Campo do Fragoso XXXVII

UN MADRID CUTRE
O estado anímico da afección celeste, ben curtida en incontables derrotas, non se deteriorou con outra máis diante do Real Madrid. A procura de síntomas de mellora no xogo do equipo (moi perceptibles nos últimos encontros) abonda para non perder unha esperanza de permanencia que, grazas aos resultados doutros campos, continúa intacta. Pareceume o Madrid de Capello un equipo sen xeito, vulgar, apático, dos tantos que veñen esta tempada a Balaídos coa intención de levarse o partido aproveitando un par de erros motivados pola impaciencia anímica dos célticos. Como xa é adoito, os de Vázquez dispuxeron dunha chea de oportunidades, estragadas no segundo decisivo, e ofreceron instantes de beleza inesperada, como a rabona espectacular da primeira parte dun formidable Gustavo López ou o monumental taconazo de Nené que permitiu marcar a Ángel en carreira (ata agora, o mellor gol da tempada). O Madrid, coa excepción da gran actuación de Iker Casillas e do oportunismo de Robinho, non ofreceu aos seus numerosos seguidores galegos outra xogada merecedora de ser reseñada, nin artellou un minuto de fantasía para ser apupado, nin sequera un xesto técnico dalgunha das súas millonarias figuras que parecían conformarse con evitar a derrota. O Celta –a pesar de notar a ausencia de Cannobio e resentirse no centro do campo coas imprecisións de Borja Oubiña e Iriney (os dous algo fóra de punto despois das lesións)– foi un equipo moi valente e coraxudo capaz de obrigar ao rival a colocar vergonzosamente o autobús nos minutos finais. No entanto, volveu demostrarse que no fútbol se non metes cando podes (e os célticos puideron facelo en cinco ou seis ocasións), inevitablemente rematas perdendo. Un Madrid cutre gañou así a un Celta incapaz de rendibilizar o seu bo xogo para obter unha vitoria. Tampouco funcionaron os amuletos, este equipo continúa enmeigado.

Etiquetas:

Non ao canon bibliotecario

No artigo da semana defendo, ao fío do ditame da nova Lei de Lectura, o non ao canon bibliotecario. Este vídeo paréceme un bo resumo divulgativo do problema.

Morreu Carlos Díaz Martínez

Por agardada que fose, a nova petounos moi fondo. Esta mañá morreu o noso benquerido amigo o editor Carlos Díaz Martínez. Editor de estirpe, documentalista da nación, Carlos foi un mestre de humanidade xenerosa a quen non sabemos agradecer todo e tanto que nos ensinou.
Editor emigrante, ocupouse da edición príncipe de Cemiterio privado de Celso Emilio Ferreiro e de tantas outras iniciativas culturais e políticas da Galicia desterrada durante a Ditadura. Xa en Galicia teimou por enriquececer co seu coñecemento os proxectos editoriais d’ A Nosa Terra, Espiral Maior, Artesa (ese obradoiro de beleza e poesía) e de Xerais (onde dirixía dende hai unha década a nosa liña de Álbums de postais, nun traballo de recuperación de memoria gráfica das cidades e vilas do país do que nos sentimos tan orgullosos).
Carlos era un editor artesán, minucioso, comprometido coa fasquía do libro coma síntese da expresión cultural. Haberá ocasións de recoñecer devagariño a obra que nos deixa para a memoria. Mañá na Coruña será incinerado na intimidade, como quere a familia. Hoxe todas as nosas beizóns para el e para os seus, desgarrados por tan terrible perda. Que a Terra dos teus soños che sexa leve, compañeiro!

Actualización (08-04-2007): No artigo da semana recordo a figura de Carlos.

Máis lectura

No artigo da semana reflexiono sobre os datos do Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros 2006, do que demos conta hai uns días.

Magnífico o cartel de Óscar Villán para a campaña de lectura en centros escolares 2006 da Consellaría de Educación.
Etiquetas: ,

Campo do Fragoso XXXVI

OUTRA DOSE DE CICUTA
Xa mo adiantara pola mañá un bo amigo bilbaino: “estes leóns nosos xa non che son tan feros coma noutrora”. E tiña toda a razón. O Celta e o Athletic, dous conxuntos amigos en horas moi baixas, ofreceron en Balaídos un espectáculo futbolístico moi pobre, onde mais ca xogo amosaron a súa impotencia para saír do foxo, onde por deméritos propios están instalados esta tempada. Ningún acadou o obxectivo que buscaba, mais, tal como transcorreu o encontro, os dous quedaron satisfeitos. Saíron os vascos dominadores, ata que os galegos, grazas ás escapadas pola esquerda de Gustavo (na súa posición natural), foron conseguindo controlar o tempo de xogo e adiantarse, á media hora, no marcador. A partir do gol de Ángel, os celestes controlaron con comodidade un partido que, por fin, semellaba non se escaparía. O comezo da segunda parte, a pesar do aparente dominio dos leóns, aínda foi máis prometedor: Baiano e Canobbio estragaron por milímetros senllas oportunidades nas súas biqueiras. Mais, cando faltaba aínda media hora, Pablo García autoexpulsouse de forma caprichosa e inxustificable, proporcionando a todo o seu equipo a dose de cicuta suficiente para suicidarse diante dos seus afeccionados. En inferioridade numérica, os celestes xa non puideron xestionar con garantías a súa vantaxe; desconcentrados retrasaron as súas posicións e, o ata entón, inofensivo conxunto bilbaino apretou para que Aduriz cabecease a pracer unha falta moi ben medida por Yeste. A partir dese momento –como demostrou Murillo nun cabezazo ao poste no derradeiro minuto– o empate era un magnífico resultado para os célticos, un equipo que ven demostrando ser absolutamente incapaz de superar o seu complexo a obter unha vitoria en Balaídos. Non hai dúbida de que o peor inimigo deste Celta son os seus propios fantasmas. Os de Pablo García non teñen nome. Outra boa oportunidade estragada.

Etiquetas:

Campo do Fragoso XXXV

DERROTA DÓCE
Tan curtidos en fracasos como andamos esta tempada, a derrota celeste contra o Werder Bremen foi o de menos. Un resultado moi enganoso para os méritos que sobre a lameira viguesa fixeron dous conxuntos que ofreceron unha emocionante e bonita noite de fútbol copeiro. Non hai dúbida de que o Celta desta noites europeas é outro equipo. Sen a presión anímica da liga (que inmobiliza aos xogadores e á bancada), é un equipo moito máis competitivo, máis xarelo, mesmo moito máis alegre e decidido a procurar o gol na portería contraria. Con esta maior autoestima saíron os de Vázquez que atuaron durante todo o encontro aos simpáticos músicos de Bremen, o segundo clasificado dunha das mellores ligas europeas. Moi ben colocados sobre o campo e concentrados na súa presión defensiva, os de Fernando foron amodiño gañando a posesión da pelota e, sempre que puideron, intentaron doses de fantasía combinatoria (fixeron un par de xogadas memorables). Tamas (un descubrimento como mediocentro) e Pablo García (mellor en cada encontro) souberon lanzar a un equipo, onte moi afouto, que mereceu, xa na primeira parte, marcar nalgunha das súas clarísimas oportunidades. Coa reanudación, un Balaídos (por fin unido e satisfeito co xogo dos seus) vibrou e apupou a un Celta que, aínda, atesoura moito fútbol de calidade. Como sucedera en Valencia, apenas un minuto de desconcentración defensiva –seguramente, o único de todo o partido, motivado pola nova lesión de De Ridder, que mala fortuna ten este rapaz!–, malogrou tan magnífico traballo e mermou as posibilidades de continuar en Europa. No entanto, a pesar do negativo do resultado, os afeccionados saímos ben satisfeitos pola auténtico partidazo dos celestes. Xogando deste xeito, o decisivo partido do domingo contra o Atlétic de Bilbao pode encararse con maior confianza. Nunca unha derrota esta tempada foi máis dóce.

Etiquetas:

Carlos Casares

DEMORARSE NA AVENTURA DA VIDA
A última vez que xantamos xuntos, Carlos Casares convidoume a coñecer a súa maqueta ferroviaria da que tantas veces nos falara nas reunións de editores. Tratábase dun tinglado formidable de tres pisos, construído durante anos coa axuda dos seus fillos, pola que circulaban durante horas miniaturas marabillosas, sometidas ás velocidades, ás paradas ou aos asubíos cadenciosos que Carlos programaba cun temporizador. Amosoume, logo, a colección de leicas, as máquinas fotográficas das que era un consumado especialista. Despois, tíñame reservada outras sorpresas: ensinarme o teclado despregable que acabara de mercar para conectar á súa palm, o microordenador de peto que sempre o acompañaba; o funcionamento do programiña que lle preparara o seu fillo para contar as palabras do procesador de textos, unha ferramenta imprescindible para escribir os seus medidísimos artigos da Marxe; ou esculcar nos libros dixitais que tiña cargado naquela máquina diminuta. Gozando daquelas chilindradas tecnolóxicas, deixándonos asolagar en Vilariño pola marea dixital, estabamos celebrando aquela tarde ter pechado un proxecto común que levabamos anos acariñando.
Aquelas últimas horas compartidas son hoxe unha fermosa metáfora visual do xeito de entender a aventura da vida que mantiña Casares. Sei que todos os que o coñecimos conservaremos como alfaia preciosa o seu sorriso tranquilo, a quentura da súa conversa cotiá, dúas mostras dun seu intelixente escepticismo, concibido coma unha forma de coñecemento aprendido en longas horas de conversa co seu admirado Vicente Risco. Por dificultades que houbera, Carlos mantiña unha mirada permanentemente curiosa para gozar co espectáculo do mundo, para demorarse na escritura da vida, para deterse nas miudallas que, por aparentemente insignificantes que sexan, nos permiten atopar un sentido no coñecemento da alma humana. Ensinounos a vivir a vida e a mirar o mundo, que non é pouca bagaxe.
Esa permanente curiosidade vital impregnou tamén toda a súa formidable obra narrativa. Dende aqueles “Vou quedar cego” ou “Cando cheguen as chuvias”, algúns dos relatos do seu primeiro libro Vento ferido, os seus milleiros de lectores quedamos marcados polo seu esforzo técnico, pola súa depuración constante para acadar unha prosa desmiuzada, transparente, afastada de calquera tipo de ornamentalismo grandilocuente. A desaparición de Carlos déixanos mancados. “Só de pensalo éncheseme o sangue de formigas e unha pena grande e negrísima méteseme dentro do corazón”, escribiu premonitoriamente el mesmo.

Publiquei este texto, agora lixeirísima actualizado, no Faro de Vigo o 10 de marzo de 2002, o día no que a terra lle foi leve ao noso admirado Carlos. Unímonos, así, á difusión da homenaxe do blogomillo que tan felizmente propón Marcos.

Etiquetas:

Lacra a erradicar

No artigo da semana volvo sobre a cuestión da violencia machista. Coincide cunha reportaxe sobre a incidencia deste problema na área metropolitana de Vigo e cunha entrevista moi interesante a Carme Adán, secretaria xeral de Igualdade, publicadas as dúas, tamén, no Faro de hoxe. Reiterar estes argumentos e análises parece necesario para concienciar sobre un problema tan difícil de atallar.