Museo de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao plan estratéxico da rede de museos municipais de Vigo:

O Plan Estratéxico da rede de museos municipais de Vigo, formada polo Museo de Castrelos, Verbum, Pinacoteca, Casa Galega de Cultura e Casa das Artes, así como o incremento nun 25 % das partidas orzamentarias de 2025 destinadas a súa posta en marcha, supón un cambio de orientación tan radical como esperanzador da até agora rutineira política de museos do goberno municipal de Abel Caballero. Cinco museos que reorganizan os usos e instalación das súas coleccións no período 2024-2026, atendendo aos criterios de identidade, memoria e contemporaneidade, coa intención de facelas máis atractivas para os diversos públicos como centros formativos, de investigación, divulgación e lecer.

Así, o Museo Quiñones de León do Parque de Castrelos –ás portas da celebración do centenario da súa pertenza ao concello– quedará como museo monográfico centrado no valor do seu edificio e dos seus xardíns. O Verbum, creado en Samil con fondos europeos en 2003 como Casa de Palabras e proxectado como centro interactivo arredor da comunicación, tras anos de abandono e fracaso do deseño expositivo, converterase en museo da cidade, dedicado á historia de Vigo, con especial atención á organizar as coleccións arqueolóxicas, até agora depositadas en Castrelos. A Pinacoteca Francisco Fernández del Riego, aberta en 2011, tras reconverter na rúa Ferraría o Pazo de Arias Taboada, acollerá a colección Colmeiro e exposicións pictóricas temporais. A Casa das Artes, inaugurada en 1990 no edificio do Banco de España, manterá a súa función de espazo municipal principal de exposicións temporais e sede de coleccións municipais como o Arquivo Pacheco, o legado do pintor Luis Torras e a Fundación Laxeiro. Mentres a Casa Galega da Cultura na praza da Princesa continuará como espazo expositivo temporal, auditorio e sede da Biblioteca Penzol e da Biblioteca e do Museo Fernández del Riego. Rede á que se deberían incorporar as musealizacións do monte do Castro (Poboado castrexo e Muralla) e da vila romana de Mirambell no Vao.

Nova estratexia para a importante rede de museos municipais, que constitúe arredor da metade da oferta dos museos vigueses de carácter público e privado, cos que debería artellar fórmulas de colaboración e complementariedade. En primeiro lugar, co Museo Marco de Príncipe e o Museo Etnográfico Liste da Pastora, onde o concello de Vigo é o principal mecenas. Máis tamén co Museo do Mar de Galicia de Alcabre, do Centro Arqueolóxico Salinae de Rosalía de Castro, da anunciada sede do CGAC no Casco Vello ou do futuro Teatro Cine Fraga, dependentes todos da Xunta de Galicia. Como tamén coas iniciativas do importante Arquivo do Porto de Vigo ou do observatorio submarino Nautilis, ambas as dúas da Autoridade Portuaria.

Sen esquecer contar cos centros e coleccións privadas existentes en Vigo. Velaí os espazos expositivos da sede de Afundación de Policarpo Sanz, o Museo do Celta en Balaídos, o Museo Anfaco da industria conserveira, instalado no Campus das Lagoas da Universidade de Vigo, a colección de vehículos fabricados na planta do Grupo  Stellantis (un auténtico museo do automóbil nas últimas seis décadas), a colección de traballos da ourivaría Hernández, as pezas de louza de Álvarez ou as maquetas dos estaleiros da ría (inicio posible dun museo de artes decorativas).

Panorama dos museos vigueses no que habería que contar coa recuperación do Centro Galego de Fotografía e Cinema do Casco Vello, proxecto incomprensiblemente sacrificado para instalar a sede administrativa da Deputación, onde albergar o impresionante patrimonio audiovisual vigués e galego, poñendo de vez en valor a fototeca viguesa e galega, dende o arquivo Pacheco, a colección Vigovisións, pasando polos fondos dos grandes fotógrafos afeccionados vigueses como Terré, Rainiero Fernández até o regreso de coleccións fotográficas como as do Arquivo Llanos, hoxe no Museo Etnográfico de Ribadavia.

Todos estes museos públicos e coleccións privadas conforman de facto o auténtico Museo de Vigo, ese que hoxe non existe nin na documentación nin aparece no rueiro, mais que como ampla rede de colaboración se presenta para gozo da veciñanza e dos que nos visitan, constituíndo un patrimonio de valor incalculable que coas súas luces propias se estende pola cidade enteira. Secasí non sería disparate ningún que ese Museo de Vigo puidese contar con sede de seu, como Centro de Interpretación do Vigo Metropolitano (CIVM), instalado nunha Panificadora por fin recuperada, como icona do Vigo do século XXI. A creación dos contidos de Historia de Vigo para o novo Verbum, renomeado como Museo da cidade de Vigo, con criterios museográficos actuais, presentado tamén de forma virtual, constitúe unha oportunidade magnífica para iniciar os contidos do futuro CIVM da Panificadora.

A fala de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á monografía A fala de Vigo (UVigo 2024) de Xosé-Henrique Costas:

O emprego do galego en Vigo está en mínimos históricos. A enquisa do IGE (2023) sobre o uso e coñecemento do galego cifra os galegofalantes habituais no 13,46 % dos vigueses maiores de 5 anos e os castelanfalantes no 86,54 %. Cifras que hoxe fan de Vigo a cidade menos galeguizada do país, aínda que sexa pouco menos que Ferrol, onde os galegofalantes representan o 13,60 % e na Coruña o 15,48 %. Situación precaria do galego nas tres cidades industriais, onde o seu uso cotián representa apenas unha terza parte ca en Santiago, onde é o 44,52 %, cifra que queda por baixo do 46,23 % do conxunto de Galicia, inferior, por vez primeira, á de castelanfalantes. Retroceso histórico do galego, substituído polo castelán, que afecta tamén a cadansúa área metropolitana que, se ben ofrecen porcentaxes máis elevadas de galegofalantes –Vigo o 20,13 %, A Coruña o 25,04 % e Ferrol e Ortegal o 28,39 %– fican lonxe das cifras de uso do galego en Lugo, 39,50 %, e Ourense, 37,87 %. Números que habería que desagregar por tramos de idade, información valiosa que axudaría a entender a situación de emerxencia da nosa lingua.

Por ventura, tras semellante retrato do estado da lingua, a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo acaba de publicar unha monografía esencial para o patrimonio da cidade nosa e para o seu futuro: A fala de Vigo. Trazos diferenciais da nosa variedade dialectal (2024), obra da que é autor Xosé-Henrique Costas González, natural de Mantelas, catedrático de Filoloxía Galega da UVigo especializado en dialectoloxía das falas galegas do exterior, activista do galego e escritor, autor da triloxía «Banu Marwán: a estirpe do galego». Concibido como texto dunha conferencia sobre o galego de Vigo, solicitada pola asociación de voluntariado lingüístico Faladoiros Vigo, o traballo de Costas levedeceu e colleu corpo como estudo filolóxico de referencia sobre a fala do Vigo actual, testemuño de que a pesar das cifras preocupantes de uso, a lingua galega sigue moi viva en Vigo entre un de cada cinco dos seus veciños, falada no vitrasa, Balaídos ou nos centros comerciais, con presenza destacada nas parroquias do Val do Fragoso, bacía vertebrada polo antigo río Sárdoma, hoxe chamado Lagares, onde segue sendo a lingua cotiá ou maioritaria de non pouca veciñanza.

Iniciada polo soneto «Vigo» de Darío Xohán Cabana e por un limiar do mestre X.L. Méndez Ferrín, a monografía de Costas, tras encadrar a fala viguesa no Bloque occidental das falas galegas, cos seus trazos propios de gheada e seseo, presenta as súas características diferenciais, algunhas exclusivas do concello de Vigo, sexan fonético-fonolóxicas (inestabilidade do ıeı tónico aberto, redución do hiato -oa en -ó…), prosódicas (interrogación con acento descendente) ou morfolóxicas (diferenciación de Nós e nosoutros, emprego de forma oblicua do pronome, uso da perífrase recomendativa querer + participio flexionado…). Secasí, a cerna do retrato da fala viguesa está no apartado de léxico onde, despois de identificar trazos singulares neste ámbito (uso moi frecuente dos sufixos -ota/e, -exa/o, -eira/o; emprego do arquilexema mirar, documentado nos textos dos tres trobeiros da ría de Vigo…; ou emprego de voces coincidentes co portugués do norte…), recolle un cento de frases e refráns, así como catrocentas voces senlleiras de Vigo, que non en todos os casos son exclusivas do Val do Fragoso, mais si características moi nosas.

Tesouro lexical vigués que Costas leva máis alá dos tópicos de castelanismos vigueses como patatillas, manises ou tenis. Son palabras viguesas galegas: aboiada/o, alcoube, bandallo, berete, chaíñas, charrau, chosca, croque, currusco, esbandallar(se), espiche, fariñoque, furabolas, ghaldrumada, ghicho/a, manghallón, meniño e meniña, molote, moquenear, noutronte, necha, pallona, pateiro, pello, pirú, pisca-pisca, pispardo, postouro, rao, roña, sabidicho/a, sudre, tareco, tirisó, ventimperio, viño de masán, virghallada,… Como son frases viguesas: A ghaita é pro ghaiteiro, Andar ás minchas, Andar de ghavota, Bailar nunha peneira, Chiscar un ollo, Darlle ao veo, Dar un raite, Falou Varela, Faser barro (coas orellas), Ir quentar os bancos, Montes e moreas, Non ter paraxe, Quen che dera piche pola costa de Peniche, Quen de novo foi bailador, de vello dálle un xeitiño, Ser o prixel de todas as salsas, Ser unha man furada, Xa pasaron as leiteiras, Xuntar allos con maravallos…

Palabras e frases que conforman un tesouro comunal, que o autor convida a compartir e ampliar, como forma de preservar o patrimonio da lingua e fomentar o seu uso en todos os ámbitos da vida cotián. Parabéns a Quique Costas e a Uvigo pola sensibilidade de realizar unha publicación, que se pode baixar gratuitamente en pdf na súa páxina.

 

Karnix celta

Abraham Cupeiro, o xenial músico e recuperador de instrumentos  perdidos no tempo, nunha participación memorable na previa do sábado sobre a lameira de Balaídos, convocou co son grave do seu karnix, trompeta celta da Idade de Ferro, ao celtismo a compartir unha nova fazaña de afouteza fronte ao líder, o temible Barcelona de Hansi Flick, hoxe un dos equipos en mellor forma de Europa. Probablemente, o musicólogo lucense e celtista de estirpe non imaxinaba que o seu chamamento celta sería a banda sonora inesquecible para outra noite heroica do Celta de Claudio Giráldez, que fixo un gran partido, e xa van uns cantos na catedral do Fragoso, un empate que soubo a pouco, forxado en cinco minutos incribles, apenas deslucido por dous erros defensivos de vulto do valiosísimo Mingueza, na mesma semana que o catalán debutou como internacional, paradoxos inevitables deste apaixonante xogo de pelota. Un encontro no que, non obstante, a tripla defensiva celeste estivo a un grandísimo nivel, mellor ca a tripla ofensiva, superando en numerosas ocasións a que semellaba infranqueable estratexia blaugrana do fóra de xogo, unha lección táctica soberbia do cadro técnico do adestrador de Cans, que superou aos visitantes en case todas as fases do encontro.

Desta volta, Claudio sorprendeu menos no seu once de gala, incorporando a Javi Rodríguez, cada vez máis seguro na tripla defensiva, na que Starfelt e Marcos Alonso xa son intocables, con senllas grandes actuacións, nun equipo que constrúe con paciencia infinita dende esa primeira liña de centrais. Xaora, gardou a sorpresa habitual coa aliñación Ilaix Moriba, peza clave na súa estratexia de superar por intensidade a Pedri e Casadó, o que resultou todo un acerto polo seu empuxe na creación de espazos no campo visitante, nunha das súas mellores actuacións coa camiseta celeste. Pulo ao que non foi alleo o traballo de zurcido invisible de Beltrán, un xogador incansable, inmenso no compromiso, responsable da cadencia de xogo céltico, ese metrónomo que impide a precipitación do xogo, que da man de Claudio está atopando o seu mellor rexistro e proxección. Como volveu o míster apostar por Bamba, probablemente pola gripe de Williot, unha escolla polo marfileño que, para unha parte da bancada, dende a súa chegada a Vigo, non acaba de convencer, dubidosa das expectativas creadas na súa fichaxe, sobre todo na finalización. Outrosí sucede coa presenza de Douvikas no eixe de ataque, que se intercambia decote con Borja Iglesias, internacional grego ao que non se lle ve completamente satisfeito co seu papel.

Con eses vimbios, Claudio teceu o seu cesto, que xa funcionou aos tres minutos, cando Mingueza como lateral esquerdo serviu un balón en diagonal sobre o punto de penalti que Aspas cruzou ao pao dereito lixeiramente desviado, unha desas asistencias que o mago de Moaña non adoita estragar. Primeiro aviso, ao que respondeu no 14’ de xogo o Barça cun servizo semellante de Koundé sobre Rapinha, que Mingueza deixou botar, o que permitiu que o brasileiro o canease para marcar cun xute sobre o pau dereito. Un erro do celeste que serviu de acicate aos nosos, que catro minutos despois puideron empatar cun xutazo á escuadra de Moriba despexado por Peña in extremis. Oportunidades das que dispoñería Bamba, que soubo collerlle as costas a Koundé, ás que respondeu Olmo cun xute ao longueiro, nun intercambio de golpes precioso, moi excitante para a bancada. Secasí, antes do descanso apareceu, o factor Soto Grado, o do árbitro caprichoso que se aforrou un claro penalti sobre Aspas e unha vermella a Gerard Martín, o que alporizou ao de Moaña, que recibiu cartón amarelo e puido ser expulsado de non ser acougado na banda polo propio Giráldez.

Non empezou ben a segunda parte, onde o Celta se fixo agardar sobre o terro, cando Lewandowski ampliou o marcador, tras outra perda inocente de Mingueza e un despexo insuficiente de Starfeldt, nun dos seus contados erros. Claudio introduciu entón os primeiros trocos, mentres Rapinha noutra das súas transicións puido liquidar o marcador cun terceiro gol, o que impediu o pao de forma milagreira. No entanto, os celestes lembraron a chamada do karnix de Cupeiro e procuraron un gol que os achegase, que naceu da insistencia de Alfon, –pouco despois de que os visitantes quedasen en inferioridade polo dobre cartón de Casadó–, que no 83’ aproveitou unha vacilación de Koundé. Gol que infundiu azos para un empate posible que chegou tras unha xogada coral moi traballada e finalizada por unha xenialidade de Hugo Álvarez, un caneo na área pequena con xute cruzado, nunha das súas actuacións máis discretas da temporada, outro paradoxo do bendito fútbol, que abriu o entusiasmo ao estadio todo. No tempo engadido, coa bancada sen ter paraxe, mágoa que o taco de salón de Borja fose interceptado por pouco por Peña, negándolle ao Celta a vitoria que merecía.

Publicado en Faro de Vigo: 25/11/2024

Festa do cabazo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a festa do cabazo do Carballal:

Organizada pola Asociación Cultural «O Coto», celébrase cada terceiro domingo dende 1984 a festa do cabazo no cabralexo colexio do Carballal. Unha festa gastronómica das máis enraizadas do concello de Vigo, que comparten máis de dúas mil persoas, coa que remata o calendario de grandes encontros anuais de exaltación da comida ou dalgún produto alimenticio concreto. Un ciclo festeiro gastronómico vigués iniciado na primeira fin de semana de xuño coa feira e festa da cereixa de Beade, creada en 1986 e organizada polo CSCR de Beade, á que seguen a festa da sardiña de Teis, creada en 1974 por Ramón Rodríguez «O Gholas» na carballeira do monte da Guía; a romaría do pan de millo de Cabral, organizada dende 1987 polo CCR de Cabral o derradeiro domingo de agosto no parque forestal de Becerreira; a festa do pexego de Candeán de setembro e as organizadas pola Federación de Peñas Recreativas El Olivo, a recuperada festa do mexillón do Parque de Castrelos de primeiros de setembro e o tradicional Magosto do Berbés do segundo sábado de novembro. Festas todas nas que ademais de compartir a familia mantenza e andar de ghavota, a prezos accesibles, nunca falta a música tradicional e o emprego vehicular da lingua galega.

Festa do cabazo do Carballal da que asumín nesta súa XXXVII edición a responsabilidade de pronunciar o pregón de exaltación dun froito da outonada, chamado noutros lugares de Galicia, cabezalote, cabaza ou calacú, que neste tempo de facer memoria de Santos e Defuntos e Magostos, vai abrindo os postigos á invernía e as súas matanzas e nadais. Regalía da horta nosa, para o etnógrafo Felipe Senén, ovos da terra preñados de infindas pebidas, que comezan a dourar e a ofrecerse ao imaxinario da tradición. Esféricas testas, caprichosas formas hortícolas labradas polos catro compoñentes da vida: terra, auga, aire e luz solar. Cabezas que emerxen da terra para agardar o saber da man hábil creadora do artesán que lle labre a faciana na cortiza ou a dispoña para ser preparado coas artes da nosa culinaria. Cabazos cultivados nas ribeiras do Lagares, o antigo río Sárdoma, terras vizosas do Val do Fragoso, onde se estendeu a nosa grande urbe atlántica, ese Vigo de tradición agraria, hoxe espazo simbiótico industrial. Cabazos cabralexos que son froitos privilexiados e testemuñas dunha tradición e duns labores agrícolas que sobreviven nun Vigo en bisbarra complexa, como o definiu Ramón Otero Pedrayo.

Culinaria do cabazo, da que temos primeira referencia documentada no libro da cociña galega de Álvaro Cunqueiro, que a Caixa de Aforros de Vigo publicou en 1973, na que achega receita dun caldo galego, «moi propio dos días medianeiros de outono, cando xa nos cabazos (canastros) maduraron ao sol os calabazotes, e hai fabas novas de tarde». Imaxino que este caldiño de cabazo de Cunqueiro está para bailar nunha peneira, xaora nesta festa do Carballal o público tivo a posibilidade de dar un raite por moitas outras posibilidades culinarias e atopar cabazo en flans, marmeladas, galletas, pasteis, pisto, pan, empanadas e que sei eu. Preparacións moi saborosas todas, como para facer barro coas orellas, frase feita da nosa fala viguesa coa que expresamos a calidade de facer algo moi ben feito. Sen esquecer  as receitas das chulas de calacú presente nos libros clásicos de Repostería en Galicia de Fina Casalderrey e de Cociña galega tradicional de Matilde Felpeto, autoridades na gastronomía de noso. Chulas que forman parte das nosas froitas de tixola, como orellas ou filloas, preparación semellante á que as portuguesas chaman sonhos, nome literario tan suxestivo que podería adoptar a festa do Carballal: «soños de cabazo». Como aconsellan as autoras que á hora de reinterpretar unha receita de orixe popular, como as chulas das que xa falaba Picadillo, non esquecer de botar na tixola unha pela de laranxa e retirala cando estivese dourada.

Como é outra preparación do cabazo transformalo en cabelo de anxo, o ingrediente utilizado para a elaboración de tortas emblemáticas de Galicia como as de Mondoñedo, Viveiro ou Ortigueira, moi utilizado na dozaría portuguesa, ao que chaman doce de xila. Elaboración artesá, onde semella que a clave reside en, despois de enfornar e baleirar o cabazo, desfacer coas mans a polpa en filamentos, que se mesturaron co azucre. Culinaria por ventura en transformación que hoxe utiliza como ingrediente principal a nosa humilde cabaciña, presente nas cartas de cociña contemporánea en pratos como humus de cabazo, manteigadas de cabazo ou cabazo con ricota e pesto xenovés. O cabazo un produto de tempada e de proximidade, protagonista dunha cociña saudable, na que se establece un equilibrio entre o pracer da inxestión e o benestar da dixestión. Beizón ao humilde cabazo, que emerxe da terra para o noso gozo e beneficio.

Hematofesti de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Hematofesti:

A primeira edición do Hematofesti, festival de humor e literatura infantil, proxecto nacido para homenaxear a figura de Miguel Ángel López González, coñecido como o Hematocrítico, resultou un éxito rotundo, tanto pola acollida dos públicos e a calidade do seu programa de actividades como das iniciativas desenvolvidas en Vigo durante cinco días. Creado e organizado pola escritora Ledicia Costas e o ilustrador Alberto Vázquez, rendeu tributo ao legado do escritor coruñés e mestre de educación infantil e inglés, autor do blog Hematocrítico de Arte, tamén creador de contido dixital en redes, participante e animador de múltiples proxectos como os dos podcasts «Los hermanos podcast & Co» e «Masa enfurecida», salientando a súa personalidade empática e achega decisiva á renovación da literatura infantil e o entretemento de carácter familiar. Un festival que constituíu, ademais, un exercicio de gratitude e memoria da rede de amizades de Hemato desprazadas a Vigo dende diversos lugares da península que protagonizaron actuacións musicais e humorísticas memorables na Hematogala, celebrada o xoves á noite no Auditorio Mar de Vigo, e nas sesións de humor vespertinas que baixo o epígrafe «Queremos humor» se celebraron no Teatro Salesianos, convocatorias todas nas que esgotaron as entradas.

Homenaxe iniciada na mañá do xoves no Auditorio Municipal coa final de «Pequenos Xigantes da Lectura», concurso de lectura en alta voz en lingua galega para alumnado de 4º de Primaria, no que participaron oito centros escolares da área metropolitana viguesa. Xornada na que comezaron en media ducia de librarías viguesas as sesións de contos e obradoiros de ilustración dirixidos a crianzas, así como se abriu na planta baixa do Marco un espazo Gaming NINTENDO, que recibiu unha grande acollida de público familiar nos catro días. Programa que o sábado na Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo dedicou a xornada toda á literatura infantil, na que se sucederon as mesas e presentacións coa participación de autoras, ilustradoras, editoras e bookstagrammers, pechada coa cerimonia de entrega dos premios «Humor con H» de álbum ilustrado  e do «Lenda do recreo», que tiven a honra de recoller emocionado coa maior das gratitudes. Programación do Hematofesti que se estendeu ao Palexco da Coruña coa excepcional exposición retrospectiva «Hematocrítico ilustrado», organizada polo concello da Coruña, na que por primeira vez se reúnen máis de duascentas ilustracións de nove destacados ilustradores e ilustradoras que acompañan as narrativas das súas obras.

A sorprendente capacidade desta primeira edición de Hematofesti de facer barro coas orellas, ou o que é o mesmo, de converterse en referente, entendo que obedece ao carácter transversal, inclusivo e audiovisual deste festival de cultura contemporánea que como auga de maio precisaba a cidade de Vigo. Transversal no eido temático xa que aborda a lix, o humor, a música e o xogo. Como tamén toca todos os paos da literatura infantil, dende a creación e a edición textual, pasando pola ilustración e a banda deseñada, até os videoxogos e os podcasts e creación de contido dixital para redes. Como transversal e inclusivos son os públicos de Hematofesti, asumindo de forma explícita unha estratexia antiidadista, con propostas para crianzas e familias, até unha participación moi destacada de persoas menores de sesenta anos. Como diversas son as localizacións das actividades por toda a cidade e diversos os mecenados, tanto privados como públicos, nos que están comprometidas as catro administracións: Ministerio de Cultura, Consellaría de Cultura, Concello de Vigo e Deputación de Pontevedra. Unha fórmula modélica de corresponsabilidade e de colaboración interinstitucional que merece ser aplaudida e continuada en edicións futuras.

Aventuramos un grande futuro a este festival visualmente tan fermoso e engaiolante, onde todo esta moi coidado, que debe consolidarse e medrar en Vigo como un referente anual arredor da fin de semana de San Martiño (as buxainas ao camiño). Crecemento que podería producirse asumindo un carácter internacional e engadindo novas expresións e formatos, singularmente o cine infantil de animación, a poesía, o teatro, o xogo e o xoguete popular e dixital. Como non semella moi difícil ampliar a toda Galicia a convocatoria do concurso escolar «Pequenos Xigantes da Lectura» e estreitar o intercambio de actividades coas organizadas na Coruña, montando na vindeira edición a exposición do «Hematocrítico ilustrado».

Todos os parabéns, merecidísimos, a Ledicia Costas e Alberto Vázquez, como ao seu formidable equipo de produción, por facer realidade a fantasía dun festival que imaxinou o Hematocrítico, xenio riquiño entre os máis riquiños.

Media táboa

Tras a merecida vitoria fronte ao Getafe, moi curta para as numerosas ocasións das que dispuxo, o Celta de Claudio Giráldez supera o seu primeiro baixón de resultados da tempada e na altura da décimo segunda data, case superada a terza parte do calendario, colócase décimo nunha cómoda posición xusto en media táboa. Unha situación novidosa de tranquilidade para este celtismo, moi anovado pola rapazada, que na noite do luns expresou de forma deportiva tanto a súa solidariedade coas vítimas da catástrofe climática do País Valenciá, nunha xornada que a todas luces debeu adiarse, como o seu rexeitamento de xogar partidos entre semana, programados polos intereses da industria audiovisual internacional que gobernan o fútbol moderno, facendo caso omiso das necesidades de xogadores e seareiros.

Foi tamén a do luns a cuarta vitoria do Celta na casa, convertida polo cadro técnico de Claudio en fortín, nunha tempada até agora moi discreta lonxe de Balaídos, fronte a un rival incómodo e un adestrador José Bordalás que parecía lle tiñan collida a medida aos celestes. Enfrontamento, ademais, que tiña o interese engadido de comprobar como Claudio Giráldez ía derrubar na pizarra os dous muros dispostos inicialmente por Bordalás, nunha batalla que se sabía sería moi intensa para collerlle as costas aos visitantes. Con esa intención, o de Cans reforzou no once de gala a banda dereita coa entrada de Ristic para anular a Carles Pérez (o que conseguiu mentres estivo na lameira), de Beltrán no amplo espazo central e de Douvikas na punta. Mudanzas con respecto ao triste naufraxio de Butarque que deron resultado de contado, cando o dianteiro internacional grego, apenas transcorridos seis minutos de xogo, marcou de cabeza no segundo pao, tras unha marabillosa asistencia de Iago Aspas que centrou en carreira («coa súa perna mala») un globo que superou a altura do gardameta Soria. Unha marabilla de gol que obrigou a Bordalás a mudar o seu plan de partido.

Abofé que ao adestrador de Alacant hai que agradecerlle, en noite emocionalmente tan difícil para el, que co marcador en desvantaxe procurase cun xogo vertical o control da pelota para o seu equipo. Consegui que o Celta nunca estivese cómodo durante a primeira parte, obrigado a acurtar espazos e a defender a Uche e Álvaro, os dous dianteiros, que incomodaban a saída ordenada dos celestes, como lle gusta a Claudio. Labor na que foi extraordinario o desempeño de Starfelt (cada vez máis acertado), auténtico gladiador, e a contención e a saída de xogo proporcionada pola intelixencia en movemento de Marcos Alonso (unha fichaxe de auténtica categoría) nas situacións máis comprometidas. No entanto, a pesar de non monopolizar o balón como noutros partidos, o Celta puido ampliar o marcador antes do descanso cunha xogada marabillosa de Mingueza no 33’, que xutou ao pao longo despois de entrar caneando na área, outra das xogadas memorables do catalán, outra alfaia para Claudio.

Tras o descanso, os visitantes nun saque lateral puideron empatar no 51’, o que impediu Guaita cunha intervención salvadora, que fixo espertar ao Celta cun par de transicións moi perigosas coa participación de Aspas, que rematou a base do pao a primeira e case a seguir outra na que abriu para Hugo e Douvikas, que non chegou a cabecear por moi pouco. Minutos de euforia celeste que provocaron a expulsión de Berrocal no 65’, por dobre amoestación, que sería xa determinante para o desenlace do partido. En superioridade e contando con Borja Iglesias e Hugo Álvarez frescos, o Celta contou con moitas máis oportunidades para liquidar o encontro: un gol anulado ao nove compostelán (por fóra de xogo milimétrico), un man a man co porteiro de Hugo Álvarez (algo descentrado) e unha xogada incrible de Aspas no 78’ na que despois de canear a non sei cantos rivais xutou de forma defectuosa. Secasí, como non conseguiu ampliar o marcador, e como resulta habitual no estadio do Fragoso, o Celta sufriu nos derradeiros minutos e sobre todo no derradeiro dos catro de engadido, no que Carlos Pérez cruzou unha pelota envelenadísima sobre area pequena celeste que por ventura non atopou quen a rematase.

En todo caso, vitoria indiscutible do que foi o Celta menos canteirán da tempada, que consegue por segunda vez manter a porta a cero, estabilizada por unha liña de tres centrais cada vez máis sólida e centrada, sobre a que Claudio parece que pretende ensamblar o resto de pezas que muda en función das necesidades e requirimentos dos rivais.

Publicado en Faro de Vigo: 06/11/2024

O manifesto atlántico de Rivas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Manuel Rivas, premio das Letras Españolas 2024:

Poucas veces un premio como o das Letras Españolas outorgado polo Ministerio de Cultura a Manuel Rivas causou satisfacción e orgullo tan unánime en todos os sectores da cultura galega. Simpatía e admiración pola figura dun escritor e artista excepcional que dende hai case cincuenta anos, cando publicou os seus primeiros poemas nos catro números da revista Loia, que fundou en Madrid cos irmáns Xosé Manuel e Lois Pereiro e Antón Patiño, foi construíndo coa paciencia do artesán das palabras unha obra brillantísima en todos os xéneros literarios (relato curto, novela, poesía, teatro e xornalismo). Obra aberta e enraizada nas voces baixas dunha psicoxeografía propia (a boca da literatura) que ofrece unha ollada de gran angular sobre o final da cultura tradicional campesiña e identifica o agromar da simbiótica nas últimas cinco décadas. Escritor monolingüe en galego, cun compromiso firme co idioma (salientado no ditame do xurado), capaz de ofrecer unha obra universal na súa temática, excelencia e beleza literaria traducida a trinta linguas. As súas novelas O lapis do carpinteiro (Xerais 1998) e Os libros arden mal (Xerais 2006) son as máis traducidas da narrativa galega e o seu autor o primeiro embaixador da nosa literatura contemporánea no mundo.

Antes de acompañalo como editor durante case tres décadas, souben de Manolo Rivas pola presentación que o 2 de abril de 1985 fixo no Ateneo da Coruña de Todo ben (Xerais 1985), unha primeira novela na que ensaiou o xénero policial na atmosfera do fútbol profesional. Presentación na que leu un pasquín que escribira co título «Manifesto por un fútbol atlántico», un texto político pioneiro (aparentemente deportivo) co que inauguraba as súas extraordinarias prosas libertarias de intervención, recollidas en volumes como Toxos e flores (Xerais 1992), Galicia. Galicia (Xerais 1999), Contra todo isto (Xerais 2018), Zona a defender. A esperanza indócil (Xerais 2020) ou o Libro dos manifestos (Luzes 2019), no que recolleu os manifestos mensuais publicados dende 2013 na revista Luzes, que fundou co tamén xornalista Xosé Manuel Pereiro, o seu cómplice inseparable desde que compartiron as aulas da facultade de Periodismo de Madrid. Textos esenciais para entender a intencionalidade da obra literaria de Manolo Rivas que nunca renunciou a exercer o seu activismo ambiental, social e político formando parte da tripulación do Xurelo ou asumindo a voz de Nunca Máis aquel inesquecible 1 de decembro de 2002.

Escrito hai case corenta anos e distribuído en fotocopias aquel «Manifesto polo fútbol atlántico» de Manolo non perdeu sentido, tanto polo seu contido como pola súa beleza capaz de contaxiar entusiasmo, outra das claves da súa literatura. Escrito antes da aparición do Deportivo da Coruña de Lendoiro e do Celta de Vigo europeo de Horacio Gómez, cando os dous pelexaban en Segunda, o texto convidaba aos clubs a «abandonar un século de fútbol subalterno» e a crear un novo estilo ofensivo de pases e ideas longas, o que engadía «era necesario tanto para o fútbol como para o conxunto da sociedade galega». Rivas anticipaba que «un fútbol mediocre, administrado con mediocridade, acaba envilecendo ao pobo. É así que o espectáculo máis triste non sucede no campo, senón fóra de xogo, nas bancadas e aínda alén do estadio». Para continuar lembrando que nos anos trinta, cando lle preguntaron sobre a autonomía, «Valle Inclán dixo que Galicia debería rexerse por un Estatuto Atlántico que afirmase máis aínda a súa singularidade». Para rematar Rivas o seu primeiro manifesto coa súa contundencia poética propoñía que «tamén en Galicia debería xurdir un fútbol con fasquía atlántica, un froito de tanta encrucillada. Un fútbol forte e teimoso coma os ventos do norte, alegre coma o son dos tambores que chegan dos mares do sur e de ideas longas como as ondas do océano».

Recluído nas páxinas da revista Luzes, como redactor dos seus manifestos de ideas longas e cunha ollada sempre no porvir, e da columna «Toxos e flores», Manolo recibe este premio das Letras Españolas, outorgado por vez primeira a un autor en galego, coa humildade e gratitude dun artesán das palabras. Faino ademais atribuíndo este logro a que apenas é herdeiro dunha tradición, a dunhas voces baixas que non queren dominar, como a do seu propio pai, que exclamaba cando quería expresar a súa satisfacción: «Que rebenten as marabillas do mundo!» Secasí, o éxito da traxectoria literaria de Manolo, recoñecida por este premio, non foi outro que a súa capacidade para establecer conexións que facilitan ao seu lectorado a capacidade de entender a vida. Velaí a cerna de tantos parabéns e gratitudes que recibe estes días. Avergonza que o presidente da Xunta de Galicia, despois de transcorrida unha semana do anuncio, non o fixera aínda.

Marta Souto

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao pasamento de Marta Souto:

Marta Souto pasará a historia de Vigo polo seu traballo como primeira técnica de normalización lingüística do concello de Vigo dende 1992. Funcionaria comprometida co servizo público, será lembrada polas iniciativas que promoveu como a campaña «En galego vivo Vigo, en galego Vigo vai», iniciada no curso 1991-1992, na que colaboraban a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta e o concello de Vigo. Deseñada polo escritor Agustín Fernández Paz e destinada aos centros educativos vigueses pretendía modificar os prexuízos existentes no alumnado e familias arredor do uso e do status do galego, ademais de achegar aos docentes recursos para empregalo como lingua vehicular.

Unha campaña pioneira, que iniciaba tres décadas de colaboración cos centros escolares aos que dende o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) achegaba propostas de dinamización coas que pretendía vincular a tradición coa contemporaneidade, ao tempo que, como salientou a necrolóxica publicada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), da que foi socia fundadora, «transmitir á mocidade unha visión en positivo da lingua galega». Froito desta angueira foi a creación do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV) coa intención de poñer en valor a tradición oral e as novas formas de improvisación, como facía nos obradoiros que organizaba de regueifa, rap e beatbox.

Traballo de fomento do uso do galego que desenvolvía tamén sobre outros eidos que o Plan de dinamización lingüística de Vigo (2007) consideraba estratéxicos (o funcionamento do propio concello, os medios de comunicación, a inmigración, entre outros) coa intención de «facer normal o uso do galego en calquera ámbito da sociedade viguesa». Propósito co que o SNL colaborou de forma continuada coa Universidade de Vigo, fose coa realización de estudos sociolingüísticos como da publicación da colección «Toponimia do Val do Fragoso», iniciada en 2008 co volume de Coia de Iván Sestay Martínez, e da que xa se levan publicadas sete entregas doutras tantas parroquias viguesas. Enfoque colaborativo que Marta imprimiu a outras actividades promovidas polo seu servizo nos mercados municipais e comercios locais, nos programas de fomento da lectura en galego, como «No Nadal… un conto» e «Libros ao sol», no programa Apego de acollemento, na organización da formación en lingua galega, como nos cursos básicos «Achégate ao galego» ou no programa «En galego tamén outros mundos».

Debemos a súa intelixencia emocional e empatía o deseño das accións que consolidaron o uso do galego en Balaídos, iniciado polo speaker durante os mandatos da alcaldía de Manuel Soto, como a tradución do himno celeste ao galego ou a campaña «Gústame o galego de primeira», adaptación dunha iniciativa creada pola CTNL contando coa implicación do RC Celta SAD. Celtista afouta de vella raigame viaxou con aquel Celta de entre séculos, que asombraba nos estadios europeos, e foi comentarista lúcida e rigorosa nas súas intervencións na tertulia celtista semanal de Radio Vigo. Delegada provincial de Cultura durante o goberno bipartito (2005-2009) formou parte do equipo de Anxo Quintana (BNG), sendo a primeira muller que rexeu o deporte galego como directora xeral. Responsabilidade na que loitou arreo pola igualdade real no deporte, concretada na creación da selección feminina de fútbol, que debutou fronte a Catalunya en Balaídos en 2007, e no apoio á creación do colectivo Mulleres Deportistas Galegas. Sen esquecer o seu labor discreto que permitiu que Galicia formase parte da Declaración de San Mamés (29/12/2007), asinada por Ánxela Bugallo cos responsables deportivos de Euskadi e Catalunya, solicitando o dereito das súas seleccións deportivas a participar nas competicións internacionais.

Lembro con saudade a Marta Souto nas reunións que compartimos no Consello Social da Lingua nas que decote valorabamos con inquedanza os datos sobre o estado da lingua na cidade e o devalo do seu uso habitual por parte dos corporativos, incumprindo a modélica Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística de 1989. Para quen fixo do fomento da lingua galega unha causa de vida, doíanlle estes datos que representaban un retroceso moi decepcionante. Por ventura, sei que a pesar da crueldade da súa doenza viviu con entusiasmo estes meses esperanzados do Celta de Marián e Claudio, un Celta de canteira de xogo propositivo e un club vinculado e comprometido co país e a súa lingua como ela defendía. Foron a igualdade, a lingua e o deporte os afáns principais de personalidade xenerosa como a de Marta Souto. Afouta pioneira en todos eses eidos, tras o seu prematuro pasamento, merece ser recoñecida polo concello de Vigo como a modélica funcionaria pública que foi.

Con Palestina

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a situación do territorio palestino ocupado:

O pasado xoves un centenar de persoas convocadas pola Plataforma Cívica Vigo Pro Palestina na Porta do Sol botaron abaixo un muro de caixas de cartón que representaba o peche que dende hai un ano sofre a poboación da Franxa de Gaza, onde o exército israelita non permite a entrada nin de alimentos nin de auga nin de medicinas. Acción performativa que continuaba a xornada «Gaza (a catástrofe Nakba)», organizada o día anterior polo concello de Vigo e as asociacións Hoy por ti e Juezas y jueces por la democracia, na que diversos expertos de organizacións humanitarias como Open Arms e Médicos sen fronteiras, o xornalista Ernesto Elkaizer e o vicepresidente da Comisión Europea Josep Borrell abordaron a situación actual de Palestina, cando se fai o 76 aniversario da «Nakba», a expulsión de 700.000 palestinos do territorio que dende 1948 conforma o estado de Israel. Dúas accións que pretenden sensibilizar á sociedade viguesa, até agora pasiva e conformista cunha guerra na que de forma sistemática se conculca o dereito internacional, unha situación rexida pola lóxica perversa da barbarie na que foxen cara a ningures milleiros de persoas civís, que nas últimas semanas se repite na fronteira do Libano, onde o exército israelita utiliza tamén a forza de forma desproporcionada e os civís están absolutamente desprotexidos.

Un asedio completo a Gaza, resposta do presidente Benjamin Netanyahu ao ataque sorpresa indiscriminado de Hamas e outros grupos armados o 7 de outubro de 2023, na que foron secuestradas 200 persoas (das que 100 continúan), a maior parte civís, e segundo o Ministerio de Saúde de Israel morreron 1.200 persoas e case 3.500 resultaron feridas. Resposta israelita iniciada con bombardeos a Franxa de Gaza, que incluíron hospitais, campamentos de persoas refuxiadas, centros educativos, mercados e outras instalacións civís, nos que segundo Amnistía Internacional morreron nun ano 42.000 persoas palestinas, entre elas máis de 11.000 nenos e nenas e outras 96.000 resultaron feridas; mortos sen razón aos que se engaden as máis de trescentas de vítimas do persoal do ONU e de diversas organizacións humanitarias. Ataques aéreos e terrestres que obrigaron a desprazarse internamente ao 90% da poboación de Gaza, ao tempo que sufrían a privación deliberada de alimentos, auga, atención médica e axuda humanitaria, provocando un cruel sufrimento sen precedentes no conflito. Prácticas, nas que non paran de incrementarse o número de vítimas civís palestinas, que constitúen para Amnistía Internacional probas irrefutables de crimes de guerra ou que para a Tribunal Internacional de Xustiza da ONU poñen a poboación palestina en perigo de xenocidio e limpeza étnica, o que é o mesmo que dicir que se trata dun crime contra a humanidade.

Diante de semellante escalada de violencia, xa traspasada a fronteira do Líbano, que ameaza estenderse a Siria, ao Mar Vermello e provocar un conflito de consecuencias inimaxinables cunha potencia nuclear como é Irán, a comunidade internacional (se existe como tal) ten a obriga de esixir as partes un alto o fogo inmediato e a liberación incondicional e inmediata de todos os reféns civís retidos por Hamas e outros grupos armados e as persoas palestinas detidas de forma ilexítima por Israel. Mentres a guerra e a destrución se prolonga sen enxergar un horizonte para o seu remate, non hai outra posibilidade que reclamar este alto o fogo, o respecto ao dereito internacional e os dereitos de todas as vítimas á verdade, a xustiza e a reparación. No entanto como lembra Agnès Callamard, activista de dereitos humanos e secretaria xeral de Amnistía Internacional, este primeiro aniversario doutro episodio dunha guerra prolongada e interminable dende hai décadas constitúe «un recordatorio instrutivo para esculcar nas causas profundas deste conflito, para cortar o subministro das armas a todas as partes, así como poñer fin a prolongada impunidade coa que as forzas israelitas, Hamas e outros grupos armados desprezaron o dereito internacional durante décadas sen temer consecuencia ningunha».

Unha guerra é un fracaso da humanidade. Mais o que tamén resulta inaceptable é a pasividade e a inacción de quen pretende normalizar estes conflitos armados e toda a súa crueldade como inevitables. Ausencia de compaixón coa poboación palestina manifestada ao longo deste ano polos estados occidentais, singularmente algúns da Unión Europea como Alemaña, incapaces de conmoverse coa situación dantesca que se vive na Franxa de Gaza e manterse inanes para mobilizar a comunidade internacional, como reclama Eduardo Guterres, actual secretario xeral da Nacións Unidas. Nada pode xustificar o castigo do pobo palestino nin sacrificar toda unha xeración de cativada que só coñece a dor e o odio. Nada.

Gran partido de fútbol

A Marta Souto

Entre as interpretacións literarias que coñezo sobre o fútbol sempre gustei do discurso que o escritor André Maurois pronunciou en 1949 con motivo do sesenta aniversario do fútbol francés. O intelectual normando definiu o fútbol como «a intelixencia en movemento», xa que ao longo dun partido «a cada instante se formulan problemas matemáticos dunha infinita complexidade que se resolven nun alustro de pensamento activo». A resolución deses «instantes decisivos», concepto acuñado por Henri Cartier-Bresson para a fotografía, era para Johan Cruyff a que permitía no fútbol acceder aos agasallos da fortuna, que no estadio se chaman gol, triunfos, títulos e glorias. Secasí, a noite do sábado en Balaídos ao Celta faltoulle só resolver con maior éxito os instantes decisivos, como ese derradeiro lance no tempo engadido cando Douvikas debeu decidir en carreira e nuns segundos como colocar a perna para tocar o balón enviado por Alfon de xeito que superase o brazo longuísimo de Courtois. Na resolución dese problema xeométrico, como o que afrontou Williot, transcorridos apenas sete minutos de xogo, estivo a chave dun gran partido de fútbol onde as figuras do Madrid de Ancelotti souberon resolver mellor os instantes decisivos que o cadro coral do Celta de Giráldez.

Un partido condicionado pola arbitraxe nefasta de Cordero Vega no estadio de Gran Canaria, que impediu que o Celta contase con Iago Aspas e Moriba sancionados de forma caprichosa, dúas pezas decisivas para enfrontarse ao Madrid. Condicionante que non impediu que Giráldez e o seu equipo técnico na semana da súa renovación propuxera un partido no que o Celta dominase, con quince primeiros minutos excelentes, onde tivo a posibilidade de abrir o marcador nunha xogada de fantasía, un triángulo ideado por Mingueza que enviou ao balón a Borja Iglesias quen ao primeiro toque pasou a Williot que corría a súa esquerda. Mágoa que o internacional sueco cando xutou só diante do porteiro lle faltasen uns centímetros para evitar as puntas das súas luvas. O primeiro instante decisivo estragado polos celestes, que espeliu aos merengues abrindo os ires e vires dunha porta a outra, nas que os visitantes procuraban as transicións de vertixe de Vinícius e os celestes tocar e tocar debuxando espazos no baleiro. Desa batalla, naceu a marabilla visual do gol de Mbappé dende fóra da área, nacido nunha entrega errada de Beltrán, dous instantes decisivos resoltos de forma ben diferente.

Con todo, o marcador en contra non mudou os plans de Giráldez e o Celta seguiu incomodando aos visitantes, cada vez mellor plantado atrás, cunha tripla de centrais, que semella consolidada, onde destaca Marcos Alonso (gran fichaxe), e dous carrileiros Hugo Álvarez e Mingueza, que amargaron a Bellingham e Vinícius, e apareceron na área como os mellores argumentos celestes. Determinación dos nosos que tería a súa recompensa ao inicio da segunda parte co gol de Williot, outro triángulo debuxado por Bamba sobre Mingueza que en carreira dende a banda pasou a Williot que chegaba a área e desta vez si superou a Courtois no instante decisivo. Co marcador igualado, Ancelotti sacou a Modric, a súa carta comodín, sempre eficaz, que a primeira vez que tocou o balón foi para asistir a Vinícius que as costas dos centrais superou a Guaita, outro instante decisivo, unha xenialidade do mago croata. Co case media hora por diante, Giráldez para intentar a igualada, tirou de canteira e sacou a Alfon, Javi, Pablo Durán e Damián que reforzaron un asedio sobre a porta de Courtois. Mágoa que a falta de puntería no instante decisivo malograse resposta de tamaña afouteza. O Celta puido empatar nun xute de Bamba ou nunha entrada descomunal na área de Mingueza (hoxe o xigante do equipo) que despois de dous caneos de fantasía, no instante decisivo xutou lixeiramente alto. Como no tempo engadido debeu empatar co remate de Douvikas relatado ao inicio.

Foi un gran partido de fútbol onde ao Celta só lle faltou máis puntería nos instantes decisivos. Sempre quedaremos coa dúbida de que podería ter sucedido co Celta reforzado por Moriba e sobre todo por Aspas, o noso mago de Moaña, o mellor especialista co que contamos en resolver con alustros de intelixencia en movemento os momentos decisivos de gol. Con todo, o Celta de Giráldez nunca decepciona e sabemos será capaz de recuperarse diante dos vindeiros rivais, Leganés e Getafe, dunha derrota que o sábado non mereceu por xogo e determinación.

Publicado en Faro de Vigo: 21/10/2024