A cultura galega no Vigo do 78, unha arela común

No suplemento de Faro de Vigo que conmemora hoxe os 40 anos de Prensa Ibérica publicaron este meu traballo sobre a memoria cultural viguesa:

Hai unha fotografía que Magar tirou para Faro de Vigo o 16 de maio de 1978 nunha sala do Hotel Samil-Praia que representa o tránsito que tras a morte de Franco comezou a producirse na cultura galega desde a cidade de Vigo, un tempo de cambio e esperanza, onde todo semellaba posible, coñecido como Transición, ao que a historiografía actual denomina de forma máis obxectiva como Reforma Política. A instantánea recolle un momento da deliberación do xurado de Creación Literaria, unha das cinco modalidades outorgadas na primeira edición dos Premios da Crítica Galicia, organizados polo Círculo Ourensán Vigués da rúa Venezuela, presidido entón por Bieito Ledo Cabido, daquela dono da libraría Ir Indo, situada no segundo andar das novas Galerías de Príncipe.

Unha fotografía na que é doado identificar a sete persoas, membros daquel xurado para a historia da nosa cultura, representativas do que entón constituía a expresión da pluralidade interxeracional e ideolóxica da literatura galega. Comezando pola esquerda da mesa aparecía o profesor Emilio de Gregorio Fernández, que actuou como secretario en representación dos organizadores; ao seu carón sentaba Pilar Vázquez Cuesta, a única muller, profesora da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago (tamén a única existente en Galicia nesa altura); na fronte estaban Basilio Losada, o sempre influínte tradutor e profesor de galego-portugués da Universidade de Barcelona, nacido en Láncara; e ao seu lado a Carlos Casares, entón profesor de Bacharelato no Instituto de Rodeira de Cangas do Morrazo, autor de Xoguetes para un tempo perdido (1975), novela gañadora do premio concedido pola editorial Galaxia con motivo do seu vinte e cinco aniversario, que participaba no xurado uns poucos días antes de ler o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, a proposta dos seus mentores Ramón Piñeiro e Domingo García Sabell. Na esquerda da fotografía aparecían Paco Martín, o profesor lucense de EXB, director de Axoúxere, («Semanario do neno galego»), publicado polo diario La Región, ademais de narrador novo, autor da novela No cadeixo, finalista do Premio Galaxia; e Celso Emilio Ferreiro, o poeta de Celanova en toda a súa madurez, que tras a súa campaña política como candidato ao Senado pola Candidatura Democrática Galega rematara de publicar Cimenterio privado na colección Pombal de Edicións Castrelos, antes de morrer aquel nefasto 31 de agosto de 1979 na súa casa da avenida de Castrelos; e, por último, X.L. Méndez Ferrín, catedrático do Instituto Santa Irene, un dos fundadores do Partido Galego do Proletariado, que tiña tamén recente a publicación de Con pólvora e magnolias (1976), libro de poemas de ruptura, editado con encanto alternativo polo vigués Grupo Rompente.

Na fotografía botamos en falta ao escritor Eduardo Blanco Amor, que entón vivía en Vigo, cidade onde finaría na soidade dun taxi, na noite do primeiro decembro de 1979, mais que a pesar de aparecer no programa do ditame dos premios non chegou a participar na reunión. Foto documental oportunísima, como tantas outras de Magar, un dos cronistas daquel tempo revolcado de incerteza, que pode servir de fondo para reconstruír o devir da literatura galega de fin de século. Testemuña dunha xuntanza moi propositiva, na que se escolleu como mellor libro literario galego do ano 1977 ao poemario Mar e naufraxio do ponteareán Alfonso Pexegueiro, editado polo Círculo de Investigacións e Estudios Sociales (CIES), do que se destacou na acta do ditame «o esforzo importante no camiño de conquerir unha renovación das técnicas expresivas da lingua poética galega». Mención que se fixo ao interese da obra finalista, Silabario da Turbina do colectivo poético Rompente (Antón Reixa, Manuel Romón e Alberto Avendaño), da que se salientaron «unhas especiais características renovadoras produto dunha nova xeración poética».

Renovación foi a palabra preferida por este xurado único que asumía o espírito de tolerancia e pluralidade dos organizadores (profesionais vigueses de diversos eidos que na súa maioría frisaban os trinta anos) destes premios de recoñecemento (sen dotación económica ningunha), mais que con motivo da celebración anovada e popular do día das letras galegas (entón sen recoñecemento institucional) pretendían dende a iniciativa civil poñer en valor de forma normalizada a cada vez máis voluminosa produción cultural galega nos diversos eidos: a creación literaria, a investigación, o ensaio, a mellor iniciativa cultural e o mellor disco de música galega.

Abonda con repasar a nómina doutros gañadores daquela edición para facerse unha idea do que bulía na cultura do país naquel momento. En Investigación recoñecéronse os traballos xeolóxicos de Isidro Parga Pondal, membro da xeración do Seminario de Estudos Galegos; mentres que en Ensaio foi premiado Recupera-la salvación, un dos primeiros libros do teólogo Andrés Torres Queiruga, editado por SEPT, a editorial viguesa que pretendía ser «órgano dunha nova conciencia cristiá no relixioso, no económico, no social e no político».

Como moi significativo foi o premio de Iniciativas Culturais outorgado ao Museo do Pobo Galego, institución civil creada para «investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos», que abrira as súas primeiras salas no Mosteiro de San Domingos de Bonaval apenas o ano anterior co apoio dos intelectuais galeguistas do momento e de figuras maiores destacadas como Xaquín Lourenzo e Antón Fraguas. Xurado de Iniciativas Culturais do que formaban parte, entre outras persoas, a escritora María Xosé Queizán e o empresario renancentista e creador de Sargadelos Isaac Díaz Pardo, que salientou o valor da revista Vagalume, dirixida por Xosé Fortes Bouzán, como «primeira publicación lograda destinada á infancia, un mundo con total dereito a recibir mensaxes na súa fala e dispor dun órgano no que se expoña a súa sensibilidade». Toda unha declaración de intencións para unha literatura infantil e xuvenil aínda por nacer.

Outrosí sucedeu no premio ao mellor disco, outorgado por un xurado no que actuaba como secretario o compositor Enrique X. Macías, un dos animadores culturais vigueses máis inquedos daquel tempo, xurado que non conseguiu acadar un consenso e adoptou a decisión salomónica de conceder tres premios ex aequo a expresións musicais moi distintas de entender a tradición: ás cantigas galegas con orquestra dos séculos XIX-XX de María Uriz e aos primeiros discos do grupo de música (vigués) de taberna A Roda e ao grupo de folc Milladoiro, creado pola fusión do cuarteto de gaiteiros Faíscas do Xiabre de Catoira e algúns membros do Grupo Roi Xordo.

Aqueles primeiros Premios da Crítica Galicia de 1978 foron tamén unha certa expresión daquel Vigo revolcado da Transición, moi castigado pola primeira onda da reconversión naval na factoría de Ascón, cuxos obreiros (un cadro de 1.850 persoas) de forma heroica estiveron en folga durante oito meses, dende o 2 de febreiro ao 7 de outubro de 1978, tratando impedir o peche das factorías de Ríos e Meira. X.L. Méndez Ferrín escribiu, ao fío da súa participación naquel xurado, que «nunha inesquecíbel cea celebrada en Samil na que (lembro agora con emoción) nos acompañaba Celso Emilio Ferreiro, un piquete de traballadores de Ascón se dirixiu aos asistentes en petición de solidariedade», que os participantes naquela cea, cuxo cuberto custaba 800 pesetas, exerceron non só aplaudindo aos obreiros, senón tamén coas doazóns entregadas na mesa que mantiñan na porta da sala, entre as que estiveron as 84.000 pesetas polas que foi poxada a estatua de Sargadelos (unha homenaxe ao trobador vigués Martín Codax) do premio compartido da modalidade de «Mellor disco». «Vigo élles así –continúa Ferrín– e os Premios da Crítica Galicia son un produto galego, pero especificamente vigués». Opinión compartida polo profesor Xesús Alonso Montero, membro do primeiro xurado de II.CC., para quen naquel momento de inicio do posfranquismo «Vigo converteuse en cátedra, motor e referente no acontecer cultural galego no sentido máis amplo e dinámico».

Aquela arela común, como escribiu o profesor Modesto Hermida, outro dos animadores culturais daquel tempo, tanto de recuperación da democracia e das liberdades, como de normalización do sector cultural e de recoñecemento da lingua galega en todos os ámbitos da actividade social, educativa e económica, produciuse antes de que existisen as primeiras institucións autonómicas e antes de que se celebrasen as primeiras municipais, o 3 de abril de 1979. Eleccións das que sairía elixido alcalde de Vigo Manuel Soto Ferreiro, apoiado por cinco grupos políticos galeguistas e de esquerda. Un Vigo de 250.000 mil habitantes en aberta crise industrial, xa que tanto o estaleiro de Barreras como a empresa de cerámica de Álvarez de Cabral, controladas in extremis polo estado, reducían mes a mes os seus cadros de persoal; mentres que a factoría de Citroën da Zona Franca tampouco pasaba polo seu mellor momento e a flota viguesa de altura era expulsada dos caladoiros de Terranova e Namibia, o que obrigou ao peche de Casa Mar e Pebsa. Unha cidade con carencias infraestruturais moi severas, nas que non chegaba a auga corrente e o saneamento a unha cuarta parte da súa veciñanza e ao 70% do territorio da súa bisbarra, que contaba apenas cunha pequena biblioteca pública, a Jaime Solá nun baixo da Alameda, e cunha rede aínda moi insuficiente de centros educativos públicos, sobre todo de Bacharelato e FP.

Nese entorno de crise económica, tamén de oportunidade, foi callando en Vigo o proxecto normalizador acuñado polo espírito da arela común. En 1979 agromaron os primeiros proxectos de modernización e profesionalización da edición en lingua galega, liderados por Bieito Ledo, nomeado xerente da editorial Galaxia, e por Xulián Maure Rivas, primeiro director de Edicións Xerais de Galicia, editoras que dende entón converteron a Vigo en capital editorial de Galicia.

No eido do teatro en 1978 creouse a Agrupación de Teatro Galego de Vigo da que formaban parte, entre outros, grupos como A Farándula, Escoitade, Máscara 17, Teatro Popular Galego (máis tarde Artello),  ou Teatro Popular Keyzán, coa intención de procurar a vertebración teatral da cidade, entre a que estaba a organización anual da Mostra de Teatro Galego de Vigo e dunha escola de teatro na cidade, ademais de procurar, entre múltiples dificultades, os primeiros modelos de profesionalización dos seus espectáculos.

No eido da música intensificouse o activismo de Xuventudes Musicais, agrupación de promoción da música culta creada en 1972 da que moito teimou Manuel Álvarez, e apareceron as primeiras tentativas de vivir da canción de músicos vigueses como Bibiano, que publicara o seu primeiro LP, Estamos chegando ao mar en 1976, ou co homónimo de Pilocha (1978). No pub Sachtmo fixéronse as primeiras performances do compositor Enrique Macías e dos pintores Menchu Lamas e Antón Patiño, das que agromarían expresións artísticas moi diversas, dende a música contemporánea do inesquecible compositor de Itinerario de luz ate o grupo que en 1981 se bautizou como Siniestro Total, antes Mari Cruz Soriano y los que afinan su piano, nomes que adoptaron os músicos que sendo alumnos do instituto de Coia (1978), foran El Sexteto del Blues e Coco y el de los Mil Quinientos.

Proceso de anovación que se deu tamén no mundo da artes plásticas, onde a presenza en Vigo de artistas como Laxeiro, alentou que naquelas exposicións da Praza da Princesa, promovidas dende 1976 polo crítico Román Pereiro, sementase o que sería a primeira exposición en Baiona do Grupo Atlántica (1980), que revolucionaría toda a plástica galega de fin de século.

Unha efervescencia cultural viguesa en tempos de crise que contou coa complicidade necesaria dalgúns medios locais, sobre todo de Radio Popular de Vigo, que asumiu un papel inequivocamente galeguizador e aperturista, como  as páxinas de Faro de Vigo, dirixido por Francisco Armesto Faginas, especialmente nas páxinas de Artes e Letras dos domingos, nas que continuaba facendo prodixios as traducións poéticas do mestre Álvaro Cunqueiro, que por certo, gañaría o Premio da Crítica Galicia na súa segunda edición, tras a publicación do sería o seu derradeiro libro de narrativa, Os outros feirantes (1978). Mención á parte merecen as columnas literarias combativas de Dosinda Areses, heterónimo dunha figura da literatura galega, que comezaron a ser publicadas no Pueblo Gallego, até que foi clausurado polo Goberno de UCD (1979), continuadas na Hoja del Lunes de Vigo, semanario dirixido por Gustavo Luca de Tena, editado até 1981 pola Asociación Provincial da Prensa, e máis tarde n’ A Nosa Terra.

Castelaos maxistrais

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo as exposicións protagonizadas por Castelao abertas en Santiago de Compostela: «Castelao maxistral» no Centro Gaiás da Cidade da Cultura e «Alba de Gloria. Experiencia» en San Domigos de Bonaval:

Están abertas en Santiago de Compostela dúas extraordinarias exposicións protagonizadas por Castelao, a figura política e cultural que mellor representa a memoria e as esperanzas da Galicia contemporánea. No Museo Centro Gaiás, organizada pola Xunta de Galicia e a Fundación Cidade da Cultura, pode visitarse «Castelao maxistral», na que se exhibe por vez primeira na Galicia peninsular «A derradeira leición do mestre», o óleo pintado por Castelao en Buenos Aires en 1945, con motivo da celebración do Día dos Mártires (17 de agosto), considerado como o Gernika galego. Mentres que na igrexa de san Domingos de Bonaval, organizada polo Consello da Cultura Galega, pode participarse en «Alba de Gloria de Castelao. Unha experiencia», na que o propio Castelao, reconstruído visualmente con todo detalle, utilizando os recursos da realidade virtual guiará aos usuarios a través do seu derradeiro e histórico discurso pronunciado o 25 de xullo de 1948. Dúas exposicións de gran calidade e concepción moi actual, ademais de gran interese didáctico, que constitúen tamén para os visitantes senllas experiencias emocionantes que nos enfrontan coa memoria republicana de Galicia e coa figura xigante do Castelao artista e do orador político excepcional.

A cerna de «Castelao maxistral», exposición comisariada por Miguel Anxo Seixas Seoane, está na homenaxe que se rende á memoria do centenar de mestres e mestras de Galicia asasinados, dos que xa falara Pablo Neruda nun poema (1937), membros do maxisterio público en exercicio en xullo de 1936, cuxa listaxe foi elaborada polo Grupo Sarmiento de Historia da Educación en Galicia. Mestres que forman parte desas case 15.000 vítimas documentadas da represión en Galicia, das que case setecentas foron mestres e mestras, e das que medio cento foron paseadas sen sentenza xudicial (ese «sangue de mestres o de obreiros nas cunetas» de Luis Pimentel) e case outras corenta executadas sen outro motivo que estar vinculados a organizacións socialistas ou republicanas de esquerda ou simplemente, na maioría dos casos documentados polos historiadores, pola súa actividade docente, por defender no espazo das súas aulas, como facía don Gregorio, o inesquecible mestre da lingua das bolboretas de Manuel Rivas e José Luis Cuerda, as ideas republicanas da igualdade e os valores da ciencia e da razón.

Como emocionante é contemplar en Gaiás o cadro de máis de dous metros, préstamo do Centro Galicia de Buenos Aires, no que Castelao recuperou a sexta lámina do álbum «Galicia mártir», que preparara en Valencia e editara o Ministerio de Propaganda da República en 1937. Unha imaxe concibida para denunciar a ferocidade da represión e a impune vinganza fascista que se viña producindo en Galicia, así como para homenaxear ao mestre asasinado pintando no seu rostro a cara do seu «irmán» Alexandre Bóveda, para Castelao o motor do Partido Galeguista e o artífice do Estatuto de Galicia, fusilado no monte da Caeira o 17 de agosto de 1936. Unha imaxe que se reverberaría en diversas publicacións republicanas, mesmo nuns selos emitidos pola República española e, xunto a outras imaxes dos álbums, «Atila en Galicia» (1937) e «Milicianos» (1938), sería exposta e reeditada durante a guerra civil en Moscova, Nova York, Guangzhou ou Toronto como denuncia do drama que se vivía en España e como defensa da educación e da cultura da paz. Eis o valor extraordinario desta obra universal, probablemente tamén a máis estarrecedora da pintura galega, que nos fai tremer en canto a miramos, e temos o privilexio de contemplar antes do seu regreso a Buenos Aires.

Como tamén é unha experiencia emotiva a que se vive na exposición arredor da «Alba de Gloria», comisariada por Manuel Gago, que presenta de forma moi novidosa, utilizando os recursos da narrativa multimedia, os contidos daquel discurso memorable de Castelao, para moitos a mellor peza oratoria en galego, pronunciada hai agora setenta anos, que sintetiza as aspiracións do galeguismo. Unha experiencia virtual na que se pode compartir a emoción que sentiron os participantes daquela mañán do Teatro Argentino de Buenos Aires e os milleiros de galegos que vibraron escoitando pola radio as palabras do guieiro Castelao: «Se no abrente deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, abrangueríamos o portento dunha mañán única». A reconstrución milimétrica dun [impactante] Castelao tridimensional, a visión proporcionada polas lentes de realidade virtual, como a viaxe ofrecida pola intrahistoria da propia alocución fan da visita a «Alba de Gloria» unha experiencia que moito paga a pena vivir.

Dous castelaos maxistrais agardan por nós en Compostela até comezos de febreiro. Recoméndoos moi vivamente.

Antón Pulido, mestre

No número 34 de Ágora do Orcellón, a revista do Instituto de Estudios Carballineses, dedicada a homenaxear ao pintor Antón Pulido, publico esta pequena achega sobre o meu admirado mestre da kermesse:

Fun afortunado de ter amigado na última década con Antón Pulido, o pintor que coñezo que mellor se ten asomado á complexidade da condición humana. Fun afortunado de coñecer ao artista que xa admiraba polos seus músicos asomados ao abismo, que quixen recoller nalgunha portada dos libros que editei, ou polos seus retratos serenos (como o de don Paco del Riego) nos que é doado identificar a ollada do optimismo da vontade presente en cada trazo. Fun afortunado en compartir con este ser humano xigante de xenerosidade desborada azos e vontades no proxecto colectivo dos Premios da Crítica de Galicia do que leva teimando con intelixencia e dedicación décadas e décadas a carón de Bieito Ledo, o seu amigo do corazón.

Se tivese que definir a Pulido cunha soa palabra, o que sei sempre resulta insuficiente nun artista dedicado á pintura, escultura, deseño gráfico, música ou performance, pero tamén ao relato oral, no que posúe enxeño e capacidade de engaiolar coma poucos, non resulta difícil escoller a de MESTRE, tanto por que este foi o seu primeiro e principal oficio, desde que tomou posesión na escoliña de Casaio en 1972, experiencia que recolleu naquela primeira paisaxe nevada de Pena Trevinca, como polo feito de que impregnou toda a súa vida e toda a súa obra de artista cos valores da escola humanista.

Abonda percorrer a súa obra pictórica para entender o maxisterio dun artista de formación académica moi sólida, mais tamén de inequívoca raíz popular, que en cada un dos seus cadros expresa a súa perplexidade diante dun mundo en tránsito e a súa confianza nos seres humanos para enxergar a esperanza e a confianza na plenitude da vida. Tras máis de catro décadas de traballo artístico, despois de centos de pezas, Antón Pulido é un dos grandes mestres da pintura galega. Discípulo na Escola de Belas Artes de Barcelona de Joán Hernández Pijuan, desenvolveu un proxecto moi singular de creación artística no que poñendo no centro a fraxilidade da condición humana (eis o tema central de toda a súa pintura) a investigación plástica dialoga coa tradición. Un proceso ao que non foi nunca allea a súa vocación docente e a súa afouteza creadora que o levou a experimentar, ás veces contra corrente, primeiro coas posibilidades do impresionismo figurativo de raíz popular, máis tarde de fauvismo, e xa de regreso a Galicia, asentado en Vigo como profesor de Secundaria, do expresionismo figurativo e máis tarde abstracto, a súa esencia pictórica actual, bautizada por el como «kermeses», como exaltación gozosa da enerxía da vida non exenta das doses de dramatismo e tristeza que lle son propias ao tempo que vivimos.

O crítico Carlos L. Bernárdez considera que «a pintura pulidiana segue o ronsel do clasicismo moderno, expresivo, que compatibiliza o lúdico e o tenso», o que lle permitiu pasar nos anos noventa con asombrosa naturalidade da expresión figurativa á abstración xestual actual, na que non renuncia á presenza da figuración. Eis a razón das súas paisaxes urbanas do porto pesqueiro do Berbés (1987), unha das súas tantas marabillas viguesas (como a das praza das apertas de Peniche), ou das súas emblemáticas figuras en soidade, sexa as retratadas no medio do camiño da vida, a dos músicos tocando para si ou a de seres desconcertados ao pé do abismo, todas envoltas na plenitude da súa cor, na potencia dun trazo capaz de simplificar os detalles do contexto da traxedia. Cadros que son relatos breves, contos condensados, de grande forza narrativa como «Noite» (1992) ou «O sono« (1989), nos que na intimidade dos amantes nun cuarto ofrece elipses visuais envoltas en sombras, capaces de expresar a fraxilidade do cotián e a complexidade da relación humana.

Xaora, a do mestre Antón Pulido é unha pintura de rostro humano, que a pesar da complexidade da existencia, evita a desolación, o desacougo e o pesimismo conformista e paralizante. Eis a potencia cromática das súas kermesses, dende aquelas primeiras nacidas a comezos dos noventa, características da produción pulidiana das dúas últimas décadas, que como sinala o crítico Antón Castro constitúen «un modelo de representar a vida e a arte, conciliando o equilibrio entre a natureza e o home, vertebrando os seus estados de ánimo nas atmosferas festivas e non festivas».

Antón Pulido conseguiu así devolverlle a emoción e a sinceridade á pintura galega, envolvendo o xesto gráfico con formas e cores, escrutando os límites das sombras e abrindo os cadros pola potencia da sinfonía da cor ao gozo e ao abraio do espectador.

Antón Pulido é o pintor do vento, é o músico da cor cálida, é o poeta da abstración emotiva, é o narrador da realidade no abismo, é un artista total e apaixonado que procura a beleza até a gorida onde se atopa. Antón Pulido, mestre!

Defende a Galega

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao conflito na CRTVG arredor da posta en marcha da Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia:

Tras case catro décadas de autonomía, probablemente, os dous feitos máis relevantes até agora foron o ensino en galego e a creación dunha radio e televisión públicas que emiten as vinte e catro horas en galego. Dous fitos nacidos na primeira lexislatura autonómica onde nunha atmosfera non exenta de confusión e certo temor (lembremos o 23 efe) sobre o futuro das autonomías, se puideron forxar consensos importantes como os da Lei de Normalización Lingüística (1983) e a Lei de Creación da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (1984). Daquela todos os partidos presentes no parlamento (AP, UCD, PSOE, PCG e Esquerda Galega) apoiaban o ensino en galego e todos querían unha televisión en galego (a proposta foi de Camilo Nogueira) que informase de forma obxectiva e plural.

Foi grazas a ese pulo como o 24 de febreiro de 1985 a Radio Galega emitiu o seu primeiro programa de proba. E foi idéntica determinación, a que permitiu a imaxe histórica da noitiña do 24 de xullo de 1985, protagonizada por Dolores Bouzón, coa que comezaron as emisións da TVG. Dende entón, a TVG e a RG, os nosos medios de comunicación públicos, constitúen a máis valiosa ferramenta da que dispoñemos para a difusión, dinamización, defensa e normalización da lingua e cultura galegas, mais tamén como soporte de expresión das opinións, angueiras e problemas da sociedade galega en toda a súa diversidade interxeracional e territorial como no seu pluralismo político.

Medios que consolidaron un espazo de comunicación e creación audiovisual diferenciado, achegando referentes novos a un sentimento identitario de pertenza a un país e a unha comunidade lingüística, ao tempo que contribuíron a crear un sector audiovisual privado propio que xa desborda os límites da nosa comunidade, mesmo a pesar das incertezas que supón o proceso de uniformización cultural, sexa pola «americanización» como polo monopolio da distribución dos produtos audiovisuais. Medios públicos que ao longo de milleiros de horas de programación ofreceron espazos que forman parte xa da memoria de varias xeracións como nos oitenta aqueles episodios da serie «Dallas» en galego, a creación nos anos noventa do Club Xabarín, as series «Mareas vivas» e «Pratos combinados» nos anos de entre séculos, a continuidade de «Luar» de Xosé Ramón Gayoso, as locucións en galego de partidos do Celta de Xaime Escudeiro ou o «Diario Cultural», que durante vinte e catro anos dirixiu Ana Romaní, merecedora por este extraordinario traballo do Premio Nacional de Xornalismo Cultural (2018).

Unha relación de programas que constitúe unha expresión do excelente traballo desenvolvido polos cadros de profesionais da tele e da radio galegas capaces de ofrecer unhas programacións de referencia, con niveis de audiencia significativos, mesmo a pesar da súa cada vez maior fragmentación, como do carácter descaradamente progubernamental dos seus programas informativos, doenza acentuada durante os anos das presidencias de Manuel Fraga e de Alberto Núñez Feijoo que utilizaron os medios públicos como un dos seus medios de propaganda máis eficaces. Doenza denunciada dende hai case seis meses por varios centos de profesionais da compañía que reclaman cada venres o cumprimento íntegro da Lei 9/2011 de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, aprobada cos votos do PPG e do PSdeG-PSOE, contando coa oposición do BNG e dos sindicatos da CRTVG. Unha lei aprobada coa intención de desgobernamentalizar a compañía e garantir a independencia e a neutralidade da radio e televisións públicas galegas a través de mecanismos de control e do nomeamento de cargos por maiorías parlamentarias cualificadas.

Aí reside a cerna da mobilización dos traballadores que vestidos de negro saen cada venres a «Defender a Galega» reclamando a neutralidade e pluralismo dos informativos, a aprobación dun Estatuto Profesional, a creación dos Consellos de Informativos, a reapertura das delegacións pechadas, medidas en definitiva que garantan a súa independencia profesional. Ollo, non reclaman máis salarios, só o cumprimento dunha lei aprobada hai sete anos, que ampare o regreso á función social do xornalismo e permita a recuperación do prestixio dos medios públicos e a dignidade dos seus profesionais.

Por desgraza, non se pode agochar que o futuro inmediato dos medios públicos galegos depende en boa media da estratexia de quen hoxe os controla, Alberto Núñez Feijoo. Ben sería que máis alá dos seus intereses e os do seu partido, o presidente considerase a necesidade de pór en marcha a lei de medios aprobada cos votos do seu grupo. Calquera outra posibilidade compromete o futuro dunha das institucións principais do autogoberno galego. Defendamos a Galega.

 

Onte 1997: Lembranza de Xabier DoCampo en Lume

Viaxamos onte á Coruña para participar na homenaxe a Xabier DoCampo organizada pola Libraría Lume. Durante case dúas horas, ao mediodía, á mesma hora na que se celebraba a tertulia á que acudiu Xabier durante dúas décadas, máis de medio cento de amigos e amigas recordamos unha figura humana irrepetible, que non pode ser esquecida, e unha obra literaria que con certeza merece ser recuperada na súa totalidade para o lectorado do futuro e máis estudada polas nosas institucións académicas.

As marabillosas e emotivas intervencións da tradutora e crítica María Xesús Fernández e do ilustrador Xosé Cobas, irmaos e cómplices profesionais e creativos, trazaron a figura humana dun comunicador oral extraordinario, que posuía un sentido do humor capaz que quitarlle dramatismo ás situacións máis problemáticas. Como tamén foron emocionantes as lectura que fixemos de textos do Xabier como a do fragmento testamentario que nos deixou «E serei unha cerdeira (panfleto)», con motivo do Premios Xerais de 2013, ou do divertido «Numerosísimos», o relato que dedicara a Pancho Fontela, na voz de Fina Mosquera, a terceira integrante daquel grupo Negamates dos anos oitenta. Grande Xabier!

Paga a pena como documento este vídeo que publicou Manuel Rodríguez en Twitter.

Onte 1996: Encontro pola Cultura

Confeso que non agardaba que se ateigase o amplo salón de actos do IES Politécnico no Encontro pola Cultura organizado onte polo Ateneo Atlántico e outras entidades culturais viguesas. Unha convocatoria cidadá na que se pretendía tomarlle o pulso a situación actual da cultura en Vigo abrindo tres liñas de reflexión: a xestión e os equipamentos culturais, relatorio do que se ocupou a avogada e crítica cultural Ania González; o Urbanismo e o patrimonio industrial, que correu a cargo do arquitecto Iago Valverde; e a Imaxe da Cidade e Identidade, da que me ocupei eu (aquí pode baixarse en pdf o esquema-guión). Tres enfoques diversos, que o moderador Fernando González «Gonzo» soubo ir enfiando con moito interese, que abriron unha longa rolda de intervencións moi críticas coa falta de democracia e o absoluto centralismo da xestión cultural da cidade, concentrada en Alcaldía e persoal de confianza, unha situación de excepcionalidade que debe e pode ser reconducida.

A recuperación da liberdade de creación e do acceso á cultura en Vigo, a necesidade da participación dos colectivos culturais na orientación das políticas culturais públicas e a xestión profesionalizada e independente foron algunhas das ideas máis repetidas nun encontro chamado a marcar un punto de inflexión capaz de establecer lazos entre colectivos, comunidades e individuos vinculados coa cultura no ámbito metropolitano.

No par de intervención que fixen no debate insistín na necesidade de facer tamén autocrítica e non enredarse coa descrición (que todos compartimos) da lamentable e vergonozosa actuación do actual goberno Caballero, (dende a iluminación de nadal á xestión do auditorio Mar de Vigo), xa que para a desgraza da cidade, con honrosos intentos voluntaristas dalgunhas corporacións e mesmo dalgúns responsables da Concellaría de Cultura, nas últimas catro décadas nunca contou con políticas culturais estratéxicas, baleiro que no maioría dos casos foi cuberto con ocorrencias máis ou menos disparatadas e mesmo algunha máis afortunada.

Xouba City e Percalinópolis

Dedico o artigo semanal no Faro de Vigo a propoñer, a raíz da publicación da novela de Xurxo Souto, A gran travesía de Chiruca Macallás, a irmandade entre as cidade sde Vigo e A Coruña:

Foi Urbano Lugrís, o pintor surrealista nacido na Coruña, que procurou porto en Vigo nos derradeiros anos da súa vida, quen bautizou a cidade onde naceu como Percalinópolis e na que morrería como Xouba City. Xaora, no ronsel trazaso por aquel Ulyses Fingal, o noso pintor-océano das grandes mans e trazo milimétrico, creador de toda unha icononografía mariña, o narrador e músico Xurxo Souto acaba de publicar A gran travesía de Chiruca Macallás (Xerais, 2018), unha novela poderosa na que tirando das redes que lanzara hai xa dúas décadas en «O retorno dos homes mariños» (Xerais, 1999) ofrece a historia de superación de Mercedes, a patroa de pesca do «Macallás», o arrastreiro que sae do porto das Arneiras, a cidade da Torre e da area do Berbés, con destino a Rockall, unha rocha perdida no medio da nada , entre o mar de Escocia e Islandia.

Para Xurxo Souto, como probablemente para Urbano Lugrís, A Coruña e Vigo son a mesma cidade, unha cidade maragota ou mariña, cuxa denominación muda conforme sexa o punto da rosa dos ventos dende o que nos acheguemos á costa: Xouba City ou Penameá, Percalinópolis ou as Arneiras (onde atraca o «Macallás» na novela de Souto), ou os portos de Vigo e A Coruña, o Berbés ou o Muro, dous puntos de atraque dunha mesma recalada. E como nunha cidade única, nas páxinas da novela de Souto trázanse os camiños polos que ir das Travesas a Monelos, de Teis a Labañou ou dende a porta da Palloza á Cidade Alta ao pé do Campo de Granada.

A mesma cidade que para Xurxo, como probablemente para o noso pintor do infinito e da ensoñación oceánica, ten como capital do mar a Bouzas (onde Souto presentou no Liceo a pasada fin de semana a novela), porque alí foi onde se crearon as parellas do bacallau, alí continúan os estaleiros cun pulo anovado, alí naceu o sindicalismo do mar da CNT, sendo tamén onde o xigante recheo do porto de Vigo fixo desaparecer o que se cre mellor ostreiro da ría.

Algúns pensarán que defender a idea de que Vigo e A Coruña son a mesma cidade é causa de catro tolos que viven no mundo surrealista de Urbano Lugrís, mais aínda cando arrastran décadas de enfrontamentos e descoñecementos, alentados por localismos promovidos polas súas elites, ou pola incomunicación á que a prezo de ouro (trinta e dous euros, ida e volta) someten á cidadanía a concesionaria da autoestrada do Atlántico.

Mais para os que ao longo da nosa vida tivemos a fortuna de vivir nalgún momento nas dúas cidades é doado identificar que as persoas que viven no Calvario, en Coia ou en Teis son as mesmas persoas que viven nos Castros, Monelos ou Labañou, familias obreiras, xentes humildes procedentes todas das aldeas de Lugo ou de Ourense, que nas décadas dos sesenta aos oitenta foron buscar traballo na beiramar. Como hoxe sabemos que os traballadores que loitan por non perder o seu posto en Alcoa afrontan idéntico reto ao que hai catro décadas asumiron en Vigo aqueloutros defendendo a supervivencia de Ascón, Barreras ou da propia Citroën.

Teñen razón Lugrís e Souto, Vigo e A Coruña constitúen en esencia unha cidade única, Vilamaior das mil ribeiras. Dous polos dunha mesma cidade atlántica que precisan superar as barreiras da incomunicación terrestre á que a someten ese negocio perfecto da AP-9 e un infrautilizado eixo ferroviario atlántico que renunciou polo momento ao horario nocturno. Vigo e A Coruña, tras a desaparición das entidades financeiras propias, sofren idénticas dificultades que poñen en perigo proxectos culturais emblemáticos como os o MACUF ou o Marco… Vigo e A Coruña son os dous polos exportadores e Galicia, o que constitúe unha oportunidade extraordinaria, mais tamén un risco pola súa dependencia extrema das empresas tractoras…

A Coruña e Vigo están obrigadas a enfrontar retos semellantes: a rexeneración dos seus cascos antigos, evitando a súa terciarización como «comedores» urbanos; a apertura das súas fachadas ao mar, derrubando a fronteira imposta polas súas autoridades portuarias; a conservación e a hibridación dixital dos seus tecidos industriais, como a súa participación nos mercados das cidades atlánticas do Norte; a modernización das súas infraestruturas de comunicación, dende a intermodalidade das súas estacións terrestres e a transformación do eixo atlántico ferroviario como un tren galego de cercanías, até a competitividade dos seus portos e aeroportos, capaces de ofrecer alternativas aos do Porto ou Rotterdam…

Os concellos de Vigo e da Coruña deberían irmandarse decontado e asumir que a aposta máis rendible para as súas cidadanías é a de colaborar no mesmo proxecto estratéxico, deixando a competencia emotiva para o territorio futbolístico, onde manda o «fair play» e a aposta polo valor de candasúa canteira. É difícil, mais non é quimera ningunha. Lean a Xurxo Souto.

Outonía

Dedico o artigo da semana en «Faro de Vigo» a celebración do día de San Martiño, cos seus magostos e trompos ao camiño:

Son estes días de Outonía. Arrefría e chegaron as chuvias. A castañeira ofrece os seus cornetes de bullós na Praza da Farola, esa que o concello debía fixar no seu rueiro como Praza de Galicia. Pasaron os días de defuntos coas súas cabazas de luz e o desfile dos seres do Trasmundo que cada ano abren o tempo de Samaín no que na nosa cultura tradicional celebramos a mudanza de estación e rendemos culto ao froito do castiñeiro, a chamada árbore do pan, a máis representativa da nosa paisaxe agraria, xunto, claro está, a enciñas e carballos. Outonía na que acentuamos a nosa condición de sermos un pobo de comedores de castañas, froito que en Galicia se consome dende a Idade Media como testemuña un verso da cantiga 386 de Afonso X o Sabio: «que sol non lles minguou deles que valvéss’ ũa castanna». Humildes castañas que foron durante moito tempo pan dos pobres, alimento principal durante os meses de invernía, fenómeno, ao que non foi allea a expansión da cultura dos mosteiros, que supuxo a plantación de viñas e castiñeiros nos seus arredores.

Outonía na que arredor da data máxica do 11 de novembro, día de san Martiño, santo de moita querenza en máis de duascentas parroquias do país, os peóns saen o camiño, como testemuña un refrán recollido polo vigués Miguel Rubinos Conde en Candeán: «Este ano fixemos caso do proverbio “no San Martiño trompos ao camiño” e aproveitamos o magosto para pór a buxaina a danzar». Unha data na que cada ano Brinquedia, a Rede Galega de Xogo Tradicional, dedica ao «Día do Peón», ou do trompo, trompa, peonza, perinola, buxaina, entre outros nomes, todos moi fermosos, utilizados para chamar a ese brinquedo que xira e baila sobre a punta e a caperucha no chan, ou na man, impulsado polo despregue dun cordel. Un xogo popular, que segundo Arturo Romaní, chegou a Galicia dende Oriente, a comezos do século XVIII, que ten no refraneiro popular un calendario moi preciso de xogo xa que «polo san Martiño, 11 de novembro, peóns ao camiño; polo santo André, 30 de novembro, trompos outra vez; polo santo Amaro, 15 de xaneiro, peóns ao tellado; polo santo Antón, 17 de xaneiro, peóns ao caixón; pola santa Olalla, 12 de febreiro, peóns á borralla e por Pascua, trompos ás áscuas». Tradición de recuperación de xogos populares e cooperativos que algúns centros educativos fan coincidir nestes días de Outonía coa celebración dos Magostos, ofrecendo así un modelo alternativo ao xogo dixital solitario ou á ditadura do fútbol (case sempre exclusivamente masculino) nos patios escolares.

Outonía que é tempo, tamén, das primeiras matanzas («A cada porco lle chega o seu san martiño», lembra o refraneiro), dos primeiros caldos de gloria (citados por Rosalía en «Cantares Gallegos»), dos primeiros cocidos alegres (como cualificaba Picadillo ao cocido de noso), que se alongarán na invernía até o Entroido, tempo de excesos e das larpeiradas de tixola. Pratos da mesa da outonía nos que, por ventura, a humilde castaña recupera o seu protagonismo, sexa como saboroso caldo de castañas (nada que ver coa «augas de castañas», expresión popular para designar ao café malo ou pouco cargado) ou como puré ou acompañamento das carnes de caza e, sobre todo, do lombo do porco, un dos pratos estrelas da outonía. Protagonismo da castaña que nas sobremesas convértese en delicias de biscoitos e tortas, en cremas, e bombóns, flans, galletas, merenga, pudin, mousse ou diversos pasteis na que é ingrediente principal. Castaña convertida en produto de «delicattessen» dende hai sesenta anos polo ourensán José Posada Torres creador desa marabilla larpeira que é o marrón glacé, o produto estrela dun catálogo amplísimo de transformación industrial da castaña galega, presente en tendas de máis de vinte países.

Outonía que como os peóns no camiño convida a percorrer o país, seguindo o ronsel das fumaredas coa intención de sentir o arrecedendo da outonada, da queima de leña das bidueiras e da resistencia das casas aínda abertas, unha fragrancia hoxe case desaparecida dos contornas urbanas e periurbanas, vivificadora dunha memoria na que intuímos a que gozaron noutrora os nosos maiores nas parroquias do Val do Fragoso. Outonía que, tras a vendima, é tempo de privilexio para gozar durante apenas un días das nosas mellores paisaxes vitivinícolas do ano, preparándonos para os rigores (non só climatolóxicos), que con certeza, traerá a invernía. Recomendo apoiar dende os fogares os magostos escolares (beizón a tanto claustros que contra vento e marea manteñen aceso o lume que alampea). Chamo a participar nos magostos veciñais e populares, como o organizado no serán do venres na praza de Eugenio Fadrique pola Asociación Sociocultural As da Industria, como un espazo para a convivencia e a festa. Probar a castañada e sacar os trompos ao camiño, a Outonía.

Onte 1994: Premios da Crítica de Galicia 2018

Entregamos onte os Premios da Crítica de Galicia 2018. Pareceume unha excelente colleita, probablemente expresión da grande diversidade actual da nosa creación cultural como dos  esforzos de incorporación á tradición destes premios da cultura vinculada coas ciencias e coa tecnoloxía. Aí temos o premio de Investigación outorgado a José Luis Mascareñas, un científico internacional no ámbito da Qúica e Biomedicina, que formou arredor do Ciqus da USC un importante grupo de traballo. Eis o de Cultura Gastronómica outorgado á Federación de Razas Autóctonas de Galicia Boaga, un proxecto transversal para o noso medio rural onde cristalizan aspectos veterinarios, medioambientais e culinarios nunha simbiose esperanzadora.

Como tamén amosou esta edición o recoñecemento de xustiza para dúas mulleres extraordinarias, Ana Romaní e Mercedes Peón, como para as organizadoras da Mostra Internacional do Teatro Cómico e Festivo de Cangas, cuxas traxectorias por comprometidas coa cultura feminista e por rigorosas no seu desenvolvemento exemplar no ámbito do xornalismo cultural, da anovación da música de raíz e da promoción do teatro, respectivamente, merecen todas as beizóns.

Como tamén as merece o labor dunha década do arquitecto Javier Alonso de la Peña dirixindo o Plan Director da Catedral de Santiago, un dos proxectos máis relevantes para o patrimonio galego. Como entendo que merecen ser recoñecida A nena do abrigo de astracán, a gran novela da memoria do noso mestre Xabier P. DoCampo e Matria a película do cineasta vigués Álvaro Gago.

E parabéns a Bieito Ledo e Antón Pulido, xenerosos que levan teimando desta angueira dende hai corenta e un anos coa intención de construír o país dende os diversos ámbitos da creación e das industrias culturais. Beizóns.