgal 2002, encabezado por Xulio Amigo como presidente e Sergio Lago como responsable do cadro de profesionais, que xa deben comezar a traballar xa na edición de 2013.

Grazas a Celia Torres que tuiteou a maior parte das fotos da galería.

Onte 378: Aid

A pesar das magníficas intervencións de Fran Alonso e María Solar, a estrela da presentación d’ As meigas de Lupa foi Aid. Abondoulle á rapeira viguesa frasear con toda a súa forza e convicción contaxiosa un tema sobre a bretemosa noite da nosa cidade. Os seus rapoemas, nos que adapta aos ritmos da música urbana algúns poemas dos nosos clásicos, como os seus temas propios, expresan unha vibración esperanzadora e un futuro compartido polas novas xeracións para a lingua e literatura galegas. Benvida Aid e a súa disruptiva presenza no noso panorama literario. Merece todas as nosas beizóns.

Onte 350: Na #prazadoslibros de Carballo

Presentamos As rapazas de Xan de Manuel Iglesias Turnes na #prazadoslibros , a Feira Literaria de Carballo, unha das mellores feiras do libro que se celebran durante o verán en Galicia, unha das miñas citas preferidas, tanto polo dinamismo comercial como pola boa acollida e diversidade das actividades de animación. A coidadosa organizacion municipal –en colaboración con oito das librarías máis dinámicas da localidade e da comarca e contando co mecenado de conservas Calvo– e a súa integración no comercio popular da cidade (coincide co mercado dos xoves e coa feira comarcal do cuarto domingo de mes) son dúas claves deste exitoso modelo. Durante catro días en Carballo os libros están na praza a carón das froitas e das flores, das roupas e zapatos, das ferramentas agrarias e dos produtos de artesanía… Mesmo durante a mañá do domingo nesta #prazadoslibros continuarán co costume de «Un libro, un pan», de xeito que todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cunha peza de pan de Carballo. Onte comprobamos en Carballo que con vontade política, rigor organizativo e boas doses de imaxinación e creatividade, mesmo a pesar das politicas de austericidade, aínda hai posibilidades para a mellora das feiras do libro, un modelo de promoción que en Galicia coa honrosa excepción das organizadas na cidade da Coruña, semella condenado a desaparecer. Outras feiras do libro son posibles. Parabéns, outro ano máis, ao concello de Carballo por esta #prazadoslibros e polo seu compromiso coa promoción da lingua, o libro e a lectura en galego.

Onte 338: Galicia olímpica

Tras a medalla de ouro en vela de Echegoyen e Toro, as pratas do histórico Cal e do formidable Noya, ademais do bronce que Begoña Fernández obtivo como membro da selección de balonmán e do diploma (esa maldita cuarta posición) da padeixeira Teresa Portela, Galicia culmina unha excelente participación olímpica. De contar con delegación propia estariamos no medalleiro á altura de países como Irlanda, demostrando, ademais, que en Galicia existe moito máis deporte e deportistas tras a muralla do fútbol profesional dos Celtas, Deportivos, Lugos, Obradoiros ou Breogáns. Non hai dúbida de que os deportes náuticos, vela e piragüismo sobre todo, son dúas potencialidades que poderiamos aproveitar aínda mellor do que o facemos. Parabéns ao olimpismo galego, si señor!

Onte 334: Medalla galega

A primeira medalla galega provocou un comprensible estourido de entusiasmo. A prata olímpica de Xavier Gómez Noya nunha das disciplinas máis duras destes xogos é froito da fortaleza, do tesón e do sufrimento, ao longo dunha década de adestramentos e competicións, dun atleta espectacular, mesmo capaz de superar unha doenza cardiaca ao comezo da súa andaina. Un grande éxito que culmina o camiño aberto no triatlón galego a finais dos noventa polo seu compañeiro Iván Raña. Ademais non podo agochar a simpatía por este nacho cando fala con tanto criterio sobre a súa relación co galego e coa súa utilidade nos entornos internacionais ou cando cruzou coa bandeira galega a meta dunha das Copas do Mundo que gañou. Marabilloume a foto que vin retuiteada por Xabier Cid do saúdo entre Xavier e o gañador, o inglés de Yorkshire Alistair Brownlee, ambos os dous esgotados. Unha demostración emocionante de «fair play» e afouteza, dous dos valores que máis admiro nos deportistas. Beizóns!

Onte 314: «A punta de pistola» de Fran Alonso, premio «La Voz de Galicia»

Aledoume moito acompañar a Fran Alonso na noite na que recolleu o premio «La Voz de Galicia de novela por entregas 2012». Tiven a fortuna de ler hai meses a obra gañadora, A punta de pistola, unha trepidante novela de estrada, axustada ás convencións requiridas polo certame (trinta e uns capítulos autoconclusivos e menos de catro mil caracteres), na que Fran coa súa habitual mestría e potencia narrativa retrata un episodio do tempo contemporáneo. Unha parella de mozos marxinais, O Varas e a Rica, rescatan a punta de pistola a Dixie e Pixie, os seus fillos de apenas oito anos internados polos servizos sociais nun centro de menores. A partir desa situación extrema, na que en palabras de Fran «a realidade pode ser máis inverosímil ca ficción», a familia emprenderá unha fuxida a velocidade de vertixe que a levará, primeiro, aos labirintos do centro comercial, e máis tarde polos vieiros da rexión metropolitana viguesa. Como é adoito nos textos narrativos de Fran Alonso, un feito real, neste caso denunciado por el nun artigo de opinón en 2006, constitúe o xérmolo dunha ficción na que se cruzan os camiños doutras historias, relatadas en ton máis acougado, como a protagonizada por unha camioneira blogueira de formación universitaria e por Celia Rivas, a primeira muller camioneira de Galicia. Unha novela de lectura enguedellante na que se aborda unha reflexión de profundo calado educativo, ao tempo que se deita unha olla desprexuizada sobre a infancia, a familia e desestruturación da sociedade en tempos de crise. Parabéns para o grande Fran, si señor!

Onte 295: Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro

Entre as actividades do centenario de Celso Emilio Ferreiro unha das das que máis me gustaron foi a Campaña Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro preparada polos meus amigos de Ouvirmos. A través do buzoneo masivo deste folleto, entre os veciños das rúas que levan o nome do poeta de Celanova, en 28 localidades galegas, achégase a posibilidade do coñecemento sobre os seus aspectos biográficos esenciais e sobre os contidos da súa obra. O obxectivo de achegar un coñecemento básico entre toda a veciñanza sobre quen é e que fixo a persoa coa que foi bautizada a rúa na que viven supón un exercicio de desenvolvemento de cidadanía e de recuperación de identidade e autoestima veciñal. Ademais, a utilización do recurso da fotonovela, dunha liña cronolóxica ou dos pasatempos engaden atractivo a un campaña de difusión da literatura e da lingua galegas entre os grandes públicos. Unha iniciativa que merece entusiastas parabéns.

Eu falarei

Moi interesante é esta experiencia da comunidade educativa do IES de Chapela que gravou o Lipdub «Eu falarei». Amosa, outra vez máis, o valor dos procesos colectivos e compartidos para superar os prexuízos lingüísticos. Unah peza moi recomendable.