Onte 69: NGB e a obra social

A noticia non está no titular, aparece agochadiña no antederradeiro parágrafo: “Novacaixagalicia compra accións de Nova Galicia Banco cos fondos destinados para a Obra Social”. Deste xeito cumpriríase o desexo de Feijóo de aumentar a raquítica participación de NCG no novo banco, mais a custa de detraer unha cantidade, non precisada na información, deses 96 millóns de euros anuais reservados por NCG para o funcionamento entre 2012-2014 da súa obra social e cultural. En definitiva, o que popularmente se coñece por espir un santo para vestir outro. Semella que en compensación (eis o derradeiro parágrafo), NGB -por certo, un nome comercial moi parecido ao de ING- comprométese a mercarlle á NCG a súa importante colección de pintura galega (5.500 pezas, algunhas moi valiosas, como o famoso bebedor do ourensán Antonio de  Puga), unha solución de última hora para que a caixa vaia tirando como ben poida da súa obra social. Unha medida dubidosa que suscita moitos interrogantes. Coñécese a valoración desta compra e os seus criterios de taxación? Esta asegurado que os cadros non van saír do país?  Non debería intervir coa maior urxencia a Consellaría de Cultura para fiscalizar a operación, ao tratarse de pezas do patrimonio galego? Non é descartable que esteamos diante doutra posible desfeita. Isto da caixa semella que non ten bo arranxo, vaia por deus!

Man de Camelle

Agradecémoslle a Orestes Pérez que compartise este interesantísimo documento sobre Man de Camelle, coincidindo case co aniversario do seu pasamento. Boa parte destas imaxes foron gravadas en 1986. A partir do minuto 7:30 incursiona no mundo do alemán de Camelle.

Onte 68: Cegal en rede

Acompañei aos responsables de Cegal e da Federación de Libreiros de Galicia na presentación de Cegal en rede. Trátase dunha utilísima ferramenta informática concibida para axudar a visibilizar os libros editados  e destinada tanto a profesionais do sector do libro (librarías, distribuidoras e editoras) como ao público lector. Como xa sinalamos outro día, esta ferramenta axuda a localizar fondos de libros impresos nas librarías independentes, ao tempo que achega información fiable sobre as súas vendas. Recomendo vivamente empregar o espazo web Todos tus libros onde xa podemos atopar tamén o catálogo do libro galego vivo máis completo. Unha alfaia! Os responsables de Cegal aproveitaron a presentación para anunciar a celebración do vindeiro congreso de libreiros en Vigo ano ano 2013. Os nosos parabéns.

A propiedade intelectual na sociedade dixital: conclusións

Reproducimos o interesantísimo texto de conclusións do Simposio O Libro e a Lectura celebrada arredor do tema «A propiedade intelectual e a sociedade dixital»:

“Ao remate do VIII Simposio do Libro e a Lectura, centrado este ano no tema “A propiedade intelectual na sociedade dixital”, a Asociación Galega de Editores (AGE) quere facer públicas as seguintes conclusións:

1. En primeiro lugar, valoramos moi positivamente o debate plural e diverso das voces que nos acompañaron durante estes dous días para falar dun tema clave para a industrai editorial: a propiedade intelectual na sociedade dixital, facendo nosas as aportacións dos nosos convidados e convidadas.

2. O sector do libro galego é consciente de que nos adentramos aceleradamente nunha sociedade inequivocamente dixital, sociedade que supón cambios de paradigmas para a industria cultural, que transforma os hábitos de acceso ao coñecemento, á información, e crea novas formas de relación co libro e a lectura e, sobre todo, pon en valor novos xeitos de editar e comercializar, distribuír e comunicar o libro.

3. A edición galega debe facer un esforzo por asumir e entender as transformacións que a sociedade dixital propulsa, adaptándose ás súas demandas e respondendo con solvencia aos seus retos, entre os que un novo xeito de entender a propiedade intelectual constitúe unha tarefa primorcial.

4. Tal e como manifestamos no VI Simposio, dedicado ao libro dixital, desde a AGE vemos a necesidade de desenvolver fórmulas que garantan os lexítimos dereitos da propiedade intelectual, que son a base do funcionamento da industria do libro e da creación, e queremos facelo consensuadamente e sen lesionar os dereitos dos usuarios, favorecendo de xeito especial o dereito á nova educación líquida que responde a un novo tempo.

5. Os editores somos os primeiros interesados atopar o xusto equilibro entre a divulgación da cultura, que é o que dota de sentido o noso traballo, e o dereito á retribución que garante a propiedade intelectual. Nese sentido, os editores galegos demandamos aos responsables políticos a urxente elaboración dunha nova Lei de Propiedade Intelectual acorde cos usos e necesidades que dicta a sociedade dixital.

6. Na nova sociedade dixital, cada editor ten dereito a elixir o seu propio modelo de negocio con respecto á xestión da propiedade intelectual, e a coexistencia de modelos diferentes non é excluínte senón enriquecedora.

7. Todo o sector do libro debe traballar conxuntamente para transmitirlle á sociedade unha idea positiva, de progreso e modernidade, arredor dun concepto de propiedade intelectual capaz de abordar os novos ámbitos que abre a cultura dixital, e entendendo que non é posible solucionar os problemas que se plantexan sen un pacto que implique a todas as políticas culturais.

8. A AGE desexa mostrar publicamente o seu agradecemento a CEDRO e ao Consello da Cultura Galega, principais co-patrocinadores deste Simposio do Libro e a Lectura, así como a todos os convidados nesta VIII edición, aos que parabenizamos pola súa magníficia disposición. O próximo ano estaremos novamente nesta cita xa ineludible para os profesionais do sector do libro en Galicia.

AGE, Compostela, 11 de novembro de 2011

Onte 67: Derbi igualado, sorte diversa

O noso derbi foi moi igualado e emocionante. O Celta atacou máis, moito máis, pero tamén amosou maior febleza defensiva, carencia que pagou co partido. O pobre de Jonathan Vila volveu gafala, agasallando un gol en propia meta nos minutos iniciais, que condicionou todo o desenvolvemento táctico do partido. Oubiña traballou arreo en solitario no medio campo, termando el soíño do equipo todo, mais foi incapaz, agotado na segunda parte, de gañarlle a partida a un inmenso Valerón, un xogadorazo que tamén sabía da importancia do encontro. Orellana entrou para agasallarnos cun dos seus orellanazos e ao minuto seguinte roubonos a ledicia cunha horrible orellanada que facilitou o golón da súa vida a Lassad. Isto é o fútbol, un xogo de pelota, onde intervén a intelixencia, a vontade e o esforzo dos participantes, mais tamén onde interveñen ingredientes de azar e emoción colectiva. Tras este primeiro derbi quedáronme claras tres cousas. A primeira, o áspera que é a afección coruñesa co Celta. Non houbo acenos de agarimo ningún, unha mágoa entre seareiros irmáns! A segunda, o Celta debe superar as súas graves dificultades de estrutura defensiva, que arrastra dende o inicio da tempada, se quere aspirar a desputar o ascenso. Terceira, O Deportivo, a pesar do seu xogo pouco vistoso, será dos que estean arriba. Onte demostrou contar coa sorte que só posúen os gañadores.

«Polaroid 25», artigo en «Faro de Vigo»

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o que supón para a literatura galega a celebración do vinte e cinco aniversario da publicación de Polaroid de Suso de Toro.

Hai algúns libros e autores marcantes, capaces de permanecer e de representar as preocupacións ou o imaxinario colectivo dun tempo. Esa capacidade referencial é a que permite utilizar as efemérides literarias como mecanismo para volver a visibilizar a libros e autores no mercado editorial, nos medios de educación ou no propio sistema educativo. Foi o caso deste 2011 no que lembramos ao poeta Lois Pereiro, con motivo do Día das Letras Galegas, e ao escritor Álvaro Cunqueiro, con ocasión do centenario do seu nacemento. Celebracións ás que se uniron senllos aniversarios bibliográficos de dous títulos emblemáticos: o cincuentenario da publicación de Memorias dun neno labrego, a novela de Xosé Neira Vilas, publicada en 1961 en Buenos Aires pola editorial Follas Novas; e o vinte e cinco aniversario da edición de Polaroid, o libro narrativo coa que Suso de Toro iniciaba en 1986 as súas publicacións en Xerais. Efemérides literarias que terán a súa continuidade en xaneiro de 2012, coa celebración do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro e no mes de agosto co cincuentenario da publicación na colección Sanlés de Galaxia da súa Longa noite de pedra; sen esquecer a lembranza do polígrafo e empresario Valentín Paz Andrade, figura á que se lle dedicará o futuro 17M. Nin tampouco que en 2013, Galicia deberá preparar un ano rosaliano con motivo dos cento cincuenta anos da publicación no prelo vigués de Compañel da primeira edición de Cantares gallegos.

Tras un ano Pereiro moi exitoso e renovador, despois do éxito da recuperación das memorias de Balbino e das numerosas publicacións e actos sobre a figura de Cunqueiro, afortunadamente tampouco pasou desapercibido o aniversario da publicación de “Polaroid”, un libro que, coincidindo co inicio da Autonomía e a oficialización da lingua galega nas administracións e no sistema educativo non universitario, supuxo unha profunda ruptura estética no decorrer da narrativa galega. Un feito que xa acontecera no eido da poesía xusto unha década antes, en 1976, coincidindo coa publicación de Mesteres de Arcadio López Casanova, Con pólvora e magnolias de X.L. Méndez Ferrín e Seraogna de Alfonso Pexegueiro, tres libros de poemas que enxergaron un novo horizonte.

Polaroid foi un lóstrego, un acto de rebelión cunha tradición mansa, unha revolución literaria, que en palabras do crítico José Manuel Estévez Saa sinalou “o inicio do tránsito da narrativa galega cara á modernización e as posibilidades de versatilidade da nosa lingua”. Un texto no que Suso de Toro, tras o seu debut con Caixón desastre, asumía unha tarefa artística por facer, a de inserir a narrativa en galego na tradición contemporánea universal. Un proxecto que continuará en textos posteriores, como Tic-Tac, A sombra cazadora, Calzados Lola, Non volvas, Trece badaladas, e que desenvolverá até, polo momento, na súa última peza, Sete palabras.

Polaroid foi unha aposta moi arriscada do inesquecible editor Luís Mariño, cando abría os vieiros da colección “Xerais Narrativa”. Un libro que rompía cunha forma de entender a narrativa galega, un libro que non se pode explicar, xa que continúa sendo moi difícil saber se estamos diante dunha novela extravagante e bizarra –quizais, tamén “romántica”, como a definíu o académico Xosé Luís Axeitos, que destrúe practicamente todo–, dun monllo de relatos punkies e irreverentes ou apenas dun compendio de momentos epifánicos. Suso de Toro declarou no acto no que se lembraron estes vinte e cinco anos: “a publicación deste libro foi un acto estético e político, daquela era, como son hoxe, moi crítico coas ideas establecidas na cultura galega, mesmo co propio país”. En cada unha das páxinas de Polaroid, e non só nos capítulos iconoclastas presentados como “Apocalipse do churrasco”, late a insatisfacción, a necesidade de mudar o país, a vontade de saír desas páxinas de papel superando calquera intención de autocomplacencia sobre un devir coletivo do que somos os únicos responsables.

Cunha fasquía formal anticlásica, Suso de Toro amosa nas páxinas de Polaroid unha confianza radical na literatura como unha ferramenta para mudar a realidade, para esculcar nos límites, mais tamén na posibilidade de ser moderno e radicalmente galego. Eis capítuliños memorables, epifanías como as de “¡Móvanse, que é un vídeo!”, auténticos textos manifesto, que amosan o carácter anticipatorio dunha obra escrita coa audacia de quen reivindica a precariedade, a inmediatez, o que non é perfectible, o que se pretende aberto para que poida ser radicalmente modificado. Tras vinte e cinco anos, semella que o tempo non envelleceu as páxinas de Polaroid, un libro que radicalmente actual, coa capacidade de permanencia dos textos importantes. Recomendo vivamente revisitalo nestes tempos difíciles de incerteza.

Onte 66: Magar

Non faltamos á cea benéfica organizada pola Fundación Magar que promove a investigación para a cura da acondroplasia. Unha oportunidade para apoiar o traballo solidiario e xeneroso do veterano fotógrafo, que traballou en Faro de Vigo dende os anos nos que o dirixía Álvaro Cunqueiro. Tras compartir con Manolo Magar a edición de tres libros antolóxicos, queremos e admiramos a un humilde fotógrafo de prensa capaz de tomarlle o latexo coma ningún outro ao Vigo dos últimos cincuenta anos, unha cidade revolcada e moi complexa. Un labor extraordinario, aínda non suficientemente recoñecido, que non se pode perder de maneira ningunha e que debería formar parte do patrimonio documental de Galicia. O arquivo de Magar, como o de Bene, o de Cameselle, como o de Llanos (hoxe no Museo de Ribadavia), como o de Pacheco (propiedade do concello de Vigo), como o dos fotógrafos afeccionados vigueses máis destacados (Ricardo Terré ou Raineiro Fernández), como os das Vigovisións das fotobienais deberían formar parte dun grande e moderno Centro Fotográfico de Galicia, tamén arquivo da memoria viguesa do século XX. Un soño posible a considerar dentro da necesaria reconversión da rede museística viguesa.

Onte 65: Anxo Fariña

Saín moi satisfeito da presentación do premio Merlín deste ano, un acto que evidencia a madurez adquirida por Anxo Fariña, un dos nosos autores hoxe con maior proxección. Como sucedera hai vinte e cinco anos, cando unha nova e ampla xeración de autores iniciou o proxecto dunha literatura infantil e xuvenil en galego normalizada, identifico nestes últimos anos varias xeiras de autores e autoras moi interesantes que se afanan en continualo e anovalo. Unha noticia excelente. Entre eles atopamos a singularidade e dinamismo de Fariña que, como fai tamén o xenial Jacobo Fernández Serrano, arrisca escribindo e ilustrando dende as marxes da fantasía e da ciencia ficción sobre temas clásicos da literatura xuvenil. Tras o éxito rotundo dos Megatoxos, serie que será reeditada na súa totalidade por Xerais o vindeiro ano, Fariña escribiu e ilustrou un formidable relato no que visita o mito de Prometeo, como fixera Mary Wollstonecraft Shelley co seu Frankestein. Faino coa intención de procurar, dende a confianza nas posibilidades da ciencia –máis en concreto da biotecnoloxía e a robótica–, os límites da perfección do ser humano. Unha angueira científica, a da paixón polo coñecemento,  á que engade outra mítica, a da procura da Atlántida. A busca da porta da civilización labiríntica perdida da que falaba Platón permite viaxar ao lector ou lectora (vivir unha aventura), como sucede nos Megatoxos, entre os espazos do pasado e o futuro. Mención á parte merece gabar o estilo comunicacional de Fariña empregado nunha presentación de formato tan innovador como eficaz. Parabéns, Anxo!

Onte 64: educación líquida

Manuel Area, catedrático galego de Didáctica da Universidade de La Laguna, pronunciou unha brillantísima conferencia inaugural do Simposio O Libro e a Lectura. Utilizando como punto de partida o concepto de Bauman de realidade líquida, abordou o tránsito que vivimos no mundo da cultura e da educación, como o paso dos modelos sólidos aos líquidos. Moi interesante foi a súa caracterización da cultura dixital (líquida) como desorganizada, abondosa, replicable, mudable, acelerada, en mudanza permanente. Análise que relacionou coa necesidade de reinventar o concepto de alfabetización para a cidadanía do século XXI a partir do acuñado por Paulo Freire: “alfabetizar é formar persoas competentes para utilizar de forma autónoma, intelixente e democrática os instrumentos da cultura de cada época”. Eis unha achega clarificadora a un concepto novo, a “educación líquida“.

Onte 63: Xabarís

Dous xabarís, unha nai e a súa cría, resultaron atropelados na AG-53, á altura do concello de Dozón, polo coche oficial (do Partido Popular de Galicia) no que viaxaba Alberto Núñez Feijóo acompañado dun condutor, un escolta e unha colaboradora de comunicación. A pesar de que o coche quedou desfeito, non houbo danos persoais de gravidade, e o presidente puido continuar no vehículo dos seus escoltas.  Porén, a clave do sucedido achégaa LVG cando sinala que  foi a pericia do condutor, que decidiu embestir co C-6 aos dous porcos bravos, a que evitou unha traxedia nesta autoestrada de peaxe. Dos considerados danos colaterais nada se fala nas noticias que puidemos ler nin nas declaracións dos accidentados. Unha lección moi clara para non esquecer. Meu pobre Xabarín, colegas!