Onte 1326: Unha escritora incómoda

Ao comezo da súa intervención na presentación de Son noxento na libraría Andel, onte María Xosé Queizán confesou que sempre fora «unha escritora incómoda e librepensadora, todo o mundo sabe como son, aínda que me len moitos menos que me coñecen.» «O tema do poder é clave en todos os meus libros», dixo a autora viguesa, antes de expresar a súa confianza na xente nova: «Creo que serán as rapazas as que consigan sacarnos desta corrupción tremenda na que vivimos. Pensade que 383.000 menores denunciaron algún tipo de violencia no entorno familiar, algunhas sobre as súas propias nais.» Rematou María Xosé Queizán a súa intervención interpretando o «Rap Repoludo», que alude a violencia sexual e homenaxea ao «Repoludo gaiteiro» de Rosalía de Castro.

Con anterioridade interviu a profesora Manuel Pena que fixo un magnífico retrato da autora e da obra: «María Xosé Queizán foi sempre aglutinadora de vontades, capaz de acuñar proxectos, como a revista Festa da palabra silenciada, que aunaron a moitas persoas, moitas mulleres.» «María Xosé Queizán é moi coñecida como escritora, mais o seu tratamento no sistema educativo e nos libros de texto non se corresponde con esa popularidade. Hai un desequilibrio neste tratamento didáctico, como sucede en xeral co de todas as escritoras.» «Dende A orella no buraco, escrita en 1962, mais publicada en 1965, até este Son noxento, na obra de María Xosé houbo unha evolución interesante, incorporando as mudanzas que foi vivindo. Con todo, tivo sempre un plan predeterminado de ir enchendo ocos na literatura galega: o da novela histórica, publicando Amantía; o das sagas xuvenis, c’ O segredo da pedra figueira; o da poesía erótica, c’ O despertar das amantes…» Para Manuel Pena en todas as obras e en todos os xéneros abordados por Queizán, a pesar dos cambios, existen dúas características permanentes: a primeira, «o compromiso social e político, a denuncia»; o segundo, «o afán didáctico, a intención de transformación e comunicación». «María Xosé aborda sempre difíciles, espiñentos, que non son agradables, que “non interesan”, que provocan incomodidade, ela que é valente e un pouco inconsciente.»

XG00240801«Así sucede en Son noxento, cuxos temas principais, a pederastia, o incesto e os abusos sexuais, xa aparecen en novelas anteriores como Ten o seu punto a fresca rosa e Meu pai vaite matar.» «É salientable a absoluta modernidade de Queizán no tratamento destes temas en todas estas obras, que poderían converterse en auténticos best sellers.» «A gran novidade de Son noxento é o emprego do monólogo interior que nos achega terriblemente ao noxento, coma se utilizásemos unha lupa que nos agranda o que está agochado: a pederastia, os abusos sexuais, a violencia toda que está presente nas nosas vidas. O acerto de María Xosé Queizán é que este monólogo nos atrapa, até chegarnos a facer rir co seu sarcasmo. Mais ao final, móstrase como o que é: un perverso, un depravado, un home sucio, un noxento. Sen dúbida, o gran acerto da novela é o uso deste monólogo interior capaz de provocar que esta violencia violente ao lector ou lectora.»

Onte 1325: Baixa de «El País»

Ultima_de_manuel_rivasDémonos de baixa como suscritores de El País. Tras o peche das dúas páxinas de Galicia e o cese das «Últimas» dos sábados de Manuel Rivas xa non hai razón ningunha para continuar apoiando o xornal de Cebrián. Unha decepción! Durante décadas nas páxinas de El País seguimos o fío do tempo contemporáneo e de moitos dos seus debates políticos, sociais e culturais. Os oito anos da edición de Galicia, dirixida por Xosé Hermida, foron un exercicio de xornalismo honesto, liberdade de expresión e información veraz. As páxinas dos venres de «Luzes» foron un fito da nosa información cultural. Como algunhas informacións políticas e económicas funcionaron coma esa pedriña tan molesta na zoca do poder. A de El País de Galicia foi outra ilusión malograda, outra batalla perdida pola cidadanía galega, á que libraron con afouteza os profesionais que reinventaron a fantasía do xornal independente cada día. O noso recoñecemento e solidariedade para eles.

Onte 1324: Proba de terceiro

As características da proba de avaliación para o alumnado de terceiro de primaria, prevista en Galicia para os días 27 e 28 de maio, marcarán a orientación da Reforma Educativa LOMCE promovida polo Partido Popular, centrada máis sobre os procesos de avaliación externa ca sobre os de construción de aprendizaxes significativas e avaliación continua. Acerta Nova Escola Galega cando salienta que esta de terceiro «é unha proba inncesaria para tomar as medidas de atención á diversidade», como tamén que «producirá un efecto de sinalización do alumnado que acade malos resultados, pola formalidade e publicidade que implican» estes exames. Xaora, supoñen «unha redución da autonomía dos centros » e «un control do currículo» que, inevitablemente, quedará orientado sobre aqueles contidos avaliados. Temo que esta proba de terceiro constitúe o inicio dun adestramento para facer das reválidas de 4º de ESO e de 2º de BAC, máis tamén da proba de final de primaria, algo «normal», que xustifica e lexitima a segregación do alumnado de Secundaria. Sen dúbida, este modelo de avaliación afástanos da escola inclusiva que pretendemos. Preocupante.

Onte 1323: O XXI, século da lectura

reimprimete_12-05-2015

O escritor César Antonio Molina, director da Casa del Lector, pronunciou a conferencia da terceira edición do Reimprímete, o foro que o Clúster do Produto Gráfico e a Asociación Galega de Editores organizan cada ano para facer un seguimento do proceso de hibridación do libro e do produto gráfico. As fermosas e documentadas palabras do que foi ministro de Cultura do primeiro goberno Zapatero destilaron un aroma de melancolía, que non impediu que Molina fixese un chamamento enérxico á mobilización dos axentes da cultura para transformar «o século XXI no da lectura e no dos lectores», «para o que cómpre rematar coa dicotomía excluínte entre o analóxico e o dixital, na procura da formación dun lector multisoporte e plurilingüe.»

César Antonio confesou que «sempre acreditara no feito que a loita pola democracia traería o hábito da lectura xeralizada e a cultura como ben esencial…» «Nos anos 70 e 80 estivemos a punto de conseguilo, mais agora entramos nun período de certa involución. Hoxe temos un problema severo de lectores, sen eles todo o demais sobra. Na educación básica non soubemos facer difusión da lectura, crear ese hábito. As humanidades foron relegadas no sistema educativo, como proba que a Filosofía fose relegada pola programación de ordenadores. A marcha atrás é xigantesca. O feito de non ter sementado lectores leva a que agora chegan á madurez as primeiras xeracións de non lectores. Comprendemos agora que a lectura é un elemento democrático esencial.»

Para Molina «o futuro da cultura está nos arquivos dixitais. O 72 % dos usuarios das bibliotecas americanas buscan información nos soportes dixitais, que se fose necesario profundizan despois no soporte papel. Hoxe o aire que respiramos componse de osíxeno, nitróxeno e información.» Insistiu o coruñés na importancia da lectura: «Ler é unha condición inseparable do ser humano. A lectura é unha forma de relación coa vida, un nutriente da especie humana. Somos homo videns que aprendemos ao longo de toda unha vida que depende da variedade e potencia da nosa lectura. Ler permite interpretar o mundo que nos rodea e os espazos interiores que nos constrúen como persoas.» «Sigo crendo na validez da afirmación “amosarme as vosas bibliotecas e direivos como sodes”», concluíu no seu alegato a prol da lectura como forma de humanización.

Despois de definir o proceso de hibridación da lectura, como «a convivencia do sólido e do líquido», César Antonio afirmou que «estamos no abrente dun novo descubrimento lector, no albor dun novo paradigma, dunha nova oportunidade para abrir un novo ciclo cultural.» Un novo modelo de lectura no que identificou diversos perigos: «a dificultade de centrar a atención e realizar unha lectura silenciosa; e a pulsión excesiva pola velocidade, contraditoria coa lentitude que require o proceso lector.» «Ler con concentración, atención e silencio non depende do soporte.»

Dedicou a última parte da súa intervención a comentar algúns contidos de Smart, o ensaio recente de Frederic Martel sobre a cultura e o fenómeno de internet e as redes sociais. «Para Martel o novo modelo económico da cultura virá polas suscricións ilimitadas.» «Desenvolverase unha nova cultura onde a crítica será reemprazada polas recomendacións dos usuarios e polas conversas nas redes sociais. A conexión permanente entre os usuarios marcará os gustos e as tendencias dos contidos dixitais distribuídos polas multinacionais. Os dereitos de autor desaparecerán. A cultura será un sector sen ánimo de lucro, ond eo mecenado terá maior importancia que a cultura pública. A cultura mudará o produtor polo servizo.» Para César Antonio Molina o preocupante panorama presentado por Martel levará «á desintermediación educativa e cultural, realizada por profesionais como editores, xornalistas, profesores e bibliotecarios, para ser substituída polas recomendacións elaboradas por algoritmos descoñecidos en mans de Amazon, Google ou Apple, empresas que controlan os nosos movementos, as nosas consultas, intereses, a través dunha espionaxe a todas luces ilegal.»

 

A Comercial de Príncipe

Dedico o artigo da semana de Faro de Vigo a homenaxear a Papelería Comercial que despois de 98 anos en Príncipe 25 pecha as súas portas o xoves 14 de maio.

papeleria-comercial-113693_01_hd

O pasado sábado merquei por derradeira vez media ducia de cartuchos de tinta de cores e un par das miñas libretas dun cuarto acartonadas na Papelaría Comercial, que despois de 98 anos en Príncipe 25 pechará as súas portas o 14 de maio. Joaquina («Quinita») Mur, a súa propietaria, non podía agochar a súa tristeza polo peche do decano dos comercios de Príncipe, xunto á xoiaría de R. Fernández. A ruína do edificio que compartía coa xoiaría Rosende e co estudio de Pacheco obrigou a Quinita a botar o cadeado e facer «unha liquidación con cariño» dos centos de artigos de papelaría e varia fantasía dos que ofrece unha mostra nun dos escaparates máis fermosos da nosa rúa do paseo.

Aberta en 1917, pretiño do Café Suízo, a Comercial foi o establecemento no que Luis Lorenzo López entrou a traballar como rapaz dos recados e do que chegaría a ser propietario en 1927 tras mercarllo ao seu xefe por 33.000 pesetas, entón unha fortuna. Especializado en artigos de papelaría e libros escolares, pasou despois a mans do seu fillo que ampliou o negocio aos artigos de entroido, pel e figurinos. En 1995 fíxose cargo a súa dona, Joaquina Mur, que o especializou nos artigos para zurdos, nos xoguetes de madeira de calidade de orixe centroeurpea e noutras fantasías da memoria. A Comercial foi sempre un facho de beleza de espírito clásico no centro de Príncipe. O seu escaparate, en constante renovación, nunca defraudaba, agochaba sempre algunha sorpresa, fosen novos modelos de soldadiños de madeira, réplicas de automóbiles, caixas de música, reloxos de peto, fotos antigas de Vigo, mapas e carteis de vello, algún número atrasado de TBO ou as coleccións de fascículos de Faro de Vigo encadernadas, que aínda se expoñen nestes días derradeiros da súa liquidación.

O peche da Comercial, arruinada polo abandono dun edificio moi ben situado na «milla viguesa de ouro», supón a desaparición da derradeira peza do pequeno comercio tradicional daquel Príncipe dos nosos avós, dos nosos pais e tamén da nosa mocidade. Un Príncipe desaparecido, arrasado pola globalización comercial, do que conservamos apenas a memoria dos nomes dos comercios e algunhas (poucas) fotos en internet das súas fachadas e escaparates.

Quédanos a lembranza da Papelaría Española, a libraría situada no recanto con Velázquez Moreno, fronte ao Mercantil, e da libraría Barrientos nas galerías Durán. Conservamos a pegada dos establecementos de fotografía, o xa citado estudio de Pacheco, o longo escaparate de Foto Club, onde se facían as fotos de carné e as exposicións de fotógrafos amadores, e a tendiña de Foto Mecánicos da familia Bilbatúa, a dos cineastas galegos exilados en México DF. Recordamos a drogaría Sanchón, a pastelaría Las Coloniais, o despachiño de pan de La Madrileña, a carón de Guantes Varadé, o estanco número 1, o escaparte dos esmaltes dos irmáns Hernández e a farmacia Carrascal. Non esquecemos os longos escaparates de Tobarís nas galerías de La Norma nin tampouco os da xoguetaría Moya nin os do Sport, a primeira tenda de deportes e da cerámica de Sargadelos en Vigo. Lembramos as mercerías de La Favorita e Amalia, tamén administración de lotaría, e as tendas de roupa infantil Kadete e a zapataría Chavalín, cuxo escaparate sempre era engaiolante para os picariños. Non esquecimos os almacéns de Alfredo Romero, de Príncipe e de Olmedo nin os tecidos Bravo nin as tendas de Carbajo, a xastrería Esmart, a Camisería Industrial e a boutique Karina. Recordamos os escaparates de La Ideal, Barros e Mapusela e as zapatarías de Segarra, Miami, Bar, Cruces e El calzado español. Como é imposible esquecer a cafetaría Flamingo, onde tocaban conxuntos, nin as máis recentes (tamén desaparecidas) Nea e Lorena. Hoxe apenas nomes que se confunden (polo que pido desculpas polos esquezos e erros) nas nosas memorias, luces dunha cidade cosmopolita e aberta, mais incapaz de manter a continuidade necesaria para moitos dos seus proxectos.

O peche da Comercial supón a despersonalización total da rúa do Príncipe, a súa transformación en rúa comercial insípida, semellante á de calquera outra cidade da nosa contorna, onde se suceden sen sorpresa as franquicias e tendas das cadeas internacionais que hoxe monopolizan o comercio minorista. A humanización das cidades non se consegue só pola modernización do seu viario e por facilitar a mobilidade da súa veciñanza. Requírese, ademais, a existencia de referentes de continuidade interxeracional que, como sinala o escritor Fran P. Lorenzo, autor doutra gran novela viguesa Cabalos e lobos (Xerais 2015), sexan capaces de vencellar o histórico co íntimo, de facilitar a integración dos cidadáns coa súa cidade. O peche da Comercial de Príncipe arríncanos unha peza que incorporamos decontado ás páxinas voluminosas do Vigo da memoria.

Onte 1322: Filgueira por Filgueira

club-faro_11_05-2015

Da mesa redonda de onte no Club Faro de Vigo sobre Filgueira Valverde quedei co excelente retrato humano que Fernando Filgueira Iglesias fixo do seu pai. Fernando comezou atribuíndo a precocidade do seu pai á fortuna de ser alumno de Losada Diéguez, Castelao e contar cunha serie de «mestres gratuítos», entre os que citou a Iglesias Vilarelle, Sánchez Cantón e a Casto Sampedro. Sinalou que foi decisivo para el atopar en Lugo a Teresa Iglesias Escariz, «unha muller cortiza, que o fixo aboiar ao longo de toda a súa vida.» Con moito retranca relatou que Filgueira Valverde era un traballador incansable para quen «descansar non era folgar senón cambiar de actividade.» «No seu estudio tiña tres mesas polas que rotaba, unha para o seu traballo principal, outra para a correspondencia e outra para outros traballos, dicía que así descansaba».

Fernando  descubriu despois algunhas cousas sobre Filgueira Valverde que me pareceron significativas. «Tiña unha gran capacidade de lectura rápida e unha memoria prodixiosa que conservou ata o final.» «Os seus dous leitmotiv foron Pontevedra e Galicia.» «Serviu a Pontevedra o mellor que puido. Penso que o tempo dedicado á política local activa, restoulle moita credibilidade galeguista, ao ser interpretado por algúns como unha traizón e por outros como un labor de “quinta columnista” para manter o lume sagrado das ideas.» Fernando recoñeceu que o seu pai nunca fora deportista, «mais apostou polo deporte escolar como forma educación.» Como tampouco foi bo cantor, mais «potenciou o coro e a música no instituto sendo director.» Rematou Filgueira o seu retrato de Filgueira confesando que «nunca lle escoitara falar mal de ninguén. O meu pai foi un mestre na vida, na virtude e na ciencia.»

Onte 1321: Candidato desaparecido

jorge_portelaO quite de Jorge Portela López, candidato de Ciudadanos (C’s) á alcaldía de Vigo, tenme moi intrigado. O caso é que este asesor fiscal en plena campaña electoral esta desaparecido por «motivos persoais», non participa en actos públicos e o seu partido apenas realiza «unha campaña puramente informativa a pé de rúa para dar a coñecer a súa proposta.» Con todo, a inacción do candidato vigués non semella prexudicar ao seu partido, xa que as sondaxes lle conceden un acta de concelleiro, o que a verdade moi pouco axudará ao PP a frear a Abel Caballero que consolida as expectativas de maioría absoluta. Sen coñecer as razóns do comportamento do candidato desaparecido, non está de máis ler devagariño a gran análise que Calidonia fai da máis probable dentellada do partido de Albert Rivera sobre o PP. Ben sabemos que Vigo é sitio distinto.

Onte 1320: Máis alá da resistencia

Preemiados_aelg_2015

Gustoume moito que a entrega no Círculo das Artes de Lugo dos premios da AELG 2015 constituíse un alegato esperanzoso máis alá da resistencia, como sinalou sabiamente a xornalista Tarexia Navaza, xa que «resistir non é perder nunca a esperanza». Unha actitude que destilaron as palabras que lin de Agustín Fernández Paz, no momento de agradecer o premio que recibiu A viaxe de Gagarín como «mellor libro de Narrativa», lembrando que a loita polas liberdades «hoxe segue sendo necesaria». Espírito que reivindicou Ramón Nicolás, un ano máis premiado como «mellor blog literario», cando dixo que «en Caderno da crítica escribo dende unha actitude de construción colectiva, compartindo e colaborando na difusión da literatura galega.» Esperanza presente nas plabras sabias e afoutas de Montse Dopico, cando agradeceu o premio á «mellor traxectoria de xornalismo cultural» reclamando corresponsabilidade na defensa da nosa cultura e propoñendo que «non temos medo e imos máis alá da resistencia.» Actitude que compartiu Carlos Negro, premio «ao mellor libro infantil e xuvenil», convidando a que «non vos pinten costuras nos labios» e os xornalistas Xosé María Palmeiro, Margarita Ledo e Manuel Lombao e Tareixa Navaza, premiados como Bos e xenerosos, denunciando «a invernía do uso do galego nos medios» e afirmando que o xornalismo é unha profesión onde «non se pode ter medo.» Como gustei moito das palabras cheas de matices de esperanza de Cesáreo Sánchez Iglesias nas que proclamou «a literatura como territorio de soberanía do idioma« e reclamou un plan estratexico para o sector do libro e da lectura. Unha esperanzadora noite da letras, conducido con gran elegancia por María Solar. Regresamos felices, a pesar da picada dunha roda.

Onte 1319: Tras a feira de Compostela

Feiras-do-libro-20152Finalizada a nosa participación na Feira do Libro de Compostela podemos expresar xa a nosa insatisfacción polo seu resultado. A escasa afluencia de público nas xornadas laborables e a moi baixa asistencia nas presentacións, coma o cativo número de casetas (catro librarías xeralistas, dúas especializadas, a dos Editores de Compostela e a do Ministerio de Defensa) expresan a crise da cita anual cos libros na Alameda. Todos os anos insistimos sen éxito ningún na necesidade de reformular un modelo de feira do libro que no marco do proceso de hibridación do sector perdeu o engado e interese para os públicos. Cómpre un punto e á parte. É imprescindible reconsiderar o calendario, as condicións de participación, o programa de actividades como, e sobre todo, o modelo (inexistente) de comunicación e promoción. Non é comprensible que en Sevilla ou en Madrid, a pesar da crise do sector, as feiras do libro repunten no interese cidadán, mentres en Galicia esmorecen vitimas da rotina e do conformismo. É posible outro futuro para as feiras do libro. Como sei é posible enxergalo de forma compartida entre os responsables da Federación de Librarías de Galicia, da Asociación Galega de Editores e dos poderes públicos implicados.

Onte 1318: Dragal e a edición estendida


dragal_compostela_07-05-2015

XG00234801Na presentación de onte na Feira do Libro d’ A estirpe do dragón, a cuarta entrega de Dragal, o produtor Julio Casal anunciou importantes novidades sobre o desenvolvemento multimedia da saga fantástica de Elena Gallego. Ficción producciones axiña publicará un cómic dixital interactivo de Dragal preparado por David Rubín e Carlos Portela. O guión da película xa está sendo preparado por Jesús Ferrero, agardando que sexa dirixida por un director consolidado. Densifícase así un proxecto de edición estendida, que xa ten a súa presenza nunha wiki educativa e nun proxecto didáctico no que participan centenares de estudantes de Secundaria. A de Dragal é hoxe unha experiencia de edición infantil e xuvenil híbrida, multilingüe e estendida a outros formatos (videoxogos, cómic dixital, cine) que mantén un diálogo permanente coa matriz ficcional que Elena Gallego vai desenvolvendo nas novelas publicadas en galego en Fóra de Xogo. Mais en todos eles mantense a cerna do proxecto literario: un mundo de fantasía orixinal, un universo máxico centrado sobre o patrimonio galego e sobre unha tradición presente en todas as culturas e continentes.