Vigo desaparecida

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a analizar a situación da cidade de Vigo desaparecida do Informe sobre a cultura en España en 2018 elaborado pola Fundación Contemporánea de La Fábrica:

Lin esta semana «La Cultura en España 2018», un informe interesantísimo preparado pola Fundación Contemporánea de «La Fábrica», entidade creada coa intención de contribuír ao desenvolvemento profesional do sector cultural en España, para o que desenvolve actividades de encontro, formación, análise e apoio a emprendedores. Unha esculca confeccionada a partir das escollas realizadas por un milleiro de expertos dos diversos eidos da cultura, tanto nos ámbitos da actividade privada como da xestión pública. Un informe no que se clasifican as comunidades autónomas e as cidades españolas no que se refire ao seu momento actual de creación e repercusión internacional nos diversos eidos da cultura, dende a gastronomía e o deseño (as manifestacións culturais hoxe máis valoradas en España), pasando pola literatura, moda, fotografía e arquitectura, até as artes plásticas, teatro, danza, vídeo arte e música clásica, contemporánea e popular.

Un observatorio de referencia no seguimento da actividade cultural en España, dende que comezou a ser publicado en 2009, no que a nivel de Comunidades Autónomas, Galicia ocupa en 2018 a sétima posición, na metade da táboa, nun ránking encabezado pola Comunidade de Madrid, Euskadi, Cataluña, Andalucía, Comunidade Valencia e Castela e León. Clasificación que a nivel de cidades pola calidade e innovación da súa oferta cultural encabezan Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Málaga, Sevilla e Donostia e na que dentro das primeiras trinta e dúas citadas só aparecen dúas galegas: Santiago de Compostela, na décimo segunda, e A Coruña, na décimo quinta. Unha táboa da que en 2018 forman parte cidades como Xixón, León, Cáceres, Cuenca, Segovia, Gasteiz, Alacante ou Logroño, da que Vigo desapareceu en 2011, cando ocupaba a décimo sétima posición, e da que formaba parte dende o primeiro informe, como décimo quinta cidade pola innovación da súa oferta cultural.

Ránking tamén dos acontecementos e institucións culturais mellor valorados de 2018, encabezado polo Museo do Prado, o Museo Reina Sofía, o Museo Guggenheim, o Teatro Real e o Festival de Cine de Donostia, e no que non aparece referencia ningunha a Galicia nunha relación de 75. Xaora, por ventura, existe unha táboa específica de mellores eventos e acontecementos culturais en Galicia do ano 2018 encabezada por (S8) Mostra de cinema periférico (A Coruña), Culturgal. Feira das Industrias Culturais (Pontevedra), Cineuropa (Santiago) e Resurrection Fest (Viveiro). Relación que até trece referencias se completa co Festival Noroeste (A Coruña), Festival Sin Sal de San Simón (Redondela), Teatro Rosalía de Castro (A Coruña), MAC. Museo de Arte Contemporánea (A Coruña), Cidade da Cultura (Santiago), WOS Festival (Santiago), Auditorio de Galicia (Santiago), FIOT. Festival Internacional de Teatro (Carballo) e Corto Circuíto. Festival Internacional de Cine (Santiago).

Clasificacións diversas, que recoñecen a excelencia e o atractivo da oferta cultural en toda a súa diversidade nas que chama poderosamente a atención que non apareza por ningures referencias a institucións ou acontecementos culturais celebrados na cidade de Vigo. Unha desaparición en toda regra que constitúe outro síntoma do triste devalo cultural  da cidade que durante décadas encabezou no século XX o dinamismo da creación cultural en Galicia, liderado que sempre lle foi recoñecido en España, onde era considerada unha referencia. Unha ausencia que obriga a todas as administracións que operan sobre a cidade, dende o concello, a deputación e á Xunta de Galicia e Goberno de España, a reconsiderar a súa estratexia cultural, absolutamente incompatible cunha cidade que leva a anovación cultural no seu ADN e que por ventura e contra vento e marea continúa sendo a capital editorial de Galicia e un dos referentes de edición máis dinámicos da península.

Ben sei que as razóns deste devalo obedecen a causas diversas, ás que non alleas nin o conformismo no que caeu o sector da cultura como a ausencia de políticas culturais públicas estratéxicas, compartidas de forma corresponsable polas diversas administracións e xestionadas de forma autónoma polos profesionais. Abonda con rañar unha miguiña nos conflitos do MARCO, do Centro de Arte Fotográfica, do Marisquiño ou da imposibilidade de pór en marcha a Biblioteca do Estado, para comprender que na cultura en Vigo hai que volver a colocar o contador a cero. Se queremos regresar ao ránking das cidades españolas que contan algo en cultura (non fai falta ser a primeira do mundo), Vigo debe compartir un proxecto plural, participado e profesional no que se xoga a súa identidade e lextimidade para liderar o proxecto comunitario galego e atlántico. No eido cultural, outro Vigo é posible, claro que si.

O estado da lectura

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a comentar algúns dos datos que entendo máis significativos do barómetro «Hábitos de Lectura y Compra de Libros en España. 2018», preparado pola Federación de Gremios de Editores de España:

Dos datos achegados polo barómetro «Hábitos de Lectura y Compra de Libros en España. 2018», preparado pola Federación de Gremios de Editores de España, hai canto menos unha ducia deles que merecen ser coñecidos polo seu valor para representar o estado actual da lectura en todas as súas manifestacións (de lecer, de traballo, de estudo ou de actualidade), en todo tipo de persoas lectoras, así como pola súa capacidade para tomarlle o pulso ao estado dos sectores da edición de libros, revistas e xornais, nun momento decisivo de dixitalización dos soportes utilizados pola primeira das industriais culturais españolas. Un estudo que repara ademais no estado da lectura nas diversas linguas oficiais españolas, o que interesa á edición en galego.

O primeiro que chama a atención é a elevada porcentaxe de poboación lectora maior de catorce anos, xa que o 96,1 % das persoas consultadas len algún tipo de texto, en calquera formato ou soporte, impreso ou dixital, polo menos unha vez ao trimestre. Cifra que supón un incremento de seis puntos con respecto á do ano 2010, acadando no caso da lectura de xornais impresos o 73,9 % (unha diminución de catro puntos), na de libros o 67,2 % (un incremento de case sete), na de textos longos en internet, sexa en webs ou rede sociais o 56,4 % (un incremento de case 20 puntos) e na de revistas o 34,9 % (perdendo case 14 puntos). Noutras palabras nos últimos oito anos incrementouse o número de persoas lectoras adultas até porcentaxes históricas, o que demostra que en España nunca se leu tanto nin en soportes tan diversos, comportamento ao que non é alleo o uso das tecnoloxías dixitais que, a pesar do que se adoita dicir, contribúen ao incremento dos índices de lectura.

O segundo fenómeno no que cómpre reparar é que a maioría das persoas lectoras son lectoras frecuentes (93,1 %), se por iso entendemos ás que len todas as semanas. Fidelización lectora que se produce en todos os tipos de lectura: xornais, 69,8 %; libros 55,5 %; webs, 38,8 %; redes sociais, 52,2 %; revistas 18,8%. Cadora convén matizar que neste comportamento lector hai diferenzas significativas de xénero, sendo a porcentaxe de lectoras de libros do 70,7 % e o de lectores do 63,7 %; mentres que no caso dos xornais a cifra de lectores é do 80,8 % e de lectoras de 67,1 %. As mulleres len máis libros e menos xornais e os homes á viceversa. Como tamén, coa excepción moi significativa da lectura de prensa, a porcentaxe de lectoras vai diminuíndo segundo aumenta a súa idade. O 52,0% das persoas entre 14 e 24 anos declaran ler os xornais polo menos unha vez ao trimestre, mentres entre as maiores de 65 anos esa porcentaxe chega ao 74,8 %. No caso da lectura de libros, a porcentaxe de lectoras de 14 a 24 anos é do 89 %, mentres ca nas de máis de 65 apenas é do 46,5 %. A mocidade le máis libros e menos xornais e as persoas maiores á viceversa.

Outro fenómeno moi significativo do estado da lectura en España é que, a pesar de que o 99,8 % le en castelán, o 44,5 % da poboación consultada faino en dúas os máis linguas, sexa de forma habitual ou ocasional. Unha porcentaxe de lectura plurilingüe nada desprezable que demostra o peso que, tantas veces se oculta, da lectura nas linguas cooficiais (o catalán 20,3 %, o  galego 3,5 % e o éuscaro 2,2 %). Cifras que no caso noso levan á reflexión, xa que sendo en Galicia o 72,4 % as lectoras habituais ou ocasionais en galego, só o 7,3 % das maiores de catorce anos afirma que o último libro que leu estaba escrito en galego. Iso si, lamentando o 33,7 % das consultadas que non o fixera en galego polo feito de non estar editado no noso idioma, o que expresa que o público considera aínda insuficiente a oferta editorial existente en galego.

Por último, o barómetro achega moitos datos sobre a lectura de libros. O 61,8 % das persoas consultadas len libros por lecer no seu tempo libre, sendo o 32,6 % lectoras frecuentes que len case todos os días, unha porcentaxe que aumentou sete puntos nos últimos dez anos e expresa a consolidación do hábito lector nun terzo da poboación adulta. Actividade que se desenvolve no fogar onde se forman bibliotecas familiares que contan con máis de douscentos exemplares de media. Como semella significativo para entender o valor do libro na nosa sociedade que o 54,7 % confese ter recibido un libro de agasallo no último ano.

Como resulta inevitable reparar no peso da lectura dixital, utilizada polo 78,3 % dos consultados, que confesan utilizar o ordenador (48,9 %), a tablet (27,9 %), o móbil (31,4 %) ou o seu e-reader (19,8 %) para ler libros (28,7 %), xornais (46,3%), webs (56,4%) ou redes sociais (55,5%).  Confórmase así un perfil de lectora dixital pura ou hibridada (le tamén en papel), que supón máis dun terzo das persoas lectoras frecuentes, outro índice significativo do proceso de dixitalización acentuado na última década.

Federico Ribas

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a Federico Ribas con motivo da celebración do Día da Ilustración 2019:

Entre a nómina de figuras viguesas esquecidas do século XX, unha das máis potentes é a de Federico Ribas Montenegro, «Mirko», o debuxante, ilustrador, pintor e publicista que o 30 de xaneiro será homenaxeado nas bibliotecas de Galicia con motivo do Día da Ilustración. Nacido no concello de Bouzas o 26 de outubro de 1890, fillo de Francisco Ribas Maristany, almacenista de orixe catalá de efectos navais do barrio do Areal e sobriño do conserveiro da ribeira de Coia Juan Ribas, dende moi novo Federico amosou o seu interese polas artes formándose co escultor Julio González Pola, autor dos monumentos aos heroes da Reconquista e á Cruz Vermella do cemiterio de Pereiró.

Cando tiña dezanove anos, para evitar ser alistado coa súa quinta, embarcou de forma clandestina á altura das Cíes rumbo a Buenos Aires, onde comezaría a traballar, primeiro, como rotulista, pintor de valados publicitarios e, despois, xa como colaborador do xornal «Última hora» e de publicacións gráficas, entre elas a mítica «Caras y Caretas», onde amizou con Xosé María Cao e Juan Carlos Alonso, os mestres da caricatura galega.

Seducido polo París da Belle Époque, cos cartiños aforrados na Arxentina Federico viaxou en 1912 á capital francesa para gozar do soño de calquera artista do seu tempo: vivir en Montmartre. E abofé que non lle foi mal, alí casou con Georgina, a que sería a súa compañeira de vida, impregnouse das correntes estéticas da modernidade daquela cidade tan estimulante, colaborou nas revistas «Le Rire» e «Elegance» e mesmo chegaría a ocuparse da dirección artística da revista «Mundial» dirixida polo poeta Rubén Darío.

Co comezo da guerra do 14, Federico regresa a España, vivindo entre Madrid e Bueu, onde atopou en Beluso o que sería durante os veráns de dúas décadas o seu mellor acubillo. Xaora, a súa vida mudaría cando en 1916 gañou o concurso de carteis Heno de Pravia, convocado pola empresa de perfumes Gal, da que sería o seu director artístico e onde desenvolvería un traballo gráfico extraordinario, capaz de chantar en milleiros de anuncios os alicerces dunha publicidade emotiva dirixida a conectar cun novo modelo de muller moderna, independente e deportista.

Un tempo de entusiasmo creativo no que Ribas converteuse en Madrid nunha auténtica celebridade, o debuxante máis prolífico e mellor pagado do momento, que publicaba os seus debuxos en revistas como «La Esfera», «Blanco y Negro», «Mundo Gráfico» ou «Buen Humor»; preparaba portadas para os libros do editor Calleja ou carteis para o Círculo de Bellas Artes.

O que non lle impediu manter o seu fío co país noso, xa que en 1923 comezou a publicar as súas pezas en «Faro de Vigo», sendo (non o esquezamos) un dos primeiros humoristas gráficos do decano, e «El Pueblo Gallego», ademais de preparar algún traballo propagandístico ocasional como o excepcional cartel «Rías Gallegas. Lugares de Ensueño» que en 1930 editou o Patronato Nacional de Turismo, no que lle concede todo o protagonismo a ría de Vigo construíndo unha paisaxe sintética na que aparecen entre un transatlántico as illas de San Simón e as Cíes, creando así unha atractiva contorna de modernidade, que non perdeu actualidade.

Como tamén é moi atractivo o cartel que Ribas preparou para o partido de fútbol no campo de Coia entre as seleccións de Galicia e Centro, a beneficio das familias dos náufragos de Bouzas, no que utiliza unha tipografía galega e un motivo gráfico próximos aos de Castelao. Sen esquecer, tampouco, as portadas que preparou para as revistas «Industrias Pesqueras» e «Industrias Conserveras» dirixidas por Valentín Paz Andrade.

No entanto sería a súa colaboración coa conserveira Massó, o traballo publicitario mais relevante en Galicia de Federico Ribas, froito da súa amizade de vello coa familia propietaria da que chegaría ser a maior conserveira de Europa, como pola súa querenza pola casiña que tiña na parroquia de Beluso, onde convidaría a figuras como o escritor venezolano exiliado Rómulo Gallegos ou a pintora Maruxa Malllo e o seu compañeiro Alberto Fernández Mezquita.

Desde Bueu, naquel fatídico verán de 1936, no que foi fusilado o seu amigo o xornalista e alcalde de Bueu Johan Carballeira, Federico fuxiría de novo a Buenos Aires, onde se exiliou até 1949, colaborando na revista «Atlántica» e traballando en diversas edicións de libros. Regresou a Madrid, apenas tivo tempo para deitarse nos brazos da desolación franquista, para morrer o 11 de setembro de 1952.

Esquecido, como tantas outras figuras do exilio, en 1992, coincidindo coas catro décadas do seu pasamento, a Caixa de Aforros organizou en Vigo unha antolóxica da súa obra gráfica. Ben sería que a súa cidade natal volvese lembrar ao pintor das mulleres máis fermosas e elegantes, un dos seus fillos máis internacionais e admirados.


O perigo das apostas

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo aos perigos das apostas:

Ponme nervioso comprobar como no estadio de Balaídos, no vitrasa ou no tren algúns mozos non deixen de atender ao seu móbil pendentes das apostas deportivas. Premendo na pantalla do seu teléfono poden apostar durante as vinte e catro horas do día sobre os resultados das competicións de fútbol de todo o planeta e das categorías máis diversas. Unha actividade alentada por unha fervenza de anuncios protagonizados por actores e deportistas moi coñecidos que se fai xa asfixiante pola súa repetición durante a emisión dos partidos na televisión ou no seu seguimento polas emisoras de radio. Publicidade das casas de apostas, colocada tamén nas camisolas dalgúns equipos do deporte profesional, presentada polas empresa de xogo como un «compromiso co deporte», unha actividade á que as apostas «achegan máis emoción» e co que «comparten os valores do lecer e da súa dimensión social».

Un discurso publicitario eficaz, onde non falta a emotividade, capaz de mover en Internet en España máis de dez mil millóns de clics, o que supuxo en 2017, segundo un estudo presentado na Universidade Carlos III, unha facturación en España nestas apostas deportivas de 310 millóns de euros; aínda que outras fontes falan de 1.700 millóns. Apostas que se realizan tamén nas casas de apostas e nas máquinas de apostas dos bares que nos últimos anos foron aparecendo en Galicia nos contornas metropolitanas e nas cidades comarcais. Locais frecuentados por moitos mozos, transformados nalgúns casos en espazos de encontro xuvenil, onde se venden bebidas e onde se poden realizar novas apostas de galgos ou cabalos cada cinco minutos ou dos resultados das ligas máis diversas. Actividade das salas e máquinas de apostas (case catro mil en Galicia) vinculada aos novos hábitos de lecer, regulada pola Xunta de Galicia, na que os apostantes perderon en 2016 vinte e oito millóns de euros, segundo salienta Marcos Pérez Pena, xornalista que ven facendo un seguimento deste fenómeno social no dixital «Praza Pública».

Un negocio de xogo que cando se desenvolve nos bares e nas cafetarías semella ter dous públicos diana: as persoas maiores nas máquinas comecartos e os mozos nas apostas deportivas. Unha actividade que para os responsables da Asociación Gallega de Jugadores de Azar de Vigo (AGAJA) esta provocando un auténtico andazo de ludopatía xuvenil, unha patoloxía que afecta cada vez máis a mozos de 18 a 25 anos adictos ás apostas deportivas e ao xogo en liña. Un perigo incrementado nos estudantes de Secundaria, incluídos os menores de idade, que non perciben como perigoso o xogo nestas máquinas ou nos seus móbiles, máis aínda cando actúan como ganchos estrelas deportivas, modelos de éxito para eles que aparecen felices xogando ao póker ou tan panchos apostando polo seu móbil. Abonda visitar o web dunha destas casas de apostas para comprobar a indefensión da mocidade convidada a depositar apenas 5 € para rexistrarse, ofrecéndolle decontado bonos de benvida 200 € para comezar a xogar, aínda que despois sexa derivados a unha plataforma de pago. Un risco moi considerable, incrementado polo anonimato e a facilidade de acceso proporcionadas pola conexión en liña, ou mesmo polo aparentemente reducido custe das apostas, o que para os psicólogos incrementa o seu carácter aditivo e que as propias empresas pretenden mitigar in extremis coa opción de que o xogador poida «asegurar as súas apostas».

Apostas deportivas que comezan a ser consideradas un problema social que debe ser abordado polas administracións, que obteñen delas réditos fiscais. Así son varias as iniciativas recentes que reclaman unha nova regulación desta actividade. A eurodeputada do BNG Ana Miranda presentou unha iniciativa dirixida á Comisión Europea para que se establezan límites e controis sobre ela. Esquerda Unida presentou a campaña «Fóra as casas de apostas dos nos barrios» que pretende frear o incremento desta perigosa adicción entre os mozos e as mozas humildes. A este teor a Xunta de Galicia anuncia unha nova Lei do Xogo para este 2019 que obrigue aos propietarios  das máquinas a ocuparse do control de acceso de menores de idade. Mentres que no acordo programático entre PSOE e Podemos se contempla o compromiso de restrinxir a publicidade das apostas en horario infantil e a regular o xogo en liña.

Non hai dúbida que o perigo evidente destas apostas case indiscriminadas e do xogo compulsivo ao que pode conducir, como outros consumos aditivos nos que a mocidade é o público de referencia, debe ser considerado como un problema que require dunha abordaxe socio-educativa. Paga a pena procurar canto antes enfoques educativos para esta adicción asociada ás novas tecnoloxías e á poderosa industria do espectáculo.

Campo do Fragoso CCXVIII

TEMPOS DIFÍCILES

Tras catro derrotas consecutivas e apenas un punto de quince posibles, o Celta de Miguel Cardoso esvara no abismo do descenso. A súa impotencia anímica e escasas alternativas de xogo diante dun Valencia moi necesitado agoira unha segunda volta dramática. Tras seis tempadas nas que o club de Carlos Mouriño semellaba atopar estabilidade nas posicións medias da táboa de Primeira, mesmo aspirando a participar nas competicións europeas, a noite do pasado sábado volveron ao Campo do Fragoso os fantasmas do último descenso (2006/2007).

Un proceso de descomposición deportiva que lembramos comezou a manifestarse tamén cunha xeira de derrotas consecutivas no comezo do inverno polas que o daquela flamante propietario recibiu no palco os primeiros apupos. Recordamos como aquel Celta do valente Fernando Vázquez, liderado por Borja Oubiña e Gustavo López, foi quedando sen fol anímico e sen recursos de xogo, azos que tampouco puido achegar o simpático Hristo Stoichkov, recibido en Balaídos cando faltaban apenas dez partidos coma un heroe, mais que só puido acompañar ao Celta na súa peregrinaxe cara Segunda, un inferno onde loitaría despois (non o esquezamos) durante cinco tempadas.

E como sucedera hai unha década, na que o guión previsto para a tempada mudou radicalmente co comezo da segunda volta, este Celta de Cardoso parece estar pouco preparado para padecer os rigores anímicos da loita tremenda que supón evitar o descenso, onde cada partido debe afrontarse a cara de can, como unha auténtica final. Dificultade superior nesta ocasión, onde a igualdade na táboa de marcas, na que as diferenzas entre as posicións europeas e de descenso son de apenas tres vitorias, sitúa a salvación por riba dos corenta puntos. E aí, a partir de agora, en acadar eses corenta e poucos puntos está o obxectivo dun Celta obrigado a modificar decontado e con a maior determinación a súa folla de rota.

Mudanzas urxentes que pasan pola incorporación de reforzos en posicións claves e pola recuperación do estado de ánimo e do compromiso dun vestiario, no que os ventos non foron de todo propicios. Tarefas que obrigan a actuar con afouteza tanto á propiedade do club, á dirección deportiva, ao cadro técnico como ao núcleo duro do cadro de xogadores (por utilizar un eufemismo) para liderar a remontada, sen esquecer o apoio nestes tempos difíciles dos seareiros celestes, dispostos outra vez máis a termar dun soño celeste inacabable.

Xaora, non está todo perdido. O sábado á noite o Celta notou moito as baixas de Aspas, Costas e Okay, tres pezas esenciais no esquema do adestrador de Trofa, cuxa reincorporación nas vindeiras semanas pode contribuír a conectar máis voltaxe ás tres liñas dun equipo que durante a primeira parte diante do Valencia xa foi máis ordenado e soubo protexer mellor as súas costas que nas debacles recentes co Athletic e co Raio. Mais non abondará co regreso de Iago, que con certeza achegará na lameira o liderado que o sábado tanto botamos en falta, orientando o xogo de Brais, Boufal e Maxi Gómez, que semellan algo perdidiños sen a luz da estrela de Moaña.

Sen embargo, o Celta precisa de maior rigor táctico na xestión dos tempos de partido, sexa mediante os trocos ou de variantes ocasionais, algo que tanto Mohamed como (polo momento) Cardoso non souberon proporcionar, quizais polo coñecemento escaso da competición española. Como cómpre reforzar nesta xaneira o cadro de xogadores cun par de valores contrastados, xa que a política de formación de «promesas» internacionais para ser traspasadas por millonadas (eis o caso lamentable de Emre Mor, unha das fichaxes máis caras da historia do club, ou de Jensen, outra figura aínda inédita), pode ser atractiva para o propietario, pero nefasta a medio e longo prazo para o futuro do equipo.

No entanto, hai tempo suficiente para reorientar esta deriva negativa. O magnífico estado de forma de Rubén Blanco, auténtico heroe diante do Valencia, capaz de evitar unha goleira de escandalo, convida ao optimismo. Como tamén a madurez deportiva do núcleo de canteiráns, que conforman case a metade das aliñacións, aseguran o compromiso até o derradeiro minuto coa causa celeste. Hoxe aínda é posible abordar estes tempos díficiles e evitar o descenso, pero para iso cómpre que todas as instancias do club e do celtismo actúen en man común. Agardemos conseguilo.

Santo Amaro navegante

Dedico o artigo do Faro de Vigo desta semana a Santo Amaro, a quen hoxe celebramos en Matamá:

Celébrase hoxe en Matamá a romaría de San Amaro coa que se inicia o ciclo anual de festas da bisbarra. Comezada no torreiro esta fin de semana co festival folc, no que participaron catro grupos tradicionais (Setecuncas, Os tabáns de Freixo, Algarabía e Pelepau), abrirá a festa o pasarrúas da Charanga Vai de Baile para dar paso á misa e á procesión do santo curador dos eivados por reumas e doenzas das articulacións. Unha festa na que como é tradición non faltarán nin os postos de artesanía nin os furanchos onde ao mediodía se homenaxeará como se debe ao cocido, o prato que mellor axuda a mitigar o rigor do termómetro destes días de xaneira.

Un San Amaro, moi revitalizado nos últimos anos polas asociacións veciñais e culturais de Matamá, que abre a rolda única de xoldras viguesas do frío, que anuncian a luz e a fin da invernía, cuxas próximas citas serán as Candelas en Castrelos, o día do casamento dos paxariños, onde non faltará o autosacramental mudo e a solta de pombas, e o San Brais en Bembrive, o santo que cura as catarreiras. Romarías que coinciden co inicio do abrollar das mimosas e do medrar dos días («Polo San Brais máis día verás») e anuncian tamén os excesos do Entroido que este ano se adía até a primeira fin de semana de marzo.

Xaora, máis alá da exaltación da cultura tan viguesa como a da furanchada, o caso de Santo Amaro merece atención, como me alerta nunha carta marabillosa o escritor Xurxo Souto, xa que son varias as circunstancias singulares do caso do santo galego, confundido tantas veces co San Mauro, o italiano do libro e do caxato, primeiro discípulo de San Bieito, celebrado tamén o 15 de xaneiro. Por que o San Amaro polo que avogamos en Vigo, como tamén noutras freguesías galegas (Arra en Sanxenxo, As Regadas en Beade ou no propio concello ourensán de San Amaro) ou portuguesas dos distritos de Coímbra e Viseu, e mesmo en Ponta Delgada na illa de Madeira, como en varias parroquias das Illas Canarias, non é outro que Amaro o abade e navegante, que segundo a tradición viaxou sufrindo os maiores perigos polo océano até a illa do Paraíso.

Unha viaxe de lenda recollida en 1925 por Uxío Carré Aldao no artigo, «A lenda de San Amaro o Pelegrino», publicado no número 19 da revista «Nós» e traballo premiado na festa da lingua galega de Santiago do ano anterior, vencellando o seu periplo co realizado por outras figuras relixiosas da cultura atlántica como o irlándés San Brandán (ou San Barandán) O Navegante, que no século VI puido ter chegado ás illas de Terranova, sendo considerado por algúns como o primeiro dos europeos en chegar ás Américas. Recreada ao seu xeito por Ramón Cabanillas no seu libriño «O bendito San Amaro», dez poemas que foron aparecendo no diario vigués «Galicia» dende xaneiro de 1925, acompañados cada un deles por debuxos de Castelao, a lenda do santo galego navegante, recollida por Uxío Carré na freguesía de Figueiroa no concello de Abegondo, retrata a coraxe de quen «nin os ventos máis desatados nin as máis desfeitas e violentas tempestades fixeron minguar o seu ánimo».

Afouteza que –segundo relata Carré– o levou ás portas do paraíso onde petou forte co seu caxato de toxo coa pretensión de penetrar, «sequera fose por breves momentos» naquela paraxe, ao que se negou o patriarca Henoch facéndolle saber que «a súa demanda non podía ser atendida pois endexamais home en carne mortal podería entrar onde moran os xustos e benaventurados». Razón pola que o piadoso peregrino solicitou que canto menos lle fose permitido «ollar algún tempo a través do asexadoiro, para se gozar da contemplación das delicias celestiais», ao que accedeu o patriarca durante un tempo moi curto. Eis o valor do peregrino galego que navegou até a illa do Paraíso e regresou para contalo, feito que agrandou a súa fama e obrigou a igrexa católica a identificalo con algún dos seus santos. Unha lenda que para Uxío Carré de non vir dos celtas, como a de San Brandán, tería a súa orixe na antigüidade grega que nos fala por boca de Homero e de Herodoto, que xa sabían que as illas dos Benaventurados se achaban nas misteriosas rexións de Occidente.

Vigo é unha cidade onde se fixo presente o poder do santo navegante, non só pola devoción centenaria na parroquia de Matamá, como pola súa presenza de moi vello no propio rueiro. Eis o camiño de San Amaro, do que se conservan apenas uns metros na proximidade da rúa Hispanidade, que trazaba na aba do Castro unha longa paralela á Gran Vía dende o camiño dos Anxos en Travesas até o Couto (hoxe Praza de España). Como merece ser citado que moitos somos os vigueses fieis do Bar San Amaro, na rúa Rogelio Abalde, onde señora Carmen leva facendo dende hai seis décadas as mellores tortillas de patacas da cidade, cuxa teimosía merecería ser recoñecida, por manter a memoria dos sabores da nosa mellor cociña popular. Bo San Amaro, navegante!

Territorios de intimidade

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo á exposición «Territorios de intimidade. Artistas galegas baixo o franquismo 1940-1975» comisariada por Rosario Sarmiento e instalada no Auditorio de Galicia:

Aproveitei un día de lecer para viaxar a Compostela e visitar media ducia de exposicións, o que en Vigo xa non é posible. E das excelentes mostras, algunhas memorables como «Alba de Gloria. Unha experiencia» e «Castelao maxistral», foi a instalada no Auditorio de Galicia «Territorios de Intimidade. Artistas galegas baixo o franquismo 1940-1975» a que máis me sorprendeu e emocionou. Comisariada por Rosario Sarmiento, esta exposición escolma setenta obras de pintura, debuxo e escultura (procedentes a maior parte delas de coleccións privadas) de trece mulleres que contra vento e marea loitaron en Galicia por ser artistas durante aquelas décadas de represión e barbarie.

Unha mostra que completa o proxecto de Rosario Sarmiento de facer ese mapa (imprescindible) da creatividade das mulleres en Galicia durante o século XX, iniciado con «A arte inexistente», unha das primeiras exposicións de artes plásticas do Auditorio de Galicia (1995), e continuado máis recentemente coa tan exitosa e popular «Mulleres do silencio» no Marco de Vigo, en 2016, no que dúas décadas despois facía unha relectura da anterior, volvendo escolmar obras de artistas mulleres en Galicia no século XX, dende Maruja Mallo a Menchu Lamas, Berta Álvarez Cáccamo ou Ángela de la Cruz.

Para Sarmiento esta nova mostra trata non só de rescatar do esquecemento e en moitos casos do anonimato as creadoras plásticas galegas que traballaron durante as décadas do franquismo (Julia Minguillón, Lolita Díaz Baliño, Elena Colmeiro, Carmen Corredoyra, María Antonia Dans, Mercedes Ruibal, Elena Fernández Gago, María Victoria de la Fuente, Gloria de Llano, Rosina Llamas Fole, Fina Mantiñán, Beatriz Rey e Concha Vázquez), «senón tamén de achegar novas perspectivas temáticas desde as que analizar [investigar e poñer en valor] as súas obras». Todas viviron e traballaron nunha periferia, que non foi só xeográfica, tentando rachar coas súas formas de vida os estereotipos asociados neses anos á muller, relegada da esfera pública e sometida aos prexuízos machistas de raíña do privado, esposa e nai, a cargo dos labores domésticos e do coidado dos fillos. Desenvolveron carreiras artísticas profesionais ou actividades docentes nas que deberon superar todo tipo de dificultades e incomprensións, para Sarmiento «auténticas entelequias», que obrigaron a algunhas a marchar do país e ás outras a quedar mediatizadas polos prexuízos dunha sociedade conservadora e patriarcal que «antepoñía a súa condición de mulleres ás achegas e interese da súa obra».

Mais todas elas, como salienta a comisaria, «innovaron e penetraron en temáticas como a fantasía, o compromiso social ou o relato da súa contorna próxima». Coa intención de afondar nesa innovación temática, a exposición está artellada en cinco capítulos que se abren e pechan coa abordaxe do territorio asfixiante do privado. No adral da mostra unha cita da pintora viguesa María Victoria de la Fuente sintetiza o espírito do que se presenta á visitante: «Interésame a pintura que profundiza no circundante. […] Síntome incapaz de abordar en pintura o descoñecido. O descoñecido carece de significado para min». E diso trata este relato plástico, amosar o descoñecido para que deixe de selo, rescatar a obra de trece artistas mulleres (invisibles ou case invisibles) seguindo diversos fíos temáticos.

O primeiro, «A esfera privada: a familia e o fogar», onde se expón «Mi familia», un óleo de grandes dimensións no que Julia Minguillón representa a muller como esposa e nai, peza que constitúe a icona da exposición. O segundo, «A fabulación. O mundo onírico», onde sorprenden os debuxos de Lolita Díaz Baliño, mestra de María Antonia Dans, Gloria de Llano ou Rosina Llamas, autora dun desnudo de muller, que nos anos 70 ía moi contra corrente. O terceiro, «A realidade transformada», no que Fina Mantiñán e Beatriz Rey indagan na abstracción xeométrica e Elena Colmeiro innova coa construción de materiais cerámicos. O cuarto, «A arte como compromiso», onde impactan as pezas dramáticas de Mercedes Ruibal, «Chile en el corazón» e «La muerte de Allende». O quinto, «A muller e o traballo», onde destacan as labregas e mariñeiras de Concha Vázquez. Péchase a mostra con «Territorios de intimidade», capítulo que dá tamén nome á exposición, protagonizado por tres pintoras que traballaron con gran talento e tristeza o silencio dos espazos do íntimo creando paisaxes interiores, dende os conventos de Carmen Corredoyra aos fogares de Elena Fernández Gago e de María Victoria de la Fuente, que abordou tamén prospeccións na abstración.

«Territorios de intimidade» é unha exposición esencial na recuperación dun relato alternativo que sitúe ás nosas artistas no lugar da historia que merecen. Beizóns á Rosario Sarmiento por continuar afondado nesta tarefa.

Atención Primaria

Dediquei o artigo da semana no Faro de Vigo á situación da Atención Primaria:

A dimisión recente de 25 xefes de servizo da área sanitaria de Vigo para denunciar o deterioro da Atención Primaria (AP) abriu outro capítulo no libro da crise da sanidade pública en Galicia. Un novo conflito que engadir á folga de hai uns meses do persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) denunciando a precariedade das súas condicións de traballo (falta de persoal especializado, ausencia de criterios para a súa dotación, xornadas maratonianas, turnos de 36 horas, contratos fraccionados…). Sen esquecer o provocado polas mobilizacións do pasado verán das familias de Coruxo, Saiáns e San Andrés de Comesaña, obrigadas a desprazar ás súas crianzas a Lavadores, demandando a reposición de Pediatría no seu centro de saúde; un episodio máis do caos desta especialidade en Galicia na que en AP traballan apenas 327 pediatras (60 menos que en 2004), un servizo con déficit estrutural, que xa non existe no 60% dos concellos galegos.

Unha dimisión do 80% dos directivos vigueses de AP moi valente, que abriu os telexornais das emisoras estatais (na TVG mereceu unha discreta terceira posición), provocada pola excesiva carga asistencial á que están sometidos os médicos e as médicas de familia da nosa área sanitaria, auténticos heroes que chegan a consultar a 50 pacientes en sete horas (20 máis que hai unha década), o que segundo eles denunciaron provoca «esgotamento e falta de motivación», ao tempo que «falta de fidelización dos profesionais novos á sanidade pública e xubilacións anticipadas de profesionais con grande experiencia». Unha situación á que tampouco son alleas as condicións laborais precarias dos médicos e médicas substitutos de AP que en apenas dous meses poden encadear até 56 contratos (a veces de duración dunhas poucas horas), unha mostra de como o Sergas (un servizo público) aproveita até o límite do límite a actual normativa sobre contratación laboral para non cotizar polos días de descanso dos facultativos interinos.

Crise que os colectivos e sindicatos médicos atribúen aos recortes feroces efectuados a partir de 2012 polos gobernos de Feijoo, que non dubidou tampouco en aparcar sine die as medidas de transformación da AP pactadas polo Sergas co sector durante o goberno de Touriño. Dende entón, os orzamentos foron minguando, sendo a Atención Primaria a grande prexudicada na asignación de recursos. E hoxe, a pesar de ser recoñecida por todos como columna vertebral do sistema, a AP supón pouco máis dun terzo do presuposto previsto para a Consellaría de Sanidade (3.987 millóns de euros), que en 2019 incrementará catro veces máis os fondos para a atención hospitalaria que os destinados aos centros de saúde, a pesar de que todas as directrices internacionais de saúde pública recomendan que canto máis eficiente sexa a AP, máis eficaz será a atención hospitalaria de media ou alta complexidade.

Unha crise da AP que ten unha dimensión organizativa tanto no que atinxe á distribución dos recursos e mellora das condicións de traballo dos médicos como ás previsións da súa xubilación e relevo ao longo da próxima década, na que a demanda sanitaria medrará (como xa ven sucedendo na área sanitaria de Vigo dende 2014) cunha poboación cada vez máis envellecida e máis consumidora de actos sanitarios. Os datos do informe do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos chaman a reflexión: o 43,4% dos médicos e médicas galegas teñen máis de 55 anos, sendo a nosa a segunda comunidade con maior porcentaxe de profesionais maiores. Situación que afecta a todas as especialidades, pero de forma máis intensa á de AP e á Pediatría, ámbito onde un de cada catro pediatras ten máis de sesenta anos. Ou noutras cifras, hai que atender a que o 40% dos médicos e médicas galegos xubilarase ao longo dos próximos dez anos. Cadora as xeiras de novos facultativos, menores de 45 anos, supoñen apenas un terzo dos cadros de persoal médico en Galicia, o que obriga a planificar decontado unha importante remuda xeracional do persoal médico e de enfermería.

Con todo, neste conflito chama a atención a falta de autocrítica dos directivos do Sergas e da Xunta (tanto do concelleiro Almuíña como do presidente Feijoo) incapaces de rebater as denuncias dos sindicatos e colexios médicos ou, no mellor dos casos, atribuír á responsabilidade da «falta de médicos» ao Ministerio de Sanidade polo sistema de formación dos MIR. Un clásico nos gobernos de Feijoo sempre máis dispostos a botar balóns fóra que en asumir as consecuencias das súas políticas de privatizacións e recortes. Como noutros conflitos, cuxa saída obriga a unha negociación sobre a reasignación de recursos, temo que no entorno preelectoral actual o goberno galego pretenda agocharse tras o valado da propaganda. Sería unha mágoa. Na AP xogámonos un dos alicerces do noso modelo de igualdade e benestar.

Campo do Fragoso CCXVII

PACIENCIA

Paciencia é a palabra que mellor representa o vivido polo Celta na actual tempada. Paciencia como a «calidade de quen sabe soportar as incomodidades sen se queixar» (primeira das acepcións do «Dicionario Xerais da Lingua»); mais tamén como a «calma para facer as cousas que requiren moita atención» (segunda das acepcións do mesmo dicionario). Paciencia para sufrir os meses de formación no fútbol europeo recibidos en Vigo por Antonio Mohamed, que coa excepción daquel partidazo co Atlético de Madrid, deixou ao Celta sen compás, unhas veces á deriva dos ventos regañóns e outras a mercede das xenialidades da súa dianteira premium. Xaora na rúa do Príncipe, e xa non foi sen tempo, recuperouse a mesura e dende hai menos dun mes a paciencia na circulación do balón é o que mellor identifica o xogo do Celta de Miguel Cardoso. Tras tres meses estragados, o cadro dos xogadores celestes volve ser un equipo que intepreta de forma solidaria unha pauta recoñecible, o que paseniño, paseniño, devolve ao celtismo aos territorios da confianza e da esperanza.

E abofé que no partido fronte ao difícil Leganés de Mauricio Pellegrino o Celta fixo un encomiable exercicio de disciplina e orde táctica, baseado nunha querenza obsesiva por atacar e defender cunha bóla que saía circulada sempre («sempre é sempre») dende as biqueiras de Rubén. Un Celta que recuperaba de forma teimosa a confianza nas posibilidades do seu xogo de toque, o «xogo de salón» que tanto gusta en Balaídos dende hai dúas décadas, mesmo a pesar das dificultades que supoñía tentar derrubar así os dous valados construídos polo adestrador arxentino para protexer o seu gardarredes. Mágoa que semellante empeño celeste, onde non faltaron nin as oportunidades claras de gol nin escintilacións de xogo de moitos estralos, se concretase apenas nun empate. Un resultado que soubo a pouco para os moitos méritos dun equipo liderado pola afouteza e calidade dos cinco canteiráns (Rubén, Mallo, Costas, Brais, Iago), indiscutibles no esquema do novo adestrador.

Tras máis dunha década de formación como técnico, asumindo distintas responsabilidades, Miguel Cardoso, de quen se di que posúe grande intelixencia emocional para empatizar co seu vestiario, sabe que o banco do Celta é unha oportunidade de ouro na súa traxectoria profesional. E polo que levamos visto en apenas catro partidos o de Trofa está disposto a non perdela e apostar con todas as consecuencias polas súas conviccións: un obsesivo perfeccionismo defensivo e o control da pelota como o mellor xeito de procurar as situacións de superioridade.

E abofé que no serán do venres o Celta abraiou aos visitantes cunha posesión do oitenta por cento, o que lle permitiu xerar media ducia de ocasións de gol desas de pé de banco, que só unha excelente actuación de Cuéllar e un chisco de mala fortuna impediron que chegasen a modificar a táboa de marcas. Como tamén foi sobresaliente o traballo defensivo de todo o cadro, a pesar dos dous remates envelenados de Em Nesyri, por fortuna moi ben chapados por Rubén. Un labor defensivo, que por segunda vez consecutiva consegue en Balaídos manter a porta a cero (un dos primeiros obxectivos de Cardoso), onde comezan a destacar a solvencia de Araújo e Okay, o venres incrustado entre os dous centrais, dous xogadores claves nesta nova etapa.

Con todo, sería inxusto rematar este comentario sen lembrar dous momentos inesquecibles do partido, dúas desas xogadas que definen ao fútbol como unha das Belas Artes emerxentes. Refírome á caneada de Boufal, transcorrido apenas un cuarto de hora, na que deitou na área a tres rivais e foi finalmente derrubado por Cuéllar cando xutaba. Un penalti que o VAR non quixo ver. Como na segunda parte foi inesquecible a cabezada de Maxi á cruceta, tras un centro excelente de Juncá, un remate de execución perfecta e dunha beleza superior. Dúas pezas que quedan para a lembranza dun partido no que de novo brillou Brais, liderando o xogo de ataque celeste, e no que Iago Aspas demostrou outra vez máis ser o xogador total, capaz de ofrecerse en calquera espazo da lameira. Con este cadro actual e coas conviccións e disciplina contaxiadas polo profesor Cardoso, penso que abonda cun chisco de paciencia para que o noso Celta prenda no corno da lúa.

Porvir para a EMAO

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo ao porvir da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo:

A reclamación do alumnado da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) de que non sexa suprimida a praza de profesor da especialidade de «Construción Artesanal de Instrumentos Musicais (CAIN): Luthería Antiga» interroga aos responsables do concello sobre o futuro da que é a máis antiga institución educativa pública viguesa. Un conflito aberto tras a xubilación de Ramón Casal «Boiro», mestre desta especialidade e responsable dun obradoiro extraordinario onde nas tres últimas décadas se teñen construído (ou reconstruído) de forma paciente e utilizando un procedemento artesán arpas, laúdes e violas de gamba, ao tempo que formado a varias xeracións de luthiers, que hoxe traballan por toda España.

A especialidade de Luthería Antiga, como as de construción de gaita, zanfona, pito e requinta, converteuse nun dos sinais de identidade da EMAO tanto pola súa singularidade (estas ensinanzas son impartidas só en Vigo e na Escuela Vasca de Luthería de Bilbao) como pola calidade dos instrumentos de música antiga saídos do seu obradoiro. Unha tradición acuñada en Vigo polo inesquecible mestre Antón Corral, gaiteiro e mestre de gaiteiros, que en 1983 se trasladou a Vigo e, sendo alcalde Manuel Soto, fundou o grupo de instrumentos musicais populares galegos da entón denominada como «Universidade Popular de Vigo».

A supresión da vacante do profesor de Luthería, que non aparece no orzamento municipal de 2019, alerta sobre a situación de provisionalidade da maior parte do profesorado da EMAO, que atende cada curso a 750 alumnos e alumnas de trece especialidades, dende as xa citadas de construción de instrumentos musicais, ás artísticas de pintura, debuxo artístico, talla e escultura en madeira, ourivaría, artesanía en coiro, deseño e encaixe de palillos, moda e confección, cerámica artística, encadernación e serigrafía. Ensinanzas de carácter non regrado que proporciona ao profesorado a posibilidade de axeitarse ás necesidades formativas dun alumnado moi diverso (maior de 16 anos), que nalgúns caso as comparte cos seus estudos universitarios ou con outras actividades profesionais.

Un espírito de escola-obradoiro xenuíno, herdado nunha tradición centenaria, que fan da EMAO, como da súa irmá a Escola Municipal de Música Folk e Tradicional (ETRAD), dous casos únicos na educación en Galicia, dous modelos admirados (internacionalmente) tanto polo seu carácter innovador da educación musical e artística como pola súa capacidade de integración nunha concepción global que supera con moito o espazo das propias aulas.

A actual EMAO mantén o espírito daqueloutra Escola de Artes e Oficios creada o 26 de setembro de 1886 na rúa do Circo 3, promovida pola sociedade de socorros mutuos La Cooperativa da que era presidente honorario Eduardo Chao coa intención inequivocamente rexeneracionista de contribuír á formación técnica dos obreiros e ao perfeccionamento dos oficios artesanais. Escola que adquiriu carácter municipal e público en 1888 e que a partir de 1900 se instalaría na súa ubicación actual, no edificio construído polo arquitecto Michel Pacewicz, encargado polo filántropo e emprendedor José García Barbón, que o doou á cidade, xunto a unha biblioteca de cinco mil volumes, coa intención benéfica de contribuír «á ensinanza técnica do obreiro e da muller» e coa condición de que as ensinanzas fosen gratuítas.

Dende entón, A Escola de Artes e Oficios foi unha das institucións educativas viguesas máis valoradas, xa que na súa concepción práctica, aínda que sexista, unía á formación profesional dos homes á artística das mulleres. Escola de Artes e Oficios esencial para o desenvolvemento do Vigo contemporáneo que no seu inicio compartiu instalacións con outras dúas escolas profesionais, a Escola Municipal Elemental de Artes e Industrias e a Escola Superior de Industrias, das que en 1923 naceu a Escola Elemental do Traballo, destinada a formación dos primeiros técnicos da industria naval e conserveira.

Tras 132 anos de traxectoria, esta institución cen por cen viguesa necesita dun novo pulo. Un porvir que pasa pola consolidación do seu exitoso modelo de ensinanzas artísticas e musicais municipais como tamén pola apertura á cidadanía dos seus espazos expositivos e da súa extraordinaria biblioteca (hoxe a mais antiga da cidade), onde se conserva unha das coleccións bibliográficas e hemerográficas máis valiosas sobre a historia viguesa. A EMAO precisa do agarimo e dos coidados dunha institución centenaria, que conserva a memoria e a identidade desta cidade de obreiros e artesáns. Potenciemos a EMAO como institución municipal educativa centenaria e innovadora, potenciemos a súa biblioteca como espazo de encontro da memoria da cidade e da súa proxección cara ao futuro.