O Vigo de Otero Pedrayo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao ano oteriano:

O ano 2026 estará dedicado a Ramón Otero Pedrayo coincidindo co cincuentenario do seu pasamento o 10 de abril de 1976 na mesma casa da rúa da Paz número 25 onde naceu o 5 de marzo de 1888. Efeméride coincidente co centenario da publicación da súa Guía de Galicia (Espasa Calpe, 1926), obra en castelán esencial e impresionante, síntese da xeografía e historia, arte e economía do país, reeditada en 1945 pola libraría e editorial Galí de Santiago e a partir da terceira edición de 1954 por Galaxia, ilustrada con fotografías de José Suárez e actualizada en 1965 e 1980. Centenario da tradución de anacos en galego do Ulises (1922) de James Joyce, en concreto dos titulados «Ithaca» e «Cyclops», publicados o 15 de agosto de 1926 no número 32 da revista Nós, realizada polo propio Otero pouco despois de que fose publicada a tradución ao francés, mostra expresión de modernidade e universalidade da cultura galega. Sen esquecer que no mes de xullo de 1926, coincidindo coa celebración do ano santo xubilar, Otero camiñou de Ourense a Compostela durante catro días, formando parte dun grupo que integraban Vicente Risco e Xavier Prado Lameiro, entre outros galeguistas ourensáns.

Ademais da necesaria actualización da biografía desta figura conservadora que encarna a dignidade galeguista e republicana, agardamos que o ano oteriano, declarado por unanimidade no Parlamento de Galicia, facilite a investigación e divulgación dunha obra literaria monumental, que abrangue dende a narrativa e o teatro, á literatura paisaxística e xeográfica da que continúa sendo referente. Sucede así cos traballos oterianos sobre Vigo e a súa rexión urbana, presentes xa na citada Guía de Galicia de 1926, no que atribúe a Jovellanos a afirmación de que «a ría de Vigo é a máis fermosa cousa do Reino de España». Texto no que salienta, ademais, que «o desenvolvemento de Vigo dende mediados e fins do século XIX, particularmente nos anos actuais [refírese a década de 1920], é seguramente o máis extraordinario dunha poboación marítima española, se se ten en conta a cativeza do seu centro antigo». Texto no que hai cen anos Pedrayo diagnostica sen panos quente a principal das carencias viguesas: a precariedade das comunicacións terrestres cun porto que naquela altura contaba con once liñas transatlánticas e cunha flota pesqueira, «a máis importante de España polo número e características dos seus barcos, desprazamento e autonomía, construídos na súa totalidade en estaleiros vigueses.

No entanto, habería que agardar case cincuenta anos para que don Ramón Otero Pedrayo publicase a súa monografía viguesa por excelencia, a titulada simplemente Vigo. Publicada polo concello de Vigo no mes de xullo de 1970, con intención propagandística, forma parte principal dun libro de sobremesa de 200 páxinas, con acabado acartonado e caixa de soporte, impreso por Seix Barral en Barcelona, co que o alcalde Antonio Ramilo Fernández-Areal pretendía enviar a todas as terras de España a mensaxe polícroma de que «Vigo é unha cidade de traballadores que se creou a si mesma, a golpes de enerxía». Xaora, o polígrafo de Amoeiro, utilizando o seu coñecemento xeográfico interpreta que Vigo non debería ser considerada unha cidade exenta e única senón unha comarca multiforma, que chamaba «cidade en bisbarra», estendida ao longo da Ría e do farturento Val do Fragoso, onde se produce un tránsito suave entre o fondo das montañas e a costa. Cidade atlántica, con raíz central e permanente nas industrias derivadas do mar, para Otero Pedrayo o Vigo de hai máis de cinco décadas era «a máis nova e moderna, tamén a máis populosa, a máis impaciente en expresarse na súa plenitude das cidades galegas». Cidade froito tamén «dunha escura, profunda e positiva vontade colectiva», «dun afán e dunha dignidade de dominio do porvir». Palabras que expresaban a expansión industrial e demográfica que agromaba en todos os sectores industriais vigueses, con especial relevancia na automoción e construción naval.

Non esquece Otero Pedrayo na súa monografía de 1970 o Vigo literario, dende a súa referencia ao «sagrado de Vigo», a milagreira transposición lírica de Martín Codax ou a presenza constante dos relatos atlánticos traídos polos viaxeiros, nunha cidade posuidora de acento british e de tintas de azul portugués como a que non renuncia a celebración da romaría popular, a contar cun atraente museo en Castrelos ou coa actividade artesanal dun erudito editor como o suízo Krapf facendo libros como La Celestina na Porta do Sol. Vigo cosmopolita de Pedrayo, cabeceira do espazo xeográfico que vai entre a ría de Vigo e o río Miño que, Atlántico por medio, corresponde as praias de Rhode Island e os lameiros de Connecticut, como ten lembrado o mestre Ferrín. Volver sobre a lectura do Vigo de Pedrayo merece moito a pena.

https://bretemas.gal/

 

Aguinaldo

Lin no Faro de Vigo dos días previos ao Nadal que a rapazada do Colexio Público O Sello de Cabral mantén viva a tradición –que eu cría xa perdida– de pedir o aguinaldo solicitando aquilo de: «Dános licenza para cantarlle os reis?» Se a veciñanza acepta, no caso do Sello, as persoas maiores da residencia do barrio, a rapazada cántalle unha das súas panxoliñas, que adoitan ser agradecidas con calquera agasallo. Tradición arraigada no nadal vigués até a década de 1950, que no Casco Vello foi anovada nos últimos anos como «Ruada do Nadal». Desfile de reiseiros, grupo de gaiteiros e gaiteiras e de danzantes, organizados nun rancho, que cantan e danzan os manueles e piden o aguinaldo, un agasallo de primeiro de ano, case sempre produtos de comer co que logo celebran unha paparota: «Cantámosche os reises do quiquiriquí, se non nos dás nada, marchamos de aquí». Fermosa tradición de cantar o aguinaldo de reis a que quixo sumarse o Celta de Giráldez nun moi meritorio encontro coral diante dun pouco afortunado Valencia de Corberán. Partido concluído cun contundente 4 a 1, que o celtismo soubo agradecer nos minutos derradeiros dos oito de tempo engadido entoando con moita prudencia a Rianxeira, canto que a tribo celeste reserva só para agasallar aos seus nos días felices.

Tras as xornadas de descanso natalicio, Giráldez apostou por unha das súas formacións preferidas, confiando o centro do campo a Miguel Román e Moriba, saltando apenas a sorpresa na presenza na medula da defensa de Joseph Aidoo, que entraba por Starfelt tocado a última hora. O ghanés, de quen se fala está disposto a arranxar co clube a súa marcha neste mercado de inverno, saíu un pouco frío no partido. Apenas transcorridos seis minutos trabou lixeiramente a Almeida e De Burgos sinalou penalti, o único erro de Pepiño Aidoo que no resto do partido estivo a un nivel óptimo en ambas as dúas áreas. Pepelu, o capitán che, dende os nove metros quixo axustar tanto o seu tiro que estrelou o balón no pao, tras outra estricada extraordinaria de Radu, o gardameta celeste a quen só meteron dous de sete penaltis sinalados. Probablemente foi este o lance que determinou o partido, o Valencia quedou chafado diante da portaría e o Celta aproveitou para espertar, que boa falta lle facía. Certo que os visitantes combinaron con criterio e tiveron as súas oportunidades, mais non conseguiron preocupar a Radu. E Giráldez mandoulle a Mingueza, onte o seu director de xogo, presionar e agardar con paciencia a chegada dos momentos oportunos.

E chegaron. Mingueza, que estivo a gran nivel, obrigou a Agirrezabala a lucirse cun gran pexegazo. Nun par de centros laterais, Aidoo apareceu cabeceando ao pao. No minuto 30, Borja foi trabado na área por Foulquier. O árbitro sinalou penalti que o Panda non desaproveitou para abrir o marcador. Como tampouco no 57’, tras unha xogada de fútbol de salón de tres toques, nacida na biqueira maxistral de Mingueza, que enviou a Pablo Durán, quen a pesar de xogar cun ombreiro danado soubo coarse na área, tourear ao porteiro e asistir no momento preciso a Borja, que dende a área pequena marcou o segundo gol. Os de Corberán non se resignaron e no 70 ´ acurtaron diferenzas grazas ao gol de Pepelu, ao que non resultou alleo un despexo insuficiente de Marcos Alonso. Mais foi un espellismo para os visitantes aos que lle custaba superar a disciplina dos celestes na presión e nas axudas. No 82´coa velocidade endiañada de Jonas El-Abdellaoui e a febleza do despexo de Diakhaby chegou o terceiro e no 93 coa asistencia marabillosa de Aspas, recén incorporado, Hugo Álvarez meteu o cuarto, cando Agirrezabala, lesionado de consideración no isquiotibial, non puido reaccionar. O partido morreu entre os cánticos da bancada pola goleada e a solicitude de respecto cos rivais en inferioridade, encabezada por Aspas, un xesto de fair play moi de agradecer.

O marcador tan avultado probablemente non reflicte os méritos dos visitantes, un dos equipos de xogo máis xeitoso dos que até agora pasaron por Balaídos. Secasí, os catro goles do Celta amosan a excelente capacidade competitiva coa que chega case ao remate da primeira volta, un equipo maduro con alternativas no seu xogo e na composición dos seus onces. Un resultado ao que non foron alleas algunhas actuacións individuais moi destacadas, sobre todo a de Mingueza, capaz de introducir creatividade no ataque e disciplina no repregamento. Outro tanto se pode dicir de Borja Iglesias, que achega tanto gol como seguridade e capacidade de competir coas defensas máis rochosas. Como tamén son de mérito as actuacións das promesas como Javi Rodríguez, Miguel Román ou El-Abdellaoui, un revulsivo inesperado que permite variantes inéditas. E entre figuras e promesas, aparece sempre a autoridade moral de Aspas, capaz de termar tanto da ilusión das xornadas felices como a de onte ou da dignidade celeste cando non veñen ben dadas. Este Celta ilusiona. Imaxinemos que pode suceder se chega a guinda pola que devece o seu adestrador. Feliz ano e bo xogo, afoutos e afoutas celtistas!

Publicado en Faro de Vigo: 4/1/16