Campo do Fragoso LXXXVII

NADA NOVO

Mágoa que algún dos ranchos de Reis, como foi tradición durante tantos e tanos anos,  non desfilase onte no primeiro partido do ano en Balaídos. Con certeza que os seus ritmos de chascarraschás e as espectaculares evolucións dos seus bandeiras animaría un chisco á cada vez máis minguada bancada celeste que comeza outro ano cun deplorable espectáculo do seu equipo. Tras as viaxes, os turróns e os cantos dos manueles, nada novo ofreceu Eusebio Sacristán para, tras catro partidos sen coñecer a derrota, iniciar unha remontada definitiva na táboa clasificatoria e enfocar o remate desta primeira volta con certo acougo. Iso si, os celestes como é adoito neles amosaron moita contención mediocampista (grazas a un traballo teimudo de Bustos e López Garai), tiveron o habitual “erro defensivo imperdoable” (o que provocou o gol de Natalio, na única subida trenzada dos pementoneiros) e, sobre todo, os seus atacantes exhibiron unha desesperante incapacidade (paliada in extremis, xa no tempo de desconto, polo magnífico gol de Joselu Sanmartín que en momento tan comprometido tivo a afouteza de superar ao porteiro cun expléndido zurdazo cruzado). Sorprende que Eusebio deixara no banco a Dani Abalo e Trashorras, apostando por adiantar a Botelho e colocar a Iago Aspas como primeiro dianteiro e a Michu como o seu gardacostas. Este esquema resultou un rotundo fracaso. Durante a primeira parte ningún dos dous equipos mereceu nada e todo o espectáculo correu a cargo do colexiado canario Antonio Pérez Riverol que lidou o que quixo cos xogadores para demostrar quen mandaba sobre o terreo de xogo. O Celta dominaba, en realidade, aburría co seu toque e retoque sen profundidade, razón pola que foi capaz de crear apenas dúas oportunidades, se se pode denominar como tales, a un xute pola esquerda de Botelho e a un inocente peiteado de Michu (onte apático e desafortunado na díficil responsabilidade de enlazar cos mediocampistas). O Murcia, mentres, agochadiño no seu campo, non lle custaba facer que facía e agardar o coñecido “erro defensivo imperdoable” dos vigueses. E meu dito, meu feito, transcorrido un cuarto de hora despois do descanso, Vasco Fernandes errou na súa marca e permitiu un centro que Natalio rematou a pracer. Aí comezou outro encontro, o Celta noqueado, puido recibir, un minuto despois, un segundo tanto noutro dos seus agasallos defensivos. Apupados polo resultado, os visitantes construíron un valado que os nosos non sabían superar, mesmo cando os murcianos quedaron en inferioridade tras unha rigorosa expulsión de Álvaro Mejía. A falta de cinco minutos, Eusebio caíu da burra e meteu a Trashorras no terreo de xogo. Daquela, todo baixo a batuta do de Rábade, a nosa capacidade atacante mudou coma da noite ao día, apareceron os primeiros pases interiores, aproveitáronse os saques de recanto e producíndose nese período e no engadido máis oportunidades de gol ca no resto do partido. Así chegou o golazo de Joselu (que ogallá axude a recuperar a súa confianza) e o merecido empate, o resultado ao que semellan aboados os de Eusebio. No obstante, fóra das vacilacións tácticas do adestrador e do seu debate inacabable sobre o papel dos xogadores de valía, este Celta precisa coma auga de maio un dianteiro nato, unha referencia arriba na que todo o conxunto poida confiar cegamente. Esa prometida fichaxe xa non se pode adiar moito máis.