Onte 1032: Vergonza de titular

elpais-gaza

Hai xa tempo que non me escandalizan os editoriais realistas de El País no seu transo cara ao espazo político de centro dereita españolista. Comprendo que desque é propiedade de fondos de investimentos internacionais, o cadro de profesionais perdeu o control da «independencia» do xornal e algúns dos seus máximos directivos como Cebrián, probablemente, tamén a dignidade.

Xaora, o titular de onte na portada da edición impresa referido ao xenocidio de Gaza («Israel e Hamás intercambian cohetes en plena escalada militar») supera todas as liñas vermellas coas que un poida decepcionarse. Este titular de El País é unha vergonza desde o punto de vista do rigor xornalístico, competindo en indignidade cos da prensa máis reaccionaria do seu entorno. Xaora, un titular escasamente obxectivo, a pesar de que no ladillo se destacase o número de vítimas palestinas (40) e o de ataques dos F-16 (400). Abonda con consultar outras fontes da prensa internacional para coñecer que daquela eran 66 os palestinos mortos, dos que 50 eran civís e 14 deles nenos, sendo o número de feridos máis de 400, mentres en Israel, por ventura, non se produciron vítimas tras os lanzamentos dos foguetes de Hamás.

Interpreto o desafortunado titular como outra mostra da deriva reaccionaria de El País, acentuada tras a mudanza na súa dirección. No entanto, é difícil non expresar a miña decepción e protesta, primeiro pola impotencia que sei sinten moitos dos seus profesionais e colaboradores, entre as que hai persoas que moito quero e admiro, mais tamén pola inevitable melancolía que produce saber da perda de quen nos acompañou día a día durante case catro décadas, esas páxinas nas que aprendimos e coas que reflexionamos e soñamos. Este afastamento, cada vez máis irreparable, de El País dos seus lectores e lectoras progresistas é unha perda dolorosa, semellante á que produce o afastamento dun gran amigo de vello. Por fortuna, na prensa de Madrid, a pesar das dificultades do actual proceso de hibridación, apareceron outros medios aos que paga a pena ler.

Onte 1031: Xenocidio en Gaza

Gaza

Estremece o que sucede estes días na Franxa de Gaza, convertida en campo de tiro dos F-16 israelitas. Xustificados polo goberno de Netanyahu como resposta ao asasinato dos tres mozos xudeus secuestrados e pola persecución de dirixentes de Hamás estes bombardeos provocaron nas últimas 48 horas máis de corenta mortos, a maior parte civís, entre eles tamén moitos nenos. Unha dor insoportable, outra vez volve o xenocidio da poboación palestina. Unha operación que, ademais, moitos analistas interpretan como a resposta militar coa que Israel pretende evitar a reconciliación intrapalestina e a reunificación política de Gaza e Cisxordania, un proxecto do goberno de Mahmud Abbas que culminaría na constitución dun goberno de unidade nacional palestina con participación de Hamás. Tras tantos anos de conflito, cando se cumpre unha década da sentenza modélica do Tribunal da Haia que ordenou a Israel a desmontar o Muro de Anexión e as colonias construídas ilegalmente, así como a reparar aos palestinos os danos causados, a espiral semella volver ao inicio, diante da inacción da comunidade internacional. No actual mundo multipolar a única saída posible para parar o xenocidio de Gaza é a activación política internacional e a mediación efectiva das Nacións Unidas. Semella coma berrar no deserto, mais non hai outra posibilidade.

Onte 1030: Ánimo, Fernando!

Fernando_Vazquez_08-07-14Non ten a sorte que merece Fernando Vázquez. Saíu de Vigo pola presión dos sectores máis conservadores do celtismo, tras un ascenso contundente e unha gran tempada en primeira que levou ao equipo a competición europea. Foi destituído onte como adestrador do Deportivo, tras outro ascenso meteórico cun equipo improvisado, no marco dunha crise societaria gravísima que puido provocar a desaparición da entidade. Fernando Vázquez é o noso mellor adestrador, o líder natural do combinado nacional galego, tanto pola súa fortaleza táctica coma polo seu entusiasmo contaxioso tanto co cadro de xogadores coma coa afección. Non esquezamos que tras a súa destitución, custoulle ao Celta ferro e fariña (cinco tempadas en Segunda) reatopar estilo no seu xogo e estabilidade no seu equipo técnico. Agora, a súa inxusta destitución, que nada ten que ver con razóns deportivas ou disciplinarias, amosa o caprichoso e inmaduro comportamento dos actuais dirixentes do Deportivo, apenas outro froito do elitismo coruñés máis cavernario. Síntoo moito por un gran deportista e por un comprometido cidadán galego. Ánimo, Fernando!!!

Outra política para Vigo

Reanudo esta semana a colaboración con Faro de Vigo cun artigo sobre o que entendo debera ser un novo futuro político para Vigo:

Á saída da presentación da marca //ABANCA en Compostela, un grupiño dos vigueses convidados non puidemos evitar preguntarnos: “Oíches dicir algo de Vigo?” Quedaramos desconcertados tras un acto no que se falou do futuro económico da Galicia e dos que se presentaron como os “seus sectores produtivos (agricultura, pesca e téxtil)” e onde houbo unha referencia ao sector da construción naval, que consideramos de forma benevolente como a única cita expresa á primeira área metropolitana do noso país, desaparecida tamén no vídeo de presentación da marca, ambientado nas paisaxes da área metropolitana da Coruña e As Mariñas, onde (en Betanzos) ten a súa sede social o banco novo. Unha elección que non pode ser considerada precipitada nunha campaña de presentación corporativa que se pretendeu coidar ao detalle, dende o azul e branco da marca, equilibrando celeste e índigo, até a “melodía celta” da sintonía dos anuncios encargada a Carlos Núñez. Que razóns poden explicar semellante erro? Como se perdeu unha oportunidade tan magnífica de fusionar as imaxes urbanas das áreas de Vigo e da Coruña presentándoas de forma simbólica como as da mesma gran cidade galega?

Esta anécdota do erro de presentación de Abanca é outro síntoma da perda de peso que Vigo ven sufrindo ao longo da última década tanto en Galicia como no marco peninsular e europeo. Por moito que nos pese, xaora Vigo non conta co indiscutible liderado económico, demográfico, social e cultural que exerceu durante a maior parte do século XX sobre o proxecto de Galicia como país. As mostras desta perda de liderado, que supón un lastre para as posibilidades de competitividade das empresas viguesas, e tamén de oportunidades de emprego, son denunciadas cada día nas páxinas de “Faro de Vigo”, razón polas que abonda só con enumeralas.

O aeroporto de Peinador perde destinos, frecuencias e viaxeiros. A Estación Marítima reduce o número de escalas de cruceiros e visitantes. O porto de mercadorías perdeu a conexión coa autoestrada europea do mar. A chegada do tren de alta velocidade da Meseta por Cerdedo adíase sine die, cando a actuación sobre a estación de Urzaiz, proxectada por Thom Mayne, ameaza con lembrarse na arquitectura de papel. A posta en marcha do transporte metropolitano quedará outro ano máis en auga de castañas, como a construción da Biblioteca Pública do Estado. E se a preocupación polas datas de apertura e a xestión privatizada do Hospital de Valadares non abondasen, a lei de planta xudicial do Partido Popular ameaza con deixar a Vigo sen partido xudicial, obrigando a máis de catrocentas mil persoas a desprazarse a Pontevedra para realizar os seus trámites. Sen esquecer as dificultades dos estaleiros da ría, os peches de milleiros de comercios e a crise das nosas industrias culturais e creativas. A pesar da resistencia heroica de Citröen e do sector da automoción, o principal problema de Vigo son as brutais taxas de desemprego en niveis inadmisibles, as peores dos últimos corenta anos, que sitúan a milleiros de familias viguesas nos umbrais da pobreza e da exclusión social. Aí o noso maior devalo, a nosa maior perda de liderado.

Unha situación precaria, con orixe, protagonistas e responsabilidades diversas, entre as que non son menores os erros das chamadas elites viguesas. Unha situación de emerxencia á que non se lle porá remedio acudindo á existencia dun inimigo exterior, ese ser maligno (sexa compostelán, coruñés, pontevedrés ou madrileño) destinado a magoarnos pola nosa condición de ghichiños que non sabemos se vemos ou miramos pola xanela. Non, a pesar de que hai razóns abondas para a queixa e para a protesta cidadá contundente, Vigo non pode asumir o vitimismo como a súa estratexia para saír desta parálise. Vigo precisa mudar coma un carpín, activar os motores da súa poderosa capacidade de cooperación cidadá co obxectivo de recuperar o planeamento estratéxico e a participación veciñal e social como os dous eixos do seu proxecto metropolitano, inserido nun anovado mapa territorial para Galicia. Nese vieiro está a recuperación do seu liderado.

Non son tempos para o vello cesarismo nunha cidade portuaria que contou sempre cunha alma cosmopolita e galega, onde a estirpe popular atuaba as novidades internacionais. Nesa alquimia exitosa de abella na ribeira naceu o dinamismo dos nosos empresarios e a resistencia dos nosos obreiros. Xaora, Vigo precisa acuñar un novo proxecto metropolitano para as dúas próximas décadas. Deseñalo con éxito dependerá da súa firmeza para facerse respectar polas diversas administracións, máis tamén da súa capacidade para reinventarse politicamente, abandonando os modelos da vella política e forxando acordos amplos arredor de proxectos novidosos. Outra política para Vigo é necesaria e posible.

Onte 1029: Gmail en galego

galego

Dende onte xa está en galego a interface de Gmail. Segundo o incansable Iago Varela, o artífice de Mallando Android, o servizo de correo electrónico máis popular chega co galego ás 71 linguas nas que pode ser empregado. Sen dúbida, un éxito para idioma galego. Para mudar o noso Gmail ao galego, abonda con entrar no menú de «Configuración» e escoller «galego». Mágoa, que polo momento, esta opción na nosa lingua non poida ser utilizada nalgúns outros produtos de Google tan importantes como a Axenda, hoxe aínda incompatible (como puidemos comprobar) coa opción en galego da caixa de correo. A pesar deste inconveniente, a chegada do galego a Gmail, coma hai máis dun ano sucedeu con Twitter, supón outro chimpo de xigante para a normalización da nosa lingua na rede, que ofrece máis posibilidades de escolla aos usuarios que así o desexen. Agardemos que decontado se traduza tamén a Axenda de Google. Seguimos 🙂

Onte 1028: Celso Collazo

celso_collazoÉ incomprensible que a noticia do pasamento en Madrid aos 92 anos do de Celso Collazo Lema non merecese máis atención en Galicia. Correspondente internacional da axencia EFE en Moscova, Londres ou Nova York, este fillo de Vimianzo pertence ao grupo dos máis importantes correspondentes de prensa do século XX. Nos últimos meses tiven frecuentes noticias súas, xa que era moi bo amigo de Carlos G. Reigosa, a quen asesoraba na documentación da súa próxima novela. Celso Collazo pertencía á xeración de xornalistas vigueses de posguerra, participante activo na tertulia artístico literaria do Derby, entre os anos 1945 ao 1949, na que asistían amigos de seu coma Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, Xosé María Álvarez Blázquez, ou María del Carmen Krukemberg… Casou coa pintora María Antonia Dans, mantivo amizade con Plácido Castro, colaborou na fundación da editorial SEPT e, a pesar do seu periplo internacional, nunca perdeu o seu contacto con Galicia e coa súa cultura. A figura de Collazo merece ser recuperada do esquecemento.

Onte 1027: O 17 para Filgueira

filgueiraA elección de Filgueira Valverde como figura homenaxeada o 17 de maio de 2015 expresa a polarización interna da RAG e as dificultades da entidade que preside o profesor Xesús Alonso Montero para conectar con sentir común do galeguismo nacionalista. Os responsables desta elección saben a ciencia certa que a escolla do polígrafo da dereita galeguista, alcalde franquista de Pontevedra durante unha década, conselleiro de Cultura e presidente do Consello da Cultura Galega no período autonómico, provocaría o rexeitamento do nacionalismo galego, aínda que sería ben recibida (nun ano electoral) pola Xunta de Galicia. O feito de que fose o secretario xeral de Política Lingüística quen anunciase a elección en Twitter, minutos antes ca propia RAG, semella non ser azaroso. Foi a de onte, pois, unha elección polémica, na que os académicos que apostaron por Filgueira Valverde asumiron os riscos dunha decisión con inevitable transcendencia política.

A Academia apostou por homenaxear a unha figura cultural conservadora cuxa obra literaria en galego máis destacada son os noves volumes de Adral, «libro de varia lección», como os definía o pontevedrés, máis dun milleiros de artigos, publicados entre 1977 e 1996, no Faro, na Voz e no Correo, nos que divulgaba con detalle e erudición profesoral cuestións léxicas, literarias, históricas, etnográficas relacionadas con Galicia e a súa cultura. Nove volumes publicados por Isaac Díaz Pardo en Ediciós do Castro dos que son devoto, fonte inesgotable de coñecemento, de consulta obrigada, a pesar do paso do tempo. Estes textos de Adral, como os que cada sábado publica Méndez Ferrín no Faro, baixo o título «No confín dos espellos» ou os venres Alonso Montero no «Beatus qui legit« de La Voz de Galicia, constitúen un monumento cultural, unha marabilla que merece ser visibilizada e posta en valor, polo esforzo de investigación e alta divulgación que cada unha destas pezas de prosa erudita supón para o corpus da cultura galega. Como tamén posúe interese dentro da obra de Filgueira Quintana viva (1971), o seu único libro de narracións, cuxa primeira parte, «Os nenos» (1927), pode ser considerada como un dos textos alborais da nosa literatura infantil. No entanto, a pesar destes valores da obra literaria de Filgueira, é innegable que calquera das outras candidaturas que onte foron defendidas na RAG, fose a de Carballo Calero, Xela Arias ou Manuel María, contaban cunha obra literaria máis atractiva e diversa, ademais dun carácter máis integrador e actual, como mesmo de contar con máis apoio popular ca do catedrático pontevedrés.

Non é de adiviños aventurar que coa elección de Filgueira Valverde a efeméride do 17 de maio continuará o seu devalo como festa popular e cívica. Coa excepción dos contos xa citados de Quintana viva e da peza teatral de Agromar, asinada en 1936 como J. Acuña, a obra de Filgueira non vai ser doado que no eido escolar acade o interese da doutras figuras. Como tampouco é previsible que a homenaxe, tamén polas características da obra de Filgueira, contribúa a intensificar á lectura e a venda e interese polo libro en galego. Porén, esta elección, inevitablemente, reabrirá o debate (como quedou demostrado en menos de vinte e catro horas) sobre a memoria galeguista na República e no Franquismo, períodos nos que o polígrafo pontevedrés, un dos creadores do Seminario de Estudos Galegos, tamén fundador da editorial Bibliófilos Gallegos, tivo unha participación que será sometida a unha profunda revisión crítica. Xaora, entendo que foi un criterio corporativista o que levou á RAG a liquidar unha débeda pendente cun dos membros da súa estirpe, que formou parte da institución dende 1941 até o seu falecemento en 1996. A de Filgueira é unha escolla arriscada que reabre o debate da relación da Academia Galega coa sociedade da que forma parte e do futuro e sentido da propia efeméride do 17 de maio.

 

Onte 1026: «Os televisores estrábicos» en Compostela

Os_televisores_estrabicos_Santiago_04-07-2014

Memorable foi a presentaciónOs televisores estrábicos no Rúa. O salón do magnífico restaurante da rúa de San Pedro quedou pequeno para acoller tanta xente que veu escoitar a Ramón Vilar no día do seu debut compostelán. Abriron o acto dúas pezas de membros de Brincadeira e unha intervención vibrante do xornalista Roberto Noguerol que actuou como mantedor do serán literario e musical.

XG00199801Comezou Roberto Noguerol dicindo que «Os televisores estrábicos é un libro que me ten deslumbrado». «Ramón Vilar é un autor no que se xuntan na mesma persoa a paciencia do poeta e a agudeza do xornalista, o que lle permite ofrecer un libro extraordinario. Sutileza, empatía e moito rock and roll están presentes nestas catorce pezas, que conforman un álbum completo con entidade propia». «A agudeza implacable do xornalista está nestas páxinas por que Moncho é un profesional consciente de que o mellor xornalismo está entre liñas, Moncho é un xornalista con percebes nos collóns, aposta por ese xornalismo que non entra nos xornais mais que si lle gustaría facelo aos xornalistas. O xornalismo como contraste entre o que lle interesa á xente e o que é interesante». Antes de chufar ao autor como «como gran contador de historias, polo seu hábil manexo do coloquial en cada un dos relatos», rematou Noguerol cualificando o libro de «colleita gourmet», «un libro dunha boa persoa, dun bo xornalista, dun gran escritor».

Pechou o serán Moncho Vilar cunha intervención na que relatou a famosa anécdota da viaxe á presentación compostelá do libro de Sucasas, un conto oral que merecería formar parte do propio libro. Antes de ler algunhas das opinións recibidas dende a aparición do libro, reflexionou sobre a intencionalidade do libro e do propio título, salientando o seu «interese por abordar as crises sociais», «a soidade actual é terrible, a pesar das redes sociais perdéronse espazos de socialización, hoxe estamos mirando aos televisores estrábicos, aqueles que miran en varias direccións».Rematou Vilar insistindo na idea de que «a crise non mate a esperanza» e en dúas cousas que pretendeu transmitir: «a primeira, a vida doe, doe moito»; a segunda, estamos obrigados a vivir de pé, porque a vida é marabillosa e non se pode vivir axeonllados».

Onte 1025: Premios da Crítica Galicia 2014

logo_premios_da_critica2Comunicamos onte as bases e a composición dos xurados dos Premios da Crítica Galicia 2014 que serán ditaminados o sábado 11 de outubro en Vigo. A novidade desta XXXVIIª edición é a incoporación dunha nova modalidade, a de cultura gastronómica, coa que se pretende recoñecer a excelencia de calquera iniciativa, persoa ou entidade que veña traballando neste eido en Galicia. Azos para a cultura gastronómica que se se unen aos de Culturgal 2014, que tamén incorpora ao seu programa esta expresión da cultura galega. Os setes xurados dos Premios da Crítica Galicia valorarán propostas e candidaturas ao longo de todo o verán. Bo e rigoroso traballo para estas corenta e nove persoas!!!

Onte 1024: Librosbanco en Londres

looking_glass

Quedei engaiolado coa reportaxe de The Guardian sobre os librosbanco en Londres, «Books about Town», unha desas marabillas ideadas polos poderes públicos no Reino Unido para o fomento da lectura. 50 bancos en forma de libro, dedicados cada un deles a un autor ou personaxe literario relacionado con Londres e ilustrados por un artista diferente, expóñense por toda a cidade durante os meses de xullo e agosto para ser poxados a comezos de outubro coa intención de obter fondos para The National Literacy Trust. Os promotores desta iniciativa, que lembra a Cowparade, pretenden que os londinienses e os visitantes gocen da experiencia de sentar nun libro cun libro na man. Os espazos públicos transfórmanse en espazos de lectura, a cidade nunha grande biblioteca ao aire libre, onde descubrir títulos, autores e ilustradores. Unha iniciativa para pasear polos parques públicos e sorprenderse cos libros e a literatura.

Coma no Reino Unido é adoito, os librosbanco poden ser patrocinados polas empresas privadas, sobre todo por editoras como Andersen Press que patrocina o bancoelmer de Mkee, ou Penguin que o fai co personaxe de Jacqueline Wilson. O catálogo de librosbanco é amplo, hai títulos do século XX como 1984 de Orwell, Febre nas bancadas de Horby, A máquina do tempo de Wells, outros clásicos como Os contos de Canterbury ou a  Alicia de Carroll. Hai rotas e concursos para localizalos, un completo programa de actividades literarias, ademais dun concurso promovido por The Guardian para escoller o librobanco número 51, ese que falta nunha escolma moi dificil de pechar, que será patrocinado polo propio xornal. Os librosbanco é outra desas iniciativas británicas de promoción lectora das que tanto temos que aprender. Paga a pena tirar dese fío.