Onte 373: Chamamento de Prolingua
A segunda Asemblea de Prolingua, ademais de elixir unha nova Cerna directiva e aprobar un programa de actuación para os dous vindeiros anos, aprobou un importante chamamento aos partidos e organización políticas con motivo do 21-O. Un texto que inclúe un decálogo referido ao fomento e defensa da lingua galega no que ben sería reparasen todos os partidos sen excepción:
1. Asunción por parte dos cargos públicos do seu deber, no exercicio do seu cargo, de empregar o galego e potenciar a súa utilización nos diversos ámbitos sociais.
2. Esixencia do coñecemento da lingua galega (mínimo, CELGA 3) por parte de todos os cargos públicos.
3. Substitución do chamado Decreto de Ensino Plurilingüe por outra normativa que dea resposta ao mandato básico da LNL (garantir a adquisición da dobre competencia nas dúas linguas oficiais), que elimine prohibicións absurdas como a de impartir matemáticas e outras materias científicas en galego, e que desenvolva as liñas consensuadas pola totalidade do Parlamento de Galicia, presentes no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (promovido por un goberno do PP e aprobado durante o seu mandato).
4. Esixencia do coñecemento da lingua galega a todo o funcionariado, especialmente a aqueles sectores que exercen o seu labor en contacto coa cidadanía (SERGAS, Administración de Xustiza, representantes e axentes culturais etc.). Paralelamente, dotación a estes sectores das ferramentas precisas (programas informáticos, cursos periódicos de formación) para facilitar o desempeño do traballo en galego.
5. De existiren as axudas públicas aos medios de comunicación, condicionalas a un incremento significativo no emprego da lingua propia de Galicia.
6. Deseño dun programa específico de actuacións públicas que busquen desmontar os prexuízos sobre a lingua e fomenten as actitudes positivas. Nese programa incluirase o recoñecemento dos danos causados ao galego como consecuencia das mentiras difundidas desde o goberno e da falta de celo coa que se xestionou a política lingüística.
7. Políticas públicas de apoio e promoción ás industrias culturais que empregan o galego como vehículo de comunicación (industria editorial, musical, teatro, audiovisual…) por seren, ademais dun importante sector económico, esenciais para a presenza e promoción internacional de Galicia.
8. Medidas para garantir o uso normal da lingua en calquera ámbito ou situación, con especial atención ao mundo laboral.
9. Elaboración dunha norma/lei de uso do galego no comercio que poña a lingua galega en situación de igualdade co castelán na sinalética, etiquetaxe e toda a información comercial escrita.
10. Aprobación dunha norma/lei que obrigue a industria e o comercio que ten implantación en Galicia a respectaren a toponomia vixente.
Prolingua pon o dedo na chaga reclamando aos partidos e organización políticas a recuperación do consenso perdido arredor do Plan de Normalización Lingüística de 2004, ao tempo que esixindo un maior compromiso de todos na defensa e promoción efectiva do galego. Unha iniciativa cívica que merece ser difundida.