Romería

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Romería, a película de Carla Simón estreada a semana pasada en Vigo:

O acontecemento cinematográfico deste ano en Vigo foi a estrea de Romería, a película de Carla Simón filmada na ría. Unha peperetada visual na que de principio á fin a espectadora queda engaiolada pola beleza das illas viguesas, de Toralla a Cíes, como doutras paisaxes mariñas de Cangas e Bueu. Un espectáculo que se estende a fauna submarina, propia dun paraíso natural, e á mostra da navegación na ría en embarcacións diversas, dende as do servizo público do transporte de ría, á elegancia das de vela ou as tradicionais a remo. Unha marabilla da paisaxe marítima en tempo de verán que a directora catalá amplía a outros espazos vigueses, dende os interiores de estaleiros até as rúas do Vigo vello, transformado en espazo dunha romaría que ten o seu centro na praza de Almeida, nunha das escenas memorables e claves do filme, na que Simón homenaxea aqueloutra performance da movida viguesa que o 20 de setembro de 1986 enchera de manequíns a praza da Constitución. Apenas outra das citas hipertextuais dunha película que co afán de ser memoriosa lembra a inesquecible Os luns ao sol (2002) de Fernando León de Aranoa e á emotiva Lena (2001) de Gonzalo Tapia, coas que mantén algunhas coincidencias temáticas e visuais.

Romería pecha a triloxía de autoficción de Carla Simón, iniciada con Estiu 1993 (2017) e continuada con Alcarrás (2022), arredor da familia e a identidade. Todos os tres filmes nos que emprega fíos da súa vida coa pretensión de utilizar a linguaxe do cinema para xerar as imaxes das lembranzas que non tivo, para iniciar un arquivo familiar dun pasado que non viviu e pretende coñecer. Mentres en Estiu 1993 esculcara sobre o pasado da súa familia materna, tras quedar orfa aos seis anos e ser afillada polos seus tíos, en Romería pecha o círculo ollando cara a súa familia paterna viguesa. Faino acompañando na súa viaxe a Vigo a Mariña (a debutante Llúcia Garcia), que pretende conseguir unha bolsa para iniciar os estudos universitarios de cine e precisa obter no rexistro civil vigués unha certificación que acredite quen foi o seu pai biolóxico, falecido a causa da Sida. Non lle será doado, xa que a súa familia paterna, da resesa sociedade burguesa viguesa, a recibirá con frialdade, atopando apenas a complicidade do seu tío Iago (o excelente Alberto Gracia), un supervivente que a axudará a entender a historia de amor do seu pai vigués e da súa nai catalá, ambos os dous arrasados pola heroína e vítimas da SIDA.

A diferenza das dúas anteriores, en Romería Simón emprega un rexistro menos naturalista, ofrecendo unha composición máis onírica, introducindo realidades imaxinadas nunha historia desdobrada (coa mesma parella actoral) nas indagacións da protagonista en 2004 e na historia de amor e drogas con desenlace tráxico dos seus pais nos oitenta, como o de tantos outros daquel tempo, membros do que se lembra hoxe como «Xeración perdida». Relato no que se mesturan fíos biográficos da directora, a partir das cartas que conserva da súa nai (no filme un diario), con outros históricos daquel Vigo revolcado dos oitenta, como o definía Xela Arias, o da reconversión naval, o da movida e o da heroína, consumida tamén por fillos de boas familias. Unha estratexia narrativa arriscada que amosa o poder do cinema como creador de memorias e recuperador de lugares capaces de explicar os conflitos. Con estas intencións, Simón acompaña ao seu álter ego na pantalla que con paciencia vai reconstruíndo a historia de amor e  dor dos seus pais, entre o que lle contan uns e outros, o que ela imaxina e o que filma coa súa cámara de vídeo inseparable e de xeito tan obxectivo que pode chegar a provocar na espectadora un incómodo estrañamento.

Reconstrución cinematográfica, poética e onírica tamén, que Carla Simón pretende sexa restauradora da memoria familiar, tamén da memoria histórica, xa que se reivindica o papel daquela xeración de mozos e mozas saída da ditadura, que ensanchou os límites das liberdades e dereitos, mais tamén caeu nos enredos tráxicos do descoñecido. Cine de beleza desacougante, capaz de abrir dúbidas e pechar feridas, ofrece escenas memorables e imaxes impresionantes de Helène Couvart, directora de fotografía, un tesouro moi valioso para o arquivo audiovisual da cidade de Vigo. Como é moi destacada a interpretación da viguesa Marina Troncoso no papel de matriarca da familia Piñeiro de la Cruz. Outro tanto cómpre salientar da calidade da banda sonora na que se mesturan temas de Siniestro total con pezas populares de Pelepau e de Eladio Santos, que se ocupou con gran acerto da asesoría musical. Habería cousas mellorables, certo é, como terse ocupado do modelo lingüístico ou matizar o tópico consumo habitual de drogas por parte da mocidade viguesa. Faragullas que non malogran esta valiosa peza de comprometido cine humanista que recomendo ver.

 

Colectivo

A finais da escola primaria descubrimos o paradoxo de que hai unhas poucas palabras que poden ser tanto un adxectivo como un substantivo. Este é o caso da palabra “colectivo”, que cando funciona como adxectivo fai referencia á pertenza a unha colectividade, sendo “individual” ou “particular” o seu antónimo; mentres, o substantivo define o que é un conxunto cohesionado de persoas agrupadas para desenvolver unha actividade en común. Ao Celta de Claudio Giráldez, despois de máis de cincuenta partidos de liga, cádralle mallada a palabra “colectivo”, sexa nome sexa adxectivo. Na tarde de onte en Balaídos, dende o inicio ao remate dos 97 minutos de partido, o Celta comeulle as papas a un Vilarreal, que chegaba líder e ateigado de figuriñas carísimas. Como é adoito, os de Claudio foron un colectivo de 23 futbolistas, entre os 16 que saíron á moqueta e o resto que sufriron o partido no banco, comprometidos a partir un piñón co seu adestrador. Un colectivo, no que participasen uns u outros dos seus compoñentes, desenvolveu un xogo colectivo e combinado capaz de confundir aos de Marcelino Toral, sobre todo nunha primeira parte memorable para o celtismo, na que aos celestes só lles faltou o gol.

Inesquecible foi para os que levamos acudindo décadas á catedral laica do Fragoso, o momento no que coñecemos o once inicial do adestrador soqueiro, que coa excepción do gardameta romanés Radu e do dianteiro Bryan Zaragoza, aliñaba nove futbolistas que pasaran pola Madroa, un fito para a historia centenaria do club. Cantidade que durante uns poucos minutos da segunda parte, tras a primeira quenda de trocos, subiu a dez. Algo que nos parecía incrible hai só dous anos, cando Rafael Benítez desprezaba as promesas da canteira galega. Unha completa volta de peúgo que, ademais de contribuír á economía do club con traspasos millonarios, como foi o de Fer López, recuperou o estilo de xogo colectivo do Celta de hai vinte e cinco anos, aquel conxunto de Víctor Fernández que sería o primeiro club galego en gañar unha final dunha competición oficial europea, a Copa Intertoto da UEFA. Mérito da afouteza e autoestima de Claudio Giráldez que introduciu sete trocos, respecto ao partido do Betis, deseñando unha defensa de tres membros totalmente galega, con Carlos Domínguez, Javi Rodríguez e Manu Fernández; confiando a dirección do equipo a Hugo Sotelo (outro partido extraordinario, o mellor dos celestes no que vai de tempada) e a Miguel Román (excelente no seu debut); como da canteira celeste eran os carrileiros, Carreira e Rueda, e os dianteiros que participaron, Durán, Aspas, Hugo Álvarez e Borja Iglesias.

Con semellantes vimbios, saíu o Celta moito máis intenso ca nos encontros pasados, cun xogo ordenado e con vontade de ser vertical. Aos cinco minutos, Aspas, que ocupaba a posición de enganche, desmarcouse e a piques estivo de marcar unha asistencia de Durán. Durante toda a primeira parte, os de Giráldez presionaron e roubaron na saída do balón dos castellonencos, máis non souberon aproveitalo para superar a Luiz Junior. Foi Bryan Zaragoza quen estivo máis cerca de facelo, no 36’, nun xute ao pao longo que despexou o excelente meta brasileiro. Como poucos minutos despois, o Celta nun saque de recanto de pizarra, moi raso sobre a área pequena, puido marcar, como cando finalizaba a primeira parte, Aspas non conseguiu aproveitar outro pase filtrado ao espazo por un Sotelo cada vez máis brillante.

Mágoa que tanto xogo e posesión celeste non se concretasen no marcador. Sen embargo, o conseguiron os visitantes no 53’, grazas a unha fermosa combinación na frontal de Etta Eyong que de taco deixou só ao seu compañeiro Pépé, para que marcase con facilidade. Co marcador adverso, os de Giráldez nin apoucharon nin perderon a paciencia nas axudas defensivas, cando os amarelos foron máis temibles. Secasí a entrada de Borja Iglesias e Moriba, coas que Claudio pretendía recuperar verticalidade, levaron aos groguets a acumular dúas liñas, moi difíciles de rebentar. Xaora, os célticos nunca perderon a confianza en facelo. No 89’ estiveron a piques de conseguilo: un pase filtrado de Mingueza sobre Borja, que deixou con intelixencia sobre Moriba, que xutou de xeito que o balón raspelase a base do pao. O partido parecía entón perdido. Mais o colectivo celeste insistiu no tempo engadido. Un gran pase en diagonal de Manu Fernández sobre Javi Rueda permitiu que o malagueño cabecease sobre a área pequena, onde apareceu Borja que de forma maxistral superou de cabeza, por fin, ao meta de Luiz Junior. Un fermoso gol de fabricación colectiva, que fixaba un merecidísimo empate nunha tarde de fútbol marabilloso. Certo é que a puntuación do Celta neste arrinque de agosto non é completamente satisfactoria (apenas 3 puntos de 12 posibles) nin tampouco a produción de gol, porén o xogo colectivo exhibido nestes tres empates aventura que os de Claudio competirán coma fixeron na liga pasada.

Publicado en Faro de Vigo: 01/09/2025

Canicosta

O Celta continúa subindo a súa particular canicosta de inicio da tempada europea, esa corredoura con pendente esixente que aínda rematará o vindeiro domingo diante do poderoso Vilarreal, o líder actual. No serán do mércores diante do Betis de Pellegrini, rival na Europa League, nunha gran segunda parte amosou o seu mellor xogo. Porén, se ollamos a táboa clasificatoria, onde os celestes figuran con apenas dous puntos de nove, a situación é enganosa, xa que polo xogado co Mallorca e Betis, perfectamente poderían ser catro ou seis. Triunfos que se lle escaparon fose por un erro defensivo illado, un exceso de confianza, como o de Son Moix, cando o partido remataba, ou fose por erros na finalización, como os que se puxeron en evidencia diante dos béticos, xusto cando o equipo despregaba o xogo combinado máis logrado do que vai de competición. Dous empates que, superado o fracaso inicial diante da xetafina de Bordalás, fixeron recoñecible aquel equipo co que Giráldez rematou a pasada campaña. Precedente que debería abondar, sen xuntar allos con maraballos, superada esta difícil canicosta inicial, para evitar ansiedades e desconfianzas futuras.

Non hai dúbida, polo visto diante do Betis, que o cadro celeste está a partir un piñón co adestrador soqueiro, probablemente polo feito de que conta con todos na confección dos seus onces de gala, como polo feito de que con Giráldez ninguén pode vivir de moca. E se alguén o dubida que llo digan a un ferrote tan veterano como Marcos Alonso, que quedou durante a primeira parte do mércores no banco, tras a súa sobrada de Mallorca, o que obrigou, lesionado Starfelt, a montar unha primeira liña con dous canteiráns, Yoel Lago e Javi Rodríguez, e un lateral habilitado como Ristic. Unha arriscadísima defensa de tres, que funcionou durante toda a primeira parte, até que no 45’ Bartra cabezou as redes un saque de recanto, certo que facilitado pola caída de Javi, ao que lle fixeron falta. Infortunado gol visitante, que non pexa a boa actuación dos centrais celestes, aínda que si poida volver a provocar dúbidas sobre o papel de Radu, que non amosou o dominio da área pequena no balón parado, da que o secretario técnico celeste falou cando foi presentado o porteiro romanés.

Diante do marcador adverso e xogando por fin cara a Marcador, un factor emocional a ter moi en conta, Claudio reaccionou decontado, modificando o seu debuxo e a actitude do conxunto. A entrada de Javi Rueda, até agora a mellor novidade da tempada, revolucionou o xogo celeste, levando a Hugo Álvarez a xogar adiantado entre liñas, o que rompeu o cadeado que dende o inicio dispuxera o enxeñeiro chileno. Mudanza táctica giraldina que decontado deu froito nunha chegada velocísima do carrileiro malacitano até a liña de fondo, provocando un saque de recanto. Aí naceu o solitario golazo celeste: un cacheirón dende a frontal que enganchou Hugo Álvarez co pé esquerdo, sen deixar caer o balón, aproveitando un rexeitamento do gardameta bético. Debuxo claudino que aínda funcionou máis satisfactoriamente nos vinte derradeiros minutos, xa coa presenza de Aspas, capaz de mellorar o xogo dos seus compañeiros, que baixo a dirección dun inmenso Hugo Sotelo, chamado a ser a revelación celeste, acurralou ao equipo visitante que pedía a hora. Mágoa que con semellante superioridade coral nin Jutglá nin Bryan Zaragoza fosen capaces de marcar, cando dispuxeron de ocasións moi claras para facelo. Desta volta, o equipo de Giráldez quedou na praia, apenas a uns metros do seu obxectivo.

Esta magnífica segunda parte dos célticos abriu na afección varias liñas de debate. A primeira: no Celta actual manda o colectivo sobre o individual. Claudio constrúe as súas aliñacións sobre unha aliaxe de tres compoñentes: promesas que non se abouchan en momento ningún (coma o heroico Yoel Lago, Javi Rodríguez, Abdellaoui ou Manu Fernández), xogadores de experiencia (Borja, Marcos, Iago, Mingueza, Starfelt, Moriba, Ristic) e canteiráns veteranos (os Hugos, Damián, Durán, Domínguez, Carreira, Rueda…). A segunda: a canicosta actual amosou que o cadro ten un serio problema de gol. Os dianteiros aínda non marcaron. Quen vai contribuír a chegar aos 59 tantos da pasada liga? A terceira: co traspaso de Fer López, Aspas quedou sen relevo, o que fai preciso contar cun xogador entre liñas con chegada, gol e liderado. Será Denís Suárez? Poderíase soñar coa volta de Brais Méndez? A cuarta: hai unha serie de xogadores de calidade e fantasía que continúan en pretempada, alleos ao compromiso requirido para subir esta canicosta: Williot, Zaragoza, Mingueza e mesmo Beltrán (caso de non ser traspasado in extremis) poden marcar a diferenza e contribuír a mellorar os resultados do equipo. E cinco: a polémica da portaría continúa aberta, probablemente, até o mercado de inverno. E o domingo o Vilarreal, outro óso moi difícil de roer.

Publicado en Faro de Vigo: 29/08/25

O relato de Irene Ceballos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición sobre Irene Ceballos en a Pinacoteca Francisco Fernández del Riego:

A Rede de Museos do Concello de Vigo celebra o centenario da aceptación da doazón do marqués de Alcedo da Finca da Marquesa cun programa de actividades, entre as que destaca «Irene Ceballos. Relato verídico da viúva de Policarpo Sanz», mostra instalada na Pinacoteca Fernández del Riego até o 19 de outubro. Comisariada por Beatriz Liz de Cea, retrata a unha muller que, dende a páxina que lle dedicou José Espinosa en Terras do Fragoso (1949), se consideraba como a caritativa viúva do filántropo Policarpo Sanz. Tras unha investigación exhaustiva, iniciada hai unha década, cando a comisaria traballaba na colección de artes decorativas do Museo de Castrelos, ofrece un novidoso relato biográfico, solidamente documentado, da muller que custodiou e ampliou o legado que o seu home deixou a Vigo. Percorrido vital de Irene Ceballos en trinta obras, entre cadros e pezas decorativas, e resumido nunha peza audiovisual moi conseguida, creada con utilidades de IA, que a localiza nas súas cidades, Nova York, París, Madrid e Vigo, despois do pasamento do seu home en París o 9 de novembro de 1889. Corpo embalsamado que chegaría ao porto de Vigo, no vapor Medoc, procedente de Burdeos, o 31 de agosto de 1891, para ser enterrado no cemiterio de Picacho, onde xa estaba o seu pai. Dende ese día, no que pechou o comercio da cidade para renderlle homenaxe ao seu valedor, a estrada de Circunvalación pasou a chamarse de Policarpo Sanz.

A cerna da exposición radica en demostrar o papel decisivo que Irene Ceballos, en calidade de primeira testamenteira, tivo interpretando os condicionantes do testamento do seu home. Manda que establecía que todas as operacións derivadas do legado se practicasen de forma extraxudicial, quedando constancia de todo o obrado no Arquivo do Concello de Vigo. Testamento asinado polo empresario vigués o 1 de xuño de 1888 nunha notaría de Broadway, que instituía a Irene como herdeira universal de todo o remanente dos bens existentes, en calidade de usufrutuaria. Bens que a súa morte pasarían ao concello de Vigo, co fin de construír un instituto de ensino secundario, centro do que carecía a cidade, para o que se adquiriron uns terreos na finca El Carmen, así como deixaba cen mil pesos para a construción dun hospital municipal de caridade ás aforas da cidade. Como a manda tamén contemplaba que se ao falecer Irene existía aínda a colección de cadros e obxectos de arte serían colocados nos salóns do novo centro educativo.

Na mostra pode consultarse documentación que amosa que o compromiso de Irene Ceballos con Vigo se mantivo intacto durante catro décadas, dende aquela visita do 9 de decembro de 1890, na que chegou no ferrocarril procedente de Madrid, hospedándose durante dous meses na fonda da Viúva de León. Os documentos que manexou Beatriz Liz amosan que Irene puido negar a vontade do seu home e exercer os seus dereitos, aproveitando a diferente lexislación entre os Estados Unidos, Francia e España. Non só Irene non desistiu, senón que aumentou o legado artístico até as 104 pezas que, tras o seu pasamento, chegarían a Vigo ao Museo Quiñones de León, en tres envíos, o primeiro en decembro de 1935 de catrocentos vultos, o segundo en 1941, dos vinte cadros que se atopaban no Metropolitan Firefroof Wharehouse de Nova York, e por último en 1942, os excelentes retratos de Edouard Bertrier do matrimonio Sanz Ceballos enviadas pola sobriña de Irene. Como tamén hai documentación que demostra que Irene contribuíu de forma discreta a dotar dunha mesa de operacións, mesas xiratorias para os pacientes e material cirúrxico que o hospital municipal precisaba.

O relato biográfico da filántropa viguesa complétase con outras historias como a da súa relación co teatro e a música. En calidade de socia de honra de La Oliva contribuíu economicamente dende a distancia en varios dos certames literarios e musicais da sociedade. Como tamén o fará co mecenado da carreira precoz da pianista Norita Pereira, que tivera éxito no seu concerto no Tamberlick, a quen acolle na súa casa de Madrid para presentala na Corte ante a raíña María Cristina.

Historias do compromiso de Irene Ceballos con Vigo, fose protexendo o legado artístico que despois de corenta e seis anos chegou intacto ao Museo de Castrelos ou fose actuando como mecenas de carencias da cidade. Como resulta significativo deste compromiso que, tras o seu pasamento o 19 de agosto de 1935 no Gran Hotel Continental de Santander, expresara a súa vontade que días despois fose enterrada no panteón familiar do cemiterio de Pereiró a carón do seu home. Sabendo que o primeiro instituto vigués, inaugurado en 1946, leva o nome «Santa Irene», como quixeron os seus mecenas, atrévome a propoñer que se debata a posibilidade de mudalo a un nome máis axustado á historia como sería «IES Irene Ceballos de Vigo».

Impresións de Castelao en Vigo

Dedico o artigo da semana de Campo de Granada en Faro de Vigo (o 1.300, dende agosto de 1999) á exposición «Impresións de Castelao en Vigo», na Pinacoteca Fernández del Riego, comisariada por José Luis Mateo e Miguel Anxo Seixas:

Dentro da sempre interesante visita a Pinacoteca Fernández del Riego, mesmo a pesar dos seus horarios reducidos, este verán ofrece o aliciente da magnífica exposición «Impresións de Castelao en Vigo» cuxo fío condutor narrativo é a relación do polígrafo nacionalista coa industria editorial viguesa. Comisariada por José Luis Mateo, membro do Instituto de Estudios Vigueses, e Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao, a mostra reúne 150 pezas de diversos fondos sobre as relacións de Castelao con Vigo, entre as que destaca o atractivo da súa obra gráfica procedente das coleccións dos museos municipais de Castrelos e Fernández del Riego.

Sen renunciar, xaora, a presentar as pegadas persoais que Castelao deixou en Vigo, fose cando visitaba a consulta da rúa Elduayen do doutor Ramón González-Sierra para tratarse dos seus problemas oculares; para atender os convites de sociedades culturais viguesas como o Ateneo, onde no seu local da praza da Constitución expuxo en 1923 as 48 imaxes que formarían o álbum Nós; ou en calidade de político galeguista comprometido coa conquista da República e do Estatuto de Autonomía, que pronunciou discursos memorables como o do 25 de xullo de 1931 no García Barbón.

Mostra de excelente deseño museográfico, clara, didáctica e exhaustiva, presenta de forma ordenada unha síntese esencial da obra gráfica de Castelao publicada na prensa viguesa durante vinte e cinco anos. Primeiro, os seus debuxos cómicos na revista Vida Gallega de Jaime Solá, publicación gráfica da que sería autor da portada do primeiro número de xaneiro de 1909. Logo, cando colabora con Galicia. Diario de Vigo, o xornal do seu amigo Valentín Paz Andrade, aparecido o 25 de xullo de 1922, con sede primeiro en Montero Ríos, logo na rúa Urzaiz, para o que deseñou a cabeceira tipográfica e publicou numerosos textos e caricaturas. Máis tarde, con El Pueblo Gallego, aparecido o 27 de xaneiro de 1924, onde dende o 17 de outubro de 1926, cando publica o relato «O pai de Migueliño», irá adiantando os contos e ilustracións, que titula como Cousas, que en 1929 recollerá o editor Ánxel Casal na Coruña na súa editora Nós. Como adiantará en 1927 nas páxinas do xornal vigués de Portela Valladares tres capítulos da novela Os dous de sempre que en 1934 publicará Nós en Compostela.

E, xa por último, a súa colaboración gráfica con Faro de Vigo, unha das máis sobranceiras das que fixo ao longo da súa vida, que lle permitiu chegar a un público xeral dende o xornal de maior difusión na Galicia do seu tempo. Baixo o epígrafe «Cousas da vida», Castelao publicou o 16 de outubro de 1926 a primeira das súas viñetas que levaba o seguinte pé: «O mellor remedio contra a gordura e o sacho: non vos hai labrego que teña bandullo». Un traballo que se estendería ao longo de máis de seis anos, interrompido o 10 de xullo de 1927 e recuperado o 2 de febreiro de 1930 con dúas colaboracións semanais, até que a pechou o 9 de abril de 1933, cunha viñeta de pé abondo explícito: «–A República xa veu. –Agora falta a Autonomía». En total 355 cousas da vida, traballo monumental escolmado na mostra da Pinacoteca, como xa fixera o propio Castelao naquel Almanaque Faro de Vigo 1931. Cousas da vida, dunha impresionante tirada de 20.000 exemplares. Publicación artística e comercial na que aparecían anuncios como o de Vicus, entidade cinematográfica viguesa de Xulio Rúa, membro da Agrupación Dramática Galega, que anuncia o film titulado A traxedia de Xirobio, produción de sete partes e un limiar, versión dun conto de máscaras do celebrado libro Cousas da vida de Alfonso R. Castelao, primeira ficción do cinema galego, na que, por certo, aparece a figura dos merdeiros, máscara do entroido tradicional vigués.

Acertan os comisarios cando dedican tamén a súa atención a relación de Castelao con Vigo durante a ditadura, fose polo porto onde entraron de matute os exemplares de Sempre en Galicia editados en Buenos Aires, fose polas edicións que Galaxia, a partir de 1953, e edicións Castrelos, a partir de 1964, fixeron das súas obras literarias ou a que Serigrafía Galega de Álvaro Álvarez Blázquez popularizara, a partir de 1971, algunha das súas obras gráficas. Como non esquecen presentar un itinerario vigués de Castelao, sobre o plano de Ramiro Pascual de 1916; lembrar as primeiras representacións d´Os vellos non deben namorarse en Vigo, a do grupo ourensán Las Burgas o 19 de xuño de 1969 no Teatro García Barbón, a do Teleclub de Coruxo en 1971 e a do Grupo Xiada de Valadares en 1974. Como rescatan a presencia no noso rueiro desde o 25 de xullo de 1981, no que a avenida de Samil pasou a chamarse avenida Castelao ou os tres centros educativos que levan o seu nome. Unha homenaxe moi atractiva á figura do guieiro galego cando lembramos o seu 75 cabodano. Recomendabilísima até o 31 de agosto.

Bordalás receita xetafina

Foi unha mágoa que esta pretempada non se recuperase o Torneo cidade de Vigo, unha competición amigábel que se celebraba en Balaídos no mes de agosto, entre 1971 e 2012 e servía para rematar o período de preparación, ademais de presentar as fichaxes, as promesas da canteira incorporadas ao primeiro equipo e aquelar o once inicial do primeiro partido de competición oficial. Probablemente polo adianto do inicio da liga, que axusta tanto as datas dispoñibles, mais tamén pola estratexia deportiva e comercial de internacionalización do club, que pretende contar con maior presencia no mundo, o que se intensificará en canto coñeza os rivais da próxima liguiña europea, impediron a celebración deste derradeiro amigábel en Balaídos, que con certeza tería evitado a bochornosa derrota de onte. Un Celta de Giráldez recoñecible no once inicial pero confundido na lameira e sen os deberes feitos, desigual e descontinuo no xogo, fisicamente moi por baixo dos seus rivais, incapaz de competir cun visitante tan incómodo como ben coñecido polos celestes, o Xetafe de José Bordalás. A primeira desilusión para o celtismo, que con esta clara primeira derrota, derrama a imaxe de Balaídos como fortín, sobre o que se construíu a clasificación europea. E poderá ser así a tempada, outra de máis padeceres ca ledicias?

Derrota sen paliativos que constitúe unha lección de humildade para o adestrador e para o cadro de xogadores que deben afrontar unha tempada de tres competicións, o que constitúe tanto un aliciente como un perigo, para o que se precisa a orde, a paciencia e a versatilidade táctica que faltou onte no coliseo do Fragoso. E o que me pareceu o peor do caso é que Bordalás preparou o desquite da pasada liga, na que Giráldez lle gañou os dous partidos, empregando a súa habitual xetafina, certo que onte en doses moi elevadas, un programa ao límite do fair play consistente en tratar de reducir o máis posible o tempo efectivo de xogo con todo tipo de argucias e maximizar o esforzo e a intensidade no que queda por disputar. Nada novo que non vísemos en visitas anteriores: constantes caídas con entrada das asistencias, simulacións (algunhas cómicas) de lesións, demoras nos saques de portaría ou de faltas, provocacións constantes nas áreas pequenas e outras renartarías que van minando aos rivais até facelos louquear, como onte lles pasou aos defensores celestes, ao tempo que exasperan ao público rival, como tamén aconteceu onte en Balaídos onde a bancada nalgúns momentos da escena non sabía se rir ou chorar de indignación.

Porén, equivocariámonos se atribuísemos a derrota celeste só ao exceso de xetafina de Bordolás ou mesmo a unha actuación estelar de  Christantus Uche, hai dúas tempadas medio centro do Ceuta de 1º REF, reconvertido por Bordalás en dianteiro, capaz de tolear aos centrais canteiráns, Xoel Lago e Javi Rodríguez, que viviron con el un auténtico pesadelo, facilitando os dous goles decisivos do nixeriano. Méritos do equipo de Bordalás facilitados por unha actuación dos celestes como colectivo, inferior a súa proposta de xogo, como da dirección técnica de Giráldez que, sobre todo, tras o segundo gol de Uche, cando faltaban vinte minutos, non soubo comunicar a orde e a paciencia que requiría unha situación tan delicada do marcador. Apenas a entrada de Borja Iglesias, aclamado polo celtismo, endereitou lixeiramente a nave onde cadaquén intentaba a súa xenialidade mentres os visitantes protagonizaban a grotesca xetafina, derramando o tempo no marcador. Unha situación que apenas mellorara coa entrada (tardía, probablemente) de Bryan Zaragoza, que non tiña onte a coitela tan afiada como se prometía, nin coa de El-Abdellaoui, que intentou sen éxito a mesma xogada de entrada veloz pola banda en media ducia de ocasións. Unha desorde táctica que nin sequera o metrónomo de Hugo Sotelo foi capaz de remediar, a pesar de darlle unha velocidade máis ao xogo combinado a partir dos tres cuartos do campo visitante.

Derrota que non é crítica nin abre desconfianza ningunha sobre as posibilidades nesta competición, mais que esixe da autocrítica no vestiario, tanto por parte do equipo técnico como do cadro de xogadores. Amiguiños: xa non estamos de pretempada, o de onte non foi outro amigábel como aqueles torneos de verán que se celebraban despois de San Roque! Foi a primeira derrota en liga, dous goles en contra, tres puntos perdidos, tan valiosos coma calquera outros, diante dun rival directo, o incómodo Xetafe de Bordalás, coa excepción de Uche, con media ducia de xogadores veteranos que traian mellor feitos os deberes do verán cos nosos. Tempo haberá este mesmo mes de remediar en Balaídos este tropezón diante de Vilarreal e Betis.

Publicado en Faro de Vigo: 18//08/2025

Infancia migrante

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao conflito da derivación de menores migrantes de Canarias a outras comunidades:

Entre o incesante xenocidio sionista da poboación palestina en Gaza e a ameazadora guerra arancelaria da administración estadounidense, apoiada polo discurso de odio da dereita extrema europea, a acollida da infancia migrante saíu fóra do foco da axenda pública. Porén, unha parte dos 5.800 menores de idade non acompañados, que viven en condicións precarias en centros de acollida, situados en Canarias e Ceuta, agardan ser trasladados a partir do 28 de agosto a outras comunidades. Un realoxamento de arredor de tres mil persoas a outras comunidades españolas, crianzas a protexer que, tras a vergonzosa liorta política do pasado inverno, deben quedar fóra da estratexia da crispación partidista.

Reasentamento obrigado, que se producirá ao abeiro dos criterios fixados no Real Decreto Lei 2/2025 de 18 de marzo sobre medidas urxentes para a garantía de interese superior da infancia e da adolescencia antes situacións de continxencia migratoria extraordinaria, mesmo a pesar do desacordo da Xunta de Galicia e doutras comunidades gobernadas polo PP e Vox, que interpuxeron recurso diante do Tribunal Constitucional.

Situación comprometida para estas persoas, denunciada por Amnistía Internacional, tanto pola precariedade actual dos recursos residenciais, situados fóra da península, en naves e edificios prefabricados, algún situado nun polígono industrial abandonado, que ademais de saturados non reúnen unhas condicións mínimas para unha acollida digna. Vítimas ademais doutras vulnerabilidades denunciadas como erros e mala praxe na identificación, atrasos na solicitude de asilo ou na xestión da súa documentación, como mesmo da existencia de malos tratos, privación de comida, confiscación de teléfonos, insultos ou castigos desproporcionados na rede saturada de (82) centros canarios de acollida. Nenos e nenas, rapaces e rapazas, que foxen de violacións dos dereitos humanos, de situacións traumáticas, como a das rapazas que sufriron mutilación xenital, trata ou simplemente do desamparo no que quedaron fuxindo das guerras africanas esquecidas, como as de Malí ou Sudán. Menores, algúns, que levan nesta rede de centros de Canarias máis de catro anos, pasando dun a outro, sen que se lle recoñeza, superada a maioría de idade, o seu carácter de refuxiado, quedando así no limbo da irregularidade.

Tanto o Goberno de España, como a comunidade de Canarias e a cidade autónoma de Ceuta, como o resto das CC.AA., no marco da Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia, deben asumir a necesidade de coordinación, a repartición obrigatoria, a solidariedade e a responsabilidade compartida para garantir os dereitos destas persoas menores e asegurar a súa protección efectiva. Como reclama Amnistía Internacional, xa abonda de que se faga política partidista con este tema. Estes nenos e nenas, chegados as nosas fronteiras tras vivir historias durísimas, non poden ser considerados como moeda de cambio das relacións entre comunidades nin forzas políticas.

Secasí, no caso de Galicia corresponde organizar a acollida á Consellaría de Política Social e Igualdade, liderada por Fabiola García Martínez, que nestas semanas de agosto xa debería ter prevista cal será o seu modelo para acoller a 317 destas persoas menores, cifra prevista dende hai meses. Mágoa, que a cancelación da Conferencia Sectorial, boicoteada polas comunidades gobernadas por PP e Vox, alegando o carácter inconstitucional do Decreto 2/2025, na que se ía pactar a acomodación inmediata de tres mil destas persoas, sexa utilizada pola responsable da política de Infancia da Xunta de Galicia para rexeitar a proposta do Goberno de España e para xustificar a imposibilidade de acollelas por non contar nin con cartos nin recursos suficientes para sostelas, na rede de acollida galega xa saturada.

Recursos económicos que non deberían ser o problema principal, xa que son 100 millóns de euros os mobilizados a este teor polo Goberno de España para as CC.AA. Con todo, a cerna desta polémica reside en coñecer cal é o compromiso político da Xunta de Galicia de Alfonso Rueda para deseñar un programa de protección e acollemento humanizado, reforzando as estancias en familias e en centros pequenos sobre o das macroresidencias, modelo que xa amosou o seu fracaso.

Sen esquecer, como sinala Sara Prieto, voceira de Amnistía Internacional en Galicia, «a obriga da Consellaría de Asuntos Sociais en garantir o interese superior do menor e o seu dereito a ser acollido nunhas condicións dignas, que lle permitan acceder a documentación e protección internacional, así como a programas educativos que favorezan a súa transición á idade adulta». Protexer a infancia migrante non é unha querenza nin un agasallo, é unha obriga de respecto dos dereitos humanos.

Taxa turística

Ao fío do anuncio da instalación dos elementos lumínicos de Nadal, dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a solicitar unha taxa turística que compense a turistificación natalina:

Antes de que se iniciase o mes de agosto, Abel Caballero montou o seu primeiro show do Nadal 2025. Ao pé da ollada de ferreiro do Sireno anunciou o comezo dos traballos de instalación da iluminación natalina que superando récords anteriores chegará aos doce millóns de luces leds e 7.000 motivos ornamentais en 460 rúas, estendendo os novos elementos luminosos a Vialia, Urzaiz e Bouzas. Recollido amplamente nos xornais, redes sociais e principais emisoras estatais de televisión, que salientaron o insólito do anuncio, tanto pola data escollida, cando o termómetro superaba os 31 graos, como pola intervención do rexedor que, sen desvelar a data do acendido, declaraba todo pachán que «marcaría o inicio do Nadal en todo o planeta». Nada que nos puidese sorprender, despois de máis dunha década de éxito empregando unha estratexia de comunicación baseada nunha consciente hipérbole natalicia personalizada na figura do propio alcalde, que enuncia un discurso de aboafé ensarillado de desafíos ao alcade de Nova York con cifras millonarias de visitantes, que neste Nadal 2025 estima superarán os 6,3 millóns e supoñerá un «retorno» económico de 800 millóns para o sector hoteleiro,  de restauración e compras.

Certo que nestes anuncios de estío coa intención de evitar conflitos, Caballero non detalle o impacto da instalación na contaminación luminosa nin o orzamento previsto para a iluminación decorativa, 2,37 millóns de euros, que parte dun contrato de catro anos adxudicado a Ximénez, a empresa que se ocupa das luces de Madrid, Málaga e Barcelona. Contrato principal, ao que se debe engadir, polo coñecido de 2024, arredor dun millón de euros para outros elementos decorativos, cabalgata de reis e outras actividades, sonorización e seguridade. O que se resume en que a achega municipal para o Nadal 2025 será de arredor de 3,3 millóns de euros, o que supón menos de 10 euros por habitante e apenas  o 1 % do orzamento anual do concello de Vigo (335 millóns euros). Xaora, o Nadal de Vigo é xa caso de estudo nas escolas de turismo na disciplina de Marketing de cidades, onde se recoñece que a orixinalidade da comunicación e o compromiso do alcalde para defendela, mesmo para soportar as polémicas que esta estratexia provoca, é capaz de crear unha atractiva oferta turística natalicia, até agora inexistente, como atopar unha fenda publicitaria para proxectar a imaxe de Vigo no difícil mercado do turismo global.

Estratexia que deu pé a aparición dun produto turístico, LUCES EN VIGO, que durante dous meses diríxese de forma preferente ao público familiar galego e do norte de Portugal, e en menor medida de Zamora e León, atraído polo atractivo da iluminación e da árbore xigante. Unha experiencia de visita vespertina de tres ou catro horas, tempo que dá apenas para atravesar Príncipe, fotografarse na Porta do Sol, tomar un viño no Vigo vello ou unha caña e un bocadillo no mercado da Alameda, xardín histórico sometido a un estrés innecesario, e no mellor dos casos montar na nora, no tren de nadal ou entrar na exposición de beléns. Visitantes chegados na súa maior parte en autobús e en automóbil que na procura de estacionamento saturan o tráfico da cidade toda. Días que se fan difíciles para a veciñanza do centro, que axiña imos mudando o noso mellor espírito natalicio por unha clara antipatía polo que sucede cada tarde nunha cidade ocupada polas atraccións do parque temático natalino e o seu balbordo, na que é moi difícil moverse e acceder ás vivendas e aparcamentos. Non é doado recoñecer que este sexa o noso lugar para vivir.

Nada moi distinto do que ao longo de todo o ano ven sufrindo a veciñanza doutras cidades do noso entorno, como Compostela, vítima do fenómeno da turistificación xacobea. Fenómeno que en ambas as dúas cidades levou a un crecemento de vertixe das vivendas de uso turístico (VUT), que en Vigo xa supoñen máis de once mil prazas de aloxamento, o dobre das hoteleiras, e o conseguinte encarecemento do alugueiro residencial, hoxe a prezos disparados. Fenómenos que aconsellan a aprobación dunha ordenanza que fixe as condicións que deben respectar as VUT, ademais da creación dunha taxa turística, como a anunciada polo alcalde Caballero, que respectando a normativa autonómica, deberán pagar tanto os visitantes rexistrados en hoteis e VUT como os cruceiristas, coa intención de mellorar o impacto sobre as infraestruturas e servizos comunitarios provocados polos visitantes. Unha taxa que en Vigo, cun millón de noitadas ao ano, podería recadar tres millóns de euros, cifra cativa, mais que contribuiría a preservar o patrimonio e reforzar os servizos ofrecidos aos visitantes como ao conxunto da cidadanía. Utilizada pola maior parte de destinos culturais europeos relevantes, esta taxa turística é unha marca de turismo responsable.

Praza de Galicia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao farol de Urzaiz:

Sei que non son un mandicante se propoño que Vigo conte cunha «Praza de Galicia», coma o resto das cidades galegas. E tampouco ando de meniñas propoñendo que esa referencia engadida ao rueiro sexa para o espazo peonil coñecido como «A farola», situado entre o anfiteatro cívico de Urzaiz e o edificio do Marco de Príncipe, onde se expresa o Vigo das causas máis xustas. Praza de Galicia creada polas luces do farol ou «columna artística» de sete metros de altura encargado en 1930 ao arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez pola corporación monárquica, presidida por Manuel San Román Ceballos, co achaque de darlle categoría á entrada da rúa Príncipe. Construción que comezou iluminar en febreiro de 1932, cando presidía a Praza da República, sendo alcalde Amado Garra Castellanzuelo, político agrarista de Teis, membro do Partido Republicano de Vigo. Farol artístico que ordenaba un espazo de transición urbana, entre Capitán Galán (Príncipe), Capitán García Hernández (Urzaiz) e Colón, que ao longo de nove décadas adoptou diversas solucións urbanísticas, nunca completamente satisfactorias. Nome de «Praza da República» suprimido tras o alzamento mais nunca substituído por outra alternativa, máis alá da popular de «Praza da farola».

O pedestal do farol, traballado en cantaría de granito, foi obra do mestre canteiro e escultor Camilo Fernández Correa, «Camilo o Roxo», quen tallou catro bancos para o descanso da xente, gravando en riba de cada un deles o escudo dunha das catro provincias. Detalle premeditadamente galeguista, que imitaba a solución que o propio O Roxo argallara en 1929 para as catro parellas de nenos que sostendo os escudos de Vigo e de Galicia engalanaban a beirarrúa voada do Paseo de Afonso, o fermoso miradoiro da oliveira. Solución artística que coincidía co debate aberto sobre o estatuto de Galicia, cando Vigo era considerada a Barcelona do Atlántico e non renunciaba a encabezar o proxecto autonomista galego. Liderado para o que o arquitecto Antonio Palacios reservaba no seu plan de reforma interior de 1932, no cume do monte do Castro, o gran pazo rexional, sede das institucións galegas. Como sabemos que o monumental farol dunha ducia de brazos e outras tantas luminarias, deseñadas por Pere Falques, foi forxado polo mestre Romero, un gran artista do ferro, e fundido nos obradoiros de Nervión no Roupeiro, propiedade de Joaquín Fernández Lema.

Farol artístico da Praza da República, onde abría terraza o famoso café Derby, que foi retirado aos depósitos municipais en 1965 para ser substituído por outro de maior altura e horroroso deseño, outra das tantas alcaldadas de Portanet que na década corrupta do «desarrollismo» fixo caso omiso do valor do patrimonio, autorizando animaladas coma o derrube no mesmo ano do edificio Rubira, unha das xoias da arquitectura de Jenaro de la Fuente Domínguez, que facía recanto entre Colón e García Barbón, apenas criticada nas páxinas de Faro de Vigo polo xornalista Benedicto Conde «Bene» nun artigo memorable titulado «El asesinato completo…». Farol recuperado en 1973 para ser instalado na alameda de Eduardo Cabello en Bouzas con motivo da celebración da VIª Feira Mundial da Pesca, que por vez primeira se celebraba en Vigo. Habería que agardar case tres décadas para que en 2002 sendo alcalde Lois Pérez Castrillo o farol fose restaurado e dous anos despois, coincidindo coas obras do aparcamento de Urzaiz, trasladado á praza sen nome, onde quedou chantado. Mudanza, non o esquezamos, froito da negociación coa veciñanza de Bouzas da alcaldesa Corina Porro, que se comprometeu a instalar na vila a antiga pérgola da Praza de Portugal (1928), tamén deseñada polo Jenaro de la Fuente Álvarez.

Esta praza do farol debería recuperar o seu nome primixenio, o de «Praza da República», como debería ser retirada a cruz de doce metros de altura que chanta no monte do Castro dende 1961, símbolo do nacional catolicismo e exaltación do franquismo. Porén, creo que no Vigo actual, unha cidade estado, sería aínda máis útil que os tres grupos municipais acordasen chamar «praza de Galicia» a este lugar de encontro habitual da mocidade e espazo cívico de concentracións e iniciativas diversas artellado arredor do farol artístico. Hai motivos abondo para xustificalo, sendo o primeiro o carácter de Vigo como cifra de todas as galicias posibles. Expresión afortunada do mestre de X.L. Méndez Ferrín para expresar que Vigo é unha bisbarra complexa, berce de actividades industriais diversas, dende as pesqueiras e portuarias até as automobilísticas, dixitais e culturais, como territorio do Val do Fragoso onde por ventura se conserva a lingua e a cultura agraria tradicional galega. Para recuperar o liderado perdido, Vigo ben podería comezar por este xesto de dotarse dunha praza de Galicia.

Xeados vigueses

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao mapa das xeadarías viguesas da memoria até as máis recentes:

O sabor do verán da miña infancia foi o mantecado e chocolate de La Ibense e Capri, as primeiras xeadarías italianas establecidas en Vigo. Cando baixabamos a Vigo coa avoa Filo, un cucurucho ou unha terrina de dous sabores constituía un fito excepcional que apenas se repetiría un par de veces na tempada. Sabores que chegaron a cidade nosa coa Segunda República, cando Perfecto Valls fundou en García Olloqui 3, na cabeceira da Alameda, despois tamén en Velázquez Moreno 28, a primeira fábrica de xeados de La Ibense, como testemuña a súa presencia dende entón nos directorios do Anuario de Vigo, como tamén en Pontevedra, Ourense e A Coruña. Fábrica que funcionaba dende 1892 en Sanlúcar de Barrameda, desde que Carlos Bornay Verdú, mestre artesán xeadeiro formado en Italia, se trasladara dende o seu Ibi natal, nas serras alacantinas da Teixereta e Bascoy, ás praias gaditanas para vender o rico mantecado de vainilla, do que só podían gozar os veraneantes da aristocracia e burguesía de fin de século. La Ibense de Vigo ofrecía os seus cucuruchos de dous gustos, nos que destacaba o mantecado (mestura de leite e vainilla) e o turrón, que tamén se ofrecían nun carriño na propia Alameda.

Crese que traído a Europa polo propio Marco Polo, foi en Italia onde dende o século XVII se desenvolveu a cultura do «gelato», que xunto a pizza napolitana e o pesto da Liguria, son as tres máis celebradas creacións do tesouro gastronómico italiano. Éxito mundial do gelato ao que non é alleo, que sexa o leite o seu principal ingrediente, ademais da xema de ovo  e daqueloutro que lle proporciona o sabor. Sen embargo, é na súa preparación artesanal diaria onde radica a cerna do gelato: un traballo paciente do xeadeiro no obradoiro, até acadar unha textura cremosa, suave, densa e equilibrada entre sabor e temperatura (entre -12ºC e -14ºC), lista para servir en corneto ou terrina. Coa intención de ofrecer auténticos xeados italianos, o mestre xeadeiro Marco de Cesero e a súa dona Alma, orixinarios da rexión dos Dolomitas, montaron en maio de 1956 en Carral 4, nos baixos do Hotel Moderno, a xeadería Capri, que ofrecía oito sabores que triunfaron rotundamente na cidade: chocolate, café, mantecado, nata, abelá, tutti-frutti, limón e amorodo. Variedade de abelá que sería premiada na Mostra Internacional do Xeado de Longarone de 1972, que recuncaría o ano seguinte. O éxito de Capri, que servía os primeiros cucuruchos bañados en chocolate e ampliou a carta dos seus gustos, levou a familia de Cesero a facerse en 1982 cos dous locais de La Ibense. Tradición artesá que xa en terceira xeración chega até hoxe no seu obradoiro de Capri. La Original en Praza de Compostela 36.

Se ben, La Ibense e Capri foron as pioneiras, Vigo conta cun mapa de xeadarías deliciosas que paga a pena lembrar. Velaí a xeadaría Venecia, en Sanjurjo Badía 95, no centro de Teis, fundada en 1978, que até hai dous anos posuía a carta de xeados máis ampla de Vigo, con especialidades memorables como o iogur con guindas. Eis en Bouzas Mamma Mía, na Alameda Suárez Llanos 5, que abriu en Teixugueiras 10 en Navia, onde o mestre Albano Costas ofrece até vinte gustos e celebra a Brincadeira cos seus xeados de cervexa e licor café. Velaquí Varicci Artigianale en Castrelos e na Praza da Pedra, con sesenta variedades memorables; Di San Remo, moi popular entre os bañistas de Samil; Panna & Fragola, en Elduayen 2 e Avenida de Europa 103, onde o mestre Giorgo, procedente de Brescia, incorporou o iogur xeado; Fabbrica del Gelato, na praza da Constitución 9, unha das xeadarías mellor valoradas; Helada Madrina, en Vía Norte 4, do mestre xeadeiro Ezequiel Mera, recoñecida cun Solete Repsol, que na súa carta ofrece fantasías como o xeado de polbo ou de calamansi, cítrico asiático.

A este itinerario dos xeados vigueses engadíronse nos últimos meses outras tres propostas de moito interese. Desseo, na Porta do Sol 3, xeado artesán galego sen glute, tamén gofres, batidos e café. Bico de xeado, en Príncipe 49, exitoso proxecto de transformación leiteira da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, con fábricas na Granxa O Cancelo de Miño e na Granxa Esperanza de San Sadurniño, en expansión constante, 30 despachos, que se engade ao de Vialia e o Centro Comercial A Laxe. E Framenti, nacida a carón de Fermentum 42, a panadaría e pastelaría italiana da praza da Oliveira, que hai tres anos montaron no Paseo de Afonso a napolitana Paola Fusco e o siciliano Alessio di Lorenzo, que ofrecen un xeado artesanal coma o que farían en Italia, dezaseis gustos, a metade deles veganos, e algunhas especialidades únicas en Vigo como o siciliano bocadillo de xeado, brioche delicioso, coma todo o preparado por eles. Nestes días calorosos, paga a pena deixarse levar pola ampla oferta viguesa destas delicias xeadas, o xenuíno sabor do noso verán.